xoves, maio 28, 2015

Marea Ártabra decide o seu futuro nunha Asamblea Aberta no Ateneo Ferrolán o sabado 6 de Xuño


## COMUNICADO DA MAREA ÁRTABRA ##

Dende Marea Ártabra, queremos agradecer a todas e cada unha das 1.631 veciñas e veciños de Ferrol que co seu voto deron a confianza a un programa cargado de futuro para a nosa cidade e pensado coa finalidade de iniciar unha senda que afonde na democracia e fixe poboación mediante unha economía social e respectuosa co medio.

Tan só doce votos nos afastaron de ter representación no concello.

Ese respaldo da veciñanza, anímanos a dar continuidade ao noso proxecto para iso convocamos unha Asemblea Aberta que se celebrará no Ateneo Ferrolán o vindeiro Sábado 6 de xuño ás 16:30 horas coa seguinte orde do día:
1.- Valoración do traballo realizado ata agora.
2.- Propostas de futuro para Marea Ártabra.
______________________________

Mareaartabra.gal | #MareaArtabra | @mareaartabra | info@mareaartabra.gal | Facebook

A Marea Ártabra é un proceso asembleario para acadar unha maioría social ferrolá, unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais.

Enviado por:
MAREA ÁRTABRA
-mareaartabra@gmail.com-
28 de maio de 2015 11:33

_____________________

Pola Renda Básica e Emprego, todos os xoves concentración às 11:30hs, diante do Edificio Administrativo da Xunta, na Praza Amada Garcia


TODOS OS XOVES ÁS 11:30 DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA EN FERROL


Xoves 28 de Maio volvemos á carga pola RENDA BÁSICA XA!! e EMPREGO PARA TODAS E TODOS, chamamos a participar na concentración de protesta ás 11:30 diante do edificio da Xunta en Ferrol.

Porque temos que ser moitas persoas para presionar e obrigar aos gobernos a atender as demandas que o pasado 5 de Marzo metiamos por rexistro apoiadas por 1.341 firmas. Reclamamos un plan de choque contra o paro, contratándonos como mínimo a 500 persoas das listas do desemprego e unha renda básica para todas as persoas que están no paro e non cobran ningunha prestación.

Antes mañá, repartiremos follas informativas diante da oficina do paro que está na avda de Vigo, de 9:00 a 11:00.

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/407045952831292/



MARCHAS DA DIGNIDADE DE FERROLTERRA


Telefono e correo-e de contacto:

603 213 863
marchasdadignidadeferrolterra
[arroba]gmail.com

Ferrolterra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/
Rede da Columna de Ferrolterra:
https://www.facebook.com/marchasdadignidade.ferrolterra

Galiza:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg


Web estatal:
http://marchasdeladignidad.org/


PAN, TRABALLO E TEITO !!
Á RÚA QUE XA É HORA !!

__________________

martes, maio 26, 2015

Xuízo contra Mercadona en Ferrol, este Xoves 28 de Maio as 10:15 da mañá no xulgado do social numero 1 de Ferrol


Xuízo contra Mercadona en Ferrol


Este Xoves 28 de Maio as 10:15 da maña no xulgado do social numero 1 de Ferrol o compañeiro André Abeledo ten un xuízo contra a empresa Mercadona polo que entendemos un "castigo" económico continuado o non pagarlle a prima por obxectivos, segundo a empresa por non estar suficientemente “COMPROMETIDO” con Mercadona e non facer o seu traballo, nos dende a COG entendemos que este é un castigo por defender durante anos unha liña sindical de defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Mercadona, primeiro como presidente do comité enfrontase a liña sindical do que entón era o seu sindicato en Mercadona, e hoxe como delegado da COG (Central Obreira Galega). O compañeiro André Abeledo ven seguindo unha liña de sindicalismo de clase, e mantendo sempre un “COMPROMISO” claro cas traballadoras e traballadores que non lle impide facer o seu traballo en Mercadona.

Todo o noso apoio para André e o resto de delegadas e delegados da COG en Mercadona que están enfrontando momentos moi difíciles por ser consecuentes e manter a coherencia.


Sección Sindical da COG en MERCADONA

Enviado por:
COG en Mercadona
-cogmercadona@gmail.com-
26 de maio de 2015 11:24

_____________________

Resultados Electorais das Locais 2015, nos concellos de Ferrol e Narón e enlace para acceder aos resultados dos outros concellos das tres comarcas

Clicar acima dos cadros para ampliar

FERROL

NARÓN

Enlace para acceder aos demais concellos das tres comarcas:
http://www.resultadoslocales2015.interior.es/99MU/DMU99000PR_L1.htm
_____________

Importante anotar na axenda: Asemblea Aberta das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, mércores 27 de Maio ás 18:30hs no Ateneo Ferrolán

Importante anotar na axenda!!
Asemblea Aberta das Marchas da Dignidade de Ferrolterra


Este próximo mércores 27 de Maio ás 6:30 da tarde no Ateneo Ferrolán.

Puntos a tratar:
  1. Debate e propostas de todo o que rodea á loita que estamos levando contra o paro, polo emprego para todas e todos e pola renda básica xa.
  2. Organización dun acto en Ferrol, onde os sindicatos alternativos que participan nas marchas fagan a súa presentación en Ferrol con o fin de que exista na comarca un polo sindical alternativo que desbloquee a actual situación de parálise sindical.
  3. Rogos, preguntas e propostas. Neste punto agradécese que enviedes a este correo con antelación as vosas propostas por escrito para reenvialas ao resto de contactos para axilizar o debate na asemblea.
Saúdos e ánimo!!


MARCHAS DA DIGNIDADE DE FERROLTERRA
Telefono e correo-e de contacto:
603 213 863
marchasdadignidadeferrolterra
[arroba]gmail.com

Ferrolterra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/
Rede da Columna de Ferrolterra:
https://www.facebook.com/marchasdadignidade.ferrolterra

Galiza:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg


Web estatal:
http://marchasdeladignidad.org/


PAN, TRABALLO E TEITO !!
Á RÚA QUE XA É HORA !!

Enviado por:
Marchas Dignidade
-marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com-
25 de maio de 2015 22:38

_______________

luns, maio 25, 2015

Concentración: "Paremos o Feminicidio", como en diferentes cidades da Galiza, en Ferrol terá lugar o mércores 27 de maio, ás 19:30hs diante dos Xulgados - Participa !!


CONCENTRACIÓN PAREMOS O FEMINICIDIO 27 MAIO XULGADOS DE FERROL

A COORDENADORA COMARCAL DE FERROLTERRA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

CONVIDA A SUMARSE Á ACCIÓN COLECTIVA DO FEMINISMO GALEGO: PAREMOS O FEMINICIDIO!!!

QUE TERÁ LUGAR SIMULTANEAMENTE NAS CIDADES E VILAS DO PAÍS

CONCENTRACIÓN DIANTE DOS XULGADOS DE FERROL,
MÉRCORES 27 DE MAIO ÁS 19.30 HORAS

As mulleres seguimos a ser asasinadas, e desde diferentes colectivos e accións feministas do país consideramos que non podemos seguir reaccionando só de xeito illado ante cada asasinato. Hai moitas institucións ás que esixir responsabilidades, entre elas, ao SISTEMA XUDICIAL, ao que consideramos cómplice, tal e como se demostrou no último asasinato machista, acontecido no Hospital de Ourense, onde non se asignaron medidas de protección axeitadas a Isabel, hospitalizada por una agresión, e que logo foi rematada polo que fora o seu home.

Esta acción vaise levar a cabo en diferentes vilas do país, como Ourense, A Coruña, Compostela, Vigo ou Ferrol.

Ademais, esta acción inicia una CAMPAÑA, da que iremos dando boa conta, para esixir responsabilidades no caso concreto de Isabel, última muller asasinada na Galiza.

Marcha Mundial das Mulleres de Galiza

"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
25 de maio de 2015 16:21
_________

Renovar para crecer: Colectivo Terra


Renovar para crecer


Hoxe é un día de estreo no Colectivo Terra.

Despois de moito traballo durante os últimos meses, por fin estreamos o novo logotipo, co que lle queremos dar unha imaxe de renovación á asociación.

Baseado na cuberta do xornal "A Nosa Terra", órgano de expresión das Irmandades da Fala, e acompañado dunha simboloxía que conxugase movementos de esquerdas e feministas, será a imaxe que nos defina durante moito tempo.

Contamos tamén co estreo dun novo fondo para as redes sociais (Facebook: Colectivo Terra; Twitter, colectivo_terra).

Substituiremos o antigo blogue pola nova páxina web (www.colectivoterra.gal), a cal será a canle principal de comunicación a través da rede.

Xa por último, estreamos tamén unha segunda campaña de captación de soci@s. Como promoción e para captar a cant@s máis xente mellor, por cada persoa que xa o sexa ou se faga agora e consiga unha nova alta, contará co agasallo unha camisola. Os trípticos poderanse recoller no noso local, no Bar Futbolín e na Biblioteca Municipal.

Compartide e axudade a continuar facendo unha asoción de tod@s e para tod@s!


Blog: http://colectivo-terra.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/colectivo.terrapontedeume
Twitter: https://twitter.com/colectivo_terra
Correo-e: colectivoterra@gmail.com
Local Social do Colectivo Terra
Boa Vista 8 Baixo. Pontedeume. GZ

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
25 de maio de 2015 17:30

_____________

domingo, maio 24, 2015

Resultados electorais da anteriores Eleccións Locais dos anos 2011, 2007, 2003 e 1999 - Ferrol - E enlace para buscar resultados doutras localidades

Eleccións Locais 2011, 2007, 2003 e 1999 - Resultados Electorais de Ferrol
Clicar acima das imaxenes para ampliar.


2011

2007

2003

1999


Para buscar resultados doutras localidades e/ou anos:
http://www.infoelectoral.interior.es/min/busquedaAvanzadaAction.html
________________

Non hai atallos, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
24.05.2015

Estou agradecido de estar hoxe en Gondomar, unha vila na que teño vínculos familiares e de colaboración con algunas iniciativas socioculturais presentes na súa vizosa sociedade civil.

Gústame o nome que escollestes para a vosa candidatura de unidade, Gondomar Concello Aberto, porque evoca a aqueles concellos abertos de orixe medieval que tiñan lugar na Galicia labrega, nos que os habitantes dunha parroquia se reunían a golpe de campá diante da igrexa para tomaren as súas decisións en asamblea.

Estou aquí como membro e candidato da Marea de Vigo, proceso de unidade popular e radicalmente democrático semellante ao voso, para enviarvos o noso apoio fraterno.

Pero quixera tamén compartir con vós algunhas reflexións, e para iso botarei man da caixa de ferramentas conceptual de Antonio Gramsci, un home que, sendo pequeno en estatura, foi un xigante en capacidade intelectual, malia ter a desgraza de pasar boa parte da súa vida nos cárceres de Mussolini.

Os conceptos de Gramsci que quero empregar son os de crise orgánica, revolución pasiva e guerra de trincheiras.

Crise orgánica. Celebramos no medio desta campaña electoral o cuarto aniversario do 15M. Un fenómeno que mostrou con gran claridade que ao estado español do réxime do 78 lle estaban a saltar as costuras, que estaba a vivir a súa crise orgánica, un momento en que o groso da xente perde a confianza nas institucións do estado (pero tamén en mediadores como o bipartidismo quendista) e no que se produce un baleiro de lexitimidade. Como unha consecuencia da crise económica, e malia o seu carácter pouco articulado e mesmo contraditorio nalgúns aspectos, o 15M alertou de que algo non estaba a funcionar ben.

Esta crise orgánica afectou tamén ás organizacións da esquerda. Non é casual que fose despois do 15M cando a esquerda nacionalista, tradición da que eu procedo, tivese a súa escisión. Tampouco é casual o nacemento de AGE, un proxecto que tivo as súas luces e sombras (pero ollo, que ninguén se leve a engano no futuro, non hai procesos perfectos, sempre aparecen friccións e problemas e é bo asumilo e dalo por descontado). AGE foi a Unidade Popular posible e concreta nese momento e neste lugar; e ter sido iso, non é pouca cousa.

Tampouco é casual o nacemento recente das chamadas Mareas, de Compostela Aberta, ou do voso Concello Aberto. Estes procesos seguen a estela dun camiño xa iniciado no pasado e que debería ter continuídade no futuro.

Coa perspectiva que nos dá o tempo, podemos analizar xa con máis tino o 15M. Resumiría en dous o tipo de reaccións que suscitou o 15M no seu momento de auxe: a reacción que eu chamaría ilusionismo, a crenza inxénua de que o cambio xa estaba aí, de que non se necesitaba, practicamente, máis nada que ocupar as prazas para mudar o mundo, e, por outra banda, o que poderiamos chamar a reacción do dogmatismo, a dalgunha esquerda partidaria que viviu coma unha ameaza esa irrupción das masas na escena política e que decidiu repregarse nas súas siglas e certezas.

Hoxe podemos ver xa con claridade que o cambio anunciado nas asembleas do 15M non foi tan grande como se pensaba e tamén podemos percibir con nitidez que o repregamento no patriotismo de siglas non serviu para canalizar todo ese descontento.

O seguinte concepto gramsciano é o de revolución pasiva. Gramsci chamaba revolución pasiva á capacidade da vella orde para rexenerarse, para conseguir que o malestar deveña en Restauración, en reforma feita desde arriba. A aparición do fenómeno Ciudadanos debería facernos tomar consciencia de que a vella orde ten múltiples recursos para sobrevivir. Que mudar esa vella orde non é tan fácil e que non existen os milagres. Do mesmo xeito que na transición o PSOE encarnou no campo partidario a revolución pasiva da oligarquía (coa onda “modernizadora” do PSOE o estado español homologouse como economía capitalista inserida na globalización) hoxe tamén corremos o risco, se non estamos alerta e nos deixamos obnubilar pola euforia e o ilusionismo do que falaba antes, de que as ansias de cambio deveñan nunha revolución pasiva, nun novo fracaso colectivo.

Outro concepto gramsciano: a guerra de trincheiras. O vello Gramsci soubo cedo que a guerra de movemento como a que levou ao poder aos bolxeviques rusos non era viable na Europa occidental. Aínda hoxe temos que aprender disto. O cambio en sociedades complexas, nas que o poder non está ubicado nun único punto, senón que se reparte en diferentes escalas institucionais e penetra en toda a sociedade civil debe producirse mediante unha guerra de trincheiras, mediante o lento e paciente furar. Furar dentro das institucións, pero, tamén, e con igual importancia, fóra das institucións, na sociedade civil. Non hai atallos.

Tendo isto presente, considero que unha folla de ruta necesaria no futuro inmediato debería pasar pola profundización da Unidade Popular e pola Ruptura:

Unidade popular. Somos débiles. Moito máis do que ás veces, en momentos de euforia, queremos crer e, como dixen máis arriba, a orde vella ten múltiples recursos para perpetuarse. A unidade popular, como a xa encetada nestes comicios municipais no noso país e en todo o estado español, debería continuar e profundizarse.

Ruptura. As institucións están capadas. Da lei de réxime local do PP, coa súa voracidade privatizadora, á reforma do artigo 135 da constitución, que afecta a todas as escalas institucionais e que prioriza o pagamento da débeda sobre calquera outra cuestión, pasando polo dogma da austeridade da UE e por tratados coma o TTIP que, por exemplo, contén unha clásula que pretende impedir que o servizo de abastecemento de auga nos concellos poida ser xestionado por unha empresa pública… conforman unha trama legal, froito de todos estes anos de esmagante hexemonía neoliberal, que deixa moi pouca marxe nas institucións para facer políticas transformadoras.

Observemos, para facernos unha idea cabal do contexto no que nos movemos, o que está a suceder en Grecia onde, un goberno dun estado-nación supostamente soberano, é incapaz de levar a cabo o programa polo que saíu elexido en eleccións. Un programa que non é especialmente radical, un programa socialdemócrata bastante razonable que hoxe en día o goberno grego, en permanente ameaza de que a UE lle corte o financiamento, non pode implementar.

A ruptura e transformación deste marco que actúa coma un corsé non é un capricho, é unha necesidade. E quen non contribúa a esta ruptura formará parte da revolución pasiva da que falei máis arriba.

Remato xa e recapitulo.

Agardo que este discurso pouco habitual en tempo electoral non vos deprima ou desanime. Nada máis lonxe das miñas intencións. Pero son dos que pensan que é bo coñecer o tamaño e a forza do inimigo como paso previo para ter alguna capacidade de vencelo.

Igual que no caso do 15M falei de dúas reaccións que non conducen a nada, tamén de cara ao futuro compre evitar o ilusionismo e o dogmatismo. O ilusionismo de quen pense que o cambio é automático. Que basta con gañar unas eleccións para que todo mude. O dogmatismo de quen considere que é o momento do patriotismo de partido, do esencialismo de siglas, da autosuficiencia.

O cambio irase producindo, pero máis lentamente do que pensamos e coa concorrencia de todas as nosas forzas xuntas. Non hai outra. E non estamos como para desperdiciar enerxía ningunha.

Polo tanto: unidade, forza e moito ánimo!

Adiante Gondomar Concello Aberto!

Nota.- Intervención pronunciada o 21 de maio no acto de peche de campaña da candidatura de unidade popular Gondomar Concello Aberto.

O Funambulista Coxo

Publicado o 22 de Maio de 2015 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. Militante de Anova-IN. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma
'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________

sábado, maio 23, 2015

24 de maio Día Internacional das Mulleres pola Paz - Marcha Mundial das Mulleres de Galiza


COMUNICADO DA MMM DE GALIZA NO 24 DE MAIO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ


Aínda que van xa 33 anos dende que se instaurou este día que estamos a reivindicar, seguimos vendo a faciana da violencia dos conflitos armados a diario. Neles as mulleres sufrimos unha dobre violencia, xa que ás agresións que hai implícitas nas guerras, temos que sumarlle a violencia de xénero. Somos usadas como armas de guerra: somos usadas para matar, usadas para ser violadas e así facerlle dano ao inimigo, xa que nos consideran da súa propiedade. Un caso actual desta violencia é o das nosas irmás secuestradas por Boko Haram, onde 214 das 293 mulleres que liberaron están embarazadas. Estas mulleres foron usadas como obxectos sexuais e foron vítimas de todo tipo de agresións e humillacións, mentres a ONU e a Comunidade Europea permanecen impasíbeis ante este terrorismo estando máis preocupados por que esas mulleres e criaturas non cheguen as súas costas, botando man, unha vez máis, de todo o seu potencial militar enviando fragatas para protexelas dos que, máis que coma seres humanos as tratan coma lixo; no canto de buscar solucións reais: deixar de concibir aos países en conflito coma un mercado onde saquear materias primas e colocar stocks e novos deseños da súa próspera industria armamentística que o único que provoca é avivar a lacra belicosa, deseñada e creada de xeito interesado por parte do capitalismo, patriarcal occidental.

Por estas e por máis razóns é polo que non parece que lles afecte o máis mínimo que só no 2014, Boko Haram secuestrara a 2000 nenas e mulleres.

Pero esta violencia non é a única que se xera nas guerras, hai outras moitas agresións que nos tocan maioritariamente a nós, xa que non hai que esquecer, por exemplo, que na fuxida das zonas de conflito, entre o 75% e o 90% da poboación que migra son mulleres e crianzas. Ou que a pobreza xerada por conflitos armados a sofren, na súa maioría, as mulleres.

As mulleres feministas e pacifistas mantemos firme a nosa vontade dun desarme mundial, tanto físico como psicolóxico. Si, queremos tamén a desmilitarización mental da sociedade. Basta xa dese “se queremos a paz, preparémonos para a guerra”. A única loita que aceptamos para conseguir a paz é a resistencia civil activa da poboación contra estes conflitos armados. Animamos e apoiamos que se condenen, que se visibilicen e que se denuncien todo este tipo de violencias.

Por suposto, este cambio pola paz non será posible sen unha feminización que pase por todos os ámbitos, dende o social ata o institucional. Non hai procesos políticos nin sociais de paz se non hai mulleres neles.

Nunca nos cansaremos de reivindicar a paz, de opoñernos á cultura da morte e de berrar contra toda a destrución que estes conflitos deixan tras de si. Queremos construír, queremos vivir. Queremos a paz.

Marcha Mundial das Mulleres de Galiza

"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
22 de maio de 2015 17:30
__________________

Foto: Mulleres de Negro é unha Rede Internacional de mulleres feministas, pacifistas e activistas contra a violencia e a guerra. Nace en Israel co encontro de mulleres israelís e palestinas traballando conxuntamente a prol da paz e como rexeitamento ao conflito bélico que enfronta aos seus pobos. Consolídase como Rede durante a guerra dos Balcáns cando as mulleres dos distintos territorios que conformaban a ex Iugoslavia deciden reunirse proclamándose insubmisas aos seus gobernos e iniciar unha actividade solidaria internacional contra a violencia e a guerra. Na actualidade, Mulleres de Negro teñen presenza en países de: África, Europa, América do Norte, do Sur e Centro-américa, Asia e Oceanía.
_______________________

O goberno do Partido Popular de José Manuel Rey Varela paralizou os Procesos de Participación Cidadá e de Orzamentos Participativos, denuncian membros da antiga Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá

COMPROMISO E DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Membros da antiga Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá (RPC), órgano  cidadá para impulsar o Regulamento de Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos mantivemos un encontro na Galería Sargadelos este pasado xoves (21.05.2015) en convocatoria pública con varios representantes dos Partidos políticos que concorren a estas eleccións municipais 2015.

Os membros desta Comisión de Control P. de P.C. e partidos asistentes constatan que os Procesos de Participación Cidadá e Orzamentos Participativos quedaron Paralizados polo actual alcalde Rey Varela e a concelleira de Participación Cidadá Martina Aneiros, lembrando que hai Propostas Pendentes de execución dos OP,s-2010 (Achegamos relación de propostas aprobadas no seu día).

Representantes do PSdeG–PSOE, Marea Ártabra e BNG-AA  manifestan o seus compromisos de recuperar os procesos de Participación Cidadá e Orzamentos Participativos de forma transversal no resto de areas municipais e de forma vinculante.  Na mesma liña, os representantes de Ferrol en Común manifestan o mesmo compromiso de restablecer a Democracia Participativa e os Orzamentos Participativos.

Estes partidos comprométense  a implantar a Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos na porcentaxe dun 3% á 5% do Presuposto municipal, o que significaría unha cantidade en torno aos 2.000.000 € nun exercicio de investimento participativo e democrático.

Lamentamos a actitude do alcalde -Rey Varela e bancada do PP- co voto en sede Plenaria a favor do actual Regulamento de Participación cidadá. Despois de tomar posesión, prometeu levar a area de Participación Cidadá desde a Alcaldía co ánimo de darlle a relevancia que merece este proceso participativo. A realidade e que o Sr. Alcalde faltou a súa promesa e compromiso, faltando a súa palabra e con seu voto a favor, comete unha mentira política que o descualifica e desacredita nas súas funcións políticas de alcalde.

Facemos responsable ao Sr. Alcalde- Rey Varela do esquecemento do Regulamento de Participación Cidadá e por apropiarse e usurpar a Democracia Participativa, privando a cidadanía do desenvolvemento desta Participación e dos Orzamentos Participativos.

Esperamos o cumprimento e compromiso destas Forzas Políticas para desenvolver o rescate da Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos para este vindeiro 2º Semestre deste ano 2015.

Ferrol, a 21 de maio  de 2015.-

Xose M. Fontao, Magdalena González, Alberto Saavedra, Luis M. Taboada, Chus Rilo e Xosé M. Sanxoán (Membros da Comisión de Control P. do Regulamento Participación Cidadá).

Orzamentos Participativos

Lembramos que un total de 1.258 persoas foron chamadas a votar na Asemblea de Cidade que se celebrou o sábado, 18 de decembro-2010 na Feira Internacional de Mostras (FIMO) e na que os veciños e veciñas de Ferrol puideron elixir aquelas propostas seleccionadas previamente nas asembleas de barrio.

O Goberno comprometeuse entón destinar 1.650.000 € para estes Orzamentos Participativos nos nove barrios participantes no ano 2010.

A Asemblea de Cidade aprobou 25  das 56 propostas que foron presentadas entre infraestruturas, servizos ou iniciativas culturais.

Lembramos de máis as menos votadas, as propostas que saíron adiante e xa que logo acometeranse con cargo aos orzamentos participativos:
  1.  Continuación carril- bici ata o cruce da estrada de Lobadiz, e beirarrúas ata a estrada xeral. 145.000 €.
  2. Mellora de acceso a internet na zona rural. 100.000 €.
  3. Melloras e cambio na pavimentación das pistas do Polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira. 65.000 €.
  4. Arranxar beirarrúas de Vila de Area á Vila da Igrexa e colocación de varandas. 57.000 €.
  5. Colocación de puntos de luz desde paseo marítimo á Vila de Area. 45.000 €.
  6. Acondicionamento cunetas (zona rural). 120.000 €.
  7. Comedor social no barrio de San Pablo. 49.500 €.
  8. Recollida e limpeza de fosas sépticas (San Xurxo-Doniños). 156.000 €.
  9. Alumeado na estrada principal do paseo marítimo de Doniños. 58.860 €.
  10. Recollida e limpeza de fosas sépticas (Covas-Esmelle). 180.880 €.
  11. Axilización de inventariado para recuperación de fontes, lavadoiros e camiños públicos. 7.800 €.
  12. Programas de atención ás persoas maiores. 97.000 €.
  13. Programa de prevención da delincuencia. 30.960 €.
  14. Parque urbano no Campo de Tiro (Catabois). 294.000 €.
  15. Formación de monitores de tempo libre. 5.000 €.
  16. Aparcadoiros nas Praias de Covas. 41.020 €.
  17. Parque biosaudable (San Xoán). 12.000 €.
  18. Realización dunha experiencia piloto de animación sociocultural na zona rural dos OP. 106.000 €.
  19. Construción dun parque biosaudable e infantil no solar anexo ao Local Social de Covas. 16.700 €.
  20. Posta en valor dos montes do concello: recuperación de flora autóctona. 8.000 €.
  21. Fomento do transporte en bicicleta (Ferrol Vello-Canido). 6.000 €.
  22. Plan de ordenación forestal da zona rural. 23.000 €.
  23. Acondicionamento e pasarela peonil na lagoa de Doniños. 13.000 €.
  24. Plan de limpeza de solares de Ferrol Vello. 6.000 €.
  25. Bandas sonoras na R/Celso Emilio Ferreiro e estrada alta do porto. 1.350 €.
www.participacion-ferrol.blogspot.com

Regulamento de Participación Cidadá nos Arquivos Ártabros. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
22 de maio de 2015 23:51
__________________

Socialismo Democrático de Ferrol fai un chamamento a todos os partidos de esquerdas de Ferrol pra rescatar a cidade e a cidadania ante a grave situación de Emerxencia Social, para que cheguen a unha Alianza e a un Pacto Postelectoral sobre un Programa de Mínimos Común

Socialismo Democrático de Ferrol fai un chamamento  a todos os partidos de esquerdas de Ferrol (BNG, Marea Artabra, Comunistas da Galicia, Ferrol en Común e PSdG-PSOE) a que cheguen a un Pacto Postelectoral e a unha Alianza de Esquerdas sobre un Programa de Mínimos Común para rescatar a nosa cidade Ferrol e a cidadanía ferrolán ante a grave situación de Emerxencia Social na que se atopan debido as políticas neoliberais, antisociais e austericidas do Alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela e do goberno municipal do PP de Ferrol. Un goberno que desmantelou salvaxemente os servizos sociais e públicos de Ferrol, un goberno que impide a Participación da Cidadanía nos plenos municipais, un goberno que non defende e que non aposta polo Sector Naval e que impón taxas inxustas a cidadanía ferrolán e que se nega a abrir os comedores escolares nas vacacións.

Socialismo Democrático de Ferrol manifesta que é fundamental a Unidade da Esquerda e un Pacto Postelectoral dos Partidos de Esquerdas de Ferrol sobre un Programa Común de Mínimos para Rescatar Ferrol e a Cidadanía Ferrolán.

Socialismo Democrático de Ferrol Propón o seguinte Programa Común de Mínimos os Partidos Políticos de Esquerdas de Ferrol:
  • Plan de Choque Municipal Urxente Contra o Paro.
  • Plan Municipal de Emprego.
  • Renda Básica para todas as Persoas Desempregadas e que non teñen ningún tipo de prestación social.
  • Defensa dos Servizos Públicos e Sociais de Ferrol así como da Sanidade e Ensino Públicos.
  • Un Plan Municipal de Emprego Xuvenil.
  • Un Plan Municipal Contra a Pobreza Infantil, contra a Pobreza Enerxética, contra a Violencia Machista.
  • Aposta pola Participación Cidadán nos Plenos Municipais abrindo os Plenos as Intervencións dos veciños e das Asociacións Veciñais e Plataformas Cidadáns.
  • Creación da Concellería da Muller.
  • Posta en Marcha dun Plan de Vivenda Municipal así como a Creación dun Parque Público de Vivenda e de Aluguer Social.
  • En Ferrol paralizaranse todos os desafiuzamentos, non haberá ningún desafiuzamento e o goberno municipal de Ferrol retirara as súas contas dos bancos que desafiúzan xente.
  • Defensa do Ateneo Ferrolán como Foro Cultural da Cultura Popular e Reivindicativa Ferrolán, así como unha Maior Inversión Pública dos Presupostos Municipais para manter e soster o Ateneo Ferrolán.
  • Apertura dos Comedores Escolares dos Centros Educativos Públicos de Ferrol en todas as Vacacións.
  • Posta en Marcha dun Plan Municipal de Transporte Público e Defensa do Transporte Público.
  • Plan de Saneamento Integral da Ría.
  • Mais Inversión Pública dos Presupostos Municipais destinados a dotar de mais recursos, de mais medios as Bibliotecas Públicas Municipais, os Centros Cívicos Públicos, as Asociacións Culturais e Veciñais, os Centros Educativos Públicos de Ferrol e a Universidade de Ferrol, así como maior inversión pública municipal dos presupostos municipais para abrir máis escolas infantís públicas municipais, e para incrementar o número de becas comedor, de becas transporte, de becas escolares.
  • Maior Compromiso do Goberno Municipal coa Universidade de Ferrol.
  • Potenciación da Lingua e da Cultura Galega e do Noso Idioma Galego.
  • Posta en Marcha dun Plan Municipal para potenciar o lingua e a cultura galega e para potenciar o fomento da lectura.
  • Posta en Marcha dun Plan Municipal para acabar co desemprego feminino.
  • Compromiso do Goberno Municipal co Sector Naval e cos Estaleiros Públicos de Ferrol e da Comarca.
  • Esixir o Goberno da Xunta de Galicia e o goberno Central un dique flotante e Carga de Traballo Xa para Navantia Ferrol-Fene así como condicións laborais dignas e salarios dignos para os/as traballadores/as das empresas auxiliares, así como que se rexuvenezan as plantillas.
  • Plan Municipal para potenciar o pequeno e o mediano comercio en Ferrol.
  • Plan Municipal para Recuperar FIMO e para que volvan a recuperar o seu emprego os/as traballadores/as de FIMO.
  • Plan Municipal de Transparencia.
  • Aposta Municipal polos Hortas Urbanas, polo Cooperativismo, polo Cooperativismo ecolóxico e polo aforro enerxético.
  • Publicación na Paxina Web Municipal de todos os Contratos Públicos e de todos os soldos e bens do Alcalde e de todos os Concelleiros/as.
  • Código Ético Municipal firmado por todos os partidos políticos de esquerdas para evitar a corrupción política e para botar as persoas corruptas
  • Rehabilitación Integral dos Barrios consultando sempre coas Asociacións Veciñais para ver cales son as súas demandas e as súas necesidades así como recuperación dos presupostos participativos e da participación cidadá e das Asembleas de Barrio.
  • Volver a poñer en Marcha a Casa da Muller, a Casa Solidaria, a Casa da Xuventude, a Oficina de Dependencia e de Inclusión Social e Abrir unha Oficina de Estranxeiría de de Inmigración.
Socialismo Democrático de Ferrol é unha corrente política conformada por militantes de base do PSdeG PSOE.

Web oficial da corriente a nivel estatal:
http://socialismodemocratico.org/

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
17 de maio de 2015 15:50
_______________

mércores, maio 20, 2015

O 24 de maio hai que votar pola Sanidade Pública


O 24 de maio hai que votar pola Sanidade Pública

Desde fai anos estamos vivindo un proceso de recortes, deterioro, desmantelamento e privatización da Sanidade Pública que esta poñendo en serio risco ao Sistema Sanitario Público en Galicia.

A nosa Sanidade Pública atópase nunha situación crítica e en pouco tempo de seguir por este camiño vaise a cuestionar a súa propia supervivencia como servizo público sanitario de calidade.

Para evitalo habería que facer moitas cousas, pero sobre todo adoptar 4 medidas claves:
1.-  Garantir a atención sanitaria a todas as persoas. O que supón incluír á poboación inmigrante non regularizada na atención sanitaria pública, así como aos demais excluídos polo RDL 16/2012 e retirar os copagos establecidos no mesmo. Precísase ademais un financiamento suficiente da Sanidade Pública e unha asignación finalista da mesma para corrixir as desigualdades en atención sanitaria.

2.- Recuperar os recursos do sistema sanitario público, incrementando o persoal ata alcanzar os niveis de 2009, para favorecer unha utilización intensiva dos recursos sanitarios públicos paralizando as derivaciones sistemáticas cara ao sector privado. Hai que aumentar o número de camas hospitalarias e os recursos de Atención Primaria.

3.-  Paralizar o desmantelamento  da sanidade pública e recuperar o privatizado. Acabar coas privatizacións  encubertas (derivacións, unidades de xestión clínica, etc) e facer un Plan para Recuperar o Privatizado de xeito paulatino ao longo de toda a lexislatura. Así mesmo separar nítidamente a Sanidade Pública do sector privado coa  dedicación exclusiva dos profesionais.

4.- Derogar  o RDL 16/2012, a Lei 15/97 e demais leis privatizadoras ,  por en vigor os mecanismos de participación social e profesional, garantir o desenvolvemento da saúde pública, e o controlar o gasto farmacéutico e a sobreutilización das probas tecnolóxicas.
Por iso, é fundamental o resultado das próximas eleccións autonómicas, porque se vai a decidir nelas si culmina o proceso de desmantelamento da Sanidade Pública ou si prodúcese un cambio de rumbo que supoña a recuperación dun sistema sanitario público de calidade e do dereito á atención sanitaria para toda a poboación.

En consecuencia, chamamos aos traballadores da Sanidade e á cidadanía a votar masivamente ás candidaturas comprometidas coa Sanidade Pública, e a botar dos gobernos autonómicos e municipais a quen foron os responsables dos recortes e a privatización sanitaria.

Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública

19 de maio de 2015

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
20 de maio de 2015 13:47

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com

_________________

Aprobada por ampla maioría no Parlamento Europeo unha resolución que insta aos Estados a desbloquear a “Directiva de Maternidade” - Lídia Senra: “O bloqueo da Directiva de Maternidade é un ataque directo á nosa soberanía como mulleres”


Lídia Senra: “O bloqueo da Directiva de Maternidade é un ataque directo á nosa soberanía como mulleres”. | Aprobada por ampla maioría no Parlamento Europeo unha resolución que insta aos Estados a desbloquear a “Directiva de Maternidade”. | O Consello Europeo mantén bloqueada esta Directiva dende o ano 2010 e a Comisión Europea anunciou a súa intención de retirala.


En outubro de 2010 o Parlamento Europeo votou a favor de ampliar o permiso por maternidade do mínimo de 14 ao mínimo de 20 semanas, con dereito a recibir o salario íntegro. É a Directiva 92/85/CEE, máis coñecida como  “Directiva de Maternidade”. 

Sen embargo, os gobernos dos Estados membros, representados no Consello EuropeoXefes/as de Estado, Presidente da Comisión Europea e Presidente do Consello Europeo-, mantéñena bloqueada inda a día de hoxe, case cinco anos despois, polo que a propia Comisión anunciou a finais do 2014  a súa intención de retirala.

Diante desta situación, dende a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo impulsouse unha resolución para instar aos Estados a retomar as negociacións e fixar as súas posicións, documento aprobado na mañá de hoxe polo Pleno do Parlamento Europeo con 419 votos a favor –incluído o de AGEe-, 97 en contra e 161 abstencións.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, amosouse positiva por este paso adiante cara o desbloqueo, xa que “as mulleres conseguimos facer deste obxectivo un obxectivo de todo o Parlamento”, máis quixo chamar a atención sobre o feito de que o bloqueo concreto desta Directiva “é tremendamente significativo porque danos unha proba clarísima do carácter estrutural do machismo nas sociedades actuais, incluída a europea, que tanto se gaba de ser defensora dos dereitos e liberdades”.

Para Senra, “estamos asistindo a como determinados Estados, gobernados por determinados partidos, están a negar á metade da súa poboación, que somos as mulleres, dereitos conqueridos a base de moitos anos de loita”.

Nunha situación de crise social e depauperamento dos dereitos laborais como a que estamos a padecer neste momento na UE, onde “o impacto dos recortes en materia social e laboral está afectando máis duramente ás mulleres”, para a eurodeputada galega a posición do Consello e da Comisión “deixa ben claro que non nos consideran traballadoras en igualdade de dereitos que os homes”.

A día de hoxe, proseguiu, “son milleiros as mulleres galegas que se vén obrigadas a decidir entre ser nais ou traballadoras fóra do fogar, non é isto acaso un síntoma claro do ‘fracaso’ dos nosos gobernos?”.

Nun sistema capitalista, onde a propia supervivencia das persoas está vinculada ao feito de obter unha remuneración periódica e estable, "o bloqueo de directivas como esta é un ataque directo a nosa soberanía como mulleres”, sentenciou a eurodeputada galega.

Estrasburgo, 20 Maio 2015.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
|
Tlf: 609 845 861
|
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
20 de maio de 2015 19:06

_________________

O Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio - Inicio da campaña de micromecenazgo: Apoia ó Ateneo Ferrolán - O vindeiro 22 de Maio, Venres, Teatro Estaleiro representando “Oé, oé, oé”


O Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio


Inicio da campaña de micromecenazgo: APOIA ó Ateneo Ferrolán. Fai unha achega pola cultura por paypal, transferencia bancaria, tarxeta de creto ou #faircoin.
https://achegas.ateneoferrolan.org/
A obra municipal de restauración do edificio sede do Ateneo Ferrolán obrigou á entidade a retirar todo o seu patrimonio (hemeroteca, biblioteca, arquivos e enseres) e trasladalo a unha empresa de mudanzas. A negativa do concello (promotor da obra) a asumir estes gastos levou a que a empresa Mudanzas Félix demandase ao Ateneo e a entidade foi condenada ao pagamento de máis de 39.000 euros.

Diante desta débeda e para evitar o embargo do seu valioso patrimonio, o Ateneo está poñendo en marcha unha campaña de recollida de axudas que poida permitir a recuperación dos bens almacenados en seis contentores desde hai xa cinco anos.

A campaña centralizase na web https://achegas.ateneoferrolan.org/, a través da cal o Ateneo solicita a axuda das persoas preocupadas pola situación económica da entidade, quen poden colaborar a través desta web facendo contribucións con tarxeta de crédito ou transferencia bancaria, e incluso mediante a moeda virtual “faircoin”. O Ateneo recolle doazóns tamén na secretaría da entidade na súa propia sede.

Por outra banda, a solidariedade da xente de Ferrol está expresándose de moi diversos xeitos: o Teatro Estaleiro da Sociedade Grupo Bazán vai celebrar unha función benéfica no Ateneo Ferrolán o vindeiro 22 de maio ás 20:30 horas, representando “Oé, oé, oé.

Diversas sociedades culturais da cidade presentaron unha solicitude para poder utilizar o Auditorio de Ferrol o día 15 ou o día 16 de maio para unha gala solidaria co Ateneo sen que a súa petición fora contestada polo Concello, malia que o Auditorio non rexistrou ningunha actividade nestas datas.

Os actos de solidariedade co Ateneo continuarán o vindeiro de 27 de xuño coa celebración dunha xornada de festa, cultura e solidariedade no Seixo, para a que se conta coa colaboración da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega. A directiva do Ateneo Ferrolán fai un chamamento a toda a cidadanía a participar nesta xornada de festa, así como a todas as xentes da cultura que queiran colaborar na iniciativa. 

Dende o Ateneo Ferrolán queremos agradecer profundamente a solidariedade da xente e dos colectivos coa nosa entidade, representativa da sensibilidade para coa cultura que sempre caracterizou á nosa sociedade. Pola nosa parte, continuaremos traballando para que a actividade cultural do Ateneo Ferrolán poida axudar modestamente á prosperidade desta bisbarra e das súas mulleres e homes.

--
Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970 |
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | FERROL (A Coruña)

O Ateneo Ferrolán nas redes sociais:

BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/

Tamén no Facebook: http://www.facebook.com/pages/Ateneo-Ferrolan/134569549934117

Séguenos en Twitter: @ateneoferrolan

Apoia e difunde a Campaña de Apoio e Defensa do Ateneo Ferrolán Patrimonio da Cidade: Blogger e Facebook.

Faite soci@! Colabora con nos!
Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar-Cajarural Cooperativa.
Titular Ateneo Ferrolán.

ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
20 de maio de 2015 13:02

___________________

luns, maio 18, 2015

Convocada unha nova mobilización ante a presencia, este ultimo fin de semana, do LNG 'Iberica Knutsen' na Ría, cargado con gas para a ilegal e perigosa Reganosa - Concentración Sonora na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, este Lúns 18 de Maio, ás 8 da Tarde

Tags
CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 LUNS 18 DE MAIO, ÁS 8 DA TARDE (NOVO HORARIO)
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA
NA PRAZA AMADA GARCIA

O "LNG Iberica Knutsen", de bandeira de Noruega, estivo este fin de semana dentro da Ría de Ferrol descargando gas en Reganosa. Un buque gaseiro, de 277 metros de eslora, 43,44 de manga e un calado de 11,4m, que pode cargar sobre uns 138.000 de m³ de gas natural licuado (LNG / GLN). O "LNG Iberica Knutsen" entrou pola bocana da Ría e cruzou o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso canle de máis de 4.000 metros (con miles de toneladas de GNL abordo), até chegar ao pantalán de descarga do peirao de punta Promontorio, situado no termo municipal de Mugardos, onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza sempre que entra na Ría un buque destas características cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos (Punta Promontorio). Este buque fixo o gaseiro número 194 que descarga en Reganosa, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, este Luns ás 8 da Tarde (Novo Horario), en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


Fixeron tres anos desde que o 11 de Maio de 2012 se ditou a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, temos que esixir o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:

Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
15 de maio de 2015 13:55
_______________

venres, maio 15, 2015

Presentación en Ferrol dunha publicación conmemorativa "20 anos de Razón Socialista", de Fuco Buxán, este venres 15 de maio, ás 19:30hs na Galería Sargadelos


Publicación conmemorativa "20 anos de Razón Socialista"

A Asociación Cultural Fuco Buxán presentará esté venres 15 de maio, ás 19:30 horas, o número conmemorativo dos 20 anos da súa publicación Razón Socialista, dentro da exposición que xa hai en curso e aberta ao público.

A revista número 38 será presentada, polo tanto, na Galería Sargadelos de Ferrol. Participarán a nova presidenta da asociación:

Mª Teresa Martínez, o novo director de Razón Socialista Manuel Cendán, así como o subdirector actual José Torregrosa e o seu editor Manuel F. López.

A imaxe de acima é a portada do novo número da revista Razón Socialista: "20 anos pola rexeneración da esquerda".

Prégase asistencia e difusión da convocatoria.

A Xunta Directiva da A.C. Fuco Buxán​
--
Correo-e: fucobuxan@yahoo.es | Web: http://www.fucobuxan.net | Blogues: Escolma das Razóns http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/ | Pensamento Crítico http://opinionsfuco.blogspot.com.es/ | Facebook:
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749 | Twitter: http://twitter.com/FucoBuxan | Google+: https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts | Telefono: 981325492 | Local Social: Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol | Apartado Correos: 240 C.P. 15400 Ferrol.

Foto de Jorge Meis publicada no 'Diario de Ferrol' | 13.02.2015 | http://www.jorgemeis.com/.

