Amosando publicacións coa etiqueta Corralito Financeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Corralito Financeiro. Amosar todas as publicacións

sábado, marzo 03, 2012

O "Corralito Finaceiro" chega a Galiza - Mobilizacións na Coruña e Vigo contra o roubo "legal" dos aforros de máis de 100.000 galegas e galegos


Miles de persoas na rúa para denunciar o "Corralito Financeiro", un fraude "legal" das entidades financeiras, sobre todo a través das chamadas "participacións preferentes". Na Galiza, principalmente, as que reteñen o aforro, contra a vontade dos depositantes, son as antigas caixas de aforro (Caixa Galicia e Caixa Nova), agora Nova Galicia Banco. As rúas d'A Coruña e Vigo foron testemuñas, tamén, das denuncias e berros contra a pasividade dos sucesivos gobernos e a complicidade do Banco de España e da CNMV -Comisión Nacional do Mercado de Valores. Desde Ártabra 21 non podiamos deixar de informar deste síntoma económico tan preocupante. Dun roubo "legal" da banca, unha das grandes responsábeis da estafa chamada "Crise" que no lles chega con ter-se apropiado xa de máis do 8% do PIB (Produto Interior Bruto) do, polo de agora, Reino de España, senón que agora tamén se quere apropiar do aforro de máis dun millón de persoas.

Os afectados polas preferentes mobilízanse a grande escala nunha concorrida xornada de protesta

Son case 100.000 as persoas afectadas en Galicia, cun patrimonio "secuestrado" de 1.200 millóns de euros, segundo as estimacións de Adicae. Centos de persoas acudiron este mediodía á convocatoria desta organización para reclamar unha solución urxente contra o que xa se coñece como "corralito financeiro". As marchas tiveron lugar en Vigo e A Coruña, pero sucedéronse tamén por toda a xeografía española. As accións de protesta, que tiveron lugar en doce cidades españolas, convertéronse á vez nun clamor contra o "abuso bancario", exemplificado en produto como as preferentes, a débeda subordinada, as cláusulas de solo ou os embargos hipotecarios.

"Os reiterados escándalos financeiros que vimos padecendo desde hai máis de 15 anos son un síntoma do funcionamento do mercado financeiro", apuntou Adicae no seu manifesto. Casos como as axencias de valores AVA ou Gescartera; o "descontrol de casos como Forum e Afinsa por parte das autoridades"; a comercialización "tolerada" de produtos de Lehman Brothers por parte de bancos e caixas de aforros; as "manobras do Santander co seu fondo inmobiliario Banif, e un longo etcétera son claros expoñentes desta realidade", engadiu a asociación.

"A última das grandes fraudes" é a venda de produtos como participacións preferentes, bonos e obrigacións subordinadas

"A última das grandes fraudes" é a venda de produtos como participacións preferentes, bonos e obrigacións subordinadas, cotas participativas e "unha longa lista de perniciosos produtos de aforro que foron colocados a máis dun millón de cidadáns dentro dun xigantesco plan bancario orquestrado para salvar as súas contas á costa de defraudar o aforro dos traballadores e consumidores, machucados xa pola crise e o paro", arremete con dureza Adicae. Creouse, así, o xa afamado "corralito" no que se bloquearon "os sufridos aforros de máis dun millón de persoas traballadoras obtidos con gran esforzo e sacrificios".

A marcha en Galicia

En Galicia houbo manifestacións en Vigo e A Coruña, ambas as dúas moi concorridas. Os manifestantes arremeteron non só contra o Banco de España e a CNMV senón que moitos deles, fundamentalmente xente maior, culpaban directamente a Caixanova e Caixa Galicia (por separado). No caso da entidade que tiña sede na cidade herculina, esta comezou a vender as participacións preferentes en 2003, moito antes da fusión.

Entre as consignas que máis se berraron: "Coas preferentes, enganaron a xente"; "Co diñeiro dos currantes, viven os mangantes" ou o socorrido "Mans para arriba, isto é un atraco". Había papeis onde se podía ler "Caixa Galicia, estafadora" e "Castellano, queremos solución", en referencia ao actual presidente de NovaGalicia Banco. Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, foi unha das personalidades políticas que asistiron aos actos de protesta de hoxe, concretamente á marcha de Vigo. Esixiulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha acción decidida para defender aos 100.000 afectados que existen en Galicia só no caso das preferentes. Vázquez estivo acompañado do líder do BNG en Vigo, Santi Domínguez Olveira, e da deputada Carme Adán.

Publicado no xornal dixital Praza Pública, onde hai máis información escrita e multimedia. Recomendamos entrar e navegar e gozar do xornal da Galiza que ven.

Licenza: Creative Commons by-sa
___________________________