luns, decembro 31, 2012

Adeus 2012

Por Amadeo Varela [*]
24.10.2011


Hoxe remata o ano. Que vaia o demo zoupando con el, porque foi bastante malo, pero como nunca choveu que non escampara, a ver se o 2013 é un pouco mellor. Aínda que non sei, non sei, porque din que outro virá que bo o fará.

A min non me estrañaría, porque esta chuvieira non ten viso de que vaia parar axiña. En calquera caso, seguiremos “vivindo como galegos”, é dicir, aturando todo o que nos boten como fixemos sempre.

O caso é que haxa saúde. Agora ímola necesitar máis que nunca, porque poñerse enfermo vai ser un luxo que non poderá atinxir calquera. E porque a lotería non caerá, pero reconversións, peches, recortes, paro e o que sexa, diso non ha faltar. Porque sempre chove sobre mollado e porque a can fraco todo son pulgas.

Din que sarna con gusto non pica e que cada un ten o que merece. Eu non sei, pero de todos xeitos, teñamos moito ánimo, porque non hai mal que cen anos dure. (Nin corpo que os resista, claro).

Publicado no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
________________

A presión social obriga ao concelleiro de Urbanismo, Obras e fochancas a poñerse a traballar


A presión social obriga ao concelleiro de Urbanismo e Obras a poñerse a traballar

Despois do "Flashmob" de denuncia celebrado o domingo día 23 de decembro e organizado pola : Plataforma contra o Malgasto do Diñeiro Publico, o Colectivo para a Recuperación de Espazos Públicos e a Asociación Veciñal de Esteiro.

Despois das continuas denuncias efectuadas pola AV de Esteiro durante todo o ano, e logo de que o concelleiro de Urbanismo e Obras do Concello de Ferrol, Sr. Evia, dixese no Pleno do día 27 de decembro que ata xaneiro non podía comezar a arranxar, despois de 18 meses sen facer nada, as numerosas fochas existentes debido a que a empresa de aglomerado estaba pechada. Onte sobre ás 18 horas foron reparadas as fochas da Trincheira.

A denuncia e a presión dos colectivos sociais obrigou a Guillermo Evia e ao seu "asesor", Amador Rodríguez Silvar, a poñerse a traballar.

Será este o comenzo da reparación das fochas en rúas e beirarrúas en toda a cidade?  Estarán arranxadas as fochas en Esteiro para a carreira de San Xiao que se celebra o domingo 13 de Xaneiro? Seguirán caendo persoas, e formulando a correspondente denuncia, na focha do paso de peóns da Casa Solidaria?

Esperemos que o seu anuncio de que no mes de xaneiro se vai contratar unha empresa para a reparación de fochas, que na súa maioría podería facelo unha cuadrilla de persoal municipal,  sexa verdade. Lembramos que o Concelleiro Evia xa anunciou que a empresa ía ser contratada en Xuño e logo anunciou que ía ser contratada en setembro de 2012 e agora anuncia que será en xaneiro do 2013.

A ver se agora e verdade.

Se reunirá algunha vez o Concelleiro de Urbanismo e Obras coa Asociación Veciñal de Esteiro?

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro


Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/





Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
29 de dezembro de 2012 11:18

_____________

domingo, decembro 30, 2012

A Asociación Veciñal de Esteiro presentou Alegacións aos Orzamentos do Concello de Ferrol 2013


A Asociación Veciñal de Esteiro vimos de presentar, a través do Rexistro Municipal, as nosas alegacións a proposta de orzamentos municipais para o ano 2013 (achegamos anexo).

DEMANDAMOS :
  • A eliminación da partida consignada para Abrir Ferrol ao Mar, por que non é unha prioridade para a cidade neste momento.

  • A eliminación do malgasto destinado ao chamado " Pulmón Verde da Praza de España", nova ocorrencia do concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia,  para destinar esa cantidade de 918.000 euros a outras necesidades da cidade de Ferrol que requiren actuacións urxerntes:
  • Plano de reposición e sinalización horizontal e vertical en toda a cidade.
  • Plano de urxente de obras e mantemento que inclúa a colocación de bolardos e eliminación de barreiras arquitectónicas.
  • Eliminación do malgasto correspondente á rúa do Sol, rúa executada cun goberno do Partido Popular e IF sendo Rey Varela concelleiro de Facenda, conservando a cantidade necesaria para a súa REPARACIÓN.
  • Creación dunha nova partida para Orzamentos Participativos de 2 millóns de euros.
  • Incremento ate dous millón de euros para partidas de : Creación de emprego, creación de empresas públicas, fomento do cooperativismo e economía social e apoio a inicitivas de carácter social.
  • Creación de novos comedores sociais, comedor sobre rodas, financiamento da asistencia no fogar e mantemento de convenios con todas as entidade de carácter e recoñecemento de interese social.

Xunta Directiva da AV de Esteiro

Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/



Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
29 de dezembro de 2012 17:16

______________

Falando en voz baixa, ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
30.12.2012


As voces baixas, o último libro de Manuel Rivas pode ser, na miña opinión, unha das mellores obras deste autor que xa é, con todo merecemento, un dos máis grandes da nosa literatura. Trátase dun texto autobiográfico no que, en vintedúas breves estampas, repasa os primeiros anos da súa vida, desde os primeiros medos infantís ata os seus inicios no xornalismo, traballando como meritorio no mítico Ideal Gallego daqueles anos setenta, onde comezou no oficio a carón de figuras como Luís Pita e Xosé Gaciño.

Hai autores que caen na trampa do anecdotario e convirten o relato autobiográfico nun amoreamento de persoaxes e sucesos que teñen escasa relevancia fóra do ámbito persoal ou local. Ata os mestres poden cometer este erro (García Márquez en Vivir para contarla, ou Ramiro Fonte en Os meus ollos). Outros caen na autocompracencia: o autor convírtese en protagonista da historia e só reflicte aqueles perfís que máis lle conveñen. Non é doado facer boa literatura a partires da memoria persoal. Caballero Bonald (Tiempo de guerras perdidas) dicía que, onde remata o cómputo privado da realidade, comeza a invención artística doutra realidade puramente literaria: “redactar unas memorias también equivale a montar una novela a partir de esa memoria”.

 Iso é o que consegue o autor neste fermoso libro. Constrúe unha peza literaria cos recordos da súa infancia e adolescencia. Pero Manuel Rivas non fala tanto de si mesmo como dos seus: dos avós, dos pais, dos tíos e da súa irmá María, unha sombra protectora, unha presenza permanente nesta obra, desde a foto da portada ata o último capítulo no que relata a súa morte prematura. Tamén fala dun tempo, os últimos anos do franquismo, co silencio instalado nas casas –había cousas das que non se podía falar-, co autoritarismo presente na igrexa e na escola -onde os rapaces tomabamos o leite en pó da axuda americana-, coa emigración como horizonte para a xente nova (“Un día, indo sós para a escola , Antonio informoume moi contento: “Mañá marcho para Inglaterra”. E engadíu: E ti quedas aquí”), coas familias traballando duro para fuxir da miseria e  na procura un futuro mellor para os fillos (“E ti, cando sexas grande, a ver se buscas un traballo no que non te molles”).

O texto, e as fotos que o acompañan, dan testemuña da vida dunha familia humilde que traballa arreo para mellorar a súa vida. O autor recorda aos seus con afecto, con grandísimo respecto e tamén con admiración. O seu pai, albanel e saxofonista, foi quen de construír no Castro de Elviña,  coas súas propias mans, “aquela nosa casa solitaria que resistía as tempestades”. Súa nai, que falaba soa mentres traballaba, protexía aos fillos contra o mundo, “mantiña unha loita sen tregua contra a friaxe e as correntes de aire”, e estaba obsesionada con que os fillos tivesen un traballo que os librase de andar á intemperie. Hai un momento do libro que resulta moi revelador. Despois de moitos días sen poder traballar, por causa da chuvia, o pai estoupa: “Quen me dera unha semana no cárcere”. E a nai contéstalle: “E a min sete días no hospital!”. Como se pode apreciar hai tamén no libro, como é habitual en Rivas, unha grande dose de humor, un humor terapéutico que axuda a tolerar os golpes da vida. E tamén humor negro de alta calidade.  Conta o caso de Antonio o Chibirico, que exerceu de enterrador na parroquia de San Vicenzo. Ás veces achegábase á porta das tabernas e berraba: “Hai que ir morrendo! Non dades un peso a gañar!”.

Todo isto é contado en voz baixa. O autor non eleva o ton, non impón o seu discurso senón que relata con sinxeleza, afecto e ironía a vida cotiá deste grupo humano no que naceu, medrou e aprendeu a ser boa persoa (“Fueron mi vida. Gente a la que quise. Cada una de sus ausencia me ha llenado de sufrimiento”, Rafael Chirbes en La buena letra).  Pero a novela transcende o terreo estritamente persoal e familiar. Os que vimos daquel tempo, e da mesma estirpe proletaria, recoñecémonos nestas figuras e neste relato. Tamén nós sufrimos os medos infantís, soubemos da friaxe dos invernos, tivemos mestres que utilizaban a regra como ferramenta de traballo e na nosa casa tampouco había libros.

Relatos coma este axudan a darlle sentido ás nosas vidas. As narrativas persoais que imos construíndo ao longo da vida “dánlle sentido ao pasado, explican o presente e anticipan o futuro” (Santiago Lamas, Galicia borrosa). Esta memoria persoal do autor é tamén, en parte,  a nosa memoria colectiva. Manuel Rivas é un notable poeta, un articulista brillante e comprometido e un narrador poderoso que nos deixa neste libro unha testemuña conmovedora dos seus primeiros anos neste mundo.

A súa irma María gañou, nunha ocasión, un concurso de relatos patrocinado por unha empresa de refrescos. Os xornais titularon: “La hija de un albañil gana el concurso nacional de redacción”. As forzas reaccionarias, que agora dominan no país, están a ditar normas e a impoñer decretos para tentar que o fillo dun albanel non poida chegar a ser o mellor escritor de Galicia e membro relevante da Real Academia Galega. Nunca máis.

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
30 de dezembro de 2012 11:44

___________

Remataron o traballo comunitario e reivindicativo no Castelo de San Carlos


Foron cinco xornadas, as que fixeron falta para rematar o traballo comunitario de limpeza, e de recuperación da contorna, no Castelo de San Carlos. Unha batería costeira que data do Século XVII, logo reformada no seu trazado actual en 'L', no S.XVIII. Esta fortificación xunto aos Castelos de San Filipe, A Palma, San Cristovo e de San Martiño,  formaba parte do sistema de fortificacións que defendían a entrada da Ria de Ferrol. A fortificación está situada no lugar de Punta de Baterías, na parroquia de Brión. O Castelo de San Carlos está catalogado pola Xunta de Galicia como BIC (Ben de Interese Cultura - RI-51-0008847) e no PXOM de Ferrol, consta no catálogo de bens patrimoniais protexidos, como Monumento Histórico Artístico (documento que figura na rede en formato pdf - páxina 3 - ficha C-3), mais estaba totalmente abandonado e deixado a perder polas autoridades municipais.

Os traballos de recuperación do Castelo consistiron fundamentalmente na limpeza dos muros, roza da maleza e silvas do interior, e limpeza do empedrado do chan.

As compañeiras e compañeiros do Colectivo Cidadán que as autoridades públicas teñen abandonado. É así como as centos de horas empregadas no traballo comunitario e voluntario, frutificaron en espazos públicos recuperados para o goce da cidadanía, para o ben común (Lavadoiro da Mina de Ouro de Ponzos, Castelo de San Cristovo, Lavadoiro d'A Barca -A Cabana, Fonte de Chamorro, Parque Monumento a Torrente Ballester, Erradicación do Plumeiro da Pampa en Caranza, Bosque dos Nenos (Valón), Castelo de San Carlos, ... Botando unha man aos compañeir@s da Horta Comunitaria de Caranza ou no flashmob dandolle uso ás fochancas de Ferrol).

Xa anuncian, na súa imparábel acción que o vindeiro sábado, 5 de Xaneiro de 2013, van comezar o ano acometendo a recuperación doutro espazo público de Ferrol en estado de abandono por parte do actual goberno local.

As compañeiras e compañeiros, seguen teimando na loita contra o malgasto de 916.000 euros máis, na enésima remodelación da Praza de España -onde xa se levan dilapidado moitos millóns- que pretende acometer o goberno municipal do dereitista Partido popular, con José Manuel Rey Varela como Alcalde, responsábel de facenda no mandato do tamén alcalde popular Sr. Juncal, que polo seu mal goberno houbo que pagar case oito millóns de euros de indenización á empresa Abeconsa, polo lucro cesante, ao non construír-se o ilegal macroedificio que os populares e IF pretendían edificar no medio da Praza.

No seu blogue din "Queremos transmitir ao grupo popular o noso malestar pola apatía e desconsideración demostrada face nós, pois nin tiveron a decencia de respostar-nos a un escrito entregado por Rexistro no Concello. As nosas 'represalias' virán dadas como até o de agora, deixando en evidencia o abandono e mal estado da cidade de Ferrol, e cun obxectivo común, a paralización do investimento e malgasto de 916.000 euros de carto público na Praza de España".

Desde o Colectivo Ártabra 21, queremos recoñecer a importante actividade comunitaria realizada polas compañeiras e compañeiros do Colectivo Cidadán

Enlace de moito interese:
Galería Fotográfica de Acción Directa - 33 Albúns

Blogue:
http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/

Queres participar
?

Apúntate!!

correo-e:
recuperaciondeespazospublicos@gmail.com


Teléfonos:
620 312 992 - 637 567 497

Grupo no Facebook:
https://www.facebook.com/groups/444525015569821/
_________________

sábado, decembro 29, 2012

Pleno do Concello de Ferrol, onde se aborda o asunto do roubo da sede do Ateneo Ferrolán - Vídeo


O pasado xoves, 27 de Decembro, no Pazo Municipal de Ferrol, celebrou-se o último Pleno Ordinario do ano 2012. Nel entre outras cousas ía-se tratar o asunto do edificio do Ateneo Ferrolán que o actual goberno municipal, do dereitista Partido Popular que goberna con maioría absoluta, mais con pouco máis do 23% dos votos d@s ferroláns, aproveitando a finalización das obras de rehabilitación do edificio, decidiu unilateralmente retirar-lle a concesión do mesmo ao Ateneo Ferrolán, para privatizar a súa xestión e dividir o edificio, cedendo parte del á Asociación Artística Ferrolana e a Asociación Veciñal de Ferrol Centro, usurpando deste xeito á principal institución cultural da cidade a súa sede.

Publicamos a continuación o vídeo da parte do Pleno, onde se trata este asunto que dura puco máis de 32 minutos.


http://youtu.be/vAxEFyifg14

_________________

Documentario sobre Finanzas Éticas en "La2" de TVE, este Domingo 30 de Decembro, ás 23hs


Documentos TV. "Finanzas éticas"

Por Marisol Soto Romero | 23.12.2012

Desde fai aproximadamente unha década, Tríodos Bank, FIARE-Banca Ética ou Coop57 son unha opción alternativa á banca convencional para aquelas persoas e organizacións que buscan un uso responsable do seu diñeiro acorde cos seus valores.

Nos últimos anos, estase producindo un aumento progresivo de persoas que prefiren o beneficio social antes que o monetario e deciden confiar os seus aforros ás entidades que lles din en que e para que usan o seu diñeiro.

Un incremento do 1000%

Segundo datos do Observatorio das Finanzas Éticas, en 2011 había uns 575 millóns de euros en depósitos e uns 600 millóns en préstamos.


"En comparación ao sistema financeiro español é unha cantidade moi pequena pero o ritmo de crecemento é moi alto", valora Xavier Teis, economista e membro da organización FETS, quen engade que a banca ética parece atopar o seu momento na crise económica e financeira que vive España posto que o crecemento recente foi do 1000% tanto en depósitos como en crédito.

Para Carlos de Ahumada, da cooperativa la Olivera, o aumento da participación nestes últimos anos demostra que "hai fórmulas alternativas de financiamento que hai que ir descubrindo e poñendo sobre a man da xente disposta a ceder os seus aforros para que teñan un sentido".

O modelo Tríodos

"Poñer conciencia no mundo da economía, no mundo do diñeiro, pero desde a sociedade civil, desde os cidadáns, eu creo que é unha revolución deste século XXI", afirma no documental Joan Antoni Melé, subdirector de Tríodos Bank en España, un banco de orixe holandesa que abriu a súa primeira oficina en Barcelona en 2004 e que hoxe xa ten representación en doce cidades españolas.

Os modelos de intermediación financeira que se ofertan no abanico da denominada banca ética son distintos nas súas orixes e formulacións pero coinciden en aspectos fundamentais: en lugar da economía especulativa promoven a economía real na contorna máis próxima, practican a transparencia, xa que publican todos os investimentos, e orientan as súas operacións cara aos beneficios sociais e medioambientales.

O modelo FIARE

"A palabra ética vai inevitablemente unida á economía. O afastar a ética e o marco valórico das decisións económicas non é inocente", asegura Peru Sasia, presidente de FIARE un proxecto impulsado desde o País Vasco que se estendeu a varias comunidades autónomas.

FIARE non busca clientes senón unha rede de persoas e organizacións socias. Opera en España mediante a ficha bancaria da Banca Popolare Ética de Italia, unha cooperativa de crédito sen ánimo de lucro que é referencia no sur de Europa polo seu modelo organizativo dentro do sistema financeiro alternativo.

En FIARE cada socio significa un voto, independientemente do capital que aporte e no 2013 tamén ofrecerá en España produtos de banca comercial como contas correntes, domicilio de nóminas e recibos ou tarxetas de débito.

O modelo Coop57

"Fai 40 ou 50 anos, quen falaba de ecoloxía, quen falaba de sostenibilidade, ou de modos sostenibles, ninguén, sectores moi pequenos e moi marxinais. Eu creo que a gran semente dun proxecto como o noso é iso, que é unha semente", apunta Ramón Pascual, coordinador de Coop57 en España, unha cooperativa de servizos financeiros fundada en Barcelona en 1996 por iniciativa dun grupo de traballadores e traballadoras da antiga Editorial Bruguera.

O obxectivo foi e segue sendo dotar aos seus socios dun instrumento para financiarse e promover o cooperativismo. Hoxe este modelo autoxestionado de intermediación financeira estendeuse a Aragón, Galicia, Andalucía e Madrid e procura ser un motor para as actividades da economía solidaria.

"Si montamos empresas tamén podemos crear un sistema financeiro acorde ás nosas necesidades e valores", di Mariña Martínez da cooperativa Tiebel, socia cofundadora de Coop57 en Aragón. O seu testemuño xunto cos das cooperativas Trabensol, Peñascal, La Veloz, ou Mol-Matric manifestan un desexo de coherencia e responsabilidade nos actos económicos.

Perspectivas para o futuro

Francisco Álvarez, asesor financeiro e ex directivo nas bolsas de Paris e Valencia, considera que a crise financeira actual espertou a conciencia dun gran número de cidadáns.

Para el hai preguntas crave que con só suscitarse producirían efectos moi positivos: "Soamente co feito de que vaiamos a unha entidade financeira a preguntar: pódesme dicir, por favor, que fas co meu diñeiro" En que o utilizades? Interésame saber que uso faise dun diñeiro que é meu. Se iso se fixeses, tería unhas consecuencias moi interesantes porque os propios empregados dirían: "oe, que empezo a ter clientes que me preguntan que facemos co diñeiro?"

Finanzas éticas é un documental producido integramente por Televisión Española. Estréase en Documentos TV o domingo 30 de decembro ás 23,00 h na 2 de TVE. A emisión pode seguirse e comentarse en directo tamén en RTVE.es.

Fonte:
http://www.rtve.es/television/20121223/documentos-tv-finanzas-eticas/589921.shtml

Titulo: "Finanzas éticas"Produción: TVE. 2012
Guión: Marisol Soto Romero
Realización: Manuel Muñoz Monterde
Imaxe: Xavi Pedro
Son: Juan Baño
Slide cam: Albert Acosta
Edición e operación smoke: Xavi Adoitar
Ambientación musical: Gerard Gual
Deseño gráfico: Montse Soldevila
Grafismo: Sandra Mañas
Sonorización: David Beltrán e Fernando Pequeno
Produción: Fali Álvarez e Nacho Lorenzo


Enviado por:
Lucia Vizoso
luciaxocaloma@gmail.com-
28 de dezembro de 2012 00:44

TOTALMENTE "R E C O M E N D A B L E"
Lucía

_____________

Reparacion de fochas - o goberno municipal de Ferrol rectifica en materia de reparación e mantenemento de vias e infraestruturas

Reparacion de fochas

O Grupo Municipal de Esquerda Unida congratúlase da decisión sensata adoptada polo goberno municipal do PP ao proceder urxentemente á reparación de determinadas fochas que , á vísta de todo o mundo, constituían un perigo para a seguridade de persoas e bens.

Neste sentido  Esquerda Unida presentou no último pleno unha moción instando ao goberno municipal a proceder á reparación inmediata das fochas que proliferan nas nosas vías e beirarrúas. O grupo popular rexeitou a moción e mesmo o concelleiro delegado, sr. Evia, considerou  que , aínda recoñecendo como mellorable o estado de cousas, se presentaba o problema como maior e máis grave do que realmente era.
Poida que si mais onte 28 de decembro, dia dos santos inocentes e ao mesmo tempo en que o Presidente Rajoy nos pedia “comprensión”, comezábase a reparar as fochas de varias vías da cidade e , en concreto, algunhas que especialmente Esquerda Unida indicou, de evidente perigo para a circulación e estado lamentable dende  días e que, no pleno, o Sr. Evia explicou ou seu estado por estar “pechada estes días a fábrica  de asfalto que abastecía á empresa concesionada…”. En fin..

Alegrámonos non ter que pedir por rexistro unha actuación de emerxencia que a legalidade prevé para casos de especial gravedade para a seguridade  e saúde das persoas e suxerimos ao goberno municipal outra actitude para o futuro.

Por último felicitar aos colectivos sociais e asociación veciñais que foron elemento esencial para catalizar o protesto contra o malgasto e desleixo do goberno do Partido Popular en materia de obras e mantenemento de infrestructuras.

Ferrol a 29 de decembro de 2012

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol


eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
29 de dezembro de 2012 10:31

Adxunto enviamos nota de prensa pola rectificación puntual do goberno municipal en materia de reparación e mantenemento de vias e infraestruturas. Saúdos, Grupo Municipal.

____________

Stop-Desafiuzamentos manifestou-se en Ferrol contra os desafiuzamentos e o acoso bancario


Stop Desafiuzamentos (Comisión Dereito a unha Vivenda Digna),  que forma parte da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, realizou unha Manifestación, en Ferrol, este Venres 28 de Decembro, contra os desafiuzamentos e o acoso financeiro.
A mobilización, estaba encadrada dentro dunha convocatoria xeral que de forma coordinada, acordamos as diferentes plataformas e colectivos que actuamos na Galiza, tendo lugar manifestacións e concentracións, na Coruña, Compostela, Vigo, Ribeira, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Eran ás 7 da Tarde
, cando comezou a xuntarse un número importante de persoas na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo que a Xunta de Galicia ten en Ferrol. A manifestación saía minutos despois  pasando pola Rúa Real, para rematar diante do Pazo Municipal, na Praza do Concello, onde Lucía Vizoso, da Marcha Mundial das Mulleres, deu lectura ao Manifesto Unitario, logo pasou-se a micro-aberto, onde varias persoas tomaron a palabra.

Co lema "Nin casas sen xente, nin xente sen casas", transcorreu polas rúa de Ferrol, a manifestación promovida pola Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Ademais de varias entidades veciñais e sociais, a manifestación contou co apoio expreso da CIG. Con forza e convicción, partiu a manifestación clamando por alugueiros sociais e contra a inxustiza dos desafiuzamentos que condenan ás persoas a exclusión social e á pobreza. Desafiuzmentos que tamén matan, "Non é un suicidio, é un banquicidio", era un dos berros da marcha popular. Trece  rostros en papel acompañaban a manifestación, eran os do Alcalde, José Manuel Rey Varela, e o resto d@s concelleir@s do Partido Popular -PP, que no Pleno Municipal de Novembro, rexeitaron as mocións que pedían que: o Concello de Ferrol instara ao Goberno de Rajoy, á derrogación da Lei Hipotecaria e a reforma lexislativa que acabaran coa lacra dos desafiuzamentos e co acoso financeiro; e outra serie de medidas sociais para solucionar o drama dos desafiuzamentos. Daquela, atendendo ás nosas demandas, só aceptara unha bolsa de pisos baleiros de Recimil para familias sen recursos e que antonte, ao mesmo tempo que Stop-Desafiuzamentos facía a súa rolda de prensa, anunciou, no seu desequilibrado "Plan de oportunidades", rehabilitar unhas escasas 10 vivendas, para o que orzamentaron 300.000 euros.

A marcha popular, pasou pola rúa Real e subiu pola Rubalcava, para rematar ante o Pazo Municipal, na Praza do Concello. A cada consigna coreada seguía un redobre de tambor. Xa na Praza comezou-se coa lectura do manifesto que entre outras cousas se dixo-se:
... "Poderiamos falar de cifras. Na Galiza desde 2008 ordenáronse 7.367 execucións, das cais -en datos de Xullo- 5.994 remataron en desafiuzamentos. Máis de 400.000 execucións hipotecarias efectuáronse dende 2007, a nivel de Estado. Poderiamos falar do número de suicidios que esta situación xerou, ou nomear o artigo 47 da Constitución española. Poderiamos... Pero nesta xornada preferimos falar de inxustiza social, dos culpábeis deste sistema asasino e das solucións que nos permitan ter unha vivenda digna"...

... "Inxustiza social, porque levamos anos escoitando a palabra CRISE, palabra que foi empregada como arma culpabilizadora contra as familias que inxustamente somos acusadas de vivir por riba das nosas posibilidades. As familias desafiuzadas non son culpábeis senón vítimas, dun sistema financeiro atroz que prima a acumulación de capital por riba dos dereitos individuais e colectivos de todas e todos nós "...

... "Os culpábeis desta situación non son entes abstractos. Non son primas de risco, nin subidas ou baixadas do Euribor. Os culpábeis son os executeores das políticas neoliberais e os banqueiros que durante décadas só se preocuparon de encher o peto, sen pensar nin un intre no tipo de crecemento económico que estaban a xerar. Esta burbulla inmobiliaria estoupou pero non nos mollou a todos por igual. Mulleres, migrantes, menores, obreiros e obreiras, somos os que estamos a pagar os atropelos dos Aznar, Botíns, BBVs, Zapateros e Rajoys" ...
Por último cedeu-se o micro a todas as persoas que quixeron expresar a súa opinión, análise ou indignación. Reforzar o movimento popular, cun chamado a participar nas asociacións e organizacións da localidade; a narración en primeira persoa da realidade vital dunha vida sen dereito ao traballo nen á vivenda; a necesidade de complementarse e abandonar a dinámica de competitividade entre as organizacións de esquerdas, ou a crítica ante a ausencia de moitos dos traballadores e traballadoras de Navantia, Sanidade ou Ensino que vendo ameazados os seus dereitos, non están a incorporarse na defensa colectiva de todas e todos os afectados por esta situación. Estas foron algunhas das ideas vertidas nesta rolda de intervencións a micrófono aberto que fechou esta mobilización cidadá.

A noticia no Diario de Ferrol.

A noticia en La Voz de Galicia (Non a publica na súa edición dixital).

Fotos de Susete'70.
_____________

venres, decembro 28, 2012

O grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia actitude oscurantista e prepotente do goberno municipal de Ferrol


NOTA INFORMATIVA

Tal e como se relatou sucintamente na nota informativa emitida por este grupo, onte pola noite con carácter urxente, Esquerda Unida explicacou hoxe en roda de prensa no Concello os motivos do seu abandono do pleno de onte  día 27 de decembro.

A primeira explicación posible podería ser a indicación de que realmente non foi , en sentido estricto, un abandono senón unha actitude coerente co voto contrario ao recoñecemento do carácter "urxente" requerido para introducir catro puntos na orde do día ás 22:20 horas, sin medios de comunicación presentes e coa sesión finalizada.

O grupo municipal de Esquerda Unida ven denunciando a actitude oscurantista e prepotente do goberno municipal en todas as áreas e procedementos e considera que concurrindo neste caso algún asunto de especial gravidade a gota colmou o vaso:

Un dos puntos de inclusión por vía urxente é o referido ao proceso de disolución do IMFACOFE e a este respecto queremos puntualizar:

O  IMFACOFE non é unha administración paralela. Iso que coloquialmente se denomina "chiringuitos", aludindo ás entidades (moitas delas de dereito privado) creadas polos sucesivos gobernos da era Fraga, son intrumentos de xestión de cartos públicos creados para sortear o control democrático da xestión. Pola contra e a pesar de que na documentación que sae dos fornos do goberno municipal a concellería de Facenda denomina continuamente "administración paralela" o Instituto Municipal de Facenda e Cobros do Concello de Ferrol é Administración pública e foi a solución que gobernos municipais anteriores (e, en concreto o encabezado por Xaime Bello e sendo María Luisa Sabio concelleira de Facenda) consideraron a solución máis acaída para sair do marasmo no que estaba o concello de Ferrol en materia de recadación.

Cómpre recordar que a  creación do IMFACOFE é producto dun acordo plenario no que se acorda asumir a xestión directa ,por parte da administración pública ,da recadación de tributos até o momento nas mans dun Recadador externo.

Até o día de onte estaba pendentes as contas do antigo recadador correspondentes ao período 1995/2001 motivo polo que no ano 2008, e tendo en conta que isto conlevaba que o Instituto público tiña tamén pendentes de aprobación as súas contas, o Consello de Administración do Instituto e o Concello -Pleno aprobaron unhas normas de rendición de contas de ingresoso con caráter trimestral (pleno de 26 de xuño de 2008). É dicir, a situación era coñecida.

Non é de recibo:
  • Que o goberno municipal siga a día de hoxe sen ofrecer, non xa unha explicación das supostas melloras económicas da supresión do IMFACOFE e aluda a un suposto aforro de 400,000 euros, senon un mínimo esquema da alternativa que, necesariamente, ten que barallar, e que implicaría cando menos o esencial dun plan de xestión integral do sistema tributario municipal: estructura organizativa e xestión públicas, recursos humanos conformados por empregados públicos ao servizo da administración municial, aplicacións e sistemas de información e nova organización correspondentes a unha xestión integral de dereito público, procesos no marco do dereito público, etc.
  • Que propoñan unha disolución do IMFACOFE practicamente con tramite de emerxencia despois de teren adiado todo o protocolo administrativo-político conducente á disolución.
  • Que a documentación referida a puntos, que nin siquera figuraban na orde do día, fora entregada poucas horas antes do pleno e entre estes puntos figuraran cousas como: proposta de anulación de valores por falta de identificación dos suxeitos pasivos por 4,389,374,83 e proposta de aprobación das contas do recadador- axente executivo no período 1995/2001.
O Grupo Municial  non vai a ser cómplice dun tratamento oscurantista e opaco dun asunto desta natureza nin vai colaborar na pretensión do Sr. Alcalde e o seu concelleiro delegado de Facenda de tramitar a disolución dun Instituto público como se fose un chiringuito da era Fraga. O sr. Alcalde foi concelleiro de Facenda no período 2003/2007 xusto no momento no que se tiña que ter tomado as decisións conducentes á corrección das anomalías. Agardamos polas explicacións públicas que  polo de agora non quere dar.

Ferrol, 28 de decembro de 2012

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol


eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
28 de dezembro de 2012 13:10

Adxunto se envía nota informativa da roda de prensa do Grupo Municipal de Esquerda Unida no Concello de Ferrol. Saúdos, Xesús.

____________

Quen se lucra cos refugallos a costa da nosa saúde? - A ecuación dos residuos do PP, outra volta confirmada por estudos científicos: Sogama+Incineración=Cancro

Tags
SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), a entidade semipública que xestiona o 82% dos refugallos urbanos do país mediante a incineración e o vertido é unha das empresas máis contaminantes de Galiza, e tamén unha das máis perigosas para a saúde. Un recente estudo do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, publicado na revista Environmental International, conclúe que a poboación que reside preto das incineradoras ten un maior risco de padecer cancro. Porén, e malia a que este sistema é máis nocivo, caro, contaminante e insolidario que a compostaxe, o PP persiste en defendelo contra toda lóxica. A pregunta é: Quen se lucra cos refugallos a costa da nosa saúde?

NOTA: Por desgraza, esta nova non é unha brincadeira!

As incineradoras, como a situada no “complexo ambiental” de SOGAMA en Cerceda, revélanse segundo os expertos como potentes emisores de substancias carcinóxenas: Dioxinas, arsénico, cromo, benceno, hidrocarburos aromáticos policíclicos, cadmio, chumbo, tetracloroetileno, hexaclorobenceno, niquel e naftaleno, entre outros centos de tóxicos.

Segundo o rexistro estatal de emisións e fontes contaminantes (PRTR) SOGAMA verteu á auga e á atmosfera uns 15 kg de mercurio, 13,7 de arsénico, 5,5 de cadmio, e 21 ,4 de fenois no último periodo declarado. E isto só é a punta do iceberg: Neste rexistro, non se recollen as emisións monóxido de carbono, dióxido de xofre, outros metais pesados alén do mercurio, nen tampouco as dioxinas e furanos, substancias moi tóxicas producidas pola incineración. Na incineradora quéimanse tamén produtos farmacéuticos (máis de 4.000Tm ao ano), prática perigosa para a saúde polas emisións das substancias químicas procedentes dos medicamentos.

Entre os tumores que, segundo o estudo do Instituto Carlos III, poden producirse debido a cercanía das incineradoras atópase o de estómago, o de pulmón, o de pleura, o de ril e o de ovario. Ademais estes cancros poden manifestarse con maior probabilidade nas persoas que viven a menos de cinco kilómetros destes emprazamentos, tal é o caso de numerosos veciños de Cerceda, parroquias de Carral, Ordes…

A ciencia dá outra volta máis argumentos para abandonar a incineración como sistema para o tratamento dos residuos. Ademais de ser unha fraude de lei é un desbaldimento económico, unha hipoteca ambiental e un risco certo para cidadanía, destrúe máis portos de traballo dos que cria. Irónicamente SOGAMA ten como lema “Traballamos, educamos e actuamos por un futuro sostible” É este o futuro que nos prometen?

