xoves, xullo 07, 2016

En Apoio a Mareas en Común: Agora a Confluencia, ... Por Celso Posada Fernández

Por Celso Posada Fernández [*]
07.07.2016


O vindeiro outono vanse celebrar as Eleccions Autonómicas Galegas, é unha boa oportunidade pra que haxa un goberno do cambio, progresista e de esquerdas e pra pór o goberno da Xunta de Galicia ao servizo das maiorias sociais. Quero amosar o meu total apoio o proceso de Confluencia das Mareas en Común, asinei os seus Principios Básicos nae paxina web: mareasencomun.gal e participo nas xuntanzas das Mareas en Común porque é un proceso de Confluencia construído dende abaixo, dende as bases, de forma inclusiva, horizontal, aberta, participativa, transparente e democrática, con Primarias Abertas, con procesos revogatorios, con listas abertas, cun Código Ético, onde unha persoa e un voto. As Mareas en Común é un espazo e un proceso de Confluencia e de Unidade Popular aberto, inclusivo e participativo e no excluínte, xa que esta aberto á participación das Mareas Municipalistas, da cidadanía, dos partidos políticos de esquerdas e das organizacións sociais. As Mareas en Común e un espazo de Confluencia e de Unidade Popular na que o protagonismo é cidadán, e das mareas municipalistas que son e foron os suxeitos políticos do cambio en Galicia. As Mareas en Común é unha ferramenta de cambio político, de Unidade Popular ao servizo do Ben Común, da transformación social e  a ferramenta que permitirá derrotar e vencer nas urnas, nas Eleccións Autonómicas Galegas a Feijóo, ao PP e as súas políticas neoliberais, antisociais e clasistas. Dende aquí quero facer un chamamento ás mareas municipalistas, ás forzas políticas de esquerdas, a cidadanía galega e as organizacións sociais; a que asinen e apoien os Principios Básicos das Mareas en Común e a que se sumen ás Mareas en Común, poden-no facer en: mareasencomun.gal. Fai Marea. Agora a Confluencia.

correo-e: ola@mareasencomun.gal.

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. Activista e Coordinador en Galicia do partido Socialista, Republicano e de esquerdas "Decide en Común" e Secretario de Ensino e de Cultura da Executiva Federal; integrante da Plataforma Somos Esquerda. Está participando en Mareas en Común. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre. Foi membro do PSOE, candidato a liderar o partido a nivel provincial, até formou parte da súa Executiva Comarcal da que dimitiu. A situación socioeconómica e política, e a súa participación activa nos movementos sociais, levou-no a abandonar o PSOE e colaborar na refundación dun novo partido socialista e republicano. É membro de STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, da Asociación de Mobilidade Humana para a Colaboración e o Desenvolvemento (de apoio ás persoas inmigrantes e refuxiadas) e participa nas Marchas da Dignidade e na Plataforma Cidadá de Ferrolterra contra o TTIP. Está no facebook e un blogue persoal.

Artigos de Celso Posada en Ártabra 21.

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
6 de julho de 2016 19:51
___________

Informe Chilcot sobre a guerra de Iraq - Crime contra a humanidade, cheo de falsidades e amaños. Tomar a decisión de invadir Iraq e despois preparar a obra de teatro, mentindo e falseando a realidade...


Agora o Parlamento Británico, a través do Informe Chilcot que resume sete anos de investigación, di que foi "inxustificada e declarada baixo mentiras" que causaron e segue causando unha grande traxedia humana. Desencadéante de numerosos conflitos que multiplicaron o sufrimento... É un informe  de 12 volumes e miles de páxinas, baseado en centos de miles de documentos e testemuñas. Quen vai asumir responsabilidades e "reparar" o dano feito?. Desde Ártabra 21, consideramos de interese esta información. Lamentamos que esta mesma investigación, non se faga en todos os estados implicados neste crime contra a humanidade, cheo de falsidades e amaños. Tomar a decisión de invadir Iraq e despois preparar a obra de teatro, mentindo e falseando a realidade, creando falsos positivos, ... só entra en mentalidades psicopatas polos que estabamos gobernados. Lamentamos que a ONU non faga o seu propio informe e que esixa responsabilidades e reparacións. A responsabilidade, no Estado Español, do Partido Popular, dos seus executivos e dirixentes, é manifesta, así como a dos medios de comunicación afíns que apoiaron a barbarie e o crime. Todo isto debería facer reflexionar aos centos de miles de militantes e millóns de votantes que apoian a esta organización que ten nas súas costas esta responsabilidade criminal, ademais que está demostrando esta mentalidade psicópata, na cantidade de organizacións criminais, que operaban e seguen operando, paralelamente a ese partido, para saquear as arcas públicas, co obxectivo de enriquecer-se persoalmente ao tempo que financian a un partido corrompido, co obxectivo de permanecer no poder.


The Iraq Inquiry, máis coñecido como o Chilcot Report ou Informe Chilcot (pola persoa que presidiu a comisión que investigou e o elaborou, John Chilcot), é unha comisión de investigación independente sobre a participación do Reino Unido na guerra en Iraq en 2003. A comisión foi creada en de Xuño de 2009, polo entón primeiro ministro británico Gordon Brown. A principios de maio de 2016, Chilcot anunciou que se publicaría o informe o 6 de Xullo de 2016.

Con ocasión da primeira audiencia en setembro de 2009, Chilcot anunciou que
"Queremos facilitar un entendemento claro dos varios elementos centrais da implicación de Reino Unido en Irak e como evolucionaron no tempo..."
Aínda que as súas investigacións terminaron en 2011, en outubro de 2015, Chilcot anunciou que, debido ao "elevado volume de material sensible" ou "clasificado", a publicación do seu informe atrasaríase un vez máis até Xuño ou xullo do 2016.

Por outra banda, Chilcot queixouse de que o Goberno (Whitehall) levara a cabo unha campaña contra a súa comisión no sentido de que facilitou certos documentos a aquelas persoas suxeitas ás críticas da comisión para así axudar-lles nas súas defensas, documentos que non foran facilitados á Comisión.

Integrantes da comisión
  • John Chilcot (presidente)
  • Martin Gilbert (finou en 2015)
  • Lawrence Freedman
  • Roderic Lyne
  • Usha Prashar
A comisión conta, ademais, de dous asesores especiais:
  • Roger Wheeler, exjefe do Estado Maior, para temas relacionados coas forzas armadas.
  • Rosalyn Higgins, expresidenta do Corte Internacional de Xustiza, para temas relacionados co Dereito internacional.
Sitio web oficial da Comisión:
http://www.iraqinquiry.org.uk/

Informe en inglés, para abrir ou baixar:
http://www.iraqinquiry.org.uk/the-report/

Fonte: Wikipedia.

Reportaxen en SpunikMundo:
Todo o que hai que saber sobre a investigación Chilcot. | AFP 2016/ Jeff J Mitchell. | Europa | 22:01 06.07.2016 | O informe final da investigación da guerra de Irak ?encabezado por John Chilcot?, que pon de relevo o papel do Reino Unido no seu devir, marca un paso importante no estudo da controvertida decisión do Goberno británico de invadir o país árabe. Coñeza os aspectos esenciais do informe, cuxa elaboración custou sete anos. | Ir á Web.

Unha das consecuencias daquela invasión e guerra criminal é esta, o atentado sectario deste último fin de semana en Bagdad que se veñen repetido continuamente desde hai 13 anos:
O número de vítimas en atentado de Bagdad aumenta a 290. | © REUTERS/ Ahmed Saad | Oriente Medio | 23:40 06.07.2016. | MOSCÚ (Sputnik) | A cifra de mortos no atentado que tivo lugar na noite do sábado ao domingo en Bagdad é de 290, unhas 180 persoas resultaron feridas, informou a canle televisiva Ao Mayadin.| Ir á Web.
__________

mércores, xullo 06, 2016

O Comité Cidadán de Emerxencia presenta escrito de Ampliación de Alegacións ao Proxecto de Resolución de Nova Autorización Administrativa Previa á Planta de gas de Reganosa, logo de que a anterior Autorización fora declarada ilegal polo Tribunal Supremo - Textos das alegacións


ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE NOVA AUTORIZACIÓN DE REGANOSA

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol presentou ante a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria Enerxía e Turismo, escrito de Alegacións, con data 1 de Xullo de 2016 e Ampliación de Alegacións, o 5 de Xullo de 2016; ao Proxecto de Resolución de Nova Autorización Administrativa Previa á Planta de gas de Reganosa, logo de que a anterior Autorización fora declarada ilegal polo Tribunal Supremo.

A esta sentenza de ilegalidade do Supremo, respondeu o Goberno en funcións do Partido Popular, eximindo a Reganosa da Declaración de Impacto Ambiental.

Unha vez máis o Goberno, que debera ser o primeiro garante no cumprimento das sentenzas xudiciais, actúa de cómplice das irregularidades e corrupcións desta Planta de Gas de Reganosa, fraude e ameaza permanente para a cidadanía.

Escrito de Alegacións. | 20 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Escrito de Ampliación de Alegacións. | 15 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por.
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
6 de julho de 2016 10:02
_________________

Relacionado:

Todo o publicado sobre a loita contra o despropósito gasista de Reganosa en Ártabra 21 (Desde hai 10 anos, 882 publicacións a 6 de Xullo de 2016).
___________________________

Xuntanza Diversa Aberta, este sábado 9 de Xullo en Esteiro - Ferrol


Xuntanza Diversa Aberta e xantar compartido


Celebrando a chegada do verán na III Xuntanza Diversa
sábado 9 de Xullo de 2016, en Esteiro

Desde a 1 da tarde, nos baixos da asociación, Rúa Colon, esquina coa rúa Mendizabal, B/4 P/5 Baixos 38-39, en Esteiro - Ferrol.

"Como nas anteriores xuntanzas compartiremos os nosos alimentos uns cos outros polo que pedimos que a persoa que veña comer que traía dúas racións e bebida para compartir.

Quen non puidese  acudir á hora de comer pode vir pola tarde e pasar un bo rato xa que teremos distintas actividades a realizar e como non: O sorteo tan esperado... Non o podedes perder.

Enviamos así mesmo o cartel para que o fagades extensivo aos vosos socios ou amigos
", di Mari Morado, activista pola igualdade e directiva da asociación.

---
ASOCIACIÓN GRUPO DIVERSIDADE FUNCIONAL FERROL E COMARCAS

R/Colon esq. Mendizabal B/4 P/5 Baixos 38-39 15406 Ferrol

Tlf: 981930544, Mobil: 620485450

E-mail:  diversidadefuncionalferrol@hotmail.com

Blog:    http://rachandobarreiras.blogspot.com

Información baseada na enviada polo:
Asoc. Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas
-diversidadefuncionalferrol@hotmail.com-
6 de julho de 2016 10:56

________________

Rolda de prensa, en Ferrol, dos alcaldes "rebeldes" sobre En Marea e as Eleccións Autonómicas previstas para Outubro de 2016 - Vídeo completo


Rolda de prensa, en Ferrol, dos alcaldes "rebeldes" sobre En Marea e as Eleccións Autonómicas previstas para Outubro de 2016.

Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e o anfitrión Jorge Suárez, realizaron unha Rolda de Prensa no Ateneo Ferrolán, onte martes 5 de Xullo, ás 5 da tarde. A rolda de prensa, foi convocada sen temario previo, tanto aos medios, como a simpatizantes e achegados de Ferrol en Común. Era, o que se di, unha rolda de prensa "sorpresa", mais intuía-se, que senón..., que se ía falar sobre as Eleccións Autonómicas, algo sobre o que se veñen pronunciado ultimamente.

Antes da hora xa había unha grande expectación cun enorme despregue de medios de comunicación... fotógrafos, cámaras, xornalistas, achegados de Ferrol en Común e outras persoas.

Chegaron os protagonistas con pouca puntualidade como manda o protocolo de quen se fai esperar.

Despois de 1.000 fotos, sesión fotográfica de máis de cinco minutos, desde que apareceron pola rúa Madalena, acompañados do concelleiro de participación cidadán e tenente alcalde do concello de Ferrol, Álvaro Montes, até que comezou de feito a rolda de prensa.

Comeza a rolda de prensa, lendo un comunicado de cinco páxinas que previamente foi repartido aos medios presentes. A lectura do comunicado que durou sobre uns 15 minutos, foi feita a partes iguais entre os tres rexedores, logo houbo unha quenda de poucas preguntas, ... mais que non obtiveron as respostas concretas, só: "unidade", "consenso", "que eles non se postulan para candidato á presidencia da Xunta", "proceso" e "depende". E iso si moitas risas e complicidade coa maioría das persoas que representaban aos medios alí convocados.

Mais, para unha mellor e obxectiva información, aquí publicamos a rolda de prensa na súa integridade.


https://youtu.be/1d3D59kCAF4


Edita: Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
http://artabra21.blogspot.com.es/
______

martes, xullo 05, 2016

A eurodeputada galega Lídia Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume - Demanda no pleno do Parlamento Europeo a fin da precarización do persoal dos servizos contra lumes en Galiza e que todo o servizo de extinción sexa público


Lídia Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume. | Demanda no pleno do Parlamento Europeo a fin da precarización das bombeiras/os en Galiza e que todo o servizo de extinción sexa público. A eurodeputada de AGE considera prioritario determinar que intereses hai detrás dos lumes e esixe medidas que acaben co abandono do rural.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interveu este luns pola noite nas quendas de minuto libre de palabra do pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, para levar á Eurocámara, agora que comeza o verán, a problemática dos incendios forestais.

Durante a súa intervención, a eurodeputada galega advertiu sobre a situación que se vive todos os anos no sur de Europa e, nomeadamente na Galiza, unha vez que chega o verán: Os incendios forestais que estragan miles e miles de hectáreas. “No meu país, a Galiza, estes días asistimos á mobilización do persoal de extinción de incendios da empresa pública Seaga e da Xunta, que denuncian a precarización laboral na que se encontran, con contratos de apenas tres meses no ano”, asegurou Lídia Senra, quen atribuíu esta situación a unha “consecuencia” dunha “política de extinción totalmente nefasta que beneficia á empresa privada e dificulta a loita eficaz contra os incendios ao mesmo tempo que crea unha cultura do negocio do lume”, dixo.

A membro de AGEe avogou por, desde as institucións, actuar en tres niveis.

Primeiro: Determinar as causas e os intereses que existen detrás dos incendios provocados.

Segundo: Políticas activas para acabar co abandono do medio rural e promover a instalación de labregas e labregos e un modelo forestal sustentable.

Terceiro: Todo o servizo de extinción de incendios debe ser público. É necesario acabar coa precarización e a inseguridade do persoal que combate os incendios e tamén dignificar a profesión dos e das bombeiras forestais.

Santiago, a 5 de Xullo de 2016.

Enlace coa Intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo sobre os incendios forestais este 4 de Xullo de 2016] | Ir á Canle.

-->>>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
5 de julho de 2016 11:14
__________

luns, xullo 04, 2016

Ferrol cara a remunicipalización, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
04.07.2016

Estas últimas semanas está a iniciar a súa andaina, a Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización. Empezamos o traballo coa denuncia da hipoteca que suporía para o Concello a adxudicación do contrato eléctrico. Isto levaría tamén a subordinación do Concello durante os próximos quince anos a intereses privados alleos a veciñanza. Como poden ser os beneficios de FCC. Na nosa man está pois reverter estes procesos de privatización para beneficiar soamente as grandes maiorías sociais tan agredidas nos últimos anos.

Os seguintes pasos a dar pasarían en primeiro lugar por un intenso traballo de fiscalización da parte privada de Emafesa; Socamex (división de augas do Grupo Urbaser), para en base os incumprimentos do contrato de concesión ir avanzando cara a remunicipalización. E seguro que van aparecer moitos incumprimentos. A colaboración con outros concellos que xa están a traballar nestes procesos como Ames e Compostela tamén pode axudarnos a crear as sinerxias necesarias que fagan posible avanzar cara as tan necesarias remunicipalizacións. Necesitamos que os gobernos municipais adiquen os recursos necesarios para fiscalizar os contratos actuais, recursos que nos sirvan para denunciar feitos como os que teñen acontecido na nosa cidade, como puideron ser a denominada crise da auga ou a "estafa" da taxa de depuración.

Neste novo ciclo político este tema do rescate dos servizos públicos básicos debería ser central, a idea de recuperar os subministros primordiais para garantir a transparencia e evitar que os usuarios sexamos cautivos dos monopolios das grandes multinacionais tería que ser unha das consignas fundamentais dos  que queremos unha xestión transparente e eficaz dos servizos públicos municipais. O modelo que padecemos tamén é a consecuencia da "captura das políticas públicas" por parte dos grandes monopolios económicos e empresariais. Por exemplo o grupo ACS controla en Galicia un entramado de máis de 30 compañías filiais cun volume económico moi dependente das concesións de contratos públicos (64 millóns de euros en 2013).

Tres empresas madrileñas a ACS de Florentino Pérez a través das súas filiais Urbaser e Clece; FCC do multimillonario mexicano Carlos Slim que destronou as Koplowitz  e Ferrovial da familia Del Pino a través de Cespa repártense en Galiza mais de 150 millóns de euros anuais polo negocio dos servizos privatizados nas sete grandes cidades do país. Os seis principais negocios que controlan estes conglomerados empresariais son servizos como a asistencia social, fundamentalmente pola falla de persoal nos concellos; Clece (ACS) factura mais de 6 millóns por este servizo básico. A recollida de lixo que salvo en Burela e Lalín está controlada por estas tres empresas madrileñas xera un negocio de mais de 80 millón de euros de beneficios. A auga está tamén privatizada en todos os grandes concellos salvo na Coruña; Urbaser e Viaqua respartense casi todo o negocio que xera moitos miles de euros en beneficios. Polo tanto debemos volver a recuperar a xestión pública -como se fai na maioría dos países do mundo, sobre todo na xestión da auga. Agora vemos que foron un erro os procesos de privatización dos anos noventa.

Quen están  na xestión dos servizos municipais saben que os servizos privatizados presentan uns sobrecustes que van do 22 por cento a mais do 90 por cento, respecto o servizo prestado de forma directa, con encarecementos medios do 27 por cento de promedio en recollida do lixo e 71 por cento en limpeza urbana.

As consecuencias das privatización dos servizos conleva tamén case sempre a subida das tarifas, a desinversión,  exclusión social por impago, opacidade, falta de transparencia e ausencia de participación e sobre todo a falta de control público. E non podemos esquecer como unha das consecuencias colaterais; a corrupción que conlevan case sempre este tipo de contratos, como moi ben evidenciou o chamado caso Pokemon instruído pola xuíz De Lara.

A auga, a xestión do lixo, dos servizos municipais teñen que volver a ser dereitos básicos esencias e non suxeitos a negocio privado, nin a especulación para beneficio de multinacionais monopolistas que teñan os usuarios como mercados cautivos (Agora falase que Urbaser pode ser absorvida por  un fondo de capital  especulativo chinés). Remunicipalizar os servizos básicos dos concellos e posible e necesario e vainos permitir aforrar os "subrecustes" en vez de ter que recortar servizos  pola imposición da lei Montoro. En Ferrol segundo recentes enquisas o 67 por cento dos Ferroláns apoian a remunicipalización dos servizos e mais da metade cree que así serían moito máis eficientes. Ese e o camiño. Estes días recibimos a visita do xerente de AEOPAS Luis Babiano que nos explicou o esencial que supón a remunicipalización da auga. A plataforma de Ferrol xa está empezando a recorrer este camiño, agardamos  poder acadar a sociedade decente pola que loitamos que non sería outra que aquela que simplemente non se sinta humillada nin por institucións nin por empresas indecentes. Porque pódese e débese.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Plataforma pola Remunicipalización.

Foto de Rebeca Collado en Ferrol 360 |Acto pola Remunicipalización da auga no Concello de Ferrol, coa participación do alcalde da cidade, Jorge Suárez, o xerente de AEOPAS, Luis Babiano, concelleiros/a de Ferrol, Narón, Neda e Mugardos, e membros da Plataforma. | 29.06.2016

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
2 de julho de 2016 19:27
__________________

A cabeça nom para! Mês de julho na Fundaçom Artábria

Já passou meio ano e começamos os 6 meses que ficam para finalizar 2016 com umha variada programaçom de ócio alternativo em galego.

Eis um pequeno petisco do que temos preparado até o mês de dezembro.

Começamos as atividades de julho, na sexta-feira 1, com a inauguraçom às 21h da exposiçom da jovem artista ferrolana Névia Lamas. A exposiçom de desenhos em aguarela poderá ser visitada até dia 30.

No sábado 9 Julho, conheceremos um pouco mais a nossa ria com um roteiro que sairá às 10.30h do Peirao de Corujeiras para chegar aproximadamente 14 km depois ao Monte Ventoso. O roteiro tem umha dificuldade média-baixa e contará com as explicaçons de Ernesto Lopes “Nês”, membro de ADEGA e Joám Lopes, licenciado em história pola UNED e Guia turístico da Galiza.

Na sexta-feira 15, chega a V ediçom do Concurso Ártabro de Elaboraçom de Tortilha de Patacas. As bases para participar estám no nosso web.

Queres saber como participar?

É muito fácil: preparar umha tortilha de tamanho médio (Entre 20 e 25 cm de diámetro) que, obrigatoriamente, deverá incluir ovos e patacas, e trazê-la entre as 19.00 e 21.00 à Fundaçom Artábria na sexta-feira 15 de julho.

Poderá participar qualquer pessoa.

Podes acrescentar, se assim o desejares, os teus ingredientes secretos ou favoritos à base de ovos+patacas, para conseguir a melhor tortilha do concurso.

Cada concorrente apresentará umha só tortilha.

O júri popular avaliará o sabor, a criatividade, a grossura, a originalidade e a apresentaçom da mesma.

Cada tortilha será identificada com um número que se anotará no exterior dum envelope fechado, em cujo interior figurará a folha de inscriçom (nome da ou do concorrente, apelidos, correio-e, telefone)

A decisom do júri fai-se pública no fim da degustaçom das tortilhas.

O júri será composto polas pessoas que assim o desejarem, pagando umha inscriçom de 3 euros, que lhe permitirá degustar todas as tortilhas apresentadas.

No sábado 16, haverá um Atelier de sabom artesanal ministrado por Matilde Ramos. O atelier terá umha duraçom de aproximandamente 4 horas e a inscriçom é de 20 euros ou 15 para as pessoas associadas à Fundaçom Artábria. O preço inclui os materiais utilizados durante o curso e um manual com a teoria precisa para fabricar sabons.

O objetivo do atelier é proporcionar os conhecimentos básicos para elaborar sabons com a ténica de “processo em frio”, para o corpo, chao e máquina de lavar.

No mesmo sábado, às 22.30h, chegadas de Portugal e de tourné pola Galiza, subirám ao cenário da Fundaçom Artábria “Adufe e Alguidar”. Sete vozes dam corpo a um projeto de canto e percussom que atravessa simbologias e tradiçons com ritmos de adufe e outros instrumentos, onde experimentar é sempre um convite. O adufe –instrumento musical de origem árabe– é o seu meio de viagem, qual roda quadrada, que ajudado por outros companheiros sonoros as leva até onde estivérem dispostas a ir. Tenhem no alguidar –peça de origem árabe que serve habitualmente para lavar ou amassar– a metáfora da reativaçom, reinvençom e mistura de sonoridades. A entrada é de graça e a atividade é em parceria com a Associação Cultural o Beco da Língua.

Na sexta-feira 22, Titeres Cascanueces,  traz a obra para crianças “Barriga verde e o moinho da névoa” baseada na peça Barriga Verde de Manuel María.  A entrada é de graça e está recomendado para maiores de 3 anos.

Barriga Verde vai de lugar em lugar e de feira em feira com a sua barraca cheia de cousas para fazer rir. E para fazer pensar. Monicreques, guitarras, pandeiros e gaitas. Desde umha avestruz até o mesmíssimo Titanic. A sua próxima funçom vai ser no Moinho da Névoa.

No sábado, 23 de julho, decorrerá no nosso Centro Social a festa do Dia da Pátria, que terá lugar o próximo 25 de julho. Haverá grelhada popular e música tradicional.

Aproveitamos para informar-vos que o nosso Centro Social permanecerá fechado o 25 de julho, Dia da Pátria.

A Fundaçom Artábria trabalha para que o nosso país esteja no lugar que lhe corresponde no espaço europeu e aportamos o nosso pequeno grao de areia na construçom nacional da Galiza, é por isso que apelamos a:

1.- Secundar ativamente todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nos próximos dias ao longo da Naçom que reclamem a soberania e a independência nacional da Galiza.

2.- Pendurar nas varandas, janelas, fachadas de casas e vivendas da nossa base social a bandeira da Galiza.

Fecharemos o mês de julho, sábado 30, com um novo concerto. Desta volta serám os Labregos do Tempo dos Sputniks os que visitarám o Centro Social para apresentar o seu trabalho “Libremente”.

Este projeto musical integra o trabalho de O Leo i Arremecághona, García de Dios Ke te Crew e Lydia Botana de Lydia Boltereta.

O concerto iniciará às 22.30hs e o preço do bilhete é de 3 euros, 2 euros para as pessoas associadas.

Aproveitamos para informar os novos horários do Centro Social este verao. Polas manhás de segunda a sexta-feira de 11h a 14h e pola tarde de 19h a feche. Sábados de julho de 19h a feche. Em agosto fechamos os sábados.
--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
3 de julho de 2016 19:18
___________

domingo, xullo 03, 2016

Badaladas pola prevención do suicidio: Cada día suicídadse polo menos unha persoa na Galiza, ... Por Xaquín Campo Freire


CADA DÍA SUICÍDASE POLO MENOS UNHA PERSOA NA GALIZA

Por Xaquín Campo Freire [*]
03.07.2016


O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas “Badaladas pola prevención do suicidio”.

Como traballador da sanidade pública tocoume ben veces achegarme a ese triste e real escenario e ser testemuña directa deste drama persoal, familiar, social e comunitario. Logo, todo se sume no silencio e o tempo aparentemente segue coma se nada. E diso xa está prohibido falar.

Na miña condición de sacerdote e experto en relación de axuda nos grandes intres de dor tamén tiven que acompañar persoas e familias que sufriron a perda de seres moi queridos nesas circunstancias.

Que difícil sandar esas feridas fondas no máis profundo da alma e da vida! Non ter xa nunca unha resposta minimamente explicativa para esa pregunta que aló no íntimo de cadaquén estará continuamente martelando nos miolos e, ademais, non se quere ou non se pode falar: Por que? Por que? Por que? Que nunca che toque na familia!

Engádese ademais a maldita autoculpabilización da que tan difícil é liberarse: En que fallei? Que fixen de malo? E se non dixese aquela frase aquel día, ou fixese aquilo outro. Se non a deixase soa ou só.  Se eu fose menos esixente, ... , cambiaría a situación? E se, ou se, etc.? Os infinitos “e se”, que me rebentan a cabeza e non me deixan acougar na conciencia por máis que me aconsellen ou me intente auto convencer que non fun eu quen determinou esa decisión.

E non digamos se algún imprudente fala, deixa caer ou mesmo insinúa:  “Xa se vía vir”.

O problema do suicidio non se aborda en serio fóra das consabidas frases fatalistas, que repetimos como diagnósticos dogmáticos, aforrándonos así o traballo de confrontármonos con algo eminentemente doloroso e desagradábel. A verdade é que lle temos medo.

O medo. Outro sentimento ou emoción que non queremos verbalizar. Preferimos sumir todo na escura sombra junguiana onde nese subconsciente persoal ou colectivo afogamos xa para sempre ese problema. Pero por ese camiño iremos sempre a ningures.

Velaquí un chamamento a todos nós que nos interpela para apoiar unha causa e ir na procura de solucións estruturais nas que ninguén está da parte de fóra, nin persoal, nin familiar, nin socialmente. Abrangue a persoas e institucións, a grupos e colectividades.

As recomendacións da OMS afirman que o suicidio pode previrse eficazmente e, por iso, apostan polo obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama aos Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio

Os datos seguites está recollidos literalmente de diversos xornais destes días pasados:

"Galiza padeceu desde sempre elevadas taxas de suicidio e sitúa o noso país no marco dun "grave problema de saúde pública".

Cada día suicídase polo menos unha persoa na comunidade autónoma, rexistrándose 394 mortes deste tipo no 2014”. Unha cifra que non deixou de medrar desde 2010 pasando de 275 a 371 en apenas catro anos. A taxa de suicidios na Galiza sitúase en 11,85 por cada 100 mil habitantes.

 “Lugo está á cabeza do ránking de suicidios cunha taxa en 2015 de 17,08 por cada 100 mil habitantes, fronte aos 11,85 da media galega”.

O MGSM advirte:  as políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galiza fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerábeis incrementando o risco de suicidio na sociedade. Son especialmente importantes:
  • a carencia de políticas activas de emprego,
  • un elevadísimo paro prolongado,
  • a redución da protección social,
  • o deterioro da sanidade pública,
  • o debilitamento da Atención Primaria de Saúde en particular,
  • a tolerancia gobernamental coa banca,
  • a súa agresividade respecto ao cobro dos préstamos hipotecarios
  • a conseguinte vaga de desafiuzamentos".
  • Etc.
O Movemento Galego da Saúde Mental, (MGSM), iniciou o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os gobernantes teñen coa protección da saúde e da vida da poboación”.
Badaladas pola prevención do suicidio concluíu esta quinta feira con concentracións simultáneas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Compostela, Ribeira, Pontevedra, Cangas, Vigo e Ourense onde se escoitou unha badalada coa que lembrar as persoas mortas. Urxe un Plan de prevención.

Cáritas, Pastoral da Saúde e Pastoral Penitenciaria de forma moi documentada, seria e axeitadamente véñense achegando desde hai moitos anos a esta problemática. Pero fican certamente desbordados porque atinxe globalmente a todos os sistemas implicados.

O Papa Francisco falou varias veces deste asunto co gallo do Ano Santo da Misericordia. E mesmo actuou con moita empatía nalgún caso do persoal do mesmo Vaticano.

Se este problema é grave na sociedade, no cárcere, nos cárceres do mundo, estes berros traspasan todos os aramados e concertinas. Non os estás a escoitar? O 80 % dos reclusos, din as estatísticas, sofren trastornos psíquicos e ese non é o lugar para tratalos adecuadamente. Son enfermos e non delincuentes, por máis que cometesen actos delituosos. Disto falarei  máis especificamente noutra ocasión.

Como dixo Castelao: Ninguén sobra. Vinde todos traballar á obra. O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas Badaladas pola prevención do suicidio. Esta é a miña badalada de adhesión persoal á causa que tan fortemente nos está urxindo a todos.


[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.


Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
2 de julho de 2016 18:44
CADA DÍA SUICÍDASE POLO MENOS UNHA PERSOA NA GALIZA. Saúdos. Estes días saiu a noticia moito nos medios. Non é unha problemática moi de evasión e do verán. Pero está aí. Na miña calidade de traballador de enfermeiro do Sergas por moitos anos tocoume isto moi de pertiño. Tamén no verán. Algún día,  sen morbo pero con ánimo sanante e sanador, tal vez debera achegarme máis a esta realidade e ás súas repercusións nas familias, que vivin e aínda estou a vivir. Incluidos os nenos, os grandes silenciados e apartados, sen as axudas adecuadas que logo sufrirán toda a vida. Unha aperta de amigo.
________________

Enlace relacionado:
http://movementogalegosaudemental.gal/
____________________

Posición de Esquerda Unida Narón sobre a taxa da auga e o saneamento, aprobada no Pleno do 30 de Xuño


Posición do Grupo Municipal de EU Narón sobre a taxa da auga e o saneamento

André Abeledo, o noso concelleiro de EU Narón na súa intervención sobre a aplicación da taxa de saneamento no recibo da auga no Pleno do Concello de Narón. (30/06/2016).

EU Narón vaise abster neste punto por responsabilidade, porque sabemos que cando se dá un servizo este ten un custo, e non tivemos nin tempo nin medios para facer un estudo de ata que punto estes custos están xustificados.

Aínda que barallamos tamén votar en contra por varios motivos, dende o principio denunciamos que este modelo de saneamento para a nosa ría, non era adecuado, que era obsoleto, que era caro, que non nos fiabamos nin dos custos de mantemento nin enerxéticos calculados, que non entendiamos a firma do convenio que obriga os veciños e veciñas de Narón a pagar parte da obra dos interceptores. Que é unha obra de interese xeral da que debería facerse cargo o Goberno Central.

Defendemos que a auga é un dereito e non unha mercadoría, que os servizos básicos para a cidadanía deben estar en mans 100% publicas, ata en países como EEUU nada sospeitosos de comunismo, o servizo da auga é publico, en París se municipalizou tras comprobar que era a mellor solución, tamén en Europa é publico nun 80%, en Holanda ata a constitución prohibe a súa privatización por entender que é un sector estratéxico.

No mundo apostase por municipalizar, pola auga pública, porque o custo do servizo é máis barato para a cidadanía, porque a calidade do servizo mellora, porque o emprego que xera se dignifica, e porque a auga é algo demasiado importante para mercadear con ela, non se pode poñer en mans privadas algo tan estratéxico e tan valioso para un pais como a auga.

Apostamos por municipalizar, por recuperar a concesión do servizo, pero mentres este servizo continúe xestionado pola empresa privada esiximos que se creen mecanismos de control que informen con transparencia de todos os posibles incumprimentos, que se faga valer a maioría que ten o Concello no consello de administración, e que o famoso “bon facer” non deixe nas mans da empresa as decisións realmente importantes e permita a opacidade.

Grupo Municipal de Esquerda Unida de Narón
Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter.
Portavoz: André Abeledo Fernández.
Achégate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.
http://esquerdaunida.org/



Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
2 de julho de 2016 18:28

_______________

sábado, xullo 02, 2016

Festival do Río Castro en Narahio, hoxe sábado 2 de Xullo, concello de San Sadurniño - Un festival cheo de reivindicación, xogos para todas as idades, postos de artesanía, actividades de lecer as merendas, fraternidade e moita e boa música


Hoxe sábado, 2 de Xullo de 2016, vai ter lugar en Narahio, parroquia do Concello de San Sadurniño, como todos os primeiros sábados do mes de Xullo desde hai 22 anos, o Festival do Río Castro. Un festival cheo de reivindicación, xogos para todas as idades, postos de artesanía, actividades de lecer as merendas, fraternidade e moita e boa música.

O Festival do Río Castro naceu aló polo ano 1994 coa intención de reivindicar a conservación do río través da música e das actividades ao aire libre. Desde aquela a cita anual foi converténdose nun referente en toda a comarca e no resto de Galiza.

"Seguimos mantendo a filosofía que nos viu nacer: reivindicar a cultura e o respecto polo ambiente por medio dunha xornada de festa que, en certa maneira, tenta recuperar o espírito das romarías campestres de antano, hoxe alagadas na lucería, os escenarios móbiles e os ritmos monocordes de alén do Atlántico".

Un festival con historia e con moitos folgos para continuar na senda da construción de país, na defensa do medio ambiente, e da nosa lingua e cultura nacional.

As ideas que movían ao Festival, chegaron ao Concello de San Sadurniño, un concello adherido á Carta de Aalborg, e traballando na práctica eses compromisos, declarado-se sostíbel e que vive e reivindica o xeito de vivir do rural, as súa múltiples iniciativas a prol da veciñanza e de mellora da súa calidade de vida, a substentabilidade, a participación cidadá e os orzamentos participativos, a defensa e promoción da nosa lingua, o coidado do territorio, as iniciativas para asentar poboación, ... a promoción da cultura e a formación, son a súas bandeiras.


PROGRAMA 2016

Desde primeiras horas da mañá convidámoste a que veñas de merenda á beira do río Castro. Porén, para irmos quentando motores de cara á troula da noite, tamén temos preparado un completo programa de actividades ao pé do río durante a tarde.

Desde as 15:30hs. - A partir das 15’30, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) faranos pasar unha tarde ben entretida con actividades pensadas para grandes e pequenos sempre arredor dese xeito distinto de pasalo ben que tiñan os nosos maiores e que, de non ser por eles, estaría perdido para sempre.

Ás 17:30hs. - A Gramola Gominola, un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non é un grupo máis, non é o de sempre, é unha banda de rock!!

Sobre as 18:30hs. - Campionato de xogos populares. Ide afiando os tronzadores, poñendo a tono os músculos para tirardes pola corda e afinando a puntería para atinar na chave.

Ás 22:30hs. - Empezaremos coa música:

Pesdelán, é música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia.

Zurrumalla, música tradicional, arredor da que montan festa en calquera lugar e a calquera hora cun amplo repertorio cantable e bailable.

Cuchufellos, traen Ritmos electrizantes e pezas cargadas de enerxía positiva, que transmiten nun directo explosivo, intenso, ás veces imprevisible, que non deixan a ninguén indiferente.

Quempallou, é un grupo musical tradicional de folk galego, un punto fundamental da súa música é buscar un estilo moi bailable para goce tanto dos propios músicos coma do público, sexa da idade que sexa, pasodobres, rumbas, muiñeiras, polcas...

Moita máis información, o programa completo e detallado, como chegar, o respecto ao medio ambiente, e sobre todo ao Río, a historia do Festival, ... e moito mais no seu sitio na rede, non deixes de entrar e marca-lo na axenda para todos os primeiros sábados do mes de Xullo. E a gozar, dos xogos, das merendas, da música e do espazo natural, ... E moi importante non deixes de comprar a Camiseta.

______________

xoves, xuño 30, 2016

A voltas co contrato eléctrico tamén en Narón


A voltas co contrato eléctrico tamén en Narón.


Os incorporados nesta lexislatura acabamos de descubrir que o tema eléctrico tamén esta a voltas en Narón. Soubémolo porque someteron a aprobación do Pleno darlle permiso ao alcalde para que pague facturas con atrasos e/ou irregularidades. Novamente encontrámonos con que o goberno saca do caixón facturas non pagadas. Pensamos que no mes de abril xa quitaran todos os “mortos” do caixón pero aínda lles quedaban, esperemos que estes sexan os últimos, pois xa estamos a falar de máis dun cuarto de millón de euros con moitas facturas irregulares, e isto tampouco é cousa de este ano senón que xa ven acontecendo en anos anteriores, pero parece que ninguén vai asumir responsabilidades.

Cando estamos asistindo a un triste debate sobre un contrato eléctrico ilegal en Ferrol, encontrámonos coa sorpresa de que en Narón lévase tempo esfollando a margarida para ver si se fai o mesmo, tanto tempo que isto xa ven da lexislatura pasada, e que se están a recibir presións por parte das eléctricas para que se contrate simultaneamente subministro e mantemento.

No informe do xefe da sección de contratación di que “Esta situación advertiuse con anterioridade, pero era interese da Corporación que este contrato fose asumido pola Mancomunidade de Municipios, para o que se encargaron os correspondentes estudos técnicos, o que atrasou considerablemente unha nova contratación”, e que: deberían, no menor prazo de tempo posible, proceder á licitación do correspondente contrato. Por outra banda a interventora (que vixía a legalidade das actuacións) di que: “debería tramitarse o correspondente expediente de contratación para dar cobertura a ditos gastos, favorecendo a pública concorrencia e a obtención de prezos máis vantaxosos economicamente” pois “O concello procedeu á contratación verbal e de modo fraccionado destes subministros, contratación que se atopa prohibida polo TRLCSP”.

Ante estas ilegalidades/irregularidades, Eliximos Narón presentou unha moción urxente no pleno co fin de liquidar a maior brevidade posible esta situación irregular, pero desgraciadamente foi rexeitada porque din que seguen a estudar o tema. Como xa levan máis dun ano de estudo, asústanos pensar o tempo que pode faltar para que resolvan algo.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán 15570 Narón (A Coruña)
Telf.: 981337700 - Ext.: 1066 - Móbil: 673141822 /
E-mail: grupomixto_ene@naron.es
Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/
Web: http://eliximos.esy.es/


Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
30 de junho de 2016 16:20
____________

Balaladas pola prevención do suicídio: Como noutras vilas e cidades da Galiza, hoxe xoves 30 de Xuño, en Ferrol, está convocada unha concentración na Praza do Concello, 10 minutos antes das 8 da tarde, hora na que comezarán as balaladas


O movemento galego de saúde mental e SOS Sanidade pública convocan unha Mobilización cunha badalada en prevención do suicidio este vindeiro Xoves, 30 de Xuño en toda Galiza.


POR UN PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DE SUICIDIO

En Ferrol esta convocatoria será  na Praza de Armas, ás 19:50hs cunha CONCENTRACIÓN e  darase a badalada ás 20:00hs.

1 badalada en lembranza da morte de 1 persoa cada día.
1 badalada en lembranza da morte dese mesmo día.

PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO, XA!

En Galicia morre por suicidio unha persoa cada día. Esa realidade agravouse dende o comezo da crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.

As políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galicia fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerables incrementando o risco de suicidio na sociedade. Desas políticas cómpre destacar como especialmente importantes: a carencia de políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gubernamental coa banca e a súa agresividade respecto ó cobro dos préstamos hipotecarios coa conseguinte vaga de desafiuzamentos.

Pero Galicia padeceu dende sempre elevadas taxas de suicidio. Sofre un grave problema de saúde pública tal como o define a Organización Mundial da Saúde (OMS). Só agora, cando este estado de cousas se ve agravado pola crise , nos decatamos de que convivimos impasibles cunha realidade intolerable. Realidade diante da cal os gobernos non só non fixeron nada senón que mesmo negaron as cifras das propias institucións oficiais, chegando no caso da Xunta e do partido gobernante en Galicia a rexeitar no Parlamento Galego nesta lexislatura (ata en tres ocasións) iniciativas realizadas pola oposición propoñendo elaborar o plan de prevención.

As recomendación da OMS comezan por afirmar que o suicidio pode previrse eficazmente e rematan por presentar o obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama ós Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio.

Sobre esta base, nós, o Movemento Galego da Saúde Mental, respostando a ese mandato e cumprindo co noso compromiso fundacional, iniciamos o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os nosos gobernantes  teñen coa protección da saúde e da vida da poboación. É así que esiximos que con urxencia se elabore ese plan, por unha comisión técnica capaz e crible, cun carácter multisectorial, articulado co necesario Plan Galego de Saúde Mental, e dotado suficientemente.

É por todo iso que xunto con SOS-Galicia facemos convocatoria para o 30 de xuño en diferentes cidades e vilas de Galicia ás 8 da tarde, para que soen badaladas para recordar a toda a sociedade que unha persoa máis morreu por suicidio na nosa terra ese día, e que seguimos sen un plan de prevención.

30 DE XUÑO ÁS 8 DA TARDE, BADALADAS POLA PREVENCIÓN DO SUICIDIO

ACODE ÁS CONCENTRACIÓNS

Web do Movemento Galego da Saúde Mental:

http://movementogalegosaudemental.gal/

https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental

Enviado por:
cig-saude.ferrol@sergas.es
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
29 de junho de 2016 10:26
Dende CIG-Saúde apoiamos o chamamento a cidadanía a participar na convocatoria do Movemento Galego da Saúde Mental, Profesionais saúde mental de Ferrolterra,   SOS Sanidade pública a unha CONCENTRACIÓN cunha BADALADA na Praza do Concello-Armas este vindeiro xoves, 30 de xuño a partir das 19,50 horas.
__________

Intervención da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos e pola Remunicipalización no pleno de Ferrol pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor Lama&Asociados - Vídeo e Texto

Este xoves 30 de Xuño de 2016, Fernando Ramos Armesto, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, interveu no pleno do Concello de Ferrol, celebrado pola mañá, pedindo o desestimento do Contrato Eléctrico e a investigación da actuación do bufete asesor xurídico, do Concello, Lama&Asociados, por ser un dos seus socios parte interesada na adxudicación do contrato.


Texto da Petición: 

Ao Pleno do Concello de Ferrol no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización.

Bo día, tomamos a palabra neste pleno municipal, en representación dun grupo de veciñas e veciños, e de organizacións sociais, que ante a inminente sinatura do contrato eléctrico para a nosa cidade, deciden organizarse en plataforma para, nalgúns casos, incorporarse á defensa do interese xeral da veciñanza, e noutros casos, para retomar a defensa dos bens e servizos públicos.

Foi a posible sinatura deste contrato o que mobilizou a este grupo de veciñas e veciños, que de inmediato, comezamos analizar as características do mesmo, os seus protagonistas e, o máis importante, as consecuencias que tiña para esta cidade. Contamos para elo, co asesoramento de persoas expertas, tanto en xestión local, como neste tipo de contratos. Esas conclusións son as que queremos expoñer neste pleno para que se teñan en conta á hora de decidir se debe ser asinado ou non.

1º Aprendemos que este contrato é ilegal, porque se redacta como se fose un contrato de xestión de servizos públicos, cando en realidade trátase de dous tipos de contrato, un de subministro, que sería o caso do subministro eléctrico, e outro de servizo, que sería o caso de servizos enerxéticos e o mantemento da instalacións de alumeado público exterior e de edificios e dependencias municipais. Polo tanto, a duración do mesmo, segundo a lexislación vixente [*], non pode ser por máis de 4 anos, prorrogables a 2, e nunca por 15 como propón o contrato que se nos oferta. Nós entendemos isto perfectamente cando se nos preguntou se firmariamos un contrato de subministro de bolígrafos por 15 anos. Así de sinxelo. Pois no caso do subministro eléctrico, cun mercado e unha tecnoloxía en constante evolución, semella unha loucura facelo, e só se mostra interesante para as empresas que o propoñen para esta cidade. É por iso que o lexislador non pon limitación temporal, ao sobreentender-se que o interese xeral recomenda unha anualidade, só prorrogable por un ano máis.

2º Aprendemos que hai alternativas, esta corporación pode realizar un desestimento do contrato polas ilegalidades que presenta, ou tamén unha renuncia, por interese público. Todo parece indicar que un desistimento é o máis razoable nestes momentos. O desestimento permitiría abrir dun xeito rápido dúas liñas de contratación, subministro e servizo, por separado e dun prazo de duración dun ano, prorrogable a dous. Deste xeito sairiamos da  situación de ilegalidade que supón carecer dos contratos, como sucede neste momento. Mentres, poderíanse iniciar un proceso de municipalización que estudara as alternativas para a xestión pública, tanto do subministro como do mantemento. 

3º Non é de menor interese o que temos que dicir das empresas que concorren a este contrato. A Unión Temporal de Empresas que pretende que a cidadanía de Ferrol lle paguemos ao longo de 15 anos máis de 41 millóns de euros, son por unha parte FCC e pola outra SEFCON. No caso da primeira, Fomento de Construcciones y Contratas FCC, unha grande corporación transnacional, instalada na estratexia de converter en negocio o que pertence ao ben común e ao espazo público, provocando unha descapitalización da nosa cidade, pois levan fora a plusvalía o mesmo que as súas empresas filiais, empobrecendo máis a cidade. A segunda empresa, Servicios Eficientes de Control SL, é unha empresa que non ten nada que ver coa enerxía, ou o mantemento eléctrico, senón que opera baixo a definición de “conseguidores de negocio”. Pero é que no caso do noso concello, resulta altamente preocupante que o administrador único desta empresa, Francisco Borja Silveira Rey, sexa un dos socios, conselleiros e directores do bufete que presta servizos de asesoramento xurídico a este concello, Lama&Asociados, con o que o goberno do PP, presidido por José Manuel Rey Varela, asinou un contrato de 180.000 euros, por servizos xurídicos. Un bufete que se atreve a realizar un informe contrario ao desestimento ou á renuncia do contrato eléctrico e a ameazar veladamente co pago de fortes indemnizacións se se chegara a desistir ou renunciar a dita contratación, sendo parte interesada na sinatura deste contrato millonario.

4º Aprendemos que a municipalización dos servizos, sempre que se faga con criterios de boa xestión, transparencia, participación e racionalidade, resulta moi beneficiosa para a institución que a aplica, e satisfactoria e beneficiosa para a cidadanía que a percibe e goza. A recente remunicipalización do servizo de socorrismo, é un pequeno exemplo de aforro, mellora da calidade do servizo e da calidade das condicións de traballo, que demostra que neste concello é posible arrancar con procesos de municipalización.

Por todo o exposto, SOLICITAMOS a esta corporación,

PRIMEIRO.- Que encargue un informe xurídico que valore a posibilidade de finalizar o contrato con Lama&Asociados, tanto por abusivo no seu custe, como por romper o principio de confianza e lealdade a institución, e á defensa dos intereses xerais do pobo de Ferrol, ao actuar de mala fe no caso do contrato eléctrico, sabendo do conflito de intereses que representaba.

SEGUNDO.- Que aprobe o desestimento do contrato eléctrico con FCC e SEFCON, e comece un proceso de municipalización destes servizos.

Ferrol, 30 de xuño de 2016

[*] No caso do contrato de subministro e mantemento eléctrico a ilegalidade está ben clara, xa que polo seu obxecto e pola súa natureza xurídica, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, non cabe un contrato de duración superior a catro anos, máis 2 de prórroga, é dicir de máis de 6 anos, polo que o contrato pretendido de 15 anos é nulo de pleno dereito segundo o art. 62.1.e) da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. É dicir, que o contrato de subministro e mantemento eléctrico do PP, é absolutamente ilegal e ademais é lesivo para o interese xeral dos cidadáns de Ferrol, ao hipotecalo por 15 anos nun sector tan volátil como o da enerxía.

--


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!
  • Alexandre Carrodeguas.
  • Fernando Ramos Armesto.
  • Pablo Portero 659855805
  • Bernardo Rego Gárate.
  • Lupe Ces..
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
________________________

martes, xuño 28, 2016

"Todos os Desexos, Todos os dereitos!", con este lema, a Marcha Mundial das Mulleres organiza os actos deste Día Mundial do Orgullo LGTBI, hoxe martes 28 de Xuño, desde as 8 da tarde no Cantón de Ferrol


ACTOS 28 XUÑO DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE FERROLTERRA

"... Os discursos de odio están no cerne do sistema capitalista, que os empega a vontade para os seus intereses económicos e de control social onde a disidencia é sempre perseguida, sobre todo aquela que desmonta as estruturas xerárquicas do patriarcado escollendo outros modelos de relación e vida, libres e diversos.

