martes, xuño 28, 2016

Reflexión post 26X, ... Por Lídia Senra

Por Lídia Senra [*]
28.06.2016


Que o PP gañara onte as eleccións é unha moi mala nova, pero eu son das que penso que a clave do seu éxito está nos erros dos outros. A soberbia e a prepotencia son todo o contrario da humildade que deberiamos ter as forzas de esquerda.

En clave galega, equivocáronse as e os que pensaron que a compoñente nacionalista de En Marea non era un valor e que se bastaban por si sós. Considero que un dos factores máis importantes para estes resultados foi que erraron cando decidiron impoñer que non se explorara ningunha nova fórmula para ter grupo propio no Congreso e tamén, intensificando o desembarque "triunfal" de líderes e lideresas españolas que, aínda que en clave moderna, nada tiña de diferente coas campañas habituais do españolismo de sempre.

Eu creo que na perda de votos de En Marea e na abstención de moito voto nacionalista desencantado co Bloque Nacionalista Galego hai un severo castigo a estas actitudes prepotentes que na teoría din asumir que Galiza é suxeito político e mesmo din que están polo dereito a decidir, pero que na práctica actúan tratándonos como meras sucursais do centro español.

Eu son das que penso, ao igual que moitas e moitos de nós, que as alianzas na esquerda son imprescindíbeis, pero sen imposicións. Somos as galegas e os galegos quen temos que decidir o que queremos, por iso penso que a cidadanía galega actuou con moita sabedoría enviando un aviso a navegantes, dicíndonos "ollo que se seguides por aí, ides mal para as galegas".

Aínda estamos a tempo, só falta ver se teremos a humildade necesaria para responder ás súas arelas.

Texto tirado do facebook de Lídia Senra.

[*] Eurodeputada Galega de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon