domingo, xullo 05, 2015

Sensibilidade, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
05.07.2015


É incrible o entusiasmo que poñen algúns medios informativos para lle buscar tres pés a un gato cando se trata de desprestixiar a un rival. Eis os casos deses concelleiro e concelleira madrileños dos que case están a pedir as súas cabezas por un par de chistes malos ou por unha protesta nunha capela. Home, eu coido que, se cadra, como moito poderían merecer uns tiróns de orellas pola mala calidade dos chistes do primeiro, ou pola falta de sensibilidade da segunda, mais non parecen actuacións tan graves como para non considerar nin respectar as propias sensibilidades dos que protestan. E máis tendo en conta a cantidade de corruptos que están a campar polos seus respectos, sen que ninguén se alporice porque aínda non estean na cadea. Iso, tratándose dun país no que algúns presidentes e ministros “menten máis que falan” e no que se incumpren sistematicamente acordos institucionais e fallos xudiciais, máis parece unha perrencha que outra cousa. Non é?

Publicado no Diario de Ferrol | 02.07.2015

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon