xoves, marzo 08, 2018

O semanario Sermos Galiza publica en aberto un especial con motivo do 'Día Internacional da Loita Feminista', nun contexto de Folga Internacional de Mulleres - Caderno 'A Fondo' especial 8M


O Sermos Galiza 287 chega esta quinta feira aos quiosques cun A FONDO especial, de 16 páxinas, sobre o Día Internacional da Muller Traballadora. Faino coincidindo co histórico paro de mulleres que terá lugar mañá, 8 de marzo. O caderno xa está dispoñíbel para a súa descarga nesta ligazón.

Aínda que o semanario mantén unha inquebrantábel defensa coa perspectiva de xénero en cada un dos seus números, con motivo do 8 de marzo incorpora un caderno que aborda o Día da Muller desde diferentes olladas.

Marga Corral, secretaria das mulleres da CIG, expón na peza “8 de marzo, mulleres en folga”, a importancia da greve e o traballo que levou o sindicato nacionalista aos centros de traballo para divulgar as razóns do paro.

Lola Ferreiro, doutora en Medicina e profesora no IES Lamas de Abade de Santiago, pon de manifesto os logros e avances acadados polo feminismo para as mulleres no artigo “Feminismo imprescindíbel”, mentres que Iria Figueroa, secretaria de Organización de Erguer, recolle as reivindicacións das estudantes con motivo da greve no ensino.

En “Eu por elas, nai, elas por min”, Luz Darriba, artista disciplinar e colaboradora no semanario Sermos Galiza e no dixital sermosgaliza.gal, aborda a cuarta onda do feminismo e explica a greve como un convite para demostrarlle ao mundo que non pode funcionar sen mulleres.

Carme Adán, catedrática de Filosofía e profesora no IES Politécnico de Vigo, mergúllase na igualdade no ensino e na xerarquía que se reproduce na meirande parte dos centros de ensino do país, en que as mulleres fican lonxe dos postos de dirección.

En “Figuras inspiradoras”, a doutora en Filosofía e profesora no IES Urbano Lugrís da Coruña, África López Souto, lévanos a coñecer e recoñecer a relevancia de nomes femininos que ficaron invisibilizados na historia da Galiza.

O especial remata cunha información da xornalista Flavia Carou en relación á multitudinaria manifestación decorrida o 4 de marzo en Vigo.


[Podes descargar nesta ligazón o caderno A FONDO especial do 8M de balde]

Fonte: M. Obelleiro | 7 Marzo 2018 19:46 h. | Sermos Galiza. | http://www.sermosgaliza.gal/
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon