martes, outubro 07, 2014

Cambio, valor, coherencia, solidariedade, afectos, apoio mutuo ... un novo sindicalismo irrompe cunha candidatura da COG (Central Obreira Galega) en Mercadona - Eleccións Sindicais o 9 de Outubro


A COG (CENTRAL OBREIRA GALEGA) acaba de nacer en Mercadona. Somos a confluencia de varias sensibilidades unidas polo obxectivo de conseguir unha representación sindical que defenda de maneira real e con eficacia os dereitos das traballadoras e traballadores. Chegou o fin do pacto que Mercadona ten cos sindicatos maioritarios para alternarse na “okupación” do Comité de Empresa. Chegou o fin da esperpéntica situación grazas á que eses “sindicatos” defendían os intereses da empresa, convertidos nun apéndice do Dpto. de RR.HH. Algúns de nós sabémolo ben xa que procedemos deses sindicatos, de onde nos tivemos que marchar ante a prohibición expresa que nos impuñan de facer sindicalismo para seguir con eles.

Pedímosvos o voso apoio para que os traballadores e traballadoras de Mercadona poidamos dispoñer dun sindicato ao que acudir cando teñamos un problema ou unha dubida, ou simplemente sintamos a necesidade de sentirnos apoiadas e apoiados coa certeza de falar con sindicalistas honrados e convencidos de que defender os seus compañeiros e compañeiras é o seu deber por riba de todo.

Durante a precampaña sufrimos o ataque brutal e desapiadado dos “sindicalistas” enviados da empresa co único obxectivo de que non puidésemos montar unha candidatura. As mentiras e difamacións foron moitas. Cunha ausencia total de escrúpulos, estes suplantadores de sindicalistas intentaron desacreditar persoalmente aos candidatos da COG, a pesar de que é sabido que algúns levamos varios anos sufrindo as consecuencias da represión da empresa, só por defender a nosa dignidade e intentar mellorar as condicións laborais dos compañeiros.

Un dos seus “argumentos” máis repetitivos é que somos “radicais”. Pero, iso que significa? Nós, o que defendemos é o seguinte:
1.—Respecto escrupuloso do convenio. Non é un bo convenio, pero é que eles nin sequera se preocupan en que a empresa o aplique correctamente.
2.—Respecto do Estatuto dos Traballadores, pois ningún convenio pode estar por debaixo, só melloralo.

3.—Respecto á dignidade e aos dereitos básicos dos traballadores, incluído o de poñerse enfermo.

4.—Respecto á conciliación “real” da vida persoal e familiar coa laboral. Porque temos familia e unha vida á parte da nosa xornada laboral. Non somos propiedade de Mercadona.
5.—Respecto a liberdade sindical. Respecto á liberdade de opinión e de expresión. A ditadura xa hai anos que caeu neste país e ningún modelo de “calidade total” pode volver impoñela.
É isto ser uns radicais?

A nós nunca nos verás testificando contra un compañeiro nun xuízo, a nós nunca nos verás prometendo regalos para influír no voto, nós nunca seremos os recadeiros da empresa, nunca acudiremos aos mandos contarlles as queixas que vós nos comuniquedes revelando a vosa identidade... Na COG non vai haber liberados ao servizo da empresa. O traballo sindical realizarase entre todos, coa vosa participación, con visitas continuas, asembleas, panfletos informativos... Outros non poden dicir o mesmo.

É un momento histórico para as traballadoras e traballadores de Mercadona. Nas vosas mans esta ter, por fin, unha verdadeira representación sindical que non dependa directamente da empresa, se non de vós. O voso voto decidirá entre un “Comité da empresa e para a empresa” ou un “Comité ao servizo das traballadoras e traballadores de Mercadona”.

As votacións: día, horario, mesas, informacións, ...

ELECCIÓNS SINDICAIS (9 de outubro)
HORARIOS DE VOTACIÓN POR TENDA
—C. C. Espacio Coruña: 9:30-10:00
—Ronda de Outeiro: 9:30-10:00
—Rianxo: 10:00-10:30
—Xeneral Sanjurjo: 10:30-11:00
—Boiro: 11:00-11:30
—Fene: 11:00-11:30
—Papagaio: 11:30-12:00
—Freixeiro (Narón): 12:00-12:30
—Abesadas (Ribeira): 12:00-12:30
—Carballo: 12:45-13:15
—Noia: 13:00-13:30
—Canido: 13:00-13:30
—A Gándara: 14:00-14:30
—Bertamiráns: 14:00-14:30
—Casa do Camiño (Cee): 14:30-15:00
—C. C. Novo Milladoiro: 15:00-15:30
—Santa Marta: 17:00-17:30
—Oleiros: 17:00-17:30
—A Sionlla: 18:00-18:30
—O Seixo (Perillo): 18:00-18:30
—C. C. Marineda: 18:00-18:30
Os interventores da COG garantirán que o voto sexa totalmente confidencial e secreto.

Aínda que asinaras outra candidatura, podes votar a COG.

O reconto non se realiza por tendas. Haberá unha única urna que percorrerá toda a provincia e onde se depositarán os votos de tódalas tendas. Só se abrirá ao remate da xornada para o reconto global.

Poderás acudir votar en calquera tenda da provincia, aínda que non sexa a túa. Revisa os horarios nos que pasará a urna polas tendas.

Para Contactar:

Conta no facebook como órgano de difusión de información dos traballadores e traballadoras de Mercadona organizados arredor da COG. Sindicalismo real e combativo en contra do medo.

https://www.facebook.com/pages/Secci%C3%B3n-Sindical-da-COG-en-Mercadona/951497661533900

Correo-e: cogmercadona@gmail.com


Un moi interesante Boletín Electoral de 4 páxinas, en formato pdf | Acceder/Baixar.
______________________

A negociación do Acordo Transatlántico (TTIP) a debate, o vindeiro venres 10 de Outubro ás 7 da tarde no Ateneo Ferrolán - Ao día seguinte Sábado 11 de Outubro, está convocado un Día de Acción Europea contra o Acordo - En Ferrolterra unha Concentración con Asemblea Aberta, ás 6 da tarde no Cantón de Ferrol


As Marchas da Dignidade Ferrolterra organizan unha acto público baixo o titulo "A negociación do Acordo Transatlántico (TTIP) a debate", este vai ser o vindeiro venres 10 de Outubro ás 7 da tarde no Ateneo Ferrolán, que ten como fin informar sobre o denominado Tratado de Libre Comercio e Inversións entre EEUU e a Unión Europea que se está a negociar de costas á cidadanía e sen intención de solicitar a súa aprobación en referendum. Un tratado que, de firmarse segundo as directrices das corporacións e lobbys industriais e financeiros que dirixen dende a sombra a negociación, pode supoñer unha catástrofe para as persoas e os pobos en materias como a saúde, a educación, as relacións laborais, a alimentación, o medioambiente e a economía en xeral.

Contaremos coa destacada intervención de Isabel Vilalba Seivane, labrega que traballa unha explotación de vacún de leite e fabas en Lourenzá, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego e integrante da coordinación europea da Via Campesiña e Manuel Martín, médico especialista en medicina familiar e comunitaria portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública. Presentará o acto o compañeiro das Marchas da Dignidade, Celso Posada.

Outra importante:

Ao día seguinte Sábado 11 de Outubro, está convocado un Día de Acción Europea contra o Acordo Trasnatlántico (TTIP). En Ferrolterra constituíu-se unha Plataforma Cidadá que convoca para ese día unha Concentración con Asemblea Aberta, ás 6 da tarde no Cantón de Ferrol -Diante do Palco da Música (+ info), como mellor xeito de contribuír a acción contra un tratado que se vai poñer por encima dos dereitos humanos e dos pobos, unha supra-constitución antidemocrática que antepón os intereses das grandes corporacións multinacionais, fronte aos dereitos das persoas. Non podemos deixar que se nos impoña un acordo escurantista e antidemocrático, paremos o TTIP.

Máis información en:

http://noalttip.blogspot.com.es/

http://www.stop-ttip-ceta-tisa.eu/

Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
 | Conta no facebook:
https://www.facebook.com/MarchasDignidade | No twitter:
https://twitter.com/galizaMarcha22M | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
________________

luns, outubro 06, 2014

"Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica" - Caderno da Fundación Moncho Reboiras


A Fundación Moncho Reboiras vén de publicar en formato electrónico o caderno de análise "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". Este traballo, do que son autores Manuel Mera (coordenador) e Xabier P. Igrexas, pretende dar resposta --con vocación divulgativa-- ás principais preguntas sobre a UE, o euro e a Troika.

Nel se explica a orixe histórica e desenvolvemento do chamado proceso de construción europea do que nacerían a actual UE e máis euro, como funcionan as institucións europeas e a súa incidencia sobre a soberanía dos Estados e dos povos, o papel internacional que desempeña a Unión, a que chamamos Troika e os denominados "rescates", así como os tratados de libre comercio trasatlántico que, arestora, está a negociar Bruxelas cos EUA e Canadá. Mais tamén se aborda que papel lle corresponde ao noso país, Galiza, dentro do marco da UE e o euro.

Todas estas cuestións forman parte do debate aberto a nivel social e político no que se formulan opcións como a saída da moeda única ou mesmo o abandono da propia Unión Europea, como fórmulas que poden permitir a recuperación (ou conquista) da soberanía política e económica como elemento indispensábel que posibilite un cambio nas políticas contra a crise.

A obra, de 32 páxinas de extesión, afastada de chaves académicas ou excesivamente teóricas, está pensada como como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea. Xa que logo, convidámosvos activamente a lelo e tamén a que o difundades na vosa contorna.

O caderno foi elaborado como parte dos traballos das II Xornadas Internacionais Comprendermos a Crise, que a Fundación Moncho Reboiras realizou coa colaboración do Concello de Pontevedra os pasados 11 e 12 de abril nesa cidade, baixo o título "Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e Unión Europea".

Enlaces:
  • Presentación do caderno na web da Fundación Moncho Revoiras | Ir a Web.
  • Caderno: "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". |Acceder/Baixar.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
6 de outubro de 2014 12:10

Unha aperta. Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net

__________________

sábado, outubro 04, 2014

A guerra dos mundos 2012 (Versión animada), no Ateneo Ferrolán este xoves 9 de Outubro, ás 8 da tarde - Atacan a Ferrol !!! Acode na súa axuda !!!


Producións en Tránsito presenta: A guerra dos mundos 2012  (Versión animada).

Día: Xoves 9 de Outubro
Hora:  Ás 20:00hs.
Lugar: No Ateneo Ferrolán, na Rúa Madalena, 202-204.

A guerra dos mundos 2012, é un radioteatro animado onde seres extraterrestres atacan as inmediacións da cidade da cultura de Santiago.

Humor, sátira social, Ferrol como protagonista nunha produción con guión orixinal de José Torregrosa e Miguel Castro, baseado no lásico de Orson Welles, Ilustracións de Fer Ocampo M, edición de vídeo por Gil López Sánchez, música por David García. Dirixido por Miguel Castro Serantes.

Atacan a Ferrol !!! Acode na súa axuda !!!

Evento en facebook:
https://www.facebook.com/events/708866559181649/
_________________________

venres, outubro 03, 2014

Esquerda Unida considera que a actual saturación de obras públicas e colapso no tráfico e aparcadoiros é resultado dun cálculo electoral do PP - Denuncia un acordo entre Urbaser e a Alcaldía para prorrogar a vixencia da actual concesión do servizo de recollida de sólidos e limpeza viaria

Esquerda Unida considera que a actual saturación de obras públicas e colapso no tráfico e aparcadoiros é resultado dun cálculo electoral do PP. | O voceiro do grupo liga o actual caos á mesma política electoral que explica os remanentes multimillonarios: todo para os últimos seis meses.

Esquerda Unida considera de todo punto inaceptable a actual situación de caos circulatorio e colapso en aparcadoiros. Non é nada casual a concorrencia de obras que causan a actual situación no centro da cidade senón que responde a unha calculada programación que nada ten que ver coa racionalidade ou a previsión. Ten que ver, pola contra, coa práctica electoralista consistente en darlle saída á obra pública no último tramo de mandato coa finalidade de poñer a disposición do goberno do PP unha campaña electoral sufragada con cartos públicos.

Non só iso senón que ademais para o voceiro Javier Galán é de todo punto inaceptable que algunha obras acaben por finalizar un ano e medio despois do prometido no seu momento á cidadanía.

En concreto:

A rúa Irmandiños ía quedar libre de obras en febreiro de 2014 (posteriormente maio de 2014) segundo promesa do goberno municipal aos comerciante da rúa da Igrexa mobilizados no inverno pasado pola actitude escurantista e prepotente do PP. Agora a nova información é que rematarán as obras en maio do 2015.

O colapso da zona está servido se lle engadimos as obras na Costa de Mella co ascensor panorámico do señor Alcalde e de orzamento millonario.

Se a isto lle engadimos as présas que se da o concelleiro Cal en solucionar a falta de servizo de transporte público en Ferrol Vello é doado deducir a situación.

Por último e a propósito do pintado de zonas de aparcadoiro de superficie e a súa planificación e información:

A demolición das institucións de participación cidadá por parte do PP está tendo consecuencias moi graves para o futuro da cidade: unilateralmente o PP está impoñendo a súa vontade, programas e compromisos electorais a parte, por riba da opinión pública facilmente contrastable para o goberno se activase os mecanismos de participación que ten a man. Con canto de facelo desmantela todo porque todo estorba para poder exercer o goberno como se está a facer e poder facer rodar a administración como se está a facer: unha máquina de subrogar e externalizar servizos con media plantilla municipal traballando para preparar, manter e darlle lustro a unha roda infernal de contratos privados.

As asociacións veciñais, e de hostalería etc e a cidadanía en xeral que estes días acertadamente protestan e fan ouvir a súa voz, deben ser escoitadas no marco das institucións participadas ou en contactos bilaterais co goberno municipal no caso do movemento asociativo pero iso non impide que deixen de funcionar as institucións que, consonte o noso regulamento, son as que poden permitir un máximo grao de participación da veciñanza, en concreto o Consello da Veciñanza. Para asuntos como tráfico, aparcadoiros, zona azul , verde ou da cor que se queira, son, literalmente, esenciais e o goberno do PP non debería ter medo de convocalas e carearse coa cidadanía directamente... de ser un goberno ao servizo do interese xeral.


Esquerda Unida denuncia un acordo entre Urbaser e a Alcaldía para prorrogar a vixencia da actual concesión do servizo de recollida de sólidos e limpeza viaria. | O Concello aínda non pasou ao grupos municipais o estudo para o diagnóstico da situación da concesión.

A data de hoxe e entrando xa no mes de outubro, é dicir, a tres meses vista do fin da concesión coa empresa Urbaser para a recollida de sólidos urbanos e limpeza viaria, o goberno do señor Rey Varela non presentou o estudo que permita unha avaliación da situación, por lóxica elemental, previa a calquera debate sobre prego de concesións.

É dicir, cómpre coñecer e analizar todas as variables que concorren na situación de fin da concesión incluídas aquelas que conforman o histórico da concesión e que contemplan as modificacións do contrato concesional en materia de investimento e renovación. Cómpre, ademais, coñecer a conta de explotación da empresa e os seus costos de persoal e cómpre, en definitiva, dar conta das modificacións do servizo previstas, do seu impacto económico, do seu impacto no costo no equipo de persoal sen alteralo ou reasignalo e , por parar en algún punto, entrar no detalle do costo do impacto de persoal por capítulos-maquinaria. Cando menos isto que , queremos lembrar, foi o que, con certos matices de importancia, se fixo no ano 2009 a propósito da última modificación no servizo de recollida de RSU e limpeza viaria.

Pola contra o goberno do PP non só non fai nada disto senón que mesmo se entretén con cuestións alleas , en principio, á concesión como pode ser un convenio laboral que, se afirma, garante o emprego e a continuidade da limpeza viaria e recollida de lixo. O emprego das empresas se garante derrogando leis como as aprobadas polos gobernos do PP e a limpeza e recollida do lixo garántense doutra maneira: xestión pública e modernización e actualización do servizo sen mercantilización. Eis a chave da cuestión: para garantir o emprego e para garantir o servizo e a súa excelencia hai que comezar xa a poñer as cifras en claro. Se non é así o único que nos queda pensar é: vai haber unha prórroga por un ano para a actual concesionaria que lle permita ao señor Rey Varela e á empresa agochar as súas intencións e entrar en campaña electoral o máis comodamente posible en canto a lixo e limpeza viaria se refire. Para despois das eleccións novo prego con axustes de equipo e despedimentos pedra de troco para negociar o canon. Polo medio unha mingua no servizo disimulada no papel do novo prego pero evidente unha vez pase o tempo e como xa se está a ver ,agora, co novo prego para o servizo de parques e xardíns: o costo de incluír a Praza de España mantendo o canon é a costa de mingua do servizo para o resto das zonas verdes e mantemento de árbores e xardíns.

Ferrol, a 3 de Outubro de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
3 de outubro de 2014 13:17
Bo día. Enviamos notas de prensa do grupo municipal de Esquerda Unida. O lamentable planeamento das obras públicas en Ferrol, coas conseguintes consecuencias para viandantes e tráfico rodado, e determinados acordos fóra do foco das institucións públicas e o control democrático son os temas que tratamos. Un saúdo e grazas pola atención. Jorge Suárez. Secretario de Comunicación.
___________________________

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e a concesión dun tratamento por parte da Consellería de Sanidade con hormona do crecemento a un neno galego, ao que se denegou devandito tratamento fai un ano, unhas horas despois de que a súa nai recibirá unha carta da raíña

A AGDSP e o tratamento du neno tras intervencion da raiña

Ante a información de que a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, manifestou que o Comité de Expertos na materia decidiu "sen presións externas" conceder o tratamento con hormona do crecemento a un neno galego ao que se denegou devandito tratamento fai un ano, unhas horas despois de que a súa nai recibirá unha carta da raíña interesándose polo seu caso, decisión aprobada posteriormente pola Consellería, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos manifestar que
1.- Esta decisión supón unha inxerencia política inaceptable nun tema sanitario, un exemplo máis da cultura do enchufismo que pervive na Xunta de Galicia.

2.- Cuestiona as decisións dun presento Comité de Expertos que debería tomar as súas decisións sobre a pertinencia dun tratamento en función da necesidade de saúde dun neno e non de criterios de aforro ou de intervención da casa real.

3.- Novamente a Conselleira pretende enganar á sociedade e aos traballadores/as sanitari@s galegos ao informar que o cambio de criterio no tratamento nada tivo que ver coa intervención real. Parece que a Consellería cre que a opinión pública galega é parva.

4.- Esta decisión volve e mostrar a falta de equidade e de racionalidade das decisións da Administración Sanitaria Galega que adopta as súas decisións por criterios de aforro económico ou de interese político.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Enviado pola:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
2 de outubro de 2014 23:01

www.plataformadspferrol.blogspot.com

____________________

Os últimos datos do INE confirman o fracaso das medidas-parche do PP e a vulneración do dereito á vivenda


O pasado 30 de Setembro, publicáronse os datos do segundo trimestre sobre execucións hipotecarias. As cifras publicadas polo INE confirman, unha vez máis, que as medidas tomadas polo PP non fan máis que agravar a situación deemerxencia habitacional e de vulneración de dereitos humanos en materia de vivenda en todo o territorio de Estado.

Segundo os datos oficiais, no 2º trimestre de 2014 iniciáronse 32.960 execucións hipotecarias. Do total de execucións, 19.155 son vivendas, é dicir, case o 60%, e destas, máis do 50% son de vivenda habitual. Todos os datos facilitados pola administración indican que as execucións hipotecarias, lonxe de diminuír van en aumento. En total, estamos falando de que acumulamos máis de 550.00 execucións hipotecarias iniciadas desde 2007. E todo iso sen contabilizar os datos relativos ao aluguer, un drama crecente.

Antes de analizar os datos queremos denunciar, unha vez máis, que as cifras chegaron tarde e seguen sendo incompletas e insuficientes.

Os datos do INE unicamente distinguen entre persoa física e xurídica no caso de procedementos de execución hipotecaria iniciados no trimestre, en cambio non se especifica esa distinción nas cifras de desahucios.

Non se recollen datos clasificados por criterios básicos como o perfil das familias, si hai menores ou a situación laboral.

Non se inclúen tampouco estatísticas relacionadas coa pobreza enerxética ou o impacto na saúde que están sufrindo as persoas afectadas por esta constante vulneración de DDHH.

Nas PAHs levamos desde 2009 denunciando a falta de datos cuantitativos e cualitativos referentes ao procedemento de execución hipotecaria e a clara intencionalidade de facer invisíbel o drama dos desafiuzamentos e a vulneración sistemática do dereito á vivenda e os dereitos humanos por parte das administracións públicas. Non recoller datos estatísticos de calidade é unha decisión política que contribúe a que non se vexan os problemas.

Coa intención de paliar esta información cortada, as PAHs presentaron o ano pasado o Informe de Emerxencia Habitacional no Estado español a partir das enquisas realizadas pola xente afectada. Novamente, un paso por diante das institucións e con moi poucos recursos, desde as PAHs e o Observatorio DESC estamos realizando unha enquisa centrada no impacto en saúde e infancia do procedemento de execución hipotecaria que toda a xente afectada pode reencher.

Analizando os datos publicados hoxe -conxuntamente cos datos do CGPJ e do Banco de España- podemos concluír que 7 anos despois do estalido da burbulla inmobiliaria, a emerxencia habitacional no Estado Español lonxe de diminuír, aumenta. As cifras constatan o incremento dos desafiuzamentos e do número de execucións hipotecarias, e que nada do que fixo o Goberno mellorou a situación. As súas medidas-parche son un insulto e unha falta de respecto ás persoas afectadas.

Cunha aval de máis de 1,5 millóns de firmas da cidadanía que dan apoio ás demandas das PAHs non nos cansaremos de esixir unha e outra vez que se aprobe a ILP ante os oídos xordos do goberno do Partido Popular. A ILP é democracia e garantía de dereitos. Así mesmo, desde a Plataforma de Afectados pola Hipoteca tamén queremos denunciar a falta de transparencia por parte do Goberno en canto a datos de execucións hipotecarias refírese.

Mentres o Goberno mira para outro lado e protexe ás entidades financeiras somos a cidadanía organizada a que estamos autotutelando o dereito á vivenda, parando desafiuzamentos, arrincando dacións, condonacións e alugueres sociais ás entidades financeiras e producindo datos de calidade para dar luz ao drama das execucións hipotecarias. Até que non se faga efectivo o dereito á vivenda e as nosas medidas de mínimos non estean reguladas, as PAHs continuará nos xulgados, nos Concellos, nas rúas e onde faga falta.

¡Si se pode!

Estatística sobre Execucións Hipotecarias publicadas polo INE, do 2º  trimestre 2014. | Acceder/Baixar.

Enviado pola web estatal das PAHs a Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, o 30 de Setembro de 2014
---

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Sitio-e:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
_________________________

xoves, outubro 02, 2014

Lévame a aquela fonte cristaiña... Por Iolanda Teijeiro Rey

Por Iolanda Teijeiro Rey [*]
02.10.2014


"Lévame a aquela fonte cristaíña onde xuntos bebemos as purísimas augas que apagaban sede de amor e chama de deseios..." A inmortal Rosalía falándonos do amor, o máis prezado da vida, coma unha fonte de augas cristaíñas. Porque Rosalía vivía nunha Galiza onde non había saneamento nin tratamento das augas. As fontes e lavadoiros eran os lugares da muller onde o amor mozo tiña o seu escenario natural. Ao rumor das augas namorábanse os mozos. Sempre no fresco segredo das augas. Era duro ter que ir á fonte, traballo de mulleres. Pero alomenos a auga era de todos, un ben común!. Mais cando os concellos deron en sanear e levar ás casas a auga houbo vellos que se negaron. Parecían ignorantes que desprezaban un ben social. Hoxe, dende a distancia histórica, parecen sabios coñecedores da picaresca municipal!.

Levar a auga ás casas tiña un custe que había que pagar. Pero, inxeis de nós, criamos que sería un custe razoábel, non un abuso. Asolagaron As Forcadas. Eu coñecín unha muller idosa que vivía hai tempo na rúa do sol que fora desprazada daquel seu val, terra vizosa e cultivada. Viña dunha cidade asolagada para facer o encoro que abasteceu de auga a Ferrolterra. E despois din que son lendas as das cidades asolagadas coma Lucenza!. Daquela eu fora contratada temporalmente por Dragados e Construccións para actualizar o censo de auga de Ferrol. Lembro que trouxeran un Enxeñeiro de Camiños que non era de aquí e non tiña nin ideia do plano de Ferrol para distribuirmonos polas zonas. Coidaba que Caranza podía actualizarse nunha semana. Entón decateime da chapuza da política de augas municipal. Había pisos que non pagaban auga porque o concello non os deixaba xa que non existían oficialmente. Lembro uns que a partires do cuarto andar xa non existían. Era e segue a ser, supoño, a política urbanística dos piratas. Había obxectores comerciantes que non pagaban a auga porque lles parecía abusiva a taxa, e o era. Pagaban unha barbaridade máis cos fogares cando o consumo era mínimo. Axuda isto a conservar os postos de traballo dos pequenos comerciantes?. Entrementres os pisos dos militares non pagaban nada. Avisábannos que xa non foramos por alí. Eu non podía acreditar nestes privilexios dos mellores tempos do franquismo. Imaxino que os templos tamén estarían exentos. Cando o gasto de auga é moito maior onde hai bautizos acotío e xarróns de froles matrimoniais. Naqueles tempos non se pagaba por consumo porque os contadores non funcionaban, non se tomaba lectura. Algúns estaban agochados no fondo das lacenas ou pendurados das fiestras e só accesíbeis aos montañeiros ou contorsionistas circenses.

Mais agora que somos europeos xa nos cobran a taxa de auga por consumo. O malo que o mínimo consumo, o cero, dunha vivenda na que non abres a billa porque non vives alí é de vinte e pico euros. Hai que ir de liorta a cada pouco a Emafesa, a empresa privada que a xestiona porque che suben a taxa sen avisar a tempo. Menos mal que non o temos domicialiado!. Seica se o contador non se move Emafesa coida que é porque o contador está averiado.  Non caen na conta que pode ser porque non vive ninguén alí. Se te das de baixa aínda así tes que pagar o lixo, anque non o xeres e tamén a reciclaxe para outra empresa privada, Sogama, obsoleta, que aínda con grandes beneficios, sube outra vez as taxas. Cantas familias haberá hoxe en Ferrol que viven sen auga porque non poden pagala? Onde está o xornalismo de investigación para destapar este atentado á cidadanía? Nin fontes teñen onde beber unha auga que se ten por un recurso natural, por un dereito humano universal!. A guerra pola auga ía ser a guerra do futuro nas películas de ciencia-ficción pero xa é a guerra do presente!.

E agora ven o señor alcalde a vendérmonos o saneamento unitario! Expertos coma Joaquín Suárez da UDC alértannos de que non é sostíbel, que xera impacto ambiental e amais supón un elevado custe. Mais isto é o que interesa, a chapuza do elevado custe para encher as sacas da empresa privada. Se xa nos custaba pagar a taxa actual da auga agora recárgannos cunha taxa anual de 70 euros de promedio por familia. E con moitos menos millóns de metros cúbicos (7 no canto de 25) dos que nos taxaron. Transparencia? Non hai nada máis opaco ca auga deste concello!.

Lemos estes días que Arteixo vén de remunicipalizar o servizo de auga e parece que debido a isto baixará un 8,5 % o recibo de auga e saneamento. Por outra parte uns cidadáns exemplares andan a recoller sinaturas a prol de que en Ferrol se faga o mesmo. Remunicipalizar! Porque o público sempre é máis barato có privado. Cae de caixón. As empresas non son ONG e ao abeiro dos concellos fan bo negocio para eles e pésimo para nós, os cidadáns. Remunicipalizar os servizos para que volvan ser íntegramente públicos evitaría, ademais, as corruptelas ao mellor estilo Gürtel e Pokémon. Así que animo dende aquí a todos os cidadáns que se impliquen nesta loita por un bo servizo público de xestión e saneamento da auga en Ferrol. Como pouco asinando a Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento.

"Que onte á mañán na devesa a iauga se tornou roxa cando me fun lavar nela; Que en baixo dos meus peíños íñanse murchando as herbas..." Ai Rosalía, canto razón non tiñas!.

[*] Iolanda Texjeiro Rei,  Pedagoga Social. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. Pertence á Asociación Hun Yuan Tai Chi Chuan. | Artigos no xornal comarcal 'Diario de Ferrol': Acceder. | Artigos no Sermos Galiza: Acceder. | Conta no facebook: Acceder. |

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
1 de outubro de 2014 15:28

__________________________

EE.UU. - UE: Axenda Oculta


Dende mediados de 2013, a Unión Europea e os EE.UU. están a negociar o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP polas súas siglas en inglés) que pretende crear a maior zona de libre comercio do mundo. Non son secretos os principios neoliberais nos que se inspiran os negociadores, pero si todo o que está ligado á cociña das negociacións. É precisamente a falta de información respecto de como se están decidindo acordos absolutamente transcendentais para a marcha do mundo e as condicións de vida das cidadás e cidadáns, de todos e cada un de nós, o que esixe acender tódalas alarmas. Con maior razón cando, malia o secretismo e a confidencialidade aos que se comprometeron os negociadores, sabemos por algunhas filtracións de determinados acordos previos que desactivan os mecanismos que, mal que ben, viñeron facendo con relativo éxito de muro de contención contra os mercados e os especuladores internacionais, facilitándolles así o camiño para o asalto definitivo.

Porén, escamotear a información á que a comunidade internacional e a cidadanía dos estados e países democráticos que conformamos a UE teñen dereito, coa finalidade de impedir desa maneira o debate público e o xuízo crítico, non constitúe máis ca a punta do iceberg dese asalto. Tras as filtracións, grazas unha vez máis ao poder de fiscalización que facilitan as novas tecnoloxías da comunicación, a Comisión europea temeu que a contestación fixese abortar o andado, e optou por amolecela mediante unha iniciativa que, permitíndolle aparecer como unha institución de talante aberto e participativo, non pasa na práctica dun ritual enmascarador: unha consulta en liña sobre a protección de investidores e o mecanismo de resolución de disputas entre investidores e Estado, certamente un dos asuntos máis polémicos do Tratado.

Por que o dicimos? Porque a consulta resulta practicamente impermeable para o cidadán común, pois que no caso de querer acceder a ela coa intención de pronunciarse ao respecto, verase abocado a todo tipo de dificultades –preguntas técnicas de elevada complexidade, redaccións ambiguas e linguaxes técnicas que impiden a necesaria comprensión da documentación legal e especializada que se lle ofrece–, o que leva a pensar se en lugar de propiciar a participación, o que realmente tenta conseguir a Comisión é botar para atrás a cantos e cantas se propuxeran cívica e democraticamente influír para que todo se faga con luz e taquígrafos, primeiro, e teña deseguido unha plasmación nos acordos finais. Porque, contra o que puidese parecer a primeira vista, a consulta así formulada nada ten a ver coa cidadanía á que en teoría se destina, senón cos que controlan os procesos dos que se valen os poderes establecidos para seguiren tendo a tixola polo mango. A consulta está formulada á medida de tecnócratas, de lobbistas e de expertos.

Porén, o que está detrás dese polémico asunto posúe tódalas características dun auténtico tsunami. Non se poden traducir mellor os efectos que producirá o dereito das empresas para reclamar calquera lucro cesante que derive das decisións dos Estado. Este dereito será reclamado ante un tribunal ad hoc cuxas resolucións non serán recorribles, actuando sempre baixo o principio de primacía do dereito internacional e, xa que logo, impoñéndoo ao dereito interno de cada Estado. É este tipo de mecanismos o que lle permitiu a Phillip Morris demandar aos gobernos de Uruguai e Australia polas súas normativas antitabaco.

O anterior é simplemente un exemplo dunha lóxica que tende a supeditar o interese público ao dereito privado, e máis especificamente aos intereses das corporacións, de maneira que a promulgación de normativa sanitaria, alimentaria, ambiental, laboral ou de calquera outro tipo estaría sempre subordinada a que non afectase os intereses mercantís. O pasado 24 de xuño, o ministro García-Margallo deixaba moi clara a idea de xustiza subxacente cando declaraba que “o goberno se compromete a atender as preocupacións das multinacionais”, e que estas “teñen dereito a impoñer determinadas condicións para instalarse debido ao seu poder económico”.

Claro que a Comisión Europea ten un longo historial de supeditación dos dereitos civís aos mercantís. Abonda con reler algunhas das más polémicas propostas aparecidas na falida constitución europea, como aquela na que se dicía que “os cidadáns europeos terán dereito a buscar un traballo” (sic). Maastricht antes e Lisboa despois adoeceron dese mesmo mal deixando de prestarlle atención a todo o que non fose cederlle espazos ao mercado á custa da sociedade. Neste proceso negociador con representantes dunha e outra beira do Atlántico atrévense ao máximo nesa dirección, porque xa non é que lles entreguen ás empresas o construído cos impostos de todos, é que lles entregan directa e gratuitamente o cadro de mando. Nas negociacións en curso están a discutir en secreto a creación dun Consello de Cooperación Regulatoria, no que as empresas multinacionais terían voz respecto de normas e regulacións europeas e norteamericanas. Unha voz amparada por un tratado internacional e, polo mesmo, superior ás constitucións dos estados.

Non se trata só dun ataque á democracia, senón tamén dun ataque ao propio concepto de estado. Durante moitos anos, os pregoeiros neoliberais trataron de convencernos de que o estado-nación era unha reliquia do século pasado que agora resultou anegado polo tsunami da globalización. Non era teoría, era propaganda. O que aparece nos documentos filtrados da negociación EE.UU-UE amosa que están en sancionar algo tan perigoso e obsceno como isto: lonxe da lei natural que impoñería a desaparición dos Estados existiría unha lóxica depredatoria que, mediante o dinamitado da capacidade reguladora, quere reducir os cidadáns a simples operarios-consumidores. O que fai pensar, en definitiva, na destrución controlada dos seus dereitos.

Coa crise económica no disparadeiro, pensaron algúns que o capitalismo se tería que refundar –ata un conservador como Sarkozy o dixera a micrófono aberto–, e que as condutas de risco se moderarían para non acabarmos todos no abismo. Pero non. Son eses mesmos os que se empeñan en darlle fol. Como sucede agora cos protagonistas que toman parte nas negociacións transatlánticas e tentan que todo o acordado nolo acaben impoñendo como feitos consumados. Non o podemos consentir. Facéndoo en secreto e sen información, de costas aos intereses da cidadanía en xeral e da europea en particular, carecen de lexitimidade e reverten de maneira salvaxe nos sistemas democráticos as perversións máis destrutivas do capitalismo de sempre.

Como queira que o Tratado ten que ser ratificado no seu día polo Parlamento Europeo, nada mellor que tomar conciencia desa nova espada de Damocles que pendura sobre a nosa condición de cidadáns libres, aproveitar as filtracións que rebentan a axenda oculta dos negociadores, e tomar partido a prol da esixencia de transparencia e democratización dos procesos nos que se adoptan decisións que teñen, como é o caso, efectos directos sobre as nosas vidas. Antes de que sexa demasiado tarde.

Publicado en Tempos Dixital | Opinión - Editoria| 29.09.2014.

Enlaces relacionados:

O 'Acordo Transatlántico' en Ártabra 21. | Acceder.
___________________

mércores, outubro 01, 2014

Seguimos marchando cunha nova Asemblea Aberta das Marchas da Dignidade de Ferrolterra que terá lugar este mércores 1 de Outubro, no Ateneo Ferrolán


XII Asemblea Aberta das Marchas da Dignidade Ferrolterra

Nova Asamblea Aberta das Marchas da Dignidade Ferrolterra, que terá lugar o mércores 1 de Outubro, no Ateneo Ferrolán, ás 18:30hs.

Esta Asemblea é aberta a todas as persoas que queiran participar, mais pregamos especial asistencia de todas aquelas asociacións, organizacións, partidos, etc ... adheridos a este movemento, xa que se debatirán puntos fundamentais sobre a mobilización que se planea celebrar o vindeiro 29 de Novembro en Santiago de Compostela.

Os puntos a debatir serán os seguintes:

1.- Elección de moderador/a.

2.- Preparación do acto e mobilización para a acción europea do 11 de outubro, contra o Acordo Transatlántico (Tratado de Libre Comercio entre os EEUU e a UE).

3.- Rogos e preguntas.

Non faltes, participa !!

Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
 | Conta no facebook:
https://www.facebook.com/MarchasDignidade | No twitter:
https://twitter.com/galizaMarcha22M | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!

________________

A saúde do galego, dez anos despois, ... Por Pablo Vaamonde - A dez anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega


Por Pablo Vaamonde [*]
01.10.2014

Semella que foi onte e xa van aló dez anos. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que tiven a honra de participar, foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004.  É, con toda certeza, un dos feitos máis positivos dos sucesivos mandatos de Manuel Fraga ao frente da Xunta de Galicia.  Houbo quen prognosticou, xa na década dos setenta do pasado século, que o galego morrería antes de que pasasen trinta anos. Trabucouse, por fortuna, e o galego, malferido e atacado nos últimos tempos, resiste en moitas capas da sociedade. Segue a ser unha lingua viva e aínda maioritaria, que usamos a diario miles de persoas. Pero hai un serio problema: o seu uso é cada vez menor nas novas xeracións urbanas. Debemos traballar todos para evitar o lingüicidio, e nesa tarefa os sanitarios temos un papel importante para mellorar a saúde do noso idioma.

Houbo un desenvolvemento lexislativo, despois da morte do dictador, que favoreceu a recuperación do galego. A Constitución de 1978, o Estatuto de Autonomía (1981), a Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) e o citado PXNLG (2004) foron avances moi importantes. A maiores do avance normativo houbo outros elementos moi positivos para revitalizar o idioma: a existencia de medios de comunicación en galego (TVG, radio e prensa escrita), o Xabarín e o Luar (elementos galeguizadores onde os haxa) e a perseverancia incombustible dos colectivos que traballan a prol da lingua e de boa parte da comunidade educativa, que non cesan no seu labor a pesar dos atrancos impostos desde o poder.

No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do medio rural, mais nos centros urbanos e nos hospitais a presenza da nosa fala é residual. No PXNLG rercórdase que “calquera manual deontolóxico dirá que o primeiro que precisa un enfermo é sentirse acollido de maneira personalizada. Neste caso, acollido na súa propia lingua, ese código lingüístico que leva directamente á afectividade da persoa que se quere auxiliar”.

Mais en Galicia dáse o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente galegofalante inicia o contacto co médico en castelán, pois supón que ese é o seu idioma e pretende instalarse nese territorio lingüístico para facilitar a súa axuda profesional. É preciso, tal como reflicte o PXNLG, que os profesionais fagamos unha oferta positiva. Debe ser o profesional sanitario, de calquera nivel asistencial, “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”. Tamén se recorda no PXNLG que a utilización da lingua galega na área médica contribúe a desbloquear o galego e a impulsar o seu uso mesmo noutras áreas pola elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios favorece que as medidas de normalización do galego que neles se poñan en práctica resulten exemplares e teñan un impacto positivo na poboación, así como polo gran número de contactos que os cidadáns teñen co sistema sanitario, que multiplica o rendemento das actividades de promoción do idioma que se efectúen no dito sector.

A sanidade é clave para o mantemento e a recuperación do idioma galego e os profesionais debemos implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario. A implicación dos profesionais é clave, e tamén a Administración sanitaria debe apoiar o uso do galego nos servizos de saúde.  Mais cómpre recoñecer que a porcentaxe de profesionais comprometidos co galego é baixa e que a Administración amosa, cada vez con máis descaro, o seu absoluto desprezo polo idioma. A chegada ao poder de Núñez Feijoo en 2009 (que alimentou o inexistente conflito lingüístico para conseguir rédito electoral) provocou un grave retroceso na galeguización do sector e freou as tímidas medidas impulsadas polo goberno de Pérez Touriño.

Os altos cargos de Sanidade e dos hospitais empregan a cotío o castelán, agás honrosas excepcións. A documentación interna dos centros sanitarios e as aplicacións informáticas non usan o galego como idioma principal. E todo isto sucede mentres segue vixente a Instrución 11/2005 sobre o emprego do galego nos documentos da Consellería de Sanidade e do Sergas, na que se establece con claridade que “deberá empregarse o idioma galego nas comunicacións escritas, orixinais ou normalizadas, que se produzan nos ámbitos de actuación da Consellería de Sanidade e do Sergas”.

O PXNLG fai unha análise da situación do idioma na sanidade, delimita os puntos fortes e débiles do galego no sector e propón unha serie de obxectivos e medidas a implementar para procurar a recuperación e potenciación do galego neste ámbito. Non se restrinxe só á relación médico-paciente nin á actividade asistencial pública e privada, senón que tamén explicita medidas aplicables non ámbitos da Farmacia, a Veterinaria, os Colexios profesionais e os centros de formación. Todas as medidas propostas son factibles e viables, con baixo custo e grande rendibilidade para a potenciación do idioma. Mais falta o principal: a decisión política. O actual goberno non impulsa medidas de mellora do idioma senón todo o contrario. Esa dinámica provoca que o galego estea cada vez menos presente nas actuacións públicas da Administración sanitaria e na vida cotiá dos centros sanitarios. Tamén ten unha presenza residual nos Colexios profesionais e nas Facultades de Medicina, Veterinaria e Farmacia.

Ante esta situación de parálise un grupo de sanitarios crearon en 2011 a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) que ten o propósito de recoller as propostas do PXNLG e impulsar unha rede crecente de profesionais comprometidos coa lingua para promover actuacións dirixidas a recuperar a presenza do galego no mundo sanitario. En liña co PXNLG reclamaron á Administración sanitaria, por medio dun manifesto, que se cumpra a Instrución 11/2005, de forma que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, e que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego. Tamén solicitan da Administración que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o  saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en galego, que sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas utilizados nos centros sanitarios e administrativos do Sergas, e que os directivos do Sergas utilicen acotío o noso idioma no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas.

Fíxose entrega pública deste documento ao representante da Administración sanitaria no transcurso da III Asemblea anual de ISAGA, celebrada en novembro de 2013 na sede da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Ainda non houbo resposta.

(Texto escrito a petición de Prolingua, para conmemorar os dez anos do PXNLG).

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 30.09.2014.

Enviado por:
Inácio Martínez
-inaciogz@gmail.com-
29 de stembro de 2014 23:59

________________________

O que importa é a mirada de quen capta a Vida e percibe a Inclusión... Certame de Fotografía convocado pola Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas


Certame de Fotografía.


Concurso de fotografía que se vai levar a cabo, organizado pola Asociación Diversidade Funcional e que ten coma finalidade que a Inclusión sexa algo tan natural que xa non teñamos que falar sobre ela...

O importante neste concurso non será tanto a calidade da foto, que tamén será tida en conta, senón a mirada de quen fotografía a Vida e percibe a Inclusión en calquera ámbito da mesma: educación, deporte, ocio, traballo,...

Estaremos encantados de que participe o maior número de persoas posibles. Por iso pedímosvos que o difundades e que cando teña lugar a exposición vos acerquedes a vela.

Estas son as bases do certame fotográfico

Bases:
  1. O tema da fotografía será a Inclusión en tódalas súas vertentes.
  2. Os autores serán afeccionad@s, non profesionais.
  3. Cada autor pode enviar un máximo de catro fotografías.
  4. Data límite para entrega das fotos: 20 de Novembro de 2014.
  5. As fotografías deben ser orixinais e irán acompañadas dos datos persoais do autor: nome. apelidos, teléfono de contacto e demáis datos que o autor considere de interese. Estes datos estarán no reverso de cada fotografía.
  6. O tamaño das fotografías deberá ser dun mínimo 20,3x30 y dun máximo de 30,5x45.
  7. As fotos virán nun marco ou papel pluma , ou similar para facilitar a exposición das mesmas.
  8.  A Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol non se responsabiliza do contido das fotografías, sendo responsabilidade dos autores das mesmas.
  9. As fotografías presentadas pasarán a ser propiedade da Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas e poderán ser utilizadas para os fins sociais da entidade: memorias, exposicións, presentacións ,...
  10. O feito de participar neste certame significa a aceptación das bases do mesmo.
  11. Serán expostas as fotografías dos 10 finalistas no acto de entrega de premios, no lugar onde este acto se leve a cabo.
  12. As fotografías entregaranse na Asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas. Rúa Colón. Esq. Mendizábal. B/4 P/5 baixos 38-39. Esteiro. Ferrol, ou enviadas por correo ordinario, sempre facendo constar o nome e apelidos do autor e teléfono de contacto.

O Obxectivo deste Concurso é Visualizar a realidade da Inclusión na nosa sociedade, agrupando tódolos colectivos, tanto funcionais, como étnicos, de sexo, de idade, etc. Captar a Inclusión en tódolos seus xestos da vida cotiá, traballando, divertíndose, etc.

As fotografías recolleranse dende o 15 de Outubro até o 20 de Novembro.

A selección de finalistas será dende o 21 de Novembro até o 1 de Decembro.

Exposición: Semana da Diversidade, do 1 ao 6 de Decembro.

De entre tódalas fotografías elixiranse 10 finalistas , dos que sairán os tres primeiros premios. Os 10 finalistas recibirán unha Metopa alusiva ao Certame e os tres primeiros recibiran ademais os seguintes premios:
  • 1º Premio: Agasallo de Cerámica Galega
  • 2º Premio: Agasallo de Cerámica Galega
  • 3º Premio: Agasallo de Cerámica Galega.
Os premios se entregarán nun acto que se celebrará na cidade de Ferrol O acto de entrega de premios celebrarase na Semana do Día Internacional da Diversidade Funcional. Cada premio adxudicarase a unha soa fotografía e cada participante non poderá obter máis dun premio.

Xurado:

-O xurado estará composto por un presidente/a, dous vocais e un secretari@, que serán membros da Asoc. Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas, periodistas dos medios da Comarca e un membro do Concello de Ferrol.

- Fallo do Xurado: Darase a coñecer aos interesados no mes de Decembro. A Asociación so se porá en contacto cos tres finalistas para notificar o resultado do xurado.

Tríptico do concurso Fotográfico: Acceder/Baixar.

ASOCIACIÓN GRUPO DIVERSIDADE FUNCIONAL FERROL E COMARCAS
R/Colon esq. Mendizabal B/4 P/5 Baixos 38-39 15406 Ferrol
Tlf: 981930544, Mobil: 620485450
Correo-e: diversidadefuncionalferrol[arroba]hotmail.com.
Sitio-e: http://rachandobarreiras.blogspot.com.

Foto: Danza Inclusiva 'Máis alá do limiar' - Pigmalión - Danza Teatro da Fundación Lúa Arte e Fundación  Tatambud Danza -  | Medellín  (Colombia) - 28 de Outubro de 2013.

Información baseada na enviada por:
Asoc. Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas
-diversidadefuncionalferrol@hotmail.com-
30 de setembro de 2014 10:18

Olá. Bo día! Esperamos a vosa participación. Grazas. Rogamos difusión. Un saúdo. Mari Morado.

__________________

martes, setembro 30, 2014

A diputada de AGE no Parlamento Galego, Chelo Martínez, da man da organización local de Anova-IN, visita Ferrolterra, este mércores 1 de Outubro: O Naval, Recimil, O Saneamento, Cabanas, ... estarán presentes na axenda


Acto sobre o naval e visita da deputada de AGE Consuelo Martínez García a Ferrolterra


O responsábel de organización da Coordenadora de ANOVA - Ferrol, Adrián Acción, informa do acto que vai celebrar o mércores ás 19:30hs en Sargadelos sobre o sector naval. Nel intervirán a deputada Chelo Martínez e o profesor e economista Ramón Yañez. Mais tamén achega a axenda de Chelo para ese mesmo día con importantes citas:
1.- Ás 11:00hs - En Cabanas encontro con asociacións locais para dialogar sobre asuntos locais .

2.- Ás 12:00hs - Encontro co Comité de Empresa de Navantia Ferrol para intercambiar opinións e informacións sobre a situación na que se encontra o asteleiro e outros temas relacionados co naval.

3.- Ás 14:00hs - Entrevista en Radio Fene- Radiofusión.

4.- Ás 16:30hs - Reunión con " cidadáns versus tanques de tormentas". O tema seria rede de saneamento. A xunta celebraría-se no local social da asociacion veciñal de Recimil, sito na Rua Euzkadi, fronte ao nº6..

5.- Ás 17:45hs - Reunión coa directiva da AAVV  de Recimil e vecinh@s do barrio. Informarán sobre a problemática do barrio.  A xunta celebraría-se tamén, no local social da asociacion veciñal de Recimil.

6.- Ás 19:30hs - Acto en Sargadelos: Fin do veto ao naval. Principio de algo?
--
Enlaces de interese:

Sitio-e:
http://anovaferrol.blogspot.com.es/

no facebook:
https://gl-es.facebook.com/anova.ferrol.7

Sitio-e de Anova-IN (Nacional):
http://anova.gal/

Sitio-e de AGE (Oficial):
http://alternativagalega.com/

Información baseada na enviada por:
Anova Ferrol
-ferrolanova@gmail.com-
30 de setembro de 2014 18:17

____________________

A 'Marea Ártabra' celebra a súa primeira Asemblea, en Ferrol, este xoves 2 de Outubro, ás 8 da tarde, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño - Eleccións Municipais de Maio de 2015


Asemblea Marea Ártabra


Primeira Asemblea de Ferrol da Marea Ártabra

O vindeiro xoves 2 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero terá lugar a primeira asemblea cidadá da Marea Ártabra da cidade de Ferrol, un proceso constituínte e aberto a toda a cidadanía, co fin de desenvolver un programa e unhas candidaturas centrados nos problemas reais da veciñanza de Ferrol, unha cidade cunha taxa de desemprego, emigración e pobreza inasumible aos que consideramos que os diferentes gobernos municipais non souberon ou non tiveron a vontade política para resolver.

Nesta Asemblea artellaremos unha metodoloxía de traballo para conseguir acadar os Concellos e implantar un novo municipalismo, organizado por e para a cidadanía.


Manifesto

O vindeiro mes de maio están convocadas as eleccións municipais e en Ferrolterra preséntasenos unha ocasión única para construír, dende abaixo, alternativas de gobernos municipais que estean á altura das circunstancias.

As mobilizacións que se veñen producindo nos últimos anos como reacción ao desmantelamento progresivo de dereitos e liberdades custosamente conquistados son o síntoma dunha sociedade que non atura máis desigualdade. A sociedade empeza a ser consciente de que a alianza perfecta de intereses entre o poder económico e o bipartidismo harmónico son a causa de todos os males que estamos a padecer.

Si. O problema está na acción política de quen nos goberna, pero é tamén aí, na política deses gobernos, onde vai estar a solución. Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Algo tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social.

Ferrolterra é unha bisbarra de tradición de loita obreira e de forte calado sociocultural. Somos quen de organizarnos contra os poderes corruptos e así o demostramos na historia, en marzo do 72 e en todas as loitas por recuperar dereitos que nos pertencen, batallas nas que moitos e moitas sufriron cadea, tortura, represión ou incluso morte. Reivindicando ese noso pasado de vitoria do pobo fronte ao poder, temos que devolverlle a dignidade ao noso presente comezando a tecer un futuro novo, construído entre todos e todas e onde cada voz teña o mesmo valor que as demais.

Os gobernos que nos rexen dan as costas ao sufrimento e á desesperación dos nosos veciños e veciñas, que non soportan máis desindustrialización, máis malgasto, máis agresións medio ambientais, máis política social baseada na caridade, máis precarización do emprego e da vida mesma. Fronte a esta política que quere converter a nosa comarca nun camposanto industrial, nunha paisaxe futurista desértica, a cidadanía de Ferrolterra debe ter a capacidade de organizarse, de avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver á comarca as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, unha Ferrolterra participativa e con políticas orientadas por e para a xente do común.

É a hora de abrir as xanelas e deixar paso á Marea Ártabra, unha marea de aire novo, a marea dos pobos de Ferrolterra, da inmensa maioría que sofre os recortes de dereitos, unha marea das xentes que queren varrer do mapa e para sempre a política dos que gobernan para uns poucos e xestionar e rexer nós mesmos/as os nosos destinos.

Porque somos maioría as persoas que queremos gobernos que veñan servir aos concellos e non servirse deles, que pensamos que os cargos públicos deben estar ao servizo dos e das cidadáns e non dos seus partidos, que queremos corporacións locais que defendan os intereses estratéxicos dos seus territorios, que temos a certeza de que alternativas comúns, candidaturas cidadás e plurais a partir do protagonismo directo dos veciños e das veciñas poden devolver os concellos á cidadanía.

Por iso, nós, que formamos parte desta Marea Ártabra, queremos alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo.

Ferrolterra, setembro de 2014

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais
:
Logo da marea cidadá:
Foto: Algunha das persoas asinantes do Manifesto, na presentación da Marea, o pasado 13 de Setembro de 2014.

Información baseada na enviada por:
Marea Ártabra
mareaartabra@gmail.com-
30 de setembro de 2014 12:06
___________________

Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.

_________________

Dereito ou castigo?

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), envianos a seguinte análise sobre a decisión xudicial que concede visitas coa súa filla (de catro anos) a unha persoa que na actualidade está en prisión e que presuntamente asasinou á súa muller e nai da pequena. Desde Ártabra 21 difundimos o texto d@s compañeir@s de Agamme e recomendamos a súa lectura, por ser de grande interese.

Dereito ou castigo?

Conceden visitas coa súa filla a un preso que presuntamente asasinou á súa muller e nai da pequena. A nena de Aranjuez, de catro anos de idade, terá que acudir ao punto de encontro unha vez ao mes para realizar a visita que terá unha duración de catro horas. A medida xudicial acórdase en contra da opinión profesional da psicóloga e a psiquiatra que atenden á nena.

A sentenza ditada polo maxistrado de Aranjuez confirma o que vimos denunciando as asociacións de dereitos de infancia: a interpretación perversa do dereito dos nenos e das nenas a manter contacto cos seus proxenitores, convertido en dereito parental incluso cando estamos a falar de vítimas no ámbito familiar, é unha práctica común nos nosos xulgados.

A recente resolución da ONU de condena ao Estado español por non protexer aos menores vítimas de violencia de xénero non parece ter producido o efecto agardado, é dicir, unha mellora na atención das vítimas de violencia -mulleres, nenas e nenos- dende o estamento xudicial. Pola contra, case de inmediato, atopámonos de fronte coa reprodución do mesmo patrón. Pode ser casualidade. Porén, é un fenómeno social documentado que cando un grupo social en inferioridade logra dar un paso na consecución dos seus dereitos, o grupo dominante reacciona violentamente en contra dese logro. Backlash en lingua inglesa.

Voltando ao asunto concreto que nos ocupa, analizaremos os datos do caso, a partir da información que figura en prensa.

Que se entende como “o máis beneficioso”?

Segundo informa a Cadena Ser, todo parte dun informe psicosocial do equipo adxunto ao xulgado que propón as visitas como o máis beneficioso para a nena.

Preguntámonos que clase de metodoloxía aplicaría o equipo para chegar a tal conclusión, no caso de que aplicase algunha. Preguntámonos onde queda o código deontolóxico cando un/unha profesional da psicoloxía recomenda que unha nena de catro anos teña que visitar a quen presuntamente a deixou sen nai. Preguntámonos que é o que se agocha detrás de cada informe asinado polos equipos psicosociais e forenses dos xulgados nos que unha e outra vez as vítimas ven pisoteada a súa palabra e que son a chave que pecha a porta para a súa liberación.

Sobre a interpretación dos informes como proba

En última instancia, e por moito que o informe estea avalado por un instituto público, é o maxistrado/a quen ten a potestade para interpretar a proba en base á súa argumentación científica. Polo tanto a responsabilidade é de quen decide adoptar a proposta duns/dunhas profesionais e desoír as advertencias doutros/as. Existe unha tendencia a delegar nos equipos forenses ou psicosociais a decisión sobre custodia, visitas e testemuño de nenos e nenas, o cal pode simplificar o labor dos maxistrados/as pero conduce a non poucas situacións de indefensión para as vítimas menores de idade.

Para mostras un botón, neste caso adóptase a recomendación do equipo psicosocial do xulgado. É preciso puntualizar que estes equipos adoitan realizar unha única entrevista co neno ou nena e dese único contacto suponse que son quen de extraer información suficiente para decidir sobre unha custodia ou réxime de visitas. En canto á súa especialización e experiencia en atención a nenos e nenas vítimas é polo xeral pouca ou nula e nalgunhas Comunidades Autónomas non se exixe como requisito no proceso de selección.

En canto ao diagnóstico e opinión profesional de quen se manifestou en contra do réxime de visitas, unha psicóloga e unha psiquiatra que atenden á nena, habería que considerar que o seu grao de coñecemento sobre o estado psíquico e emocional da nena sen dúbida é maior, así como a súa especialización e experiencia (non esquezamos que están atendendo a unha nena que con tres anos perdeu violentamente á súa nai).

Hai outro tema que poñer sobre a mesa: a sentenza impón unha medida que é contraria á medida terapéutica proposta polas especialistas que atenden á nena, co que se podería ter entrado nun conflito entre o xurídico e o sanitario, Iustitia vs Salus.

Sobre a protección da nena como testemuño

O réxime de visitas concédese antes de que se tivese celebrado xuízo. A sentenza inclúe, segundo a Ser, unha serie de medidas que se entende poderían ir encamiñadas a impedir que a nena, como posible testemuño dun delito, reciba presións: o pai non poderá manipular á nena nin cuestionar ou descalificar á familia materna e só poderá falar coa nena sobre o colexio e as actividades diarias. Como sabe toda vítima, a violencia non é necesariamente explícita, un ton de voz, unha mirada, un xesto aparentemente inofensivos poden ir cargados de  significado para a vítima e o vitimario. Polo tanto non se está exercendo unha protección efectiva da nena como posible testemuño, a única medida razonable é preservala de todo contacto co presunto agresor.

Sobre os prazos do proceso xudicial

A nena de Aranjuez non pode esperar. Canto tempo pode tardar en ser visto un asunto pola Audiencia Provincial? Seis meses, nove, máis?. A Fiscalía debe interesar a suspensión da medida, mentres se tramita o recurso. O Consello Xeral do Poder Xudicial debe inspeccionar a acción do maxistrado por se tivese cometido neglixencia ou ilícito. O Estado debe asegurar que as súas institucións son respectuosas co marco lexislativo de dereitos de infancia, polo tanto non pode amparar o sometemento dos nenos e das nenas aos intereses de presuntos maltratadores.

