venres, maio 31, 2013

Non son vítimas, son culpábeis - Escrache ao PP no Pleno Municipal do Concello de Ferrol - Vídeos


De mañá cedo, e despois de entregar unha reclamación por rexistro, no Concello de Ferrol, e asinar unha queixa e solicitude de amparo ao Valedor do Pobo, un grupo de familias que levan anos agardando por unha vivenda no barrio de Recimil, decidían pecharse no concello para demandar ao goberno municipal a adxudicación, reparación e entrega inmediata, da vivenda que por xustiza lles corresponde.

Cando avanzaba a tarde, outros colectivos comezaron a chegar á Casa Consistorial para manifestar, ante o Pleno que se ía celebrar ás sete da tarde, as súas demandas: Plataforma das Preferentes, CAMF , traballadoras e traballadores dos servizos públicos, Dependencia, Plataforma contra o Malgasto..

Un numeroso grupo de traballadoras e traballadores de Navantia, achegaronse ao concello coa intención de acceder ao Pleno. Nese momento as portas da Casa Consistorial estaban fechadas. Ao entrar uns concelleiros, prodúcese o intento por parte do persoal de Navantia de acceder ao interior. No rebumbio rompe un cristal da porta de entrada e un policía municipal corta a man con os cristais, a xente concentrada fóra accede finalmente ao interior do concello.

A sala de plenos acolle deste xeito a estes colectivos sociais que queren mostrar a súa indignación. Cantando consignas polo naval, polos servizos públicos, polo dereito á vivenda, pedindo a dimisión do alcalde e corporación, e mesmo pedindo a ilegalización do Partido Popular. As referencias ao malgasto, á corrupción, aos vínculos co narcotráfico, ás promesas incumpridas, provocaron a suspensión do pleno que din que se celebrará o próximo luns. O abandono da sala por parte do Alcalde e resto de responsábeis municipais do partido popular, foi acompañada dunha clarificadora consigna que os sinalaba non como vítimas deste “Escrache consistorial”, senón como culpábeis da desfeita que, como aclaraba o representante do Comité de Navantia, xa fora nas escaleiras do Pazo Municipal, nos está afectando a todas e todos, nunha comarca onde “non é que non haxa produtividade, é que non hai onde traballar” . Para rematar defendeu a convocatoria da folga comarcal do día 12 deste mes “non valen desculpas, non se pode ollar para outro lado, Ferrolterra temos que defende-la entre todas e todos”.

Protesta popular no Pleno do Concello de Ferrol - 30.05.2013 - 1 de 2

http://youtu.be/HfSpI5wQ5PU

Protesta popular no Pleno do Concello de Ferrol - 30.05.2013 - 1 de 2

http://youtu.be/3ILNUgqa_XM


_________________

xoves, maio 30, 2013

Onde está Galiza Non Se Vende?

Pois se te tomas a molestia de visitar a nosa nova güeb podes comprobar que estamos coma sempre, traballando na defensa da nosa terra, facendo alegacións, denuncias, mobilizacións, notas de prensa, palestras, concertos reivindicativos ... e colaborando con outras plataformas contra os eólicos, contra a incineradora, contra a minaría...

Galiza Non Se Vende segue sendo unha rede de colectivos sociais e ambientalistas que loitan pola defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da nosa terra. Contra a especulación e a depredación dos recursos naturais por parte das administracións e as cobizosas empresas privadas, contra os ataques á nosa lingua e cultura e contra este modelo económico irracional.

O actual sistema económico, político e social depreda o territorio, escraviza as persoas e aos animais, saquea os recursos naturais e despreza a nosa cultura e a nosa identidade. A conservación da biodiversidade, a preservación da rica variedade cultural e a mesma supervivencia da humanidade requiren un novo modelo político-económico e unha nova forma de vida. Un modelo que propicie unha relación harmónica entre o ser humano e a natureza baseado na democracia participativa, na solidariedade, na xustiza social, na equidade ecolóxica e no equilibrio entre o uso racional dos recursos naturais e a súa preservación para as xeracións vindeiras.

Galiza Non Se Vende ten unha estrutura en rede, horizontal e asemblearia na que non se permite a incorporación de partidos políticos, sindicatos nin organizacións empresariais, para evitar que a loita sexa instrumentalizada.

Loita con nós!!

Rede de colectivos Galiza Non se Vende

www.galizanonsevende.org

Enviado por:
Edi
-duarteferrin@gmail.com-
30 de maio de 2013 15:01
_________________

mércores, maio 29, 2013

A 'Burla Negra' transfórmase en Radio Buguina para alertar de que "veñen contra todos" - "Carga de dignidade", este Domingo 2 de Xuño, trae a tua peza de roupa para pendurar da reixa de Navantia, ás 11 da mañá desde a Porta do Estaleiro

Tags

 "A crise está sendo a excusa perfecta, empezaron polo naval e agora veñen contra todos... veñen empresa por empresa, casa por casa, a crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. Por iso a Burla Negra transfórmase agora en Radio Buguina para facer este chamamento á cidadanía". Deste xeito comezou este mércores na Praza de Armas de Ferrol o deseñador Pepe Barro a súa presentación da iniciativa artística Carga de Dignidade, que este domingo chama a cidadanía de Ferrolterra a encher de pezas de roupa a reixa de Navantia.

O escultor Pepe Galán e o escritor Antón Cortizas leron o manifesto. E tamén interviron María Manuela, Manolo Bacallao e Xurxo Souto, que interpretaron a canción de Zeca, Os Vampiros. "A toda a parte Chegam os vampiros. Poisam nos prédios Poisam nas calçadas ... Eles comem tudo E não deixam nada", di a coñecida peza, que tan ben encaixa cos obxectivos de Radio Buguina: "A crise está arrasando con todo pero de forma particular en Ferrol, e por iso Ferrol funciona neste caso como símbolo dunha sociedade arrasada", dicía o sábado en Praza o deseñador Pepe Barro, que engadía que se trata "de facer unha achega de dignidade unha carga de dignidade seguindo a reclamación principal dese sector: a carga de traballo".

Este mércores Barro tamén quixo destacar a gran "converxencia social acadada" para poder levar a cabo esta "acción artística popular" e nomeou  todos os sindicatos, partidos e colectivos sociais que organizaban o mesmo. A iniciativa está apoiada polos sindicatos CC.OO, CIG, USTG e UGT os partidos ANOVA, BNG, CxG, eQuo, Espazo Ecosocialista Galego, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, ademais dunhda ducia de entidades culturais.

A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena, un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas", como se le no manifesto. Unha forma de dicir que a loita do naval son todas as loitas. Para rematar o acto, todos os participantes cantaron a canción Embarqueime na Coruña para ir ao Ferrole.

Publicado en Praza Pública.

Detalle de foto: Susete'70.
___________

Galicia únese contra a Troika en cinco manifestacións - Pobos Unidos contra a Troika - Manifestación Internacional 1 de Xuño de 2013

Tags

Galicia será un dos pobos unidos contra a Troika. Varias cidades do país uníronse á convocatoria inicial de Vigo para formar parte do cento de mareas cidadás que este vindeiro sábado 1 de xuño percorrerán varias cidades europeas contras as políticas de austeridade dos gobernos estatais e da UE. Logo de que a cidade olívica fose das primeiras en recoller a chamada global xurdida en Portugal, A Coruña, Compostela, Lugo e Ourense anunciaron tamén as súas marchas nunha xornada que pretende ser un berro contra "a ditadura dos mercados".
    A Coruña, Lugo, Ourense e Compostela únense a Vigo na convocatoria europea contra a Troika
Cerca de 80 manifestacións en diversas urbes europeas están xa confirmadas, aínda que a convocatoria podería xuntar máis de cen marchas, tal e como confirma Guillermo Crego, voceiro da Coordinadora 1X de Vigo, un colectivo cidadá aberto e apartidario creado especificamente para a organización da convocatoria desta cidade, cuxo xermolo sitúase na plataforma Ecoar e que apoian diferentes organizacións políticas e sindicais. Esa é unha das claves de Pobos Unidos contra a Troika, unha iniciativa recollida en diversos puntos de Europa por colectivos que van desde o 15M  até as Mareas Cidadás no Estado, pasando por diversos e variados grupos, tanto en Galicia como no resto do continente.

Así, na Coruña recolleu a luva a Fronte Cívica Somos Maioría, que organiza unha manifestación para o sábado a partir das 19 horas na Praza de Pontevedra "en contra da Troika, dos recortes, da corrupción e pola democracia". A marcha na cidade está apoiada, polo momento, por BNG, CIG, a Plataforma Galega Pola Defensa do Ensino Público, Comités, Comité Antisida da Coruña Casco, Confapa Galicia, Sindicato de Estudantes, Stop Desahucios Coruña, Marea Verde e diversas organizacións do 15M.
    Lugo e Vigo celebran as marchas ao mediodía; A Coruña, Ourense e Compostela, entre as 18 e as 19 horas
En Compostela, foi a Asemblea Aberta quen convocou a mobilización internacional na capital galega para "volver remover o descontento contra as medidas de austeridade patrocinadas pola Troika e aplicadas polos gobernos que padecemos". A marcha sairá ás 18 horas da Praza Roxa. Unha hora máis tarde, desde o Parque de San Lázaro de Ourense, sairá outra manifestación, nesta ocasión convocada pola Marea Cidadá da cidade das Burgas.

Pola súa banda, en Lugo é a Asemblea de Desempregad@s a que tomou a iniciativa e chamou distintos colectivos de carácter social a facer unha convocatoria dentro desta Xornada Europea de Mobilizacións contra a Troika. Foron Stop Desafiuzamentos, Renda Básica, Comités, Liga Estudantil Galega, Asamblea Anarquista, Asamblea Anticapitalista, Madia Leva, Galiza Nova, Ceivar, Cultura do País, Na Encrucillada, a Plataforma de Afectados polas Preferentes de Lugo e Isca as que se sumaron a unha marcha que engadirá o lema Galiza contra a Troika e as políticas do Goberno ao berro global.
    "Saímos á rúa para facer fronte a un réxime inxusto e desigual e contra a imposición das políticas de austeridade", di a Coordinadora 1X de Vigo
A marcha sairá do Parque Frigsa ás 12 do mediodía, a mesma hora na que dará comezo a manifestación de Vigo, que partirá da Praza de España para camiñar ata a Porta do Sol. "O motivo desta convocatoria é facer fronte a un réxime inxusto e desigual, á imposición destas políticas de austeridade pura e dura, onde imporan máis os cartos que as persoas", resume Guillermo Crego, voceiro da Coordinadora 1X e que considera que é o momento de que a cidadanía saia á rúa para reclamar "a soberanía popular fronte a soberanía dos mercados, que son os que realmenten madnan ante  un pobo que non ten capacidade de decisión ningunha sobre o seu futuro".

Será a mesma reclamación dunha marcha global que xurdiu o pasado 26 de abril cando nunha masiva manifestación en Lisboa o colectivo Que se Lixe a Troika fixo un chamamento para convocar unha gran protesta internacional contra a Troika que conforman o FMI, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea. A petición foi un éxito e varias urbes de Portugal, España, Grecia, Italia, Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Francia, Austria, Eslovenia e Holanda contestaron positivamente para conformar "a rede internacional de resistencia contra a austeridade e a Troika, un berro común para reclamar e deter estas políticas e o retroceso imposto pola troika, apoiada polos gobernos estatais", tal e como destaca nun comunicado a organización deste movemento internacional que xermolou no país veciño.

Así, en Fráncfort, Blockupy protestará diante da sede central do BCE, ao tempo que en Lisboa Que se Lixe a Troika farao ante a sede do FMI en Portugal e en Madrid as mareas cidadás se concentrarán ante o edificio da Comisión Europea en España. De aí, as marchas espállanse por Galicia e por todo o continente.
    "Levantémonos contra a hexemonía dese Mercado, un complexo mafiso composto por banqueiros, especuladores e unha casta política"
Desde Galicia, a Coordinadora 1X chama a levantarse "contra a hexemonía dese Mercado, que queren facernos crer que é impersoal, cando en realidade é un complexo mafioso composto por banqueiros, especuladores financeiros e inmobiliarios e por unha casta política allea á realidade das persoas".

"Saímos á rúa para rebelarnos contra a perda de soberanía popular; rebelámonos contra o o desemprego e a precariedade, a explotación laboral, o espolio dos bens naturais e públicos, o deterioro e o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, cultura e a seguridade social...); rebelármonos, porque sabemos que o deterioro das nosas condicións de vida non é máis ca un bo negocio para eles", insisten. "Queremos dicir coas nosas propias voces, que si, que nós podemos construír un futuro mellor para a nosa e as seguintes xeracións, e que para que isto funcione so é preciso que sexan eles os que paguen a crise. Que arrimen o ombreiro de verdade ou que lisquen todos", rematan.

Publicado en Praza Pública, por Miguel Pardo | @depunteirolo


· COMPOSTELA: 18h. Praza Roxa.
https://www.facebook.com/events/609905479021375
· CORUNHA: 19h. Praza de Pontevedra.
https://www.facebook.com/events/129691450567427
· LUGO: 12h. Parque Frigsa.
https://www.facebook.com/events/193133807506427
· OURENSE: 19h. Parque de S. Lázaro.
https://www.facebook.com/events/192329620920601
· VIGO: 12h. Praza dos Cabalos.
https://www.facebook.com/

_____________

Nova concentración de protesta e entrega no rexistro dunha nova reclamación de afetad@s pola desidia do goberno local de Ferrol, na adxudicación de vivendas protexidas de Recimil - Desta vez o Xoves 30 de Maio, ás 11:30hs na Praza do Concello


AFECTAD@S RECLAMARÁN A ADXUDICACIÓN, REPARACIÓN E ENTREGA DAS VIVENDAS PROTEXIDAS DE RECIMIL, O XOVES 30 DE MAIO

Afetad@s pola desidia da Xunta de Goberno Local de Ferrol, na adxudicación de vivendas protexidas de Recimil, reclaman, unha vez máis, unha solución a súa situación de falta de vivenda. Mais desta vez sabedor@s de que os responsabeis municipais, non están reparando as vivendas, para que reunan condicións de habitabilidade dignas. Esiximos que o Goberno Municipal do Sr. Rey Varela, faga públicas, as cantidades asignadas, os informes técnicos de inspección, as vivendas que se están reparando e que empresa ou empresas están realizando as obras de rehabilitación e as súas condicións contractuais. Ademais do censo provisional do estado das vivendas.

O pasado Xoves, 22 de Maio, nunha Asemblea realizada na Praza do Concello,  acordou-se facer unha nova concentración, o vindeiro xoves 30 de maio, ás 11:30hs para, con posterioridade,  presentar no rexistro do Concello a seguinte reclamación:

" ...

EXPOÑO:

Que son unha das persoas relacionadas na listaxe definitiva para acceder a unha vivenda protexida de propiedade municipal do barrio de Recimil, co nº___.

Que sei que hai vivendas baleiras aptas para vivir que só necesitan sinxelas reformas ou reparacións.

Que se está vulnerando o dereito fundamental a unha vivenda digna e adecuada, cando se tapian vivendas baleiras e  non se adxudican, nin se reparan, nin se entregan ás familias que si as necesitan.

Que non é de xustiza, e vulnera o acordado no Pleno Municipal do pasado 28 de febreiro, que as dúas únicas vivendas que se entregan non reúnen as condicións básicas de habitabilidade.

Que a miña situación económica segue sendo moi difícil e que necesito que se me adxudique unha vivenda sen demora.

SOLICITO:

Que teñan a ben atender esta reclamación.

Que faga públicas, as cantidades asignadas, os informes técnicos de inspección, as vivendas que se están reparando e que empresa ou empresas están realizando as obras de rehabilitación e as súas condicións contractuais. Ademais do censo provisional do estado e ocupación das vivendas.

Que admita unha Comisión de Seguimento, ao amparo dos dereitos de participación cidadá, onde poda estar unha representación das persoas afectadas a través da Rede de Apoio Mutuo que vele polo bo facer na adxudicación, reparación e entrega das vivendas.

Que se me adxudique, repare e entregue xa, algunha das vivendas protexidas de propiedade municipal do barrio de Recimil que están baleiras.


... "

Ao tempo, o mesmo 22 de Maio, presentou-se por escrito unha petición ao Sr. Alcalde, para que reciba a unha Comisión de persoas afectadas, acompañada por persoas da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, para recibirmos información, explicar-lle o sentido da nova reclamación das persoas afectadas e formular-lle as nosas novas e vellas demandas.

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

Alimentos Solidarios Ferrolterra no facebook:
https://www.facebook.com/BancoDeAlimentosFerrolterra

SOLIDARIZATE E APOIA, ÁS PERSOAS AFECTADAS POLA DESIDIA DO GOBERNO MUNICIPAL DO PP FERROLÁN, NA ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS PROTEXIDAS DE RECIMIL, PARTICIPANDO ESTE XOVES 30 DE MAIO, ÁS 11.30HS DIANTE DO PAZO MUNICIPAL.

___________________________

martes, maio 28, 2013

Tristeza, ... Por Amadeo Varela Rodríguez


Por Amadeo Varela Rodríguez [*]

28.05.2013

Por fin conseguírono. O edificio do Bambú Club xa é un montón de escombros. Desaparece  vítima de intereses económicos e do odio visceral de algúns, que non podían aturar que unha morea de familias humildes tivesen unha vivenda decente nun céntrico solar da cidade. Da súa cidade, porque xa non é a nosa. Non podemos sentir como nosa unha cidade e unha poboación, que leva sesenta anos loitando para borrarnos do mapa de Ferrol.

 Contra este malfadado barrio utilizáronse toda clase de armas innobres: marxinación, abandono, calumnias, mentiras ou medias verdades. E promesas de vivendas case idílicas, que todo o mundo sabía que non se cumprirían. E como non caemos na trampa, usaron o sistema de non facer nada, deixando que as casas e a situación podrecesen. E remataron a faena permitindo e inclusive propiciando a entrada no barrio, de delincuentes e xente incívica que obrigou a varios veciños a marcharse das súas vivendas. Foi un acoso despiadado a un barrio e as súas mil familias. Ata tivemos en contra un importante medio de comunicación que se permitiu encargar unha sondaxe para o derribo do barrio, despois de anos de intoxicación da opinión pública, utilizando precisamente a foto dese edificio ata en cinco ocasións distintas e afirmando que todo o barrio estaba caendo.

Nesta desigual loita, non só se xogaba o destino duns edificios aos que, teoricamente, as autoridades deberían coidar e protexer como “Patrimonio Histórico”. Xogábase tamén o destino de mil familias. Xogábase e aínda se xoga, coa angustia de moitas mulleres e homes, de xente traballadora, que pasaba noites enteiras sen poder durmir, pensando na ameaza do derribo.

Pero non só “eles” son culpables desta desfeita. Tamén nós temos a nosa parte de culpa, por non saber defender o que legalmente tería que ser da nosa propiedade. E pagaremos moi cara a nosa apatía. Porque “eles” seguen coa súa teima demoledora, sen reparar no dano que podan causar aos veciños. Total, os das Casas Baratas non valemos gran cousa. Ata nos chamaron “degradados”.

Saben que teñen a batalla gañada. Só é cuestión de esperar: “Dentro de dez anos estarán todos mortos”, dixeron. Pasaron os dez anos e moitos xa morreron. Outros nos aferramos con rabia á vida, aínda que só sexa por amolalos. Pero é cuestión de tempo. E os depredadores están aí, afiando as súas repugnantes garras, mentres as autoridades ¿? miran cara a outro lado.

Hoxe é un día triste para min. A piqueta conseguiu o que non puideron o Hortensia, o terremoto e o Klaus, que golpearon forte aproveitando a “ruína inminente”. Mais tiveron que renderse perante a teimuda resistencia do Bambú. Agora, esa resistencia foi quebrantada polo odio visceral e os intereses espurios. É a segunda peza eliminada deste lamentable taboleiro de xadrez. A primeira foron as arcadas da Praza de Sevilla. Cal será a terceira?

Publicado no Diario de Ferrol | 27.05.2013.

Foto: Luís Polo López (Ferrol, 1974) fotografo do D.F.


[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Enviado por:
sanfernandorecimil
-sanfernandorecimil@mundo-r.com-
27 de maio de 2013 13:17
______________

luns, maio 27, 2013

Unha buguina para encher Ferrol de dignidade - Este Domingo 2 de Xuño, trae a tua peza de roupa para pendurar da reixa de Navantia, ás 11 da mañá desde a Porta do Estaleiro

Clicar acima do folleto para ampliar

A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!


Deste xeito comeza o manifesto de Radio Buguina, unha iniciativa artística que o vindeiro domingo 2 de xuño chama a cidadanía de Ferrolterra a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a imitación do que xa fixeron en varias ocasións os traballadores cos seus buzos. Un acto artístico, popular, efémero e reivindicativo que sinala o sector naval como símbolo dunha sociedade arrasada. Hai moitas mans e moitas cabezas detrás desta iniciativa: Suso de Toro, Manuel Rivas, Roberto Somoza, Xurxo Souto, Anxo Angueira, Pepe Galán, Mercedes Queixas -vicepresidenta da AELG, entidade que colabora moi activamente- ou Pepe Barro, que resta importancia aos nomes: "hoxe somos estes, mañá serán outros". A iniciativa está apoiada polos sindicatos CC.OO, CIG, USTG e UGT os partidos ANOVA, BNG, CxG, eQuo, Espazo Ecosocialista Galego, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, ademais dunhda ducia de entidades culturais.

Do que se trataba era de, dende o mundo das artes, facer unha achega á loita que desenvolven os traballadores dos sector naval de Ferrolterra polos seus empregos, pola supervivencia do sector e polo futuro da cidade e da comarca. "A crise está arrasando con todo pero de forma particular en Ferrol, e por iso Ferrol funciona neste caso como símbolo dunha sociedade arrasada", di o deseñador Pepe Barro que engade que se trata "de facer unha achega de dignidade unha carga de dignidade seguindo a reclamación principal dese sector: a carga de traballo".
    A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena

A iniciativa é sinxela: é un chamamento á cidadanía a pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena, un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas", como se le no manifesto. Unha forma de dicir que a loita do naval son todas as loitas.

Será unha obra de arte popular, colectiva e efémera, destaca Pepe Barro, "esas roupas irán rompendo, perdendo a súa cor, mudando, dando lugar a unha obra nova". Unha obra que parte dun referente moi concreto e recoñecible: os buzos de traballo que os obreiros comezaron a pendurar de farolas ou reixas dende hai uns meses: "esa imaxe dos monos colgados ten un gran poder icónico e, de feito, xa se converteron en iconas que os propios traballadores usan: agora comezan a debuxar os monos ou a colgar as súas siluetas recortadas en papel e cartón. Xa se converteron nun símbolo".

"Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo", destaca o manifesto de Radio Buguina, a buguina "un elemento que serve como emisor e receptor a un tempo", lembra Barro. "Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupa de toda a xente, cargada de dignidade!".

A cita: o domingo 2 de Xuño, de 11 a 14 horas, na Porta do Estaleiro de Bazán.

Publicado en Praza Pública.

Carga de Dignidade. Acción artística popular

Domingo 2 de xuño, das 11 ás 14 horas, na Porta do Estaleiro, no barrio de Esteiro de Ferrol.

Carga de dignidade

Trae a túa peza de roupa para pendurar na reixa de Navantia e participa nesta acción artística popular.

A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!

Artistas e creadores agrupados en Radio Buguina chamamos a toda a poboación de Galicia a unha acción  artística popular en Ferrol. Chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Chamamos a continuar este monumento á dignidade, cada quen coa súa peza de roupa, batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas, todo aquelo ao fín que pola súa forma e colorido é digno de ser pendurado, todo o que tivo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegue a conmovernos.

Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo. Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupade toda a xente, cargada de dignidade!


Unha acción de Radio Buguina organizada por:
Comités de Empresa de Navantia e delegados/as da Industria Auxiliar.

Sindicatos
: Comisións Obreiras (CC.OO), Confederación Intersindical Galega (CIG), Union Sindical de Traballadores de Galicia (USTG),Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT-UGT).

Partidos políticos
: ANOVA, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG), eQuo, Espazo Ecosocialista Galego (EcoSoGal), Esquerda Unida (EU-IU), Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).

Colectivos sindicais e movementos políticos
: Asociación Unificada de Militares Españois (AUME), Mocidade Nacionalista Galega (MNG), Sindicato de Estudantes, Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).

Asociacións e colectivos:
A. C. Fuco Buxán, A. C. Lefre de Caldereta, A. C. Lendo Poesía, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Vitimas do Amianto (AGAVIDA), Asociación Memoria Histórica Democrática, Ateneo Ferrolán, Colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública Ferrol, Federación Veciñal de Ferrol (Roi Xordo).

  • Para acceder e baixar o Cartaz -en A3- da Convocatoria en formato -pdf.

  • Para acceder e baixar o Folleto da Convocatoria en formato -pdf.
_______________________

xoves, maio 23, 2013

Rueiro reivindicativo da Marcha Mundial das Mulleres nun día de loita feminista como é o 24 de maio, Día Internacional pola Paz e a Desmilitarización

RUEIRO REIVINDICATIVO DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES EN FERROLTERRA

A Marcha Mundial das Mulleres nun día de loita feminista como é o 24 de maio, Día Internacional pola Paz e a Desmilitarización, QUEREMOS, na cidade de Ferrol, reivindicar a visibilidade e lembranza das mulleres asasinadas en Galiza pola violencia machista.

Ao traveso do que chamamos “Rueiro reivindicativo de lembranza” pola cidade, “imos vestir” os diferentes barrios, cos nomes das mulleres asasinadas, en protesta contra a prohibición da Concelleira de Igualdade, do pintado das súas siluetas na Praza de Armas.

PEDIMOS a implicación da cidadanía nesta reivindicación da Marcha Mundial das Mulleres e que nos acompañen no noso percorrido.

O rueiro comeza na Praza de Amboaxe e remataremos na Praza de Ultramar.

A hora de inicio deste rueiro será ás 18 horas.

Identificarémonos con vestimenta morada ou negra.

Marcha Mundial Ferrolterra
mmmferrolterra@gmail.com
Teléfono de contacto: 696 732 735 (Anxela).
--
Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres
www.feminismo.info
nacional@feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

 "PARA CAMBIAR O MUNDO, ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA" 


Que é a Marcha ?


A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enlaces de interese:



Enviado por:
Lefre de Caldereta Ferrol
-lefredecaldereta2006@gmail.com-
23 de maio de 2013 15:39

_______________

martes, maio 21, 2013

O historiador Grover Furr estará este Xoves, 23 de Maio, en Ferrol -

O historiador Grover Furr estará este Xoves, 23 de Maio de 2013, en Ferrol, ás 7 da tarde no salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol.

O Colectivo Forxa!, organiza en Ferrol unha das conferencias que o historiador USAmericano vai impartir na Galiza. O día anterior estará en Compostela (o 22 de maio, ás 19hs na Galería Sargadelos). Baixo o título "A falsificación histórica contra o Movemento Comunista Internacional", desenvolveran-se os actos na Galiza. Gorver Furr é profesor na Montclair State University (Nova Jersey). Na conferencia estará dispoñíbel a versión galega do seu libro  "As mentiras de Khrushchev", editado por Edicións Benigno Álvarez. O dominio da lingua rusa, do profesor Gorver Furr, permitiulle o estudo en primeira persoa da documentación dos arquivos soviéticos. As conclusións deste libro, resultados de dez anos de traballo, non deixarán indiferente a ninguén. Os actos darán comezo con extrema puntualidade, para que, ao remate, o autor poda efectuar sinatura de exemplares do seu libro. Após da intervención principal do poñente, terá lugar un debate.

http://www.aforxa.blogspot.com.es/

Enviado por:
Colectivo marxista-leninista Forxa!!
Construír o partido, preparar a revolución!!
-forxagz@gmail.com-
21 de maio de 2013 10:50

_____________

De fondo Reganosa: accidente sufrido polo buque cargueiro “Anna” na canle da Ría de Ferrol

Tags

Nota do CCE sobre o accidente na boca da Ría


O accidente sufrido, o 19 de maio de 2013, polo buque cargueiro “Anna”, que embarrancou na boca da Ría de Ferrol, pon unha vez máis de manifesto os riscos de navegación na canle para buques de gran tonelaxe e a dificultade de resolver imprevistos técnicos ou meteorolóxicos. Non é este un suceso illado, senón que forma parte dunha serie de accidentes ocorridos xa no interior da Ría ou na súa canle de entrada.

Confirma tamén os argumentos deste Comité Cidadán de Emerxencia, tantas veces feitos públicos, advertindo do perigo do tránsito no interior da nosa ría de gaseiros cargados de GNL, que incumpren ademais importantes e básicas medidas de seguridade.

Se o accidente o protagonizase, en lugar dun cargueiro en lastre, un gaseiro cargado de miles de toneladas de GNL, o pánico - con toda certeza - estenderíase por toda a comarca. A poboación trataría de fuxir dunha posible explosión, ata que todas as vías de saída quedasen colapsadas. Nunca foi importante para os concellos da ría contemplar esta posibilidade e non existe por tanto ningún plan de evacuación que os veciños coñezan. Para qué alarmar? Maloserá.... total, os discursos políticos son quen de atopar argumentos para todo e ninguén se sentiría responsable...

PASO A PASO, PLANTA DE GAS FÓRA DA RÍA

  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA   !!

10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?

Nota.-
O buque mercante "Anna" encallou, o  19 de maio de 2013, ás 15.35 horas, na bocana de Ría de Ferrol, nunhas rocas próximas á batería de San Carlos, nunha zona moi próxima ao castelo de San Felipe, como consecuencia dun problema no servomotor | O "Anna" arribaba ao porto de Ferrol, procedente de Dinamarca, para realizar a operación de carga de máis de 2.300 toneladas de pezas de aerogeneradores | O buque, de 126 metros de eslora por 15 de manga e de 7.712 toneladas de peso morto, foi liberado das rocas pasadas as seis da tarde, apenas tres horas despois de que quedase atrapado | O buque carguero Anna construído no ano 2011 nos estaleiros Changbo Shipyard en Jiangsu de Chinesa co numero de construción 07012 de 5044 gt e 7712 dwt, foi construído por encargo da casa armadora Oldersum Shipping en Hamburgo de Alemania, con pabellon de Gibraltar, se empezo a construír o día 17 de Decembro do 2008 e terminar o día 3 de Maio do 2011.. [+ info]

Foto de Jorge Meis no Diario de Ferrol.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
20 de maio de 2013 13:22

____________

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha nova Asemblea Plenaria


CONVOCATORIA DA PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL

A Comisión Permanente desta PDSP de Ferrolterra, CONVOCA a todas as entidades a unha xuntanza de ASEMBLEA PLENARIA o vindeiro día 22 de Maio  ás 18 horas no local da A.V. de Esteiro.

Enviaremos informacións puntuais que afectan a sanidade pública a medida que van sucedéndose os motivos e circunstancias de especial importancia en canto a mobilizacións e Documentos que se están debatendo, como por exemplo, a Lei do Aborto, Centros de Orientación familiar, políticas de atención á Muller, Drogodependencia, inmigración..etc.
            
Lembrar que se está a convocar unha MOBILIZACIÓN contra a LEI do ABORTO do PP para o día 16 de Xuño co apoio de SOS Sanidade Pública Galicia e organizacións feministas.
            
Informamos da reunión de SOS SANIDADE este pasado Luns - día 6- en Compostela, onde a proposta de PDSP Ferrolterra, acordase  CONVOCAR  unha grande MANIFESTACIÓN  o Xoves - día 27 de Xuño - en todas as Comarcas e Areas Sanitarias de Galicia contra o proxecto de LEI de Sanidade que vai presentar o Partido Popular no Parlamento Galego.
            
ORDE DO DÍA
  1. Lectura e aprobación, se procede, ACTA anterior.
  2. Informe económico.
  3. Valoración Manifestación 3 de Marzo. Estado actual sanidade pública.
  4. Informacións SOS Sanidade Pública. Documentos - Mobilizacións.
  5. Organización Xornadas informativas PDSP Ferrolterra.            
  6. Esperamos a vosa presenza co fin de participar na reivindicación social dunha Sanidade Pública de calidade.
Recibide os nosos maiores saúdos e cumprimentos.

Ferrol, a 8 de Maio de 2013
 A Comisión Permanente

http://plataformadspferrol.blogspot.com.es/

http://www.sos-sanidadepublica.org/

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
20 de maio de 2013 23:22

___________________

Carga de dignidade, domingo 2 de xuño, Porta do Estaleiro, barrio de Esteiro, Ferrol, cada quen coa súa peza de roupa para pendurar

O Domingo 2 de Xuño de 2013, vai ter lugar unha acción artística e popular na reixa de Navantia, no barrio de Esteiro de Ferrol, desde a Porta do Estaleiro, en paralelo coa rúa Taxonera.

É unha iniciativa do Colectivo de artistas e creadoras agrupadas en 'Radio Buguina' que conta co apoio dun amplo abano de entidades culturais, veciñais, socias, sindicais e políticas.


____________

luns, maio 20, 2013

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, convoca á cidadanía, diante do Pazo Municipal de Ferrol, a unha concentración de apoio ás 114 familias que están esperando a que o goberno municipal lles adxudique e entregue unha vivenda no barrio de Recimil


Este Mércores 22 de Maio de 2013, ás 11:30hs, Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, convoca á cidadanía, diante do Pazo Municipal de Ferrol, a unha concentración de apoio ás 114 familias que están esperando a que o goberno municipal lles adxudique e entregue unha vivenda no barrio de Recimil.

Unha Comisión de persoas afectadas, acompañada por membros da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, despois de case un mes de espera e ter que reiterar a solicitude, mantivemos unha xuntanza co Sr.Alcalde e a responsábel de Benestar Social, o pasado 10 de maio. O Sr. Alcalde, na reunión, non chegou a ningún compromiso con nós, non admitiu, a súa desidia nin despreocupación, só dixo que el era a máxima autoridade no Concello e que iría entregando algunhas vivendas, mais nunca nos prazos que nós marcabamos e menos comprometerse a un calendario concreto. Manifestou que entregar vivendas a todas as persoas que estaban na lista, sería aumentar o problema social que xa de por si ten o propio barrio.

Polo de agora só entregaron dúas vivendas, sen quentador nen cociña e unha delas en non moi boas condicións de habitabilidade. O que quere dicir que o Concello estivo todo este tempo "a velas vir", non estaba habilitando nengunha vivenda, só comezaron ao mobilizar-nos. Non pode ser tanta desidia e tanto engano. Este é un maltrato deste goberno municipal coas familias que están agardando pola vivenda.

As 114 familias que agardan por unha vivenda protexida, son persoas afectadas, porque a falta de sensibilidade, a falta de preocupación e o non asumir, o  goberno municipal, as súas responsabilidades, provócanlles un grande prexuízo económico e social. Algunhas familias están pagando alugueres por encima das súas posibilidades reais, outras xa deixaron de pagar, outras viven amontoadas con outros familiares, outras viven en condicións de insalubridade, todas agardando por unha vivenda municipal en Recimil.

As nosas accións están encamiñadas a conseguir unha morada onde poder vivir, demandamos unha solución xa.

O vindeiro Mércores 22 de Maio mobilizamo-nos para:
  1. Queixar-nos da desidia do goberno municipal á hora de poñer a disposición da cidadanía o parque de vivendas municipais baleiras e en condicións de ser habitadas.
  2. Queixar-nos de que non tiveran elaborado, aínda, o censo de vivendas municipais baleiras do barrio de Recimil.
  3. Queixar-nos de que unha vez baremadas as persoas e elaborada unha listaxe definitiva de 116 persoas admitidas, das 267 presentadas, non se puxeran a exposición pública até un ano despois a citada listaxe.
  4. Queixar-nos de que desde o 10 de xullo do pasado ano 2012 que rematou o prazo de exposición pública e da publicación definitiva da listaxe, non se adxudicara nin entregara ningunha vivenda, até que nos comezamos a mobilizar e denunciar ao goberno municipal pola súa desidia e xogar cos dereitos e vida das persoas.
  5. Demandar ao Concello o cumprimento das ordenanzas municipais en materia de vivenda, en canto ao deber de conservación dos inmóbeis da súa titularidade. Poñendo a disposición medios económicos suficientes (modificación orzamentaria se fose necesario), propios ou en convenio con outras administracións, para habilitar o parque de vivendas municipais.
  6. Demandar do Concello que exerza as facultades públicas de deslinde e determine dunha vez a situación exacta do parque de vivendas públicas municipais, e a posta en condicións de uso inmediata, como se dixo, das que recupera en canto quedan baleiras.
  7. Demandar a adxudicación e entrega das vivendas xa, segundo o disposto no punto 7 do Artigo 2.- do Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas protexidas do barrio de Recimil. Vivenda que quede baleira debe ser adxudicada, e posteriormente entregada cando estea en condicións de habitabilidade.
  8. Demandar ao Goberno Municipal un calendario de entrega de vivendas, 30 antes de finalizar Xuño deste ano e o resto antes de comezar o curso escolar no mes de setembro.
  9. Demandar ao Goberno Municipal a constitución dunha Comisión de Seguimento, onde podamos estar representadas as persoas afectadas a través da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.
PARTICIPA !!

Ferrol, a 19 de Maio de 2013

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

Alimentos Solidarios Ferrolterra no facebook:
https://www.facebook.com/BancoDeAlimentosFerrolterra

______________________

domingo, maio 19, 2013

Bangladesh: El Corte Inglés e Mango, ... Por Juan Hernández Zubizarreta - Praza Rana


Por Juan Hernández Zubizarreta [*]
19.05.2013


Por que o Goberno español e a UE non aproban un marco normativo onde as transnacionais sexan obrigadas a respectar os dereitos humanos en todos os lugares onde actúen?

O derrubamento do edificio Rana Praza en Bangladesh provocou polo menos 1.022 mortos e 2.437 feridos, que se suman a máis de 600 mortos e 2.000 feridos nos últimos sete anos por incendios en fábricas textiles.

Négase o dereito a sindicarse; cóbrase o salario mínimo; as xornadas son interminables; non se respectan as baixas por maternidad, ...


O Goberno de Bangladesh decidiu incorporarse nos anos 80 á cadea global de mercancías de manufactura de roupa; creou as Zonas de Procesamento para a Exportación, pequenos "reinos de taifas", onde a fráxil lexislación nacional se reprega ante os pedidos de firmas multinacionais como El Corte Inglés e Mango. Ás cadeas de produción -provedores e subcontratistas- súmanse condicións laborais de explotación que nos achegan máis á Revolución Industrial que ao século XXI. Négase o dereito a sindicarse; cóbrase o salario mínimo; as xornadas son interminables; non se respectan as baixas por maternidade, nin as horas extras; as ausencias castíganse con reducións salariais; as medidas de prevención de riscos laborais non existen; nalgúns casos, o Goberno corre cos gastos de electricidade, gas, auga; subvenciónase a adquisición de terras; outórganse importantes exencións fiscais e os materiais importados non pagan arancel algún. Os membros do Bangladeshi Center for Worker Solidarty foron detidos e torturados en numerosas ocasións desde abril de 2012.

Este é o marco normativo que respectan as empresas como El Corte Inglés e Mango, marco que lles permite obter taxas de beneficio altísimas a costa da explotación e violación dos dereitos humanos e laborais dos traballadores e traballadoras de Bangladesh. O sindicato internacional Industria recorda que os custos laborais dunha camiseta fabricada en Bangladesh son de 1,5 céntimos de euro, mentres que o seu prezo de venda é de 20 euros; o prezo de venda ao público pode ser máis de dez veces o seu custo real. O salario mínimo dos traballadores e traballadoras non chega a un dólar diario, atópase fóra dos limiares de pobreza absoluta internacionalmente aceptados. Esta é a súa verdadeira ética empresarial.

O Goberno e as clases dominantes de Bangladesh tamén se benefician destes investimentos e condicións de explotación. Todas as reformas da lexislación laboral aprobaron-se pola loita dos traballadores e traballadoras; no entanto, a chantaxe das multinacionais -si cambian as condicións e aumentan os custos, ímonos a outro país- e a complicidade do Goberno serviron para modificar de xeito restritiva os dereitos sociais e xeneralizar a represión e a explotación.

A partir de aquí, as propostas de control das empresas transnacionais basculan entre os acordos entre partes ou as meras declaracións sen exixibilidade xurídica, que son unha mestura de lavado de face, burocracia das organizacións internacionais e, sobre todo, intentar aparentar que se fai algo sen facer nada. Só as lideradas polos sindicatos e a sociedade civil internacional son propostas dirixidas a controlar o capital transnacional.

As transnacionais Mango e El Corte Inglés, entre outras, axustan a súa responsabilidade legal a un bucle infernal. Afirman cumprir a lei do Estado receptor -Bangladesh- e en ningún caso aceptan cumprir directamente o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e o Dereito Internacional do Traballo. A súa responsabilidade legal atópase fracturada entre a lexislación internacional, a do Estado matriz e a do Estado receptor, e só aceptan acatar -cando a acatan- a lexislación do país receptor, neste caso Bangladesh; iso si, presionan, chantaxean e corrompen todo o que faga falta para que a lexislación lles resulte favorable. O 22 de abril -o derrubamento foi o 24- o Goberno de Bangladesh bloqueou unha lei que melloraba as condicións laborais pola presión das multinacionais.

As modificacións na división internacional do traballo poñen de manifesto a presión nas cadeas de produción; a externalización de custos permite obter beneficios desproporcionados mediante o pago de baixos prezos a provedores, contratistas e subcontratistas polos seus produtos ou servizos, á marxe das condicións que teñan os traballadores e traballadoras. As empresas transnacionais constitúen o eixe sobre o que basculan as cadeas de subcontratación e foron o camiño polo que se han ir reducindo os dereitos laborais.

Mentres a taxa de beneficio sexa suculenta, que o traballo sucio o fagan os provedores de Bangladesh

Os homicidios de Bangladesh prodúcense neste contexto e El Corte Inglés e Mango participan desta lóxica. Ademais, néganse a estender a responsabilidade da empresa matriz ao longo da cadea de produción coas filiais, proveedoras, contratistas e subcontratistas. É máis, a representación internacional empresarial na Organización Internacional do Traballo (OIT) opúxose frontalmente a calquera norma internacional que regulase a súa responsabilidade ao longo da cadea de produción. Negáronse radicalmente a transformar os seus chamamentos retóricos e baleiros á responsabilidade ética na cadea de externalización, en exixibilidade xurídica. Noutras palabras, mentres a taxa de beneficio sexa suculenta, que o traballo sucio o fagan os provedores de Bangladesh.

Por outra banda, as empresas transnacionais opóñense a discutir -e máis a aprobar- calquera tratado internacional que regule as súas prácticas de xeito vinculante no seo das Nacións Unidas; non aceptan constituír un tribunal internacional que tutele os dereitos das maiorías sociais fronte ao poder transnacional, nin tan sequera aceptan crear un Centro de Empresas Transnacionais que fiscalice as súas prácticas, inspeccione as súas incumprimentos e articule as denuncias das vítimas. Resulta evidente que prefiren definir os contornos da súa responsabilidade, á marxe de calquera inxerencia externa de control.

En definitiva, queren que as súas obrigacións se axusten a lexislacións profundamente neoliberales como a de Bangladesh e á mera Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Á fin e ao cabo, as ideas seudonormativas sobre as que bascula a RSC son a voluntariedade, a unilateralidade, a autorregulación e a non-exixibilidade. Por iso é polo que esta non sexa unha resposta ante determinadas protestas sociais, nin sequera un lavado de face da súa actividade, senón unha nova forma en que se configuran as relacións entre as empresas e o modelo capitalista. Este é o marco das súas obrigacións, que se move nos contornos da impunidade.

Xunto á voluntariedade e unilateralidade da RSC hai que ter en conta os distintos mecanismos de verificación e avaliación da mesma. Máis aló da pluralidade de sistemas, da súa burocratización e da súa dubidosa imparcialidade, a súa dimensión máis perversa é a aparencia de lexitimidade que dota ás memorias de RSC. Con todo, a realidade é moi diferente. Por unha banda, a pluralidade de mecanismos, de sistemas e de índices de avaliación provoca un desconcerto e unha hiperinflación de datos, de información selectiva e unilateral que, lonxe de garantir os contidos das memorias, reforza os equipos de RSC das transnacionais en detrimento de controis dos sindicatos, organizacións e movementos sociais. Analizando as memorias de El Corte Inglés e de Mango comprobamos todas e cada unha das afirmacións descritas. O ocorrido en Bangladesh nunca aparecerá reflectido nas súas memorias, xa que a responsabilidade será das empresas provedoras e, no seu caso, do Goberno de Bangladesh.

Ante a morte de máis de 1.022 persoas e máis de 2.437 feridos non oímos nin unha palabra de condolencia.

O ano pasado por estas datas, o Goberno arxentino decidiu expropiar á empresa española Repsol o 51% das accións de YPF. Inmediatamente o Goberno español, moitos medios de comunicación, algúns partidos políticos, responsables da Unión Europea... denunciaron a violación dos contratos de explotación, do tratado de investimentos, da seguridade xurídica dos intereses da empresa española... Con todo, ante a morte de máis de 1.022 persoas e máis de 2.437 feridos non oímos nin unha palabra de condolencia. A seguridade xurídica dos traballadores e traballadoras de Bangladesh non se pode comparar cos intereses das empresas españolas. As ganancias do Corte Inglés e de Mango valen moito máis que os mortos, feridos e mutilados polo suposto accidente laboral. Unha vez máis, a culpa é das empresas e do Goberno de Bangladesh, non esquezamos que as empresas españolas son «éticamente responsables».

O capitalismo é terriblemente cruel

Por que o Goberno español e a UE non aproban un marco normativo onde as transnacionais sexan obrigadas a respectar os dereitos humanos en todos os lugares onde actúen? Nesta dirección destaca a campaña europea "Dereito sen Fronteiras para as multinacionais"; o seu obxectivo reside en que o Estado defina un marco xurídico que esixa ás mesmas obrigacións claras e que tome medidas para que non violen os dereitos humanos no estranxeiro. Os responsables de Mango e El Corte Inglés deberían asumir as súas responsabilidades civís e penais e ser xulgados en tribunais españois por violacións moi graves contra os dereitos humanos.

O capitalismo é terriblemente cruel, e El Corte Inglés e Mango actúan en coherencia con tanta crueldade; ademais, as seccións sindicais, os comités de traballadoras e traballadores destas empresas e as consumidoras non podemos ser cómplices de tanta miseria ética. Non hai escusa algunha.

[*] Juan Hernández Zubizarreta, é profesor da Universidade do País Vasco UPV/EHU

Publicado en Gara.
___________

Ferrol: pisos baleiros e veciñas sen casa - O Concello retén vivendas públicas desocupadas desde fai anos, mentres 116 familias agardan nunha lista de espera


"Pensaba que nunca na miña vida ía ter unha casa". Silvia Conchado ten 23 anos, un marido que lle saca un puñado de euros á chatarra e nas mareas e tres pícaros de nove, oito e tres anos. Desde que se casou viviu apertada no piso dos seus sogros coa súa prole e dous cuñados. Sen traballo nin máis ingresos que a Risga (Renda de Integración Social), en 2010 solicitou unha vivenda pública no barrio ferrolano de Recimil. Dous anos e catro meses despois, os Servizos Sociais acábanlle de entregar as chaves dun dos 992 inmuebles que o Concello de Ferrol ten neste barrio (879 vivendas e 113 baixos comerciais).

Fai dúas semanas que a familia Suárez Conchado entra e sae a miúdo dun terceiro piso de tres habitacións adxudicado por 30 euros ao mes que lles encanta pero no que aínda non poden vivir. "Non teño mobles nin quentador para bañar aos nenos", explica. Ela estaba no número uno dun listado de 116 familias que teñen adxudicado un piso social nas chamadas Casas Baratas de Recimil. Do 1 ao 30 de decembro do 2010, 267 veciños reencheron unha solicitude que lles esixía, entre outras cousas, levar tres anos censados en Ferrol. 151 quedaron excluídos. Desde entón, adxudicáronse dúas vivendas e os outros 114 beneficiarios esperan impacientes a súa quenda. Algúns, como Pilar ou Laura, en situacións que rozan o drama. Son a cruz que ilustra o paradoxo de que existan pisos públicos baleiros e xente sen casa nin recursos.

Pilar González é octogenaria e analfabeta. Con 85 cumpridos, cobra unha pensión non contributiva de 300 euros e paga 220 de aluguer. Come na Cociña Económica e ocupa o número 37 da lista. Laura García, chilena de 59 anos (é española filla de exiliado), chegou á casa de acollida de Ferrol fai anos co seu bebé de 10 meses fuxindo dun matrimonio que lle deixou profundas secuelas psicolóxicas. "Até o can tiña máis voz que eu", relata. O seu pai, Antonio, foi un dos republicanos galegos que acabou amontoado nun campo de concentración francés do que saíu rumbo a Chile a bordo do Winnipeg, nunha travesía que promoveu o poeta Pablo Neruda en 1939.

"Traballei como unha burra limpando casas pero non coticei nada". Fai 16 anos que vive nunha casa chea de humidades en Ferrol Vello pola que paga 186 euros. Cos 315 euros da axuda social paga o aluguer e mantén a un fillo de 21 que estuda Ingeniería na Universidade. "Non coñezo un cine nin malgasto un céntimo", explica esta muller, que ten que sobrepoñerse a diario a unha depresión crónica. Ocupa o número 65 dunha lista con moitas familias monoparentales como a súa e quédanlle poucas esperanzas de poder mudarse en breve. "Si a xente necesita as casas, por que non as dan?".

Estefanía é o número 23. Con dous fillos de catro e oito anos e un marido en paro, paga "un pastizal" de aluguer (330 euros). Está "farta" de que a mareen e todo lle soa a "tomadura de pelo". Moitos trámites e dous anos de espera para nada. "Fas o correcto, segues os pasos e vai outro e dá unha patada na porta e quédase co piso. Enténdoo, porque hai que buscar un teito para os fillos, pero non é xusto", razoa.

O goberno municipal de Ferrol di que entregará unhas 30 vivendas nos próximos meses. Farao a contagotas e sen datas concretas. Os activistas de Stop Desafiuzamentos fixeron os seus cálculos e defenden que hai polo menos unhas 60 vivendas libres. "Para que adxudican 116 si só van dar 30?", protesta unha afectada.

A penúltima oferta municipal de vivendas en Recimil foi en 1993 e rexíase por un regulamento dos anos 50. O Concello tardou outros 17 anos en reabrir a convocatoria. Case todos os gobernos trataron de poñer orde no padrón de Recimil e frear aos okupas até tapiando con tixolos as portas e fiestras de picos vacantes.

En 2008, o PSdeG empezou un censo que o Executivo actual, do PP, retomou. En marzo, enviaron a unha vintena de axentes voluntarios da Policía Local a facer horas extra de porta en porta por todo o barrio no enésimo intento de saber quen e cantos ocupan cada vivenda, legal ou irregularmente. O titular do contrato non sempre coincide co residente nunha maraña tramposa tecida entre familiares e amigos para beneficiarse de alugueres de renda antiga a prezos case testemuñais que van de 3 a 30 euros, contan as veciñas.

"Sabemos de xente que vive en chalés pero aguantan as casas por si algún día fanlles falta. Hai moito trapicheo con eses pisos, e consentido", denuncia outra.

A irrupción da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, que agrupa aos antidesafiuzamentos e á comisión que reivindica o dereito a unha vivenda digna, elevou a presión sobre o goberno para que responda con feitos ás 114 familias que aínda agardan pola vivenda que se lles adxudicou. Xa interromperon os dous últimos plenos. O 12 de abril plantáronse no rexistro para presentar 34 queixas e din que seguirán pelexando polas súas casas. A semana pasada o alcalde recibiu no seu despacho a unha comisión de activistas e afectados. "Moi cordial pero sen contido. Manteñen que darán 30 casas pero fáltannos outras 86", resume Susana Alaníz, de Stop Desafiuzamentos.

As beneficiarias de vivendas para "familias vulnerábeis" pagarán de 30 a 100 euros mensuais en función dos seus ingresos durante cinco anos prorrogábeis e obriga aos inquilinos a respectar unhas normas de convivencia. Incumprir-las é un dos motivos para rescindir o aluguer. O Concello se reserva dúas casas para realoxar a desafiuzados e outras dúas para casos de emerxencia social que tutelará a Xunta. O Plan de Oportunidades que o rexidor José Manuel Rey Varela publicita como un dos fitos do seu mandato asignou este ano 300.000 euros á rehabilitación dunha decena de pisos en Recimil. Outros 18.000 euros mensuais dedícaos a axudas de emerxencia social: aluguer, facturas e recibos de familias en situacións peliagudas.

Reportaxe de Lorena Bustabad no xornal 'El País' - 19.05.2013
___________________________

sábado, maio 18, 2013

Non queremos ser estranxeiras na propia patria: 17 de Maio de 2013, a defensa do galego volve encher as rúas de Compostela


O outro día o presidente Feijoo dicía de nós que queriamos patrimonializar a lingua. E nós o que lle pedimos a el é iso mesmo: que patrimonialice un pouquiño o Día das Letras. Nós convidamos a todo o mundo que quixer a que se apropie da lingua”. Deste xeito comezaba Carlos Callón o seu discurso ante unha Praza da Quintana ateigada nunha nova manifestación de Queremos Galego no 17 de maio, convocada baixo un lema claro: Non queremos ser estranxeiras na propia patria. No 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, este verso de Rosalía encabezou unha marcha que volveu censurar con dureza a política lingüística da Xunta de Núñez Feijóo.

Nos últimos anos o habitual é que en cada manifestación se sumen novos agravios e decisións do Goberno galego contrarias á lingua. Nesta ocasión de novo o ensino foi protagonista ao coincidir neste venres a aprobación na Lei Wert por parte do Consello de Ministros. “Fálannos de harmonía e de bilingüismo e hoxe, Día das Letras Galegas, o Consello de Ministros aproba unha lei que financia con cartos públicos a ignorancia do noso idioma. Non llo consentiremos”, dixo Carlos Callón, que tamén lembrou que "estes dias van facer 30 anos da aprobación da Lei de Normalización lingüística. 30 anos de incumprimentos e de vulneracións. O galego é a única lingua oficial do Estado Español que perde falantes". Do mesmo xeito, denunciou que os medios de comunicación públicos levaron a cabo “un veto en contra da manifestación”, que non tivo espazo ningún nos informativos de TVG e RG nas pasadas semanas.

Mais neste ronsel de criticas Callón tamén celebrou algunhas "boas novas", coma a toma en consideración da ILP Valentin Paz Andrade: "É moi necesaria e queremos que se aprobe a lei e que se aplique". Ou tamén o feito de que "mantemos a tensión mobilizadora. En Galicia nos últimos anos vivíronse as meirandes manifestacións que se deron en todo o planeta en defensa dun idioma”.

Callón lembrou tamén que “hai milleiros de castelanfalantes que tentan utilizar o galego sempre que poden e onde teñen ocasión. Sabemos que hai moitos falantes de castelán manifestándose aqui hoxe. Porque saben que o galego une e que agora máis ca nunca é necesario que defendamos o noso idioma”. O presidente da Mesa concluíu que “o Día das Letras non é o día para poñer unha máscara e finxir o que despois non se é o resto do ano. O Día das Letras é un día para exercermos os nosos dereitos lingüísticos. A lingua é o noso rostro. O noso rostro individual e o noso rostro colectivo


Milleiros de persoas

Sol e chuvia alternáronse nunha marcha na que "Sempre en Galiza, sempre en galego", "Non renunciaremos á nosa lingua" ou "Nas aulas de Galiza, queremos galego" foron algúns dos lemas máis coreados polos milleiros de pesoas que tamén acusaron a Feijóo de ser "inimigo do galego". Unha vez máis, cando a cabeza da marcha xa entraba na zona vella compostelá, a súa parte final aínda estaban saínda da Alameda para facer un percorrido que cambiou o seu camiño habitual ao non pasar pola rúa Nova, onde se celebraba o acto institucional do Día das Letras por parte da Real Academia Galega.

Os discursos abríronse coa interpretación da Alborada de Rosalía por parte do gaiteiro Emilio da Baña. Rosalía estivo moi presente, tamén na lectura dun poema dos Cantares gallegos a cargo da nena Icía Outeiro, moi aplaudida polos milleiros de manifestantes, o mesmo que a actriz Isabel Risco, que conduciu o acto.

Houbo referencias e críticas máis ou menos veladas ás declaracións realizadas hai uns días polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Por exemplo, animouse a "axuntarse e apertarse fortemente, coma as nais e os pais apertan os fillos e fillas". E, de igual xeito, escoitáronse en varios momentos berros de "Alonso Montero, inimigo do galego".

Na marcha tamén se puideron ver algúns narices vermellos na honra de Roberto Vidal Bolaño, o homenaxeado neste 17 de maio, así como faixas da maioría de formacións políticas galegas, agás o PP, nunha xornada na que a crise tamén tivo presenza. "Sen galego e sen traballo, manda carallo", berraron uns manifestantes que volveron pedir "poder vivir en galego". Nunha das primeiras intervencións dende o estrado díxose unha frase pero que ben podería servir como conclusión: "Bolaño estaría orgulloso de ver así hoxe a praza".


Reaccións dos partidos

O Portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Abel Losada, salientou que a través da lei de normalización lingüística, “votada por todo o Parlamento”, foise construíndo un consenso que “o Goberno presidido por Feijóo ten rachado de maneira unilateral”. Losada denunciou que o PP antepoña unha ideoloxía “excluínte coa lingua galega” ao que “debera ser un patrimonio de todos”.

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, esixiulle á Xunta de Galiza o cumprimento das obrigas estatutarias que lle competen para prestixiar a nosa lingua e para garantir o seu uso no ensino, na xustiza, na sanidade, na administración e na sociedade, en xeral e para garantir o uso da toponimia oficial. Vence tamén puxo de manifesto que a Xunta de Galiza ten que repartir de xeito igualitario os fondos aos medios de comunicación, “tamén para os medios en galego, e non só para os que emiten e publican en castelán”. Ademais, o portavoz nacional do BNG reclamoulle á Xunta de Galiza e a Feijóo que “retiren, dunha vez, o decreto do plurilingüismo, máxime cando foi sentenciado polo TSXG pola ilegalidade e impertinencia nos seus artigos fundamentais”. “É o momento de que o Goberno galego dea un paso atrás na súa estratexia de agresión contra a lingua”, sinalou.

De igual xeito, a executiva nacional de Esquerda Unida considera que “a dereita de Feijóo goberna en contra da nosa lingua” e lembra a Castelao cando dicía que “o apagamento dunha lingua corresponde á dexeneración do pobo que a fala”, pois “aqueles que pretenden relegar a nosa identidade ás catacumbas da dignidade, son os mesmos que renegan do seu pasado. A nosa lingua non se apaga aínda que o goberno de Feijóo teña como un dos obxectivos a destrución progresiva da cultura e da lingua proletaria do noso pobo”.

Pola súa banda, Compromiso por Galicia celebrou este xoves actos polo Día das Letras en Muros e na Coruña. Neste último acto Xoán Antón Pérez-Lema acusou o alcalde Negreira de seguir “o camiño marcado durante 23 anos polo alcalde Vázquez” e afirmou que “a discriminación contra o galego é ilegal, atenta contra os valores do civismo democrático, afástase da tradición liberal e galeguista da cidade e manifesta, ao tempo, unha absoluta falla de atención ás oportunidades sociais e económicas do futuro, como a da lusofonía”.

Publicado en Praza Pública.

_______________________

venres, maio 17, 2013

A Yolanda Díaz pregunta ao Feijoo polas súas perigosas amizades con Marcial Dorado e Manuel Cruz - Vídeo


A vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, preguntoulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, polas súas perigosas amizades co narcotraficante Marcial Dorado e tamén con Manuel Cruz "coñecido en Ferrol polos seus negocios co narcotráfico e ser guerrilleiro de Cristo Rey entre outas cousas". Feijoo evita contestar as preguntas de AGE, mais tampouco nega ningunha das denuncias feitas pola vicevoceira de AGE.


http://youtu.be/Hkd-f95fjCk

Fonte: http://alternativagalega.com/
______________

Trece medios de comunicación presentaron a "Asociación de Medios en Galego"

Tags

Un día gozoso para a lingua galega


Trece medios de comunicación -- Radiofusión, Valminor.info, Novas da Galiza, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Certo, Que Pasa na Costa, O compás da Costa, Tempos Novos, Terra chá.xa, Crónica 3 e a Nova Peneira-- presentaron a "Asociación de Medios en Galego", unha nova entidade que ten como obxectivo organizarse para manter e potenciar o galego, garantir a pervivencia da lingua nos medios, traballar pola dignificación do xornalismo e procurar vías de financiamento que garantan a súa sustentabilidade.

O acto de presentación tivo lugar este xoves na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela e nel os representantes dos distintos medios destacaron a necesidade de traballar xuntos para loitar pola supervivencia do galego nun tempo de crisis no que, ademais, a Xunta de Galicia, dalle ás costas aos medios que usan esta lingua. A asociación xurdiu a raíz da campaña Vitaminas para o galego. Unha iniciativa que naceu en decembro de 2011 e que ao longo do pasado ano suscitou un importante apoio cidadán, que demostrou a sensibilidade existente na sociedade galega a respeito destas cuestións.Esta asociación --na que tamén pediron o ingreso os xornais A Voz de Vilalva e Cadernos de Comunicación e Análise-- destaca que o galego non é un obstáculo para comunicarse en Galicia. "Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia", apuntan nun manifesto que deron a coñecer este xoves. "Temos unha lingua propia, unha cultura que nos enriquece, nos diferencia e nos globaliza, unha xente que ama a súa terra e un País que nos une a todos. Por iso, é imprescindible que haxa medios en galego, que a xente os apoie, que os políticos os respecten e que as institucións os axuden. Unha sociedade de seu non pode permitirse o luxo de darlle as costas a unha herdanza de centos de anos", engaden. Por iso, a Asociación de Medios en Galego procurará defender os intereses dos medios de comunicación en galego, contribuir ao proceso de asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral na lingua propia de Galicia, consolidar un espazo de comunicación en galego, fomentar a presenza pública, tanto individual como conxunta, dos medios de comunicación en galego ou promover iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información e promover proxectos comúns que axuden a desenvolver de forma efectiva os fins da asociación e contribuirá ao proceso de normalización lingüística.

Nova Lei de Publicidade Institucional

Outra das finalidades desta nova institución de defensa do galego é abrir canles de diálogo coas distintas administracións públicas, partidos políticos e organizacións profesionais para analizar a actual situación dos medios en galego e artellar unha nova Lei de Publicidade Institucional que teña en conta todo o espectro dos medios que usan este idioma. Tamén, representará ao sector e actuará diante das administracións locais, provinciais, nacionais e estatais en todo aquelo quen afecte aos medios de comunicación en galego.Finalmente, debatirá colectivamente a situación laboral do sector dos medios en galego para mellorar a súa situación e asesorará ás entidades produtoras de medios en galego para facer fronte aos problemas profesionais comúns. Esta asociación, tamén contribuirá á profesionalización do sector de xeito que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica

Fonte: http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=14904
__________________________

luns, maio 13, 2013

Axuda Urxente para Lazos - Necesitan Alimentos


LAZOS PRO SOLIDARIEDADE - COMITÉ ANTI-SIDA DE FERROL
NECESITA AXUDA URXENTE
POR FALTA DE ALIMENTOS PARA A SÚA LABOR SOCIAL

A Asociación Lazos Pro Solidariedade, que participa no Encontro Social de Ferrol Terra, é unha entidade sen ánimo de lucro de afectados/as polo VIH, as drogas e de profesionais do ámbito sociosanitario fundada en novembro de 1995. Ademais de enfocar a súa actividade na prevención, información-formación-sensibilización e grupos de auto-axuda, en referencia ao VIH, desenvolve unha actividade asistencial moi importante, como apoio psicosocial, formación e axuda para o desenvolvemento persoal, asesoramento diante das administracións e os xulgados, axuda á inclusión social e laboral, punto de encontro e axuda ao benestar para persoas moi vulnerábeis, ...

Onte sábado 11 de maio de 2013, en Ferrol, Lazos Pro Solidariedade lanzaba un SOS, porque se lle remataban as existencias de alimentos coa que realiza a súa labor social. Solicitaban axuda urxente, pois no seu local social almorzan entre 35 e 50 persoas todos os días, un pouco de leite, galletas, café, azucre. Ademais tamén axudan a unhas 70 familias, sen recursos, que atenden no seu Programa e para levar a casa. Para estas fai falta leite, azucre, galletas, colacao e algo de pasta, pois parece ser que o banco de alimentos, non lles vai facilitar alimentos até dentro de dous ou tres meses. É por iso que demandan solidariedade a quen poida  e desexe achegar alimentos ao seu local social.

Ferrol, 12 de Maio de 2013

Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

PARA A ENTREGA DE ALIMENTOS:
Local de Lazos
Avda. Dr Fleming 8-10 Baixo
15401 Ferrol
Teléfonos: 981350777-698147975
Correo electrónico: comiteantisidaferrol@gmail.com

Horario de atención:
  • de 09.30 a 13.30 Luns a Venres (días laborais)
  • de 16.00 a 20.00 Martes e Xoves (días laborais)

--

Rede Social de Ferrol Terra

Encontro | Foro | Rede de Apoio Mutuo | Arméria Soc Coop
Directorio (Teléfonos, Correos, Blogues e Web)

http://redesocialdeferrolterra.blogspot.com.es/

Enviado por:
Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
13 de maio de 2013 21:23
________________