xoves, setembro 19, 2019

En Ferrol como noutras cidades e vilas da Galiza ocuparon-se as rúas para manifestar a repulsa polo brutal feminicidio de Valga - Non á violencia machista


En Ferrol como noutras cidades da Galiza, centos de persoas, na súa grande maioría mulleres, saíron á rúa para amosar a súa repulsa polo triplo asasinato machista de Valga, combate contra o feminicidio. Corte de rúa, siluetas pintadas no pavimento, batucada e un minuto de ruído "... polas que están, polas que non están, polas que perigan, rebelión e autodefensa contra a súa violencia...”. O acto rematou coa lectura do comunicado da Marcha Mundial das Mulleres. Nas comarcas do noreste tamén tiveron lugar actos en Cabanas, As Pontes e Cariño.
#QuerémonosVivas #FeminismoOuBarbarie #NenUnhaMenos #MachismoMata #BastaDeViolencia #RespostemosTodas #GalizaEnPéContraOMachismo !

A continuación transcribimos a nova publicada en Avantar.


As mulleres galegas toman as rúas para manifestar a súa repulsa polo brutal feminicidio de Valga. | Celebráronse concentracións e mesmo manifestacións en decenas de cidades e vilas de Galiza.

As mulleres galegas tomaron novamente as rúas e prazas de Galiza nas decenas de concentracións e manifestacións convocadas ao longo e ancho da xeografía do país para manifestar o seu máis enérxico rexeitamento á violencia machista, tras do brutal asasinato, en Valga, de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino, José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia machista que conmocionou á nosa nación.

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se rexeitou a violencia e se reclamaron medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Para iso, nas cidades e vilas fíxose un chamamento a construír, desde o local ao nacional, un feminismo forte que procure “avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rotineiras ou meras medidas simbólicas” e subliñouse que “a axenda non pode tomar descanso no verán e volver co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa”.

Dúas das asasinadas non serán computadas como vítimas da violencia machista

Denunciouse ademais que dúas das asasinadas neste crime machista, María Elena e Alba, non aparecerán para o Estado como vítimas de violencia machista, pois “pese a que este ten subscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado até hoxe. Segue no papel”.

Recoñeceuse que porén, a lexislación na Galiza, si considera estes crimes como crimes machistas, o que nos sitúa en posicións avanzadas “para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione as nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos”.

Nas mobilizacións advertiuse ademais de que “o tempo de pedir xestos rematou” e afirmouse que “é momento de conquistar realidades”. Por iso denunciouse que “o tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1.766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás vítimas...”

Unha cantidade que consideraron “de miseria” e que, denunciaron, “amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista”. De aí que se rexeitaran as fotos e promesas, as accións cara á galería, os minutos de silencio, as condenas enérxicas e as iluminacións.

Fronte a isto exixiron “medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista. Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo”.

Fartas de que se use o feminismo “para dar cor a acción política”

Xunto a isto denunciaron que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais e a “hipocresía” da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia.

Lembraron que “sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia” e chamaron a cuestionar “os cimentos mesmos da nosa educación para construírnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro”.

O manifesto concluíu coa proclama de que “estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”.

De aí que lembraran que “estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios reais. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir como algo cotián os asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español”.

Ante isto exixiron “que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada”.

Publicado en Avantar.
_______

mércores, setembro 18, 2019

Angel Mato e as contas de EMAFESA, rolda de prensa da Plataforma - Vídeo


Este mércores 18 de setembro, ás 12 do mediodía, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalizacion, realizou unha rolda de prensa, no rexistro xeral do Concello de Ferrol. Os temas tratados forom: análise das declaracións do alcalde, Angel Mato, e a posíbel aprobación das contas de EMAFESA.

Aos poucos días de conformar-se este novo goberno municipal, presidido por Angel Mato, esta Plataforma solicitou unha entrevista co Alcalde de Ferrol, solicitude que tivemos que reiterar, ante a falta de resposta. O goberno municipal tardou 48 días en contestar. Na xuntanza que nos concederon, a Plataforma reiterou a súa oposición a que sexa a veciñanza a que pague o mal goberno no asunto do saneamento e depuración (7.129.145,59 de euros, 31 meses máis que a veciñanza de Narón), polo que conminou a que se buscara outra alternativa que non pase por saquear á veciñanza pasando uns recibos por un servizo que non se prestou. A Plataforma propuxo unha Mesa de Diálogo, para tratar o asunto da facturación polo Servizo de Depuración, con presencia das asociacións veciñais e a elaboración dun calendario de reunións. Até agora non houbo resposta algunha por parte do Concello, agás o que subxace ante as declaracións públicas do Alcalde en diferentes actos e entrevistas, das que se fixeron eco algúns medios e o acordado en Comisión de Facenda o pasado 10 de setembro de levar a Pleno a aprobación das contas de Emafesa dos anos 2016, 2017 e 2018.

A Plataforma convocou esta Rolda de Prensa para dar conta da situación, compartir análise e fixar a posición da mesma.


ROLDA DE PRENSA DA PLATAFORMA

Ante as declaracións nos medios de comunicación, destes últimos días por parte do Alcalde de Ferrol, e ante os acordos tomados en Comisión de Economía e Facenda que serán levados a pleno a finais deste mes de setembro, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remuniciplización, quere MANIFESTAR

1º CONTAS DE EMAFESA
Que na Comisión de Economía e Facenda celebrada no 10 de setembro, levouse a aprobación as contas de Emafesa correspondentes aos exercicios 2016, 2017, 2018. Dita aprobación vai contar cos votos afirmativos de PSOE e FeC, (o PP reservou o seu voto para o Pleno) e os votos en contra do BNG. Unha aprobación que pretende dar carpetazo á xestión de EMAFESA en relación, entre outras, á depuración de augas residuais. Unha xestión que ten xa tres alcaldes como protagonistas: Rey Varela, o alcalde que recepcionou a depuradora que non depuraba e que instaurou a taxa cobrando por un servizo que non se prestou até 31 meses máis tarde, que dixo que a veciñanza de Ferrol non ía pagar nin un só euro máis que a de Narón e imos pagar 7,1 millóns de euros máis; Jorge Suárez, o alcalde que denunciou que non se depuraba, que non había persoal contratado, que non había electricidade contratada, que fora recepcionada a depuradora en moi malas condicións, que ía devolver a depuradora a Augas de Galicia, que ía derogar a taxa, que ía denunciar á fiscalía e que suspendeu a taxa e logo asinou as liquidacións polo período onde non se daba o servizo; Angel Mato, o alcalde que continua coa estafa intentando aprobar unhas contas onde se inclúen cobros por un servizo que non se daba.

2º INFORMACIÓN E TRANSPARENCIA
Seguimos agardando que se nos informe, como así solicitamos na reunión mantida coa concelleira de servizos, Ana Lamas, e como así reiteramos no día de hoxe, mediante escrito ao alcalde, da contestación que Augas de Galiza, deu ao escrito que os concellos de Ferrol e Narón, enviaron a este organismo para mostrar a vontade de entregar a depuradora ao seu propietario, que non é outro que Augas de Galicia, para que se puidera facer cargo da mesma ACUAES, mentres non se constitúa un ente supramunicipal. Acuaes xa elaborou uns informes de explotación por un prezo moito mais económico. O documento a Augas de Galicia, asinado pola alcaldesa de Narón e o Alcalde de Ferrol, no verán do pasado ano, ven a corroborar o que esta Plataforma ven denunciando, que EMAFESA non ten cobertura legal para operar na EDAR de Prioriño, cun Proxecto de Execución Concertada, xa caducado en xuño de 2016. EMAFESA, como empresa mixta que é, non é medio propio do Concello de Ferrol, e non poder alegar o disposto no Pliego de Condicións, ao aumentar nun 50% o volume de negocio (informe de xestión do exercicio 2018), o que implica segundo a Lei de Contratos do Sector Público (artigo 204) a necesidade dunha nova licitación, para a nova infraestrutura.

3º DECLARACIÓNS DO ALCALDE

O alcalde Angel Mato decide contestar ás solicitudes de reunión da Plataforma, e ao comunicado na reunión á concelleira delegada Ana Lamas, con declaracións públicas que indican un aliñamento claro coas posicións da parte privada, SOCAMEX.

➤ O Alcalde di que EMAFESA é unha empresa municipal, ocultando que é mixta cunha xestión 100% privada, e que o concello ten a obriga de fiscalizar esa xestión, cousa que ningún dos tres alcaldes, actualmente sentados na corporación, fixeron nin fai.

➤ O Alcalde di que por estatutos a EMAFESA lle corresponde a xestión da depuración, cando, como explicamos anteriormente, no prego de condicións aparece como unha parte da actividade a desenvolver, e non unha condición. En todo caso, EMAFESA ao ampliar en mais do 20% o seu volume de negocio ao facerse cargo da depuración, a Lei de Contratos Públicos, no seu artigo 204, obriga a licitar a xestión da nova infraestrutura.

➤ O Alcalde di que EMAFESA atravesa por problemas financeiros por mor da suspensión da ordenanza que regula a taxa, cando o problema é unha mala xestión (en mans privadas), e facerse cargo dunha infraestrutura defectuosa e que non lle competía xestionar, e de costas aos intereses da veciñanza de Ferrol e do concello de Narón, polo que seguimos demandando unha auditoría integral.

4º ALTERNATIVAS

Na reunión coa concelleira Ana Lamas, expuxemos unha serie de alternativas para que a veciñanza de Ferrol afectada por estes cobros, non se vexa gravada na súa economía por un mal goberno e unha mala xestión. Estas alternativas son:

- Paralizar o cobro dos recibos pendentes. Lembrar que hai un acordo plenario para recorrer a sentenza contra a suspensión do cobro da taxa, e Jorge Suárez, sen mandato do pleno asinou as liquidacións de xaneiro de 2015 a marzo de 2017.

- Formar unha mesa de diálogo, para enfrontar este tema incluíndo ás asociacións veciñais, pedindo tamén o asesoramento de AEOPAS.

- Negociar coa empresa os pagos pendentes, con facturas presentadas de gastos nese período (que non se deran presentado cando se formou unha comisión para este tema na anterior lexislatura), e no seu caso enfrontalos como subvención a través dos orzamentos xerais do concello.

- Realizar unha auditoría xeral de xestión e económica que faga luz sobre a realidade da empresa e permita o rescate do servizo por parte do Concello.

Pola nosa parte, seguiremos co non pago dos recibos que EMAFESA presenta a cobro co concepto de “Facturación Servizo Depuración” do período onde aínda non se prestaba o servizo; solicitaremos a palabra no pleno onde se pretende aprobar as contas; iniciaremos todas as  accións ao noso alcance para defendermo-nos deste atropelo con estafa, que a empresa Emafesa-Socamex impón á cidadanía de Ferrol, e seguiremos coa acción cidadá para informar e presionar ao goberno municipal, nomeadamente ao alcalde Presidente de Emafesa, para que abandone os intereses da parte privada e nos represente no Consello de Administración fronte aos intereses de lucro privados.

Ferrol, 18 de setembro de 2019


https://youtu.be/9bie-0F1td0


DATOS ESTIMADOS QUE SE UTILIZARON PARA O CÁLCULO DA TAXA HOXE AÍNDA EN VIGOR DESDE SETEMBRO DE 2014
DATOS REAIS DUN ANO COMPLETO DE FUNCIONAMENTO DO SISTEMA DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN 2018
CONSUMO ENERXÉTICO PREVISTO

14.402.472 KW/h
CONSUMO ENERXÉTICO REAL 2018
(EBAR+EDAR)

11.554.202 KW/h
(Un 20% menos)
PREVISIÓN DE CAUDAIS A TRATAR

25.771.211 m3
CAUDAIS TRATADOS EN 2018

20.772.740 m3
(Un 20% menos)
CÁLCULO DOS CUSTES DO MANTEMENTO DOS INTERCEPTORES, TANQUES, ...

593.790 €
CUSTE REAL DO MANTEMENTO DOS INTERCEPTORES, TANQUES, ...
ACORDO ADXUDICACIÓN ÚLTIMA LICITACIÓN DO 15.05.2019

386.149 €, menos que a adxudicación anterior que levaba contratado desde abril de 2017 por 416.300 (2018)
Un 30% menos

VOLUME DE NEGOCIO 2013
VOLUME DE NEGOCIO 2018

5.333.830 €

+ 2.537.669

7.871.499 €(un 48% máis)

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

---

martes, setembro 17, 2019

Non ao Neoliberalismo, ... Por Celso Posada Fernández


Por Celso Posada Fernández [*]
17.09.2019


NON AO NEOLIBERALISMO

Nestes tempos de Hexemonía Neoliberal e de auxe da economía de mercado todo se mide dende o raseiro económico, as relacións humanas se mercantilizan e predomina o individualismo salvaxe, o beneficio económico e as ganancias das grandes transnacionais por riba da vida humana, dos dereitos humanos, da solidariedade internacionalista, da xustiza social e do medio ambiente.

Predomina a financiarización da economía, o predominio do mundo das finanzas e o individual sobre o colectivo nun pensamento único imposto como se Non Houbera Alternativa.

As democracias baléiranse de contido, os dereitos quedan reducidos a ser meras mercancías e a obxectos de consumo exemplo de sociedade de mercado na que terán dereitos que poida pagalos, predominando o privado sobre o público .

Os Estados quedan reducidos a mínima expresión pra ter menos Estado e Máis Mercado e pra acabar co papel regulador dos estados pra contribuír a acabar coas desigualdades sociais.

O obxectivo e pasar dunha economía de mercado a unha sociedade de mercado onde se privatizan salvaxemente os servizos públicos, o poder político está subordinado ao poder económico, mandan as grandes transnacionais e quen non se presentan as eleccións democráticas (grandes empresas, oligarquías financeiras, elites económicas), a cidadanìa e os dereitos son percibidos como meras mercancías intercambiábeis, as organizacións politizas socialdemócratas ou presuntamente de esquerdas non son tales, convertéronse en produtos de consumo e de márketing e derivaron en social liberalismo, os medios de comunicación son meros altofalantes e correas de transmisión dos intereses da banca, das grandes empresas e das elites financeiras e interesa conformar unha cidadanía apática, manipulábel, insolidaria, consumista e empresaria de si mesma e competindo continuamente e constantemente entre s nun salvaxe darwinismo social.

Unha Sociedade Neoliberal baseada nunha economía de mercado precisa conformar persoas neoliberais, profundamente individualistas, capitalistas consumistas, mercantilistas, utilitaristas, narcisistas, egocéntricas caldo de cultivo dun perigoso fascismo social.

O Neoliberalismo non é so un proxecto económico senón cultural, político, social o servizo dos intereses de clase dunha minoría privilexiada (Loita de Clases) senón que é tamén un proxecto profundamente imperialista pra facer impoñer os intereses económicos, xeoestratéxicos, políticos, mediáticos, militares, empresariais e de clase, dunhas nacións sobre outras e pra someter non só a unha clase social sobre outra senón unhas nacións sobre outras (imperialismo puro e duro).

O Neoliberalismo colonizou todo dende as mentes ata todos os lugares de socialización, converteuse nun sentido común nun mundo onde cada día increméntanse máis e máis as desigualdades sociais por decisións políticas e o poder e a riqueza concéntranse cada vez en menos mans.

O Neoliberalismo que é a ideoloxía do Capital estende os seus tentáculos non so a intelectuais orgánicos o seu servizo (xornalistas, tertulianos, dirixentes políticos, ...) senón tamén os medios de comunicación de masas, a universidade, as escolas, as institucións públicas, as administracións, a organizacións políticas presuntamente de esquerdas, a organizacións sindicais, a prensa escrita, programas de TV, da radio, xornais, revistas, redes sociais...

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. É un activista en diferentes movementos sociais de Ferrolterra. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre.| No Facebook.


Enviado por:
Celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
2 de setembro de 2019 18:18

_______________

Violencia machista, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.09.2019


VIOLENCIA MACHISTA

Entrementres eu lía a Antoloxía do conto galego de medo de Silvia Gaspar e nel debullava o ​ Espanto de nenos , ​ ese desacougante conto de Rafael Dieste onde os nenos, a xeito de conciencia da morte, ven nun buraco do teito un ollo alerte e só que os fita mentres xogan, entrementres, en Cordeiro, no concello de Valga dous pequechos de catro e sete anos presenciavan o asasinato da nai, a tía e a avoa a mans de seu proprio pai. Arreguiza o corpo ser humanos e capaces dunha crueldade tamaña como a de ningún outro animal. Porque o estarrecedor non é o gore nen o terror producido por un monstro ou un descoñecido senón mesmamente o terror impensavel, ese que convive ou conviviu na sombra connosco.

Haverá algo máis terribel que a agresividade da realidade hostil na propia familia?.Haverá algo máis estarrecedor que a violencia dentro da propria casa? A primeira hora da mañá e cando se dispuñan a ir cara a escola, o pai, separado, chega e mata a súa muller, a súa cuñada e a súa sogra a tiros. Parece que a súa exmuller non fixera denuncia algunha. Ao pouco e movidas pola alerta feminista, anúncianse concentracións como denuncia e rexeitamento do triplo asasinato machista en moitas cidades e vilas galegas.

Ao pouco xa xurden twitters políticos recriminando o crime e todos son a solidarizarse coa familia das vítimas, incluso aqueles responsabeis das políticas máis patriarcais. Uns claman por recursos e medios, outros falan de machismo criminal como dando a entender que o machismo non lles ocupa nen preocupa até atopar vítimas e aqueloutros aínda falan de aberración. Desafortunada palavra por canto unha aberración é un erro, desvarío ou perturbación. E certamente o asasinato é todo iso pero tamén, no caso de asasinato a mulleres ou aos fillos, hai algo máis a analisar e sobre todo tomar medidas políticas radicais que non se resolven só con máis medios e recursos como reclaman as políticas máis feministas da oposición.

A violencia machista é o normal na sociedade patriarcal como esta na que vivimos. Os machistas manifestan conductas aprendidas baseadas en conceptos e valores que foron e aínda son norma. Por que non desarmamos os banzos desta escalada de violencia machista? Os banzos dos videoxogos sexistas, das telenovelas, series e publicidade degradante para a muller, a pornografíamachista, os livros de texto patriarcais, o sexismo no traballo...todos os banzos desa longa escada que remata no crime que algúns aínda chaman paixonal.

Perante os crimes contra as mulleres non podemos limitarnos a nos concentrar berrando ou en silenzo. Temos que entrar a saco (expresión bélica por demais) a combater todas as violencias cotiás nas que caladamente participamos. Todos os días, na realidade real e na virtual asistimos á degradación da muller en distintos graos e xeitos. Dos macro aos micromachismos. Leo por aí que o 80% dos casos de violencia de xénero ocorren após a separación da parella. Parece que isto nos obriga, cando menos, a revisar esa sacrosanta institución chamada matrimonio. Volve a repuntar na mocidade ​ a cultura do dominio antes de se ter eliminado nas anteriores xeracións criadas nos anos da presunta liberación sexual. As mozas seguen a ser máis sumisas que os mozos, e estes adoitan seguir confundindo a homía cun abano de comportamentos agresivo-chulescos. Moitas mulleres seguen a pensar que ter parella é o estado ideal e o matrimonio a aceptación da renuncia a si mesmas.

Ao tempo, anuncios de voda machistas, aceptados con normalidade e incluso chacota polas mulleres do estilo ​ Ana tiñas unha avería e Javi desatascou a cañería, campan por todos os valados e postes do país. E, como ben aponta o antropólogo e historiador Felipe Senén, son un exemplo da degradación cultural na que vivimos.

Un estudoso destes temas da violencia dime que pode que o aumento dos casos de machismo, alén do focado da prensa para os visibilizar, poden ser causados, paradoxalmente, pola maior igualdade das mulleres así como a conquista de dereitos que, como o divoricio, ate hai pouco non tiñamos. Para un home machista e violento que unha muller poida deixar de ser súa, -pois por unha propriedade a ten- pode ser o detonante de resolver a súa frustración, a súa falla de éxito, co asasinato.

Moitos estaredes preguntándovos por que falo do criminal e non da víctima. Pois porque desde o ponto de vista educativo agresor e víctima forman nos comezos un tándem indisoluvel. E non estou a falar da moral nen das responsabilidades penais. Estou a falar de que temos que mudar a escala de valores desta sociedade que entroniza o abuso en aras do éxito. Esta sociedade onde se educa na cultura do dominio, onde se abusa do poder e onde a lei de tripar ao que se ten por feble campa por todos os recunchos.Choremos a estas tres mulleres e solidarizémonos cos familiares, mais é tempo de ir alén. Reclamemos unha educación sexual e emocional seria nas escolas, non somentes unhas nocións de bioloxía e anticoncepción. Organicemos actividades nos barrios sobre sexualidade e poder, cuestionando a cultura da dominación. Elimimemos os colexios segregados e a educación diferenciada. Cuestionemos os conceptos de pecado e culpa que a cultura xudeocristiana nos inoculou en vea. Non eduquemos ás nenas para ser sempre doces, sensibeis e serviciais e aos nenos para ser sempre rexos, rudos e dominantes.

E sobre todo, esixamos da prensa un código ético non-machista e non-sensacionalista.

Leo "El autor confeso del crimen de Valga tenía antecedentes...habría cometido pequeñas sustracciones de gasoil y chatarra. Regentó varios negocios fallidos..." ou estoutra: "...​ un asesino con antecedentes por robo de gasoil". Queren dicirnos os xornalistas, con esta vergoñenta trivialidade de recheo do xornal, que os ladróns de luva branca, que en vez de gasoil e chatarra sustraen diñeiro de aforradores das preferentes, non serían quen de asasinatos machistas?.

Como dicía Mark Twain, case tan terribel é o suceso como os titulares do día despois.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
16 de setembro de 2019 22:26

________________

luns, setembro 16, 2019

Que todas as rúas da Galiza se enchan de feminismo nunha resposta á altura contra a violencia machista! - Concentración, este mércores 18 de setembro, ás 8 da tarde, en Ferrol, en Cabanas e n'As Pontes, como noutros lugares da Galiza, en repulsa polo triplo feminicidio de Valga


En Ferrol e n'As Pontes como noutros lugares da Galiza, este Mércores 18 de setembro, están convocadas mobilización de repulsa polo triplo feminicidio que se produciu no lugar de Carracido, no concello de Valga, está mañá, onde tres mulleres foron asasinadas.

Feminicidio en Valga CONVOCATORIAS /en ACTUALIZACIÓN/ en repulsa do terríbel triplo feminicidio de Valga. Que todas as rúas da Galiza se enchan de feminismo nunha resposta á altura contra a violencia machista! 💜💜

➡️ Valga, 20:00 hrs a Plazuela de Valga (O refaixo da Carolina)⬅️
➡️ Allariz, 20h na Praza do Concello
➡️ A Coruña, 20 horas, Obelisco
➡️ A Estrada, 20:30 diante do Concello
➡️ A Guarda, 20:30h Praza do "Relò"
➡️ Ames, 20h na Praza da Amaía
➡️ As Pontes, 20h na Praça do Hospital
➡️ Betanzos, 20h a carón do Palco da Música
➡️ Bueu, 20h diante do Concello
➡️ Burela, 20.30h Praza da Mariña.
➡️ Cabanas, 20h diante Casa do Concello
➡️ Carballo, 20h na Praza do Concello
➡️ Celanova, 20h Praza de Celanova
➡️ Compostela, 20h Praza 8 de Marzo
➡️ Ferrol, 20h diante do Edificio da Xunta
(Praza Amada Garcia)

➡️ Lugo, 20h diante do Concello
➡️ Melide, 20h Praza do Convento
➡️ Moaña, 20h na Praza do Concello
➡️ Mondoñedo, 20.30h na Praza do Concello
➡️ Porriño, 20.30h na Praza do Concello
➡️ Ourense, 20h na Castañeira (Parque San Lázaro)
➡️ Pontevedra, 20h diante da Audiencia
➡️ Rianxo, 20h na Praza de Castelao
➡️ Ribeira, 20h na Praza do Concello
➡️ Val Miñor, 20h Cruce da Ramallosa
➡️ Vigo, 20h no MARCO
➡️ Vilagarcía, 20.30h na Praza de Galiza.
➡️ Viveiro, 20h Praza da Fontenova

#QuerémonosVivas #FeminismoOuBarbarie #NenUnhaMenos #MachismoMata #BastaDeViolencia #RespostemosTodas #GalizaEnPéContraOMachismo !

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
16 de setembro de 2019 18:48

___________

xoves, setembro 05, 2019

Nouturnio de esfameados monitores... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]

05.09.2019

NOUTURNIO DE ESFAMEADOS MONITORES

Escribía José Bergamín: "Se me fixeran obxecto sería obxectivo, mais fixéronme suxeito. E suxeitos estamos ás leis do mercado que de libres teñen só o nome". Cando eu estudaba pedagoxía social na década dos oitenta do pasado século, (anque ninguén albisque esas modernidades de teres inaugurado outro) a socialdemocracia prometíanos un Estado do Benestar para equiparármonos a Europa. Un Estado Social forte, inherente á democracia. De resultas do que habería centos de pedagogos e afíns traballando na educación non formal, que non significa a educación canalla senón a educación permanente para todos os cidadáns como inversión do Estado nunha sociedade máis igualitaria e culta. Chamábannos Interventores Socioeducativos ou Animadores Socioculturais. Logo había especialidades como Educacores de rúa, Animadores Xuvenís, de Tempo Libre, de Adultos, Sociais...e un longo labirinto que ficou en pura teoría para encher titulacións universitarias, cursiños... e que Sísifo seguira a subir a bóla. Chegada a rexa e preaustera década dos noventa, ata os partidos máis revolucionarios, abertamente ou aos agochos, botaron man do mal chamado voluntariado e becarios para cubrir practicamente as minguadas prazas creadas no eido socioeducativo. Entón os pedagogos sociais, eternamente parados, tivemos que nos formar en cursiños onde nos titularamos de animadores, titulación moi inferior á nosa formación e impartida por persoas non universitaria desfilando con nenos scout parroquianos dende pequechos que seica, tiñan moita experiencia recoñecida pola Xunta. Logo veu o curso ponte polo que os mestres podían ter en seis anos dúas titulacións. Xa que Pedagoxía tiña cinco anos e maxisterio tres máis tres da ponte. E nós a agardar a prometida Facultade de Educación onde se formase a todos os educadores de todos os niveis, cunha programación e calidade, limpo de formacións de espíritos nacionais transaccionais. Nunca chegou. A cousa foi a máis porque agromaron coma froles de invernadoiro, deliciosas titulacións de Formación Profesional privadas creadas ex profeso para certas prazas municipais. E así fumos baixando os Pedagogos Sociais ata chegar hoxe á vergoñenta categoría de Monitores. Porque non ten nada de vergoñento ter un cursiño dunhas horas e traballar diso. Pero estudar cinco anos máis cursiños para rematar abaloufando globos, adeprender catro pasos de zumba ou uns estiramentos que pasen por ioga infantil... excede a paciencia ata do movemento slow! Todo depende do que a nebulosa misteriosa da demanda mercantil pida a cada paso. Eu veño duns tempos en que se definía unha sociedade moderna coma unha sociedade onde os profesionais adicaran tempo e esforzo a especializarse teórica e practicamente. Agora reclaman o mesmo pero profesionais de todo e con salarios de nada!.

Monitor vén do latín monitore que significa avisador. O diccionario di que é a persoa que orienta ou aconsella a outras. Tamén a que instrúe na práctica de certos deportes, coma o monitor de autoescola. Ademais, chámanlle monitor ao televisor situado na cabina de control dunha emisora de televisión para comprobar a calidade das imaxes que se transmiten.

E aí, na derradeira acepción de monitor coma televisor é onde hoxe alicerza a educación social! Triste, certamente!.Non imaxino a Freinet, a Tonucchi ou a Paulo Freire cobrando sete ou cinco euros por alumno ao mes, certamente. Non imaxino a ningún dos oitenta correndo dunha clase para outra por esa miseria de paga sen case cotizar e radiantes de ledicia por ser autoemprendedores ou escravos deles, por moito libro de autoestima e pensamento en positivo ou moito que se canalice a enerxía polos chakras vertebrais.

