Amosando publicacións coa etiqueta Día Internacional polo Peche dos CIEs. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día Internacional polo Peche dos CIEs. Amosar todas as publicacións

martes, xuño 16, 2015

En Ferrol, como en centos de cidades de todo o Planeta, tivo lugar unha Acción no Día Internacional contra os CIEs -Centros de Internamento de Estranxeiros - International Day to Close Detention Centres - Foro Galego da Inmigración - Vídeo


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
15 DE XUÑO DE 2015
DERRIBANDO FRONTEIRAS
Campaña Internacional contra os CIEs

O  Foro Galego da Inmigración convocou este Luns día 15 de Xuño, unha acción simultanea en diferentes cidades de Galiza, dentro da Campaña Internacional do 15X contra os CIEs (International Day to Close Detention Centres). En Ferrol, como noutras cidades do Planeta, tivo lugar unha acto de denuncia, neste caso o acto consistiu na representación dun flahmob, onde foi relatada a vida nos CIEs desde diferentes procedencias xeográficas e onde as persoas son nomeadas por un simbólico número. Posteriormente presentou-se o Manifesto "Derribando Fronteiras", lido pola integrante do Foro en Ferrol, Susana Alaníz, que reproducimos neste escrito, así como un detalle da lectura do mesmo en vídeo.

Este día polo peche dos Centros de Internamento de Estranxeir@s -CIEs, denuncia, ademáis, un conxunto de agresións que sofren as persoas migrantes, especialmente ás que se atopan en situación de irregularidade administrativa, no referente aos seus dereitos fundamentais no conxunto do Estado e tamén en Galiza.

Así "Derribando Fronteiras",  pretende chamar a atención sobre as diferentes fronteiras que sufren ás persoas migrantes en Galiza e no Conxunto do Estado: ás físicas das vallas, CIEs ou deportacións; e tamén as menos visíbeis, dos recortes e limitacións de dereitos que sofre este colectivo en Galiza (prestacións e axudas sociais, atención sanitaria, persecución policial, ou explotación laboral).


https://youtu.be/fWjWxgpwKzs

Manifesto

DERRIBANDO FRONTEIRAS

O 15 de Xuño é o Día Internacional polo Peche dos CIEs, Centros de Internamento de Estranxeiros (International Day to Close Detention Centres). Centros de amoreamento de persoas onde, por lei, se pode estar ata 60 días esperando unha suposta deportación que, moitas veces non se levará a cabo. As condicións son infrahumanas e se exerce sobre persoas que como única falta é carecer dun papel que o converta en persoa residente neste país. Estamos pois, diante dunha represión racista. Unha fronteira que deberiamos derribar.

Pero as fronteiras van moito máis aló dos propios CIE. Día tras día, as persoas inmigrantes están sendo sometidas a redadas e identificacións masivas por motivo de raza ou cor de pel. Redadas que se están executando inclusive nos propios domicilios.

Non nos podemos esquecer da Fronteira Sur, das vallas de Ceuta e Melilla e as ilegalidades que está cometendo o goberno coas expulsións “chamadas en quente” que non son outra cousa que expulsións ilegais. Con todo isto, estase conseguindo a expulsión indiscriminada de persoas e evitando así conceder asilo ás que chegan fuxindo dunha morte segura polos seus países; moitos deles en conflitos bélicos.

Temos outra fronteira fortemente armada nas Deportacións de poboación inmigrante. O goberno do Estado español e empresas nacionais estanse lucrando cos respectivos voos de Deportación. Empresas do grupo Globalia, onde pertencen Air Europa, Viajes Halcón, Viajes Ecuador, Travelplan ou Pepe Phone... son parte de todo este entramado O goberno aprobou con esas empresas algo máis de 12 millóns de Euros para este ano 2015 e para o 2016 en voos de Deportación.

A represión á que é sometida a poboación inmigrante ten outras fronteiras que se volven invisíbeis. A vulneración dos seus dereitos sociais. A presión e toda a burocracia que teñen que salvar para conseguir unha tarxeta de residencia ou que lle presten atención sanitaria é, desde logo, bastante indignante e violenta... A impotencia vólvese o sentimento máis grande; e a sumisión a aceptar as condicións de escravitude nos precarios empregos que atopan, fai que sexa unha poboación cargada de medo. Medo a ser vista, medo a ser oída; medo a camiñar libremente.

Derribemos as fronteiras que nos separan. Os seres humanos somos todos un. Non importa raza, cor, relixión.

Ningunha persoa é ilegal.

Non máis represión á poboación inmigrante

Para máis información:
Miguel Fernández (662-307019)
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 – Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es – 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com
_____________