Amosando publicacións coa etiqueta Moncho Reboiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Moncho Reboiras. Amosar todas as publicacións

xoves, agosto 11, 2022

Tributo a Moncho Reboiras 2022 - Actos en Dodro, Fene e Ferrol


A Unión do Povo Galego vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 47, os actos de tributo ao camarada Xosé Ramón Reboiras Noia asasinado pola policía española no ano 1975. Os actos de tributo desenvolveranse a vindeira sexta feira 12 de agosto baixo o programa que se anexa.

ACTOS CONMEMORATIVOS


DODRO

Cemiterio de Imo.

Ás 12:00h. Ofrenda floral.

FENE.

SCDR O Pote, Maniños.

Ás 14:30h. Xantar popular.

Ás 16:30h. Conferencia de Duarte Correa: “Novos desafíos no marco internacional”

FERROL.

Ás 19:00h. Concentración da Praza de Armas. Saída cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras. Ofrenda floral e canto da Internacional.

Ás 19:30h. Intervencións Políticas na Praza de Armas.

- Manuel Polo (Secretario de Zona e concelleiro do BNG en Fene).

- Iria Carreira (Secretaria Xeral da UMG e deputada no Parlamento Galego).

- Néstor Rego (Secretario Xeral da UPG e deputado no Congreso).

Ao remate, canto do himno galego.

O lugar do xantar ás 14:30 será nas instalacións da SCDR O Pote de Maniños. O enderezo é: O Pombal, Estrada da Palma 217 Maniños, Fene. Anexamos ligazón coa localización: Google-Maps

O prezo do xantar é de 20 € (empanada, arroz con polo, postres, café, viño ou auga) existindo tamén a posibilidade de asistir levando o tu propio xantar. Tanto nun caso coma noutro será preciso anotarse no correo electrónico upg@upg.gal, indicando o nome das persoas e a opción pola que optas. A data límite para se anotar será cuarta feira 10 de agosto.

Recollendo o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego, proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidámoste a participar nesta homenaxe.

Fonte: UPG | 04/08/2022/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de agosto de 2022 23:47

_______

xoves, agosto 04, 2022

Camarada Moncho a loita continúa, ... Por Celso Posada Fernández


Por Celso Posada Fernández [*]
04.08.2022

CAMARADA MONCHO REBOIRAS A LOITA CONTINÚA

O vindeiro 12 de Agosto cúmprense 47 anos do infame e abxecto asasinato pola policía franquista española en Ferrol do camarada Xosé Ramón Reboiras Noia (Moncho Reboiras)  comunista e nacionalista galego, militante da UPG e grande loitador antifranquista, pola democracia, polos dereitos nacionais da Galiza e pola defensa dos dereitos da clase traballadora galega.

Dende Ferrol quero  mandarlles unha forte aperta e todo o meu apoio a familia do camarada Moncho Reboiras, as súas amizades e camaradas da Unión do Povo Galego (UPG) organización comunista patriótica galega na que síntome orgulloso de militar e compartir loitas.

A mellor homenaxe que podemos facerlle o camarada Moncho Reboiras é continuar na loita por unha Galiza Ceibe, Soberana e Socialista, na defensa dos dereitos das clases populares galegas, da nosa lingua e cultura galega, polo Socialismo e fronte ao fascismo e o imperialismo.

Camarada Moncho Reboiras: a loita continúa!

Por unha Galiza Ceibe, Soberana e Socialista.

Viva a clase traballadora galega e Adiante coa UPG

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. É un activista en diferentes movementos sociais de Ferrolterra e membro da plataforma SOS Sanidade Pública. Militante do BNG e da UPG. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre.| No Facebook. | En Twitter. | Artigos en: Nós Diario, Diario de Ferrol, Galicia Confidencial, Ferrol 360, GalizaLivre, Praza Pública, El Comunista e Ártabra 21.

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
3 de agosto de 2022 23:47

_______

martes, agosto 11, 2020

Tributo a Moncho Reboiras no 45 aniversario do seu asasinato - Actos en Ferrol este mércores 12 de agosto de 2020

A Unión do Povo Galego (UPG) vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 45 anos, os actos públicos de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia o vindeiro 12 de agosto, cuarta feira, na cidade de Ferrol. Este ano 2020 no contexto sanitario no que nos atopamos por mor da Covid-19 e co obxectivo de priorizar a seguridade de todas as persoas que asistan aos actos de homenaxe, estes actos terán modificacións a respecto do formato no que estaban a desenvolverse nos últimos anos.

De tal xeito que a militancia e simpatizantes ficades convocados directamente ás 19:30h nos Cantóns de Molíns de Ferrol para o acto político. Para garantir os protocolos de seguranza sanitara é preciso que se confirme a asistencia enviando un correo á conta nacional do Partido upg@upg.gal. Previamente ao acto político e dentro dos actos de homenaxe, terá lugar a estrea do documental “Reboiras. Acción e corazón” dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo de estudos nacionalistas, será no Cinema Duplex (Travesía Moreno, 3, Ferrol) ás 17 h. e para asistir será preciso que merques a túa entrada na web da propia sala: https://duplexcinema.com/gl/filmes/reboiras-accion-e-corazon. Durante o mes de agosto e sucesivos a longametraxe documental será presentada en Compostela, Ourense, Lugo, Vigo, Ponteareas, Pontevedra…

Así pois o programa deste ano 2020 será o seguinte:

Ás 17 h. Estrea do documental
Cinema Duplex.
Reboiras. Acción e corazón” dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo. Coloquio posterior.

Ás 19:30 h.  Intervencións políticas.
Cantón de Molíns.
Iria Carreira. Secretariado da UMG. Deputada no Parlamento Galego.
Ramón Fernández “Mon”. Deputado no Parlamento Galego
Néstor Rego. Secretario Xeral da UPG. Deputado no Congreso.

Contaremos tamén coa actuación musical de Óscar Fojo.

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista, recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós nesta homenaxe.

Fonte: Terra e Tempo. | 03.08.2020
_______

domingo, agosto 12, 2018

Tributo a Moncho Reboiras, este domingo 12 de Agosto en Ferrol, concentración na Praza de Armas ás 7 da tarde, ofrenda floral diante do portal nº27, onde foi asasinado, na rúa da Terra e acto no Cantón


Moncho Reboiras xa está na historia, mais é tamén presente e semente de futuro. O labor de autoorganización do povo galego e a loita por unha Galiza soberana e socialista teñen nel un referente imprescindíbel. Por iso lle rendemos tributo e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida.

---

Ferrol 12 de agosto de 2018, no 43 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras (Ramón Reboiras Noia). |  Ir áo buscador libre DuckDuckGo.

Recoñecemento de Moncho Reboiras, como vítima da Ditadura Franquista. | Paola Obelleiro. | 9 de agosto de 2009. | Ir á Web.
___________________________

venres, agosto 12, 2016

Actos no 41 Aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, un 12 de Agosto de 1975


A Unión do Povo Galego (UPG) convoca o conxunto da militancia e simpatizantes ao acto público de homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, sexta feira, baixo o programa que se anexa.

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista, recollemos o exemplo do camarada Moncho no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida, e te convidamos a participar con nós nesta homenaxe.

ACTOS CONMEMORATIVOS:

DODRO.
Cemiterio de Imo.
Ás 12:00h. Ofrenda floral.

SAN SADURNIÑO.
Finca da Cortiña (ao carón do Rio Xuvia).
Ás 14:30h. Xantar popular. [*]
Ás 16:00h. Sobremesa de debate: “A mudanza real que a Galiza precisa”

FERROL.
Ás 19:00h. Concentración da Praza de Armas. Saída cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras. Ofrenda floral e canto da Internacional
Ás 19:30h. Intervencións Políticas no Cantón.
Manuel Polo (Secretario de Zona da UPG en Ferrolterra).
Antía Ínsua (Comité Nacional da UMG).
Néstor Rego (Secretario Xeral da UPG).

[*] O prezo do xantar é de 15 € e será preciso anotarse no correo electrónico upg@uniondopovogalego.org, indicando o nome das persoas. A data límite para anotarse será o mércores 10 de agosto.

Web da UPG:
http://www.uniondopovogalego.org/

Web da Fundación Moncho Reboiras:
http://www.fesga.org/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
12 de agosto de 2016 09:46

________________

luns, agosto 12, 2013

Hoxe cúmprense trinta e oito anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, en Ferrol, no número 27 da Rúa da Terra - 12 de Agosto 1975-2013 - Reboiras: militante exemplar, ... Por Manuel Mera

Por Manuel Mera [*]
12.08.2013

Un 12 de agosto de hai trinta e oito anos, en Ferrol, na noite, unha ráfaga de metralleta segou a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante nacionalista de vintecinco anos. Foi un asasinato, como confirmaron posteriormente varias testemuñas. A ditadura franquista pretendía, coa machada policial, esmagar o rexurdir do nacionalismo comprometido coas clases populares, coa democracia e a liberación nacional de Galiza. Nos días seguintes alargouse a represión cunha morea de detencións; moitos militantes da Unión do Povo Galego pasaron á clandestinidade ou a se refuxiar en Portugal, onde a Revolución do Cravos abría unha xeira de liberdade e ilusións.

Reboiras comezara a militar anos antes no movemento cultural galeguista en Vigo, axiña organizouse na UPG e participou activamente nas loitas obreiras de 1972 que abanearon a maior cidade industrial de Galiza. Despois traballaría como electricista en Isolux na Coruña, onde viviría primeiro rente do cárcere e despois no Burgo. Daquela tiña unha estreita amizade con Moncho Valcárcel, o crego de Sésamo, que xogou un papel importante na loita de Meirama contra as expropiacións e no fortalecemento do que hoxe é o Sindicato Labrego Galego.

A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades: Xerme, o primeiro, na Coruña, Galego en Compostela, Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, etc. Destes xermolos xurdiría no ano 75, coincidindo coas eleccións sindicais no vertical, o Sindicato Obreiro Galego, que sería cerne da central sindical Intersindical Nacional Galega (ING). Para entender a importancia deste feito, cómpre saber que fóra de Quebec e Euskadi non existe no mundo unha central sindical nacionalista con presenza laboral semellante á que hoxe ten a CIG.

Agora ben, para alén da súa contribución ao proxecto en momentos chaves, Moncho foi un militante exemplar, entregado, e que puxo a súa vida ao servizo da nación, da soberanía e da xustiza social, ou sexa: da xente, das clases populares. Reboiras tiña cualidades para se relacionar doadamente coas persoas, sempre cun sorriso nos beizos, a escoitar. Percorría no seu Seat 600 o país de cabo a rabo divulgando ideas, tecendo organización e dando unha man nas loitas reivindicativas do noso pobo. Foi, sobre todo, un militante social, con ideas claras e capacidade de análise.

Hoxe, a trinta e oito anos do seu asasinato cómpre lembrar o seu contributo político, e o doutros nacionalistas, durante a longa noite de pedra da ditadura franquista. Reboiras reflicte ademais a importancia da vontade individual, da paixón militante e relación estreita coas clases populares, para a construción dun proxecto colectivo que sirva os intereses do pobo galego. Tamén nisto é un exemplo, como o foi ao dalo todo pola liberación nacional.

[*] Manuel Mera Sánchez, nado en Seoane (Allariz) o 4 de febreiro de 1946, é un sindicalista e político galego. Aos 5 anos emigra á Arxentina cos seus pais. Foi secretario da Irmandade Galega de Bos Aires de 1969 a 1972. Ao regreso da emigración foi un dos fundadores de ERGA en 1972. Foi Secretario Xeral da INTG de 1987 a 1994 e Secretario Confederal e Presidente da CIG de 1994 a 2001. Foi membro da Executiva confederal da CIG até 2009. É director da Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza (FESGA).

Publicado en 'Fundación Moncho Reboiras'
(FUNDACIÓN PARA O ESTUDO E DIVULGACIÓN DA CUESTIÓN SOCIAL E SINDICAL EN GALIZA).

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
12 de agosto de 2013 12:03
_________________

Moi interesante:

Editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, e promovido pola Unión do Povo Galego -UPG, libro colectivo de 244 páxinas, presentado na súa edición dixital en formato PDF. Ainda que no limiar poñan a Mocho Reboiras como unha vítima do franquismo, Moncho foi ante todo un combatente pola liberdade e pola conquista do dereitos sociais e históricos do Povo Traballador Galego.

"Monco Reboiras. O nacionalismo Galego nos anos 70", 2009.

http://terraetempo.com/media/documentos/Libro_Reboiras.pdf


Banda deseñada editada pola UPG, co motivo deste 38 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras:

http://www.terraetempo.com/media/documentos/BD_Reboiras.pdf
___________________

xoves, agosto 12, 2010

"Moncho Reboiras a Loita Continua !!!": Homenaxes no 35 aniversario da súa morte

Como ven sendo habitual, Ferrol converte-se, cada 12 de Agosto, no lugar principal de recoñecemento e lembranza da figura de Moncho Reboiras Noia.

Un 12 de Agosto de hai 35 anos era asasinado, no nº 27 da Rúa da Terra, o Compañeiro Moncho, logo dunha persecución de madrugada por varias rúas de Ferrol. Este feito tivo porén unha importante carga de entrega solidária e mesmo heroica, pois posibilitou, deste xeito, que poideran fuxir Elvira Souto Presedo e Lois Rios Paredes militantes da UPG que con el vivian nun "piso franco" da Rúa do Hospital no mesmo Ferrol.

En 2009 o Goberno Español recoñeceu oficialmente a Moncho Reboiras como vítima da ditadura franquista e que sufriu persecución e violencia até lle daren morte e outorgou-lle un recoñecemento persoal que supón a súa rehabilitación institucional.

O pasado 7 de Agosto deste ano 2010, tivo lugar en Imo-Padrón, lugar onde naceu o Compañeiro Moncho, unha especial lembranza por parte de amig@s, familiares e compañeir@s, que constituiron, "desde unha opción non partidaria e non excluínte", a Comisión Moncho Reboiras 35 aniversario, que organizou unha serie de actos a xeito de Homenaxe Popular, baixo o lema “Moncho Reboiras patrimonio de todas as galegas e galegos de ben” -para máis información pode-se acceder a súa páxina web.

En Ferrol, hoxe van ter lugar dous actos, un organizado pola UPG, partido senlleiro do nacionalismo de esquerdas [1964-2010] que está integrado no BNG e outro dunha das organizacións do independentismo, constituida en 2001, Nós-UP:
  • A UPG concentrara-se ás 7 da tarde na Praza do Concello, para dirixir-se ao nº27 da Rúa da Terra onde faran unha ofrenda floral, logo terá lugar un acto político no Cantón -máis información na web da UPG.

Interesante artigo de Carme Verde Diego no "Terra e Tempo":

Do mito ao home:o compromiso social de Moncho Reboiras

O seu compromiso cos mais desfavorecidos conducírono a descubrir unha terra explotada, asoballada, colonizada, sometida non soamente económica e politicamente senón tamén social e culturalmente


Xan Carlos Garrido en 2009, publicaba en Vieiros este interesante artigo:

Moncho Reboiras
_____________________

Outras forzas políticas conmemoran o 35 aniversario da morte Moncho Reboiras con actos noutros lugares da Galiza:
_________________________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Ferrol 12 de Agosto de 2009: Conmemoración do 34 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

_______________________________

xoves, agosto 13, 2009

Nom o verás nos meios, mas a esquerda independentista homenageou Moncho Reboiras em Ferrol

Quem limite as suas fontes de informaçom ao panorama mediático do regime, terá comprovado o quase absoluto silêncio que esses meios dedicárom à convocatória pública do tradicional acto independentista em lembrança de José Ramom Reboiras Noia, que NÓS-Unidade Popular vem realizando desde 2001 à porta do edifício ferrolano onde foi cobardemente assassinado pola polícia franquista. Porém, este ano nom foi umha excepçom, e a concentraçom convocada pola nosssa Assembleia Comarcal de Trasancos voltou a reivindicar o legado político e patriótico do jovem comunista e independentista galego.

Como já anunciamos em dias passados, o acto consistiu numha oferta floral na renovada placa comemorativa colocada já no ano passado. Os companheiros Maurício Castro, da Direcçom Nacional de NÓS-UP, e Carlos Garcia Seoane, da organizaçom juvenil independentista BRIGA, colocárom as flores comemorativas do XXIV aniversário da morte do militante da UPG, dirigindo também umhas palavras às pessoas concentradas.

Maurício Castro foi o primeiro a falar, sublinhando como o reconhecimento institucional espanhol à figura do patriota galego assassinado em 1975 converte um militante oficialmente considerado "terrorista" durante mais de três décadas, numha figura digna de um reconhecimento "moral e pessoal", segundo a Delegaçom do Governo de Espanha. Frente ao acto institucional protagonizado polo representante de Espanha na Galiza, Antom Louro, na manhá de ontem, o nosso companheiro lembrou que continua pendente o reconhecimento político de umha instituiçom soberana galega, do mesmo jeito que a Irlanda soberana reconheceu a figura do revolucionário independentista James Connolly, também considerado um "terrorista" polo imperialismo británico.

Sublinhou Castro a contradiçom de que o delegado do Governo espanhol esteja a reconhecer Reboiras em simultáneo com a imposiçom de multas a centenas de trabalhadores e trabalhadoras do metal do sul da Galiza, por participarem na recente greve metalúrgica, ou a repressom lançada contra a vizinhança de Cangas e contra quem defende a nosssa língua.

Carlos Garcia Seoane tomou a palavra para reivindicar o Reboiras jovem, comunista e independentista, espelho da militáncia actual da esquerda independentista. Como militante de BRIGA, negou qualquer identidade entre a luita do jovem combatente da UPG dos primeiros 70 e a actual dirigência do autonomismo, definitivamente integrada no mesmo sistema que Moncho Reboiras combateu até a morte.

O canto colectivo do Hino da Internacional e do Hino Nacional da Galiza, acompanhado dos sons da gaita, pugérom fim ao acto patriótico deste 12 de Agosto em Ferrol.

Enviado por:
nosup-trasancos@nosgaliza.org 13 de agosto de 2009 15:14
_______________

Enlace relacionado:
________

venres, agosto 07, 2009

Ferrol 12 de Agosto de 2009: Conmemoración do 34 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

No 34 aniversario da morte de Moncho Reboiras, moitas son as organizacións de esquerda nacionalista que convocan actos para reivindicar ao Compañeiro Moncho, ao seu legado e o seu significado. A súa morte tráxica, tiña só 25 anos de idade, morrendo asasinado no nº 27 da Rúa da Terra logo dunha persecución de madrugada por varias rúas de Ferrol, tivo porén unha importante carga de entrega solidária e mesmo heroica, pois posibilitou, deste xeito, que poideran fuxir Elvira Souto Presedo e Lois Rios Paredes militantes da UPG que con el vivian. Mais a figura de Moncho Reboiras non pode ser afastada do seu tempo. Ese 12 de Agosto de 1975, a dictadura amosaba os seus últimos colectazos antes da morte do dictador, que se produciría o 20 de Novembro dese mesmo ano. O dictador, non ía dar o seu último alento sen antes asinar as últimas execución, as do 27 de Setembro 1975: tres membros do FRAP [Xosé Humberto Baena Alonso, José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz] e dous da ETA [Juan Paredes Manot e Antonio Otaegui Etxevarría].

O 12 de Agosto do 1975, non aconteceu só a morte de Moncho Reboiras, senón que foi o inicio dunha forte represión sobre o nacionalismo de esquerdas, con detencións masivas, torturas e exilios forzados. Agosto do 75 foi clave porque o nacionalismo soubo resistir a esa represión. Así naceron novas fontes, novas forzas que construiron un tecido nacionalista de esquerdas, tanto político, como social, sindical, ecoloxista, cultural, ... Non se pode negar o papel historico de reorganización das forzas nacionalistas de esquerda que cumpriu a UPG nese momento. Persoas tan significativas como Camilo Nogueira, Xan Carballo, Ramón Muñiz, Mendez Ferrín, Ramón Muncharaz, Elvira Souto,
Manuel Mera, Margarita Ledo, Etelvino Blanco, Fernando Acuña, Lidia Senra, ... e centos de persoas que deixaron e seguen a deixar un legado de significada importancia para o noso país, acolleron-se ao espazo de compromiso e militancia que significaba a UPG. Agosto do 75 sinala unha etapa decisiva onde un sector do pobo galego reinicia o camiño da autodeterminación, a vontade de ser pobo, de ser nación, de ser país, ...


"Que importa que nos matem si deixamos semente de vencer"

XOSÉ RAMÓN REBOIRAS NOIA,
Amigo, camarada, estrela
vermella-azul-branca no mencer
prometedor da nosa patria,
heroe en tempo de traizón,
corrupción/covardía,
martelo, proletario,remo
con saibo a sal e iodo;
fouce labrega/vingadora;
espiral que vén dendes do
fondo do tempo para abrirse
en claridade e futuro.
Ti eresa pedra mestra para
re-edificar a a nosa casa.

Puideron segarche a vida,
¡ouh, Moncho, meu irmao!,
a – se – si – nar – te.
O que eles non puideron,
nin poderán endexamais,
é arrincar/esmagar a
semente que deixache
esparexida no corazón
do pobo, na vixiante
concencia colectiva e que
xa está a agromar en
patria-ceibe/socialista.
Esta é, ¡ouh, camarada,
amigo e irmao
inesquencíbel!
a túa vin-gan-za,
a nosa vinganza i-ne-xo-rá-bel.






MANUEL MARÍA
Poemas para construír unha Patria», 1977)



Na nosa comarca dous actos van ter lugar en Ferrol o vindeiro 12 de Agosto, un organizado pola UPG, partido senlleiro do nacionalismo de esquerdas [1964-2009] que está integrado no BNG e outro dunha organización independentista nova, dos ultimos tempos, Nós-UP.


O da UPG terá lugar a partir das 7 da Tarde:

Moncho Reboiras: 34 aniversario do seu asasinato
Actos conmemorativos: Mércores 12 de Agosto de 2009. Ferrol
  • 19:00 h. Concentración na Praza de Armas [diante da casa do Concello de Ferrol] Saída cara ao portal da rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras e ofrenda floral. canto da Internacional e baixada até o cantón.

  • 19:30 h. Intervencións políticas no Cantón:
    - Nemesio Barxa, Avogado e defensor dos presos da UPG en 1975.
    - Xesús Sixo Fernández. Secretario Xeral da CIG.
    - Francisco Rodŕguez. Secretario Xeral da UPG e membro da executiva Nacional do BNG.
    - Ao remate, canto do himno galego.
Todos os 12 de agosto a Unión do Povo Galego [UPG] conmemora o aniversario do asasinato en 1975 do seu militante Xosé Ramón Reboiras Noia, por disparos da policia franquista, no número 27 do portal situado na rúa da Terra en Ferrol.

Neste ano 2009 Reboiras vai obter a declaración, agora xa de xeito formal e legal, de recoñecemento persoal e reparación por ser vítima do franquismo. este feito está presente no enfoque da homenaxe que a UPG lle tributa ao martir galego.

Unión do Povo Galego - UPG

Co gallo do cabodano do seu asasinato, o 12 de agosto de 1975
A UPG e a Fundación Bautista Álvarez preparan un libro sobre Moncho Reboiras
A Nosa Tera - Redacción . A UPG e mais a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas traballan na edición dun libro de artigos ao redor da figura de Moncho Reboiras que sairá do prelo o 12 de agosto co gallo do cabodano do seu asasinato.
[+info]


O acto de NÓS-UP terá lugar a partir das 8 e 1/2 da Tarde:

12 de Agosto: XXXIV aniversário do assassinato do Moncho Reboiras

No próximo 12 de Agosto, a Assembleia Comarcal de Trasancos de NÓS-Unidade Popular convoca actos em lembrança do militante comunista e independentista, José Ramom Reboiras Noia, Moncho Reboiras, no XXXIV Aniversário da sua queda em combate sob as balas fascistas da polícia espanhola naquele Verao de 1975 na Rua da Terra.

O jovem revolucionário foi um dos principais impulsionadores da luita pola libertaçom nacional, pioneiro da organizaçom sindical de classe em chave nacional, dirigente comunista e responsável da frente armada da UPG. Moncho Reboiras foi um exemplo de coerência revolucionária e atitude combativa até a sua morte. Em palavras de Bertolt Brecht, Reboiras é um “dos imprescindíveis”.

Trinta e quatro anos depois, a mesma polícia fascista que assassinou Moncho espanca operários do metal em Vigo e reprime a juventude independentista no nosso Dia nacional. Porque trinta e quatro anos depois, muitas cousas nom mudárom, falar de Moncho é falar de presente e o seu projecto revolucionário continua mais vigente do que nunca.

Por isso, a esquerda independentista organizada em NÓS-Unidade Popular convoca para a próxima quarta-feira, 12 de Agosto, às 20.30, umha concentraçom na Rua da Terra de Ferrol, em frente da porta onde caia o patriota galego. Além da tradicional oferta floral, intervirám o Porta-Voz Nacional de NÓS-UP Maurício Castro e Carlos Garcia, Responsável do Grupo de Base de Trasancos da organizaçom juvenil BRIGA.

Ferrol, 6 de Agosto de 2009

Assembleia Comarcal de NÓS-UP em Trasancos


Outras forzas políticas conmemoran o 34 aniversario da morte Moncho Reboiras con actos noutros lugares da Galiza:
________________

luns, agosto 11, 2008

En Ferrol, o 12 de Agosto de 1975, caía en combate Ramón Reboiras Noia "Moncho": Actos no 33 Aniversario da súa morte

En Ferrol, o 12 de Agosto de 1975, caía en combate Ramón Reboiras Noia "Moncho", militante da UPG, organización política que hoxe forma parte do BNG e foi o seu importante alicerce. Xa van 33 anos dun feito histórico que se conmemora con actos de carácter político na nosa cidade e noutros pontos da Galiza, pola súa importáncia e interese achegamos o publicado no xornal dixital GZnación e unha nota enviada por Nós-Unidade Popular.


Homenaxes a Moncho Reboiras no 33 aniversario do seu asasinato
[GZnación / Redacción / 11 Ago 08]

Serán dous actos case simultáneos, os dous en Ferrol, mais cunha única proposición: a de homenaxear ao militante de Unión do Povo Galego Xosé Ramón -Moncho- Reboiras Noia cando se cumpren 33 anos do seu asasinato, un 12 de agosto do ano 1975 a mans da policía franquista no portal número 27 da rúa da Terra en Ferrol.

Un dos actos está organizado precisamente polo partido no que militaba, Unión do Povo Galego, que vén de convocar para este martes a unha unha concentración na Praza de Armas a partir das 19:30 horas, cita que pretende converterse nunha marcha con fin no portal da rúa da Terra onde foi abatido Reboiras. No lugar, farase “unha ofrenda floral” e cantarase a Internacional”, informa a UPG nun comunicado.

Ademais, e ao remate, os asistentes desprazaranse a pé até o Cantón onde se desenvolverá un “acto político central”, ás 19:45 horas, que contará coa participación de Roi García Camba. Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), Ana Vérez Gómez. membro do Comité Central da UPG e Francisco Rodríguez, secretario Xeral da UPG.

Nós-UP

Alén da cita da formación UPG, existe outra convocatoria, esta vez a cargo de Nós-UP de Trasancos, para honrar á memoria de Moncho Reboiras. A partir das 20:30 horas haberá un acto homenaxe na rúa Terra, que contará coa intervención de Bruno Lopes Teixeiro, responsábel Nacional de Organización, e dunha militante da organización xuvenil BRIGA. O acto finalizará cunha ofrenda floral e a colocación dunha placa conmemorativa.


Enlace coa noticia orixinal



De: Nosup-trasancos
-nosup-trasancos@nosgaliza.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 11 de agosto de 2008 12:57
Assunto: 12 de Agosto XXXIII aniversário do assassinato do Moncho Reboiras



12 de Agosto XXXIII aniversário do assassinato do Moncho Reboiras

Mais um ano, as companheiras e companheiros da Comarca de Trasancos convocam actos em lembrança do militante comunista, José Ramom Reboiras Noia, Moncho Reboiras, no XXXIII aniversário da sua morte sob as balas fascistas da policía espanhola em Agosto de 1975. Moncho foi um dos principais impulsores da luita pola libertaçom nacional, pioneiro da organizaçom sindical e de classe, dirigente comunista, todo um exemplo de coerência revolucionária e atitude combativa até os seus últimos dias.

Sob a legenda “Moncho Reboiras: A luita é o único caminho”, na próxima terça-feira dia 12 de Agosto, terá lugar às 20.30 horas umha concentraçom convocada por NÓS-Unidade Popular no lugar onde Reboiras foi assassinado, na rua da Terra de Ferrol. Ali terá lugar umha homenagem que contará com as intervençons de Bruno Lopes Teixeiro, Responsável Nacional de Organizaçom e dumha militante da organizaçom juvenil BRIGA. O acto político completará-se com umha oferta floral e a colocaçom dumha placa em lembrança do jovem revolucionário.
____________________

Enlaces Relacionados:

________