A animación sociocultural e a pedagoxía social naceron para educar ao povo coma motor do cambio social a prol da xustiza económica. Crear un povo que creador máis ca consumidor de cultura. Era certamente unha conciencia política de formar cidadáns pensantes e críticos o que se trataba de traballar neste eido formativo. Mais eran tempos onde conseguir un libro requería esforzos teimudos e non chegaba con darlle a un buscador para obter a verdade sagrada das novas escrituras dixitais. Eran tempos onde os políticos, aínda corruptos, tiñan que saber falar un algo con coherencia sintáctica e parella á realidade real. E nunca ousarían saír en monitor anque fora de plasma!.

Hoxe padecemos todos de nictalopía, ese defecto da vista que consiste en ver mellor de noite ca de día. Non sei se será o botellón nouturnio, o sapo cro cro do poeta ou que nos está a dilatar a pupila o Grande Irmán ese, e agora vemos mellor canto máis negro. Porque á Idade Media desprazouna a Moderna, a esta a Contemporánea e agora entramos de cheo na Idade dos Séculos Escuros, outravolta, do labirinto da explotación do home polo home.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
4 de setembro de 2019 10:56
_______

Ante a entrada na Ría de Ferrol, dun novo buque gaseiro, o 'Golar Tundra LNG', cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha concentración sonora, este xoves 5 de setembro, ás 8 da tarde, en Ferrol Vello, no Peirao de Coruxeiras - Alegacións ante Proxecto Básico da Terminal Regasificadora e o Estudo de Impacto Ambiental


Ante a entrada na Ría do buque gaseiro "LNG Golar Tundra" para descargar en Reganosa, está convocada unha nova acción de protesta, en Ferrol Velllo, no Peirao de Coruxeiras

CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
XOVES 5 DE SETEMBRO, ÁS 8 DA TARDE
EN FERROL VELLO
NO PEIRAO DE CORUXEIRAS

O "LNG Golar Tundra", é un buque gaseiro de bandeira de conveniencia das Marshall Islands, cun peso morto de 85.159 t, 293 metros de eslora, 44 de manga e 10,8 de calado, construído en 2015, ten previsto descargar en Reganosa, miles de toneladas de gas natural licuado. Este buque fai o número 257 que entra na Ría de Ferrol cargado con GNL. Mentres se produza a descarga no pantalán de Punta Promontoiro (Mugardos), perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as persoas que moramos na sua contorna.

O Comité Cidadán convoca a participar na acción de protesta que quere poñer, unha vez máis, ao descuberto a corrupción política e económica que subxace en todo este despropósito que despois de cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da Planta de Gas, e está última ditada hai dous meses onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.

A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos.

Esta nova sentenza da que se deu conta en rolda de prensa por parte do Comité, declara ilegal a citada resolución gobernamental de exención da avaliación ambiental da planta regasificadora de Mugardos.

A planta mugardesa está funcionando cunha autorización anulada por sentenza firme, sen avaliación ambiental e cun plano de emerxencias exterior tamén anulado. Hai uns días que se publicou o anuncio da exposición pública do proxecto Básico da Terminal Gasista e do Estudo da nova avaliación ambiental.

Reganosa foi construída de xeito fraudulento ao amparo dun acordo confidencial, asinado o 20 de xullo do ano 2000, baixo o paraugas do goberno Fraga, con empresas multinacionais da enerxía, o Grupo Tojeiro e Caixa Galicia, entidade financeira corrompida pola súa directiva, hoxe moitos dos seus membros condenados por sentenza firme. Agora esta última Sentenza ven confirmar as demandas e denuncias do Comité Cidadán de Emerxencia que xa a está facendo valer ante os Tribunais, para que se proceda a anular os permisos de funcionamento concedidos ao amparo da ilegal exención de avaliación ambiental.

Como consecuencia da Sentenza, Reganosa como promotora solicitou á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio, para a Transición Ecolóxica o inicio da tramitación do procedemento de avaliación de impacto ambiental. Neste momento está en trámite dita solicitude, mais sigue funcionando, e este novo buque entra na Ría para descargar miles de toneladas de gas, sen os permisos pertinentes, nin plans de emerxencia, sen avaliación de impacto ambiental e cinco sentenzas do Tribunal Supremo que anulan os procedementos de construción e posta en funcionamento, como así viña denunciando o Comité Cidadán de Emerxencia desde hai 20 anos, en "mil actuacións", contra as manipulacións e mentiras de medios de comunicación e institucións que sempre defenderon a supòsta "legalidade da planta", agora desmentida por cinco sentenzas do Tribunal Supremo.

Na actualidade someteu-se a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, aprobación do proxecto de execución e estudo de impacto ambiental da planta de regasificación de Reganosa. O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, continua a súa loita contra este despropósito gasista, alegando contra esta solicitude, baseado principalmente en motivos de seguridade para a poboación e de incumprimento da normativa medio ambiental por parte de Reganosa, unha planta regasificadora construída no mesmo corazón da nosa Ría, contigua a un complexo petroquímico perigoso (Forestal del Atlántico, S.A. e IMEGASA) e que tamén necesita un plan de emerxencias exterior, para o cumprimento das normativas europeas de seguridade. A construción e funcionamento de Reganosa en Punta Promontorio, aumentou exponencialmente o perigo que supón todas estas instalacións que se localizan nesta zona da marxe sur da nosa Ría.

A sociedade civil, as institucións, e en especial os concellos de Mugardos e o Ferrol, teñen que pronunciar-se sobre a solicitude de Reganosa de "autorización administrativa previa, aprobación do proxecto de execución e estudo de impacto ambiental da planta de regasificación" no prazo de 30 días hábiles (Até o 20 de setembro) que hai para presentar alegacións ante este despropósito gasista, produto da corrupción política e económica, polo que se somete a información pública.

A información (Proxecto Básico, Estudo de Impacto Ambiental e Anexos) pode-se obter a través do seguinte enlace:

https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/b3eafc9a3dcadc06d3ac03390459e10c8e2952b7

O proxecto construtivo poderá ser consultado na sé da Delegación do Goberno en Galicia, sita na praza de Ourense, 11, A Coruña.

O Comité Cidadán está elaborando un modelo de alegacións que estará a disposición de quen quixer nos próximos días.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Información baseada na enviada por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan gmail.com-
3 de setembro de 2019 17:4
_______________

venres, agosto 09, 2019

A Plataforma pola Remunicipalización mantivo o primeiro contacto con membros do novo goberno municipal de Ferrol, onde manifestou a súa oposición a que sexa a veciñanza a que pague o mal goberno no asunto do saneamento e depuración e propuxo unha Mesa de Diálogo, para tratar o asunto da facturación polo Servizo de Depuración


Declaración despois de manter a xuntanza con membros do goberno municipal do Concello de Ferrol

- A Plataforma reiterou a súa oposición a que sexa a veciñanza a que pague o mal goberno no asunto do saneamento e depuración, polo que considera que ten que haber outra alternativa que non pase por saquear á veciñanza pasando uns recibos por un servizo que non se prestou.

- A Plataforma propuxo unha Mesa de Diálogo, para tratar o asunto da facturación polo Servizo de Depuración, con presencia das asociacións veciñais e a elaboración dun calendario de reunións.

Despois de pasados 48 días desde a entrada en rexistro da petición de reunión, este xoves 8 de agosto, ás 10 da mañá, tivo lugar en dependencias municipais, unha reunión de representantes do goberno municipal con membros da Plataforma. O obxectivo principal para a Plataforma era o de abordar a situación, en referencia aos recibos de Emafesa que pasou a cobro, durante os meses de xuño e xullo, en concepto de "Facturación  Servizo Depuración" polo período xaneiro-xuño de 2015 e que pensa seguir pasando até febreiro de 2021. Como temos informado, estes recibos corresponden ao período que vai desde o 1 de xaneiro de 2015 até o 31 de marzo de 2017, un período onde aínda non se comezara a depurar, dado que o 98,5% do caudal previsto seguía vertendo-se á Ría, así como os interceptores non estaban conectados, nin rematadas as obras. A conexión ao Sistema comezou-se a producir progresivamente desde o 4 de abril de 2017, até o 14 de xuño do mesmo ano, onde a Comisión de Seguimento das obras "Interceptores xenerais da marxe dereita da Ría de Ferrol", en reunión ordinaria, analizaba o avance da posta en marcha do novo sistema de saneamento, certificando, nesa data, que o 97% das augas residuais xa eran bombeadas á Depuradora de Cabo Prioriño. Quedando unicamente pendente a conexión do último tramo do rio Inxerto que sería enganchado meses máis tarde....

A esta reunión, por parte do goberno municipal asistiron Ana Lamas Villar, Concelleira Delegada da Área de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural e Participación Cidadá, e Germán Costoya Casas, Concelleiro Delegado da Área de Seguridade e Tráfico, Mercados, Consumo, Sanidade e Benestar Animal, que foi durante pouco máis dun ano do anterior mandato, Concelleiro Delegado de Servizos.

A concelleira de Servizos desde o primeiro momento, aclarou que o obxectivo da reunión era escoitar o que tiña que dicir a Plataforma. Pola súa banda a representación da Plataforma aproveitou para centrar a atención da concelleira na problemática derivada do paso a cobro dos recibos da Depuración, polo período onde non se prestaba o Servizo.

A Plataforma explicou aos representantes do goberno municipal que está a suceder co que consideran un cobro inxusto e fraudulento porque o servizo non se prestaba, e un cobro discriminatorio a respecto dos veciños e veciñas de Narón, que comezan a pagar a partires do 4 de abril de 2017, data do comezo do funcionamento e conexión do sistema.

Tamén expuxeron a súa análise a respecto da situación do recurso presentado polo concello, diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, en relación á demanda de SOCAMEX contra a suspensión da taxa. Desde a Plataforma consideran que independentemente de como se resolva a nivel xurídico a suspensión da taxa, ten que abrirse un proceso de negociación coa parte privada, de cara a paralizar os pagos e devolver o cobrado.

A Plataforma manifestou que o feito de que o mal goberno de dous alcaldes nos levaran a esta situación, non xustifica o cobro por un servizo que non se prestou. Se neses 31 meses que Emafesa estivo na depuradora e na estación impulsora, xerou un gasto determinado, terá que ser o Concello a través dos seus orzamentos anuais o que equilibre as contas de Emafesa, como así está previsto no Pliego de Condicións, mais sempre que se xustifique os custes por parte da empresa mixta.

A Plataforma enumerou algunha das irregularidades que a empresa leva practicando na cidade (lecturas estimadas abusivas, consumos avultados, aplicación de consumos lineais a barrios enteiros...), ou mesmo duplicidade no cobro de certos servizos como o de saneamento. Hai que lembrar que a empresa leva cando menos dous anos sen pagar ao concello o canon concesionario, e que non ten aprobadas as contas dos últimos anos e existen actas do Consello de Administración sen asinar. Mesmo sinalaron os problemas que están acontecendo ao respecto do atraso en conceder as bonificacións, precisamente cando as persoas que o solicitan son as que non teñen recursos económicos.

A Plataforma propúxolle á concelleira e concelleiro una Mesa de Diálogo, a xeito de reunións de traballo para abordar en profundidade todos os temas relacionados cos servizos públicos na cidade, que leva traballando nestes anos de funcionamento, pero no caso de EMAFESA, e sobre todo en relación ao servizo de depuración, mostraron a urxencia que demanda a situación.

Do mesmo xeito, a representación da Plataforma, preguntou-se-lles ao concelleiro e á concelleira, se había resposta á carta asinada o 17 de agosto do pasado ano 2018, pola Alcaldesa de Narón, Maríán Ferreiro, e o anterior Alcalde Ferrol, Jorge Suárez, solicitando ao Director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, para que en colaboración cos dous concellos, realicen as xestións necesarias coa Secretaría de Estado de Medio Ambiente, do Ministerio de Transición Ecolóxica, para que a administración do estado, recupere a xestión das infraestruturas que forman parte do Sistema Xeral de Saneamento e posteriormente as encomendas a partires do 19 de agosto deste ano 2019 a ACUAES, mentres non se constitúa un ente supramunicipal que o xestione. Mesmo ACUAES a petición dos dous concellos chegou a facer un estudo de explotación do conxunto do sistema, cunha importante mellora das condicións económicas. Deron a entender que non sabían nada do asunto e que ía a indagar.

A Plataforma fixo-lle entrega aos representantes do goberno municipal dun dossier coas súas análises e propostas e documentación que as apoian.

A reunión finalizou sen concretar unha nova data, pois a representación do grupo de goberno expresou a necesidade de ter tempo para estudar o tema que consideran de moita importancia e transcendencia.

A Plataforma pola súa banda non cesará no seu traballo de informar á veciñanza e organizar a súa defensa diante do que considera abuso e practicas irregulares da empresa EMFESA coa veciñanza de Ferrol

Foto de Cesar Toimil | Asemblea da Plataforma na Praza de Armas | 8 de febreiro de 2018.

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
____________

venres, xullo 26, 2019

O decálogo da 'Red Localis', Ángel Mato, a Plataforma, o diálogo, a participación e a transparencia - Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, de Concepción Campos e Alberto Vaquero


Hai uns días que foi presentado un documento de importancia, Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, para as políticas a desenvolver nas administracións locais e como desenvolve-las, como un decálogo para a innovación, nas institucións locais. Foi a universidade de Vigo, a través da Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen). Diante dos últimos acontecementos e como se comporta o goberno municipal de Ferrol, capitaneado polo Alcalde Ángel Mato, parece que este se sitúa fóra de onda, diante dos novos retos que ten que afrontar unha administración local no período 2019-2013. O seu comportamento con respecto ás demandas da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, non respondendo ás solicitudes de reunión, impedindo que tomaran a palabra nun Pleno Ordinario, incumprindo o Regulamento de Participación Cidadá, só para beneficio propio, botando por terra o diálogo, a participación e a transparencia. Fronte a un conflito, non só de dignidade, senón profundamente económico e de mal goberno, onde á veciñanza de Ferrol se lle obriga a pagar máis de 7,1 millóns de euros, por un servizo de depuración que non se prestaba, co agravante comparativo que á veciñanza do concello veciño de Narón, co mesmo sistema de saneamento e o mesmo día de conexión (o 3 de abril de 2017), non se lle esixe ese pago, son 31 meses de máis que se lles quere cobrar á veciñanza de Ferrol que á de Narón. O decálogo presentado en Vigo, o pasado martes 23 de xullo, no inicio dun novo mandato dos gobernos locais, parece que no vai co goberno de Ángel Mato Escalona que volve a xogar cos intereses da veciñanza, como os outros dous alcaldes que lle precederon, José Manuel Rey Varela e Jorge Suárez Fernández. No citado decálogo, entre outras cousas de interese que ignora o actual Alcalde de Ferrol, sinala-se que “...é tamén indispensábel constituír gobernos locais que se guíen pola apertura á cidadanía, a integridade e a transparencia como criterios básicos de xestión política”.

Nun informe presentado este martes. | Red Localis propón un decálogo para os novos gobernos municipais. | Nel destácase a importancia de apostar pola innovación na prestación de servizos.


A Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este martes un decálogo de retos que na súa opinión deberían asumir os gobernos municipais para o novo mandato 2019-2023. Nel destacan a importancia de apostar pola innovación na prestación de servizos. 

O decálogo forma parte do documento número 12 da entidade, titulado Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, presentado este martes nas instalacións do Banco Sabadell en Vigo nun acto que contou coa participación de Concepción Campos e Alberto Vaquero, directores da Red Localis, e de Ignacio Rodríguez, director de Administracións Públicas do Sabadell Gallego. Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, no inicio dun novo mandato dos gobernos locais, Red Localis identificou neste documento "os principais desafíos aos que se deben enfrontar as administracións locais”. Desde a rede, da que forma parte persoal docente e investigador e profesionais do eido local, “considérase fundamental que os novos gobernos municipais saídos das pasadas eleccións sexan conscientes das necesidades ás que se enfrontan para o novo mandato, avanzando nun modelo de administración aberta, próxima, innovadora e, sobre todo, enmarcando adecuadamente as políticas públicas municipais orientadas cara á cidadanía”.

Do goberno aberto á calidade dos servizos

As propostas recollidas no decálogo son profundar en políticas de goberno aberto; potenciar a implantación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable; impulsar a innovación pública; garantir a seguridade en todas as súas dimensións e mellorar a planificación estratéxica a nivel urbano; consolidar as relacións interadministrativas para asegurar a racionalización dos recursos públicos; reforzar o papel das deputacións; mellorar o sistema de financiamento local, impulsar un renovado control interno local e incrementar a calidade na prestación de servizos públicos locais.

Entre estes desafíos, indican en nota de prensa desde a entidade, “a innovación debe abrirse paso na prestación de servizos municipais”. Ademais, engaden, “é tamén indispensable constituír gobernos locais que se guíen pola apertura á cidadanía, a integridade e a transparencia como criterios básicos de xestión política”. Os factores incluídos no decálogo, subliñan, "serán esenciais para afrontar o desafío que supón dar unha resposta ao drama da España baleirada”.

Fonte: Universidade de Vigo.

Documento:

Retos dos Gobernos Locais 2019-2023, en formato pdf, 22 páxinas. | Acceder/Baixar.
_______________

Ante a entrada na Ría de Ferrol, dun novo buque gaseiro, o Clean Planet LNG, cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha concentración sonora, este venres 26 de xullo, ás 8 da tarde, en Ferrol Vello, no Peirao de Coruxeiras


Ante a entrada na Ría do buque gaseiro "Clean Planet LNG" para descargar en Reganosa, está convocada unha nova acción de protesta, en Ferrol Velllo, no Peirao de Coruxeiras

CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
VENRES 26 DE XULLO, ÁS 8 DA TARDE
EN FERROL VELLO
NO PEIRAO DE CORUXEIRAS

O LNG "Clean Planet", de bandeira de conveniencia das Illas Marshall, cun peso morto de 89. 848 t, 289m de eslora, 45,6m de manga e 11,2m de calado, construído en 2014, ten previsto descargar en Reganosa, miles de toneladas de gas natural licuado. Este buque fai o número 255 que entra na Ría de Ferrol cargado con GNL, mentres se produza a descarga no pantalán de Punta Promontoiro (Mugardos), perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as persoas que moramos na contorna.
O Comité Cidadán convoca a participar na acción de protesta que quere poñer, unha vez máis, ao descuberto a corrupción política e económica que subxace en todo este despropósito que despois de cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra da Planta de Gas, e está última ditada hai uns días onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora. Esta nova sentenza da que se deu conta hai uns días en rolda de prensa por parte do Comité, declara ilegal a citada resolución gobernamental de exención da avaliación ambiental da planta regasificadora de Mugardos.

Sentenzas

Din formalmente os políticos corruptos, cando lles convén que as sentenzas están para cumprilas, mais este non é o caso de Reganosa, con cinco sentenzas do Tribunal Supremo que a declaran ilegal.

O goberno español, daquela en funcións (maio de 2016) de Mariano Rajoy, para saltar-se formalmente as sentenzas do alto tribunal, resolveu eximir a Reganosa de someter-se a preceptiva avaliación ambiental
. Mesmo esta decisión gobernamental de exclusión da obriga de someter-se a avaliación ambiental foi custionada no seu momento, por "El Defensor del Pueblo".o Comité Cidadán, recorreu esta resolución, e o Tribunal Supremo, sentenciou contra a citada resolución gobernamental.

Reganosa foi construída de xeito fraudulento ao amparo dun acordo confidencial, asinado o 20 de xullo do ano 2000, baixo o paraugas do goberno Fraga, con empresas multinacionais da enerxía, o Grupo Tojeiro e Caixa Galicia, entidade financeira corrompida pola súa directiva, hoxe moitos dos seus membros condenados por sentenza firme. Agora esta última Sentenza ven confirmar as demandas e denuncias do Comité Cidadán de Emerxencia que xa a está facendo valer ante os Tribunais, para que se proceda a anular os permisos de funcionamento concedidos ao amparo da ilegal exención de avaliación ambiental.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan gmail.com-
23 de julho de 2019 14:33
_______________

martes, xullo 23, 2019

A Plataforma denuncia o silencio do goberno municipal, despois de cumprir-se un mes desde a petición de reunión e chama ao diálogo para solucionar o conflito do cobro do recibo da depuración, dun período onde non se prestaba o servizo


A Plataforma denuncia, en Rolda de Prensa, o silencio do goberno municipal, despois de cumprir-se un mes desde a petición de reunión. Chama ao diálogo para solucionar o conflito do recibo, que Emafesa está pasando ao cobro como atrasos, da depuración de augas residuais. Este recibo, correspondo a un período onde non se prestaba o servizo, nen había persoal contratado, nin a enerxía eléctrica, nin conectado o sistema de interceptores e colectores xerais.

Segundo o Regulamento de Participación Cidadá, correspondía no prazo dun mes, ter unha resposta do alcalde, ou da concelleira delegada para este asunto Maite Deus. Anunciaron a súa intención de intervir no pleno do próximo mércores 24 de xullo. "Este é un dos temas urxentes da cidade, porque representa un cobro discriminatorio e abusivo", en relación a eses 7.129.145,59 de euros que os veciños e veciñas de Narón non van pagar, e pola contra en Ferrol si. Un período de 31 meses desde setembro de 2014, cando a depuradora non funcionaba, e o sistema non estaba conectado. "Apenas chegaba á depuradora o 1,5% das augas residuais da cidade, e para iso saían a cano libre sen depurar ao mar". A Plataforma nomea unha serie de informes internos e externos ao propio concello que así o demostran, "trátase dunha financiamento encuberto que a parte privada de Emafesa, SOCAMEX, que ostenta a xerencia da empresa, e na práctica o control da mesma, quere impor á veciñanza de Ferrol". A Plataforma continua realizando ao longo deste mes de xullo asembleas informativas nos barrios. Este martes 23 de xullo, será na Praza Vella ás 8 da tarde, e os puntos informativos, de 10 a 12 da mañá, ao longo da semana:
➤ Martes, Centro Cívico de Caranza.
➤Mércores, Local da AAVV O Rosario, no Inferniño.
➤ Xoves, Centro Cívico de Canido.

A Rolda de prensa segundo algúns medios:

➮ 2019.07.22 - Galici@Press. | Critican la "falta de respuesta" del alcalde de Ferrol para tratar el cobro de la tasa de saneamiento de Emafesa
Europa Press | lunes, 22 de julio de 2019, 15:52 . | Ir á Web.

➮ 2019.07.22 - El Correo Gallego. | Rechazo en Ferrol a pagar 7 millones más en depuración. | Los vecinos reciben facturas con atrasos de 2014, pero el saneamiento se inició en 2017. | Ir á Web.

➮ 2019.07.22 - Radio Ferrol - Cadena Cope. | La Plataforma critica a Ángel Mato la falta de compromiso para solucionar el pago de la tasa de saneamiento. | Ya ha pasado un mes desde que se pusieron en contacto con el edil socialista, y siguen sin respuesta. | Ir á Web.

➮ 2019.07.22 - Diario de Ferrol. | Só a publican na edición impresa, na páxina 3, a unha columna con foto co titular: "Piden una reunión con Mato para hablar sobre la tasa del agua". | Ir á Imaxe.

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
____________

luns, xullo 22, 2019

A Sección Sindical da CIG en Mercadona denuncia que a corporación do comercio de alimentación, ameza con sancións ao persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta


Na rolda de prensa participaron @s delegad@s da CIG en Mercadona d'A Coruña.

Entre eles a presidenta do comité de empresa María López Alejos, e André Abeledo, delegado de persoal da comarca de Ferrolterra.

Abeledo indicou que "non podemos permitir que se sigan a vulnerar dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores", "a actitude da empresa é arcaica e esta fora de lugar nos tempos que vivimos".

Mercadona ameza con sancións ao persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta.

A sección sindical da CIG denuncia que esta persecución atenta contra os dereitos das/os traballadoras/es.

Prohibidas as tatuaxes visíbeis e os piercings. Esa é a consigna que Mercadona instrúe a todo o seu persoal chegando mesmo a ameazar coa imposición de sancións a aquelas traballadoras e traballadores que non oculten estes adobíos. Así o denunciou este venres en rolda de prensa a sección sindical da CIG, quen advirte que esta persecución atenta contra os dereitos individuais e constitúe unha manifestación máis da política de férreo control que Mercadona exerce sobre as súas traballadoras e traballadores.

"Aínda que de momento non pasou do apercibimento verbal, o persoal que ten tatuaxes visíbeis está recibindo todo tipo de presións e ameazas para que as tapen", explica a presidenta do comité provincial da Coruña, María López Alejos, quen cualifica esta política laboral como totalmente extemporánea, vulneradora de dereitos e irrespectuosa co persoal.

Sinala que, no camiño de adaptarse aos tempos actuais, no último convenio colectivo se retiraron aqueles puntos que facían referencia as sancións por incumprir o aspecto físico esixido as traballadoras e traballadores. "Non obstante, a realidade é que en Mercadona están prohibidas as tatuaxes, ao igual que o piercings, e que a empresa ameaza con sancionar a quen as loce".

A este respecto, engade a presidenta do comité, Mercadona ten incluso un código de como ocultar as tatuaxes, dependendo da parte do corpo na que estean: no pescozo con maquillaxe, no brazo cunha venda, etc. "A clientela nunca se queixou porque algunha traballadora ou traballador teña unha tatuaxe. Ao contrario, chámalles moito máis a atención que vaiamos cun pegote de maquillaxe ou cunha venda", subliña.

Situación especialmente grave na tenda de Marineda City.

Pero esta persecución non ten a mesma intensidade en todos os centros de traballo, e mentres nunhas tendas a prohibición tómase con maior lasitude, noutras como o supermercado de Marineda City, as ameazas son constantes. Tanto é así, explican, que un día, aproveitando a ausencia das delegadas da CIG, a encargada reuniu nas dúas quendas laborais a todo o persoal para reiterarlles que non se poden levar á vista as tatuaxes e lembrarlles que quen non cumpra esta obriga pode ser obxecto de sanción.

"Ao día seguinte, un  traballador non cubriu a tatuaxe que ten no brazo e foi rapidamente chamado á oficina. Alí a encargada, con dúas testemuñas, díxolle que tiña que tapala porque esa é a política da empresa. Cando o traballador lle respondeu que o convenio non recolle nada sobres este asunto, a encargada díxolle que se dera por informado e lanzoulle ameazas veladas".

Para a CIG, que se poida chegar a sancionar a unha compañeira ou compañeiro por este motivo non só resulta inconcibíbel nos tempos actuais, senón que atenta contra o dereito á propia imaxe e ás liberdades individuais. Por iso, advirten que "non imos amedrentarnos ante ningunha ameaza e seguiremos a defender a dignidade e os dereitos do persoal". E engaden que, atrás desta persecución, o que en realidade se agocha son os intentos de Mercadona por dobregar e controlar ao seu persoal.

A CIG tratou esta prohibición nas reunións trimestrais coa empresa.


A sección sindical da CIG levou esta problemática nás reunións trimestrais do comité e a empresa, que se limitou a asegurar que esta orde forma parte da política interna de Mercadona. "Cando lle pedimos que nos mostraran onde está recollida a obriga de tapar as tatuaxes, a resposta foi que hai que respectar a uniformidade, a neutralidade e a seguridade alimentaria e que, presuntamente, nos informan de palabra cando nos contratan".

Dende a CIG pídeselle a empresa que avance canda a sociedade e permita ensinar as tatuaxes se non teñen contido ofensivo, "pero até o momento non nos contestaron e continuamos igual". De feito, ao persoal con tatuaxes nos brazos Mercadona nin sequera lle entrega o uniforme de verán, polo que teñen que traballar todo o ano en camisa de manga longa.

A obsesión de Mercadona pola imaxe do seu persoal chega até o punto de que se prohibe ás traballadoras e traballadores asistir ás reunións de empresa con pantalón vaqueiro, pantalón curto, chándal, sandalias ou zapatillas deportivas.

Agardando que sexa do voso interese.

Un cordial saúdo.

A Coruña, a 19 de xullo de 2019

Sección Sindical da CIG en MERCADONA.

Enviado por:
CIG en Mercadona
-cigmercadona@gmail.com-
21 de julho de 2019 15:28

________________