martes, novembro 30, 2021

En Ferrol como noutros lugares da Galiza, a CIG mobilizarase este mércores 1 de decembro para que a clase traballadora non pague a saída da crise - Na defensa do emprego e da industria, por uns salarios e pensións dignas e pola derrogación das reformas


A CIG convoca, para o vindeiro día 1 de decembro, mobilizacións en comarcas e vilas porque, camiño do final do ano, os orzamentos do Estado e da Xunta confirman o que desde a central sindical se viña advertindo: que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado están a adoptar as medidas necesarias para que non sexan, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quen a paguemos.

MOBILIZACIÓNS

- Vigo, 11:00h. saída da sede provincial do SEPE (rúa Canovas del Castillo).
- Pontevedra, 11:00h. saída do Edificio da Xunta (rúa María Victoria Moreno).
- Ferrol, 12:00h. saída da Tesourería do INSS.
- A Coruña, 11:30h saída do Edif Administrativo de Monelos (rúa Vicente Ferrer).
- Lugo, 11:00h saída do Edificio do INSS (Av. Madrid).
- Ourense, 10:30h saída da Subdelegación do Goberno.
- Verín, 12:00h Praza do Concello
- O Barco, 12:00h Praza do Concello
- Compostela, 12:00h desde o Pazo de Raxoi (Presidencia da Xunta).

Polo aumento dos salarios

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que a imparábel escalada da factura eléctrica “está a provocar estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios”. Unha situación que está provocando o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina que son precisamente os que consume a clase traballadora.

Entrementres, os salarios non soben na mesma medida, o que, segundo Carril está a colocar nunha “situación crítica” á xa empobrecida clase traballadora, “facendo máis real que nunca aquilo de que ter un traballo non garante unha viva digna”.

Na defensa do emprego e da industria

O secretario xeral da CIG advirte que os procesos de dixitalización e descarbonización están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.

O emprego é cada vez máis temporal e precario, como constata a EPA do terceiro trimestre, que demostra a escandalosa perda de postos de traballo na Industria e na Construción en Galiza. Un total de 8.800 menos a consecuencia do proceso de desmantelamento que sofren, de Norte a Sur, os nosos sectores produtivos”, afirma o secretario xeral da CIG.

Diante disto, nas concentracións demandarase tamén un verdadeiro Plan Galego de Recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Pola derrogación das reformas laborais

A CIG vén demandando a derrogación da reforma laboral desde que se aprobou. Porén, e malia as promesas do goberno de coalición, segue vixente “mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos NextGeneration, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas”, denuncia o secretario xeral da CIG.

Por unhas pensións dignas xa

Carril advirte tamén de que a reforma das pensións, en proceso de tramitación no Congreso, non só non derroga as de 2011, do PSOE, e 2013, do PP, senón que reafirma as daniñas medidas que “precisamente están a provocar que en Galiza miles de persoas xubiladas e pensionistas cobren pensións de miseria”.

Unha reforma que introduce ademais novas medidas como o aumento das cotizacións, que agrava aínda máis as nefastas consecuencias das anteriores reformas.

Unha situación “propiciada polos sindicatos estatais que participan en componendas co poder económico, no chamado diálogo social,desprestixiando a loita sindical; renunciando a dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social; validando as políticas dos gobernos e contribuíndo á desmobilización da clase traballadora galega”.

Por iso a CIG aposta pola mobilización por acumular “Forza para Avanzar” para dar unha resposta contundente a estes ataques e conquistar políticas alternativas coas que na Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra.

Fonte: Avantar. 19.11.2021
_______

Presentación do libro homenaxe a Pacio Lindín, no Ateneo Ferrolán, o mércores día 1 de decembro ás 19:30hs - Intervirán no acto: Siro López, Anxo Ferreiro Currás, Victorino Pérez Prieto, Manuel Rivas García (Coordinador do libro) e Suso Piñeiro


LIBRO HOMENAXE DOS SEUS ANTIGOS ALUMNOS

Mércores día 1 de decembro de 2021 ás 19,30 h.
Pacio Lindín, o profesor que liderou o cambio no Seminario de Mondoñedo

A obra está patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Intervirán no acto:
- Siro López
- Anxo Ferreiro Currás
- Victorino Pérez Prieto
- Manuel Rivas García (Coordinador do libro)
- Suso Piñeiro


Acaba de saír de imprenta unha obra de carácter histórico-biográfico do senlleiro profesor do Seminario de Mondoñedo, Dino Pacio Lindín (Xemil, A Pastoriza, 1934). Leva por título: "Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural".

Foi escrita por dezaseis autores, todos eles antigos alumnos e amigos e coordinada polo tamén profesor, Manuel Rivas García. Os autores tratan de renderlle unha homenaxe e deixar testemuña do aprecio que lle gardan a quen foi o seu mestre e guía nos anos mozos. Editada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, conta cunha portada e ilustracións do debuxante e ensaísta Siro López e cunha contraportada do pintor A. Rivas Pol. A impresión correu a cargo de Gráficas Lar (Viveiro).

Nos relatos reflíctese o momento de cambio que se produciu no internado do Seminario de Mondoñedo entre os anos 60-66 do século pasado. Neles queda constancia dese lustro innovador no que se vai a pasar dunha mentalidade tridentina a unha apertura aos novos aires que veñen de Centroeuropa. Esa transformación foi posible porque nese momento e nese lugar estaba alí unha persoa excepcional con suficiente coraxe e intelixencia para levalo adiante: o profesor Dino Pacio.