Dende o movemento ecoloxista levamos décadas reclamando un novo modelo de xestión de residuos para Galiza, un sistema descentralizado baseado na redución, a separación dos residuos orgánicos (que para SOGAMA non son reciclábeis!!), e a compostaxe, para camiñarmos, como o resto de Europa, cara unha sociedade da reciclaxe. Ti tamén podes colaborar a conquerir este obxectivo asinando e recollendo apoios para a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) contra a incineración e a prol da compostaxe. Aínda tes tempo de asinala!

Non fiques parad@ adgardando a seres envelenad@!

Contacta:
Maria R. Lafuente, vogal de residuos de ADEGA (628378804)

Máis información: local nacional (981 570099),  na nosa web: www.adega.info , en Facebook e Twitter.

Iniciativa Lexislativa Popular.

Fonte: ADEGA.

Enviado por:
ADEGA
-adega@adega.info-
28 de dezembro de 2012 11:04

______________

mércores, decembro 26, 2012

O vindeiro xoves 27 de Decembro às 10:30 na Praza de Armas está convocada unha concentración en defensa dos postos de traballo no Diario de Ferrol


O vindeiro xoves 27 de decembro, às 10:30 na Praza de Armas, está convocada unha concentración en defensa dos postos de traballo no Diario de Ferrol.

O persoal do Diario de Ferrol denuncia o “progresivo desmantelamento” que está a sufrir o xornal

No último ano e medio a empresa despediu a catro traballadores/as e ten intención de suprimir a sección de infografía

O cadro de persoal do Diario de Ferrol vén de denunciar o progresivo desmantelamento que está a sufrir este xornal. Neste medio, “o único que leva o nome da cidade polo mundo adiante”, traballaban hai un ano e medio 31 persoas, ademais do director. A día de hoxe, explican os delegados de persoal, quedan 27 traballadores/as e a intención da empresa é suprimir unha sección -infografía- composta actualmente por tres persoas. Destas, unha será despedida e outras dúas trasladadas ao centro da Coruña, co conseguinte prexuízo económico que iso conlevaría para os afectados.

O argumento que sostén esta decisión, errada a xuízo do cadro de persoal, é a necesidade de centralizar, previa redución, o servizo. “Os traballadores/as deste xornal somos conscientes, pois é o noso día a día, da terríbel situación na que se atopan cada vez máis empresas e cada vez máis persoas. Somos, xa que logo, conscientes das dificultades que atravesa a nosa empresa, froito, nomeadamente, da caída dos ingresos por publicidade en todo o sector”, sinalan nun comunicado.

Pero, subliñan, tamén é certo que nos seus trece anos longos de andaina, os resultados  económicos deste xornal foron positivos, en non poucos casos moi positivos, até o pasado 2011. Entón pechouse o exercicio cun pequeno desaxuste. “A empresa esgrime  perdas acumuladas de todo o grupo para propor e impor unha serie de recortes e 'axustes' baseados unicamente no despedimento ou reubicacación de compañeiros, sen sequera contemplar outras medidas menos traumáticas que poderían, co mesmo esforzo que o persoal vén realizando desde hai tantos anos, aliviar esa carga”. Por exemplo, a decisión de centralizar o servizo de Infografía na Coruña non melloraría a situación económica da empresa de ningún xeito; en troques, si mermaría substancialmente os gastos dos compañeiros/as afectados, que terían que facer fronte, do seu propio peto, a este traslado.

Esa mesma decisión levaría ao xornal a perder autonomía e a proximidade que vén caracterizando a relación directa cos anunciantes desde a fundación mesma de Diario de  Ferrol. Na mesma liña, puntualizan que esa decisión tampouco suporía mellorar a difícil situación económica da empresa porque actualmente as novas tecnoloxías e os novos sistemas implantados pola empresa permiten traballar en remoto, non só desde A Coruña, como defende e pretende a empresa, senón tamén, por suposto, desde Ferrol.

Para “atallar este deriva”, os traballadores/as do Diario de Ferrol solicitaron o apoio dos diferentes grupos municipais, pois o xornal “é unha referencia informativa para esta comarca. Ferrolterra está a sufrir un aumento brutal do paro -por riba das 20.000 persoas- que atinxe, por suposto, aos medios de comunicación. O peche da delegación local de Radiotelevisión de Galicia ou de Cadena Dial, ademais de despedimentos noutros medios de comunicación ao longo dos dous últimos anos, ameaza a pluralidade informativa dunha comarca que non se pode permitir o luxo de xerar aínda máis desemprego”, aseveran.

Fonte: Avantar

Enviado por:
Pedro Fernandez
-kensabegz@gmail.com-
25 de dezembro de 2012 23:03

_________

luns, decembro 24, 2012

Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra, convoca unha Manifestación, para o Venres 28 de Decembro


A Comisión Dereito a unha Vivenda Digna - Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra,  que forma parte da Rede de Apoio Mutuo, acordou convocar unha Manifestación, en Ferrol, o Venres 28 de Decembro, ás 7 da Tarde, con saída desde a Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, pasando pola Rúa Real, para rematar diante do Pazo Municipal, na Praza do Concello, onde se lerá un Manifesto Unitario, logo pasara-se a micro-aberto.


Mobilizaremo-nos para
:


Demandar
  • a paralización dos desafiuzamentos
  • o recoñecemento por lei da dación en pago, acompañada da opción do alugueiro social
  • a creación dun parque de vivenda pública para garantir o dereito á vivenda
Denunciar o fraude hipotecario e

Reclamar o dereito a unha vivenda digna.

Esta mobilización, está encadrada dentro dunha convocatoria xeral que de forma coordinada, acordamos as diferentes plataformas e colectivos que actuamos na Galiza.


E a nivel local:
Por un parque público de vivenda municipal, para alugueiro social e para situacións de emerxencia. Censo de vivenda municipal, Xa !

Pola creación dun Punto Comarcal de Atención e Defensa, onde a cidadanía afectada por unha ameaza de desafiuzamento, poda atopar un lugar de información, asesoramento e defensa, financiados polas diferentes administracións públicas e en colaboración co colexio de advogad@s.

Mas tamén facemos nosas as reivindicación da Plataforma de Afectad@s pola Hipoteca que se concretan en
:

a) Parar os desafiuzamentos, tanto das familias hipotecadas como dos avalistas, ata que se atopou unha solución á súa situación. E garantir aos afectados o acceso a xustiza gratuita para poder defenderse nos procesos de ejecución. En calquera caso garantir que ningunha persoa quédese en situación de desamparo habitacional: un Estado democrático respetuoso dos Dereitos Humanos non pode permitir que miles de familias quédense na rúa á vez que millóns de pisos permanecen baleiros á espera de ser un negocio rendible.

b) Regular a dación en pago, de maneira que si o banco executa a hipoteca e quédase a vivenda, a débeda queda liquidada, como sucede noutros países da UE ou en EEUU. É un abuso bancario que estean expulsando á xente das súas casas e encima esíxanlles o pago de 20, 50 ou ata 100 mil euros.

c) Conversión do parque de vivendas hipotecadas de primeira residencia en parque público de aluguer social. Que a administración force ás entidades financeiras a asumir os prezos reais das vivendas facendo que os bancos renuncien a unha porcentaxe significativa da débeda hipotecaria para que, a continuación, a administración compre a vivenda a prezo de vivenda protexida de réxime xeral e o antigo propietario poida permanecer nela como inquilino de vivenda protexida, a condición de que cumpra os requisitos establecidos para ser beneficiario da mesma. Así non só se axudaría ás familias hipotecadas, senón que gañaría toda a sociedade ao aumentar o parque de vivenda pública en aluguer. Unha versión desta medida estase aplicando xa no País Vasco, polo que se trataría de estendelo ao resto de comunidades autónomas.

d) Realización dunha Auditoría social sobre o funcionamento do mercado hipotecario. Existen indicios fundados que nos indican que a cidadanía foi obxecto dunha grande fraude que debe ser investigado para poder establecer as responsabilidades de entidades empresariais, bancarias, así como das institucións públicas. A mesma auditoría debería aclarar onde han ir a parar os beneficios millonarios que se xeraron durante o boom inmobiliario.

e) Establecer os mecanismos, as reformas e as políticas necesarias para que o acceso a unha vivenda adecuada non volva ser xamais un negocio para uns poucos e unha escravitude para as familias traballadoras. No caso do mercado hipotecario, establecer por lei que o pago da cota mensual hipotecaria en ningún caso sexa superior ao 30% dos ingresos da persoa ou unidade familiar, a un prazo máximo de 20 anos.


