xoves, novembro 19, 2015

Colectivos de mulleres galegas trazan no Parlamento Europeo medidas para facer fronte á violencia machista





Colectivos de mulleres galegas trazan no Parlamento Europeo medidas para facer fronte á violencia machista. | Seis ponentes especializadas aportaron claves para detectar e afrontar a violencia machista estrutural presente na aplicación das políticas públicas. | Preguntas parlamentarias á CE e o rexistro dunha demanda ao Estado español a través da Comisión de Peticións do PE, seguintes accións a poñer en marcha.

Convocada dende Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), onde Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) está integrada,  a eurodeputada Lídia Senra coordinou durante o día de hoxe unha xornada dirixida a analizar o sesgo machista nas políticas, centrada nun eido especialmente sensíbel como é o da xustiza. Esta xornada terá ademais continuación co traballo parlamentario de AGEe a través do rexistro de varias preguntas dirixidas á Comisión Europea co obxecto de "poñer en coñecemento a interpretación sesgada das políticas dirixidas a afrontar a violencia de xénero no Estado español, un territorio no que, cómpre lembrar, 48 mulleres foron asasinadas por machistas, 6 na Galiza", reiterou a eurodeputada galega.

Máis dunha trintena de galegas pertencentes a varios colectivos de mulleres e menores que traballan día a día para acabar coa violencia machista achegáronse a esta xornada no Parlamento Europeo (PE) en Bruxelas convidadas por Senra. A esta cita asistiron tamén a concelleira de Políticas Sociais de Compostela, Concha Fernández, a concelleira de Igualdade e Diversidade da Coruña, Rocío Fraga e a concelleira da Marea de Vigo, Marga López.

Durante todo o día, no marco da xornada ‘O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza’, seis poñentes especializadas subliñaron as claves para detectar e afrontar a violencia machista presente nos procesos xudiciais.

A psicóloga e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonica Vaccaro centrou a súa intervención no emprego da polémica[1] Síndrome de Alienación Parental (SAP) na xustiza como "outra das facianas da violencia machista"[2]. Vaccaro introduciu este concepto ideado polo psiquiatra estadounidense Richard Gardner[3] en 1985, subliñando o feito de que Gardner elaborou esta teoría considerabelmente embriagado pola  súa propia misoxinia persoal, partindo da cal deduciu que nos procesos de separación ou divorcio "as nais fan un lavado de cerebro ás fillas/os" para poñelas na contra dos pais. Gardner permítese ademais a propor a imposición de multas, perdas permanentes de custodia e prisión para as nais acusadas e, para aquelas nenas e nenos que rexeiten ser separadas/os das súas nais "levalos a un centro de detención xuvenil para que reconsideren a súa decisión"; é o que el denominou "a terapia da ameaza". O problema é que, a día de hoxe, estanse vendo procesos xudiciais nos que se está alegando a existencia desta suposta síndrome, malia a que "Gardner nunca probou nin a súa teoría nin a terapia proposta, nin está recoñecido nin pola OMS, nin polo Manual Diagnóstico dos Trastornos Mentais", reiterou Vaccaro.

Lorena Garrido Jiménez, profesora e investigadora da facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Barcelona e integrante do Grupo de Investigación Antígona, analizou a través da ponencia "Violencias machistas e dereito androcéntrico: retos pendentes" as características xerais da lexislación do Estado español en relación á violencia machista, da cal lamentou a súa dificultade para afrontar "o problema dos neomachismos e os novos mitos estereotipos como o SAP". Garrido subliñou asemade a ausencia na lexislación estatal doutras violencias machistas, "como cando se exclúe das estatísticas os asasinatos de mulleres que teñen lugar fóra das relacións de parella", xa que non son tidas en conta na Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

Das 17 Comunidades Autónomas do Estado, só 9 dispoñen de recursos específicos para vítimas de violencia sexual”, denunciou ao tempo que destacaba a necesidade de que se trate a igualdade como dereito fundamental. Así, incidiu na situación preocupante de que os Orzamentos do Estado para Igualdade diminuíron un 49% e os destinados a violencia de xénero un 23%. “Nos xulgados especializados persisten estereotipos”, asegurou. Segundo datos do 2012 e 2013, só o 20% das mulleres asasinadas por violencia de xénero nos dous últimos anos alertaran de malos tratos, e so o 7% contaba cunha orde de protección.

Pola súa banda, a Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez Prada, interveu nesta xornada facendo fincapé na necesidade de abordar a violencia machista desde o punto de vista da psicoloxía para poder realizar unha abordaxe integral e poder atallar realmente o problema. Un problema que acada visibilidade cando hai un asasinato, pero o problema empeza moito antes de chegar a esa “punta do iceberg”. “Por cada asasinato hai miles de mulleres que viven esta realidade en silencio, e hai unha parte que incluso non saben ou non recoñecen que sofren violencia”, dixo.

Rosa Álvarez destacou que no que vai de ano, en Galiza o número de mulleres asasinadas a mans de homes representa o 13% da poboación, o dobre poboacional do que representamos no conxunto do Estado. Ante esta situación, “teriamos que estar falando de terrorismo”, afirmou, “pero non se fala nestes termos porque este terrorismo non desestabiliza aos poderes nin ás institucións”. “En todos os casos de violencia de xénero, sempre existe maltrato psicolóxico: dominación, control, coerción, aillamento, ameazas, esixencia de obediencia, desvalorización,…”, engadiu, considerando que a obriga debe ser “demostrar que a violencia contra a muller é evitable e non é aceptable. É unha responsabilidade do conxunto da sociedade e non é un problema íntimo dunha parella”. Nunha enquisa elaborada polo Ministerio, o 70% recoñecen que o apoio psicolóxico é o recurso que lles parece máis importante no caso de sufrir violencia da súa parella ou ex parella. Nesta tesitura, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza ofrece dous programas de atención psicolóxica especializada en materia de violencia contra a muller. Sen embargo, tachounos de programas que soamente son “un parche á lei, porque a atención psicolóxica non debería estar en mans de asociacións ou de entidades conveniadas, senón que tería que formar parte dunha carteira de servizos públicos, gratuítos e garantidos". En Galiza, a asistencia psicolóxica a vítimas e agresores teñen un número de sesións financiadas limitadas. “Non existe garantía asistencial. Quen poida pagar poderá continuar coa terapia. Quen non poida, non. Esta situación anómala de non integrar a psicoloxía nunha rede pública non é so un síntoma de atraso, senón de inxustiza social”.

Rosa Fontaíña Pazos, coordenadora da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, centrouse nas dificultades das vítimas nos procesos xudiciais. Así, sinalou que hai múltiples aspectos que fallan, sobretodo na atención á hora de denunciar. En moitos casos, non se lles informa de que teñen dereito a ser asistidas por un/ha avogado/a e, lonxe diso, danse casos nos que “as forzas de seguridade crean desánimo nas mulleres ou lles comentan que a persoa avogada pode demorarse horas”. “É necesario ademais que se empreguen linguaxes sinxelas” e que todas as persoas poidan entender para non crear máis trabas. Xa no proceso xudicial, Fontaíña denunciou que nos chamados xuízos rápidos, é habitual que as mulleres pasen moitas horas agardando soas, sen apoio, sen poder comer nin ausentarse, o que dificulta que poidan estar “en condicións para poder realizar unha declaración”. Sería necesario evitar situacións que poñen en perigo ás mulleres, como á hora de ir recoller os seus obxectos persoais á casa do maltratador. “É imprescindible que as forzas de seguridade as acompañen”, dixo. A lentitude da xustiza nos divorcios, por exemplo, é algo a paliar.

De especial relevancia é a necesidade de que todas as persoas que desde algún ámbito profesional atenden ás mulleres vítimas de violencia (avogacía, funcionariado dos xulgados, xuízas/es) teñan unha formación específica e continuada en violencia de xénero, o que non está a acontecer. “Débese de promover a intervención integral, facilitando o acompañamento social ás mulleres en todos os trámites que necesiten, potenciando a rede social e de axuda mútua”, engadiu.

Para abordar a situación específica das mulleres labregas, dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, labrega e coordinadora da Área das Mulleres do SLG, salientou “a dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación, a falta de infraestruturas e servizos públicos, a escaseza de políticas de igualdade e medios económicos, a falta de intimidade vinculada ao desenvolvemento da vida diaria en círculos sociais moi próximos e a normalización da división sexual do traballo” como algunhas das realidades “que debuxan o marco das mulleres labregas a nivel de aplicación de políticas relativas á igualdade”.

A representante do Sindicato Labrego Galego citou como exemplo concreto de políticas con sesgo machista aplicadas sobre as mulleres labregas o caso da titularidade das explotacións agrarias. “Nos anos noventa iniciamos a loita pola titularidade compartida, pero non foi ata principios do século XXI cando se mudou a lei para crear unha especie de rexistro que tan só nos identificaba como 'axuda familiar'. Tivemos que agardar ata o ano 2011 para que se aprobara a Lei 35/2011 de Titularidade Compartida”. Sen embargo, malia a este avance, “é unha Lei de carácter voluntario e sen ningunha medida de acción positiva para a súa implantación, e ademais precisa a sinatura de autorización da  outra parte”.

Seguidamente, Estrela Gómez Viñas, coordenadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), denunciou a través da ponencia “Nenos, nenas e adolescentes en procedementos xudiciais. A negación do dereito a ser escoitadas” a estandarización dunha práctica xudicial "que imposibilita que o testemuño dun neno ou dunha nena que sofre maltrato chegue a ser válido nun proceso". Ademais, as crianzas vítimas de violencia machista, 840.000 anualmente segundo datos do CIS (2011), "non son así consideradas dende o punto de vista legal salvo casos moi graves".

Esta semana AGAMME presentará ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo unha demanda ao Estado español por incumprimento das directivas europeas en materia de violencia de xénero e menores de idade, xa "a mala praxe xudicial do Estado español produce indefensión ao obstaculizar o enxuizamento deste tipo de delitos, provocando que as vítimas de violencia de xénero e os nenos, nenas e adolescentes que sofren maltrato a mans do proxenitor sexan privados dos seus dereitos durante o procedemento".

A eurodeputada da Esquerda Plural Ángela Vallina, integrante da Comisión de
Mulleres do Parlamento Europeo, resaltou na clausura da xornada a importancia de realizar encontros como estes, nos que "mulleres con longa experiencia poñen en común a problemática e evidencian o retroceso en dereitos das mulleres e o avance do patriarcado". A deputada asturiana fixo fincapé en que "outra vez estamos en pleno auxe do machismo, polo que resulta importantísimo formar neste tema xuíces e xuízas, psicólogas/os, peritos, etc. que contribúa a limitar o sesgo machista das políticas públicas".

Bruxelas, 18 Novembro 2015.


Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
lidia.senra@europarl.europa.eu http://ageuropa.gal/
https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Notas.-
[1] Inventado polo psiquiatra estadounidense Richard Gardner, o SAP é unha falsa síndrome que non está recoñecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nin polo Manual Diagnóstico dos Trastornos Mentais (DSM-IV). Tampouco pola Asociación Médica Americana nin pola Asociación Americana de Psicoloxía. A suposta existencia desta síndrome ten sido empregada para poñer en entredito acusacións de abusos sexuais a nenas e nenos, posto que a pedofilia é considerada por Gardner como "un modo máis de orientación sexual humana" na súa publicación “Theory About the Variety of Human Sexual Behavior", en True and false accusations of child sex abuse, R. A. Gardner, MD, 1992, Creative Therapeutics, NJ, EE.UU. Pág. 1-39.
[2] Vaccaro, Sonia, Análisis sobre las bases científicas del Síndrome de Alienación Parental de Gardner (SAP) y los riesgos de su aplicación como “trastorno médico y psiquiátrico” en los juzgados de España
[3] Gardner, R. A., “Legal and Psychotherapeutic Approaches to the Three Types of Parental Alienation Syndrome Families. When Psychiatry and the Law Join Forces”, Court Review, 1991, 28, 1, pp. 14-21.

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
18 de novembro de 2015 17:48
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon