venres, abril 11, 2014

O BNG oponse á supresión do partido xudicial de Ferrol e xulgados de paz

Tags

O BNG CUALIFICA A PROPOSTA DE REFORMA DO PODER XUDICIAL DE ABERRANTE E REGRESIVA PARA OS DEREITOS DA SOCIEDADE COMARCAL | OS NACIONALISTAS OPOÑENSE ÁS PRETENSIÓNS DE SUPRESIÓN DO PARTIDO XUDICIAL DE FERROL E DA DESAPARICIÓN DOS XULGADOS DE PAZ.

En relación co anteproxecto de lei de reforma do poder xudicial e o debate que este está a abrir, desde o BNG queremos trasladar ao conxunto da opinión pública:

1.- O que temos enriba da mesa non é unha reforma dos partidos xudiciais; do que se trata é dunha volta completa á administración de xustiza, para estabelecer un tribunal de instancia de ámbito provincial (agás Ceuta e Melilla, e tamén se estabelece a posibilidade de que o seu ámbito territorial sexa superior á provincia) e que será competente en todas as ordes xurisdicionais.

2.- A reforma é un paso máis na regresión da administración de xustiza, iniciada coa implantación das taxas xudiciais, coa intención de dificultar o acceso de maioría das persoas, facer unha xustiza cada vez máis inaccesíbel, arredándoa dunha configuración como xustiza universal, e configurándoa como unha xustiza para a grande banca, as grandes empresas e as persoas con recursos económicos.

3.- Xa que logo, non debe enfocarse en ningún caso como unha mera adaptación da planta xudicial, da defensa dos partidos xudiciais que hai na actualidade, nin moito menos nunha guerra localista (Vigo-Pontevedra ou Santiago-A Coruña), unha visión curtopracista que non vai á raíz do problema.

4.- Estamos, pois, diante dunha reforma aberrante, que reforza a estruturación provincial e non ten en conta as nosas particularidades sociais, territoriais, demográficas e de asentamento no territorio. No caso galego –nomeadamente, en Ferrolterra- esta proposta é terribelmente lesiva polo factor da dispersión poboacional. Ademais, no canto de achegar unha administración a todas as persoas, o que fai é afastala na maior parte do territorio comarcal.

5.- Por outra parte, esta reforma fíxose sen ter en conta a opinión das comunidades autónomas cando estas teñen competencias na dotación e na xestión de medios humanos e materiais. Son, por tanto, as que terán que pagar a aplicación desta lei.

6.- Por outra parte, desaparecen os xulgados de Paz, que só manterían as competencias en materia de rexistro civil, até que esta non se privatice pasando aos rexistros da Propiedade.

7.- En consecuencia, desde o BNG solicitaremos a retirada da lei porque vai en contra dos intereses da cidadanía, viva onde vivir, que se verá obrigada a peregrinar pola provincia adiante para tutelar os seus dereitos.

Ferrolterra, 9 de Abril de 2014.

BNG-Ferrolterra
Rúa Naturista López Seoane, nº 13 baixo
15403 Ferrol
ferrol@bng-galiza.org
Telf.: 981 364 058
Fax: 981356 700
Resp. comarcal:
Mercedes Tobío Rodríguez


Web:
http://www.bng-galiza.org/ferrol/
Correo-e:
bngferrol@gmail.com
Facebook:
https://www.facebook.com/bng.ferrol
Twitter:
https://twitter.com/bngferrol
Web comarcal:
http://www.bng-galiza.org/ferrolterra/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
11 de abril de 2014 10:36
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon