Amosando publicacións coa etiqueta Terra e Tempo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra e Tempo. Amosar todas as publicacións

venres, marzo 25, 2016

A Semana Santa ferrolá, ... Por Francisco Rodríguez Sánchez


Parece que hai a intención declarada de converter estas procesións, xunto coa inefábel noite das Pepitas, nos dous símbolos senlleiros e definitorios da cultura tradicional e popular da cidade

Por Francisco Rodríguez Sánchez [*]
25.03.2016


Seguramente  hai moita xente na Galiza que escoitou falar das procesións de Semana Santa en Ferrol. A súa especial promoción propagandística pola RTVG,  pola Xunta, o Concello e a Deputación, en ascenso durante os últimos anos, contrasta coa cativa difusión que se fai do patrimonio histórico-artístico, ambiental e paisaxístico do que se deu en denominar Ferrolterra. Parece  que hai a intención declarada de converter estas procesións, xunto coa inefábel noite das Pepitas, nos dous símbolos senlleiros e definitorios da cultura tradicional e popular da cidade. Por que? É  algo casual e inocuo?

Crucei, un día de Antroido, a  praza de Amboaxe, no momento en que se concentraban crianzas, duns seis anos, a maioría de colexios relixiosos concertados, militarmente ordenadas e uniformemente disfrazadas para a ocasión. Daba a triste impresión de algo sen vida, unha especie de impostura, ver aqueles meniños e meniñas en ringleiras, sometidos a unha uniformidade plástica. Aquela visión educativa retrotraeume aos discursos que escoitara algunha vez, sendo estudante adolescente, contra o comunismo como asfixia do individuo ser orixinal, como ataque  á liberdade creativa, como opresiva uniformidade. Sorrí: non estaba nunha concentración comunista de adoutrinamento da infancia. Era, en todo caso, unha concentración de ensino infantil privado-concertado, que estaba a facer ostentación pública, previo percorrido polas rúas centrais da cidade, de como celebran tamén o carnaval. As meniñas e meniños foron, no seu desprazamento controlado e guiado, dándome as costas. Ían de bombeiros, ao que parece. Os meus ollos non daba crédito. En cada un dos seus lombiños, aparecía estampada unha grande bandeira española. Volvín retrotraerme ao meu pasado de neno e adolescente. Nunca me puxeran semellante cousa ás costas nin na escola nin no Instituto…Algo está a pasar no sistema educativo e non é difícil saber cal é a orientación do seu adoutrinamento….Por certo, con cargo ao erario público….

Vén o devandito moi a conto para axudar a responder, axeitadamente, os interrogantes formulados sobre a promoción pública  das procesións de semana santa como símbolo da cultura tradicional e popular da cidade de Ferrol.  Hai a tendencia por parte de moitos sectores que se consideran progresistas a restarlle importancia á cuestión, aducindo que non teñen significación relixiosa. Que son só unha manifestación folclórica, alén de significar unha fonte de ingresos por turismo, en momentos de tan grave deterioro e retroceso do sector industrial, o naval en particular. Non parece importar nada que se simbolice Ferrol en dous manifestacións que non teñen unha tradición antiga, galega e popular, senón colonial, clasista e discriminatoria.

Desde logo, as procesións da Semana Santa ferrolá, no seu actual formato, dimensión e intención, non teñen catrocentos anos. Son unha creación, promoción, imposición e impostura  do poder militar, en alianza coa Igrexa Católica, para homologar, en plano mimético, a cidade naval con outras urbes  españolas, en particular, pero non só, Cartagena, Cádiz, Sevilla e Málaga. É un fenómeno  progresivo que se pode detectar, sobre todo, desde mediados do século XIX até o franquismo. Desfilaban os corpos de todos os rexementos, xefes e oficiais e clase de tropa, os lombeiros eran mariñeiros e soldados, a mesma garda civil, e cantos cregos e frades había, e naturalmente foise involucrando a propia Maestranza, os estaleiros….O pobo que formaba parte, pouco e ao final. Así se pode deducir, por exemplo, da información de El Correo Gallego a fins do XIX e no primeiro terzo do XX. De cativo, en pleno franquismo, desde a galería dun terceiro piso na Rúa Magdalena, escoitei como un mariñeiro andaluz nos agasallaba cunha saeta, o prato forte da noite. Pasmo e mímese. O mesmo que, baixo novos envoltorios, se estila hoxe. Desde logo, non ten empate posíbel esta articulación procesional xurdida desde institucións do Estado centralista español, con ningunha tradición relixiosa autóctona, incluídas as de Semana Santa, que as hai.

Certamente, pode parecer inocua esta promoción, folclórica e sen intencionalidade ideolóxica, a articulación de confrarías e procesións, coas súas directivas. Non vou falar da maridaxe que aínda se mantén entre forzas armadas  e relixión católica, nin da confusión entre cargos institucionais e relixión, todo impropio dun Estado que se di aconfesional, non digamos xa laico. Hai máis, entrégase un diñeiro público, como mínimo 100.000 euros,  que non se somete a ningún tipo de control das institucións democráticas. Esta é unha cuestión que debía de ser contemplada coa máxima urxencia, sexa cal for a consideración ideolóxica e a intencionalidade que lle atribúamos ao evento.

Aliás, resulta inxenuo cerrar os ollos perante un feito tan evidente como lexítimo, se non se usase diñeiro público: os colexios relixiosos do centro da cidade, concertados, nutren de confrades as confrarías, galvanizan as familias arredor da súas organizacións e orientan os nenos, nenas e adolescentes cara a elas, sen esquecer a debida catequese. Alguén pensa que todo isto é inocuo e que non favorece as crenzas, ritos e mitos católicos, incluídos bautismos, comuñóns e vodas pola  Igrexa? É así como se respecta a aconfesionalidade e a laicidade? O mundo católico está no seu dereito de se organizar libremente como lle conviñer, e desde logo a facer o seu adoutrinamento, dentro da legalidade. Tamén a manifestarse cos seus ritos e símbolos. O que non pode ter é o dereito a sufragarse con fundos públicos sen control, mesmo considerando a manifestación deses ritos e símbolos unha manifestación cultural de interese turístico (en todo caso mimética e colonial), como gustan de xustificar os poderes públicos. Por certo, sería bo que puxesen tamén algunha condición, non puramente burocrática, sobre o país, o respecto polo uso da lingua propia de Galiza, tan discriminada, marxinada e ausente sempre.

Publicado no Terra e Tempo. | 24.03.2016.


[*] Francisco Rodríguez Sánchez, Ferrol, 1945. É Licenciado e Doutor en Filoloxia Románica e Catedrático de Literatura española en Instituto. É autor dunha ampla obra de investigación e ensaio en temas lingüísticos, literarios, culturais e políticos desde unha perspectiva nacionalista. Inaugura unha liña de análise socio-lingüística coa publicación de "Conflicto lingüístico e ideoloxía na Galiza" (1976 - vai pola 4ª edición). Especialista en figuras de grande releváncia como Rosalía de Castro (tese de doutoramento, xaneiro 1988), Curros Enríquez  (1973),  Blanco Amor  (1993)   Neste ámbito realizou diversas publicacións- e o manual "Literatura galega, problemas de método e interpretación". Militante do nacionalismo desde que tiña 19 anos. Desde entón, loitou contra o franquismo desde a perspectiva nacionalista, por iso sofreu desterro, foi multado en numerosas ocasións e padeceu o cárcere pola súa militáncia, por defender os direitos de Galiza e os direitos dos traballadores do país. Foi impulsor fundamental da creación e dinamización de organizacións sindicais e políticas como a INTG e o BNG. Dirixente da UPG é, desde a súa fundación membro do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego. Actualmente é  membro do Consello Nacional do BNG e da Executiva. Foi deputado no Parlamento Galego e deputado e Portavoz do BNG no Congreso dos Deputados desde o ano 1996 até o 2008. Logo de ter deixado a sua actividade parlamentaria, encamiñou a súa labor ao traballo no BNG, aos estudos da nosa realidade nacional, amáis de ser o Secretario Xeral da UPG, secretaria que deixou o 17 de xuño de 2012, no XIII Congreso da Unión do Povo Galego.
Enviado por:
Inácio GZ

-inaciogz@gmail.com-
25 de março de 2016 113:40
______________

luns, setembro 15, 2014

Acto Público da UPG para presentar un novo número extra da revista Terra e Tempo, coa presencia do seu secretario Xeral Néstor Rego - 50 preguntas, 50 argumentos para a Soberanía de Galiza


A UPG PRESENTA EN FERROL UN NOVO VOLUME DA REVISTA TERRA E TEMPO

"50 PREGUNTAS, 50 ARGUMENTOS PARA A SOBERANÍA DE GALIZA"
A Unión do Pobo Galego organiza un acto público en Ferrol que terá lugar este mércores 17 de setembro ás 20.00 na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32 Baixo) no que presentará o último número, o 171, da revista Terra e Tempo.

Este novo volume da revista Terra e Tempo, trátase dun exemplar que leva por título “50 preguntas, 50 argumentos para a Soberanía de Galiza” é unha obra coral na cal participan cincuenta persoas de ámbitos, xeracións e formacións diversas que abordan e tentan dar explicacións a diversas cuestións relacionadas con Galiza e coa situación política na que se atopa o noso país en todos os seus frentes: político, económico, social, cultural etc.

Este acto será presentado polo Secretario de Zona da UPG en Ferrolterra, Manuel Rei Romeu e contaremos coa presenza de Rubén Cela, Coordenador do volume e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

Sen máis recebede un cordial saúdo en nome da UPG.

Ferrol 15 de setembro de 2014.

asdo. Pedro Fernández

http://www.uniondopovogalego.org/

http://www.terraetempo.com/

Enviado por:
Pedro Fernandez
-kensabegz@gmail.com-
15 de setembro de 2014 16:22

___________________