Amosando publicacións coa etiqueta Acción Social. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Acción Social. Amosar todas as publicacións

mércores, febreiro 22, 2012

Esquerda Unida esixe á Xunta de Galicia os equipamentos dos comedores sociais e un plan para a súa extensión ao conxunto dos barrios da cidade ao longo deste mandato - Por outra banda manifestan o rexeitamento ao custo e ocorrencia-proxecto para a antiga Praza da Porta Nova - rebautizada nos tempos da ditadura como Praza de España

Informacións do Grupo Municipal
Ferrol, martes 21 de febreiro de 2012

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA COMO GASTO INNECESARIO O QUE O GOBERNO PROXECTA NA PRAZA DE ESPAÑA
“VANSE DESPILFARRAR PRETO DUN MILLÓN DE EUROS PARA PLANTAR UNHA DECEA DE ÁRBORES”, DENUNCIA JAVIER GALÁN

O Grupo Municipal de Esquerda Unida empraza ao alcalde de Ferrol a aplicar a austeridade en materia de ocorrencias travestidas de proxectos, e a aforrar o gasto anunciado para volver cambiar cousas na Praza de España. Este Goberno Municipal teima en contrarreformar os proxectos previos, nunha furia sectaria que nos custa centos de milleiros de euros á cidadanía. Xa abondo nos custaron as ideas do PP sobre a Praza de España no pasado como para que tornen a imaxinar máis cousas para este espazo público. O que lle importa ás persoas traballadoras, á cidadanía de Ferrol é o reto de garantir protección social ás persoas golpeadas pola crise e as respostas neoliberais que se seguen a aplicar logo de ter causado a actual crise e recesión; en resumo, EU defende que non hai que malgastar en obras innecesarias ou superfluas os cartos públicos.

Por poñer un exemplo do necesario e do superfluo, quérense gastar na Praza de España unha cantidade de preto dun millón de euros, cando o que se precisa con urxencia é a intervención na praza do Callao. Se esta última intervención semella urxente dado o deterioro do espazo e a densidade de tráfico que soporta, a intervención na praza de España cheira a unha das ocorrencias e modificados deste Goberno, insatisfeito con calquera obra pasada. A recreación virtual que se publica hoxe supón unha ráteo árbore-euros desmesurada: para plantar unha decea de árbores o custo dispárase a 100.000 euros por exemplar.

“Prudencia e austeridade semellan aconsellables para que o PP non volva a reabrir unha Praza onde cometeu erros abondo no seu anterior Goberno Municipal,” sinala Javier Galán. Se queren plantar árbores que o fagan coa cuadrilla municipal, pero que se aforren centos de milleiros de euros nun proxecto-ocorrencia.

A nosa organización chama a atención ao Goberno Municipal por reiterar o mal estilo antidemocrático de exhibir fotomontaxes nos medios de comunicación que son descoñecidos para os Grupos Municipais da oposición.

Pedimos en suma que non xoguen cos cartos públicos en cuestións innecesarias neste intre, cando tantas necesidades sociais e pobreza restan desatendidas na nosa sociedade.

ESQUERDA UNIDA DEMANDA QUE A XUNTA DE GALICIA SE FAGA CARGO DOS COMEDORES SOCIAIS DA CIDADE
YOLANDA DÍAZ DEMANDA UN ACORDO MUNICIPAL QUE PLANIFIQUE A APERTURA DESTES CENTROS EN TODOS OS BARRIOS DA CIDADE NESTE MANDATO

O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia o mal quefacer do Goberno Municipal que atrasando os pagamentos a entidade social que xestionaba os comedores sociais non deixa de producir senón unha decisión “ difícil e dolorosa” segundo manifestou a propia entidade, a asociación Dignidad. O noso Grupo Municipal chama a atención e recrimina ao Goberno Municipal a mala xestión da área económica, que reproduce agora os atrasos e impagos dos que acusou nestes meses atrás ao Goberno anterior. “Este Goberno estase a especializar nos atrasos para solucionar problemas e nas demolicións para producilos” denuncia Yolanda Díaz, Voceira do Grupo.

Yolanda Díaz afirmou que a súa organización levará ao Pleno a petición, en forma de moción, para que os comedores sociais sexan asumidos pola Xunta de Galicia. Goberno Feijóo que ten en Ferrol a un pagano das súas deixacións, sexan estas os comedores escolares ou este outro equipamento social. Corresponde asumir unha fórmula para o longo prazo e non parchear sobrecargando de traballo a entidades sociais que xa desenvolven outras labouras, e que aínda por riba sofren logo a mala xestión económica deste Goberno.

Doutra banda, EU entende necesario acadar un acordo no seo do concello, acordo que contemple a programación e a dotación cos recursos suficientes destes equipamentos sociais, de xeito que en todos os barrios da cidade se garanta a posta en funcionamento dun comedor social ao longo deste mandato, comezando pola posta en funcionamento do comedor social de Esteiro e San Pablo, zonas onde xa hai os medios e recursos para poñelos en marcha. Falla o de case sempre: a vontade de ampliar as prestacións sociais a nosa veciñanza.

Razóns de orde social e demanda cidadá fundan dar este salto que permita estender ao conxunto da cidadanía a prestación dun servizo cada vez máis necesario por demandado.

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
21 de fevereiro de 2012 14:12
Prezadas/os amigas/os: remitimos dúas INFORMACIÓNS do Grupo nas que pedimos a asunción pola Xunta de Galicia dos equipamentos dos comedores sociais e un plan para a súa extensión ao conxunto dos barrios da cidade ao longo deste mandato, comezando por San Pablo e Esteiro; doutra manifestamos o noso rexeitamento o custo e ocorrencia-proxecto para a praza de España. Saúdos, Ramiro Marier
___________________