Amosando publicacións coa etiqueta Feminicidio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Feminicidio. Amosar todas as publicacións

domingo, xuño 04, 2023

Novo asasinato machista na Galiza - A muller asasinada, recibiu varios disparos cando saía de traballar tras finalizar a súa xornada laboral


Novo asasinato machista na Galiza

UNHA MULLER ASASINADA EN OIA NA TARDE DESTE SÁBADO, POLA SÚA EXPARELLA, QUE TIÑA UNHA ORDE DE AFASTAMENTO

A muller asasinada, traballadora da limpeza do cámping, recibiu varios disparos cando saía de traballar tras finalizar a súa xornada laboral.

Os feitos producíronse á primeira hora da tarde do sábado nas inmediacións do cámping O Muíño, situado na parroquia de Mougás, ao pé da estrada que une Baiona e A Guarda.

O asasino escapou, foi encontrado escondido no monte, mais non se entregou e pasadas as 10 da noite pegouse un tiro.

O asasino era guardia civil, ao que se lle retirara a arma regulamentaria, e só facía funcións administrativas.

 Este maltratador e asasino tiña unha orde de afastamento de 300 metros da vítima e a prohibición de comunicarse con ela.

A vítima era natural de Lugo e vivía no municipio desde facía pouco tempo "acollida" por unha veciña.

Este sería o segundo crime machista ocorrido na Galiza este 2023 tras o asasinato dunha muller en Baiona o pasado mes de febreiro polo que foi detida a súa ex parella.

Galiza ten activos máis de 4.000 casos de vítimas de violencia machista
A Delegación do Goberno español informou que hai 688 as mulleres vítimas de malos tratos na Galiza usuarias do servizo de atención telefónica 24 h 'Atenpro' e 113 maltratadores condenados están vixiados permanentemente con dispositivos de control telemático.

Fonte: Nós Diario
https://www.nosdiario.gal/
_______

sábado, setembro 18, 2021

Resposta do Feminismo Galego ante un novo asasinato machista - Sábado 18 de setembro, ás 8 da tarde, en Ferrol, Cabanas e As Pontes, como noutras cidades e vilas da Galiza, están convocadas concentracións de repulsa - Basta de feminicidios, o machismo mata !


Basta xa de Feminicidios !

Resposta na rúa do feminismo galego ante un novo asasinato machista, desta vez n'A Coruña, no barrio d'O Birloque, onde foi brutalmente asasinada Mónica Marcos.

Concentracións este sábado 18 de setembro, ás 8 da tarde,
💜 en Ferrol, na Praza de Armas diante do Pazo Municipal,
💜 Cabanas, diante da Casa do Concello
💜 e As Pontes, na Praza do Hospital,
como noutras cidades e vilas da Galiza, van ter lugar concentracións de repulsa.

O asasino xa tiña antecedentes por violencia machista contra a dúas ex-parellas, en Canarias.

...“estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”...

Basta de feminicidios, o machismo mata !

MAPA DOS FEMINICIDIOS NA GALIZA:

http://feminismo.info/feminismo/feminicidio/

#Feminicidio

#ViolenciaMachista

#MachismoMata

#RespostaFeminista


"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Info baseada na enviada pola:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
17 de setembro de 2021 08:58

_______

sábado, xuño 12, 2021

Baixo o lema 'Inundemos as rúas contra a barbarie machista', en Ferrol, como noutras cidades e vilas da Galiza e do resto do Estado, o Movimento feminista, realizou un acto en repulsa polos feminicidios e a violencia vicaria







Baixo o lema "Inundemos as rúas contra a barbarie machista", en Ferrol, como noutras cidades e vilas da Galiza e do resto do Estado, o Movimento feminista, realizou un acto en repulsa polos feminicidios e a violencia vicaria, violencia que exercen os maltratadores contra as fillas, fillos ou dependentes, para facer dano ás mulleres. Unha forma de violencia machista moi cruel que pretende matar emocionalmente as mulleres, coa intención de que sufran de por vida.

A recuperación do corpo de Olivia a irmá maior de apenas 6 anos de idade, a mil metros de profundidade no mar de Tenerife, unha das nenas desaparecidas, secuestradas polo seu pai, o pasado 26 de abril, desencadeou unha indignación xeral na sociedade. Pasaron máis de 45 días desde o secuestro de Olivia e Anna, As dúas meniñas foron secuestradas polo propio pai, Tomás Antonio Gimeno, e as esperanzas de atopa-las con vida morreron onte ao rescatar do fondo do océano á pequena Olivia.

O pai das nenas enviou unha mensaxe á nai, Beatriz Zimmerman, horas antes de que desapareceran, dicindo que se ía a un lugar lonxe, onde xamais volvería a ver ás pequenas. No dia en que tiña a responsabilidade de deixar as fillas xunto á nai, o pai de Anna e Olivia decidiu fuxir con elas rumbo a alta mar, onde presuntamente as asasinou e as ancorou no fondo do mar.

No emotivo acto de Ferrol, que tivo lugar este venres 11 de xuño de 2021, ás 10 da noite na Praza de Armas, tomou a palabra Beatriz Sestayo que ademais da traxedia do sucedido en Tenerife, lembrou a Rocío, a última vítima mortal e ás outras 17 mulleres asasinadas, vítimas da violencia machista no conxunto do Estado, no que vai do ano 2021. Rocio unha menor de apenas 17 anos, asasinada polo seu ex-compañeiro de só 23, deixa un pequeno, de 4 meses, o sétimo orfo pola violencia machista no que vai de ano.

Ao final do acto pediu-se a liberdade de Juana Rivas, que esa mesma mañá ingresara nun centro de inserción social de Granada para cumprir dous anos e medio de prisión, despois dun longo proceso xudicial, acompañado de intensas mobilizacións do movemento feminista, desde mediados de 2017, por negar-se a a entregar aos seus fillos ao seu maltratador.

Ao remate do acto no que participaron varios centos de persoas, o que ía ser un minuto de silencio, converteu-se en varios minutos de ruído pola rabia e indignación fronte ao feminicidio, e a violencia machista e vicaria que se exerce contra as mulleres polo feito de se-lo.
_______

domingo, febreiro 09, 2020

En Ferrol, en Cabanas e nas Pontes, como en moitos outros concellos da Galiza, van ter lugar concentracións en repulsa por un novo asasinato machista, desta vez cometido en Lugo - Mobilizacións o luns 10 de febreiro


O feminismo galego responde con máis de 40 mobilizacións convocadas para o luns 10 de febreiro en toda Galiza.

Resposta do Feminismo Galego nas Comarcas


En Ferrol , en Cabanas e n'As Pontes, como en moitos outros concellos da Galiza, vai ter lugar unha concentración en repulsa por un novo asasinato machista, desta vez cometido en Lugo.

Accións de repulsa convocadas polo conxunto do movemento feminista galego.

Basta de Femenicidios, o mahismo mata !

Este luns 10 de febreiro.

💜 En Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do edificio da Xunta, ás 20:00hs.

💜 En Cabanas, diante da Casa do Concello, ás 20:00hs.

💜 N'As Pontes, na Praza do Hospital, ás 20:30hs.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
9 de fevereiro de 2020 17:53

_________________

Nova Relacionada:

En Praza Pública | A policía detén o mozo da muller acoitelada en Lugo noutro posible caso de violencia machista. | Praza Pública @prazapublica  | domingo 9, febreiro 202. | Ir á Web.
___________________________

xoves, setembro 19, 2019

En Ferrol como noutras cidades e vilas da Galiza ocuparon-se as rúas para manifestar a repulsa polo brutal feminicidio de Valga - Non á violencia machista


En Ferrol como noutras cidades da Galiza, centos de persoas, na súa grande maioría mulleres, saíron á rúa para amosar a súa repulsa polo triplo asasinato machista de Valga, combate contra o feminicidio. Corte de rúa, siluetas pintadas no pavimento, batucada e un minuto de ruído "... polas que están, polas que non están, polas que perigan, rebelión e autodefensa contra a súa violencia...”. O acto rematou coa lectura do comunicado da Marcha Mundial das Mulleres. Nas comarcas do noreste tamén tiveron lugar actos en Cabanas, As Pontes e Cariño.
#QuerémonosVivas #FeminismoOuBarbarie #NenUnhaMenos #MachismoMata #BastaDeViolencia #RespostemosTodas #GalizaEnPéContraOMachismo !

