Amosando publicacións coa etiqueta Transporte Público. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Transporte Público. Amosar todas as publicacións

domingo, maio 22, 2022

Concentración en Narón por un transporte digno para Ferrol e as comarcas


O próximo día 24 de maio, terza feira, ás 8 da tarde na Praza de Galicia de Narón, a plataforma pola defensa de un transporte público de calidade da que ADEGA forma parte, imos a concentra-nos en dita praza, como forma de protesta para esixir un transporte público acorde aos tempos actuais, quer por estrada quer polos camiños de ferro.

Pola restauración da liñas de transporte de viaxeiros por estrada: Que ninguén quede na parada!

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
22 de maio de 2022 12:37

_______

luns, abril 18, 2022

Que ninguén quede na parada!! - Manifestación en Ferrol, pola restauración da liñas de transporte de viaxeiros por estrada - Mércores 20 de abril, ás 8 da tarde diante do edificio da Xunta de Galicia (Praza Amada Garcia)


MANIFESTACIÓN EN FERROL POR UN TRANSPORTE PÚBLICO DE CALIDADE

Convocada pola Plataforma para un transporte público de calidade para Ferrol e comarca, vai-se celebrar unha manifestación, pola restauración da liñas de transporte de viaxeiros por estrada: Que ninguén quede na parada!, esta prevista para o mércores 20 de abril, ás 8 da tarde, diante do edificio da Xunta de Galicia (Praza Amada Garcia).
_______

xoves, xaneiro 27, 2022

Concentración da plataforma veciñal por un transporte público digno para Ferrol e comarcas, hoxe xoves 27 de xaneiro, ás 7 da tarde, na Praza de Armas, diante do Pazo Municipal


Esta quinta feira as 19:00hs, volveremos a concentrar-nos desta vez na Praza de Armas, diante do Pazo Municipal de Ferrol, en defensa do transporte público, concretamente no referido a liña Ferrol-Coruña, concentración convocada pola plataforma veciñal por un transporte público digno para Ferrol e comarcas.

A Plataforma foi convidada a unha xuntanza co Director de mobilidade da Xunta a próxima sexta feira (28 de Xaneiro).

Esta reunión vai ser en Ferrol no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, localizado na Praza Amada García e imos aproveitar, para concentrar-nos diante deste.

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/
 
Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
26 de janeiro de 2022 01:27

_______

xoves, xaneiro 20, 2022

Concentración 'por un transporte accesíbel que conecte a Todas as persoas' - En Ferrol, xoves 20 de xaneiro, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia


Quinta feira as 19h diante do Ed Xunta de Galicia en Ferrol (Pz Amada García), vai desenvolverse unha concentración promovida pola plataforma en defensa do transporte público da que ADEGA fai parte, para protestar polo deficit nas liñas Ferrol-Coruña e tamén da comarca, desde que entrou a nova compañia (MONBUS) co novo contrato, con todos os problemas que isto está acarreando a todas as usuarias.

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/
 
Enviado por:
Adega de Trasancos
-adegatrasancos@adega.gal
19 de janeiro de 2022 17:05

_______

martes, marzo 16, 2021

Iniciativa de Ligando Ferrol que rexistrará próximamente no Concello, reclamando un servizo de transporte público Ferrol-Coruña de calidade


A organización política Ligando Ferrol vai rexistrar no Concello de Ferrol, unha iniciativa para reclamar un servizo de transporte público entre A Coruña e Ferrol de calidade. A continuación transcribimos o texto da citada iniciativa:

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

INICIATIVA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO FERROL-CORUÑA DE CALIDADE

Iolanda Teixeiro Rei, con D.I. número XX.XXX.XXX-X, enderezo en Rúa Xxxxx Xxxxx, X, X, Ferrol, e en calidade de Delegada da organización política LiGanDo-LGD en Ferrol,

EXPÓN:

Hai xustamente catro anos, en marzo de 2017, LiGanDo-LGD rexistrou unha iniciativa neste concello na defensa do transporte público para Ferrol. Propuñamos a creación dunha Empresa Municipal de Transporte na liña do Plan MOB cunha serie de medidas para desincentivar o uso do vehículo privado e reconstruir a cidade como espazo comunitario a prol da mobilidade sostibel.

Alén diso no noso programa municipal propuñamos a posta en marcha dun Plan de Implantación de Mobilidade Sostibel adaptado ás novas directrices que se traspoñen do marco legal da Lei deTransición Enerxética e Cambio Climático. Entre outras propostas, reclamabamos un paquete de medidas de presión fronte á Xunta de Galicia orientadas a defender os intereses de Ferrol na planificación do sistema metropolitano de transportes, polo que apontabamos entre os obxectivos prioritarios a ampliación de horarios e frecuencias nas comunicacións Ferrol-Coruña, tanto en autobús como en tren.

Pois ben, polas testemuñas de usuarios tanto nas estacións como nas redes sociais, lonxe de mellorar o servizo, as novas concesións correspondentes á segunda parte do novo Plan de Transporte de Galicia que comezou a fins do pasado ano 2020, non fixeron máis do que deteriorar o transporte público en toda Galiza. Deterioro que prexudica, como sempre a estudantes e clase traballadora e supón un atentado contra a política de mobilidade sostibel para enfrontar o cambio climático.

A nova concesión da Xunta de Galicia no transporte metropolitano vén de provocar un caos con graves incidencias como a supresión dos servizos dos traballadores e dos universitarios así como unha reestructuración do servizo nas liñas regulares ofertando uns traxectos máis longos e menos vantaxosos sen cubrir as necesidades dos usuarios pois a demanda é maior do que o servizo prestado, deixando aos pasaxeiros no medio da cidade da Coruña en lugar de na estación, incrementando o tempo de traslado e chegando a suprimir incluso a parada nos hospitais, circunstancia que se pode cualificar de criminalidade.

Parece que o servizo máis prexudicado está a ser o de Ferrol-Coruña da primeira hora do día, pois coa anterior concesionaria había un servizo desde as seis e media da mañá cada media hora intercalando estrada e autoestrada e, a maiores dous servizos de universitarios e outros dous de traballadores que foron suprimidos. A falla de información da empresa e a falla de horarios nas estacións e nas paradas aumenta aínda máis o desconcerto. Os usuarios tamén se queixan de cambios de horario imprevistos que deixan sen transporte incluso a alumnos en servizos compartidos, e un longo etc de queixas, vendo como a única liña de autobuses que funcionaba cun mínimo de calidade vese agora deteriorada por un cambio de concesión na xestión do servizo.

A partir de Semana Santa, a empresa xa anunciou que a liña Ferrol-Coruña por estrada pasará a ser Ferrol-Betanzos-Coruña, obrigando aos pasaxeiros a facer transbordo.

Ao abeiro da pandemia, a nova empresa concesionaria aproveita a situación para ofertar un servizo inferior ao anterior e claramente deficitario pois tamén se reduciron frecuencias e servizos a outras localidades como é o caso das liñas Ferrol-Santiago e Ferrol-Ares-Mugardos.

Por todo isto, desde LiGanDo

SOLICITAMOS:

Do goberno municipal de Ferrol que reclame da Xunta de Galicia a fiscalización do servizo concesionado de transporte interurbano e obrigue a un restablecemento das liñas e frecuencias de transporte Ferrol-Coruña así como das demais liñas de transporte público en ben dun servizo básico de calidade para a cidadanía.

Ferrol, 8 de marzo de 2021

Sinatura

Iolanda Teixeiro Rei

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter



Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
15 de março de 2021 21:48

_______

martes, abril 24, 2018

André Abeledo o concelleiro da esquerda de Narón, defende a necesidade de ter un servizo de transporte público de calidade que cubra realmente as necesidades da veciñanza


ABELEDO DEFENDERÁ MOCIÓN PARA INSTAR O GOBERNO GALEGO PARA QUE IMPULSE UNHA 'MESA DE DIÁLOGO PARA O TRANSPORTE PÚBLICO'

André Abeledo defendeu hoxe luns día 23 de Abril, na Xunta de Portavoces, a necesidade de ter un servizo de transporte público de calidade que cubra realmente as necesidades da veciñanza.

Na reunión Abeledo defendeu a Moción do Grupo Municipal de EU Narón, e garantizou o apoio de TEGA, BNG, e PSOE.

Entendemos o transporte público como un dereito e non como un simple negocio, por este motivo o mantemento ou fortalecemento das liñas de autobuses non pode medirse pola rentabilidade senón pola necesidade da veciñanza de ter un servizo”. 

A administración, neste caso a Xunta de Galicia, ten a obriga de garantir o dereito ao transporte público a cidadanía”.

"Galiza necesita outra política de Transporte. Unha política integral que teña como obxectivo prioritario a articulación territorial do país. Articulación que debe estar vertebrada por unha interconexión de calidade entre áreas metropolitanas, núcleos vilegos, zonas periurbanas e rurais, capaz de dar resposta ás demandas de mobilidade presentes e futuras da nosa poboación".

Resulta pois, fundamental, transcender a dimensión espacial do termo transporte (centrado no acto físico de portar mercadorías e persoas) e introducir a dimensión social que leva consigo implícita a mobilidade, centrada na capacidade das persoas para exercer un desprazamento. Dimensión social transversalizada en todo momento por un elemento clave: a accesibilidade.

Atopámonos nun momento transcendental para que as galegas e galegos poidamos contar cun Plan de Transporte Público de Galiza que dea respostas concretas e efectivas a problemáticas históricas do noso territorio. O límite temporal fixado pola Lei 10/2016 de Medidas Urxentes para a Actualización do Transporte Público,  obriga á aprobación do Plan de Transporte 22 meses despois da súa entrada en vigor, polo que se conta cun horizonte duns meses por diante para a súa aprobación.

Temos por tanto, a OPORTUNIDADE E A RESPONSABILIDADE  de acometer coa máxima premura os traballos que sexan necesarios para que a elaboración do Plan de Transporte de Galiza conte coa máxima participación e diálogo social, garante de que se fixe como eixo fundamental a optimización do servizo en base a criterios de rendibilidade social, sostibilidade, transparencia e necesidade. Temos a oportunidade e a responsabilidade de que o Pan de Transporte sexa froito dunha planificación integral da mobilidade do país artellada baixo os principios de solvencia técnica, rigor técnico e máxima seguridade xurídica.

A Sentenza de marzo de 2016 do Tribunal Supremo , que anulou 129 concesións de transporte público por estrada, prorrogadas pola Xunta apelando a criterios contrarios á lei, dan boa conta do desleixo e irresponsabilidade co que foi tratado un sector estratéxico para o noso país. Un sector no que o Partido Popular leva décadas favorecendo a creación dun mercado do transporte en beneficio das grandes compañías, poñendo por riba dos dereitos das persoas, criterios mercantís e de redución de custos.

É unha obriga para o futuro do noso país mudar o rumbo. Galiza non entrará no SXXI ata non ter unha rede de transporte público de calidade, cómpre poñer todos os esforzos en acadala.

Con ese obxetivo é fundamental a defensa dos seguintes principios básicos:

1. Garantir o dereito á mobilidade: Toda planificación da mobilidade no noso país debe estar fundamentada no beneficio social e na búsqueda de mellora de calidade de vida da poboación, reducindo os tempos empregados nos desprazamentos e garantindo que se poidan exercer dentro de parámetros de equidade e xustiza social, con independencia de renda e lugar de residencia.

2. Garantir un transporte público de calidade, capaz de dar alternativa real ao vehículo privado, con independencia dos factores socioeconómicos das persoas usuarias. Un transporte público de calidade será aquel que polas súas características sexa percibido como atractivo e útil pola poboación de forma transversal, cunha tipoloxía de usuario que abranga todas as franxas de idade, renda ou lugar de residencia.

3. Mellorar a calidade ambiental e impulsar a soberanía enerxética. Dispoñer dun transporte público efectivo incidirá nun uso racional do vehículo privado, este feito leva aparellada indubidablemente unha redución de emisións de CO2 e de gases contaminantes, así como unha diminución do consumo enerxético global.

4. Garantir a Accesibilidade en todo o Transporte Público.

5. Apostar polo equilibrio territorial e pola proximidade: A rede de transporte público debe ser vector de equilibrio entre os diversos territorios, garantindo o acceso a servizos a toda a poboación con independencia do seu lugar de residencia. Debe requirir especial atención o fomento dun transporte de proximidade.

6. Impulsar o dinamismo económico: A mobilidade debe permitir favorecer o atractivo das actividades terciarias, converténdose nun instrumento para  desenvolvemento económico do país, contribuíndo en definitiva á dinamización económica do mesmo.

7. Integrar a todos os colectivos e administracións implicados. Deben estar integrados todos os colectivos e axentes con implicación na materia dentro dun marco de colaboración activa. Ao mesmo tempo que se debe contar con todas as administracións con facultade e competencia na materia para traballar en prol dun dereito que afecta á vida cotiá da poboación.

Dado que un novo modelo de mobilidade que vertebre un novo modelo de país, só responderá ás necesidades reais da poboación se é froito do diálogo social dentro dun marco de colaboración activa e só responderá a criterios de beneficio social sobre os beneficios monetarios se é elaborado nun marco de participación social e transparencia.

Por isto consideramos imprescindible constituír unha Mesa para o Diálogo do Transporte Público con representantes da Xunta, sindicatos e empresas do sector, concellos e Deputacións, direccións de colexios e ANPAS, ademais de asociacións da sociedade civil que sumen representatividade, coñecementos e capacidade propositiva para podermos, así, articular un espazo de información, deliberación, debate e deseño participativo do novo Plan de Transporte Público de Galiza.

E propón o seguinte ACORDO para o seu debate e aprobación en Pleno:

O Concello de Narón insta ao Goberno galego a impulsar unha Mesa para o Diálogo do Transporte Público coa fin de dotarnos dun Plan de Transporte Público en base aos seguintes obxectivos:

-Deseñar unha rede de transporte colectivo atractivo polo número de frecuencias e rutas, baixo as premisas de fiabilidade, puntualidade, accesibilidade e competitividade en tempos.

-Artellar o país coa lóxica metropolitana e comarcal, impulsando medidas como a conexión coas cabeceiras de comarca, implantación de aparcamentos disuasorios nas contornas das áreas urbanas e introdución do transporte urbano onde non exista.

-Impulsar a intermodalidade con outros medios de transporte , implementando  “sistemas de xestión e tarifarios unificados para para incluír, ademáis dos autobuses urbanos e metropolitanos, novas opcións coma os ferrocarrís de proximidade, tranvías e metros lixeiros, transporte marítimo metropolitano etc.

-Deseñar unha rede de transporte colectivo tendo en contas as diferentes áreas funcionais, dando cobertura e conexión aos principais nodos atractores de mobilidade como hospitais, universidades, centros comerciais, polígonos industriais, estacións etc.

-”Fomento doutras formas de mobilidade sostible”, tanto ciclista como peonil

-Garantir a mobilidade en espazos rurais e zonas de baixa densidade de poboación mediante “ a implantación progresiva de concesións zonais, uso de vehículos de transporte colectivo de menor tamaño e outras iniciativas como programas de transporte a demanda ou transporte escolar compartida

-”Desenvolver sistemas integrados de transporte colectivo nos espazos de maior densidade litoral como as Rías Baixas e a Mariña de Lugo, Incluíndo o transporte marítimo metropolitano dentro da oferta do transporte público.

-Sincronizar a oferta de transporte público cos incrementos de demanda estacionais relacionados co turismo, garantindo a calidade do servizo e dando resposta ás demandas específicas derivadas de dita actividade, mediante aumento de frecuencias e rutas.

-Adaptar a oferta de transporte público aos incrementos de demanda relacionados cos calendarios escolares e universitarios e relación desta cos fluxos de mobilidade específicos da comunidade educativa e universitaria. Supresión da estacionalidade relacionada cos calendarios escolares e universitarios cando isto supoña unha redución de oferta e unha diminución da calidade do servizo.

-Incluír a perspectiva de xénero no deseño das redes de transporte público, horarios, rutas, paradas e equipamentos. Así como impulsar medidas que resolvan as carencias do transporte público colectivo no referente á percepción de seguridade."

*Citas extraídas das Directrices de Ordenación do Territorio de Galiza sobre sistemas de transporte.

En Narón a 12/04/2018

Asdo.: André Abeledo Fernández

Voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
23 de abril de 2018 14:03

______________

xoves, abril 28, 2016

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción, que será debatida no pleno ordinario, na que pide que se esixa á Xunta de Galiza a titularidade das concesión de transporte público, e que desde o goberno se impulse a creación dunha empresa municipal de transporte


O BNG LEVA AO PLENO A CREACIÓN DUNHA EMPRESA MUNICIPAL DE TRANSPORTE


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción, que será debatida no pleno ordinario de mañá (28.04.2016), na que pide que se esixa à Xunta de Galiza a titularidade das concesión de transporte público na nosa cidade, co fin de poder prestalo nas condicións adecuadas desde a propia administración local e que desde o goberno se impulse a creación dunha empresa municipal de transporte.

O BNG lembra que a actual situación na que non existen limitacións concesionarias nen planificación de servizos máis aló deste ano 2016 estabelece un marco totalmente aberto e sen condicionantes para que o goberno local decida libremente unha proposta de transporte público que se adecúe ás necesidades dos veciños e veciñas.

A sentenza do tribunal supremo que anula a prórrogas concedidas no ano 2010 ás concesións de transporte metropolitano definen un escenario totalmente aberto. É nese contexto, co horizonte do vindeiro ano 2017, desde o BNG esiximos ao goberno municipal que redefina o servizo co obxectivo de que este preste un adecuado servizo, en horarios e frecuencias que cubra as necesidades sociais dos veciños e veciñas de Ferrol tanto da súa zona urbana como da rural.

O Plan de Transporte Metropolitano desenvólvese pola Xunta de Galiza en base a concesión das liñas de transporte a día de hoxe anuladas por sentenza do Tribunal Supremo. Polo tanto, é decisión do Concello de Ferrol de asumilo ou non nos termos nos que está redactado, e que o alcalde da cidade así o faga demostra a actitude cómplice do goberno municipal fronte á posibilidade de prorrogar a concesións ás mesmas empresas que desenvolvían o servizo na actualidade e fronte a renovación dun Plan de Transporte Metropolitano que se algo ten demostrado é a falla de adecuación as necesidade reais e económicas da cidade.

O actual contexto permite que o Concello poida asumir a xestión das liñas urbanas coa constitución dunha empresa pública de transporte que en colaboración coa Xunta de Galiza dea servizo a unha cidade cunha poboación confinada ao uso do transporte privado e que está a sufrir ao mesmo tempo o desmantelamento dos precarios servizos ferroviarios actuais.

Na proposta do BNG tamén se pide que sexa o Concello de Ferrol, a través da empresa municipal de transporte, quen planificará de maneira conxunta cos concellos da comarca as liñas e frecuencias do transporte urbano.

Ferrol 27 de abril de 2016

Documentación anexa:
  • Texto da Moción do BNG relativa á creación dunha empresa municipal de transporte público presentada no rexistro | Acceder/Baixar.

  • Texto da convocatoria para o Pleno Ordinario do 28 de Abril de 2016 | Acceder/Baixar.


Bloque Nacionalista Galego de Ferrol
Rúa Naturalista López Seoane, 13 Baixo - 15402 - Ferrol
bngferrol@gmail.com
O BNG de Ferrol no facebook  ou no twitter.

http://bng.gal/ferrol/
http://adiante.gal/


Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
27 de abril de 2016 17:33
______________

Fotos 1 de Jorge Meis publicada no Diario de Ferrol. Xuño 2014.
Fotos 2 Parte do persoal de Trnaviasconcentrouse ás portas do Concello de Ferrol (foto: R.C.), publicada en Ferrol360. Marzo2016.

____________________

luns, xaneiro 20, 2014

Esquerda Unida demanda unha nova política de urbanismo e incide na crítica á política escurantista do goberno municipal do Partido Popular, en todo o que ten que ver coa ordenanción do espazo público e o transporte


O grupo municipal de Esquerda Unida considera necesario un cambio radical na política urbanística na cidade
. | Esquerda Unida considera que se está a perder unha oportunidade para unha planificación integral que poña en conexión emprego con rehabilitación. | O grupo  de Esquerda Unida reclama, por enésima vez ,que se activen os organismos de participación e comece a discusión pública sobre o secuestrado plan de mobilidade.

Hai no concello un informe polo que se pagou unha chea de cartos que vai de cousas referidas a mobilidade e espazo público e que , suponse, é o documento técnico necesario para un debate sobre as solucións de detalle en aspectos esenciais para áreas como o transporte público, a rede de rúas peonís a rexeneración urbana dos barrios a recuperación económica e comercial da cidade e, por parar por algún lado, o deseño dos aparcadoiros en superficie. Por suposto que este documento está en contexto con outros ,ben xa existentes ben en proxecto por necesidade urxente, por exemplo con plans sectoriais de urbanismo cos que se poida comezar a poñer fin a esperpénticas situacións que se dan no noso concello. Un que inviste cartos procedentes de fondos europeos finalistas para a rexeneración de barrios enteiros, coas súas rúas e os seus servizos, e logo as vivendas deses barrios caen por desleixo.

Todo isto debería ser motivo de debate no concello. Pero non. Hai tempo o grupo municipal de Esquerda Unida demandou dúas cousas: a primeira que se modificara a prioridade do investimento nas obras da praza de España, e outras, para, a través dun plan específico de apoio á economía social, crear emprego de calidade poñendo en conexión cousas como a rehabilitación integral e a rexeneración económica dos barrios; a segunda que se puxeran en marcha as medidas necesarias para comezar un amplo e extenso (no tempo e nos axentes participantes) debate sobre o conxunto da proposta do Plan de Mobilidade e Espazo Público e os seus detalles sectoriais. Ambas cuestións son   prioridades para este grupo municipal e así se fixo saber á hora de emendar os orzamentos deste ano. Xa alí diciamos o de sempre desde que entrou o Partido Popular no goberno da cidade: ao malgasto hai que sumar o escurantismo; tamén na política local está a acontecer a trufa de elementos que se dan en Galicia ou no Estado:corrupción política e baleirado das arcas públicas en favor das corporacións amigas máis ocultación máis lei mordaza etc.

Dúas son as alegacións que queremos remarcar: fronte ao malgasto creación da Empresa Municipal de Vivenda e inicio inmediato da política de acción rehabilitadora encamiñada a potenciar unha política pública de alugueiro e creación de emprego, fronte ao escurantismo  dotación dunha partida suficiente para a presentación pública e edición masiva do plan de mobilidade urbana de xeito que a peonalización e reorganización do tráfico, aparcadoiros, transporte de mercadorías etc sexan obxecto de discusión pública e planificación integral.

Se non, e cremos que por desgraza, non , seguirán a derrubarse edificios, a cidade continuará a súa lenta pero inexorable agonía e, por suposto, a veciñanza de Ferrol Vello e doutras latitudes acabará por non ter, xa non paradas para coller o autobús, senón autobús e servizos públicos en xeral. Así, como soa.

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
20 de janeiro de 2014 16:23

Boas. Enviamos nota do grupo municipal de Ferrol pola que demandamos unha nova política de urbanismo e incidimos na crítica á política escurantista do goberno en todo o que ten que ver coa ordenanción do espazo público e o transporte. Grazas e un saúdo, Secretaría de Comunicación. Consello Político Local- Ferrol

__________________

Foto de José Pardo.
__________________________

luns, febreiro 16, 2009

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade ...

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade. Seguir construíndo estacionamentos no centro da cidade, non é camiñar a eliminar o tránsito de vehículos pola mesma, senón todo o contrario, é fomentar o uso do automóbil motorizado particular e privado. Todo o contrario do que establece o compromiso de ter asinado a Carta de Aalborg [*] e elaborado a Axenda 21 Local [que por certo xa non está colgada na web oficial do Concello]. O fomento de estacionamentos para automóbiles particulares privados, vai en contra dunha "mobilidade urbana sostíbel", no punto I.9 da citada Carta di-se:

"Nós, cidades, debemos esforzarnos por mellorar a accesibilidade e por manter o benestar e os modos de vida urbanos á vez que reducimos o transporte. Sabemos que é indispensábel para unha cidade viábel reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados. Daremos prioridade aos medios de transporte respectuosos do medio ambiente (en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante os transportes públicos) e situaremos no centro dos nosos esforzos de planificación unha combinación destes medios. Os diversos medios de transporte urbanos motorizados deben ter a función subsidiaria de facilitar o acceso aos servizos locais e de manter a actividade económica das cidades".

O goberno leva hoxe a pleno o rescate do estacionamento da Praza do Concello tras o acordo entre concesionario e comerciantes, sen ter en conta a necesaria recuperación funcional dunha praza, para uso e gozo da cidadanía como principal e non como secundario, para eles primeiro é o negocio privado, cunha futura concesión de décadas, máis antes facendo un rescate millonario [case 2,5 millóns de euros] que vai beneficiar ao actual concesionario, Isidro Silveira. E que se supón que vai ser, con toda seguridade, o futuro concesionario que vai ampliar o seu negocio [en case un 345%], pois pasa de poder ofertar 116 prazas na actualidade, a unhas 400 nun futuro.

A desculpa do edil de Facenda, Ramón Veloso, no sentido de afirmar que esta medida "permitirá construír un novo aparcadoiro para gañar prazas. Ferrol podería así afrontar con garantías o proceso de peatonalización do barrio histórico da Magdalena", non é máis que pura retórica, se se ofertan máis prazas, entrarán máis vehículos motorizados no casco histórico da Madaglena. A tendencia debería contemplar o só permitir o acceso a residentes, emerxencias, transporte colectivo [non contaminante] e distribución de mercadorías.

A outra desculpa de que "se evitarán os continuos desembolsos que, ano tras ano, tiña que asumir o Concello para afrontar reparacións no recinto", non é tal se non vai acompañada dunha relación de obras e reparacións feitas nos últimos anos e a súa contía, pois precisamente do que se queixaban os comerciantes da Praza era de que non se acometían ditas obras.

En definitiva, rehabilitar a Praza si, mais para uso e goce da cidadanía, non para facilitar o uso de transporte motorizado particular e privado dentro da cidade.

Colectivo Ártabra 21
16.02.2009
______________________

[*] Conferencias Europea de Cidades e Pobos Sustentábeis
[Aalborg en 1994, Lisboa en 1996, Hannover en 2000, Aalborg en 2004 e Sevilla 2007]

Ponto 6 do Documento "Aalborg+10 – Inspiración para o Futuro", da conferencia celebrada en Hannover no ano 2000.

"Mellor Mobilidade e Redución do Tránsito

Recoñecemos a interdependencia do transporte, a saúde e o medio ambiente e estamos comprometidos a promover firmemente os modelos de mobilidade sostíbeis.

Polo tanto imos traballar para:

1.reducir a dependencia do transporte privado motorizado e promover alternativas atractivas que sexan accesibles para todos.
2.aumentar a porcentaxe de desprazamentos en transporte público, peonil e en bicicleta.
3.promover o cambio a vehículos con baixas emisións.
4.desenvolver plans integrados de mobilidade urbana sostible.
5.reducir o impacto do transporte no medio ambiente e na saúde público"

Entrar a continuación:
Colectivo Ártabra 21: Por que furar Ferrol ?

_________

Enlaces Relacionados:
__________________

sábado, xullo 26, 2008

Asociacións das zonas urbana e rural piden melloras en tódalas liñas

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 25 de julho de 2008 11:59
Asunto: Asociacións das zonas urbana e rural piden melloras en tódalas liñas


Asociacións das zonas urbana e rural piden melloras en tódalas liñas
Diario de Ferrol 25.07.08

A convocatoria de asamblea feita con urxencia pola Asociación de Veciños de Ferrol Vello ante a supresión de servizos levada a cabo de forma unilateral por Rialsa tivo un grande éxito de convocatoria. A pesares da premura con que se artellou a cita, máis dunha ducia de representantes de entidades veciñais, tanto da zona urbana coma do rural, asistiron a este encontro.