Blogue:

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:

facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Evento no facebook:

http://www.facebook.com/events/572492036099900/

Baixar Cartaz da convocatoria:

https://docs.google.com/open?id=0B137ZqzfFFqMUDhKZlRHeEdNYmM

Baixar volantina da convocatoria
:

https://docs.google.com/open?id=0B137ZqzfFFqMaXpOR1lqTFpTdUE

______________

De fochanca en fochanca, de burato en burato, por Ferrol, contra o Malgasto do diñeiro público


Un "flashmob" sobre as fochancas da cidade.

O Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, apoiado pola Plataforma contra ou Malgasto do Diñeiro Público, da Asociación Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas e da Asociación Veciñal de Esteiro, organizou unha especie de "flashmob" que contou coa presencia de Bob Esponxa e o Señor Cangrexo. A cada fochanca visitada, das centos que hai repartidas por todos os barrios e parroquias da cidade, se lle deu un uso especial, desde unhas pinturas de Sorolla, pasando por un personaxe dunha das traxedias de Shakespeare,  un mergullador, mariscadoras, espeleólogo, pescador@s, lavar a roupa, lectura de libros, ..., nunha das fochancas até deu para pescar uns lirios, noutra plantar unha árbore do natal e noutra as tartarugas e hipopótamos atoparon un bon lugar para ben vivir. No transcurso do percorrido puidemos observar a cantidade de barreiras arquitectónicas que dificultan o tránsito pola cidade de persoas con diversidade funcional, mesmo un grande burato na beira rúa, en Esteiro, foi unha das escenas elixidas. As fochancas cobraron vida perante case tres horas de percorrido, rematando en Caranza, na que se denominou "O burato de Rey Varela", onde celebramos o seu primeiro aniversario, con tres meses de atraso. Unha queimada puxo punto final ao percorrido reivindicativo.

O obxectivo desta acción foi o de poñer en evidencia o Malgasto do Goberno Municipal do Partido Popular, con José Manuel Rey Varela á cabeza, que van de "Austeridade" e se dedican ao malgasto desmesurado do diñeiro público en proxectos sobre proxectos, nos que xa había proxectos. O máis vergoñento de todos, o da "Praza de España", é unha coladeira de millóns de euros, aos que queren somar outro millón máis en volver a remodelar  e levantar a Praza para facer un caprichoso "Pulmón Park", cando os barrios e mesmo o centro da cidade necesitan con urxencia ese diñeiro.

Cando chegou Rey Varela e o Sr. Evia ao poder municipal, mandaron paralizar o remate da Praza e encargaron un novo proxecto, para o que destinaron 58.000 euros máis -todo suma. Coa agravante de que xa pasaron máis de 18 meses e a Praza segue sen rematar. Foron varias as persoas que sufriron un accidente por este motivo. E os irresponsábeis seguen tan panchos, anunciando que o proxecto inicial que dicían que ía custar 700.000 euros, máis os 58.000 xa citados do novo proxecto, agora hai que sumar-lles outros 216.000 euros de axustes. E o que queda por sumar, non o dubidedes.

En Maio deste ano, os irresponsábeis municipais, anunciaban que unha empresa privada accedería a un novo contrato para o mantemento de rúas e estradas de Ferrol, por catro anos e que estaría dotado con 2,8 millóns de euros. A empresa  adxudicataria dispoñería xa que logo cada ano de 700.000 euros para levar a cabo as reparacións dos viales municipais. Sobre uns 2.000 euros diarios para acabar coas fochancas e buratos, que a día de hoxe é un dos principais problemas das rúas e estradas de Ferrol, xunto ás barreiras arquitectónicas que aínda perduran. Onde vai a execución deste pomposo plano de actuación, onde está o equipo municipal de Rey Varela ?

Os colectivos contra o malgasto do diñeiro público, alertan da necesidade que hai de atender situacións de emerxencia social cada vez máis importantes. Rehabilitar o parque municipal de vivendas ten que ser unha prioridade. Elaborar e executar planos de creación de emprego. E sobre todo non malgastar o diñeiro que fai falta para atender as necesidades máis urxentes, das persoas, barrios e parroquias.

Fotos do Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos

____________________

sábado, decembro 22, 2012

A violencia machista vovel a asasinar a unha muller na nosa Comarca - A Matilde Herrero Barcia arrebataron-lle a vida onte en Ferrol - Concentración Domingo 23 de Decembro na Praza do Concello



Concentración contra a violencia machista, mañá Domingo 23 de Decembro de 2012.

A COORDENADORA COMARCAL DE FERROLTERRA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES CONVOCA:

CONCENTRACIÓN DE REPULSA EN FERROL POLO ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DA NOSA VECIÑA "MATI" -MATILDE HERRERO BARCIA.

A nosa veciña, "Mati", de 42 anos, foi asasinada polo seu excompañeiro, onte en Ferrol Vello.

Que a indignación de toda a sociedade saia á rúa para rexeitar o cruel asasinato de "Mati" e denunciar a violencia machista padecida polas mulleres e exercida contra elas polo feito de selo.

Dise do Feminismo que é a revolución silenciosa do século XX. Mais non podemos dar a razón a quen afirma que esta é unha revolución sen sangue. Neste novo século, como no anterior, esta revolución segue a engrosar a súa listaxe de mártires [+info]

EN NOME DE TODAS AS MULLERES ASASINADAS CANDO PRETENDÍAN RECONQUISTAR A SÚA PROPIA VIDA E POR TODAS ÁS QUE ESTAMOS A SUFRIR VIOLENCIA NON PODEMOS CONSENTIR NINGÚN PASO ATRÁS.

CONCENTRACIÓN
CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
DOMINGO 23 DE DECEMBRO ÁS 8 DA TARDE
NA PRAZA DO CONCELLO DE FERROL
DIANTE DO PAZO MUNICIPAL


Para contactar coa Marcha nesta Comarca:
Marcha Mundial das Mulleres
Coord. Ferrolterra: 696732735
Comunicación: 698159764

http://www.feminismo.info

 "PARA CAMBIAR O MUNDO, ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA" 


Que é a Marcha ?

A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enlaces de interese:

Enviada por:
Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
22 de decembro de 2012 16:55
_______________

O Domingo imos de fochas con Bod E$ponxa - Flashmob, de burato a burato, de Ferrol a Caranza


FLASHMOB" DANDO "USO ÁS FOCHAS DE FERROL


Mañá domingo, 23 de Decembro de 2012, Bob Esponxa e os seus amigos escenificarán e darán USO ás Fochas de Ferrol, estes sairán ás 11:00 h. dende o Cantón (Altura da fonte) e finalizarán no barrio de Caranza, no que terá lugar unha degustación gratuíta dunha boa Queimada.

Con este "FLASHMOB" queremos facer visible o estado de desleixo das nosas rúas, así como impedir o malgasto millonario en obras ridículas por parte do actual goberno do PP.

Como a obra proxectada para a Praza de España, prevista inicialmente nun valor de 700.000 euros, e que antes de ser executada xa nos anuncian que se incrementa en 216.000 euros, para situarse en 916.000 euros. Aos que hai que sumar os 56.000 euros que costou o proxecto.

Coa que está a caer, co padecemento de familias, desafiuzamentos, colas nos comedores sociais, e con máis de 20.000 desempregad@s na bisbarra, e o PP de Ferrol tira polo desaugadoiro un diñeiro imprescindible para paliar estas situacións. Instamos o Goberno do Sr José Manuel Rey Varela, a que recapacite e dea marcha atrás neste proxecto. Queremos que ese diñeiro se destine á contratación de desempregad@s en contratos de media xornada, e en función dá carga familiar ou precariedade que poidan estar a pasar.

Organizan e colaboran “Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos”, “Plataforma contra o Malgasto” e a “Asociación Veciñal de Esteiro” .

Convidase a participar a toda a cidadanía

Fonte: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/2012/12/flashmob-dando-uso-as-fochas-de-ferrol.html
______________

Repugnáncia à Igualdade, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
22.12.2012

Matilde Herrero Barcia, foi finalmente assassinada tras sofrer case umha década de situaçons de violência que denuncias, detençons e ordes de afastamento, nom puiderom evitar. Matilde foi abatida quando saia do trabalho, aguardada coma umha presa polo seu caçador.

Atrás ficaram arrependimentos envoltos em promessas nom cumpridas; atrás ficaram perdons construídos em trampas de fracassos, responsabilidades, compaixom e autoculpa.

O machismo mata. É mesmo tam destrutivo, que  mata também ao machista. Na sociedade de “eres o que possuis”, “tanto tens, tanto vales”, muitas mulheres som simbolicamente, e também fisicamente, convertidas numha propriedade mais. Até tal punto, o machismo construí o pensamento e a acçom de muitos homens, que a sua auto-estima e estabilidade emocional, depende única e exclusivamente da continuidade dessa possessom.

Mal-ensina-se-nos a amar, a enamorar-nos... e somos analfabetas e analfabetos na gestom do desamor. No espelho no que temos que olhar-nos, aparece a historia feliz onde deves comer perdizes. A historia onde todo é para sempre. E seguimos a confundir romanticismo com tenrura, ciumes com amor, controlo com cuidado.

O feminismo sabe desde hai tempo, que este tempo de Natal é de alto risco para as mulheres. Nom só polo número de assassinadas, também porque os valores machistas, associados a crenças religiosas, imponhem o modelo de família tradicional na maneira de viver estas datas. Umhas festas onde a convivência forçada, o trabalho extra, e o rol de facilitadoras que se supom às mulheres, som um caminho de poucos dias, mas de custosa peagem.

Neste tempo, onde as cores grises volvem a tingir a realidade social que puxava por nascer multicolor, nom podemos instalar-nos ante o assassinato de mulheres, com a resignaçom que nasce da ignoráncia ou da análise errada das causas do acontecido. O privado é político. Nada do que ao nosso redor sucede,  é alheo às decisons colectivas ou às decisons impostas. Cumpre sinalar aos culpáveis, cumpre despejar o caminho de obstáculos, cumpre ailhar ao machismo organizado nas instáncias políticas, religiosas e sociais. Essas instáncias que vomitam sobre a vida das pessoas leis Wert ou privatizam a Justiça. Se nos quere vender que a soluçom à pobreza está na caridade, e nom no reparto da riqueza. Do mesmo jeito que  se nos quere vender também que a erradicaçom da violência machista descansa só na vitimizaçom das mulheres que a sofrem, e nom no exercício pleno, na vida de todas as mulheres e nenas, do direito à Igualdade. Esse direito, ao que o poder financeiro, a Igreja católica e o Partido Popular sintem tanta repugnáncia.


[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom

__________

xoves, decembro 20, 2012

Concentración celebrada hoxe na defensa dos dereitos civís e unha saída ao sistema capitalista


Mobilización en Ferrol da Alianza Social Galega, deste Xoves 20 de Decembro. No resto de Galiza tiveron lugar 11 mobilizacións máis en diferentes cidades e vilas.

Enlace relacionado:
Ártabra 21: 20 de Decembro Mobilización Xeral da Alianza Social Galega - Concentración en Ferrol

Fotos de Susete'70.
_____________

O concelleiro Evia, as fochas de Ferrol e as políticas do Malgasto do Goberno Municipal do Partido popular


O pasado martes, 11 de decembro, apróximadamente ás 15:30 horas na Trincheira e xusto antes de virar para a rúa Nova de Caranza, unha vez máis e van ......., un coche tivo un grave percance nunha das enormes fochas que hai.  Veu a Policía Local e levantaron acta do sinistro e procederon a sinalizar con conos e con balados a focha. Esto sucedeu o Martes día 11 de decembro.

Ao día seguinte , o mércores día 12 de decembro, detrás de Facenda e tamén na Trincheira foi colocado outro balado diante doutra enorme focha alí existente e xa provocou moitos percances.

No día de hoxe, xoves día 20 de decembro, a pesar do enorme das fochas, da gravidade da situación e do perigo para os moitos coches que circulan pola Trincheira e dos moitos percances que xa ocorreron a situación segue sen arranxarse e as fochas seguen medrando.

Un exemplo máis da "eficacia, eficiencia e compromiso" que o Concelleiro de Urbanismo e Obras Sr. Guillermo Evia e o seu "asesor" Rodriguez Silvar ,teñen para coa cidade de Ferrol e coas rúas e beirarruas nos últimos 18 meses.

Seguramente o Sr. Evia está preparando unha rolda de prensa e fará unha presentación infográfica, como nos ten acostumados, para que virtualmente os milleiros de fochas que hai na cidade de Ferrol , tanto na zona urbana como na rural, queden arranxadas. Eso sí virtualmente arranxadas.

Cando van a quedar sen gastar case dous millóns de euros do orzamento de 2012, parece que non hai en que gastalos, o Sr Evia prefire ter Ferrol como un campo minado e prefire facer novos proxectos, cada ocorrencia do Sr Evia acaba convertida nun proxecto, co conseguinte malgasto do diñeiro público, onde xa había proxectos. Parque Municipal, Super Mazá, Bambú Club, Rúa do Sol e Praza de España. Na Praza de España, a pesar da oposición da maioría da cidadanía, pretende malgastar 700.000 euros e tela outro ano máis en obras.

Demandamos, unha vez máis, ao Alcalde da cidade, o cese inmediato do responsable de Urbanismo e Obras, que en 18 meses de inactividade ten máis que demostrada a súa ineptitude e a súa escasa dedicación ao traballo público en favor da cidade de Ferrol

Xunta Directiva da AV de Esteiro


Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/




Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
20 de dezembro de 2012 17:19

______________

O malgasto do goberno municipal de Ferrol non ten fin, agora suben a licitación da enesima remodelación da Praza de España até 916.000 Euros


A Xunta de Goberno, do Concello de Ferrol acordou entre outros malgastos, que a Praza de España saia a licitación por 916.000 euros, 200.000 máis do que anunciaran nun principio.

O alcalde, José Manuel Rei Varela, e o concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, manifestaron que na reunión da Xunta de Goberno Local, que tivo lugar hoxe pola mañá, acordou dar-lle para diante ao 'Pulmón Park' da Praza de España, unha remodelación máis que nos vai custar ás veciñas e veciños de Ferrol, un millón de euros que hai que sumalos aos máis de 17 millóns (Declarados) que se levan gastados na famosa Praza, en obras desde hai máis dunha decada. Di o concelleiro Evia que a execución da Praza pode estar lista para finais do 2013.

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Nova xuntanza do tecido asociativo de Ferrol para abordar as accións contra o Malgasto do Goberno dereitista do PP na cidade

Ártabra 21: Presentación dunha Moción contra o 'Malgasto do Goberno Municipal' - Reunión coas asociacións de comerciantes - Hai outras necesidades, xa basta de malgastar máis diñeiro público na Praza de España - Recollida de sinaturas, este Martes 20 de Xuño, para solicitar unha 'Consulta Popular'
______________

A pirámide da cobiza en Corcoesto: un megaproxecto mineiro da transnacional Edgewater apadriñado por Alberto Nuñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia, e o Partido Popular, non podía ser menos


A pirámide da cobiza en Corcoesto

Santiago, 20-12-2012

Cando se trata de megaproxectos, como o de minería de ouro que Edgewater Exploration Ltd quere poñer en marcha en Corcoesto, é moi difícil para a meirande parte da xente facerse tan sequera unha idea aproximada das magnitudes de que se fala.

Pero unha imaxe vale máis que mil palabras, velaquí o que suporá conseguir cada quilo de ouro de Corcoesto.

Nota.- Clicar acima da imaxe para ampliar.

Fonte: www.sghn.org

__________

Apertura do Museo de Historia Natural da SGHN, no barrio ferrolán de Canido

A partires do vindeiro día 26 de decembro o Museo de Historia Natural da SGHN abrirá as súas portas ao público en xeral. A SGHN non vai facer ningún tipo de inauguración oficial das instalacións, posto que estas reúnen unha serie de defectos e obras aínda por realizar que dificultan e as veces imposibilitan a realización do traballo altruísta que aquí se desenvolve. O feito de que a cuberta estea sen rematar; que chova dentro da sala de exposicións e da de audiovisuais; que as persoas con dificultade funcional non poidan acceder á exposición por no estar en funcionamento o elevador (rematado de instalar hai máis de dous anos), impídenos facer unha apertura coma se merece o aquí exposto.

Aínda así consideramos que vai sendo hora, levamos seis anos en obras, de que o pobo de Ferrol, e todo aquel que o desexe, poda acceder a ver os fondos museísticos nos que a SGHN leva traballando dende hai case trinta anos.

Durante as vacacións de Nadal o horario será só polas mañás de 9:30 a 13:30 de luns a venres agás os dias 24 e 31  que estará pechado.

