Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Vence Deza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xavier Vence Deza. Amosar todas as publicacións

venres, xullo 08, 2016

A iniciativa "Chamamento de Vidán" cobra impulso nas redes - Unha iniciativa a prol da unidade da esquerda nacional, proposta desde un sector das filas do BNG, cun programa transformador que sexa capaz de desaloxar ao Partido Popular da institución autonómica e transcenda máis alá do proceso electoral deste Outono


Lanzada unha iniciativa política, onde se encontran nomes como Carmén Adán, Ana Miranda, Tereixa Paz, Olaia Fernández Davila ou Xavier Vence, que pula pola unidade e reformulación do nacionalismo e as forzas de esquerda, e sinalan a celebración do 25 de Xullo, como unha data fraternal para referendar esa construción da que consideran única oportunidade para sacar ao PP das institucións e parar a sangría que en todos os eidos está a sofrer Galiza.

Chamamento de Vidán

O nacionalismo encóntrase nunha encrucillada como non ocorría dende hai décadas. O devalo socio-electoral do BNG chegou a límites insoportábeis para calquera organización política con vocación de transformar a sociedade. A continuidade, frecuencia e profundidade da prolongada desafección de votantes e simpatizantes é concluínte e permite emitir un diagnóstico, onde resulta inescusábel admitir o fin de ciclo da organización nacionalista.

Fronte a esta fatal realidade asistimos á emerxencia dunha alternativa política, con orixe na indignación social orixinada polo grave deterioro do benestar público, no seu significado máis amplo. Formada por nacionalistas e forzas de esquerda esta alternativa foi quen de focalizar o interese social dunha parte maioritaria do electorado nacionalista. Sen embargo, esa alianza construída para defender os intereses de Galiza, especialmente no Parlamento Español, amosa unha incapacidade crecente para cumprir ese obxectivo derivando nunha debilidade, cada vez máis evidente, do seu polo nacionalista. As contradicións, propias de calquera alianza electoral, e a menor visualización da compoñente galeguista están, ao noso xuízo, na causa máis probábel do devalo acusado por esta nova alternativa nas últimas eleccións xerais.

Esta complicada situación ameaza as expectativas de desaloxo do PP nas eleccións galegas do próximo outono. Sería imperdoábel que diferenzas menores malograsen a posibilidade dun grande acordo que trouxese ilusión aos galegos e galegas e impulsase unha vitoria contundente fronte á insostíbel situación económica que está desangrando o país, expulsando da súa terra ao mellor da mocidade galega.

Neste crítico contexto todas e todos deben contribuír a un gran acordo electoral, procurando o fortalecemento do nacionalismo e da alternativa ao PP en 2016.

Na actual situación e de cara a un futuro que transcende ao vindeiro proceso electoral correspóndenos a responsabilidade de remover as estruturas actuais do nacionalismo para sentar as bases para unha organización nacionalista de nova planta, sólida, con vocación maioritaria, transversal e que xunte a todas as persoas que teñen Galiza como nación. Por tal motivo, instamos a todas as forzas políticas galegas a actuar coa máxima xenerosidade e altura de miras para superar a actual situación de impotencia política dando os pasos precisos para levantar unha nova alternativa que aglutine a dispersión e devolva a esperanza de cambio á maioría social, sen apriorismos máis alá de que Galiza sexa o verdadeiro suxeito político.

Por último, dende este recuncho de Compostela e con toda a humildade, convocamos a galegas e galegos, a todos e todas as galeguistas e nacionalistas, a celebrar en fraternidade o próximo 25 de xullo, Día da Patria Galega.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2016.

PODE-SE APOIAR E ASINAR O CHAMAMENTO EN
:
https://chamamentodevidan.wordpress.com/

A nova nalgúns medios:
Manifesto liderado por Xavier Vence decreta fin de ciclo do BNG e pide unha alianza coa Marea. | D.ARES - SERMOS GALIZA 08 Xullo 2016 13:34 h. | Baixo o lema 'Chamamento de Vidán' reclaman "un gran acordo electoral" como "alternativa ao PP" en 2016. | Sesenta e tres sinaturas entre as que se atopa a do ex-portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda e as deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, veñen de lanzar o 'Chamamento de Vidán'. | Ir á Web.

"Chamamento de Vidán" para crear as bases dunha "organización nacionalista de nova planta". | Persoeiros do nacionalismo como Ana Miranda, Carme Adán, Xavier Vence, Tereixa Paz ou Alba Nogueira reclaman un xiro na estratexia do BNG e das mareas. Como primeiro paso propoñen unha manifestación o 25 de Xullo común con "todos os galegos, galeguistas e nacionalistas". | Lores defende a "capacidade e forza abonda" do BNG sen necesidade de confluír con outras formacións. | Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/07/2016 | Actualizada ás 23:15 | GALICIA CONFIDENCIAL | Ir á Web.

O Foro Galego debaterá o vindeiro sábado o impulso da candidatura de confluencia. | Redacción | @prazapublica | 08.07.2016 PRAZA PÚBLICA | Fóra de titular, dentro do texto da nova: "...Mentres, tamén este venres se fixo público o denominado Chamamento de Vidán, un documento asinado por un grupo de destacados e destacadas militantes do BNG (entre os que destacan Xavier Vence, Tereixa Paz, Olaia Fernández Davila, Carme Adán ou Ana Miranda)...fan un chamamento para superar as 'diferenzas menores” de forma que sexa posible acadar un “grande acordo que trouxese ilusión aos galegos e galegas'..." | Ir á Web.
A nova nalgúns medios convencionais galegos:
La Voz de Galicia: Los críticos del BNG llaman a construir otra organización. | Ir á Web.

El Correo Gallego: Militantes e cargos do BNG intentan unha nova visión para as autonómicas ante a "ameaza" de "non desaloxar" ao PP. |  Ir á Web.

Faro de Vigo: El exlíder del BNG y cargos locales urgen unirse a la Marea ante su crisis electoral. | Ir á Web.

El Progreso: Lores no perderá "nin dous minutos" con el manifiesto crítico del BNG. | Ir á Web.

CRTVG - A Galega: Máis de 50 militantes do BNG critican a dirección de inmobilista e avogan pola confluencia coas Mareas. | Ir á Web.

CRTVG - Radio: Militantes do BNG apoian a confluencia con outras forzas de esquerda. | Ir á Web.

Información baseada na enviada por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
8 de julho de 2016 15:35
http://lupeces.blogspot.com/
_________________

sábado, xaneiro 16, 2016

Os retos do nacionalismo en 2016, ... Por Xavier Vence Deza


Polo seu interese político, transcribimos o Discurso de Xavier Vence Deza, porta-voz nacional do BNG na Homenaxe a Castelao do pasado 9 de Xaneiro de 2016, en Rianxo. Pois o BNG é unha peza clave na esquerda política e social da Galiza. Nas pasadas eleccións do 20 de Decembro do 2015, sufriu unha derrota electoral de moi importantes consecuencias, ao perder a súa representación nas Cortes Xerais do polo de agora Reino de España. Representación que viña sustentado desde había 20 anos. Desta vez o BNG apostou por unha candidatura de unidade a través de Nós Candidatura Galega que obtivo só 70.464 votos un 4,32% dos votos validos emitidos na Galiza e cero deputad@s. Cando en 2011 o Bloque Nacionalista Galego obtivera 184.037 votos o 11,18% dos votos válidos, cun resultado de 2 deputadas. Mentres En Marea que mesmo competía co BNG, arrebatando-lle máis de 100.000 votos, mais que ía máis aló dentro do "Espazo Podemos" (Como así o define Xosé Manuel Beiras), tivo 408.370 votos e o 25,04% dos votos validos emitidos a nivel galego, cun resultado de 6 deputa@s (Fonte). Mas que pola matemática parlamentaria e a composición da Mesa do Parlamento, sumado á fórmula de non renunciar ás siglas que elixiron as cúpulas de Anova, EU, Podemos e o Encontro Cidadá por unha Marea Galega para presentar-se, parece ser que se van a quedar sen poder constituír grupo parlamentario propio. Co que isto significa de pancada política e anímica para as centos de miles de persoas que votaron a "candidatura do cambio e a confluencia", para ter un grupo parlamentario galego que representara a Galiza no Parlamento español.

Por Xavier Vence [*]
16.01.2016


Coma cada ano vimos aquí a Rianxo para render homenaxe a memoria do noso rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, grande patriota morto no exilio de Bos Aires e enterrado no cemiterio da Chacarita tal dia coma hoxe fai agora 66 anos.

Castelao deixounos unha inmensa obra literaria, artística e política, pero sobre todo deixounos o exemplo dunha vida de compromiso. Hai 100 anos aquel Castelao aínda novo, con 29 anos, deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución, fracasos, desilusións, traizóns e exilio.

Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro e tantos outros sairía adiante en 1916 a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado, coa Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918 e, co nacemento Partido Galeguista en 1931, a caída da ditadura de Primo de Rivera.

Este ano será, pois, un bo ano para recordar e revivir Castelao, celebramos o Centenario das Irmandades da Fala, celebraremos o Ano Castelao coa programación especial que o noso compañeiro Leal pilota desde a Deputación de Pontevedra.

Para redondear a homenaxe ás persoas comprometidas no ronsel de Castelao temos un ano das Letras adicado ao noso poeta primordial, Manuel María, o que nos deixou milleiros de páxinas de palabras fermosas convertidas en consignas para o eterno combate:
o idioma é a vida
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor
falando de Castelao, quedo con aquela súa “Invocación a Castelao” no libriño “Cantos rodados ...” publicado en 1976:
Home cabal/conciencia comunal/
forte penedo/contra a noite e o medo/...
Fe poderosa/que estea á patria nosa/...
Facho puro/alumando o escuro/
Castelao/Pai e irmao/
Verba de luz inxel:/Daniel!
Castelao, Bóveda, Manuel María exemplifican un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade de futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura.

Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.

Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa teimosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder, da represión, da potente maquinaria mediática, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!

Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.

Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar, que no mellor dos casos non quedará máis remedio que aturar e como concesión condescendente “haberá que escoitar”.

Non entenden que o nacionalismo é algo máis  esencial: é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.

Unha nación que non sucumba á exclusión masiva da xente nova, que saia do pozo dese precariado que queren converter en miserento horizonte estrutural para a maioría.

Nós queremos una nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas, no comercio, nos servizos ou na investigación.

Unha nación con servizos públicos, educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade.

Non queremos ver como a emigración do noso aforro, da nosa electricidade, das sedes das nosas empresas, dos nosos impostos, etc levan detrás a emigración da nosa xente moza e de todo o seu talento.

Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente. Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo”, como nos propuña Castelao.

Este ano pasado tivemos eleccións municipais e as Xerais e este o ano teremos as galegas e, ao mellor, as xerais de novo.

Nas municipais demostramos que alí onde goberna o nacionalismo conseguimos referendar o respaldo da xente, como aquí en Rianxo. Parabéns a Adolfo e a todas e todos os que tedes a alta encomenda de facer país desde os concellos!

Pero, desde logo, nas Xerais saímos moi mal. A aposta por una candidatura nacional galega de unidade non frutificou coa ambición buscada, porque non podiamos aceptar subordinacións a forzas estatais, que outros aceptaron e preferiron antes que a nosa compañía. E con Nós-Candidatura Galega non conseguimos o respaldo necesario. É una experiencia e un resultado que nos obriga a repensar moitas cousas, repensar o que vén acontecendo na última década tanto no país coma no nacionalismo.

Temos que adoptar medidas audaces e valentes porque non podemos renunciar a ter unha presenza importante nas institucións nas que se decide o futuro do noso país e da nosa maioría social.

Acreditamos firmemente no proxecto nacionalista que representa o BNG, é necesario para o futuro deste país e temos que darlle a forma concreta, poñelo ao dia e a ton co que nos pide a sociedade, a nosa base social, para sermos vistos como a ferramenta útil pola maioría social da nosa nación.

Certo que tampouco lles saíu redonda a xogada aos poderes económicos do estado que tramaron a “operación 2+2” e investiron millóns de euros e miles de horas de platós en prime time para garantir, co auxilio de Ciudadanos, a continuidade dun goberno do PP queimado e corrupto, para completar o seu eufemístico Plan de Reformas, que xa sabemos que é realmente un plan para recortar, privatizar, precarizar e recentralizar todo.

Non lles saíu ben e van ter que reintentalo. Nós imos estar aí para impedilo e teremos que ver a mellor forma de facelo. Porque, ademais, Galiza ten que estar aí para defender os seus intereses nacionais, tamén en Madrid.

Pero hai que ser claros, amigos e amigas, o futuro do noso proxecto xógase aquí, nas galegas de 2016 e temos que conseguir a complicidade de boa parte da sociedade galega.

As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Este país ten a obriga de derrotar o PP e nós, o BNG, imos estar aí.

Cómpre traballar con intelixencia, ilusión e xenerosidade para derrotar ao PP e poñer couto aos anos máis lesivos para a maioría social galega e para o autogoberno. É unha prioridade inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Derrotar o PP ten que ser a prioridade absoluta na conxuntura na que estamos, porque o precisa o país e porque o propio proxecto nacionalista xógase moito nesa cita.

O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante. Hai contextos onde a criatividade nas alianzas e a unidade de acción son a mellor garantía para avanzar.
 
Nesta realidade fuxidía e complexa hai que tomar decisións valentes na Asemblea Nacional para reforzar o proxecto que representa o BNG e convén recordar as palabras de Alexandre Bóveda, o estratega con Castelao da unidade e organización do nacionalismo na República e do pacto do 36:
No camiño que nos trazamos, hai moitas dificultades que vencer; hai moitos rodeos que dar; haberá que bolinear moitas vegadas. Mais que ninguén perda a súa fé, que ninguén abandone a esperanza de chegar a termo. As voltas do camiño poden semellar retrocesos, mais son pasos adiante que ninguén terá forza dabondo para nos obrigar a desandar” (A.B.)

O BNG ten que dar pasos neste ano para reforzarse como ferramenta útil que é da nosa nación. Imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para crear complicidades e flexibilidade por parte de todos para sumar. É o tempo da política, poñendo o país por diante, abeirando ensimesmamentos e rutinas paralizantes. Toca navegar de bolina. Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos; coas alianzas que sexan precisas para avanzar, bolineando, pero avanzando.

Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia desas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, despois de “petar na ialma do pobo” durante anos con nacionalistas á fronte do autogoberno van agora coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.

Que Castelao e Bóveda nos iluminen na nosa travesía!!!

Viva Galiza Ceibe
Rianxo, 9 de xaneiro de 2016


Artigo publicado no seu blogue persoal o domingo, 10 de xaneiro de 2016.

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... Na actualidade é Portavoz Nacional do BNG.

Enviado por:
inácio GZ
inaciogz@gmail.com
15 de janeiro de 2016 20:30

________________

mércores, xaneiro 06, 2016

O BNG abre un proceso reflexión ata a asemblea nacional “para corrixir todo o que haxa que corrixir, ..."


O BNG cualifica de “claramente negativos” os resultados electorais do 20D pero manifesta o seu convencemento de que Galiza precisa un proxecto nacionalista autónomo e forte con vocación de ser alternativa de goberno. Para iso, abre un proceso de reflexión e análise, “serena e tranquila”, para “corrixir todo o que haxa que corrixir, e reinventar todo o que haxa que reinventar”, expresou o portavoz nacional, Xavier Vence.


Os resultados son peor do esperado e moi por debaixo das expectativas do BNG, aínda tendo en conta un contexto complexo e polarizado a catro”, indicou Vence, “é un resultado doloroso que haberá que corrixir, levantarse e repoñerse”.

Malia o resultado, o BNG considera que o proxecto nacionalista “segue a ser esencial e necesario para o futuro de Galiza”, aínda que sexa imprescindible “facer unha reflexión profunda” que se canalizará na celebración de asembleas abertas á militancia e ao conxunto da cidadanía por todo o país, que concluirá nunha asemblea nacional en marzo.

Estamos plenamente decididos a manter erguido un proxecto nacionalista que consideramos esencial para que este país teña futuro, para poder ter voz autónoma en todas as institucións, capaz de ser alternativa de goberno e de contribuír á transformación deste país”, recalcou.

Galiza segue a precisar un proxecto nacionalista autónomo, inclusivo, aberto, con vocación maioritaria e darlle a este país a forza que non van darlle as organizacións estatais”, argumentou.
Xavier Vence, portavoz nacional do BNG.

