Amosando publicacións coa etiqueta ODS-Coia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ODS-Coia. Amosar todas as publicacións

sábado, xaneiro 15, 2022

U-los cartos das axudas sociais que non se gastaron? - Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema


Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema. Mellor dito, a ausencia deles é a nosa enleada. Por iso alporiza escoitar o barullo constante de gobernantes que con diferentes gravatas contan trolas semellantes en cuestión de políticas sociais.

Nalgún intre saberemos onde mete a Xunta os millóns de euros que está a aforrar en RISGA desde a saída do Ingreso Mínimo Vital, mais hoxe preguntámonos onde van os cartos que o concello de Vigo deixa sen gastar en axudas sociais.

Hoxe recibimos un email do departamento de Política de Benestar Social do concello de Vigo coas bases reguladoras do programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2022. Segundo recolle o documento a finalidade desta axudas é “a de apoiar a aquelas persoas e familias que carecen de recursos económicos suficientes para afrontar unha determinada situación de emerxencia social relacionada coa súa vivenda, coa alimentación básica das persoas integrantes da unidade familiar/de convivencia e outras situacións debidamente acreditadas de necesidade que, de non ser atendidas, poderían derivar en marxinalidade ou exclusión social”. Con esta partida os servizos sociais municipais, por medio das Unidades de Traballo Social (UTS), do concello apoian a persoas/familias con euros para vivenda, alimentos, facturas...

O 17 de decembro de 2020 o alcalde da cidade anunciaba en rolda de prensa a aprobación das axudas de emerxencia, tal e como podemos ler na web do concello1 as axudas “non teñen límite orzamentario e xa parten de inicio dunha cantidade de 1.125.000 €, 200.000 euros máis que o ano pasado”. Retomando a lectura do documento recibido hoxe atopamos que “concedéronse con cargo a este Programa axudas por un importe total de 802.003,19 € (datos a 02/12/2021)”.

Entón, preguntamos: u-los máis de 300.000€ que ficaron sen gastar? Por que non se chegou nin a contía inicial?

Hai un par de semanas volvemos a escoitar o mesmo conto: “O Concello incrementa as contías das axudas de emerxencia, que non terán límite orzamentario” [2]. Incrementan en 50.000€ o importe inicial para 2022 e Caballero volve a sinalar que non haberá límite orzamentario.

Gustaríanos saber onde está o truco. Onde están estes cartos e/ou en que se van empregar? Tampouco temos aclaracións -igual nolas deron, mais xa sabedes que as empobrecidas non somos moi espabiladas así nos vai- de onde foron os cartos do coñecido como “cheque social” tal e como preguntabamos hai uns meses en: “As 'fake news' de Caballero sobre os orzamentos en Políticas Sociais” [3].

Coñecemos que o orzamento da cidade para 2022 vai ascender a 285,5 millóns de euros, dos cales 56 millóns son para “partidas de Bienestar y Servicios Sociales”. Repetimos -algúns din que facemos demagoxia- que a maior parte deses cartos van aos petos de empresas trasnacionais e fondos de investimento que fan negocio coas nosas necesidades. Así chamamos a que servizos municipais como “Axuda no fogar” ou o “Programa de Intervención Familiar” os xestionen -legalmente- unha empresa do grupo DomusVi e Clece. Non é teima só nosa, a plataforma SAF Galiza, na que se organizan traballadoras da axuda no fogar, veñen denunciando nas rúas as consecuencias de deixar en mans do mercado necesidades básicas.

Se queren falar do complexo que é dar respostas aos problemas sociais desde unha administración, falamos. Somos conscientes dos atrancos de malvivirmos neste sistema, por iso enchennos de carraxe as súas loiadas e máis cando levamos toda a vida estirando os escasos cartos que entran. Urxe crear xa alternativas, en lóxica de dereitos, fóra ou nas marxes do mercado para dar respostas a necesidades básicas.

Coia, xaneiro 2022
ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2022 10:00

_______

martes, decembro 14, 2021

X Semana de Loita contra as Fronteiras: Políticas racistas no Estado Español - Nos actos que terán lugar en Vigo e Compostela o 15 e 16 de decembro, debullaranse o impacto destas políticas así como as estratexias de resistencia persoal e colectiva fronte a esas violencias


X Semana de Loita contra as Fronteiras

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
X SEMANA DE LOITA CONTRA AS FRONTEIRAS: POLÍTICAS RACISTAS NO ESTADO ESPAÑOL

 
Un ano mais, as colectivas e individualidades que conformamos o Foro Galego da Inmigración queremos visibilizar as violencias que entraña o sistema de fronteiras e as políticas migratorias para as vidas e corpos das persoas migrantes, e moi especialmente para as mulleres racializadas.

Nos actos que terán lugar en Vigo e Compostela o 15 e 16 de decembro, debullaranse o impacto destas políticas así como as estratexias de resistencia persoal e colectiva fronte a esas violencias.

Mércores 15 decembro // VIGO

17h00 - Obradoiro sobre Decolonialidade e Antirracismo. Para persoas racializadas e/ou migrantes. Café UF! Aforo limitado.

19h30 - Palestra Políticas racistas no Estado español. Impacto sobre as mulleres e disidencias migrantes. Café UF! Aforo limitado.

Xoves 16 de decembro // COMPOSTELA

19h00 - Acto Público na Praza do Toural.

19h45 - Faladoiro na Casa Xohana Torres. Políticas racistas no Estado español. Impacto sobre as mulleres e disidencias migrantes. Inscricións: https://deloga.typeform.com/XohanaTorres

Non pasou nen un mes desde o 25N, desta volta co foco nas diferentes manifestacións das violencias machistas. Con todo, volvemos a ver como unha vez mais as violencias específicas que viven as mulleres migrantes e/ou racializadas quedaron invisibilizadas.

Así que despois de adicar este curso a denunciar os cambios no sistema de asilo e protección internacional, queremos situar esa e outras realidades no marco que corresponde. Non se tratan de cuestións técnicas, senón que responde á mesma lóxica restritiva e racista que subxace ao conxunto das políticas migratorias españolas e europeas. Unhas políticas que afectan de forma moi directa a mulleres e disidencias sexo xenéricas.

Para iso contaremos con dúas convidadas especiais:

Julia Castillo Condori / Warmi Kusisita (Bolivia/Barcelona): Muller aymara, feminista comunitaria anticolonial, educadora popular, narradora, escritora e arterapeuta.

Sara Guerrero (México/Mondariz), Lcda. en Teatro e Actuación, colaboradora en distintos medios de comunicación alternativos (Novas da Galiza, El Salto, Píkara Magazine).

Ademais das compañeiras da colectiva Resistencia en Terra Allea, Colectiva decolonial e antirracista, procura darlle resposta as violencias estruturais, coidando e acompañando a os corpos migrantes e/ou racializades

+info: foroinmigracionsantiago@yahoo.es

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
13 de dezembro de 2021 10:13
_______

sábado, outubro 09, 2021

Ante as reclamacións da Xunta de pagamentos indebidos da RISGA (simultáneo co IMV), alentamos a todas aquelas que recibiron notificacións que presenten recurso - Modelo


Recorre ante as reclamacións da Xunta de pagamentos indebidos da RISGA

A pandemia orixinada pola COVID-19 deteriorou, aínda máis, as condicións de vida de moitas persoas que xa andabamos nas periferias. En xuño de 2020, con gran rebumbio, o goberno de España aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Unha medida anunciada con gran balbordo, mais camiño do ano e medio de andaina a pobreza segue marcando con crueza a vida cotiá de cada día máis xente. Contías miserentas, demoras, resolucións incomprensibles, denegacións, restricións... fixeron que esta nova faragulla engadira novos sufrimentos para aquelas que trataban de apañar uns poucos euros con esta prestación.

Na Galiza a RISGA é incompatible coa percepción do IMV. Moitas "risgueiras" que solicitaron o IMV e que o cobraron retroactivamente tras meses de agarda alucinaron ao recibiren notificacións nas que a Xunta reclamáballe a devolución de miles de euros cobrados -indebidamente- pola RISGA. Segundo apunta o xornal Praza agora a Xunta de Galicia "vén de lanzar a reforma, pero nun proceso moi inicial: unha consulta pública aberta dende este 30 de setembro e ata o 14 de outubro no que bosquexa cales son as intencións da modificación. En esencia, adaptar a Risga ao IMV sen explicitar se contempla ou non facer compatibles ambas prestacións".

Nada agardamos da Xunta que leva décadas tratando de maquillar a realidade con políticas sociais miserentas. Por iso alentamos a todas aquelas que recibiron notificacións nas que a consellería reclama cobros indebidos que presenten o seguinte recurso. Na ODS-Coia levamos anos reclamando a posta en marcha de medidas transformadoras como a Renda Básica das iguais. Entendemos que xa é intre de superar faragullas e garantir o dereito a unha vida digna para todas.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Modelo de Recurso. | Acceder/Baixar.


Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Todos os luns (Menos festivos), vemo-nos en Caranza, pola tarde entre as 5 e as 7 da tarde, no local da Asociación Fuco Buxán (Local Social Tino Deibe, Rúa Armada Española, 32 Baixo). Estamos xente de Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra. se queres participar achega-te! - No caso de Urxencia chama ao 645158113


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
9 de outubro de 2021 10:01

_______

sábado, decembro 12, 2020

Concello de Vigo e Vitrasa negan a tarxeta social ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) - Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza


Levamos seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de VITRASA. Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza.

Neste intre, quen cobra a RISGA ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.

Montar nun vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.

Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de VITRASA ou á casa do concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.

O rebumbio no lanzamento do IMV deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal.

A inacción do goberno de Caballero neste asunto choca co apuro que tiveron (no mes de xuño días antes da entrada en vigor do IMV) para prorrogar a concesión do transporte público durante cinco anos máis a VITRASA. Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público.

Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais: Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas, Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías.

Retomando a cuestión da mobilidade, reclamamos a urxente modificación da ordenanza. Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos...

Coia, decembro 2020

ODS-Coia

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

_______

luns, marzo 16, 2020

Ante a crise do coronavirus: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica - Estamos moi inquedas por como van afectar as medidas tomadas polo goberno central a aquelas que malviven de “esmolas sociais”, de empregos precarios ou de pensións insuficientes


Ante a crise do coronavirus: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica


Desde o punto información sobre dereitos sociais de Coia amosamos a nosa preocupación pola crise sanitaria e socioeconómica provocada polo Covid-19. Estamos moi inquedas por como van afectar as medidas tomadas polo goberno central a aquelas que malviven de “esmolas sociais”, de empregos precarios ou de pensións insuficientes.

As medidas de confinamento, engadidas a falta de previsión das diferentes administracións, están a afondar a crúa situación que vimos padecendo. Por iso, esiximos medidas urxentes para atender a aquelas persoas que ante a paralización da actividade causada por esta pandemia van ficar sen ingresos ou ver recortados os mesmos. A inquedanza na que están familias e persoas empobrecidas: as que dormen nas rúas, as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais como a RISGA ten que ser respondida con medidas que aproveiten esta crise para redistribuír a riqueza e poñela así ao servizo daquelas que sofren a precariedade e pobreza. O coronavirus non pode engadir un novo castigo para as que malvivimos en medio da riqueza dunhas poucas.

Desde a ODS-Coia alertamos que o “estado de alarma” agrava os recortes sociais que as autoridades veñen aplicando sistematicamente, por iso facemos unha chamada para artellar respostas colectivas que nos permitan saír desta situación con máis dereitos. Moitas persoas e colectivos levamos anos defendendo que fronte as faragullas sociais como a RISGA cómpre organizarse para loitar por dereitos fortes como a Renda Básica das iguais. A RBis permitiría que todas as persoas puideramos vivir cuns mínimos de dignidade.

Cando volvamos ás rúas seguiremos a loitar pola renda básica das iguais e moito máis, pero polo momento aproveitamos para lanzar este lema:

#FicoNaCasaMaisConRendaBasica

Marzo 2020

ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663
Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
16 de março de 2020 10:30

_______

martes, outubro 29, 2019

Tes dereito a... ser desafiuzada - ... cómpre organizar a loita polo dereito a unha vivenda digna ...


Nos barrios, nas periferias resoan as verbas do alcalde de Vigo: “La oficina antidesahucios es mi mesa. Llamo yo al banco y los paro”. Declaracións que son insulto para moitas de nós, as que sufrimos a violencia cotiá de vivir sen termos cubertas as necesidades básicas. Para a nosa desgraza os cartos que escasean para políticas sociais guíndanse en babecadas ao gusto dos grandes capitais e as súas amizades.

Iniciamos un novo curso na ODS-Coia con varias compañeiras sufrindo graves problemas de vivenda. Malia que son moitas as privadas do dereito a un teito, tan só unhas poucas son quen de racharen cos estigmas, os cales responsabilizan aos individuos das consecuencias de problemas estruturais, e son quen de compartir o sufrimento derivado do medo a ficar sen vivenda. Nos últimos días demos conta nas redes do inminente desafiuzamento dunha familia de Coia por falta de pagamento. Unha parellas con dúas fillas pequenas malviven coa RISGA como único ingreso. Acumularon meses de impagamento e a inicios do verán o propietario, tras varios avisos, presentaba denuncia no xulgado que iniciaba o proceso de desafiuzamento. Con agosto polo medio e cunha suspensión da vista, ao final o xuízo celebrouse o pasado mércores 16 de outubro. Agora, mentres aceleran a procura de vivenda, agardan pola sentenza firme que fixará a data de lanzamento, seica será nos primeiros días de novembro.

A situación que padecen estas compañeiras fala con claridade das desastrosas políticas en materia de vivenda que teñen Xunta de Galiza e Concello de Vigo e como estas afectan ás empobrecidas. Como di Albert Salesa crise de acceso á vivenda das cidades europeas non se arranxa con máis axudas nin con máis servizos sociais”. Unha afirmación que non escusa para que mentres non acadamos mudanzas estruturais as respostas dadas polos servizos sociais non sexan efectivas.

Esta familia sabedora de que eles no mercado non ían atopar respostas á súa necesidade de vivenda, deron todos os pasos fixados polas administracións competentes (Xunta de Galiza e Concello de Vigo) para tratar de conseguir un teito. Explicamos a continuación as axudas en materia de vivenda que solicitaron, así como os resultados das mesmas:

1) Inscribíronse no rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta de Galiza.

Resultado: ningún. A Xunta hai anos que non inaugura vivendas de promoción pública en Vigo, a última gran convocatoria foi hai dez anos coa adxudicación dos 384 pisos no “edificio branco” de Navia. Nos vindeiros meses anunciaron que van entregar 26 pisos nun edificio na rúa Canicouva e 36 noutra construción na rúa Ignacio Grobas.

2) Solicitude e incorporación no programa RECONDUCE da Xunta de Galiza [1]

Resultado: malia acudir en numerosas ocasións as dependencias que o programa ten en Vigo o despexo é inminente á espera da sentenza firme que fixe a data. Desde o programa poden solicitar que o xulgado aprace o despexo por seren unha familia vulnerable (situación acreditada co informe social dos servizos sociais municipais), mais dinlles que a solución e que continúen coa procura de vivenda.

3) Solicitude e concesión do Bono de Alugueiro Social da Xunta de Galiza [2]. Trátase dunha subvención de 225€/mes para o pagamento do alugueiro. Renóvase todos os anos até un máximo de tres, a vivenda que atopen non pode superar os 450€/mes no caso de Vigo.

Resultado: téñeno concedido, mais a Xunta non llo aboará até que consigan unha vivenda.

4) Comunicar o inminente despexo aos servizos sociais do Concello de Vigo.

Resultado: dado que son perceptores de RISGA desde hai anos, a súa situación é coñecida polos servizos sociais municipais, que visitan con regularidade en cumprimento do proxecto de inserción desta “esmola social”. Son informados que o departamento pode concederlles axuda económica para un mes ou dous de alugueiro no caso de que atopen vivenda a través das Axudas de Emerxencia Municipais (o goberno as renomeou hai uns anos como “Programa Contra Desafiuzamentos e de Emerxencia Social) [3] .

5) Solicitar en abril as “Axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación – 2019” [4] do Concello de Vigo.

Resultado: tras agardar máis de cinco meses pola resolución do coñecido como “cheque social” concédenlle 252,38 € para gastos de vivenda e alimentación. No mes de outubro e iniciado o despexo o concello ingrésalle ao propietario da vivenda na que residen 200 € en concepto de axuda de vivenda do “cheque”.

A morea de solicitudes, de axudas concedidas durante este proceso non foi quen de evitar o desafiuzamento, e sobre todo, ningunha destas medidas aseméllase a garantir o dereito a unha vivenda digna. O mercado controla o parque de vivenda, os grandes capitais precisan aínda máis rendemento o que se traduce no crecemento do prezo dos alugueiros nos últimos anos. Suba que ven da man do endurecemento das esixencias para os futuros inquilinos (avais e seguros), da redución dos dereitos das inquilinas ou da expulsión de veciñas dos seus barrios e cidades.

Fronte a isto as administracións actúan favorecendo aos grandes capitais con regulamentos urbanísticos que desprotexen a veciñanza, mentres tratan de disimular con faragullas sociais as consecuencias das súas medidas. En Vigo, tanto Xunta como goberno municipal tratan de eludir as súas responsabilidades en materia de vivenda, as dúas administración ofrecen medidas propagandísticas que ademais de violentar ás afectadas coa súa burocracia só serven para manter privilexios e negocios dunha minoría.