Enviado por:

A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
13 de maio de 2015 00:48
_______________________

Campistas que veñen utilizando o Camping Municipal de Valdoviño, veciñas e veciños dos concellos da contorna, entre outras accións de protesta, organizan unha petición en change.org que convidan a apoiar


Non deixen ás familias sen o camping que levan gozando 25 anos en Valdoviño. | Non ao peche do camping municipal "A Lagoa".

@s campistas que levamos mais de 25 anos acampando no Cámping Municipal de Valdoviño, pedímoslle a o Señor Alcalde que non o peche, é o único xeito dentro das nosas posibilidades de poder ofrecerlle aos nosos nenos e nenas un verán e vacacións dignas.

Tamén sabemos que é unha parte turística importante, xa que nesta época enchese de turistas e campistas que se aproveita das súas praias e servizos, aportando riqueza para o pobo.

Os invernos na Galiza son moi longos e as nosas crianzas teñen que sufrilos pechados nun piso, a única tempada de sol, Praia, diversión, aire libre e saúde é o verán e para iso o cámping e fundamental.

Qué pensa facer o alcalde co terreo do camping municipal?

Por qué quere pecha-lo si a xente de Valdoviño non esta de acordó?

Petición en cange.org Dirixida ao Alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo. | Acceder/Baixar.

Localizado o camping na web de turgalicia. | Ir a web.

Web do concello de Valdoviño:
http://www.concellodevaldovino.com/


Enviado por:
pili pilinha
-pilicex@gmail.com-
12 de maio de 2015 16:12
________________

Sós ante a soidade, ... Por Xaquín Campo Freire

Por Xaquín Campo Freire [*]
15.05.2015


Hai unha soidade que buscamos e necesitamos para realizármonos na propia persoa en harmonía e con autonomía. Para a reflexión e o estudo. Para facérmonos adultos e crecermos. Ata para atopármonos co transcendente. Pero hoxe non vou referirme a esa.

Hai outra soidade, a do home e muller solitarios, a do neno e do ancián, que van pola vida sen atoparen amizade, nin pan, nin abrigo. A soidade afectiva do que sabe que a súa vida non lle importa a ninguén. Ninguén estaría disposto a arriscar o máis mínimo por media hora de escoita activa e moito menos mostrarlle un mínimo de consideración positiva. A súa persoa está nese terzo da desfeita e do lixo do que falou a señora M. Thatcher.

Canto antes desaparezan, menos consumo, menos gasto inútil e menos sufrimento para eses desgraciados que viñeron á vida por un fallo do sistema. Non deberían ter vido. Sobran. Son un excedente. Esa é a teoría que reina e impera. Sobran das rúas de Madrid, dixo dona Esperanza Aguirre porque molestan aos turistas. E é verdade. A pobreza molesta aos ollos da cara e do corazón e dan “mala imaxe”.  Que morran! Iso xa é cousa deles. Que non nacesen.

Hai unha gran soidade en quen perde un ser querido, por morte ou desafecto. Cando se che vai un amigo ou amiga, morre moito aló na alma. Hai unha grande perda. E as feridas da alma son profundas a máis non poder e doen. Como doen!

Nunca sufriches a perda dun amigo ou amiga deses cos que perece que ao írense a vida perdeu o sentido por desapareceren da túa esfera afectiva? Despois de térmonos querido tanto! A pobreza de agarimo ou amor que se sente logo arrinca bágoas amargas e as pegadas emocionais son profundas. Andas vagando sen saber cal sexa a utilidade do teu propio futuro. Total, para que vivir.

Resituármonos de novo e con sentido na vida pódenos levar anos se non se fai unha terapia adecuada. Apréndese duramente o que é sufrir. Ata nos pode volver duros, a tal punto de caermos na tentación de alegrármonos de que aos outros lles pase algo parecido. Para que saiban o que é sufrir! Sóache?

As separacións de parella deixan unha frustración inmensa sobre todo na parte, chamémoslle, “inocente”. E nos nenos. Para superar a crise recórrese moitas veces a solucións desesperadas que só agravan a situación, non remedian nada e todo o complican. Emparellar de novo sen estar curado no dá bo aquel.

E está a soidade do adolescente nos seus amores primeiros ou na sensación subxectiva da incomprensión universal cara a el ou ela. Os entendidos din que é a idade do maior sufrimento por soidade, polo convencemento de que todos están contra el ou ela e ademais sen saber por que. Falan dos intentos frecuentes de desapareceren.

A soidade dos sen teito, dos que viven na rúa, dos abusados e desprezados, dos enfermos mentais, dos que chegan do mundo da fame ou de culturas distintas, Etc. A inmensa soidade das mulleres maltratadas!

E está a soidade das persoas presas, secuestradas e a súa contornas familiares. E están o sen fin de situacións de todas as miserias e pobrezas.

Cales son as máis rechamantes no medio no que vives e vivimos? Temos un mapa axeitado e estudado das soidades das nosas contornas e como tratalas?

E ante isto, que temos de facermos?

Talvez sería bo empezar por analizar en profundidade a propia soidade, ver se temos as feridas curadas e as estamos a tratar adecuadamente para facer de min unha persoa equilibrada e xa que logo sanante e sandadora. A “parábola do sandador ferido”, de H. Nouwen.

Hai unha gran capacidade de saúde e amor dentro de cada un de nós. Voluntarios fronte á soidade e ás soidades para acompañar e sementar sanación.

Para iso non fai falta nin estar apuntados en ningunha organización. Precísase cobrar conciencia da miña propia riqueza de amor e ir repartindo, “con sentidiño”, anacos de amor, comprensión, diálogo e acompañamento.

Advírtoche, amigo, amiga, que logo cando os ves marchar, xa mellorados, sófrese, porque un tamén ten o seu corazonciño. Pensemos nos nenos do Sáhara que veñen á Galiza. Quéreselles e deséxaselles libres. E mesmo se ten medo de que fracasen de novo. As despedidas son saudábeis. Porén son dolorosas. E é un sinal de adultez non retelas nin demoralas. Pero cando se lles quere, logo bótaselles de menos e convén sabelo para sermos normais.

Tamén están as formas xa organizadas e con persoal preparado en habilidades e técnicas de acompañamento e axuda especializadas.

Se te sentes con forza e estás ben disposto a deixarte construír a ti mesmo para a axuda ao outro, non malgastes o caudal de amor que a vida che deu. Vaiamos a unha rexeneración do mundo por un amor coherente, sen enganos. E se xa sufriches desamor e estás curado, a túa experiencia vale un mundo.

XAQUÍN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, NARÓN, 14.05.2015.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
14 de maio de 2015 21:56

_________________