sábado, marzo 21, 2015

Estamos fartos, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
21.03.2015

E agora o mais o difícil aínda, o alcalde de Ferrol anuncia unha nova obra: "Trataríase dun complexo co auga como protagonista, este ambicioso proxecto contaría cun investimento duns 6 millóns de euros", a localizar na zona do Bertón, despois da cidade da "xustiza" no antigo Sánchez Aguilera, tócalle agora a quenda a cidade do deporte no Bertón, con mil millóns das antigas pesetas, non bastan os ascensores panorámicos, non bastan "pipicans" por aquí e por ala, agora "ao grande"; piscinas de cincuenta metros "si faifalta" que para iso estamos en Ferrol, a cidade mais rica de Galicia. E por si non fosen poucas as promesas do PP na anterior campaña electoral do 2011, recordemos; estacionamentos subterráneos en Caranza, Ultramar, praza de Armas, centro de saúde en Canido, residencias para vellos en Covas e no Bertón, e un gran centro turístico na zona portuaria con edificios novos e bares moitos bares....Agora serán un total de 8.700 metros cadrados dedicados o deporte e a auga sic.

Non sei en que cidade viviran estes gobernantes, non se dan conta ou non se queren dar conta que en Ferrol superamos o 30 por cento de paro, que o 27 por cento do pequeno comercio leva pechado xa desde o 2007, que perdemos mil habitantes ao ano e que so chegamos o 52 por cento de taxa de actividade. E que estamos sobre todo fartos moi fartos.

Con este panorama como poden os actuais mandatarios seguir con esta sarta de ocorrencias, xa sei que estamos en campaña electoral, pero non debería valer todo en campaña, non debería valer prometer un aeroporto para Ferrol, con metro incluído, non debería valer prometer unha ponte de San Francisco que cruzase a ría con dobre dirección por exemplo. Que ao paso que vamos e posible que cheguemos a tales disparates.

A situación de Ferrol non dá para máis, despois das mal chamadas políticas de austeridade aplicadas polo partido popular a cidade esta a sufrir unha situación social de extrema gravidade. E o alcalde e o seu partido están a protagonizar esta farsa a modo de esperpento. Non deberían estar a xogar como están a xogar coa credibilidade da xente, como se se tratara duns vulgares trileiros. A cidade non o merece. Os veciños e as veciñas merecemos respecto e non ser humillados con falsas promesas. Merecemos un goberno municipal decente.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
19 de março de 2015 23:31
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon