Amosando publicacións coa etiqueta Radio e Televisión Pública de de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Radio e Televisión Pública de de Galicia. Amosar todas as publicacións

sábado, outubro 22, 2011

Manifesto en Defensa da Radio e Televisión Públicas de Galiza


Pola defensa dos medios de comunicación públicos de Galicia.

Para o Comité intercentros da CRTVG, esta nova Lei contén unha serie de aspectos especialmente lesivos para os traballadores da compañía e tamén un conxunto de medidas que poden chegar a ameazar serieamente a calidade dos contidos que saen dos medios de comunicación que compoñen a CRTVG. Polo tanto, as consecuencias negativas da posta en marcha desta Lei, tal e como está a día de hoxe elaborada, serán para toda a sociedade.

MANIFESTO EN DEFENSA DA RADIO E A TELEVISIÓN PÚBLICAS DE GALICIA

Dirixido ao Parlamento de Galicia

A NOVA LEI AMEAZA O FUTURO DOS MEDIOS PÚBLICOS DE GALICIA

Cantos nenos e mozos deste país medraron co Xabarín Clube? A cantas persoas acompaña o Luar cada noite de venres? Canta xente pasa a madrugada escoitando o Pensando en ti da Radio Galega? Onde se van ver e escoitar a información e o deporte galegos? Con que imos rir se falta Land Róber ou Miro Pereira e os seus Pratos Combinados? Onde van ter voz os nosos gandeiros, labradores e mariñeiros se desaparecen a Televisión de Galicia e a Radio Galega?

Coa coartada da austeridade, confúndese interesadamente o necesario co imprescindible, o básico co accesorio, para enganar a opinión pública. Recórtanse servizos sociais pero non se eliminan prebendas, privilexios, cargos nin despachos daqueles que realmente enchen os petos e viven parasitando o que é de todos.

Neste contexto unha información plural e crítica é máis necesaria ca nunca para a cidadanía, que asiste impotente ao desmantelamento de boa parte dos medios, principalmente os editados na nosa lingua. E desta volta, a Radio Televisión Pública de Galicia está tamén ameazada. Co pretexto de reformar a súa Lei de Creación, PP e PsdeG pretenden aprobar ás agachadas, a base do que será a privatización e a desaparición definitiva da CRTVG.

E aínda sendo prostituídos, unha e outra vez, polos distintos gobernos, os medios públicos teñen que defenderse porque son, sen dúbida, o eixo vertebrador dunha Galicia espallada, emigrada, rural, urbana, galegofalante ou non. Perigan a participación da cidadanía na vida política, cultural e social do noso país, o fomento da lingua propia e a difusión da nosa historia e cultura.

A Televisión Pública é o motor dun audiovisual galego exportador de éxitos como Celda 211, Os luns ao sol, Mareas Vivas e moitas outras, e é tamén a nodriza de tantas pequenas produtoras que conforman un tecido empresarial que dá emprego a máis de 3.000 persoas. Os políticos falan agora de exceso de persoal, pero nada din dos responsables dunha mala xestión que xeneralizou a contratación fraudulenta de boa parte dos traballadores.

Nos xulgados hai máis de 300 demandas por estes motivos, e as sentenzas estanlles dando a razón aos traballadores e traballadoras. Non falan os nosos gobernantes dos ingresos obscenos dos membros do Consello de Administración (que chegaron aos 120.000 euros ao ano), tampouco dos contratos millonarios a produtoras amigas, que nada teñen que ver co sector audiovisual independente. Non se di que a CRTVG é a radio e a televisión pública con menos número de empregados, nin con menos débeda, e que os orzamentos deste ano xa se reduciron nun 25%.

Só se recoñece, cando interesa, que a TVG é a segunda canle máis vista en Galicia só superada por RTVE, a outra radio e televisión pública. E canto lle custa a cada galego ter catro canles de televisión (TVG, G2, TVEuropa e TVAmérica) e tres de radio (Radio Galega, Radio Galega Música e Sons Galicia Radio)? Pois 36,6 euros ao ano,o que a sitúa como a radio e a televisión de menor custo entre todas as públicas.

Pero todo isto parece non ser suficiente para que o Parlamento galego cese na súa intención de aprobar en poucos días unha reforma que deixa aberta a porta á privatización da CRTVG, ao despedimento de boa parte dos seus traballadores e traballadoras, e que ademais reforza o control político da información.

Precisamos unha RADIO E UNHA TELEVISIÓN PÚBLICA, DE CALIDADE, PARA TODOS E TODAS. NON se pode permitir que a reforma da Lei de Creación, pola que levamos anos agardando, se aprobe nas condicións que os políticos pretenden. NON se poden botar por terra 26 anos da nosa historia.

A CRTVG ATÍNXENOS A TODOS!

Comité Interempresas da Compañía de Radio-Televisión de Galicia

No Facebook Consolidación Real de emprego XA na CRTVG:
http://www.facebook.com/

Web:
http://www.consolidacionnacrtvg.com/

Recollida de firmas para presentar no Parlamento Galego:
http://www.peticionpublica.es/
________________

Enlace relacionado:
A Dirección da CRTVG, a compañia da radio e televisión pública galega, exerce represalias despois da Folga do pasado 10 de Outubro - Os vídeos de traballadorxs indignad@s e comprometid@s que non puideron soportar desde a prepotencia do PP e da Dirección da Coompañía

_________________