Liberdade para a nena de Aranjuez. Non máis visitas co presunto agresor.

Web oficial da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME):
http://www.agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
30 de setembro de 2014 12:22

____________________

Nova relacionada:

Un xuíz outorga visitas a un preso acusado de matar á súa esposa e nai da menor | Permítelle saír do cárcere para ver á nena nun punto de encontro | MARIOLA LOURIDO 29.09.2014 - 12:24 CET | Ir a Web.
_____________________________

O BNG local, convoca unha Asemblea Aberta "Construindo Futuro" en Ferrol o vindeiro Sábado 4 de Outubro - Este Martes 30 de Setembro, convocan concentracións en toda Galiza contra a suspensión do referendo soberanista de Catalunya


Asemblea Aberta "Construíndo Futuro" en Ferrol


O Bloque Nacionalista Galego iniciou un proceso de reflexión e debate coa sociedade galega co que pretende escoitar a toda a cidadanía que vén pedindo unha participación directa na vida política e, en particular, as propostas para os seus concellos.

Nese sentido, as eleccións municipais de maio de 2015 deben servir para ensanchar e fortalecer a presenza institucional do nacionalismo na Galiza, como mellor xeito de xerar políticas que combatan a desfeita social que os gobernos do PP están a provocar no noso país. Estas políticas deben servir para pór os concellos ao servizo da maioría social e tamén para que cidadáns e cidadás posúan maior capacidade de participación e decisión. Porque esta maior capacidade de participación e decisión é garantía dunhas institucións municipais máis abertas e democráticas, onde non haxa lugar para as prácticas clientelares e corruptas hoxe existentes e que son inherentes ás políticas antisociais que practica o PP.

Porque non son tempos de localismo, senón de alternativas globais para un pobo que se auto-organiza e non se resigna a ser anulado. Na Galiza temos un xeito diferente de habitar o territorio, unhas necesidades específicas de financiamento municipal, unha lingua e cultura nosas, uns servizos públicos que precisan de adaptación á nosa realidade social. precisamos dunha expresión política propia, adaptada á nosa nación e comprometida coa súa defensa e liberación.

Por iso promovemos asembleas abertas. Porque o desafío que emprendemos necesita do compromiso e da participación popular, precisa de moitas mulleres e homes, mozas e mozos orgullosos da súa condición de galegas e galegos, que enarbolen a bandeira da loita pola democracia, a xustiza e a dignidade.

É por iso que queremos convidarte a participar na asemblea aberta que imos celebrar o vindeiro sábado 4 de outubro às 18 horas no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol.

MANIFESTO

Vivimos nun momento en que é preciso mudalo todo. Nunca nas últimas décadas se amosou tan claramente que o actual réxime político está esgotado, política, social e institucionalmente. Así, o soporte partidario do réxime, en forma de PP e PSOE, amósase cada día máis incapaz de xestionar un modelo que eles mesmos crearon.

Nos últimos anos vese con maior crueza como a situación de subordinación política e económica ao Estado español só provoca para a Galiza máis desigualdade social, desemprego e emigración. A nosa mocidade marcha ao estranxeiro en cantidades que non se lembran nos últimos 30 anos, ante a falta de expectativas de futuro no noso propio país. Non é a Galiza unha nación pobre, senón emprobrecida. Non termos instrumentos que nos permitan decidir sobre nós impide que poidamos reverter esta situación. Precisamos ferramentas democráticas que teñan como obxectivo dar voz ao noso pobo e outorgarlle a capacidade real de decisión, isto é, soberanía, soberanía para facer posíbel unha saída á crise en favor da maioría social, para facer viábel o noso desenvolvemento económico, social e cultural e para construírmos colectivamente unha Galiza libre, digna, democrática, xusta e igualitaria.

Diferentes pobos do Estado español e mesmo do continente, como o escocés ou o catalán, están a desenvolver procesos que unen a procura dun estado propio coa mellora das condicións de vida e o benestar dos cidadáns e cidadás desas nacións. Esas mesmas conviccións son as que en Galiza veñen guiando a acción política do BNG, unha acción política encamiñada á conquista da soberanía do noso país, en beneficio da maioría social e do seu benestar. E para lograrmos ese obxectivo, é preciso que o proxecto nacionalista avance, ampliando o seu espazo e incorporando sectores e persoas que comparten o ideario nacionalista e de esquerdas, co fin de contribuír á emancipación nacional e social do pobo galego.

Nese sentido, as eleccións municipais de maio de 2015 deben servir para ensanchar e fortalecer a presenza institucional do nacionalismo na Galiza, como mellor xeito de xerar políticas que combatan a desfeita social que os gobernos do PP están a provocar no noso país. Estas políticas deben servir para pór os concellos ao servizo da maioría social e tamén para que cidadáns e cidadás posúan maior capacidade de participación e decisión. Porque esta maior capacidade de participación e decisión é garantía dunhas institucións municipais máis abertas e democráticas, onde non haxa lugar para as prácticas clientelares e corruptas hoxe existentes e que son inherentes ás políticas antisociais que practica o PP.

Porque non son tempos de localismo, senón de alternativas globais para un pobo que se auto-organiza e non se resigna a ser anulado. Na Galiza temos un xeito diferente de habitar o territorio, unhas necesidades específicas de financiamento municipal, unha lingua e cultura nosas, uns servizos públicos que precisan de adaptación á nosa realidade social. Non valen, daquela, opcións miméticas, válidas para outras latitudes, mais inútiles para nós e os nosos concellos: precisamos dunha expresión política propia, adaptada á nosa nación e comprometida coa súa defensa e liberación.

Por iso promovemos asembleas abertas. Porque o desafío que emprendemos necesita do compromiso e da participación popular, precisa de moitas mulleres e homes, mozas e mozos orgullosos da súa condición de galegas e galegos, que enarbolen a bandeira da loita pola democracia, a xustiza e a dignidade.

Máis que nunca, é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente e de xerarmos ilusión no afianzamento do proxecto de ruptura e transformación social que o nacionalismo representa na Galiza. Queremos mudalo todo, e mudalo desde nós, para construírmos futuro.

Web oficial de "Construíndo Futuro":
http://www.construindofuturo.info/

O BNG de Ferrol no facebook:
https://gl-es.facebook.com/bng.ferrol

O BNG de Ferrol no twitter:
https://twitter.com/bngferrol


Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
29 de setembro de 2014 13:10
________________

Ferrol ten dereito a existir, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
30.09.2014


Os habitantes de Ferrol queremos seguir existindo, non ter que irnos da nosa cidade, e queremos tamén ter o dereito a poder desenrolarnos e ser felices no noso propio pobo. E para que iso ocorra sabemos que as cousas teñen que mudar xa, e que deberíamos axuntarnos todas e todos nun berro unánime de que xa estamos fartos e non aturamos mais esta lenta agonía; Estamos fartos de que a nosa cidade se vaia quedando valeira. De que moitos comercios teñan que pechar. Estamos fartos da pobreza que avanza e de que nos culpabilicen da nosa decadencia. Estamos fartos da destrución da nosa ría. Estamos fartos da precariedade laboral e da falla real de oportunidades.

A todo isto deberíamos sumar tamén un non como o do poema de Celso Emilio.

Un non a pasividade que nos mata. Un non as solucións milagreiras que sempre chegarán o ano que ven. Un non a aceptación resignada desta lenta e pausada morte anunciada.

Teríamos que asumir as nosas propias debilidades como cidade; Certo espírito derrotista, a nosa aceptación fatalista da inevitable derrota. A nosa falla de confianza nos nosos propios medios e a aceptación resignada da dependencia madrileña.

Pero nesta encrucillada histórica na que nos atopamos ten que ter chegado o momento dos sis. Do si a un desenrolo endóxeno e autosostible. Do si a xerar economías locais propias: rehabilitando, saneando, rexenerando. Do si ao sentimento de orgullo e pertenza a este Ferrol que nos legaron os nosos ancestros. Do si a nosa xuventude que quere seguir a vivir na cidade dos seus pais.

E deberíamos xa todos afirmar solidariamente a vontade de saír desta triste situación para atopar as solucións de futuro que nos garantan o porvir. Para confiar en nos mesmos e honrar os nosos pais e nais que tanto traballaron agardando un futuro mellor.

Non. Ferrol non pode ser un parque temático da decadencia urbana.

Ferrol debe seguir vivo polos séculos futuros! Ferrol ten dereito.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Nota.- A imaxe é de Edu Pereira sobre a apocalipse que suporía un Ferrol sen o naval.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
29 de setembro de 2014 01:16
_______________