Amosando publicacións coa etiqueta Red Localis. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Red Localis. Amosar todas as publicacións

venres, xullo 26, 2019

O decálogo da 'Red Localis', Ángel Mato, a Plataforma, o diálogo, a participación e a transparencia - Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, de Concepción Campos e Alberto Vaquero


Hai uns días que foi presentado un documento de importancia, Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, para as políticas a desenvolver nas administracións locais e como desenvolve-las, como un decálogo para a innovación, nas institucións locais. Foi a universidade de Vigo, a través da Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen). Diante dos últimos acontecementos e como se comporta o goberno municipal de Ferrol, capitaneado polo Alcalde Ángel Mato, parece que este se sitúa fóra de onda, diante dos novos retos que ten que afrontar unha administración local no período 2019-2013. O seu comportamento con respecto ás demandas da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, non respondendo ás solicitudes de reunión, impedindo que tomaran a palabra nun Pleno Ordinario, incumprindo o Regulamento de Participación Cidadá, só para beneficio propio, botando por terra o diálogo, a participación e a transparencia. Fronte a un conflito, non só de dignidade, senón profundamente económico e de mal goberno, onde á veciñanza de Ferrol se lle obriga a pagar máis de 7,1 millóns de euros, por un servizo de depuración que non se prestaba, co agravante comparativo que á veciñanza do concello veciño de Narón, co mesmo sistema de saneamento e o mesmo día de conexión (o 3 de abril de 2017), non se lle esixe ese pago, son 31 meses de máis que se lles quere cobrar á veciñanza de Ferrol que á de Narón. O decálogo presentado en Vigo, o pasado martes 23 de xullo, no inicio dun novo mandato dos gobernos locais, parece que no vai co goberno de Ángel Mato Escalona que volve a xogar cos intereses da veciñanza, como os outros dous alcaldes que lle precederon, José Manuel Rey Varela e Jorge Suárez Fernández. No citado decálogo, entre outras cousas de interese que ignora o actual Alcalde de Ferrol, sinala-se que “...é tamén indispensábel constituír gobernos locais que se guíen pola apertura á cidadanía, a integridade e a transparencia como criterios básicos de xestión política”.

Nun informe presentado este martes. | Red Localis propón un decálogo para os novos gobernos municipais. | Nel destácase a importancia de apostar pola innovación na prestación de servizos.


A Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este martes un decálogo de retos que na súa opinión deberían asumir os gobernos municipais para o novo mandato 2019-2023. Nel destacan a importancia de apostar pola innovación na prestación de servizos. 

O decálogo forma parte do documento número 12 da entidade, titulado Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, presentado este martes nas instalacións do Banco Sabadell en Vigo nun acto que contou coa participación de Concepción Campos e Alberto Vaquero, directores da Red Localis, e de Ignacio Rodríguez, director de Administracións Públicas do Sabadell Gallego. Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, no inicio dun novo mandato dos gobernos locais, Red Localis identificou neste documento "os principais desafíos aos que se deben enfrontar as administracións locais”. Desde a rede, da que forma parte persoal docente e investigador e profesionais do eido local, “considérase fundamental que os novos gobernos municipais saídos das pasadas eleccións sexan conscientes das necesidades ás que se enfrontan para o novo mandato, avanzando nun modelo de administración aberta, próxima, innovadora e, sobre todo, enmarcando adecuadamente as políticas públicas municipais orientadas cara á cidadanía”.

Do goberno aberto á calidade dos servizos

As propostas recollidas no decálogo son profundar en políticas de goberno aberto; potenciar a implantación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable; impulsar a innovación pública; garantir a seguridade en todas as súas dimensións e mellorar a planificación estratéxica a nivel urbano; consolidar as relacións interadministrativas para asegurar a racionalización dos recursos públicos; reforzar o papel das deputacións; mellorar o sistema de financiamento local, impulsar un renovado control interno local e incrementar a calidade na prestación de servizos públicos locais.

Entre estes desafíos, indican en nota de prensa desde a entidade, “a innovación debe abrirse paso na prestación de servizos municipais”. Ademais, engaden, “é tamén indispensable constituír gobernos locais que se guíen pola apertura á cidadanía, a integridade e a transparencia como criterios básicos de xestión política”. Os factores incluídos no decálogo, subliñan, "serán esenciais para afrontar o desafío que supón dar unha resposta ao drama da España baleirada”.

Fonte: Universidade de Vigo.

Documento:

Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, en formato pdf, 22 páxinas. | Acceder/Baixar.
_______________