Desta cita saiu un primeiro documento no que este colectiva manifesta o seu desacordo coa “reducción drástica de liñas” adoptada por Rialsa. Os colectivos veciñais cuestionaron, neste senso, as cifras dadas pola compañía nas que xustificaba esta medida na falta de pasaxeiros. “Se á empresa non lle interesa atender este servizo, que se recupere a concesión e se convoque un novo concurso”, dixo Alberto Saavedra, presidente da AVV Ferrol Vello.

Pero non se quedaron soamente nesta problemática, senón que ademais reclaman melloras nos servizos que prestan as compañías concesionarias das liñas de transporte de viaxeiros na área metropolitana. Neste sentido, expuxeron a necesidade de aumentar as liñas existentes, facendo fincapé en mellorar os desprazamentos a puntos clave, como os centros de saúde ou colexios, entre outros.

Ao respecto, Alberto Saavedra sinalou que “o descontento é xeralizado, por esta razón queremos que se conte coa opinión dos usuarios e participar con empresa, Xunta e Concello nas conversas que se poidan levar a cabo ao respecto do transporte de viaxeiros”, engadiu.

Este colectivo chama a sumarse ás súas demandas a novas asociacións de veciños e sociais. En vindeiras datas entregarán un escrito oficial con elas ás administracións autonómica e local.
___________

Esquerda Unida e o transporte Público

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 24 de julho de 2008 11:06
Asunto: Esquerda Unida e o transporte Público



Desde o Consello Local de Esquerda Unida de Ferrol queremos aproveitar que, coma sempre, se fala do AVE, para falar da precariedade do transporte público a nivel local, comarcal e rexional.

En primeiro lugar, denunciamos unha vez máis que o AVE está implantándose sobre as liñas férreas existentes, anulando paradas, e clausurando unha rede de ferrocarril cuxa misión era (e debería volver a ser) conectar as vilas e cidades galegas e funcionar como transporte público de curto e medio percorrido. O AVE non está en condicións de ser unha alternativa a este transporte, e tememos que tal alternativa nin se plantea. Fórzasenos a usar as estradas. A pesar do estado da rede e da alta siniestralidade, nunca se quere relacionar exceso de tráfico rodado, accidentes e falta de transporte público, e é obvio que hai relación.

Ademais da preocupante situación do ferrocarril, no ámbito comarcal e municipal temos que engadir estes días o recorte de liñas e de horario nos autobuses de Rialsa. O consentimento por parte da Consellería de Política Teritorial destes recortes obríganos a levantar a voz xunto con asociacións e veciños que ven reducida aínda máis a súa mobilidade, e a instar aos concellos a rexeitalos abertamente.

O servizo de transporte público que cubre Rialsa é imprescindible. Xa está subvencionado, polo que non é máis que un pretexto soster que é deficitario. Tampouco é certo, polos datos que nos constan, que os servizos suprimidos non contaran con suficiente uso, desde logo algúns dos traxectos Cobas-cidade si teñen (tiñan) máis dun centenar de usuarios habituais.

Baixo ningún concepto debemos permitir que o transporte público siga deteriorándose e reducíndose. Esperábamos por parte da Consellería a defensa do transporte público, e non optar por aceptar condicións que van na dirección contraria, preparándonos ao que se empeza a ver como un peche progresivo. Pola contra, reclamamos un esforzo para activar e modernizar o servizo: adaptando os vehículos á demanda real (microbuses), estudando as paradas, multiplicando os pequenos traxectos (transporte “á carta”) e procurando un servizo maior aos principais equipamentos e centros de traballo (colexios, hospitais, polígonos industriais etc). Se é necesario, debe chegarse a unha enquisa usuario a usuario e a fortes inversións, como a remodelación da estación de autobuses. O actual Plan de transportes metropolitano amósase como un instrumento moi limitado (máis que nada, publicidade, marquesiñas e subvención de tarxetas) asentado sobre convenios con empresas de transporte pouco ventaxosos.

Agardamos que o Plan de mobilidade no que está traballando o Concello de Ferrol sexa sensible a estas demandas e dea unha resposta ambiciosa ao problema do transporte público urbano, que, como medio sostible, debe encabezar calquera aposta por racionalizar a mobilidade no municipio.
____________