Amosando publicacións coa etiqueta Homofobia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Homofobia. Amosar todas as publicacións

luns, xullo 12, 2021

Centos de persoas piden 'xustiza para Samuel' polas rúas da Coruña - A cidadanía xúntase para reivindicar que 'non morreu, foi asasinado'. Aliás, demanda pór fin ao discurso do 'odio e a indiferenza'


Centos de persoas piden "xustiza para Samuel" polas rúas da Coruña

A cidadanía xúntase para reivindicar que "non morreu, foi asasinado". Aliás, demanda pór fin ao discurso do "odio e a indiferenza".

Centos de persoas -mesmo perto de 3.000 segundo a organización-, con todo tipo de perfís pois o crime uniu a sociedade coruñesa baixo unha mesma demanda, volveron este domingo ás rúas da Coruña para reclamar xustiza para Samuel Luiz, o rapaz de 24 anos asasinado na madrugada do pasado sábado debido a unha brutal malleira.

Chamadas por entidades do colectivo LGTBQI+, concentráronse antes das 19.30 horas na praza da Palloza para amosar o seu rexeitamento ao crime, con independencia de que o móbil continúe sen ser aclarado polas autoridades nunha investigación baixo segredo.

Rieiros de veciñas e veciños -entre as que se atopaban caras coñecidas da política local e tamén profesionais de medios españois, ademais dos galegos, achegáronse ao punto de encontro até última hora levando con orgullo a bandeira do arco da vella.

Escoltada pola Policía Local e a Policía Nacional, a xente comezou a camiñar (máis tarde da hora estipulada) cara a praza de María Pita, que acolleu a concentración masiva da pasada segunda feira, ao grito de "Non son mortes, son asesinades" nunha linguaxe inclusiva.

Na pancarta que ía diante podíase ler "Ante o odio e a violencia, non mostres indiferenza. #XustizaParaSamuel" e nos carteis individuais deixáronse escritas mensaxes tan reveladoras como "Seguimos protestando porque seguennos matando" e "Os dereitos humanos non son obxecto de debate" e tan irónicas como "Ana Rosa. Cala parva".

Outras das consignas que berraba a cidadanía durante a manifestación, que no momento desta publicación aínda continuaba, foron "Se tocan a unhe, tócannos a todes"; "Rebelión, desobediencia"; "Samuel, irmán, non estás só" ou "Non morreu, foi asasinado".

Proba de que este tipo de accións aínda son necesarias na sociedade actual son anécdotas vividas na previa da marcha, pois familias consideradas normativas que querían participar da loita polos dereitos de Samuel indicaban ao mesmo tempo onde colocarse aos fillos afirmando "ti aquí, cos normais" impoñendo estar xunto a persoas que, quizais para esas unidades familiares, escapaban do arquetipo de persoa LGTBQI+.

Campañas a prol da xustiza e da lembranza

A concentración de protesta fora anunciada por varias agrupacións do colectivo LGTBQI+ en homenaxe a Samuel e para reclamar xustiza polo crime pero tamén coma unha reacción “ante o odio e a indiferenza”.

A LGBTIfobia non só vén en grupo a dar malleiras, ás veces tamén actúa a porrazos, co uniforme e o casco posto, ou ninguneando e desprezando desde comisarías e xulgados ás vítimas de agresións LGBTIfóbicas por parte desta xustiza patriarcal e reaccionaria. Imos pelexar e organizarnos contra as agresións LGBTIfóbicas, non só a defendernos”, sinalaron nun comunicado para dar a coñecer a convocatoria.

Ademais deste tipo de actos reivindicativos tamén está en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para intentar que o Concello da Coruña mude o nome da avenida de Buenos Aires por Samuel Luiz, en lembranza deste traballador da residencia de maiores de Padre Rubinos que foi nesa rúa.

Fonte: Nós Diario - 11 de xullo de 2021.

Foto: Un momento da manifestación desta tarde. (Foto: Nós Diario)

Faite Asinante de Nós Diario
_______

sábado, xullo 10, 2021

Samuel outra vítima da barbarie, ... Por André Abeledo Fernández - É necesario parar esta terrible involución social a tódolos niveis antes que se converta nunha enfermidade endémica, en unha pandemia de odio irracional


Por André Abeledo Fernández [*]
10.07.2021


Samuel outra vítima da barbarie

Ver como unha manda humana de bestas covardes participan no linchamento dun mozo indefenso na Coruña faise moi duro.