Vence asumiu que a foto post 20D “non se explican só polo contexto”, pero tamén foi claro á hora de constatar que o panorama do bipartidismo a catro “condicionou o resultado das forzas nacionalistas tamén en Catalunya e Euskadi. “É evidente que hai unha estratexia para crear un contexto político en clave netamente estatal e recentralizadora cun sistema de partidos a catro que reste protagonismo aos nacionalismos”, indicou

Da asemblea de marzo sairá unha nova dirección e, sobre todo, “a estratexia de futuro para ese proxecto nacionalista necesario”, incluíndo as decisións “para enfrontar os próximos embates electorais en 2016” e as posibles alianzas. A necesaria reflexión colectiva que agora se abre ten que ir máis aló dos resultados do 20D, para analizar “a tendencia que traemos dos últimos anos para podernos dar unha alternativa nacionalista de futuro”, indicou Vence.

Reflexión persoal

Preguntado pola súa continuidade, o portavoz nacional, salientou que estaba a transmitir a valoración da Executiva nacional reunida na tarde de onte, tras chegar de Madrid da súa comparecencia na Audiencia Nacional. “Tomarei as miñas propias decisións persoais, pero o importante neste momento e que o proceso de reflexión que agora se abre conclúa na asemblea nacional da que, evidentemente, sairá unha nova dirección”.

Vence tamén fixo unha valoración global do escenario que queda tras os comicios xerais, salientando o “fortísimo retroceso” do PP que perdería as eleccións galegas e o o retrotrae á situación de 1989, ao tempo que trasladou os parabéns a EnMarea polo resultado.

En nome do BNG, trasladou o agradecemento expreso aos centos de persoas militantes e non militantes que durante a campaña aportaron un caudal de “esforzo, xenerosidade e talento”, en apoio dunha candidatura en clave nacional e de esquerdas, así como a todos e todas as integrantes de NÓS-Candidatura Galega.

sedenacional@bng.gal
http://bng.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
05 de janeiro de 2016 15:30

________________

mércores, abril 01, 2015

Presentación pública da candidatura BNG-Asembleas Abertas Ferrol, o 9 de Abril, ás 8 da tarde, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño


Presentación pública da candidatura do BNG-Asembleas Abertas Ferrol


O vindeiro xoves 9 de abril ás 20 horas no Centro Cultural Carvalho Calero presentan, nun acto público, a candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Ferrol.

Ademais das intervencións do cabeza de lista, Iván Rivas [*], e doutras persoas candidatas, estará presente o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence [**].

O BNG fai un convite aberto a toda a cidadanía para que se acheguen ao acto.


[*] Iván Rivas Rico, -A Pontenova 1976, é arquitecto de profesión, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol desde xaneiro de 2012. Candidato á Alcaldía polo BNG - Asembleas Abertas, para as próximas eleccións locais do 24 de maio deste 2015. Ten conta no facebook: https://www.facebook.com/ivan.rivasrico.

[**]] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... Na actualidade é Portavoz Nacional do BNG.

Proceso Asembleas Abertas 'Construíndo Futuro':
http://www.construindofuturo.info/

Web oficial do BNG:
http://bng.gal/

O BNG de Ferrol no facebook:
https://gl-es.facebook.com/bng.ferrol

O BNG de Ferrol no twitter:
https://twitter.com/bngferrol

Local Social do Bloque Nacionalista Galego en Ferrol
Rúa Naturalista López Seoane, 13 Baixo - 15402 Ferrol (A Coruña)
Telef.: 981 364 058

Foto de Ferrol 360.

Información baseada na enviada por:
BNG
-bng@ferrol.es-
1 de abril de 2015 12:10
____________________

martes, setembro 02, 2014

A Galiza que Merkel ignora, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza
01.09.2014


Sra Chanceler:

Vén vostede e o seu nutrido séquito pasar revista de preto e marcar as liñas mestras a un Estado fallido dentro da UE. A matraca da “marca España” vai quedando reducida a unha versión metafórica e ampliada daquela histórica “Marca Hispánica” do imperio medieval de Carlomagno. Daquela, Galiza non formaba parte da Marca Hispánica e hoxe tampoco nos aporta un marco de futuro para o noso país.

A Galiza que lle vai mostrar o sr Rajoy estes días posiblemente vai ter ben pouco que ver coa Galiza real. Nin a realidade dos galegos e galegas se corresponde con esa fantasiosa recuperación que só gozan os bancos, os especuladores financeiros e os grandes oligopolios do IBEX35. Nin a cidadanía deste país é tan sumisa coas decisión da troika e dos bancos como veñen sendo Rajoy e Feijóo, por iso queren mudar as regras de xogo para manter de xeito truculento o poder. A maioría d@s galeg@s estamos abertamente en contra das políticas da troika, que tanto vostede como Rajoy defenden e impoñen con cruel desprezo do sufrimento que provocan na inmensa maioría da sociedade. As centos de miles de persoas paradas, as ultraprecarias, as falsas autónomas, as enfermas e dependentes, as estudantes sen bolsa e esa multitude nova obrigada a facer as maletas de novo, para ir maltirando na emigración, entre outros lugares nesa Alemaña que fai todo o posíbel por defender a súa industria pero que arrasa coa dos demais e tamén cos sectores primarios e o comercial, todas elas son unha acta de denuncia do súa política. Hoxe temos que recordarlle a vostede que o noso país non pode soportar máis o desbalde do noso naval, da pesca, do agro, do noso aforro.

Ben sabemos que Alemaña ten nas súas mans a batuta para marcar o ritmo da orquesta desafinada da UE e por iso non podemos acoller a Chanceler con simpatía. Pero tamén sabemos que se hai un goberno entregado ás receitas crueis e suicidas da troika ese é o do sr Rajoy.

Os galegos non podemos ignorar que as políticas de espolio da sociedade para rescatar unhas inviábeis finanzas especulativas -as españolas, as alemanas, as europeas e as americanas- están levando a unha severa pobreza actual: os recortes van acompañados de aumentos de impostos regresivos e mesmo do espolio dos aforradores. Pobreza actual que non é o preludio dunha bonanza futura senón dunha creba social aínda maior.

Máis aínda, que saiban Merkel e Rajoy que a maioría dos galegos non queremos esa UE supeditada á estratexia imperial americana en todo o mundo pero, en particular nos espazos sensíbeis que circundan Europa. E, como en todo hai graos, sentimos especial noxo –si indignación e noxo- pola sempre incondicional supeditación do Estado Español a esa estratexia imperial, en Irak, Siria, Ucraína ou en Palestina.

Artigo publicado o 30 de Agosto de 2014 no blogue persoal do autor:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... Na actualidade é Portavoz Nacional do BNG.
____________________

venres, febreiro 22, 2013

Mudando, cos pés na terra, ... Por Xavier Vence Deza (A mantenta do Relatorio Político para a Asemblea Nacional do BNG)

Por Xavier Vence Deza
22.02.2013


Nos momentos de mudanza dous riscos teñen que ser vencidos: o medo ao cambio e os preconceitos. O medo ao cambio pode levar ao enroque e a tentación de meterse na cova e agardar que escampe. Por outro lado, os preconceitos tenden a facer crer que só un mesmo quere mudar e todos os demais seguen ancorados nas rotinas do pasado. Os dous son riscos paralizantes e disgregadores.

Non querer mudar e non aceptar que os demais poden mudar ao mesmo tempo que si propio son problemas que se resolven sobre todo rompendo a incomunicación, socializando os diagnósticos e tratando de poñer en común as liñas de futuro nas que existe coincidencia. Se despois dun aberto e sinceiro proceso dese tipo, algunhas cousas só son vistas por unha parte é moi probábel que precise máis tempo para verificar a súa oportunidade. Cómpre partir da base de que, tratándose de seres racionais e comportando obxectivos esenciais, cando algo deixa de funcionar ou de ser útil acabará sendo admitido e mudado.

Ben, todo isto ven a conto polo que está a acontecer no BNG desde que se puxo en marcha o proceso “propón connosco” e se abriu o proceso para a elaboración dos relatorios de cara a XIV Asemblea Nacional.

O que eu puden observar moi de preto foi a apertura dun claro e profundo período de reflexión. Por parte dunha inmensa maioría tomouse clara consciencia de que son necesarias mudanzas moi importantes. Sen arrombar a avenza de acertos e experiencias é necesario interpretar con valentía os profundos cambios que se derivan dunha crise económica e social devastadara pero tamén do fracaso e esgotamento dun modelo político-institucional que definiu o escenario en Europa e no Estado Español nas tres últimas décadas.

Antes algúns pedían cambios para adaptarse a unha realidade que se consideraba consolidada, agora é ao revés, cómpre adaptarse para actuar no marco dunha realidade convulsa. Son escenarios de radical incerteza e vertixe que calquera estrutura ou organización -como o BNG ou calquera outra- non é fácil que os asimile e se adapte a eles instantaneamente. As rotinas instaladas nas estruturas e nas cabezas de cada un precisan tempo para mudar. Para empezar cómpre saber en que e cara onde.

En circunstancias como estas, partir de cero pode parecer máis fácil porque non hai ataduras nen historia que marque pero o problema é que as estruturas non se improvisan. E o que un día pode parecer espontaneidade e frescura pode de pronto transformarse en ridículo e impotencia. Por iso seguramente ten moito máis futuro un cambio sobre a base de estruturas sólidas aínda que sexa máis lento que o fulgor da improvisación, que pode esvaecer como flor dun día. Mudar as rotinas das organizacións é traballoso porque afecta ás estruturas e ás persoas. De feito, acometer cambios importantes nas organizacións pasa por mudar as persoas para que non estean marcadas por esas rotinas mentais e de comportamento que acaban petrificadas no seu ADN. E iso afecta a todo o mundo, a destra, sinistra e medio campistas.

Eu persoalmente aprecio unha sinceira vontade de cambio na inmensa maioría do BNG. Non para mudar os obxectivos últimos mais si nas prioridades e nas formas da acción política no novo contexto. Sería iluso pensar que iso poida ser o caso da totalidade -polo que dicía- mais si da inmensa maioría. E dígoo non só por verbas senón por feitos concretos. No Relatorio para a XIV AN aprobado case por unanimidade no Consello Nacional do 16 de febreiro vai recollida unha batería de propostas que definen as apostas novidosas na acción política e tamén no funcionamento interno e no relacionamento coa sociedade, os movementos sociais e as institucións.

Comentarei tan só dous aspectos concretos que poden ilustrar isto que digo. Un no plano político e outro no organizativo.

O que está a pasar no mundo, onde moitos países estan a saír do burato neoliberal cunha aposta soberanista, como vemos en boa parte de Lationoamérica; o que pasa en Europa e no estado español coas nazóns sen estado, son feitos que non poden deixar indiferente a ninguén e menos aos nacionalistas. Somos conscientes do ponto no que está a conciencia nacional en Galiza e a urxencia de activala, non só por emulación positiva senón porque a realidade da crise económica e institucional evidencia que as solucións aos nosos principais atrancos pasan por aí. Por iso o BNG aposta pola unidade do nacionalismo e proponse ser parte activa dun amplo movemento a prol da soberanía e faino desde a vontade de compartir ese proceso con todas as organizacións e persoas que desexen participar activamente nese debate, que pretende ser capilar en toda a sociedade. É un reto estratéxico para o País e a forma de encaralo ten que ser novidoso e creativo. E así o está a entender a inmensa maioría no BNG. Hai que poñelo en marcha para que sexa a bandeira de todos, para que una e faga País independentemente das siglas.

Algúns parecen non captar a profundidade dos cambios que trae esta crise total e mesmo cren que iso nos separa dos problemas cotiáns da cidadanía, das urxentes prioridades dunha crise devastadora ou que leva a abeirar a importancia da xestión diaria nas institucións nas que gobernamos. Nada máis lonxe. Trátase de todo o contrario, poñer os problemas de cada día na axenda de todos os militantes e aportar solucións concretas e inmediatas ao tempo que se apuntan as consecuencias nefastas da ausencia de soberanía. En todo caso, sería estúpido non ter habelencia pedagóxica para distinguir níveis e circunstancias. Do mesmo xeito que ninguén pode pretender que alcaldes e concelleiros se convertan en monotemáticos predicadores de ningunha boa nova, tampouco ninguén debera pretender que a política nacional, para o conxunto do país, sexa a mera extrapolación dos problemas de xestión municipais ou parroquiais. Cada nivel ten as súas prioridades, os seus discursos, os seus xeitos e a súas persoas. Non poden ser contradictorios pero teñen que ser complementarios.

Do meu ponto de vista así é como se están a enfocar e propoñer as cousas de cara a Asemblea Nacional.

Outro exemplo podemos tomalo das propostas organizativas e de funcionamento. O BNG ten unha estrutura interna con grupos organizados e algúns consideramos que iso pode ter algunha virtude cando é entendido como ferramenta temporal para galvanizar a confluencia de organizacións preexistentes pero, como configuración estable, coloca tamén problemas e disfuncionalidades, sobre todo por exacerbar os factores de diferenciación interna fronte aos de semellanza. Moita militancia individual leva terciando historicamente nesa dirección, con maior ou menor intensidade. Algún dos grupos organizados cre agora que a solución a case todos os males pasa pola desaparición desa configuración e a conversión nunha organización internamente unitaria. Agora ben, mesmo situándose nesa perspectiva hai algo que debera ser considerado con tino. Para empezar, tal paso só é posíbel se hai acordo de todos e, para segundar, un cambio dese tipo non é algo que poida improvisarse da noite para a mañán. Só pode ser o resultado dun proceso reflexivo, demorado e -para que funcione- partillado. Máis aínda, cabe perguntarse, arránxase todo cun cambio formal ou pode ser máis útil e pragmático empezar por corrixir as eivas de mal funcionamento derivadas daquela configuración?

Se hai compartimentos estancos, con ideas, culturas e mesmo vocabularios diferentes, non será máis razoábel comezar por elaborar en común diagnósticos e propostas? Unificar vocabulario antes de unificar estruturas. Acordar unha orde de prioridades na acción política non por votación senón por elaboración en común.

Sexa cal sexa o destino final pretendido o primeiro e urxente é socializar transversalmente todas esas cousas que conforman a acción política a curto e mediano prazo sobre a base dunha progresiva desactivación das fronteiras e das disciplinas de grupo para favorecer a conversión das estruturas do BNG nun espazo común e partillado de debate individual, de iniciativa individual e de responsabilidades individuais, sen corsés nin apriorismos de grupo. Pois ben, iso está en marcha. Está empezando a practicarse. Desde o “proceso propón connosco” e neste proceso de elaboración dos relatorios para a Asemblea Nacional. De feito, todos os membros do Consello Nacional que participaron na Comisión aberta redactora e logo nos debates das emendas no propio Consello fixérono como individuos e sen disciplinas grupais. Todos salvo Abrente, que decidiu presentar o seu voto particular como grupo sen que os seus membros fixeran ningunha achega ao relatorio común.

O certo é que esa nova forma de funcionar é a que se propón no relatorio asemblear e xa se está practicar. Como proba diso abonda con mirar as votacións das emendas aprobadas e rexeitadas no Consello Nacional. Non houbo disciplina de voto dos grupos que participaron. Iso explica que algunhas emendas de persoas significadas dun grupo obtiveran votos suficientes para ser aprobadas en tanto que outras das mesmas persoas resultaran rexeitadas. Esa disparidade de votacións a emendas dunha mesma persoa significa que non funcionaron criterios de grupo senón que cada persoa votou co seu persoal criterio. Como debe ser. E o resultado é moi razoábel.

Por iso resulta totalmente incongruente e paradoxal que o grupo que agora di facer causa da eliminación da estrutura frontista sexa o único que segue a actuar como grupo estanco. Sen facer o esforzo de partillar valoracións e propostas con disposición a acordar e atopar os pontos en común que, do meu ponto de vista, son moitos. Por non dicir a inmensa maioría, se nos atemos aos papeis.

Se foramos capaces de abeirar apriorismos, creo que hai moitas razóns para ser optimistas. O que non é razoábel é tentar manter fronteiras e balados baseándose só en prexuizos, suposicións ou presuncións que veñen fundadas en experiencias pasadas ou facendo interpretacións extemporáneas de expresións máis ou menos afortunadas de voces singulares, tentando convertelas no que non son, na expresión de grupos enteiros. Son optimista porque creo que a inmensa maioría vai na dirección antedita. E os que aínda non van hai que convencelos.

