mércores, febreiro 24, 2021

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.


Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

E ti dis que aquele. Que calme. Disque teño que buscar o xeito de atoparlle fondo e fin a esta noite que me asombra sen día, que en todo está i que é todo. E dis, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxiños secos antr’o pinar. Queda na casa, pecha os postigos, foxe da xente, descansa ren, pensa naquelas, nas devanceiras que por ti porfiaron perante a inxusta lei.

Que hoxe son elas quen piden vida, e levas no bico a súa voz. O seu acto. O seu sangue. A súa forza. O seu sentir. O país enteiro cabe nun ferrado de terra de Ortoño, Padrón, Compostela, Bastavales, Muxía, Moaña, Londres, Berlín … todas esas voces nosas que se espallan na diáspora do país e do mundo, que desexan volver a este mar, a esta Galicia á que ti lle cantabas ás beiras de cada río que mirabas como o Sar.

Non habías ficar silente. Non te habían calar. Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema. Aínda hoxe andarías a escribir artigos nos xornais ou na procura da crítica social a un sistema abusivo. A nós, que permanecemos nesta terra, só nos queda ser e alzar a voz de Rosalía de Castro. Reivindicarte, traerte, engarzarte na gorxa e que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo.

Neste momento de incerteza, pode ser a ciencia a que nos faga pensar que todo cambio parte dun punto de partida da ruptura do equilibrio. Sexa entón unha oportunidade. Sexa o día do teu aniversario a primeira canción, a esperanza, a resiliencia toda. Sexa o día do teu aniversario o día no que Dios santo premita qu’aquestes cantares d’alivio vos sirvan nos vosos pesares.

Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.

Ás miñas costas as palabras que me falaron de ti, Rosalía. Da túa multiplicidade poética, dos teus cantos de independencia e liberdade, do país debuxado na túa mente que respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres, do manifesto do poema en vixencia do século XIX ao XXI do errar polo mundo das galegas e galegos todos. Manifestos de quen falou antes de min e falou ben, manifestos aos que me uno na pregaria, miña santiña, de que hoxe e sempre atopes acubillo no noso cantar.

Miña santasa, meniña gaiteira, cantadora do mar, necesidade do rexurdimento unha vez máis desta nación túa na procura constante da xustiza. Heiche de dar os pendentes por que me deixes bailar.

Te-lo teo, rapaciña.

Teño, santa, non o nego.

Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz.

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

Cantarte hei, Galicia,

teus dulces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.

Anna R. Figueiredo

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)


#rdc_2021 #TeusDocesCantares

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Fonte: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
_______

 

 

 

 

 

 

 

 

martes, febreiro 23, 2021

As forzas nacionalistas exixen coñecer a verdade sobre o golpe de Estado do 23-F - Nestor Rego critica a tentativa de 'branqueamento' da monarquía


As forzas nacionalistas exixen coñecer a verdade sobre o golpe de Estado do 23-F . | Felipe VI reivindica o papel do rei Juan Carlos en defensa da democracia

O 40 aniversario do golpe do 23 de febreiro de 1981 marcou esta terza feira a actualidade política do Estado español. O acto central da xornada desenvolveuse no Congreso dos Deputados, nun acto presidido polo rei, Felipe VI, e onde participaron as formacións que conforman o Executivo de coalición, así como as principais organizacións políticas do ámbito estatal, como o Partido Popular, Ciudadanos e Vox. No marco do mesmo, Felipe VI reivindicou o papel do rei Juan Carlos I en defensa da democracia e destacou o seu rol para parar o golpe de Estado.

Ante aquela inaceptábel fractura da lexítima e legal orde democrática, o rei Juan Carlos I asumiu como xefe do Estado a súa responsabilidade e o seu compromiso para que se tomaran ‘todas as medidas necesarias para manter a orde constitucional dentro da legalidade vixente”, destacou o monarca, quen fixo unha defensa fechada do texto da Constitución española de 1978. Así, afirmou o seu compromiso “máis firme e forte que nunca” coa norma e aproveitou a ocasión para expresar a “inequívoca vontade da Coroa de ser unha institución que inclúa, integre e una todos os españois”.

A ‘ruptura democrática co réxime do 78’

As forzas nacionalistas asinantes da Declaración de Llotja de Mar desmarcáronse do acto e aproveitaron a data para facer público un manifesto onde apostaron “pola ruptura democrática”. Así, un texto asinado polo BNG, CUP, EH Bildu, ERC, Junts per Catalunya e PDeCAT, reclama a “ruptura democrática co réxime do 78, o cal supón a negación nacional e social dos dereitos e liberdades das nosas sociedades e os nosos pobos. O réxime do 78 e os piares que o sosteñen son o cadeado que impide que a cidadanía catalá, vasca, galega, así como as clases populares deste Estado, avancemos cara a un escenario democrático baseado na liberdade nacional e a xustiza social”.

Hai hoxe 40 anos, tras os acontecementos do 23-F, unha operación de Estado reforzou e blindou os piares e valores do réxime estabelecido na mal chamada transición democrática española, coa figura do Rei e o Exército como os seus maiores garantes. Piares e valores antidemocráticos de onde nacen a represión, a desigualdade, a inxustiza, a corrupción, a conculcación de dereitos e o recorte de liberdades que se manteñen até o día de hoxe”, sinalan as formacións asinantes do manifesto, quen cuestionan o relato oficial sobre o golpe e discrepan sobre o papel xogado no mesmo polos aparatos do Estado.

Máis aló da versión oficial, existen fundados indicios de que o golpe de 23 de febreiro foi algo planificado e orquestrado non por catro militares descontentos, senón por toda unha operación de Estado que permitese salvar o réxime do 78 até os nosos días. É hora de coñecer todo o ocorrido en nome da verdade e a memoria democrática”, afirman no seu chamado as organización nacionalistas, quen deron conta da presentación "dunha iniciativa conxunta para esixir que, 40 anos despois do 23-F, se coñeza con exactitude cada documento, cada gravación, cada información significativa que obre en poder do Estado español e que achegue 'luz e taquígrafos' aos verdadeiros acontecementos que alumaron o golpe”.

Rego critica a tentativa de "branqueamento" da monarquía

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, foi un dos parlamentarios que non participou dos actos oficiais en lembranza do 40 aniversario do golpe de Estado. En declaracións a Nós Diario, afirma que “as forzas soberanistas e republicanas que estivemos aquí non queríamos participar de ningunha maneira nun acto que ten como obxectivo fundamental o branqueamento desta monarquía anacrónica e corrupta”. “Porque non é que haxa dúbidas sobre o papel do Borbón naquela altura”, continúa Rego, “o que hai son evidencias da súa participación nun golpe de Estado do que se apeou cando viu que fracasaba e, en todo caso, é cuestionábel que fracasase totalmente porque serviu para aprobar a Lei orgánica para a harmonización do proceso autonómico e marcar os límites da democracia”.

Relacionados

Nós Diario - 23.02.2021 | 23-F: o soberanismo defende no Congreso a “ruptura” coa “herdanza, privilexios e bases do Réxime do 78”. | Formacións vascas, catalás e galegas exixen “luz e taquígrafos” sobre o ocorrido no Golpe de estado do 23 F. | Ir á Web.|

Publicado en Nós Diario. | 23 de febreiro de 2021.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
23 de fevereiro de 2021 19:43

_______

Unha memorábel entrevista ao ex Xuíz de Instrución (retirado) Ramiro García de Dios: 'O que máis preocupa ao sistema son as loitas pacíficas, o que ten pánico é ás protestas pacíficas porque saben que aí é onde ao final, perden' - Vídeo da entrevista completa


Memorábel entrevista (en castelán) ao ex Xuíz de Instrución (retirado) Ramiro García de Dios. [*] Foi JdI durante 30 anos, desde 1987 ao 2018. Si non tivese a idade que ten, seguramente onte á noite -logo das súas palabras- o houbesen ir a buscar as forzas de 'seguridade' do Estado á súa casa.

Demoledoras declaracións achega dun "subsistema policial que ten un fío condutor coa ditadura da policía", un xuíz garantista contra os "delitos que pode cometer un axente de policía". Accede ao cargo de Xuíz de Control nos CIE (Centro de Internamento de Estranxeiros) de Madrid ao que chama "islote sen dereitos" en 1986.

En España "en xeral estase utilizando a prisión preventiva a modo de escarmento e sobre todo (buscando) o efecto desalento". En relación ás detencións arbitrarias que se están facendo estes días, incluso un caso no que o deixaron ir ás 24 horas PORQUE NINGUÉN SABÍA POR QUE O DETIVERAN "en Dereito Penal baixo ningún concepto un policía testemuña pode ter Presunción de Veracidade, baixo ningún concepto isto vale nun Estado democrático".

"Hai unha relación de compadreo (corporativismo) entre a maioría dos Xuíces de Instrución ... ( e ) aínda que hai un sector progresista, hai un sector neofascista e autoritario". "É para estar preocupado por derívaa autoritaria que vén e a que vai vir".

"O que máis preocupa ao sistema son as loitas pacíficas, O que ten pánico é ás protestas pacíficas porque saben que aí é onde ao final, perden".

"Si, desgraciadamente si que é posible que a policía manipule probas para encausar a alguén" e detalla como se fai e como nalgúns casos podería desbloquearse isto. Pero polo mencionado corporativismo (que podería ser caracterizado como relación mafiosa) "non adoita ocorrer que o Xuíz desconfíe dun policía".

"O problema non adoita estar en toda a Policía, senón específicamente nos corpos antidisturbios e en toda España, Garda Civil, Policía Nacional e o que sexa".

Achega do Ministro en funcións Grande Marlasca, García de Dioss coincidiu ao redor de 6 anos con el sendo ambos Xuíz de Instrución. Caracterízao de ter unha "acusada miseria moral". "Un Xuíz antigarantista, autoritario, con mentalidade policial. Que o fai tamén na súa compracencia co subsistema policial, o que lle garante o seu ascenso ata a posición de ministro sendo un xuíz mediocre e autoritario".

Achega de Carlos Lesmes, "é o prototipo do Príncipe do século XVI". "Aínda que non todas as súas actuacións son de xuíz prevaricador, en multitude de ocasións os criterios de mérito e capacidade para os nomeamentos ignóraos totalmente e opera ao servizo dos partidos (do poder político). Hoxe por tí, mañá polo outro". "Si o Consello Xeral do Poder Xudicial xa ten pouca credibilidade, Lesmes e este Consello contribuíron a degradalo aínda máis".

"Marchena é o clásico xurista do Príncipe. É capaz da calquera letra poñerlle aparente música xurídica". "Á letra do oe, oe, oe, a por eles, poñerlle música xurídica".

"Os sindicatos policiais non son tales, son confrarías policiais. Non son para loitar contra os patróns. Atacan sistematicamente calquera crítica".

Si este país está como está, é porque fundamentalmente a maioría de españois quéreo así. Mediante os seus votos confirman unha e outra vez que prefiren un país corrupto, antidemocrático, mediocre, intolerante e onde o risco non o corran os delincuentes senón os 'inconvenientes', os que poidan obstaculizar que todo siga igual. Non deberían chamarse Constitucionalistas porque son todo o contrario, deberían chamarse Continuístas, só queren a continuidade e o status-quo para que nada cambie, aínda a costa de que a Lei sexa puro conto e quen a representan, unha panda de tahures ben vestidos.


#FAQSTV3 Ramiro García de Dios: "Marlaska hauria de dimitir i no tornar a la jurisdidicció" - FAQS - 08/06/2020.

Cris Puig entrevista l'exjutge Ramiro García de Dios per analitzar la investigació sobre la manifestació del 8M que ha enfrontat el coronel Pérez de los Cobos amb el ministre Grande-Marlaska.

#FAQSTV3​


Subscriu-te al canal oficial de TV3 a YouTube:
https://bit.ly/2WFU15Y

Catalunya Ràdio a YouTube: https://bit.ly/2RLKl6r
Facebook: https://ca-es.facebook.com/tv3
Twitter: https://twitter.com/tv3cat​
Instagram: https://www.instagram.com/tv3cat
​ Web: https://www.ccma.cat/tv3/

Fontes:  Canle tV3  e  Marcello Scotti (Photography and Videography) - Facebook e Web.

[*] Ramiro García de Dios (Palma, 1946) é un xuíz español. Desde o ano 1996 ate 2018 foi titular do Xulgado de Instrución número 6 de Madrid. Do 2010 ao 2018, foi un dos tres xuíces de control do Centro de internamento de estranxeiros de Aluche, Madrid. O 2016, a Asociación Prol Dereitos Humanos de España (APDHE) deulle o premio Dereitos Humanos. É membro de Xuízas e Xuíces para a Democracia. O 2019 afirmou que a policía pode manipular probas para inculpar os detidos. [Wikipedia]
_______

Carta enviada desde 'A Quinta' ao Centro de investigacións Sociolóxicas para solicitar que realicen estudos demoscópicos sobre o debate do encaixe territorial do Bierzo na Galiza

O Movemento Cidadán A Quinta ten como finalidade traballar co obxectivo de conseguir que a Comarca do Bierzo se constitúa nunha provincia do Estado integrada na Comunidade Autónoma de Galicia. A Quinta defende que todos e cada un dos pasos que deben darse para conseguir os seus obxectivos deben ser dentro do actual marco constitucional e respectando as vixentes leis que establecen a posibilidade de efectivizar a demanda expresada.

Sabemos que as demandas de A Quinta non representa o sentir unánime dos bercianos e bercianas, pero si podemos dicir que diversas enquisas realizadas reflexan como opción maioritaria dos veciños e veciñas da nosa Comarca a opción de que o Bierzo se converta en provincia e que a mesma se integre na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos estudos sobre a temática referida temos o realizado pola UNED Ponferrada, en 1995, no que o desexo de recuperación da provincia obtivo o SI do 53,4% da poboación fronte ao 34,3% que estaba en contra. En xaneiro de 2020 un novo estudo realizado pola compañía Huaris CC revelaba que, en caso de ter que escoller unha nova configuración autonómica, os bercianos e bercianas elixirían como fórmula prioritaria a unión do Bierzo a CAG (e preferibelmente como quinta provincia). No último apartado da enquisa, no que poden escoller unha nova configuración autonómica, a maioría (38%) preferiría unir O Bierzo a CAG.

Non só están os estudos sociolóxicos dando fe do debate existente na sociedade do Bierzo tamén está o feito que nos últimos anos teñen sido varios os concellos e parroquias bercianas que teñen solicitado a súa integración en Galicia: Fonte de Oliva (opción vista con simpatía polo presidente da Xunta en declaracións públicas) ou A Veiga de Valcarce. Tamén están as iniciativas elevadas por partidos políticos a institucións como o Consello Comarcal do Bierzo e o Parlamento Galego.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas ten dentro dos seus cometidos o estudo científico da sociedade do Estado Español. A realización dos estudos sociolóxicos por parte do CIS perseguen a obtención de datos rigorosos das simpatías, inquedanzas, apoios, ... que a sociedade españolaou de parte da mesma teñen de cara a diferentes posicionamentos.

Entendemos, desde A Quinta, que o debate sobre o encaixe territorial do Bierzo así como o desexo e demanda de cambio territorial que se esta a manifestar de diversas formas dentro da sociedade berciana cumpre con todos os requisitos para que sexa tido en conta dentro dos estudos que o CIS realiza habitualmente.

E por ilo que SOLICITAMOS ao Centro de Investigacións Sociolóxicas a través da súa Secretaría Xeral:

1º.-Que deseñe, programe e realice un ou varios estudos sobre a realidade social, política e económica do Bierzo.

2º.-Que dentro dos estudos a realizar se inclúan aspectos relacionados coa satisfacción dos bercianos e bercianas sobre o trato que recibe a Comarca do Bierzo por parte da Comunidade Autónoma de Castilla y León.

3º.Que dentro dos estudos a realizar se pregunte sobre a satisfacción do actual encaixe territorial da Comarca do Bierzo dentro da provincia de León e da comunidade autónoma de CyL.

4º.-Que dentro dos estudos a realizar se pregunte acerca do apoio que se lle da á demanda de constituír o Bierzo como provincia e a súa integración dentro da actual Comunidade Autónoma de Galicia dentro do actual marco constitucional.

5º.Que dentro dos estudos a realizar se pregunte á cidadanía galega sobre o grado de aceptación que tería a inclusión da Comarca do Bierzo como unha quinta provincia galega.

Ficando á espera do acuse de recibo da presente solicitude e da aceptación do inicio do estudo da mesma, saudámolos moi atentamente.

Ponferrada, 13 de Febreiro de 2021

A Quinta
Movemento Cidadán do Bierzo


Enviada por:
A Quinta O Bierzo
-obierzoaquintaprovincia@gmail.com-
22 de fevereiro de 2021 11:48

_______

Telemedicina, o coronavirus como coartada, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
23.02.2021


TELEMEDICINA, O CORONAVIRUS COMO  COARTADA.


Sentadas miña nai e máis eu, convivintes, arredadas por unha fita de plástico de obra, reparei no home da cadeira que tiña de fronte pois me lembrou ao agrimensor K. luitando desesperadamente por acceder ás autoridades deste castelo, centro de saúde dun sistema sanitario kafkiano. Miña nai, esvarava na cadeira, durmiñando polo efecto duns antibióticos tele-diagnosticados. Varias semanas nos levara agardar pola cita da médico e logo da enfermeira. Esta saiu e levou ao señor K. a lle facer quen sabe que probas namentres, amavelmente, nos mandava agardar. Eu botava de menos aquelas salas ateigadas de doentes cos seus lúgubres relatos públicos de escuras doenzas e remedos onde se pasava dunha dor intercostal a un abuso laboral sen solución de continuidade. Os monitores alfanuméricos acabaran con toda comunicación interxeracional, con aquel parladoiro antropolóxico que era unha sala de espera. Só se escuitava polo audio a insufrivel música enlatada para nos evadir. Cando, súpeto, Pasaba por aquí, pasaba por aquí, ningún teléfono cerca y no lo pude resistir… aquela vella canción de Aute instilouse como unha avesa premonición. Por unha vez, miña nai tiña sorte de oír mal e non ter mercado uns novos audífonos cando estes se lle quedaron obsoletos xusto cando se estava afacendo a eles. Entre iso e os tapóns de cerume, dos que era gran produtora, nin tiña coñecemento de que existisen máis ondas cas do mar.

Sorrín ao facer mentes daquela parodia premonitoria de Mr. Bean  -Mr. Feijóo para os galegos-  cando fica só na consulta do dentista e se atende el a si mesmo. A automedicina. Tamén lembrei cando as xentes rían do diagnóstico polo iris do Dr. Vander. Agora envías unha foto do dedo gordo do pé ou respondes a perguntas íntimas na tele-revisión xinecolóxica do teu útero por teléfono, esperando que alomenos unha porcentaxe da telefonía vaia para tratar o cólera na África. Ou aborreces dun contestador que te trata de parvo facéndoche repetir a data de nacemento porque non entende a túa pronuncia, como se foras ti quen necesita un logopeda e non o trebello infernal. Aínda ben que miña nai non estea soa como lles ocorre a tantas persoas maiores!. Remataría como o señor K., a personaxe literaria.

Todo este balume furavame os miolos na espera até que os meus ollos repararon nos monitores recén estreados. Eses nos que se tiraron tantos cartos da sanidade para nos acalar e tolear.  Agora xacían apagados liberándonos dos chifres entrecruzados entre salas cada vez que un código alfanumérico aleatorio mudava para avisar da veceira e obrigava a todos os ollos a se espetar no monitor.

Ao fin, a enfermeira chamounos e, tras uns intres duvitativos, -nos que eu, recordando o proceso, encomendeime ao Altísimo-, de se lle tirar os tapóns (porque polo visto tamén tiñamos que ter collido cita médica para que a doutora lle dera o visto bo), apiadouse dunha case nonaxenaria e tras cubrir e asinar un papel no que os descarregavas de calquera responsabilidade, conseguimos desfacernos do cerume cunha alegría impensavel nos tempos da medicina de familia. Lembran?. Si, aquela especialidade maravillosa pola que ía apostar o Sergas antes de que o desartellaran, viñera a pandemia e os MIR preferiran a especialidade de cirurxía estética. E tampouco os culpo porque hai que ser algo máis que heroi para traballar nun centro de saúde con triple de pacientes que hai dez anos e facer un diagnóstico de teleoperadora por moito menos salario que calquera tertuliano de telelixo e con menos aplausos.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de fevereiro de 2021 22:24

_______

Volver a pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático - Manifesto a mantenta da resolución da Audiencia Provincial da Coruña ao recurso da familia Franco a respecto do Pazo de Meirás - Enlace para asinar o manifesto


UNHA SENTENZA HISTÓRICA EN PRIMEIRA INSTANCIA

O pasado día 12 coñecíase a resolución da Audiencia Provincial da Coruña ao recurso da familia Franco a respecto do Pazo de Meirás. Esta nova sentenza, en base ás alegacións presentadas polas persoas demandadas, revisa a emitida pola xuíza Marta Canales en setembro de 2020. Unha sentenza histórica pola que se determinaba que o inmoble era patrimonio do Estado en base a sólidos argumentos xurídicos apoiados no coñecemento histórico: a fraude que implica a existencia de dúas escrituras contraditorias (1938 e 1941); o uso e xestión por parte do Estado durante toda a ditadura, facéndose cargo de todos os gastos e levando a cabo innumerables obras; a presenza do Estado máis alá da morte do ditador, con persoal a soldo das arcas públicas traballando no Pazo ata 1990. A todas estas razóns de peso, determinantes á hora de establecer a consideración do edificio como un ben público, a sentenza sumaba outras consideracións moi relevantes: o exercicio represivo que caracteriza ao proceso polo que o Pazo chega a mans do ditador ou a súa entrega en calidade de Xefe do Estado e non a título particular, acreditada pola documentación pero tamén evidenciada por un contexto no que a identificación de Francisco Franco co Estado é total e existe unha indelimitación entre os ámbitos do público e o privado.

O TRIUNFO DUNHA REIVINDICACIÓN DEMOCRÁTICA DA SOCIEDADE GALEGA

Pois ben, o primeiro que a nova sentenza vén poñer de manifesto é que a evidencia de que o Pazo de Meirás é propiedade pública é tan firme que hoxe moi dificilmente pode ser posta en cuestión. O documento que sostiña que o ben pertencía á familia Franco, a escritura de compra-venda de 1941, corresponde a un negocio simulado, a un fraude. A finca xa fora adquirida á súa propietaria en 1938 pola Junta Pro-Pazo del Caudillo, co obxecto de doala ao Xefe do Estado. En 1941, para inscribila como propiedade particular, Franco, a través do seu apoderado Pedro Barrié de la Maza, asina unha nova compra-venda na que a vendedora volve a ser a mesma persoa que xa vendera o ben en 1938 e na que se sinala un prezo ficticio, pois xa fora pagada. A esta evidencia súmase o uso continuado por parte do Estado e os investimentos públicos realizados. É dicir, que Franco tería recibido o Pazo de Meirás en calidade de Xefe do Estado, tería manobrado, incorrendo nunha simulación, para converter esa doazón nunha compra-venda que acreditase a posesión particular do edificio pero, en contradición, as propias administracións públicas daríanlle consideración de residencia oficial e de edificio público, asumindo todos os custes. A conclusión non podería ser outra: o Pazo de Meirás é unha propiedade do Estado.

Esta afirmación, formulada pola Avogacía do Estado na súa demanda, aceptada na sentenza de 2020 e ratificada na de 2021, representa un fito democrático produto dunha reivindicación colectiva. Un proceso con longo percorrido no tempo que se caracterizou pola divulgación de investigacións históricas, as reclamacións da sociedade civil, a suma progresiva de vontades e a construción de consensos en base a evidencias que dificilmente podían seguir sendo asumidas desde a perspectiva das institucións democráticas. O coñecemento dun pasado que nos avergoñaba como sociedade se non faciamos nada para mudar as súas consecuencias no presente. Neste contexto, a reivindicación social daba o salto ás institucións galegas (Deputación, Concellos e Parlamento galego) que acordaban a creación de órganos de estudo para a a incorporación do Pazo a patrimonio público, dos que nacerían informes clave para a recuperación do inmoble, sen custos para as arcas públicas, xa que este era un ben que xa pagara o pobo galego. Os informes concluían que o seguinte chanzo no camiño á recuperación do inmoble pasaba por que a Avogacía do Estado interpuxese unha demanda, como así fixo.

UNHA NOVA SENTENZA INACEPTÁBEL NUNHA DEMOCRACIA

Agora, cando semellabamos camiñar con paso firme cara á transformación do Pazo de Meirás nun referente de rexeneración democrática e de normalización da nosa relación co pasado traumático, a nova sentenza, que non contradí á primeira nos termos xa indicados, establece outras resolucións que afondan na dirección contraria. Fundamentalmente, porque manobra para satisfacer intereses moi cuestionables da familia Franco, retorcendo os límites da realidade e incorrendo en contradicións evidentes. Pero tamén porque tece un discurso acerca da ditadura que axuda a branquear o réxime, poñendo en dúbida conclusións das investigacións previas desde unha absoluta subxectividade e insultando á memoria das vítimas. No momento en que avanzabamos na ruptura co relato sobre a historia do Pazo de Meirás creado e difundido pola ditadura, unha sentenza colabora na consolidación de elementos dese relato e resolve que hai que indemnizar á familia Franco por un ben do que gozou sen que lle correspondese. Mentres, o mesmo goberno do Estado que interpuxo a demanda decide renunciar á posibilidade de presentar recurso e asume a sentenza como positiva para os seus intereses.

AFIRMAR QUE FRANCO POSUÍU O PAZO DE MEIRÁS DE “BOA FE” É UN INSULTO Á MEMORIA DAS VÍTIMAS DO FRANQUISMO


O relator da sentenza considera que a familia Franco posuíu un inmoble que, en realidade, correspondía ao Estado, mais fíxoo “de boa fe”. Permaneceu allea aos fraudes, vicios, incongruencias e abusos presentes e todo o proceso polo que chegou ás súas mans e que caracterizaron tamén a xestión que se realizou do Pazo durante décadas. Non só os herdeiros do ditador, senón o ditador mesmo, que tería sido beneficiario das irregularidades cometidas por outros. Tampouco en Franco se advirte “mala fe”. E isto malia admitirse que era coñecedor de que o título posesorio era ilícito, e que, de feito, manobrou para legalizalo coa escritura fraudulenta de 1941. O relator debuxa a un Franco alleo ao que acontecía ao seu redor, trasladando as responsabilidades a terceiras persoas (Junta Pro-Pazo, Estado, o seu apoderado Barrié de la Maza) para liberalo a el das mesmas, o que non deixa de ser unha valoración subxectiva contraditoria coas probas documentais e testemuños presentados no xuízo.

A FAMILIA FRANCO NON SABÍA NADA

Entende tamén o relator que, sexa como for, a posesión de “mala fe” nunca podería ser achacada aos netos do ditador, porque esta condición non se herda. Eles foron propietarios en virtude dunha escritura, a de 1941, que acreditaba esa propiedade, e non tiñan por que coñecer a súa natureza fraudulenta. Poderiamos aceptar este argumento, malia as declaracións públicas continuadas nas que afirmaban que o Pazo fora un agasallo ao seu avó e que, polo tanto, non o mercara el, o que evidencia que coñecían esa contradición. Mais aínda dando por bo que eran descoñecedores desta realidade, hai algo que cómpre advertir. Os netos do ditador foron propietarios desde decembro de 2017. Ata ese momento foino a súa nai, Carmen Franco, e a súa avoa, Carmen Polo, a primeira dama, faleceu no ano 1988. Tamén elas eran descoñecedoras de todo o proceso e, xa que logo, propietarias "de boa fe"? Elas, que pisaron o pazo antes que o propio Franco, xa en 1938? Que estiveron presentes no acto de entrega do edificio?
Todo isto, ademais de proxectar unha determinada imaxe da ditadura e do ditador, ten unha consecuencia directa. Se os posuidores o son “de boa fe”, adquiren dereito a seren compensados economicamente polos gastos nos que incorreron, tanto os de mantemento como os de mellora, sen que poidan deducirse os ingresos percibidos polos Franco. Ingresos a compensar que entrarían no cálculo da liquidación posesoria de declararse a “mala fe” na actuación do ditador, e polo tanto con presumible saldo negativo para os Franco.

TEMOS QUE PAGARLLO TODO DESDE 1975. INCLUÍDA A RECONSTRUCIÓN POR UN INCENDIO QUE XA COBRARON

O relator fixa a data a partir da cal os gastos deben ser reembolsados: 1975, a morte de Franco. Entende que é a partir dese momento cando o Pazo perde a condición de ben público do Estado e pasa a ser administrado pola familia Franco, que corre cos gastos. Non ten en conta, a estes efectos, que o Estado mantivo un destacamento da Garda Civil ata o ano 1982 destinado no cuartel do Pazo coa función de vixiar a finca. Nin ten en conta que, ata o ano 1990, o Pazo de Meirás estivo custodiado por un Garda Civil que vivía no interior e realizaba tarefas de mantemento. Realidades ambas constatadas no xuízo e aceptadas como probadas en ambas sentenzas. Tampouco ten en conta que as únicas actuacións relevantes acreditadas pola familia no recente xuízo son as de reforma interior acometidas entre 1998 e 2000. As obras coas que se reformou o edificio para amañar os danos ocasionados por un incendio polo que percibiron do seguro máis de trece millóns de pesetas de 1978. Actuacións realizadas, por certo, en detrimento da estética orixinal do inmoble e sen os permisos da Xunta, preceptivos ao se tratar dun ben catalogado. É dicir, que un dos principais investimentos que alegan e polo que pretenden agora ser compensados foi unha reforma realizada 20 anos despois dun incendio polo que xa percibiron compensación.

Non é certo, xa que logo, que a familia Franco asumise todos os gastos de mantemento do Pazo de Meirás desde o ano 1975. Nin moito menos. De feito, ata finais dos anos 90 o Pazo permaneceu nun estado que rozaba o abandono e que contribuíu a acentuar o seu deterioro. Mentres, en paralelo e previa recualificación, vendían parcelas nas súas inmediacións que durante a ditadura recibiran fortes investimentos do Estado. Mentres, por outra banda, puñan todos os atrancos posibles á súa declaración BIC, impedían a entrada dos técnicos da Xunta e incumprían a Lei de Patrimonio Cultural ao non permitir as visitas. Que hoxe haxa que compensalos economicamente por teren gozado dun ben que non lles correspondía, sabendo ademais que o xestionaron con absoluto desleixo, con menosprezo cara ás leis e con profundo desprezo cara a sociedade galega, non semella ético nin xusto.

UN PAZO A TITULO PERSOAL PARA FRANCO, “ENVIADO DE DIOS”

A sentenza inclúe outras afirmacións que consideramos inasumibles. Por exemplo, o feito de que pretenda demostrar que o agasallo se efectuou a Francisco Franco en calidade de particular e non como Xefe do Estado. Que nos documentos da época se aluda ao Caudillo, Generalísimo, Salvador de España ou al Generalísimo de los Ejércitos y Jefe del Estado Nacional Excmo. Sr. don Francisco Franco Bahamonde acreditaría, a dicir do poñente, que o agasallo ía destinado á persoa particular, pois todos eses títulos fan referencia a el. Chégase a a afirmar o seguinte: “El apelativo de «Caudillo» se aplicaba a él, y a nadie más. Y se le presenta como un enviado de Dios. Mensajero divino no puede ser el Estado, ni la Administración General del Estado. Es una persona física”. Nin atende a un contexto no que resulta evidente que Franco é obsequiado por ser Xefe do Estado, nin se ten en conta que, ao realizar un agasallo a un cargo institucional, antes e agora, adoita concretarse o nome de quen nese momento detenta o cargo.

DESPREZO Á MEMORIA DEMOCRÁTICA. POSTA EN DÚBIDA DOS ABUSOS

Por outra parte, póñense en cuestión aspectos do relato histórico polo feito de estaren baseados en testemuños orais, como se non fose esta unha práctica habitual –tanto a nivel historiográfico como xurídico– cando non existen evidencias documentais e sempre que se analicen estas probas de xeito rigoroso. Négase, por exemplo, que existan probas de que as fincas lindeiras fosen tomadas pola forza. Admítese probado que, entre 1938 e 1941, ao erguerse o muro, incorporáronse fincas e alúdese a unha testemuña que narrou como “su abuela había sido desahuciada de su casa y privada de su propiedad violentamente”, mais, acto seguido, afírmase que “no puede confundirse la usurpación de las parcelas con la supuesta coacción para el otorgamiento de escrituras públicas transmitiendo esas propiedades”.

Tamén realiza o poñente consideracións improcedentes acerca dos métodos empregados na recadación. Realiza xuízos interpretativos carentes de rigor cando cuestiona se as achegas realizadas por cuestión popular foron relavantes. Afirma que “tampoco resulta relevante si las aportaciones fueron mayoritariamente voluntarias o se obtuvieron a punta de bayoneta”. Novamente, excúlpase a Franco ao indicar que “no hay constancia de que él solicitase esa actuación, la auspiciase o promoviese” e que a subscrición é anterior á adquisición do Pazo á súa anterior propietaria. Extremo este último abertamente falso, como se pode comprobar na documentación presentada ao xuízo pola acusación, na que se certifican entregas de diñeiro procedentes da colecta cando menos ata o ano 1940, cando Franco xa levaba dous anos facendo uso do inmoble.

O ESTADO NON PODE ASUMIR ESTE RELATO. DEBE RECORRER A SENTENZA

Todas estas razóns fan desta sentenza un documento inadmisible nun Estado democrático. Un relato que asegura a “boa fe” dun ditador e dunha familia que detentaron de xeito ilícito a posesión do Pazo de Meirás. Que implica compensalos economicamente. O Estado ten ferramentas para, cando menos, cuestionar ante un tribunal argumentos tan controvertidos. Se o fai, dará un paso máis neste camiño emprendido para saldar problemas non resoltos da nosa sociedade e do propio Estado español co seu pasado que se proxectan no presente. Un Estado que segue a ter graves dificultades para xestionar o exercicio á liberdade de expresión, no que investigar os crimes da ditadura segue a ser un risco para quen investiga, no que seguen a darse atrancos no acceso a arquivos e no que seguen a sorprender decisións da xudicatura que evidencian continuidades co pasado. Non é comprensible unha postura que non se enfronte ao que significan moitas das resolucións que se conteñen nesta sentenza. Unha postura que non cuestione esta distorsión da realidade para proxectar unha imaxe de Franco allea ao relato historiográfico e para volver a pagar polo que foi roubado, insultando, máis unha vez, a memoria de tantas persoas que tiveron que padecer décadas de insultos e de complicidades do Estado cos herdeiros do ditador.

Por todo isto, as persoas abaixo asinantes, reclamamos do Goberno do Estado que interpoña a través da Avogacía do Estado, os correspondentes recursos ante o Tribunal Supremo contra da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña de 12 de febreiro de 2021, en base ao anteriormente manifestado, na defensa dos intereses públicos e dos valores democráticos que nos deben representar como sociedade. E como débeda histórica ás vítimas do franquismo.

Así mesmo reclamamos das outras partes adhesivas e personadas, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Sada e Concello da Coruña, que insten á Administración Xeral do Estado á interposición de ditos recursos, e interpoñan ditas partes tamén os recursos oportunos.

Son promotores deste Manifesto, Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío Urkidi, autores do libro Meirás. Un pazo, un Caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre).

Para asinar o Manifesto. | Acceder ao Formulario.

_______

O Parlamento de Galicia en sesión plenaria debate hoxe martes 23 de febreiro de 2021, entre outros asuntos a modificación da Lei de Saúde de Galicia - Segue o debate en directo


O Parlamento de Galicia en sesión plenaria debate hoxe martes 23 de febreiro de 2021, entre outros asuntos a modificación da Lei de Saúde de Galicia

Ás 10 da mañá, no pazo do Parlamento comeza o Pleno do Parlamento que entre diferentes asuntos vai tratar dentro do Punto 2 (Textos Lexislativos), o 2.2 de debate e votación do ditame, emitido pola Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, sobre a Proposición de lei de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (doc. núm. 5637, 11/PPL-000001)Publicación do ditame da Comisión, BOPG n.º 94, do 15.02.2021

Publicación de emendas e votos particulares BOPG nº 94, do 15.02.2021

Cualificación das emendas ao articulado presentadas á Proposición de lei de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (doc. núm. 6968, 7004 e 7009)

— Do G. P. Popular de Galicia (doc. núm. 6986) | 25953.

— Do G. P. do Bloque Nacionalista Galego (doc. núm. 7004). | 25958.

— Do G. P. dos Socialistas de Galicia (doc. núm. 7009). | 259662.


Emisión en directo (23 de febreiro de 2021 11:41 ). | Ir ao Pleno.
 _______

sábado, febreiro 20, 2021

A Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra apoia o Manifesto da Iniciativa por unha Lei que garanta o Dereito á Vivenda Digna e adecuada - Texto completo do Manifesto - Enlace de acceso ao formulario, para asinar o apoio á mencionada iniciativa


Movementos de vivenda, sindicatos laborais, Mareas, Pensionistas, Sanidade, ONG e decenas de organizacións facemos fronte común de presión ante a inminente Lei de Vivenda anunciada polo goberno español. A Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra apoia o Manifesto da Iniciativa por unha Lei que garanta o Dereito á Vivenda Digna e adecuada.

POR UNHA LEI QUE GARANTA O DEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA E ADECUADA

O Goberno está preparando a chamada Lei polo Dereito á Vivenda; de feito, parece que o borrador da lei entrará no Consello de Ministros de xeito inminente e remitirase de inmediato ao Congreso para o seu debate e aprobación.

Tras 42 anos de absoluta vulneración deste dereito humano, debemos remarcar que a nova Lei será papel mollado si non protexe e garante de xeito efectivo o Dereito en todo o territorio. Non deixaremos escapar a oportunidade que brinda a elaboración da primeira lei estatal na materia para conseguir un avance histórico na cobertura deste dereito fundamental.

A crise residencial é innegábel: Máis de 32.000 persoas sufrindo senfogar, 12 millóns de persoas en risco de exclusión social, máis de 1 millón de desafiuzamentos [1] entre 2008 e o 3Tr do 2020, moitos agravados con cláusulas abusivas e executados cunha lexislación contraria aos estándares europeos sen importar que houbese menores ou anciáns dependentes. Por iso, as abaixo asinantes non estamos dispostas a permitir que sexan o sector financeiro, as grandes inmobiliarias e os fondos voitre quen diten o texto desta Lei. Contra as presións dos especuladores, chamamos á xente do común a sumarse á mobilización necesaria para asegurar a protección deste Dereito humano no conxunto do Estado.

No Estado, o 36,1% da poboación destina máis do 40% dos seus ingresos ao pago de vivenda e subministros básicos [2], e outros miles de fogares novos nin sequera poden formarse, de feito unicamente o 18,5% da poboación entre 18 e 29 anos emancipouse [3] polas enormes dificultades para acceder e manter unha vivenda estábel.

Mentres segundo o INE (2011) hai 3,4 millóns de vivendas baleiras, moitas delas en mans de grandes posuidores, o Parque de Vivenda Pública e Social é entre 7 e 10 veces menor que o doutros estados desenvolvidos de Europa.

No estado español as vivendas sociais representan só un 2,5% do parque de vivendas principais, nada que ver coas porcentaxes dalgúns países europeos da nosa contorna [4] (Holanda 30%, Austria 24%, Reino Unido 17,6%. Francia 16,8%).

Logo de entregar máis de 60.000 millóns [5] de diñeiro público para o rescate bancario que non foron devoltos, é de xustiza que a nova Lei faga fronte á emerxencia residencial que sufrimos. Garantindo, así, unha vivenda para quen o necesite mediante un orzamento suficiente en políticas de vivenda pública e establecendo mecanismos legais que obriguen, aos responsábeis financeiros da crise inmobiliaria e aos grandes posuidores de vivenda, a asumir responsabilidade social e evitar novas burbullas especulativas.

Levamos demasiados anos sufrindo a quen pon os seus beneficios privados por encima da vida e saúde de millóns de persoas. É o momento de que as Administracións públicas asuman a súa responsabilidade e cumpran coa súa deber de protexer e garantir un dereito humano que é básico para asegurar a integridade física, a dignidade, o acceso a outros dereitos fundamentais e o desenvolvemento persoal que todos nos merecemos.

As organizacións asinantes deste manifesto unimos forzas para lanzar unha campaña estatal de mobilización cidadá e conseguir que a Lei polo Dereito á Vivenda inclúa como mínimo estas 8 medidas de aplicación directa en todo o territorio:

1. A lei debe garantir o dereito a unha vivenda digna, alcanzábel, accesíbel e adecuada como dereito subxectivo, garantindo que esta protección sexa efectiva e evitando que ningunha persoa sufra situación de senfogar.

2. Stop desafiuzamentos de persoas vulnerábeis sen alternativa de vivenda digna e adecuada, así como a obrigación de alugueiro social estábel para os grandes posuidores e no resto de casos realoxo digno e adecuado a cargo dos poderes públicos.

3. Asegurar e ampliar o parque público de alugueiro social, como mínimo ao 20% do conxunto de vivendas en vinte anos, facendo fronte á urxencia residencial de forma prioritaria.

4. Regulación estatal de alugueiros a prezos adecuados aos salarios da poboación en cada zona do territorio. Modificación da lei de arrendamentos urbanos para dar protección e estabilidade aos inquilinos do conxunto do país.

5. Garantir os subministros básicos de auga, luz, gas e acceso ás telecomunicacións para evitar a brecha dixital como parte dunha vivenda digna.

6. Garantir unha segunda oportunidade efectiva para os fogares con débedas hipotecarias, e desenvolver medidas contra o sobreendebedamento e os abusos financeiros e inmobiliarios.

7. Ampliación orzamentaria para vivenda social e políticas sociais de vivenda ate chegar á media europea de parque público, destinando como mínimo o 2% do orzamento estatal. Asignación dunha parte suficiente dos fondos europeos de recuperación a este obxectivo.

8. Participación activa da poboación en toda a política de vivenda e urbanismo.

É imprescindíbel que a Lei polo Dereito á Vivenda incorpore estas demandas de afectadas e sociedade civil, que afectan á dignidade das persoas e aos Dereitos Humanos, blinde as lexislacións autonómicas máis progresistas e dea cumprimento, dunha vez ao PIDESC [6] e aos ditames de Nacións Unidas e dos Tribunais Europeos, sen atrasar a súa aplicación a desenvolvementos normativos posteriores.

Por imperativo constitucional e estatutario corresponde ás Comunidades Autónomas definir e desenvolver as políticas de vivenda, pero o establecemento das condicións básicas que garantan a igualdade dos cidadáns no exercicio do dereito constitucional á vivenda é competencia irrenunciábel do Estado, debendo ser comúns as bases deste dereito esencial, conforme ao disposto no artigo 149.1.1.a de a Constitución.

Existe unha maioría social e tamén parlamentaria que apoia estas medidas, pero temos claro que só coa mobilización de toda a poboación conseguiremos que esta Lei sexa a garantía do Dereito á Vivenda.

¡Sumar! ¡Non che quedes SEN casa!

✔ Enlace para apoiar e asinar o Manifesto. | Ir ao formulario de apoio.

✔ Texto completo do manifesto en pdf, 9 páxinas en Galego. | Acceder/Baixar.
 
✔ As notas no texto completo.

Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Todos os luns (menos festivos), vemo-nos en Caranza (Ferrol), entre as 5 e 7 da tarde, no local da Fuco Buxán A.C. (Local Social Tino Deibe, na Rúa Armada Española, 32 Baixo). | Se queres participar achega-te! | POLO DE AGORA MENTRES DURE AS RESTRINCIÓNS, POR MOR DO ESTADO DE ALARMA, NON HAI XUNTANZAS PRESENCIAIS. | Teléfono para asuntos urxentes: 645158113

_______

venres, febreiro 19, 2021

Lodo, ópera prima de Miguel Castro Serantes, xa conta cunha segunda edición - Edicións Imaxinarias xa traballa no lanzamento da súa cuarta referencia editoria


Lodo, ópera prima de Miguel Castro Serantes, xa conta cunha segunda edición.

A segunda edición de Lodo, novela do ferrolán Miguel Castro Serantes, xa pode atoparse nas librerías das comarca. A obra, en formato de novela curta, narra unha semana na vida de Ana, Marco e Lara, envoltos nas vicisitudes da vida dunha familia do noso tempo.

Esta segunda edición conta cun marabilloso prólogo de Marta Corral .

Miguel Castro Serantes  (Ferrol, 1979)

https://www.facebook.com/miguel.castro.56679

Por outra banda, Edicións Imaxinarias traballa no lanzamento da súa cuarta referencia editorial, protagonizada por unha figura mítica da poesía underground ferrolá, quen verá, por fin, publicada a súa extraordinario obra poética.

Edicións Imaxinarias©
https://www.instagram.com/edicions_imaxinarias/
https://www.facebook.com/edicionsimaxinarias/
 
Enviado por:
Edicións Imaxinarias
-edicionsimaxinarias@gmail.com-
19 de fevereiro de 2021 11:03

_______

Ana Pontón explicou en Ferrol os proxectos para o sector enerxético e industrial recollidos no 'Xerar Futuro, Galiza Next' por valor de 1.162 millóns de euros - Aposta por converter Galiza en líder de enerxías renovables e eco-sociais, tendo en conta que o País é unha potencia en produción de electricidade - Pon como obxectivo que a industria represente o 25% do PIB en 2030 - BNG propón un centro de almacenamento de enerxía nas Pontes dentro dos proxectos financiables con fondos europeos


BNG elixiu Ferrol para presentar as súas propostas para reactivar o sector industrial e enerxético que recolle no documento 'Xerar Futuro, Galiza Next', programa presentado pola formación nacionalista para mobilizar un investimento de 14.380 M€ en dez anos, con cargo aos fondos de recuperación europeos, cifra da que 1.162 M€ son para poñer en marcha as actuacións relativas a eses dous sectores.

En relación ao sector enerxético o investimento os proxectos suman 412 M€ para unha estratexia que ten como obxectivo converter Galiza en líder en enerxías renovables e eco-sociais, “tendo en conta que somos unha potencia en produción eléctrica”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, durante a presentación.

Como punto de partida, o Bloque aposta por unha planificación dese o público, e para iso propón unha empresa pública de enerxía cun capital de 50 M€, “desde a que dirixir a transformación enerxética e marcar a estratexia que lle permita a Galiza beneficiarse do feito de ser produtora neta de electricidade. O rescate das concesións hidroeléctricas sería un dos obxectivos desta empresa pública”, indicou.

Outra das propostas é a posta en marcha dun Centro de almacenamento de enerxía cun investimento de 100 M€, “porque a capacidade para almacenar enerxía é unha cuestión clave para afrontar a descarbonizción e unha transición enerxética xusta”, indicou Pontón, quen tamén explicou porqué este centro debe  estar no concello das Pontes.

É a localización perfecta pola súa experiencia no sector enerxético e pola urxencia de darlle alternativas ao peche de ENDESA. Noutras palabras, convertamos a transición enerxética nunha oportunidade, de tal xeito que as instalacións do centro de almacenamento vaian en paralelo á instalación de fontes renovables no propio concello”, salientou.

Entre as proposta enerxéticas, a constitución de Comunidades locais de enerxías renovables, -figura xurídica que xa existe na UE-, cun investimento  de 212 M€, “para avanzar no beneficio social da enerxía entendida como un ben público e non como mercadoría con beneficios millonarios para un puñado de multinacionais”, indicou a líder nacionalista, “promovendo un sistema máis eficiente, máis xusto e colaborativo dos recursos enerxéticos”.

En canto ás medidas para impulsar o sector industrial, 'Xerar Futuro, Galiza Next' parte da premisa de que este País precisa con urxencia unha estratexia industrial capaz de xerar valor engadido e emprego nos sectores con máis potencial: naval, automoción, aeroespacial, robótica, químico-farmacéutico, forestal, agrogandeiro e mar-industria.

Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial

O obxectivo deste plan é conseguir que no prazo dunha década o sector industrial aporte o 25% do PIB galego, e para iso propoñemos un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial a dez anos e cun investimento de 1.250 M€, para a promoción dun tecido industrial orientado á creación de valor engadido e emprego de calidade”, indicou.

Destacou a proposta dun centro de reparación naval na Ría de Ferrol, unha vella demanda que se pode financiar con cargo aos fondos europeos de recuperación.

Non me canso de dicilo, se algo precisa esta comarca é compromiso político para poñer en marcha unha estratexia de futuro.  E no relativo ao sector naval, o problema de fondo sigue aí: o acceso á construción naval civil, vetada na práctica, e non hai ningunha folla de ruta para captar carga de traballo nas reparacións, na eólica mariña, en carenas e outros nichos de mercado dentro deste sector”, argumentou.

Plan de rexeneración produtiva das rías


Pontón tamén explicou o Plan de rexeneración produtiva das rías, cun investimento de 1.096 M€, un dos plan estratéxicos de 'Xerar Futuro, Galiza Next'.

Un proxecto de país que ten por obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, que recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambienta, investigación científica e comercialización e transformación”, explicou.

No ámbito da recuperación ambienta inclúe recuperar todas as rías máis contaminadas, completar e modernizar a rede de saneamento dos concellos a carón das rías, que deben ter unha depuración integral das augas residuais, recuperación de espazos danados por obras públicas para restablecer no posible á situación previa e rexeneración dos fondos das rías a través das necesarias dragaxes adaptadas as necesidades de cada ría.

En definitiva, 'Xerar Futuro, Galiza Next' “é unha proposta do BNG para converter esta crise nunha oportunidade, para conseguir que tras a pandemia emerxa a Galiza do futuro: unha Galiza ecolóxica, científica, social e feminista”, concluíu Pontón unha presentación na que tamén participou o deputado de Ferrol Ramón Fernández e o portavoz municipal, Iván Rivas.


Hoxe a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Ferrol as propostas para o sector industrial e enerxético recollidas no programa 'Xerar Futuro, Galiza Next' | Acceder/Baixar.

Ademais do mencionados que presentaron o acto, Iván Rivas e Mon Fernández, este contou coa presenza de persoas relatoras das propostas como Kiko da Silva e Xosé Manuel Golpe, ademais de representantes do BNG das comarcas.

#UnhaNovaGaliza está por chegar #GalizaNext.

Fonte: BNG | 19 feb. 2021 - 14:07

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela - GALIZA
Correo: sedenacional@bng.gal - Teléfono: 981555850
Web: https://www.bng.gal/

Enviado por
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
17 de novembro de 2020 18:08

_______

A Plataforma SOS Sanidade Pública manifestou o seu rexeitamento á reforma da Lei de Saúde de Galicia, cuxa aprobación definitiva se debaterá na cámara galega o próximo día 23 de febreiro de 2021, ás 10:00 horas, no pazo do Parlamento - Para esta Plataforma a modificación proposta da lei supón un 'recorte de dereitos e liberdades'


O BNG rexeita a lei de saúde da Xunta por supor un "estado de alarma semipermanente" | Denuncia que o PP "tache a toda a poboación de sospeitosa" e pretenda facer de "comportamentos puntuais e minoritarios a norma".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 12:37

O BNG volveu a mostrar o seu rexeitamento á reforma da lei de saúde de Galicia, cuxa aprobación definitiva se prevé abordar a próxima semana no pleno da Cámara, por considerar que recorta "dereitos e liberdades" ao tratar a pandemia como "un problema de orde pública" sen reforzar o sistema sanitario. "Supón un estado de alarma semipermanente sen ningún tipo de control", advirte.

Así o denunciaron nunha rolda de prensa ofrecida este venres na sede do Bloque en Santiago a deputada autonómica Iria Carreira e a responsable comarcal da formación, Elvira Cienfuegos. Na súa intervención, Carreira denunciou que o Partido Popular de Galicia tramita esta reforma normativa pola vía de urxencia para evitar o diálogo coas partes e os profesionais, "limitando a posibilidade de debate e de chegar a acordos".

Ademais dunha "marcada opacidade e escurantismo" na tramitación, a deputada do Bloque advertiu de que esta modificación lexislativa pretende "limitar e restrinxir dereitos fundamentais" dos galegos sen que nin sequera exista unha "limitación temporal clara" para as medidas que se contemplan aplicar.

Nesta liña, criticou que tampouco se recolla ningún mecanismo de rendición de contas no que considera que supón a aplicación dun "estado de alarma semipermanente sen ningún tipo de control". "Non busca mellorar a saúde dos galegos, non se recollen medidas destinadas a mellorar o sistema sanitario", incidiu.

Ademais, censurou que, nun contexto no que "a maior parte dos galegos acataron con enorme responsabilidade as medidas", o PP "tache a toda a poboación de sospeitosa" e pretenda facer de "comportamentos puntuais e minoritarios a norma". "O que se pretende é solucionar unha crise sanitaria coma se fose un problema de orde pública", censurou a parlamentaria do BNG, que critica que se tente resolver o problema con "medidas puramente restritivas e punitivas".

Ademais, puxo en cuestión que a norma non inclúa medidas para intervir sobre as residencias de maiores, "moitas das cales están en mans de multinacionais", a pesar de que "foron o principal foco de mortalidade nesta pandemia".


SOS Sanidade Pública considera que a Lei de Saúde de Galicia supón un "recorte de dereitos e liberdades". | A plataforma traslada o seu rexeitamento á reforma.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/02/2021 | Actualizada ás 19:44

A Plataforma SOS Sanidade Pública trasladou o seu rexeitamento á reforma da Lei de Saúde de Galicia, cuxa aprobación definitiva se debaterá na Cámara galega a próxima semana, por considerar que é "innecesaria" e que "recorta dereitos e liberdades".

 A organización censura que a reforma fose presentada en forma de proposición de lei do Grupo Parlamentario Popular no canto de polo Goberno para "evitar o informe preceptivo dos servizos xurídicos" do Parlamento sobre a legalidade das propostas.

Así mesmo, considera que se trata dunha medida de mercadotecnia política ao utilizar a alarma social pola pandemia e que recorta dereitos e liberdades que noutras circunstancias non serían aceptados pola maioría da poboación, o que "supón un perigoso precedente para outras situacións".

Ademais de asegurar que a actual lexislación xa contén instrumentos legais para afrontar a pandemia, denuncia que a reforma impón, baixo a ameaza de grandes sancións, a obriga de realizar probas, vacinacións e tratamentos (nalgúns casos obxecto de debate pola comunidade científica) "invadindo a liberdade de decisión das persoas sobre a súa saúde e vulnerando a Lei de Consentimento Informado".

Tamén critica que outorgue un "enorme poder" ao comité clínico "integrado maioritariamente por cargos institucionais designados pola Xunta" e que "avance cara a unha especie de Estado policial ao multiplicar o número de autoridades sanitarias con capacidade de intervir en temas sensibles para as liberdades e o dereito a saúde".

"Pretende controlar a vida e actividade das persoas, co pretexto de protexer a súa saúde utilizando as novas tecnoloxías informáticas", denuncia a plataforma, que critica tamén que o réxime de sancións que establece contías ás que non poderán facer fronte boa parte da poboación.

Por último, ademais de censurar que non contemple medidas para intervir sobre a situación das residencias, a plataforma fai un chamamento ás forzas políticas, sindicais e sociais a "facer fronte" ao que considera un intento da Xunta de "recortar dereitos e liberdades".


BNG e PSdeG rexeitan a nova Lei de Saúde por tratar a pandemia como "un problema de orde pública". | O PPdeG destaca que busca "dar máis garantías" e detallar como pode intervir "de forma proporcionada" unha administración ante a pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 14:52

A oposición galega rexeitou a reforma da Lei de Saúde de Galicia, que se prevé que se aprobe no próximo pleno da Cámara galega cos votos do Partido Popular, por considerar que trata a pandemia como "un problema de orde pública" e que pode presentar problemas de "constitucionalidade".

Tras a reunión da Xunta de Portavoces na que se marcou a orde do día da próxima sesión plenaria, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, avanzou o rexeitamento da súa formación a esta norma por considerar que o PP "pretende resolver a maior crise sanitaria coma se fose un problema de orde pública".

"Non se pode facer fronte a unha pneumonía a base de multas, necesitamos reforzar a sanidade, dotala de máis recursos, recuperar o investimento público nos orzamentos recortados nos últimos 11 anos polo Partido Popular", sinalou Rodil, que subliña que "o que necesita o país son medidas dirixidas a mellorar a calidade asistencial e a saúde de todos os galegos, e non converter a saúde nun todos somos sospeitosos".

Pola súa banda, o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou de que os populares "pisan un terreo enormemente esvaradío" con esta reforma que pode "supor problemas de legalidade ordinaria e mesmo de constitucionalidade".

"Non entendemos que se trate de retorcer as posibilidades do noso ordenamento xurídico ata niveis que exceden a legalidade", afirmou o socialista, que sostivo que este cambio normativo fala de "temas moi serios". "Está a tratar de posibles restricións de dereitos sobre os que a Comunidade Autónoma non é competente" simplemente polo "interese do presidente da Xunta en apuntarse un tanto".

"FALTA DE APOIO LEGAL"

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu a necesidade de dotar de seguridade xurídica a xestión da pandemia nun contexto no que "moitas das decisións adoptadas" polos gobernos autonómicos están "a ser recorridas por falta de apoio legal" tendo en conta que "as leis de saúde" ás que recorre o Estado de Alarma "a penas teñen instrumentos" para abordar este asunto.

"Foi recoñecido polo propio Goberno de España cando dixo que ía actuar nunha reforma da lei estatal de Saúde", sostivo Pedro Puy. Ademais, defendeu que o "ideal" sería que esta normativa fose "estatal" pero considerou necesario actuar "a nivel autonómico dentro das competencias" ante a negativa do Executivo estatal a facelo.

Deste xeito, subliñou que o que busca esta lei é "dar máis garantías" e detallar como a administración "pode de forma proporcionada intervir ante unha pandemia". "O que non nos parece verosímil é que haxa quen vexa nisto xusto o contrario do que é e que os gobernos poidan facer o que queiran e uns tribunais digan unha cousa e outras outra", sostivo.

Ademais, sobre as sancións, considerou que ten que haber un instrumento que permita que estas se fagan efectivas para que "aqueles que incumpriron as normas" aprobadas para protexer a saúde dos cidadáns "se vaian de rosiñas". "A ninguén lle gusta sancionar, pero o que é absurdo é que unha autoridade poña sancións que despois os tribunais tomban por falta de apoio legal", indicou.


BNG e PSOE manteñen a súa oposición á lei de saúde, por "autoritaria" ao implantar "un estado de alarma permanente". | A norma pasou o último trámite previo ao seu debate en Pleno coa aprobación do informe do relatorio en Comisión.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 17:27

A reforma da lei de saúde galega pasou este xoves o seu último trámite previo ao debate no Pleno do Parlamento coa aprobación do informe do relatorio durante unha longa sesión da Comisión de Sanidade na que os grupos de BNG e PSOE volveron a oporse a esta norma, que consideran "autoritaria" e que lexitima un "estado de alarma permanente".

Así o dixeron durante o debate do informe nunha sesión na que só se aceptou unha das 54 emendas que, en total, presentaron socialistas (30) e nacionalistas (24).

Entre os capítulos que máis críticas recibiron está o que alude á tipificación de infraccións en saúde pública e as multas. E é que no texto fíxanse diferentes sancións, entre as que se atopan multas de ata 60.000 euros por saltarse un illamento.

En concreto, a lei establece tres tipos de infraccións: leves (de 1.000 a 3.000 euros), graves (de 3.001 a 60.000 euros) e moi graves (de 60.001 a 600.000 euros). Saltarse unha corentena por parte de infectados ou persoas con síntomas compatibles co coronavirus está estipulado como infracción grave, pero pasará a ser moi grave se se fai de forma repetida ou se produce un dano elevado na saúde pública.

Mentres, o rexeitamento a vacinarse ou facerse probas cando así sexa prescrito por autoridades sanitarias está estipulado como leve (entre 1.000 e 3.000 euros) no caso de que as repercusións tivesen unha "incidencia escasa ou sen transcendencia directa na saúde da poboación", pero poden pasar a graves ou moi graves en función do dano ocasionado.

A multa por non levar máscara márcase nun mínimo de 100 euros, coa posibilidade de incremento en función do incumprimento. E entre outras infraccións leves tamén se atopan: facer botellón, infrinxir os toques de queda, reunións con máis persoas das permitidas, participar en festas que incumpran as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, ou incumprimentos de horarios de locais.

UNHA "ABERRACIÓN"

Durante a súa intervención na sesión, o deputado socialista Julio Torrado afeou aos populares a "falta de vontade de discusión" e explicou que, o único elemento no que poderían "porse de acordo" co grupo que sostén ao Goberno en relación a esta reforma, á que se opoñen, é "en que é unha aberración".