Ver a unha manda de asasinos dando unha malleira a alguén aproveitando a súa indefensión, debe facer que salten tódalas alarmas na nosa sociedade.

A posibilidade de que Samuel, un xove inocente, un xove como calquera outro, podería ser o noso veciño, noso irmán, noso fillo, teña sido asasinado pola súa orientación sexual fainos retroceder como sociedade as catacumbas do horror.

Que clase de sociedade estamos construíndo?, que clase de xuventude estamos educando?

Algúns discursos de odio ao diferente están detrás do bestialismo, da deshumanización do ser humano, da barbarie capaz de arrebatar a vida dun inocente de xeito  brutal e covarde.

Existe unha ameaza real de que se poda expandir unha pandemia de odio irracional.

Que un rapaz sexa asasinado sempre é algo dramático e inxusto, pero que sexa asasinado pola súa orientación sexual é algo que como sociedade debe poñernos en alerta máxima.

Samuel, un mozo de 24 años foi vítima dunha brutal agresión de madrugada na Coruña, e falecía como consecuencia das feridas provocadas por unha malleira propinada por un grupo de persoas.

Algúns indicios apuntan a posibilidade de que o conflito tivese como orixe unha gravación cun teléfono móbil, aínda que os seus amigos e tamén os usuarios en redes sociais denuncian que o motivo do asasinato foi a súa orientación sexual.

Os que difunden e defenden o discurso do odio dende a ultradereita están detrás do que pasa no Estado español nos últimos tempos.

O discurso racista, xenófobo, que tamén fomenta a homofobia e dá argumentos a barbarie.

Os que sementan odio irracional, para que a sociedade recolla como froito traxedias e violencia.

Pero non esquezamos que tamén son cómplices os que branquean ou chegan a acordos co fascismo.

É necesario parar esta terrible involución social a tódolos niveis antes que se converta nunha enfermidade endémica, en unha pandemia de odio irracional.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
9 de julho de 2021 16:09

_______

venres, xullo 09, 2021

Manifestación na Coruña: 'Ante o odio e a violencia, non mostres indiferencia' - #XusticiaParaSamuel - O domingo 11 de xullo, ás 19:30hs, desde a Praza da Palloza ate a de María Pita


O pasado 5 de xullo tiveron lugar 80 concentracións na Galiza e decenas máis en cidades de todo o Estado. Reunímonos miles de persoas pedindo #XusticiaParaSamuel, asasinado nunha malleira grupal ao berro de maricón na Coruña a noite dese mesmo sábado.

Saímos a berrar contra a  LGBTIfobia asasina. A dicir que nos están a matar mentres a policía e os medios din que non ten nada que ver que o fagan ao berro de maricón. Atácannos máis e máis mentres vemos como se lexitiman os discursos de odio da extrema dereita. Pero ademais das agresións que sufrimos na rúa, no traballo ou nos centros de estudo, o pasado 5 de xullo foi a policía a que cargou en Madrid ás ordes do Ministerio de Interior e a Delegación do Goberno, deixando feridas e detidas.

Ao día seguinte a portavoz do Goberno dixo que "o goberno apoia as actuacións dos Corpos e Forzas de Seguridade no  reestablecemento da orde que se viu alterado". Todo atado e ben atado. Mentres tanto, seguen minimizando, negando e atrasando todo o posible a Lei Trans, mantendo o aparello racista de estranxeiría e fronteiras que nega a entrada, tamén a quen foxe da persecución á súa identidade  sexoxenérica, ou dando acubillo a sectores  transodiantes que se xuntan coa extrema dereita. Isto tamén é  LGBTIfobia.

A  LGBTIfobia non só vén en grupo a dar malleiras, ás veces tamén actúa a  porrazos, co uniforme e o casco posto, ou  ninguneando e desprezando desde comisarías e xulgados ás vítimas de agresións  LGBTIfóbicas por parte desta xustiza patriarcal e reaccionaria. Imos pelexar e organizarnos contra as agresións  LGBTIfóbicas, non só a defendernos, a atacar este sistema patriarcal e capitalista que nos está matando. Cando non se nos pode sacar o diñeiro, cando cuestionamos os límites, acábase o  arcoiris e a tolerancia e chegan os  porrazos.

Os lavados de cara das forzas represivas do estado unha semana antes no Orgullo  LGBTI disipáronse a golpe de  porrazo contra quen protestaba polo asasinato  homofóbico de Samuel. Non hai campaña de  pinkwashing que oculte que enviaron á policía para golpear brutalmente unha manifestación que rexeita o asasinato dun mozo ao berro de maricón, como o fai en desafiuzamentos, fronteiras ou piquetes.

Estamos ata arriba de raiba e ímola organizar, porque se tocan a unha, organizámonos miles. A mesma represión que sufrimos en canto deixamos de ser rendibles é a que abarca máis aló da disidencia sexual, tamén á clase traballadora e a mocidade cando sae a loitar, ás persoas  migrantes ou a quen  desafíe este réxime herdeiro do franquismo por moito que se pinte de rosa un día ao ano.

É necesario que nos organicemos, por iso desde diferentes colectivos convocamos mobilizacións contra a  LGBTIfobia e a represión en todo o estado español ao longo desta fin de semana. A solidariedade entre as loitas desde unha perspectiva  antirracista,  antipatriarcal e  anticapitalista é unha das nosas maiores armas.  Unámonos pois para unir todas estas forzas que tanto medo danlle a este sistema.

As organizacións LGBT+ galegas convocamos manifestación nacional na cidade da Coruña este domingo día 11 ás 19h30, e chamamos a toda a sociedade galega a acudir á nosa chamada, do mesmo xeito que fixo este luns nas prazas das súas localidades. Contra a LGBTfobia, contra a invisibilización, contra a represión da disidencia, tomemos as rúas!

Se calquera outra organización LGBT+ quere participar na convocatoria pode pórse en contacto connosco [avanteferrol@gmail.com].
 
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de julho de 2021 08:00

_______
 

martes, xullo 06, 2021

#XustizaParaSamuel - En Ferrol, como en toda Galiza, en numerosas cidades do Estado e de Europa, tivo lugar unha concentración de repulsa ao asasinato homófobo do pasado sábado 3 de xullo n'A Coruña - Vídeo detalle da concentración


En Ferrol, como en máis de medio centenar de lugares de toda Galiza e en numerosas cidades do resto do Estado e nalgunhas de Europa, tivo lugar unha concentración de repulsa ante o asasinato de Samuel Luiz a madrugada do pasado sábado 3 de xullo n'A Coruña. Na concentración de Ferrol como no resto das concentracións en máis dun centenar de lugares, denunciaron o carácter homofóbico do violento asasinato. Denunciaron-se os discursos de odio como cómplices do asasinato, lembraron-se diferentes agresións que tiveron lugar n'A Coruña e Compostela e reclamou-se xustiza, para poder vivir sen medo, nin ter que agochar-se e poder vivir en liberdade. Xiana González do colectivo Avante LGBT+ foi quen interveu na concentración.




#XustizaParaSamuel.

A Wikipedia publica unha moi completa e interesante reportaxe sobre todo o acontecido, cos antecedentes, o crime, a investigación, as diferentes reaccións de colectivos, partidos, institucións, ... as multitudinarias concentracións e manifestacións que tiveron lugar nas diferentes cidades e vilas, con notas e numerosas referencias.

Reportanxe na Wikipedia.
_______

luns, xullo 05, 2021

A ameaza real dunha pandemia de odio irracional, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
05.07.2021


A ameaza real dunha pandemia de odio irracional


Que un rapaz sexa asasinado sempre é algo dramático e inxusto, pero que sexa asasinado pola súa orientación sexual é algo que como sociedade debe poñernos en alerta máxima.

Samuel, un mozo de 24 anos sufría unha brutal agresión na madrugada do sábado na Coruña, e falecía como consecuencia das feridas provocadas por unha malleira propinada por un grupo de persoas.

Algúns indicios apuntan á posibilidade de que o conflito tivese como orixe unha gravación cun teléfono móbil, aínda que amigos e usuarios en redes sociais denuncian que o motivo do asasinato foi a súa orientación sexual.

De ser así este asasinato de odio ao meu entender ten máis responsables.

Os que difunden e defenden o discurso de odio dende a ultradereita está detrás do que acontece no Estado español nos últimos tempos. O discurso racista, xenófobo, que tamén fomenta a homófobia e dá argumentos á barbarie.