A continuación transcribimos a nova publicada en Avantar.


As mulleres galegas toman as rúas para manifestar a súa repulsa polo brutal feminicidio de Valga. | Celebráronse concentracións e mesmo manifestacións en decenas de cidades e vilas de Galiza.

As mulleres galegas tomaron novamente as rúas e prazas de Galiza nas decenas de concentracións e manifestacións convocadas ao longo e ancho da xeografía do país para manifestar o seu máis enérxico rexeitamento á violencia machista, tras do brutal asasinato, en Valga, de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino, José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia machista que conmocionou á nosa nación.

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se rexeitou a violencia e se reclamaron medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Para iso, nas cidades e vilas fíxose un chamamento a construír, desde o local ao nacional, un feminismo forte que procure “avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rotineiras ou meras medidas simbólicas” e subliñouse que “a axenda non pode tomar descanso no verán e volver co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa”.

Dúas das asasinadas non serán computadas como vítimas da violencia machista

Denunciouse ademais que dúas das asasinadas neste crime machista, María Elena e Alba, non aparecerán para o Estado como vítimas de violencia machista, pois “pese a que este ten subscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado até hoxe. Segue no papel”.

Recoñeceuse que porén, a lexislación na Galiza, si considera estes crimes como crimes machistas, o que nos sitúa en posicións avanzadas “para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione as nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos”.

Nas mobilizacións advertiuse ademais de que “o tempo de pedir xestos rematou” e afirmouse que “é momento de conquistar realidades”. Por iso denunciouse que “o tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1.766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás vítimas...”

Unha cantidade que consideraron “de miseria” e que, denunciaron, “amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista”. De aí que se rexeitaran as fotos e promesas, as accións cara á galería, os minutos de silencio, as condenas enérxicas e as iluminacións.

Fronte a isto exixiron “medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista. Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo”.

Fartas de que se use o feminismo “para dar cor a acción política”

Xunto a isto denunciaron que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais e a “hipocresía” da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia.

Lembraron que “sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia” e chamaron a cuestionar “os cimentos mesmos da nosa educación para construírnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro”.

O manifesto concluíu coa proclama de que “estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”.

De aí que lembraran que “estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios reais. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir como algo cotián os asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español”.

Ante isto exixiron “que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada”.

Publicado en Avantar.
_______

luns, xullo 22, 2019

Ante un novo asasinato machista, un acto de feminicidio, a Marcha Mundial das Mulleres convoca unha concentración, como noutras cidades e vilas da Galiza, o martes 23 de xullo, ás 8 da tarde, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta


Martes 23, ás 20 hs,
CONCENTRACIÓN
por asasinato machista en Galicia


Convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra:

Martes, 23 de xullo, ás 20 hs

Diante do Edificio da Xunta de Galicia

Praza Amada García – Ferrol.

Outro feminicidio na Galiza, desta volta en Vilalba. María del Carmen Vázquez foi asasinada polo seu excompañeiro, e xa son 33 no Estado no que vai de ano e 1008 desde o 2003.

O machismo mata!
Basta de feminicidios!


O feminismo galego resposta nas rúas!

O teléfono de atención ás vítimas é o 016, atende as 24 horas. Non deixa rastro na factura, aínda que haino que borrar do rexistro de chamadas.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
22 de julho de 2019 09:22

