Amosando publicacións coa etiqueta Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello. Amosar todas as publicacións

sábado, agosto 30, 2014

A Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello presenta alegacións ao Plan Especial do barrio


A COMISIÓN CIDADÁ POLA RECUPERACIÓN DE FERROL VELLO PRESENTA ALEGACIÓNS AO PLAN ESPECIAL DO BARRIO

A falta de compromiso das administracións públicas á municipal, e de ferramentas de xestión máis eficaces para a recuperación do barrio, xunto á inxustificable proposta de unión de parcelas, son as eivas máis graves que a Comisión atopa nun documento que, en xeral, recoñece e protexe os valores culturais e históricos que levaron ao barrio ser declarado BIC no ano 2011.

A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello ven de presentar alegacións ao documento do Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello, co fin de mellorar a ordenación contida no documento aprobado inicialmente o pasado día 16 de Maio.

Entre as alegacións presentadas están as relativas a aspectos como a necesidade re-ordenar a parcela da Fábrica de Lápis, definir mellor o destino das dotacións urbanísticas, recuperar os soportais da fachada portuaria, priorizar o aparcadoiro de residentes antes de suprimir prazas de estacionamento nas rúas do barrio, definir de forma menos ríxida a re-urbanización dos espazos públicos, afondar na mellora das infraestruturas e servizos, limitar os usos terciarios en plantas superiores e os garaxes en planta baixa, ter en conta modos de mobilidade como o transporte público e a bicicleta e mellorar a protección dos elementos de edificios non catalogados.

Porén, a maior énfase ponse en tres aspectos que consideramos fundamentais: a falta de compromisos económicas por parte das administracións públicas, a falta de concreción de mecanismos de xestión máis eficaces que os existentes e a proposta de unificación de parcelas contida no artigo 87 da súa normativa, que permite de modo case xeneralizado a unificación de parcelas, ata 3 e ata unha lonxitude de fachada de 12 m. Esta medida contravén claramente o fundamental dos valores históricos do barrio, que é o alto grao de conservación do seu parcelario orixinal, ao tempo que contradí claramente a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que establece que os Plans Espaciais só poderán contemplar a alteración do parcelario en casos excepcionais e xustificados na conservación dos valores do Conxunto Histórico.

A falta de compromisos de investimento por parte de organismos e institucións como son a Autoridade Portuaria, o Ministerio de Facenda ou o IGVS, propietarios de predios como son o edificio da Xunta de Obras do Porto, o edificio de Aduanas e algúns edificios e solares en Argüelles, é clamoroso. O financiamento do desenvolvemento do plan descansa integramente no Concello de Ferrol, nas axudas tipo do Plan de Vivenda e na iniciativa privada de propietarios e promotores. Falta sequera dun euro adicado á re-urbanización das rúas que puidera provir do Plan Urban ou de administración públicas como o Ministerio de Fomento ou a Xunta de Galicia. Faltan tamén previsións concretas de fondos para a rehabilitación dos edificios como o Centro Cívico ou a Casa de Carvalho Calero ou a adquisición de outros con fins dotacionais. No mesmo eido non se prevén mecanismos de xestión máis eficaces que os existentes, ferramentas que garantan multiplicar por catro, como o plan prevé, o ritmo de rehabilitación de edificios no barrio durante os próximos 12 anos.

Para a Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello o plan polo que levamos loitando dende o ano 2005 non debería servir só para a que o Concello recuperase as competencias sobre o barrio á hora de outorgar licenzas ou para que os promotores e propietarios puideran facer obra nova. É tamén unha oportunidade única para artellar a recuperación do barrio dende o convenio inversor das diferentes administracións públicas e uns medios de xestión e financiamento máis eficaces que permitan acadar os obxectivos do plan no prazo previsto, sempre respectando os valores que motivaron a súa declaración como Conxunto Histórico.

Alegacións presentadas pola Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello en formato pdf. (Acceder/Baixar).

Foto Mobilización polo barrio na Praza Vella, do xornal Praza Pública.
______________