Estamos ante unha campaña permanente de invisibilización e criminalización: da unión entre a LGBTQIFobia e o racismo nacen discursos como o que hoxe espallan os grandes medios por todo o planeta, ou discursos que falan das agresións só cando se cometen en lugares nos que hai interese político en sinalar: ben polo control dos seus recursos, ben pola necesidade de exercer presión internacional para condicionar as políticas públicas..." | Detalle dun comunicado da Marcha cando a traxedia de Orlando [ir á Web].
A Coordinadora Comarcal de Ferrolterrra da Marcha Mundial das Mulleres chama a participar nos actos  para conmemorar o  dia do Orgullo LGTBI que terán lugar o martes 28 de Xuño Cantón de Ferrol ás 20:00h.

Neste 28 de xuño, a Marcha Mundial das Mulleres chama a reivindicar unha sexualidade libre de condicionamentos sociais e culturais, rachar co patriarcado e o heterosexismo que domina todos os ámbitos das nosas vidas. Convidan a participar no Acto para seguir denunciando a discriminación, a exclusión, a violencia, a invisibilidade, o acoso e o rexeitamento por unha parte da sociedade e institucións afíns ao heteropatriarcado, por amar dunha maneira diferente aos canones establecidos.

Mulleres en marcha ata que todas sexamos libres!!

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com | www.feminismo.info, tamén podes-nos atopar no Facebook e no Twitter.

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan arredor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecemento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Información baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
22 de junho de 2016 23:16

___________________________

Reflexión post 26X, ... Por Lídia Senra

Por Lídia Senra [*]
28.06.2016


Que o PP gañara onte as eleccións é unha moi mala nova, pero eu son das que penso que a clave do seu éxito está nos erros dos outros. A soberbia e a prepotencia son todo o contrario da humildade que deberiamos ter as forzas de esquerda.

En clave galega, equivocáronse as e os que pensaron que a compoñente nacionalista de En Marea non era un valor e que se bastaban por si sós. Considero que un dos factores máis importantes para estes resultados foi que erraron cando decidiron impoñer que non se explorara ningunha nova fórmula para ter grupo propio no Congreso e tamén, intensificando o desembarque "triunfal" de líderes e lideresas españolas que, aínda que en clave moderna, nada tiña de diferente coas campañas habituais do españolismo de sempre.

Eu creo que na perda de votos de En Marea e na abstención de moito voto nacionalista desencantado co Bloque Nacionalista Galego hai un severo castigo a estas actitudes prepotentes que na teoría din asumir que Galiza é suxeito político e mesmo din que están polo dereito a decidir, pero que na práctica actúan tratándonos como meras sucursais do centro español.

Eu son das que penso, ao igual que moitas e moitos de nós, que as alianzas na esquerda son imprescindíbeis, pero sen imposicións. Somos as galegas e os galegos quen temos que decidir o que queremos, por iso penso que a cidadanía galega actuou con moita sabedoría enviando un aviso a navegantes, dicíndonos "ollo que se seguides por aí, ides mal para as galegas".

Aínda estamos a tempo, só falta ver se teremos a humildade necesaria para responder ás súas arelas.

Texto tirado do facebook de Lídia Senra.

[*] Eurodeputada Galega de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
___________

A revista galega de ecoloxía e medio ambiente Cerna, no seu nº75, publica dous artigos en referencia a Reganosa, de Manuel A. Rodríguez Carballeira e Humberto Fidalgo


A revista galega de ecoloxía e medio ambiente CERNA Nº 75 - co titulo xenérico "E despois do Cumio de París, que?" Revista da Asociación para Defensa Ecolóxica de Galiza, nas páxinas 20-21, publica dous artigos en referencia a Reganosa:

"O Tribunal Supremo dá a razón ao Comité de Emerxencia",... Por Manuel A. Rodríguez Carballeira, Coordinador do Comité Cidadán de emerxencia.

"Reganosa, a estratexia equivocada"... Por Humberto Fidalgo membro de ADEGA e do Comité Cidadán de Emerxencia.

O pasado 25 de abril, o Tribunal Supremo, nunha sentenza inapelable, anulaba a autorización de construción da planta de gas de Reganosa outorgada en 2004 polo goberno de Aznar, logo de que en maio de 2012 anulase a modificacion do planeamento que serviu de base para a licencia de construción, e o 28 de marzo de 2016 anulase a autorización administrativa previa. A sentenza do Supremo culmina pois coa declaración da ilegalidade radical da planta de gas de Reganosa. Acceder/Baixar.

Web Adega - http://adega.gal/

Revista Cerna - http://adega.gal/revistacerna/

Radio Cerna - http://adega.gal/radiocerna/


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
27 de junho de 2016 20:07

_____________

luns, xuño 27, 2016

Ante a entrada na Ría de Ferrol, dun novo buque gaseiro, o LNG Hispania Spirit, cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha concentración sonora, este mércores 29 de Xuño, ás 8 da tarde na Praza Amada Garcia, diante do edificio da Xunta


CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 MÉRCORES 29 DE XUÑO, ÁS 8 DA TARDE
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA
NA PRAZA AMADA GARCIA

Un novo buque o "LNG Hispania Spirit" cargado con miles de toneladas de gas natural licuado, ten previsto a súa entrada na Ría de Ferrol para descargar na ilegal e perigosa Reganosa. Un buque de grande porte, cunha eslora de 280 m, de 43 m de manga, e un calado de 12.2 m. E cunha capacidade de carga de 135.000 m³ de GNL (LNG). O buque entrará pola bocana da Ría e cruzará o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso, canle de máis de 4.500 metros, até chegar ao pantalán de descarga do peirao de Punta Promontoiro, situado no termo municipal de Mugardos. Onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza, sempre que entra na Ría un buque destas características, cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos. Este buque fai o gaseiro número 212 que descarga en Reganosa, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Este é o terceiro buque que entra na Ría, despois de que o Tribunal Supremo ditara a súa Terceira Sentenza firme contra Reganosa que anulou a autorización para a construción da planta regasificadora en Mugardos, encostada ao complexo petroquímico do Grupo Tojeiro (Forestal del Atlántico e Imegalsa).

Reganosa no Xulgado de Ferrol

Hoxe, luns 27 de Xuño, a representación legal de Reganosa, tivo que comparecer a declarar nos xulgados de Ferrola, pola Denuncia, interposta por tres entidades que participan no Comité Cidadán de Emerxencia responsabilizando a persoas concretas de contratar, facilitar e permitir a entrada do anterior gaseiro, o "LNG Castillo de Villalba", por ocnsiderar que a entrada dun buque gaseiro é un atentado contra a seguridade das persoas e sobre todo despois de que a planta regasificadora declarada ilegalegal por tres sentenzas firmes do Tribunal Supremo, mesmo a segunda confirmada, a maiores, por un Auto Aclaratorio do mesmo tribunal.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada dun novo buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, como ven sendo habitual sempre que entra un gaseiro cargado na Ría de Ferrol, convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, este mércores ás 8 da tarde (Novo Horario) en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


Van catro anos, desde que o 11 de Maio de 2012 se ditou a primeira Sentenza firme polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia. E agora os pasado 28 de Marzo e 25 de Abril des 2016, dita-se a Segunda e Terceira sentenzas firmes do Tribunal Supremo contra o despropósito gasista de Reganosa, anulando a autorización previa de instalación e a autorización para a construción da mesma respectivamente.E por último a maiores, por un Auto Aclaratorio do mesmo Tribunal Supremo reafirmando-se no fallo da Segunda Sentenza.

Tras as sentenzas do Tribunal Supremo, que declaran ilegal a Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRAN AS SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
27 de junho de 2016 19:30
_______________