_________

luns, marzo 06, 2017

Em guerra... por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
05.03.2017


As mans que estam a jogar no taboleiro da guerra, venhem de mover ficha na Suécia. O serviço militar obrigatório volve instaurar-se, dis que por sentir a ameaça rusa. Tramp anúncia um incremento no gasto militar e China fai o mesmo. A extrema direita avança em Europa, essa que nom lhe fai noxo a bombardear povos, levantar muros, recluir migrantes… O jogo da guerra, que percebemos periférico, aumenta a sua intensidade e cada dia cheiramos mais perto a pólvora. Mas hai outra guerra coa que convivemos e nom percebemos como tal, onde aparecem todos os elementos que a definem, armas, corpos e vidas destroçados, campos de refúgio, exílio, terror…, assim no-lo ensinou a inesquecível Begonha Caamanho num artigo aparecido no semanário A Nosa Terra na década dos 90. Esta guerra, é a reacçom violenta do Patriarcado contra as mulheres que o estam a destruir. A propaganda de guerra, passeou estes dias um autobús por Madrid para lembrar que a liberdade nom é possível; a nova arma química, a burundanga, demostrou estas semanas no campo de batalha, a sua eficácia para as violaçons, e a explosom provocada por um comando suicida unipessoal acabou coa vida de María José Mateo García em Redondela. Os partes de guerra a diário falam de vítimas mortais e lesons infringidas polo patriarcado e o seu braço armado, a violência machista. Ninguém sabe com certeza onde está o final do conflito, mas é seguro que miles de combatentes somam-se dia a dia ao exército insurgente que loita contra o Patriarcado. Por cada umha abatida no combate pola liberdade, miles se alçam empoderando-se, reivindicando os seus corpos e às suas mentes. Por cada combatente caída, miles de territórios se conquistam para a liberdade. Imos vê-lo este 8 de Março. Veredes-las polas ruas e cidades do mundo, marchando imparáveis, pelejando cada espaço, cada casa, cada cama, na conquista da liberdade.

[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1958, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e da Rede Social de Ferrol Terra. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo e do Colectivo Ártabra 21. Participa nas Marchas da Dignidade. Blogue persoal: Caranza free opiniom.
_____________

venres, febreiro 12, 2016

En Ferrol, como noutros lugares da Galiza, está convocado un acto de repulsa e denuncia ante un novo asasinato machista, desta vez pola morte violenta de Ana Gómez Nieto no concello de Becerrea - Este Sábado 13 de Febreiro de 2016, ás 8 da tarde na Praza do Concello


CONCENTRACIÓN DE REPULSA DIANTE DUN NOVO ASASINATO MACHISTA

A COORDENADORA COMARCAL DE FERROLTERRA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN DE REPULSA POLO ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE ANA GÓMEZ NIETO.

O SÁBADO 13 DE FEBREIRO ÁS 20:00H NA PRAZA DO CONCELLO DE FERROL, DIANTE DO PALACIO MUNICIPAL.

Unha vez máis sairemos á rúa para amosar a nosa indignación polo asasinato dunha muller por violencia machista. Ana foi asasinada polo seu ex-compañeiro sentimental pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas.

Sairemos novamente para rexeitar este cruel asasinato e denunciar unha vez máis a violencia machista instalada na nosa sociedade.

Parar o feminicidio implícanos á sociedade enteira e en todas as facetas da nosa vida. Temos que desmontar as imaxes e os valores nos que se sustenta a violencia contra as mulleres. Neste camiño debemos esixir máis medios nos xulgados de xénero, xuíces e xuízas, policía e garda civil con formación en igualdade, apoio psicolóxico e económico as mulleres.

É precisa unha resposta social contundente contra a violencia machista.

Non consentiremos que a violencia machista continúe asasinándonos!!!!

-- "As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan ao redor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecemento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Información baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
11 de fevereiro de 2016 23:34

______________

xoves, xaneiro 14, 2016

Como noutras cidades da Galiza, en Ferrol está convocado un acto de repulsa e denuncia ante un novo asasinato machista, desta vez pola morte violenta de Caridad no concello de Narón - Este Venres 15 de Xaneiro de 2016, ás 8 da tarde na Praza do Concello


CONCENTRACIÓN DE REPULSA DIANTE DUN NOVO ASASINATO MACHISTA

A COORDENADORA COMARCAL DE FERROLTERRA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN DE REPULSA POLO ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE CARIDAD PÉREZ CASTRILLÓN

O VENRES 15 DE XANEIRO ÁS 20:00H NA PRAZA DO CONCELLO DE FERROL, DIANTE DO PALACIO MUNICIPAL.

Unha vez máis sairemos á rúa para amosar a nosa indignación polo asasinato dunha muller por violencia machista. Caridad foi asasinada polo seu marido pagando coa súa vida a discriminación e a desigualdade que padecemos todas.

Sairemos novamente para rexeitar este cruel asasinato e denunciar unha vez máis a violencia machista instalada na nosa sociedade.

É precisa unha resposta social contundente contra a violencia machista.

Non consentiremos que a violencia machista continúe asasinándonos!!!!

-- "As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan ao redor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecemento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Información baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
14 de janeiro de 2016 11:47

______________

luns, xuño 15, 2015

A Marcha Mundial das Mulleres convida a participar na campaña. "Por unha vida sen violencia, por Isabel Fuentes, por todas"


O 8 de maio asasinaban no CHOU a Isabel Fuentes, veciña de Verín que se atopaba ingresada en Ourense dende o 3 de abril por mor dunha agresión previa atribuída nun primeiro momento a un ataque na súa vivenda e que a mantiña inconsciente. O 8 de maio o seu marido, Aniceto Rodríguez, asasinouna nun hospital público rematando co que, agora xa o sabemos, iniciara un mes antes facendo pasar por un ataque ao fogar o que fóra unha agresión machista.

Isabel Fuentes converteuse así na primeira vítima mortal do feminicidio en Galiza no 2015 e nun símbolo tráxico de todo o que funciona mal no sistema en relación á protección das mulleres que sofren violencia machista. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala. Foi asasinada pola súa parella, polo mero feito de ser muller, mais tamén como consecuencia da ineficacia duns poderes públicos que non a protexeron.

Os protocolos e mecanismos de protección das mulleres agredidas fallaron. Ante as sospeitas dos axentes policiais de que se tratase dun caso de violencia machista tendo ao marido como principal sospeitoso tal e como o trasladaron á xuíza pedindo incluso o traslado de Isabel Fuentes a dependencias médicas vixiadas con visitas restrinxidas en todo o momento a resposta da xuíza foi que non se contaba con "indicios firmes, testemuñas, antecedentes de violencia ou mala relación entre os esposos" e que se trataba de "meras conclusións fundadas en conxecturas ás que chegaron os axentes encargados da investigación pero de todo punto insuficientes".

É inexplicábel que a xustiza ignore a complexidade dos casos de violencia machista onde os "antecedentes de violencia ou mala relación entre esposos" en moitas ocasións só poden coñecerse cando a vítima se decide a denunciar a violencia que sofre, tantas veces silenciada socialmente e vivida dende unha culpabilidade que a invisibiliza. En ocasións nunca se coñece ata que a vítima é asasinada.

As explicacións públicas que coñecemos, fundadas en que a experiencia e a petición dos axentes policiais son meras "conxecturas" sitúanos a todas no campo da desprotección fronte ás agresións onde non só se cuestiona o relato das mulleres que sofren violencia senón mesmo o de aqueles que detectan e denuncian que se trata dun caso de agresión machista. A consecuencia desta desprotección no caso de Isabel Fuentes foi o seu asasinato nun espazo onde debera estar protexida polas institucións e a xustiza e onde ficou, coma xa o estaba antes no fogar, soa ante o seu agresor.

Ante esta situación dende Ourense un grupo de mulleres comprometidas na loita polo dereito das mulleres a vivirmos sen violencia decidimos dar o paso de iniciar unha campaña de denuncia ante o poder xudicial e o Estado pola desprotección sufrida por Isabel Fuentes, que é a desprotección que sufrimos todas cando somos agredidas, e que en ocasións, demasiadas, acaba coas nosas vidas.

Nós, mulleres agredidas por unha sociedade machista, reclamamos ao poder xudicial e ao Estado a responsabilidade de non ter actuado para protexer a Isabel Fuentes cando todos os indicios indicaban que estaba a sufrir violencia machista e demandamos do poder xudicial e dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza medidas efectivas de protección das mulleres fronte ás agresións e asunción de responsabilidades por parte de quen corresponda no caso do asasinato de Isabel Fuentes.

ASINA CONTRA O FEMINICIDIO

A MMM como organización convocante e participante da campaña "POR UNHA VIDA SEN VIOLENCIA. POR ISABEL FUENTES. POR TODAS", convidámoste a asinar nesta páxina para dar o teu apoio á presentación da reclamación e denuncia ás administracións pola desprotección que sufrimos as mulleres fronte á violencia machista.

Por ela, por todas.

http://feminismo.info/feminicidio/

--

Marcha Mundial das Mulleres de Galiza

"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
14 de junho de 2015 14:25

__________________