Sen dúbida nesta disputa o capital rabúñanos cada día máis dereitos, por iso cómpre organizar a loita polo dereito a unha vivenda digna para todas. Temos dereito a unha vivenda, ou nola dan ou a collemos!

Outubro 2019

ODS-Coia

- -
Notas.-
[1] https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/programa-...

[2] http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/841

[3] https://sede.vigo.org/expedientes/tramites/tramite.jsp?id_tramite=379&la...

[4] https://sede.vigo.org/expedientes/avisos/aviso.jsp?id=3593&lang=gal

--

OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia). | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
23 de outubro de 2019 09:45

____



Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferroterra
forosocialdeferrolterra@gmail.com
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

_______________

sábado, abril 20, 2019

Un 'cheque social' imposible de cobrar - Hai uns días o Concello de Vigo anunciaba, a apertura do prazo de solicitudes do 'Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación – 2019'


Un "cheque social" imposible de cobrar


Hai uns días o Concello de Vigo anunciaba, outro ano máis, a apertura do prazo de solicitudes do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación – 2019”. O popularmente coñecido como “cheque social” está dotado cun orzamento de 1.640.000 € e até o 8 de maio poden presentarse as solicitudes.

Segundo podemos ler nas bases con esta convocatoria de axudas o Concello de Vigo procura complementar as “Axudas de Emerxencia Municipais” poñendo a ”disposición das persoas e familias necesitadas uns recursos económicos que lles permitisen facer fronte, alúmenos parcialmente, ós gastos derivados do uso da vivenda habitual, da compra de alimentos e dos subministros básicos do fogar, procurando evitar os desafiuzamentos derivados da falta de pagamento do aluguer ou do crédito hipotecario, as carencias básicas de alimentación e as situacións de «pobreza enerxética», que mesmo poderían imposibilitar o normal uso e goce da vivenda”.

Alén deste parágrafo, non máis que unha declaración baleira, a realidade é que esta convocatoria é un exemplo máis de “políticas miserentas”. Así nomeamos unha convocatoria na que atopamos requisitos tan duros coma estes tres:

1) Axudas en réxime de concorrencia, é dicir, cantas máis persoas soliciten menos cartos a repartir. Cartos que para as “agraciadas” chegarán moitos meses despois de teren presentada a solicitude. Medidas coma estas lonxe de garantir dereitos enlean aínda no labirinto da miseria a aquelas que sobreviven sen uns mínimos.

2) Esixencia de 3 anos de antigüidade no padrón municipal para poder acceder a estas axudas. Temos veciñas que levan anos na cidade, mais ao non cumpriren este requisito fican fóra desta convocatoria.

3) Os baremos son insultantemente baixos. Só entran persoas que estean a vivir na miseria máis absoluta, desprezando as situacións dunha chea de fogares que malviven con ingresos por baixo do limiar da pobreza. Alén disto os gastos que se poden deducir polo pagamento de vivenda son irrisorios para situación presente dos prezos dos alugueiros en Vigo (Unha persoa pode deducir 225€, dúas: 325€, tres: 350€, catro: 400€...)

Mais as faragullas do “cheque social” non farán desaparecer o colapso do servizos sociais municipais. Semanas atrás coñecíamos que Vigo era a cidade de Galiza cos maiores tempos de atraso na tramitación da RISGA. 157 días de agarda en Vigo, fronte aos 85 de A Coruña ou os 22 de Pontevedra. Incumprimento do ratio de traballadoras sociais por habitante unidos pola deriva privatizadora das políticas sociais provocan este desastre.

O temos dito en anteriores convocatorias, mais lonxe de recuar este goberno segue a agasallar coa maior parte do orzamento municipal en políticas sociais a Florentino Pérez. El é o gran beneficiado dos “cheques” que o Concello outórgalle a CLECE, unha das empresas coas que o presidente do Real Madrid enche os petos grazas a xestión de programas municipais como: Axuda no Fogar, Servizo de Intervención Familiar, parte de CEDRO...

Fronte a estas políticas miserentas seguimos organizadas para esixir Renda Básica das iguais e moito máis. Vivir dignamente é un dereito para todas!

Coia, 16 abril de 2019

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia). | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
17 de abril de 2019 13:55

__________