Para contactar coa Delegación ferrolá da Sociedade Galega de Historia Natural:
  • Casa do Coronel. Praza de Canido s/n. 15401 Ferrol.
  • Apartado de Correos nº 356. 15480 Ferrol.
  • Teléfonos: 881 931 315 - 881 931 314 - 698 141 384.
  • ferrol@sghn.org
Enviado por:
MUSEO
-museo@sghn.org-
20 de dezembro de 2012 18:27

_________________

Corcoesto. Un pouco de ouro e moito, moito arsénico - Unha reportaxe da SGHN sobre o proxecto mineiro apadriñado polo deritista Partido Popular e a Xunta de Galicia, presidida por Alberto Nuñez Feijóo



CORCOESTO: un pouco de ouro e MOITO, MOITO ARSÉNICO


Santiago, 17-12-2012

Coincidindo case coa Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Consellería de Medio Ambiente (rapidísima neste caso e lentísima en calquera iniciativa de defensa ambiental) acaba de outorgar á explotación mineira de ouro pola compañía canadiana Edgewater Corporation, SGHN ven de ter acceso a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na bacía do río Anllóns (Costas et al., 2011) que aínda non estaba publicado na data das alegacións presentadas por SGHN ao dito proxecto mineiro.

Mentres que as concentracións habituais de arsénico en:

  • Rochas son de 0,5 a 2,5 mg/kg (Kabata-Pendias e Pendias, 1984) cun promedio na codia terrestre de 1-2 mg/kg (Matschullat, 2000), na área mineira de Corcoesto hai zonas de arsenopirita semimasiva con ata 100 g/kg (Costas et al., 2011), é dicir un 10% de arsénico, valores unhas 50.000 veces superiores aos habituais.
  • En solos non contaminados raramente sobrepasan os 10 mg/kg de arsénico (Krysiak e Karczewska, 2007) en Corcoesto hai zonas con ata 4 g/kg en horizontes superficiais de solos (Devesa-Rey et al., 2008), é dicir unhas concentracións 400 veces máis altas que as normais.
Segundo os datos do artigo científico de Costas e colaboradores (2011):
  • As concentracións de arsénico nas augas do río Anllóns aumentan 2,1 veces ao atravesar a zona de arsenopiritas na parte media da bacía (zona mineira de Corcoesto) ata acadar os 3,96 microgramos/litro achegándose:
  • Ao límite inferior (4,5 microgramos/litro) dos ríos europeos contaminados (Plant et al., 2003)
  • Á metade do máximo admitido para augas potables establecido pola Unión Europea (Directiva 98/83/CE), a Axencia de Medio Ambiente dos EEUU (USEPA, 1975) e a Organización Mundial da Saúde (OMS/WHO, 2001). Ao mesmo tempo as concentracións de arsénico particulado nas augas increméntanse 1,7 veces.
  • O río Anllóns aporta anualmente alomenos 850 kg de arsénico ao estuario, a meirande parte do cal procede da zona de arsenopiritas de Corcoesto. Tendo en conta a superficie das respectivas bacías, a cantidade de arsénico que o Anllóns descarga anualmente no seu estuario (0,83 kg/s/km2) é maior que as de grandes ríos europeos que atravesan zonas moi poboadas e industrializadas (Támesis, Sena, Loira, Garona e Ródano: 0,44–0,64 kg/s/km2).
  • As concentracións de arsénico nos sedimentos do esteiro do Anllóns varían de 15 a 308 mg/kg, e poden clasificarse como contaminados (Hakanson, 1980) xusto despois da antiga área mineira de Corcoesto e ao comezo da zona estuarina. Dita contaminación “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”. De acordo coas directrices de calidade de sedimentos (Long et al., 1995), as concentracións de arsénico en 6 dos 12 puntos analizados no esteiro igualan (1 caso) ou sobrepasan considerablemente (5 casos) o valor de 70 mg/kg a partires do cal sempre se observan efectos e polo tanto poden supoñer un risco ambiental.

Imaxe: Mapa da parte media e inferior da bacía do río Anllóns e o seu esteiro. Indícanse con círculos amarelos os puntos onde Costas e colaboradores (2011) atoparon que a concentración de arsénico en sedimentos comeza a aumentar, xusto augas abaixo da zona mineira, e con círculos vermellos as estación de mostraxe onde se iguala (o de máis á esquerda) ou sobrepasa (restantes) o contido en arsénico para considerarse contaminados.

Aínda que en parte poida ser unha consecuencia natural da existencia de arsenopiritas na zona, alguns datos de Costas et al. (2011) apuntan a que as zonas de sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de ouro que agora se quere reactivar. Ao respecto convén salientar que fronte a minería a pequena escala, a míudo subterránea, practicada no pasado na zona de Corcoesto, o proxecto da compañía canadiana Edgewater Exploration Ltd pretende explotar a ceo aberto unha superficie de 773,6 ha, con posterior trituración das rochas e tratamento das mesmas con cianuro para extraer o ouro e logo con sosa cáustica e ácido clorhídrico para eliminar o cianuro e corrixir o pH. Xa que logo, o proxecto incrementaría enormemente a superficie de terreo exposta á intemperie e, polo tanto, a meteorización das rochas e a solubilización do arsénico que conteñen. Ademais, xeneraríanse anualmente 100.000 toneladas de residuos do procesado de rochas con cianuro/sosa/clorhídrico que, aparte de extraer o ouro, sen dúbida algunha acelerarán moitísimo a solubilización doutros elementos das rochas, entre eles o arsénico.

Por todo o devandito, o proxecto de minería de ouro a ceo aberto da compañía Edgewater Exploration Ltd podería agravar a actual contaminación das augas do río Anllóns e os sedimentos do seu esteiro ata niveis inaceptables para a saúde humana e a conservación do ecosistema, incluidos os Lugares de Interese Comunitario existentes na zona (LIC ES1110015 Río Anllóns) e as súas inmediacións (LIC ES1110005 Costa da Morte; ZEPA ES0000176 Costa da Morte). Á vista do cal SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (ver PDF):

  • Que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto Concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña).
  • Que, no caso de non desbotarse o proxecto, se esixa a elaboración dun novo Estudio de Impacto Ambiental que inclúa unha simulación dos efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos dos peores accidentes posibles:
  • A rotura das dúas balsas mineiras con vertido total ao cauce do río Anllóns da cantidade máxima de residuos que conteñan, incluindo necesariamente o cianuro empregado na extracción do ouro e o arsénico contido nas rochas.
  • O verquido accidental das máximas cantidades de produtos tóxicos e perigosos almacenadas nas instalacións mineiras: 50 toneladas de cianuro, 50 toneladas de sosa cáustica e 30 toneladas de ácido clorhídrico.
  • O verquido accidental de produtos tóxicos e perigosos (cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico) durante o seu transporte ás instalacións mineiras.
  • Dita simulación é imprescindible á vista dos precedentes noutros casos de minería metálica a ceo aberto, por exemplo a rotura da balsa mineira en Aznalcollar: a Junta de Andalucía e a Confederación Hidrográfica do Guadalquivir gastaron 132 millóns de euros de cartos públicos en limpar a contaminación provocada pola empresa sueca Boliden, que pretende non pagar nada ou só o 1% dos danos (máis...)
  • Que, no caso de non desbotarse o proxecto, se esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do punto anterior, na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.

Fotografías: Dúas imaxes do esteiro do río Anllóns.

BIBLIOGRAFÍA CITADA:

Costas M, Prego R, Filgueiras AV, Bendicho C. 2011. Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin. Science of the Total Environment 412-413: 304-314.

Devesa-Rey R, Paradelo R, Díaz-Fierros F, Barral MT. 2008. Fractionation and bioavailability of arsenic in the bed sediments of the Anllóns River (NW Spain). Water, Air & Soil Pollution 195: 189–99.

Directiva 98/83/CE del Consejo, de 3 de noviembre de 1998, relativa a la calidad de las aguas destinadas al consumo humano.

Hakanson L. 1980. An ecological risk index for aquatic pollution control. A sedimentological approach. Water Research 14: 975-1001.

Kabata-Pendias A, Pendias H. 1984. Trace elements in soils and plants. Boca Raton, FL: CRC Press- 315 pp.

Krysiak A, Karczewska A. 2007. Arsenic extractability in the areas of former arsenic mining and smelting, SW Poland. Science of the Total Environment 379: 190–200.

Long ER, Macdonald DD, Smith SL, Calder FD. 1995. Incidence of adverse biological effects within ranges of chemical concentrations in marine and estuarine sediments. Environmental Management 19: 81–97.

Matschullat J. 2000. Arsenic in the geosphere - a review. Science of the Total Environment 249: 297–312.

OMS/WHO. 2001. Guidelines for drinking-water quality: arsenic in drinking water. Fact sheet 210. Geneva: World Health Organization.

USEPA. 1975. Preliminary assessment of suspected carcinogens in drinking water. Report to Congress. EPA number 560475003.

Fonte: http://www.sghn.org/

___________