Os que sementan odio irracional, para que a sociedade recolla como froito traxedias e violencia.

Pero non esquezamos que tamén son cómplices os que branquean ou chegan a acordos co fascismo.

É preciso parar esta terrible involución social a todos os niveis denantes que se converta nunha enfermidade endémica, nunha pandemia de odio irracional.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Imaxe: Comunidade LGBT+.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
andre1474@gmail.com
4 de julho de 2021 17:18

_______

domingo, xullo 04, 2021

Repulsa ao asasinato de Samu - En Ferrol, Cabanas, Pontedeume, As Pontes e Narón como noutras cidades e vilas da Galiza están convocadas concentracións en repulsa polo asasinato homófobo de Samuel - Todas este luns 5 de xullo, ás 8 da tarde, diante das casas dos concellos - #XustizaParaSamuel


Un tráxico suceso conmoveu á sociedade, os medios fixeron-se eco da morte violenta dun rapaz de apenas 24 anos de idade, pasadas a madrugada deste sábado 3 de xullo, na Coruña, na confluencia entre a avenida de Bos Aires e o Paseo Marítimo. Samuel foi agredido por un grupo dunhas catro ou cinco persoas, ate o punto de deixar-lle inconsciente e moi grave, despois de recibir múltiples golpes na cabeza e en todo o corpo, e mais tarde, producir-lle a morte a consecuencias da brutal malleira. Samuel foi ingresado no CHUAC onde xa non puideron facer nada para salvar-lle a vida.

Segundo indican os medios o caso está baixo segredo de sumario, decretado pola xuíza de instrución de garda, mentres continúan as investigacións policiais, para esclarecer o sucedido, mais todo apunta a un caso de violencia homófoba.

Samuel era veciño de Meicende, no concello de Arteixo, onde traballaba nun centro asistencial de maiores.

Ante esta situación colectivos LGTB+ convocan concentracións de repulsa en diferentes cidades e vilas da Galiza, para este luns 5 de xullo. En Ferrol está convocado o acto de repulsa e en demanda de esclarecemento dos feitos, para ás 8 da tarde na Praza de Armas, diante do Pazo Municipal.

Tamén en Cabanas, Pontedeume, As Pontes e Narón, todas ás 8 da tarde, diante das casas dos concellos.

O colectivo Avante LGBT+ fai nas súas redes a seguinte convocatoria:

"Este luns concentramonos nas prazas do país para denunciar o asasinato acontecido na Coruña, esixindo #XustizaParaSamuel e que se esclareza se se tratou dun asasinato LGBTfóbico como indican testemuñas. Agardamos que se sumen máis localidades á convocatoria. Abonda de LGBTfobia!"

Enlaces de interese:

Avante LGBT+ | @AvanteLGBT | @AvanteLGBTFerrolterra |

avanteferrolterra |

Avante LGBT+ é un colectivo LGBT+, feminista, anticapitalista e galego, que loita pola igualdade sexual e de xénero en prol dunha Galiza feminista.

avanteferrol@gmail.com

#XustizaParaSamuel
_______

sábado, marzo 07, 2009

Protesta en Vigo "contra o tribunal popular homófobo"

@s manifestantes rexeitan a sentenza que absolveu por asasinato a Jacobo Piñeiro, autor confeso de 57 puñaladas que acabaron coa vida de dous homosexuais


Unhas mil persoas concentráronse este sábado en Vigo para mostrar o seu desacordo coa sentenza absolutoria do delito de asasinato a Jacobo Piñeiro, autor confeso de 57 puñaladas que causaron a morte a dous homosexuais, Isaac Pérez e Julio Anderson Luciano, en 2006.
A concentración comezou pouco logo das 20.00 horas e a ela acudiron membros de varios colectivos de gais e lesbianas, así como a nai Isaac Pérez. A protesta, baixo o lema Tod@s contra o tribunal popular homófobo de Vigo, estendeuse tamén a outros lugares de España, como Vitoria, Barcelona ou Madrid, onde se concentraron ao redor dun centenar de persoas.

Piñeiro, que foi condenado a 20 anos de prisión polo delito de incendio, foi absolto do delito de asasinato por un xurado popular, que estimou que acabara coas vidas das vítimas en "lexítima defensa" e por "medo insuperable" a ser "violado ou morto". No entanto, esta semana a maxistrada da sección 5ª da Audiencia Provincial de Pontevedra impúxolle unha pena de 20 anos de prisión por un delito de incendio, xa que tras apuñalar ás súas vítimas Piñeiro plantou cinco focos na vivenda das vítimas, dúas deles sobre os cadáveres, e abriu o gas para provocar unha deflagración. A xuíz impuxo a pena máxima das posibles polo incendio, ao estimar que o acusado puxo en risco a vida das persoas que habitaban o edificio e rexeitou calquera atenuante.

En declaracións aos medios, a nai de Isaac Pérez sinalou que ten moita fe en que se celebre de novo o xuízo, xa que cre que a sentenza "foi unha inxustiza tan grande, que se ten que anular". Pola súa banda, Robert Bass, organizador das concentracións a través da rede social Facebook, destacou que a unión non só se viu en Internet, e que tamén saíu á rúa.

Fontes: EFE - EL PAIS - 07-03-2009

Relacionado en Galicia-e:
Mil persoas maniféstanse en repulsa á absolución do home que matou a dous homosexuais en Vigo

Enlaces de interese:
______________

mércores, febreiro 25, 2009

Sentença homofóbica de um juri popular de Vigo absolve ao assassino de dous homes

SENTENÇA HOMOFÓBICA DE UM JÚRI POPULAR DE VIGO ABSOLVE O ASSASSINO DE DOUS HOMENS

SENTENÇA HOMOFÓBICA DE UM JÚRI POPULAR DE VIGO ABSOLVE O ASSASSINO DE DOUS HOMENS

24-02-2009

CONCENTRAÇOM DE REPULSA À SENTENÇA JUDICIÁRIA E DE SOLIDARIEDADE COM AS FAMÍLIAS DAS VÍTIMAS:
QUARTA-FEIRA (MÉRCORES) 25 DE FEVEREIRO ÀS 20:00 NA PRAÇA DO TOURAL DE COMPOSTELA.

Raiva, impotência, tristeza, ... Isto é o que nos provoca a recente sentença absolutória a Jacobo Pinheiro Rial por assassinar com 57 punhaladas Isaac Peres Trivinho e Júlio Anderson Luciano e posteriormente prender lume à casa dos mesmos para eliminar as evidências.

As pessoas que fazemos activismo LGBT somos conscientes de que muitas vezes até as próprias leis estám à frente da sociedade, mas contodo, nom podemos deixar de ficar horrorizadas e horrorizados ante esta decisom de um júri popular em Vigo.

Continua:

Perguntamo-nos sem encontrarmos fácil resposta sobre as motivaçons desse veredicto. Estas nom som outras que a mais crua homofobia, o ódio ao diferente e o desprezo absoluto da vida humana quando se tratar de "maricas".

O "medo a ser violado" e a "defesa própria" fôrom os argumentos utilizados polo advogado do assassino e ratificado por um júri popular que considera que a nossa orientaçom sexual, diferente à majoritária, nos fai seres perversos. As nossas vidas nom tenhem valor e torturar-nos, assassinar-nos a sangue frio e queimar-nos depois som actos toleráveis e gratuitos.

Consideramos estes factos gravíssimos e tememos que sejam indicador de umha sociedade ainda muito atrasada e intolerante. Decisons como estas encontram-se bem mais próximas de tempos inquisitoriais e totalitários que de umha sociedade que se di avançada e do século XXI.

Do Colectivo Gay de Compostela, integrado na Federaçom de associaçons LGBT da Galiza ATURUXO, queremos mostrar a nossa mais forte repulsa a todo tipo de manifestaçons de ódio que denigram e desprezam as vidas das pessoas pola sua orientaçom sexual ou identidade de género.
Solidarizamo-nos profundamente e compartimos a dor das famílias de Isaac e Júlio e exigimos que o peso da justiça caia sobre o assassino dos nossos companheiros.

Nem um crime homofóbico impune!
Dignidade e justiça para Isaac e Júlio.

A notícia nos jornais:
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2009/02/21/0003_7544485.htm?idioma=galego
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009022100_9_299157__SUCESOS-jurado-popular-absuelve-asesinato-autor-confeso-jovenes

aturuxo.info@gmail.com