De feito, Torrado considerou que o articulado proposto serve só para "alimentar o delirio bolivariano autoritario" coa intención de "levar a rango de lei o poder absoluto para sancionar, para dirixir e para non ter que dar ningunha explicación", algo que establece un "estado de alarma permanente".

O deputado do PSdeG argumentou a súa oposición indicando que o texto "vulnera dereitos fundamentais e liberdades públicas aproveitando momentos de incerteza e medo", como o actual, e "incorre nalgúns problemas legais" relacionados cos dereitos constitucionais.

Na mesma liña, a deputada do BNG Iria Carreira afeou que a lei "non poña enriba da mesa cuestións de índole sanitaria, se non só punitivas", o que a converte nun "catálogo de sancións" que, ademais, profunda "na culpabilización do pobo galego" en relación á pandemia, en lugar de esixir "máis recursos sanitarios".

Do mesmo xeito que o deputado socialista, a nacionalista viu nesta reforma a implantación dun "estado de alarma permanente pola vía lexislativa", sen que "se impoña un límite temporal fixo máis aló que 'o tempo que sexa necesario'", dixo. Pola contra, criticou, nada di sobre "falta de persoal sanitario" ou de "recursos". "Os instrumentos que pon o PP contra a pandemia son restricións e sancións", resolveu.


SOS Sanidade Pública pide "facer fronte" ao "recorte de dereitos" da Xunta coa reforma da lei de saúde. | Di que a nova lei "recorta dereitos e liberdades".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2021 | Actualizada ás 20:22

A Plataforma SOS Sanidade Pública chamou ás forzas políticas, aos sindicatos e axentes sociais en Galicia a facer fronte ao intento da Xunta de "recortar dereitos e liberdades" a través da reforma da lei de saúde de Galicia.

Nun comunicado remitido aos medios, a plataforma denuncia que o Executivo galego presenta a modificación lexislativa como unha proposición non de lei do PP en lugar de como Goberno para "evitar o informe preceptivo dos servizos xurídicos" do Parlamento sobre a legalidade das propostas.

Así mesmo, sostén que se trata dunha medida de "mercadotecnia política" porque utiliza a alarma social pola pandemia e asegura que é "innecesaria" dado que a actual lexislación contén todos os instrumentos legais necesarios.

A plataforma denuncia que a reforma "recorta dereitos e liberdades" que noutras circunstancias "non serían aceptados pola maioría da poboación", o que "supón un perigoso precedente para outras situacións".

Ademais, censura que "impón, baixo ameaza de grandes sancións, a obrigación de realizar probas, vacinacións e tratamentos que invaden a liberdade de decisión das persoas sobre a súa saúde e vulnera a lei de Consentimento Informado".

SOS Sanidade Pública advirte de que a modificación tamén outorga un "enorme poder" a unha Comisión de Expertos cuxos criterios de elección e composición "son descoñecidos" a pesar de que as súas medidas terán "unha enorme repercusión social".

Fonte: Galicia Confidencial.


A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública tamén contra a reforma

COMUNICADO

Desde a Asociación Galega para a Defensa dá Sanidade Pública reiteramos o noso apoio á Plataforma SOS Sanidade Pública e ás forzas políticas que se opoñen #reformar da Lei Galega de Saúde que se debate mañá no Parlamento

1.- Antes de nada queremos rexeitar que nosas criticas respondan a posicións negacionistas do COVID. Consideremos que a epidemia teñe unha gran repercusión sobre a saúde da poboación e apoiamos as medidas destinadas a evitar contaxios como confinamentos, uso de máscaras ou vacinacións.

2.- Entendemos o cambio da Lei como unha medidas de márketing político, innecesaria por existir instrumentos suficientes para combater a pandemia e que terá repercusión sobre os dereitos e liberdades cívicas da poboación (que non serian aceptados pola mesma se non existise a actual situación de alarma).
3.- Consideramos, do mesmo xeito que a Organización Mundial da saúde e diferentes comisións deontologías, que non.

4.- Tamén estimamos incensario e perigoso o poder que se outorga ao un Comité Clínico cuxa composición responde a criterios políticos. A multiplicación de organismos con autoridade sanitaria, o poder discrecional que se outorga ás mesmas e a multiplicación de controis tecnolóxicos , derivan cara a un modelo de sociedade autoritaria.

En base a todo iso esiximos a retirada do proxecto de cambio da Lei e abrir un proceso colaborativo e transparente da administración con todas as forzas políticas, sindicais e cidadás para facer fronte eficazmente á epidemia.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública - AGDSP


Rolda de prensa de Iria Carreira (Parlamentaria do BNG) sobre a Lei de Saúde do PP. o 19 de febreiro de 2021. | Ir á Canle.


Documentos de referencia.

✔ Lei 8/2008, de 10 de Xullo, de Saúde de Galicia. | Ir ao BOE.

✔ Proposición de lei de modificación da lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. Do Grupo Parlamentario Popular de Galicia | Boletín Oficial do Parlamento de Galicia - XI lexislatura - Número 51 - 23 de novembro de 2020 - Fascículo 3  | Ir ao Boletín.

✔ Convocatoria do Pleno do Parlamento de Galicia: A Presidencia, de conformidade co disposto no artigo 53 do Regulamento do Parlamento, resolveu convocar o Pleno do Parlamento para realizar unha sesión o próximo día 23 de febreiro de 2021, ás 10:00 horas, no pazo do Parlamento. | 2.2 Debate e votación do ditame, emitido pola Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, sobre a Proposición de lei de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (doc. núm. 5637, 11/PPL-000001) | Ir á Web. | Publicación do ditame da Comisión, BOPG n.º 94, do 15.02.2021 | Ir ao Boletín. |Publicación de emendas e votos particulares BOPG nº 94, do 15.02.2021. | Do grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE. | Ir ao Boletín.  | Do Grupo Parlamentario do BNG. | Ir ao Boletín.


Enlaces de interese:

SOS SANIDADE PÚBLICA

https://sossanidadepublica.wordpress.com/

facebook.

Pavillón de Repouso, blog de Pablo Vaamonde

http://pablovaamonde.blogspot.com/
_______

CCOO de Endesa sobre o Terminal Portuario de Endesa en Ferrol (Porto Exterior)


Desde esta Sección Sindical temos coñecemento e así xa publicou a empresa nalgúns medios, que no marco do plan industrial deseñado para a zona ante o peche da central pontesa, que Endesa quere seguir contando co espazo do que dispón no Terminal Portuario de Endesa en Ferrol e xerar nel máis actividade, onde se prevé a carga e descarga de compoñentes eólicos co fin de aumentar os tráficos nestas instalacións, onde xa conta con luz verde para mover graneles sólidos e mercancía xeral.

Ao mesmo tempo estase desenvolvendo desde o Terminal portuario de Ferrol un proxecto de innovación en dixitalización chamado Hércules, cuxo obxectivo principal é a mellora na seguridade e a eficiencia na xestión de mantemento dos centros de traballo. Este proxecto está desenvolvido por traballadores do Terminal Portuario, gruistas que se reciclaron e se formaron para levar a cabo o desenvolvemento deste proxecto. Tamén forman parte do equipo a dirección do propio centro que se encarga de dirixilo e da parte comercial. Este proxecto xa conta con algúns encargos e está en negociación a firma dalgúns proxectos máis para exportar o proxecto a outras liñas de negocio e poder implantalo nas novas instalacións de enerxías renovábeis.

Ante estes acontecementos e tal como se recollen no Acordo de Transición Enerxética Xusta que asinou Endesa, rexistramos escritos na Xunta de Galicia, Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e partidos políticos co fin de que nos dean o apoio para que contacte coa Empresa e intercedan para que se paralicen e revoguen os traslados do persoal do persoal do Terminal Portuario de Ferrol e que se asegure que os traballadores de devandito centro poidan ser partícipes desas novas oportunidades de emprego que eles mesmos están xerando ao iniciar eles o proxecto no centro de traballo ao que aínda pertencen e así eliminar os impactos negativos que terán nas súas vidas e nas das súas familias o ter que marchar forzosamente a miles de quilómetros dos seus fogares.

Desde CCOO solicitamos reunirnos cos responsábeis políticos e poder explicar en máis detalle estes proxectos que evitarían as saídas do persoal e as posíbeis actuacións.

Ferrol, 19 de febreiro 2021

Eloy Sardiña Sixto
Responsable de Transición Enerxética
Sección Sindical CCOO Interempresas Grupo Endesa

CC.OO. ENDESA PRIMEIRA FORZA SINDICAL EN GALICIA
email: ccoogalicia@enel.com

Eugenia Freire Fajardo
Resp. Organización - Gabinete Económico
CCOO Industria - Galicia
Tlf. oficina: 981.36.93.26
efreire@industria.ccoo.es

Enviado por:
MARIA EUGENIA FREIRE FAJARDO
-efreire@industria.ccoo.es-
19 de fevereiro de 2021 16:01

_______