luns, xullo 21, 2014

A loita contra a impunidade continua, unha nova marcha a pé Ferrol-Mugardos contra a ilegal e perigosa planta de gas de Reganosa, tivo lugar este 18 de Xullo de 2014

Tags


Pasadas as 5 da tarde, saía a marcha vermella contra a impunidade de Reganosa, desde o Parque 'Carmelo Teixeiro' de Caranza, parque que leva o nome do que fora o primeiro Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Había que andar 14 Km até chegar a Mugardos. A altura de Perlio comezou a chuvia que xa acompañou a marcha até o final do percorrido. Por mor das condicións do tempo o recibimento da veciñanza de Meá foi diante do local veciñal, non no Parque do Carneiros como estaba previsto. Luz Mariña Torrente, presidenta da asociación interveu en primeiro lugar para amosar a súa alegría por ver chegar aos marchistas con forza e conciencia, e lembrou a a impunidade e a corrupción coa que está construída Reganosa (vídeos 1 e 2). Foi Lupe Ces na súa intervención a que explicou o porque hai que continuar na loita contra a instalación da Planta de Gas no corazón da nosa Ría "unha comunidade que non se organiza e non loita contra a inxustiza, embrutécese e acaba sucumbindo ao 'todo vale', e á lei do máis forte, que som os principios nos que se sustenta Reganosa. Na nosa Ría queremos comunidades onde as nosas fillas e os nosos fillos podan vivir con seguridade e ter futuro". pechando as intervencións, falou o actual coordinador do Comité Cidadán, Manuel A. Rodríguez Carballeira (Lalán) que analizou o estado da situación da loita contra Reganosa (vídeo 3). O acto continuou coa confraternización da veciñanza de Meá c@s participantes na marcha vermella.


http://youtu.be/UsIGRvGd-sQ



http://youtu.be/kxgAd4uxz8s



http://youtu.be/Sz3TK4cOLog

A orixe da marcha vermella a pé entre Ferrol e Mugardos

Desde hai sete anos vimos marchando ano pos ano, desde que o fixeramos por primeira vez en Xullo de 2007, trataba-se de solizarizar-se coa veciñanza de Meá que comezara un peche na Casa do Concello de Mugardos, peche que durou 111 días. Na dura loita contra REGANOSA, o papel da veciñanza de Meá, perante estes 15 anos foi e segue sendo moi importante, mais estes 111 días de peche, foron enriquecedores para o movimento social e cidadán opositor a REGANOSA e ao seu despropósito gasístico no corazón da nosa Ría: a Planta de Gas.

Podes-se ver a crónica destes 111 días, no blogue: "Rompendo muros de silencio".

---

REGANOSA: MAFIA, FRAUDE E CORRUPCIÓN

Sabías que a planta de REGANOSA é absolutamente innecesaria para o sistema gasista e que aporta tan só o 1 % do total do gas que chega ao estado español?

Sabías que REGANOSA só traballa ao 16% da súa capacidade por falta de clientes e que nos costa a todas e todos  os consumidores perto de 60 millóns de euros/ano?

Sabías que antes da entrada en funcionamento da planta de REGANOSA, Galicia xa estaba conectada a outras plantas por gaseoductos que agora se manteñen pechados?

Sabías que REGANOSA non ten Declaración de Impacto Ambiental a pesar de verter, no proceso de regasificación, na Ría de Ferrol máis de 300.000 Tons/día de auga contaminada con altas doses de hipoclorito sódico?

Sabías que o Tribunal Supremo sentenciou que a Planta de REGANOSA é ilegal ao anular a modificación do Plan de Ordenación pola que se lle outorgou a autorización?

Sabías que REGANOSA cobra a mesma cantidade de diñeiro independentemente do gas que sirva ao sistema gasista?

Sabías que o negocio de REGANOSA consiste en cobrar retribucións polo diñeiro que investiron na planta?

Sabías que os 400 millóns de euros que leva cobrados REGANOSA obedece a un proceso continuado de corrupción política e económica tras incrementar fraudulentamente as inversión realizadas?

Sabías que realizaron o fraude vendéndolle a REGANOSA,  os mesmos socios a prezos altísimos, os terreos onde se instalou a planta, e incluso transmitíndolle  ilegalmente por 25 millóns de euros unha concesión portuaria?

Sabías que no consello de administración está Jose Luis Méndez, expresidente de Caixa Galicia que a levou ao crack e da que arramplou 15 millóns de euros?

Sabías que un dos socios de REGANOSA é a compañía Gas Natural Fenosa que decidiu construir os gaseiros en Corea do Sur e Xapón e ten intervidas en Italia varias empresas por colaboración coa Mafia?

Sabías que a capacidade de almacenamento de gas natural licuado que ten Reganosa é equivalente a 12 millóns de bombonas de butano e que ten unha equivalencia enerxética a 120 bombas atómicas similares as de Hiroshima?

Sabías que o sector gasista do gas licuado (GNL) está tan mal en España que o mes pasado tivo que vender case a totalidade do gas que se importou?

Sabías que os promotores de Reganosa incumpren as condicións que levaron para a aprobación da planta, ao non construír as industrias químicas que ían absorber unha parte do gas licuado (GNL), e a administración de gas ás térmicas de Ciclo Combinado está paralizada?

Sabías que as plantas térmicas de ciclo combinado existentes en España están practicamente paradas debido ao elevado prezo do gas natural licuado (GNL), xerando o que se lle chama a "burbulla enerxética"?

Sabías que no caso de accidente dun camión cisterna de 25 Tons de gas establécese un perímetro de seguridade de 600 m?

Sabías que a Xunta ten aprobado temerariamente un Plan de Emerxencia Exterior para a planta de gas e o complexo petroquímico ”Forestal del Atlántico”, establecendo unha zona de alerta de 213 m a partires dos tanques, cando a planta de Bilbao, establece unha distancia de 3.049 m?
---


Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, temos que esixir o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.
O CCE ten posta a venda unha rifa para recaudar fondos necesarios para facer fronte aos gastos dos procesos xudiciais emprendidos.


IMG-20140714-WA0027-1

---


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon