Amosando publicacións coa etiqueta Decoloniality Europe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Decoloniality Europe. Amosar todas as publicacións

luns, febreiro 08, 2016

A Universidade da Coruña acollerá o 19 e 20 de febreiro as Xornadas “A historia da Europa Decolonial e da Europa dos Pobos sen Estado”, organizadas polo GUE/NGL e AGEe en colaboración con Decoloniality Europe-Galiza Decolonial


Lídia Senra: "Poremos en común as loitas das nacións sen Estado e dos pobos oprimidos pola historia colonial". | A Universidade da Coruña acollerá o 19 e 20 de febreiro as Xornadas “A historia da Europa Decolonial e da Europa dos Pobos sen Estado”. | Será un espazo de confluencia para reflexionar en clave decolonial na Galiza con máis dunha vintena de representantes de colectivos.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ofreceu esta mañá unha roda prensa en Santiago de Compostela, acompañada polo voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, e polo que foi embaixador do Estado Plurinacional de Bolivia ante a Unión Europea ata o paso mes de novembro e membro da Rede de Decolonizar Europa, René Fernández, para presentar as xornadas que os días 19 e 20 de febreiro reunirán no Paraninfo da Universidade da Coruña a máis dunha vintena de representantes de diferentes colectivos de pobos oprimidos de toda Europa.

Baixo o título “A historia da Europa Decolonial e da Europa dos Pobos sen Estado”, estas xornadas, organizadas polo GUE/NGL e AGEe en colaboración con Decoloniality Europe - Galiza Decolonial, traerán á cidade herculina ao sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos, integrantes das CUP de Catalunya, do Sindicato Andaluz de Traballadores e da Islamic Human Rights Commision, entre outras, para participar en diferentes mesas de debate abertas ao público nas que tamén estarán presentes a propia Lídia Senra, Xosé Manuel Beiras, a galega Helena Miguélez-Carballeira, o responsábel de Relacións Internacionais do SLG Xosé Ramón Cendán, o responsábel de Relacións Internacionais da CIG Moncho Boán  e concelleiras da Coruña, Vigo ou Marín.

O que se pretende con estas xornadas de dous días de moita intensidade é seguir establecendo pontes políticas comúns entre a Europa das nacións sen Estado e a Europa dos pobos oprimidos pola historia colonial”, indicou Lídia Senra.


A eurodeputada destacou a importancia para AGEe de organizar e participar nunhas xornadas internacionais deste tipo, “onde poidamos seguir poñendo en común, seguir colaborando e intercambiando experiencias entre os diferentes movementos desta loita dos pobos oprimidos que non é nova”. Neste sentido, salientou que o importante deste evento, como punto de partida, será “coñecernos e intercambiar ideas, dialogar, tendo en conta que estamos nun marco de globalización cada vez máis crecente, onde as decisións políticas que se toman cada vez sen fan en espazos máis afastados de nós, e ante iso, é fundamental que dialoguemos e nos coñezamos. O valor para min é que é un espazo que nos vai permitir poñer en común loitas”.

Pola súa banda, René Fernández explicou que a Rede Decolonizar Europa está composta por membros en toda Europa que tratan de debater e difundir pensamento tendo en conta que as ramificacións do colonialismo hoxe en día perpetúan sistemas patriarcais, eurocentristas, de negación do ser e do dereito de autodeterminación dos pobos, entre outro tipo de opresións.

En definitiva, trataríase de entrar en interacción con toda a xente que loita contra as redes de poder que someten aos pobos a presións produto da historia colonial e con “suxeitos como é o caso dos pobos sen estado que están sometidos á ficción dos Estados-nación”, afirmou.

O que buscamos con este encontro é reflexionar sobre o que nos une, sen perder a nosa personalidade e particularidade de cada un, nutrirnos de reflexións comúns. Cada pobo, colectivo, grupo oprimido ten a súa propia maneira de vivir a realidade que lle afecta en cuestión e unha lectura común sobre de onde ven axuda”.

Na súa intervención, Xosé Manuel Beiras explicou que para a cidadanía galega “é sabido que hai moitos anos que en Galiza o pensamento nacionalista de esquerda estableceu o principio de que Galiza non era só unha nación oprimida, senón unha colonia interna do Estado español”. “E ese fenómeno ten outros análogos noutras partes do planeta”, exclamou. 

Pasamos de ser unha colonia do Estado español a ser unha colonia de Europa, e todo está relacionado coa abolición da soberanía nacional”, dixo Beiras, para denunciar que cando un pobo vota algo que non convén, directamente os poderes europeos non o aceptan. “Non aceptan que emerxa unha esquerda social que se libere das políticas agresoras, e daquela desde a UE manipúlase todo e 'borbonéase', actuando cos sectores reaccionarios”, asegurou.

Para Beiras é de enorme relevancia que haxa este diálogo e que se organicen estas xornadas na Coruña, entre organizacións que combaten en dous eixos diferentes pero interrelacionados: O eixo de toda a Europa Decolonial e o eixo das nacións sen estado, “entendido como o conxunto do pobo, non de clases dominantes que asumen a soberanía nacional pero non asumen a soberanía popular”, matizou.

Neste sentido, Beiras explicou como hai precedentes de como en procesos xurdidos nestes campos, as propias dinámicas deron lugar a confluencias análogas. “En 1985 constituíuse nunha asemblea en Barcelona. A finais do século XX iso foise ampliando coa incorporación de pobos non europeos pero análogos, os saharaius, os kurdos, etc, e máis tarde, no FSM de Belén iso converxeu para formar a Rede Mundial dos Dereitos Colectivos dos Pobos”.

Beiras tivo unha especial mención para Ramón Grosfoguel, de Europa Decolonial, e discípulo de Boaventura de Sousa Santos, “unha figura de enorme prestixio”, de quen en certa medida partiu a idea de artellar estas xornadas.

Compostela, 5 febreiro 2016.

Enlaces de interese:

As xornadas en twitter:
https://twitter.com/decolonialgz

http://decolonialityeurope.wix.com/decoloniality

Dossier das Xornadas | Baixar/Acceder.

Clicando acima da imaxen da cabeceira do post, pode-se acceder/baixar o cartaz das xornadas, por se se quere difundir.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf's: 0034 698 108 434/0032 483 604 027, |lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ e https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.



Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de fevereiro de 2016 15:51

____________________