Se a actuación política está guiada por valores e obxectivos colectivos e non é unha mera tirapuxa iso é perfectamente posíbel. O que non é de recibo é construír discursos cara a galería deturpando a realidade interna e os acordos maioritarios para logo presentar como trazo diferenciador cousas que, na realidade, están nos documentos maioritariamente aprobados. As terxiversacións non axudan a recuperar a confianza interna e menos aínda externa.

Se partimos de obxectivos políticos comúns non debería haber impedimento para acordar o camiño, desde a aceptación da diversidade de matices inherente a todo colectivo humano, que nos enriquece e -se sabemos administrala- nos fortalece.

En definitiva, tamén para mudar hai que ter os pés na terra e aterse aos feitos, tanto se tratarmos do país como se tratarmos da organización.

Enlace ao Relatorio Político para a Asemblea nacional do BNG (en formato pdf):
http://www.bng-galiza.org/wp-content/uploads/Relatorio-Asemblea-Nacional-2013.pdf
Nota.-
Artigo publicado o 21 de Febreiro de 2013 no blogue persoal do autor:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

luns, febreiro 20, 2012

Que nos queda da torta? : a deflación salarial en marcha, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
20.02.2012

O pasado 16 de febreiro o IGE fixo públicos os datos de variación do PIB de Galiza para o cuarto trimestre que confirman unha caída intensa do noso PIB (-0,32%), superior á media do Estado español. A vista do que os datos van poñendo en evidencia o éxito das políticas do Goberno Feijóo non podía ser máis contundente: o decidido recorte do gasto público, chegando mesmo ao extremo da eficiencia pechando o exercicio orzamentario no mes de setembro, está surtindo efectos claros. Velaí o estrangulamento dunha parte da economía produtiva, para a que a redución do investimento e da actividade do sector público se redobla cos retrasos nos pagos das facturas devengadas. Como digo, esa pasión austérica de Feijóo está conseguindo que sexamos líderes en recesión (e, como xa temos comentado, en ritmo de aumento do paro).

Pero esta semana fixéronse públicos tamén os datos da evolución das rendas da Contabilidade Nacional de España do INE para o cuarto trimestre de 2011, que nos permite ver o peso relativo das rendas salariais e as rendas das empresas (excedente bruto de explotación EBE e a s rendas mixtas). Os datos son oportunos porque permiten reflexionar e poñer na balanza os argumentos dos defensores da reforma laboral e da deflación salarial.

Como se pode ver nos gráficos que temos aquí, as rendas salariais agregadas no conxunto español veñen presentando valores negativos desde mediados de 2008, pero no cuarto trimestre de 2011 a caída é realmente intensa. A caída do emprego e as reducións salariais son a causas inmediata. Pola contra, os datos mostran un feito que resulta rechamante: o excedente bruto de explotación das empresas (EBE) e as rendas mixtas presentan unha taxas de aumento no último ano e medio bastante considerábel, situándose en ritmos de aumento próximos aos da primeira metade da década pasada. Iso querería dicir que cando menos unha parte do tecido empresarial parece estar fóra da crise.

A combinación dos dous feitos tradúcese nunha caída acelerada da participación dos salarios na distribución do PIB. Están xa considerabelmente por debaixo do 50% do PIB, arredor do 47%. Como se ve na segunda gráfica a forte caída da participación dos salarios e o intenso aumento da proporción que representa o EBE, a participación duns e outros está xa case igualada, feito este inusitado en Europa e na historia do país. É un dato que revela o carácter verdadeiramente estremo do capitalismo neoliberal que temos implantado no estado español desde hai xa tempo e que as políticas postas en marcha nos tres últimos anos van radicalizando sen pausa.

No terceiro gráfico podemos ver o que esta a pasar nos dous últimos anos en Galiza na participación das dúas variábeis. A falta dos datos do IV trimestre que o IGE aínda non dou a coñecer para estas dúas variábeis, podemos constatar o vertixinoso ritmo de caída da proporción que representan as rendas salariais (perdendo case 3 puntos porcentuais en menos de dous anos), ao tempo que o EBE aumentou a súa participación en 2 puntos porcentuais.

Supoño que isto non é impedimento abondo para que os defensores da reforma laboral e de todo o paquete de políticas orientadas á deflación salarial continúen coa súa cruzada. Que terá que acontecer para que a xente -e o propio establishment- se percate de que unha economía con esa estrutura da renda é non só insoportabelmente inxusta mais tamén economicamente inviábel, insostíbel?.


Nota.-
Artigo publicado o 18 de Febreiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

mércores, febreiro 15, 2012

Máis mentiras ... é a guerra (laboral) , ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
15.02.2012

Ou como xustificar un golpe de man no réxime laboral

Nesta crise, coma nas guerras, a primeira que perde é a verdade. Levamos escoitado moitas nos últimos anos e calquera pode percatarse que o uso e abuso da mentira reiterada é un dos elementos clave da estratexia intoxicadora e dominadora da dereita neoliberal e conservadora, que redescubriu as técnicas máis agresivas do adoutrinamento de masas. Goebels e Orwell en estado puro. Pero as que se están a suceder para dar cobertura á radical reforma laboral impulsada polo PP son de antoloxía. Basten como botón de mostra estas da Ministra de Traballo cando o 13 de febreiro afirma que “teniamos una regulación laboral que produjo 2,7 millones de parados y había que hacer algo”. Outros igual de ousadas e abusando da ignorancia propia e allea afirman que a reforma laboral vai crear emprego e, desde logo, frear o aumento do paro. O presidente Feijóo, tan audaz como temerario no uso –e abuso- das palabras, atreveuse a dicir que era a reforma feita e pensada para favorecer aos parados, aínda que puidera requirir algún sacrificio dos que tiñan o privilexio de ter emprego (porque nesas estamos, chegamos a un portentoso modelo socioeconómico neoliberal no que ter un emprego, mesmo precario, é un privilexio case abusivo!).

A golpe de horas e horas de pauliñas radiofónicas e televisivas imos ter que acabar crendo que a causo do escandaloso aumento do paro en Galiza ou no Estado Español non deriva da burbulla inmobiliaria e a crise da construción ou da crise financeira senón que deriva da férrea e inflexible lexislación laboral existente. Tamén imos ter que acabar pensando que nestes últimos anos todos os traballadores desfrutaban de suculentos contratos indefinidos, altos salarios e obscenas indemnizacións de despedimento. Nada de recordar que no Estado Español se veñen celebraban todos os anos máis de 16 millóns de contratos (en Galiza 680 mil), é dicir contratos temporais de meses e mesmo de días; iso non é flexibilidade suficiente e, ademais, unha indemnización de 6 días por ano traballado é excesiva. Nada de recordar que un terzo das mulleres asalariadas teñen empregos a tempo parcial (metade ou terzo de xornada); iso non é suficiente. Nada de recordar que o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, por debaixo dos mil euros; iso non é suficientemente baixo.

Para que seguir ... despois de catro anos de crise, recesión, estancamento, paro galopante e políticas equivocadas (ou deliberadamente pensadas para satisfacer á banca e só a ela), despois de anos en que non lles quedaba outra que admitir que o problema estivera na especulación financeira e inmobiliaria e un modelo produtivo centrado no ladrillo e nas actividades de baixo valor engadido, van ter agora o valor para darlle a volta aos argumentos e aos feitos para acabar afirmando con total descaro que o problema está no modelo laboral, na rixidez laboral, nos dereitos laborais, nos salarios excesivos e nas indemnizacións por despedimento.
Realmente, pola desmesura e o burdas que resultan os argumentos da propaganda gobernamental e da banca/patronal que acompañan esta reforma laboral, merecen figurar como exemplo nos manuais da manipulación das conciencias e do adoutrinamento de masas. Pero así é e deben facelo bastante ben porque, de momento, parece que surte efecto.

Vendo a capacidade de atordamento da poboación, un estaría tentado a pensar que se a presión mediática aterradora e culpabilizadora continua coa intensidade destes meses non tardaremos en ver a traballadores con contrato indefinido e salarios medios acudir aos xulgados a autoinculparse por privilexio e inmoralidade.

