Amosando publicacións coa etiqueta A Vellez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Vellez. Amosar todas as publicacións

luns, maio 21, 2018

As persoas maiores, tamén nos preocupan - Propostas, demandas e argumentos, para unha política que teña en conta ás persoas maiores - LiGanDo


Hai demandas sociais que por moi pouco que se pense son xustas e moi necesarias, mais as demandas que onte publicou a nova organización política galega LiGanDo,[1] na súa Web e que difunde polas redes sociais, son dun calado social moi profundo. Pois vivimos nunha sociedade de maiores. Nas nosas comarcas (Ferrolterra, Eume e Ortegal) hai concellos cuxo índice de envellecemento é moi elevado, mais Ferrol aínda que sexa unha cidade, por mor da súa acelerada despoboación, provocada pola alta emigración da súa mocidade e o elevado índice de mortaldade, en relación co baixo de nacementos, conta cun índice de envellecemento que a converte na cidade mais avellentada da Galiza. Sendo o seu índice de envellecemento, no ano 2017, segundo datos do IGE, dun 183,26%, é dicir por cada 100 persoas menores de 20 anos hai 184 maiores de 65. [2] Tendo en conta que o índice medio da Galiza é de 154,8%, nengunha cidade, agás Ferrol, supera esta media (A Coruña o 146,1%, Compostela o 124,1%, Pontevedra o 101,3%, Vigo o 122,5%, Ourense o 146,3% e Lugo o 116,6%). O número de persoas que viven solas nas súas casa é moi elevado e todos os anos son demasiadas a novas de mortes de persoas en total soidade. Todos estes datos debería de preocupar-nos e facer nosas as demandas que se propoñen.

Estas son as demandas que propoñen:

1.- Elaborar un Censo Municipal de persoas Maiores que viven soas na súa vivenda, con escasos recursos económicos.

Diagnosticar as necesidades asistenciais e determinar o nivel de alerta de cada persoa e poder aplicar, así, as políticas sociais pertinentes mediante un protocolo para as persoas maiores.

2.- Reforzar a política de vivendas sociais de xestión municipal. Así como pór en marcha Vivendas Colaborativas Municipais seguindo o modelo co-housing ou co-vivenda, adaptándoo ás nosas posibilidades.

As vivendas colectivas públicas, cunha renda accesíbel a cada nivel de ingresos son un modelo preventivo de moitas problemáticas sociais. Desde o potenciamento da axuda mutua e o encontro interxeracional ate un xeito de combater a soidade e a depresión.

3.- Aumentar os investimentos na Axuda a domicilio para Maiores non só para garantir unha vida digna, senón tamén para fixar emprego local en traballo socialmente necesario, como é o traballo nos Coidados.

4.- Seguir creando comedores sociais distribuídos por todos os barrios, abertos non só a sénior senón a veciños con baixo nivel de rendas ou carente delas. Pois os comedores sociais son un importantes centros de integración comunitaria e de fomento de hábitos saudábeis.

5.- Crear albergues para persoas sen recursos.

6.- Volver a dotar á cidade de cabinas telefónicas e urinarios públicos en puntos estratéxicos que satisfagan as necesidades dos maiores e do resto da poboación.

7.- Mellorar o servizo de transporte público no que ten a prezo, frecuencia e calidade, para que, cando menos, hospitais, centros de saúde e oferta cultural así como mercados locais queden suficientemente comunicados.

Os seus argumentos:

Malia que a nosa formulación fuxe das políticas centradas na guetización da sociedade, a situación dos Maiores en Ferrol reclama dunha planificación específica sen obviar a necesaria política interxeracional.

Ao avellentamento poboacional temos que lle engadir as altas taxas de emigración xuvenil e a pexar de termos as galegas unha das rendas máis baixas dentro do Estado español.

As consecuencias sociais do devandito, neste colectivo, non deben ser esquecidas da administración local. Malia que as políticas sociais deben exercerse transversalmente, a situación dos Maiores require unha actuación local específica.

Hai moitos Maiores que viven sós, mais non se sabe até que punto isto sucede por non existir un censo municipal.

Por iso é imprescindíbel diagnosticar as necesidades asistenciais e determinar o nivel de alerta de cada persoa para poder aplicar así, as políticas sociais pertinentes mediante un protocolo para as persoas maiores.

Existen experiencias bastante satisfactorias de centros ou pisos onde se dá a axuda mutua entre persoas maiores xa que así é máis doado levar os problemas propios da idade avanzada.

As vivendas colaborativas e unha aposta forte polos alugueiros sociais xunto cunha rede asistencial municipal de coidados e acompañamento, amais de seguir dotando todos os barrios de comedores sociais contribuiría a aumentar substancialmente a calidade de vida dos maiores.

Por outra banda, as persoas maiores teñen preguiza e/ou medo á hora de conducir. A falta de transporte público axeitado, obrígaos a tirar de familiares ou amizades para se poder desprazar aos centros de saúde ou a actividades sociais ou de lecer.

Un bo servizo municipal de transporte público será fundamental dentro dun plan de mobilidade urbana máis cobizoso, onde a peonalización, as zonas verdes e de lecer e a dotación en mobiliario urbano permitan gozar dunha cidade máis humana.

---
[1] LiGanDo, organización política galega eco-feminista e decrecentista. | Ir á Web.
[2] Índice de envellecemento: Relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos expresada en %, é dicir, o número de persoas de 65 ou máis anos por cada 100 menores de 20 anos.

___________