O certo é que o paquete completo da reforma laboral integral aprobada polo Goberno como Decreto-Lei e que se tramitará de inmediato no Congreso, supón un cambio total de base do modelo de relacións laborais no estado español. Compre dicir con total claridade que non se trata dunha simple reforma laboral, pola contra é unha inversión total do modelo. É unha ruptura das bases do modelo instaurado despois da transición democrática e asentado na constitución, que á súa vez se situaba na lóxica dos modelos de relacións laborais da Europa da posguerra. E iso é así porque non se trata só de reducir as indemnización por despedimento ou a flexibilización interna dos cadros de persoal etc, senón que se fai unha voadura do sistema da negociación colectiva como elemento central das relacións laborais. Permite a fixación unilateral de salarios e instaura o despedimento libre e sen indemnización para a maior parte do tecido empresarial. Facilita o despedimento individual e colectivo por causas económicas en todos os casos, cuns requisitos para acreditar esas causas económicas (tres meses de perdas ou seis meses de caídas de facturación) que son facilmente “pintábeis” co sistema contábel a mercede dos intereses da dirección da empresa. Rompe a unidade da negociación colectiva supraempresarial (sectorial, provincial, autonómica ou estatal). Pon aos sindicatos fóra de xogo á hora de negociar condicións xerais para os diferentes colectivos de traballo. Os ámbitos de negociación e consenso con acordos de obrigado cumprimento parta as empresas redúcense á mínima expresión.

En definitiva, é a voadura dun modelo laboral que, mal que ben e cunha prolongada perda de poder da parte sindical/traballadora, estaba asentado na idea dun certo equilibrio entre o poder discrecional da empresa e os dereitos individuais e colectivos do traballador. Desmonta ese modelo no que os sindicatos e a negociación colectiva eran a peza base das relacións laborais. A idea da negociación e o acordo entre partes cun poder e capacidade negociadora recoñecida, aínda que desigual, abre paso a un mundo no que as empresas teñen marxes de discrecionalidade case absoluta en materia de horarios, asignación de postos, mobilidade entre centros de traballo, fixación de salarios, decisión de despedimento, etc.

É dicir, radicalizando a tendencia dos últimos tempos, consagra un poder absoluto nas mans do empresario e desprové aos traballadores de case todos os seus dereitos colectivos (e, en consecuencia, desarbora tamén os seus dereitos individuais ao facelos inefectivos na práctica).

A cuestión é: e todo iso para que?, cal é o obxecto?

O discurso orquestrado é que se trata dunha reforma necesaria para crear emprego e reducir o paro. Non é preciso, recordar aquí o que desde Keynes todos os economistas saben: que o nivel de emprego ven determinado, non polo mercado laboral, senón pola demanda efectiva e polas oportunidades de investimento, produción e vendas que esta xera. Polo tanto, non é pola reforma laboral que se vai crear emprego. De feito, cando no estado español se crearon varios millóns de postos de traballo foi con ese lexislación e réxime laboral –abondo precario- que agora se quere desmantelar –para precarizalo até o extremo-. Do mesmo xeito que o País Vasco ten unha taxa de paro que é un terzo da media española a pesares de ter un mesmo marco laboral e os salarios máis altos do estado español. A verdadeira diferenza é que o País Vasco tiña e foi consolidando a cada paso un modelo produtivo diferente, con industria, tecnoloxía e coñecemento.

Argúese tamén por parte dos defensores desta reforma que é o que as empresas demandan para saír da crise. O certo é que cando un fala cos directivos das empresas sempre din que ese non é o seu problema neste momento, nin é iso o que lles vai resolver os verdadeiros problemas de viabilidade. Máis aínda, como evidencian os resultados da enquisa de Eurostat en vinte países da UE, as empresas produtivas españolas non ven os salarios e a lexislación laboral como unha limitación para crecer no período 2011-2013. O 87% consideran os seus problemas para crecer derivan da marcha xeral da economía e o 70% consideran que é especificamente a falta de demanda interna e externa a principal limitación.

Non é difícil concluír que, dado que o mercado para o 98% das empresas é o mercado interno, a evolución da súa demanda e as vendas van depender en boa medida da capacidade de compra dos consumidores do país. E a inmensa maioría dos compradores finais son as familias (e o sector público), de xeito que a demanda depende do nivel de ingreso desas familias, é dicir, depende dos salarios, pensións e outros subsidios. Polo tanto, os empresarios da economía produtiva saben –que estúpidos non son- que o seu mercado e o seu futuro depende do nivel de ingresos dos traballadores. Por iso saben que unha estratexia de depresión salarial, como a posta en marcha pola UE e o estado español, conduce á ruína e peche a miles e miles de empresas. Non por culpa de salarios demasiado altos senón por culpa de salarios insuficientes.

Pero e entón, insistimos, cal é o motivo desta reforma precarizadora e depresiva?. Pois o verdadeiro motivo é satisfacer as necesidades da banca. Si, de novo, a banca. E ademais reclama a reforma con urxencia porque quere acelerar o proceso de concentración e reestruturación bancaria. Calcúlase que ao final dese proceso de concentración bancaria van sobrar entre 20-30.000 empregados no sector financeiro. Dado que a vía das xubilacións e pre-xubilacións como mecanismo de axuste xa está practicamente esgotado, a partir de agora “non quedará máis remedio” que recorrer aos despedimentos. Para iso compre que isto sexa máis fácil e máis barato. Os cálculos que se fan no sector é que coa nova norma o sector financeiro reduce os custes, como mínimo, nun 50% con respecto á vía das prexubilacións ou os despedimentos coa lexislación actual. No canto de uns 6.000 millóns para o conxunto do sector financeiro o custe pode quedar nos 3.000 millóns de euros. Ademais, os bancos poderán reorganizar funcional e territorialmente os seus cadros de persoal con total liberdade e, sobre todo, aplicar unha drástica redución salarial para reducir os custes.

Ese é o motivo de curto prazo para a banca. De aí, ademais, a urxencia. Pero a banca busca a deflación salarial a longo prazo no conxunto da economía por outras razóns adicionais. Por un lado, a redución de custes salariais é unha vía de que eles e as demais empresas –sobre todo as cotizadas- poidan repartir dividendos máis substanciosos no futuro, que irán aos bancos e fondos inversionistas; tamén interesa que sexan quen de soportar custes financeiros –xuros- máis elevados. Por outro lado, tamén interesa esa deflación salarial para reducir os custes do sector público e liberar a presión sobre o orzamento a fin de que os gobernos poidan facer fronte con maior soltura e solvencia aos pagos da débeda pública.

Dado que a banca non queda atada á marcha do mercado interior habida conta da súa fluidez e mobilidade a través dos mercados financeiros globais, non se senten especialmente comprometidos coa marcha da economía produtiva do país. Si for ben perfecto pero si non vai a banca pode orientar o seu negocio cara os mercados globais máis rendíbeis en cada momento.

Con estas claves posibelmente podemos entender mellor todo o paquete de reformas que o PP ten en marcha neste momento: a “reforma” financeira, os recortes do gastos público, a “reforma” fiscal e a propia “reforma”/golpe laboral. Todas elas confirman os paquetes centrais da radicalización neoliberal que campa polos seus repetos por toda a Unión Europea desde que se asinou o Pacto polo Euro en 2010 e que o Estado Español aplica como alumno avantaxado ou, mellor dito, castigado. É o gran proxecto da radicalización neoliberal que tenta dar a “puntilla” definitiva ao chamado modelo social europeo, unha guerra social de alcance cuxa primeira batalla empezara coa aprobación do Tratado de Maastricht e o Pacto de Estabilidade e que agora aproveita a crise para dar un paso non definitivo pero si de envergadura.

A grande incógnita –ben incómoda, por certo- é onde están os sindicatos europeos, onde está metida a esquerda europea. É unha auténtica guerra social pero parece non haber ninguén enfronte. Obviamente, a mesma incógnita compre poñela no estado español ou noso país. Afortunadamente, a CIG ten a audacia de lanzar a convocatoria dunha folga xeral en Galiza cara fins de marzo. É unha decisión que demostra clareza de visión da fondura do desafío que están a plantexar as forzas conservadores aquí e no continente. Pero tamén é certo que a envergadura do embate obriga a pensar na necesidade doutra escala á hora de encarar ese batalla. Pero, ao igual que os gregos e portugueses non puideron agardar por ninguén tampouco nós deberiamos facelo.

Nota.-
Artigo publicado o 15 de Febreiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

domingo, xaneiro 15, 2012

A demagoxia neoliberal co déficit e os impostos, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
15.01.2012

No debate actual sobre o déficit e a débeda xógase abusivamente con algunhas simplificación torpes e demagóxicas. Os propagandistas da dereita tratan de identificar déficit con despilfarro. Obviamente, non teñen nada que ver. Pode haber xestión pública eficiente de recursos xestionados en orzamentos con déficit e xestión ineficiente con orzamentos equilibrados. Outros tratan de identificar gasto público con déficit e dan por feito que para reducir o déficit a única vía é a redución do gasto público. Obviamente, tampouco é iso. O asunto está en ter sempre presente que o déficit depende tamén dos ingresos públicos en xeral e dos impostos en particular. É unha trapela interesada falar exclusiva e machaconamente dunha das follas da tesoira como se a outra non entrase no xogo.

Para empezar é falso afirmar que os de esquerdas son defensores do déficit. O que normalmente fan as esquerdas é defender o gasto público –non de calquera maneira- pero non é máis de esquerdas financiar ese gasto público con déficit e débeda; o que normalmente defenderán as esquerdas é financialo cun sistema impositivo progresivo.

Outro asunto é que desde a crise do 29 os economistas serios entenderan que o déficit non pode ser un dogma, no sentido de que o financiamento con déficit pode ser un instrumento útil para dinamizar a economía, para combater as recesións ou para financiar investimentos estratéxicos cuxos rendementos para a sociedade non se manifestan no ano en que se executa o gasto senón posteriormente e ao longo de moitos anos –como ocorre en xeral coas boas infraestruturas, cando están pensadas en termos de utilidade social.

O certo é que o dogma do déficit cero é algo que os países desenvolvidos arrombaron despois da crise do 29 e tan só o arcaico réxime de Franco mantivo ese criterio miope do equilibrio orzamentario como principio inamovible até a súa caída; a dereita española volve ás súas orixes con este dogma traído agora da man dos neoliberais, esquecendo que esa disciplina pitoña foi a causante do coñecido déficit de investimento en infraestruturas e servizos sociais básicos que marcou durante décadas unha distancia abismal con respecto ao resto de Europa.

Pola contra, temos múltiples exemplos de como a dereita foi adicta ao déficit e á débeda. O caso máis espectacular foi o de Reagan e Bush nos Estados Unidos. Foi baixo os seus mandatos cando os déficit e a débeda se dispararon até niveis realmente irresponsábeis e insostíbeis. Iso si, fixérono ao tempo que mantiñan o dogmático discurso do equilibrio orzamentario, converténdose no exemplo paradigmático da dobre moral do neoliberalismo reinante desde Reagan para acá. Desde aquela o discurso da redución do déficit foi utilizado sistematicamente para poder levar adiante programas de rebaixas dos impostos aos ricos, ás grandes empresas e ao capital financeiro (bancos, fondos, etc) ao tempo que aumentaban o gasto militar, as axudas a grandes empresas ou os gastos en obras e servizos que contratan co sector privado.

Polo tanto, o verdadeiro problema é a política da dereita e dos neoliberais. O que viñeron facendo ao longo das tres últimas décadas foi máis ou menos o seguinte: manteñen un persistente discurso de redución de impostos para lexitimar a redución de impostos aos ricos, ás rendas altas e ao capital ao tempo que aumentan os impostos indirectos que para a xente se confunden con alzas de prezos (IVE, etc); paralelamente, manteñen ou aumentan o gasto para atender as demandas dos grandes grupos económicos (gasto militar, obras, compras públicas...) e, para poder gañar eleccións, tampouco poden acometer drásticos recortes nos servizos públicos máis populares. O resultado é cantado: un crecente desequilibrio das contas públicas, aumento do déficit e da débeda. Nese sentido, son xustamente as políticas de corte neoliberal as que conducen a un aumento do déficit e da débeda pública. Ese uso estratéxico do orzamento público para facer unha redistribución inversa -cara arriba- da renda compleméntase coa privatización de empresas e servizos públicos, que significaron e significan unha fabulosa transferencia de rendas cara o capital privado, ao tempo que axuda a ampliar o campo de negocio en actividades lucrativas e seguras para ese mesmo capital privado.

O que define á esquerda non é déficit senón, por un lado, a orientación do gasto (prioridade á redistribución da renda para reducir as desigualdades, servizos públicos básicos de calidade como educación, sanidade, etc e non gastos militares ou obras que só benefician ás empresas que as realizan) e, por outro lado, un sistema de impostos progresivos que faga pagar máis -de xeito efectivo- ás rendas altas e as grandes fortunas, que grave as rendas financeiras cando menos tanto como os ingresos do traballo do traballo, que grave moito máis o consumo de luxo e grave menos o consumo básico ou esencial, que poña coto á fraude e á evasión fiscal, etc. Como leva defendendo, por exemplo, o BNG desde o inicio desta crise e non só como gancho ás portas das eleicións.

Nese sentido, compre recoñecer e dicir que a política de Zapatero non foi de esquerdas nin na primeira lexislatura nin na segunda; co seu discurso de que “subir impostos non era de esquerdas” o que fixo foi: suprimir o imposto de patrimonio que só pagaban os ricos, baixar o tipo marxinal máximo da renda do 46 ao 43%, baixar o imposto de sociedades, asentar un tratamento fiscal escandalosamente privilexiados para as SICAV, fondos de investimento, private equity, etc. O que si subiu foi o IVE e os impostos especiais, que son todo eles regresivos. Ademais, contribuíu a manter e reforzar un sistema fiscal tipo “gruyere”, con moreas de buratos e excepcións e, para redondeala, cunha política de inspección tributaria deliberadamente tolerante coa fraude e a evasión, como veñen denunciando os técnicos de facenda (Gestha).

Nesa mesma senda se sitúan as medidas fiscais adoptadas polo PP no seu primeiro consello de ministros: facendo táboa rasa co discurso proclamado acordan unha suba de tipos no IRPF -disque como "contribución temporal á solidariedade"!!- coa particularidade de cebarse de xeito moi especial nas rendas medias e medias-baixas (tanto nas rendas do traballo como nas rendas do aforro). Ao tempo que acordan un recorte de gasto moi importante que vai afectar especialmente aos asalariados públicos e aos servizos públicos da maioría da poboación (sanidade, educación, dependencia, etc). Pola contra deixan fóra da axenda a tributación das sociedades e fondos de investimento, as rendas financeiras e especulativas, a evasión fiscal, as múltiples deduccións e bonificacións que permiten que as grandes sociedades paguen unha taxa efectiva de imposto de sociedades inferior ao das PEMES. Nada se di tampouco de reducir o gasto en certas partidas como a militar, subvencións á igrexa, ao ensino privado e concertado, etc.

Compre insistir, polo tanto, no feito de que a esquerda non está en contra da redución do déficit en abstracto senón e tan só na medida en que vai aparellada da redución do gasto e ata a imprescindible flexibilidade dos gobernos. O problema é a redución do déficit ao mesmo tempo que se adoptan medidas que reducen os ingresos públicos, porque iso conleva necesariamente unha redución do gasto público e, na maior parte dos casos, dos gastos en servizos básicos como educación, sanidade e prestacións sociais para os máis necesitados. Como estamos a ver en Galiza, en Madrid, en Cataluña, en Valencia e no conxunto do Estado Español; ou no Reino Unido, Portugal e a maioría dos países da UE que están a implementar as mesmas receitas impulsadas pola dereita europea.

Os que queren utilizar o sector público para introducir maior xustiza social e impulsar o desenvolvemento económico non son fanáticos do déficit nin moito menos, o que perseguen é que os ingresos públicos poidan aumentar ao ritmo das necesidades razoables de gasto para acadar aqueles obxectivos. Polo tanto, a esquerda do que está en contra é de que o sector público se ate de pés e mans para afrontar situacións conxunturais que poden estrangular as contas públicas. Por outra parte, non fai falta ser keynesiano para entender que nun contexto de recesión e estancamento, o peor que poden facer os gobernos é reducir drasticamente os gasto público porque iso só contribúe a deprimir aínda máis a demanda. E, por último, todos os economistas serios saben desde hai moitas décadas que o investimento de longo prazo –infraestruturas de todo tipo- non ten porque ser cuberto con ingresos actuais senón que resulta máis razonable e xusto que se financie mediante crédito, tendo en conta que o seu rendemento ou utilidade social vai producirse no futuro, durante un longo prazo de tempo. Un problema completamente distinto é que eses investimentos teñen que plasmarse en actuacións cuxa utilidade social futura sexa certa e ben avaliada e non poden ser o resultado de decisións caprichosas, clientelares ou por presión dos que fan negocio coa execución do investimento. Ese é o risco derivado da presión de certos lobby’s poderosos como poden ser o das construtoras, concesionarias e outras polo estilo.

Artigo publicado o 9 de Xaneiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
http://xaviervence.blogspot.com/

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
____________________

martes, xuño 21, 2011

#15-M, mercados e Pacto do Euro, ... Por Xavier Vence Deza

Por Xavier Vence Deza [*]
21.06.2011

Acúsase ao movemento 15-M e aos acampados das prazas de non ter sido quen de ofrecer solucións ben trabadas á crise económica e á crise política. Acúsaselles tamén de caer vítimas dun asamblearismo anarcoide e carecer de portavoces e interlocutores representativos cos que poder dialogar. Esas son as dúas razóns aducidas para xustificar o autismo das institucións e dos partido maioritarios.

Certo que esa forma de organización e o feito de que o propio movemento se considere en proceso de maduramento non facilita a interlocución, pero resulta aínda máis certo que non houbo ningunha tentativa por parte do goberno central ou dos autónomos de ir ao seu encontro. En todo caso, nin a desculpa da atomización, nin o asamblerarismo poden xustificar o autismo institucional. Os chamados mercados son ben máis opacos, anónimos e desconcentrados e, en cambio, non hai dificultade para captar as súas mensaxes e mesmo para obedecelos ao pé da letra.

O movemento dos cidadáns anónimos, dispersos ou concentrados nas prazas, ten mensaxes ben nítidas. Mesmo formuladas por escrito en forma de táboas reivindicativas. O problema non é que se resistan a elixir portavoces cos que falar, o problema real é que non se queren escoitar e entender. A súa mensaxe é xustamente a antítese e a negación dos mercados. Son as voces dos cidadáns atomizados que se enfrontan ao poder económico concentrado e escondido detrás dos grandes fondos de investimento e dos grandes bancos. As institucións políticas, os grandes partidos do poder escolleron bando. Todo o poder para os mercados, oídos xordos para a cidadanía. De aí a indignación. Algúns apóñenlles que as súas reivindicacións son algo naïf ou utópicas; desde logo non máis naïf que crer que poñendo todo ao servizo das finanzas se vaia fortalecer algún día o sistema produtivo.

Os gobernantes e os dirixentes políticos dos grandes partidos parecen crer que a súa responsabilidade histórica é obedecer as demandas das grandes finanzas (até vender como “éxito” –Feijóo dixit– a entrega dunha caixa de aforros a fondos americanos). Definitivamente, non son conscientes da envergadura das consecuencias. As demandas das finanzas, que se plasman hoxe no chamado Pacto do Euro, supoñen tal debilitamento da capacidade produtiva en toda a periferia europea e tal debilitamento da demanda e dos servizos públicos que condenan boa parte da poboación europea á exclusión completa e a outra parte a un retroceso vertixinoso do seu nivel de vida e, sobre todo, a un negro panorama para a súa vellez e o futuro dos seus fillos. O desmantelamento dos servizos do benestar, o ensanchamento da fenda das desigualdades e das bolsas de pobreza só pode traer consigo o esborroamento das institucións que pilotan o sistema, poñendo en grave perigo o futuro da democracia e, desde logo, a calidade da mesma.

Pasado un mes de acampadas sen ofrecerlles ningunha interlocución, esa xente nova –tratada con certa condescendencia como inxenuos e simpáticos– decide expandirse e ir directamente ao encontro das institucións e dos responsábeis políticos. Entón xa non poden ignorarse nin despacharse con declaracións de cínica simpatía e empeza a construírse o discurso da demonización, erguendo a pantasma da violencia.

A mensaxe de fondo dese movemento espertou simpatía nunha grande parte da poboación; a súa frescura e orixinalidade facilitoulle un tratamento mediático que lle permitiu romper certas barreiras que agarrotan as organizacións políticas e sindicais que viñan erguendo a bandeira anti-neoliberal. O reto dese movemento, agora que o tratamento mediático vira cara a súa estigmatización, está en ser quen de, sen perder frescura, abrir pontes de colaboración con todas as demais forzas sociais e políticas coas que comparten obxectivos fundamentais para erguer un amplo e plural movemento de contestación á terceira e agresiva onda de reformas neoliberais aquí e en toda Europa: o Pacto do Euro.

Publicado n'O Xornal de Galicia - 20.06.2011

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
________

domingo, marzo 13, 2011

A mantenta da Caixa de Aforros - Galiza non se pode abster, ... por Xavier Vence

Por Xavier Vence Deza [*]
13.03.2011

Xa coñecemos o peso da folla da guillotina coa que se vai decapitar a caixa coa que nos quedamos despois de que ataran man con man as dúas que tiñamos coa promesa de que era para unilas: 2.622 quilos de euros. Se acepta un cambio de sexo, de caixa a banco, entón poden rebaixar o peso até 1.527.

Cada vez somos máis os que percibimos que o proceso de desmantelamento das caixas é unha das decisións de maior alcance político e económico da última década, despois da entrada no euro. Éo nun duplo sentido: é un punto de inflexión no modelo territorial-autonómico e no modelo socio-financeiro. O Goberno central –previo amaño e reparto da torta con CiU– decide privatizar algo que non é seu, laminando a principal competencia autonómica e entregándolles aos bancos e fondos a metade do sistema financeiro que, con luces e sombras, mantén un alento social na súa actividade e sostén mediante crédito e participacións no capital unha parte esencial do tecido productivo.

O PP abstívose pero non porque discrepe dos obxectivos do decreto, senón por puro tacticismo electoralista. Como ben clarexou Montoro, abstivéronse porque o decreto “chega tarde”, nas horas lixo da lexislatura, e a súa prioridade agora é “construír unha alternativa ao goberno actual”. Con esa finta buscan unha fírgoa para manter ese xogo froral que tan ben se lle dá –grazas á complicidade mediática– pero, contrariamente ao que afirma Feijóo, con esta abstención permítese que o decreto pase –noutro caso sería difícil– deixando desprotexidos os intereses obxectivos dos galegos. Non dubido que a conselleira de Facenda pode moverse coa mellor das vontades, pero tanto ela como moitos empresarios e votantes do PP acabarán tropezando coa crúa evidencia de que nin Galiza, nin as caixas, nin as pemes son as prioridades da política madrileña do PP neste momento. Como tampouco o son na do PSOE. Esta é a hora estelar da gran banca e dos fondos, os verdadeiros amos.

É falso que todo isto vaia contribuír a mellorar o financiamento da economía productiva. Pola contra, o capital que eventualmente entre desde o exterior non vai para o crédito senón para o cambio de propiedade das entidades e doutros activos; mesmo o capital que mobilicen os bancos e fondos españois, no canto de orientarse ao crédito ou investimento produtivo, destinaranse tamén a facerse coa propiedade desa torta gulosa. Peor aínda, con eses inauditos periplos a busca de compradores, aos que para pasmo mundial se suma o propio gobernador do Banco de España, entregarán a prezo de saldo as xoias financeiras –das autonomías– e, ademais de perdelas, convértennos en pagadores de rendas a eses fondos en forma de dividendos.

Que facer? Quen ten o poder –ou exerce vicariamente ese poder– decide e eles son os responsábeis do resultado. Os que creemos que isto é un erro descomunal estamos obrigados a facernos oír e tamén estaremos no noso dereito de pedirlles contas polas consecuencias, e que paguen por elas, cando menos políticamente. Porque cando no futuro queiramos explicar o racionamento do crédito das pemes, a duración do estancamento e do paro, teremos que recordar estas cousas. Como agora temos que recordarlles ao PP, PSOE e Banco de España a súa responsabilidade na burbulla inmobiliaria e na enxeñería financeira creativa na que montaron o país durante anos. En todo caso, eu teño claro que a aposta menos mala será sempre aquela que sexa reversible. Por iso apostaría polo control público da caixa, con recursos autonómicos e FROB, evitando a entrega a privados –nacionais ou foráneos– a prezo de saldo do capital, os activos, o patrimonio e o control da entidade.

Publicado n'O Xornal de Galicia - 12.03.2011

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
________