Formado en Comillas e en varias universidades europeas, con estadías estivais en París, Alemaña e Inglaterra, estaba ao tanto dos cambios que naquel momento se estaban xestando en Europa e coñecía ben as novas ideas que agromaban no campo da literatura e filosofía, principalmente en Francia. Esas ideas chocaban cunha mentalidade que seguía sesteando tranquila no colo da neoescolástica e allea ao que acontecía alén do Padornelo.

Nos artigos aparecen esas dúas mentalidades: a máis conservadora e remisa a calquera cambio que supuxera mingua dos seus privilexios; e outra innovadora, representada por Dino Pacio e un nutrido grupo de profesores que vían con bos ollos as súas propostas de mellora do sistema formativo. El era un home adiantado ao seu tempo, un visionario que atinou a enxergar o que ía pasar na seguinte década.

Dino Pacio foi, sen lugar a dúbidas, un xigante nun país de ananos que miraban a ras de chan e non foron capaces de erguer a cabeza e apreciar a talla excepcional dunha personalidade xenial, capaz de transformar e mellorar a sociedade alí onde queira que se atopase.

Unha vez máis repítese tamén aquí a secular maldición sobre a nosa terra: que algúns dos fillos máis valiosos e ilustres vense forzados a abandonala para poder brillar en terra allea. Dino Pacio marchou aos EE.UU. e sobresaíu como profesor universitario en Nova York pero, lonxe de acomodarse na súa cátedra, loitou e logrou mellorar as condicións de vida dos emigrantes hispanos de Manhattan a través da fundación de “Solidaridad Humana” que lles posibilitou integrarse de pleno na sociedade americana a través do coñecemento do idioma e a posterior formación que os prepararía para un digno posto de traballo.

A súa escrita non é prolífica, pero é dunha orixinalidade e densidade excepcionais. Nela latexa con forza a paixón polo saber que, como gran comunicador, sabía contaxiar a todos aqueles que tiveron o privilexio de escoitalo.

Dino Pacio Lindín ingresou en 1947 el Seminario de Mondoñedo, onde cursou Latín e Filosofía. Licenciouse logo na Universidade Pontificia de Comillas, proseguiu estudios na Gregoriana de Roma, e nas Universidades de Friburgo (Linguas Modernas) e Harvard (Socioloxía). Tras a súa etapa en Mondoñedo, en 1966 trasladouse a Estados Unidos, onde exerceu como profesor nas universidades de Rochester, Forham, Cuny (Universidade da cidade de Nova York) e Suny (Universidade do Estado de Nova York), antes de fundar o seu propio proxecto docente, Solidaridad Humana, por cuxas aulas pasaban cada año más de dos mil mozos hispanos sen recursos.

O seu pensamento está contido nas súas dúas únicas obras: "Juventud Radical" (1956), que sufriu a censura no seu día, o que motivou a súa saída de España, e un libro entrañable para el, "Terra Húmeda", dedicado a Galicia. Completan a súa obra algúns artigos espallados en varias revistas e xornais.

Actualmente vive en Nova York ca súa esposa e as súas fillas.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
30 de novembro de 2021 13:31

_______

Homenaxe ás que loitan, ... Por Celso Posada Fernández


Hoxe e sempre quero lembrar, agradecer e homenaxear a loita e a dignidade de milleiros de persoas que levan anos loitando por un mundo máis xusto dende a sociedade civil, no movemento obreiro, na loita da clase traballadora, no movemento feminista e ecoloxista, nas plataformas de pensionistas, nas  Marchas da Dignidade,  movementos sociais, radios libres e comunitarias, centros sociais, organizacións políticas de esquerdas, sindicatos de clase, asociacións culturais, estudantís, veciñais, nos centros de traballo, nas fábricas e que non saen nos medios de comunicación, na prensa, nos libros de historia, máis o seu exemplo, a súa loita e dignidade contribúen a mudar o mundo e a loitar fronte as inxustizas.

Sodes exemplo de valentía, de solidariedade, de empatía, de dignidade.
Moitas grazas compañeir@s. A loita continúa.

Loitar anque non che falte nada porque a moitas persoas fáltalles todo.

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. É un activista en diferentes movementos sociais de Ferrolterra. Militante do BNG, Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre.| No Facebook.


Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
30 de novembro de 2021 10:00

_______

luns, novembro 29, 2021

ADEGA presentou a través do grupo municipal do BNG unha moción relativa ao consumo alimentario que foi aprobada por unanimidade polo Pleno Municipal do Concello de Ferrol - Agora falta que o acordado se leve a cabo


Esta moción foi aprobada por unanimidade no pleno municipal celebrado o xoves 25 de novembro de 2021, agora falta que se leve a cabo.

Nesta iniciativa proponse que o concello de Ferrol desenvolva unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria. Que se dirixa aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector. E promova que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

MOCIÓN DO BNG RELATIVA AO CONSUMO ALIMENTARIO E ACORDOS COMPLEMENTARIOS

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción, para o seu debate no Pleno da Corporación

Exposición de Motivos

A delegación comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA-Trasancos queremos trasladar ao pleno municipal de Ferrol as seguintes propostas diante da situación actual en relación coa problemática alimentaria.

O informe de “Unidos Na Ciencia 2021” elaborado pola comunidade científica conclúe, que A Covid-19 non foi quen de diminuír o cambio climático, senón pola contra, tras unha baixada provocada pola paralización da economía, o cambio climático está a crecer, debido ao aumento de novo das emisións de GEI. A ecoloxía segue a estar case desaparecida do noso sistema de vida e da nosa economía e xunto coas concentracións cada vez maiores de gases de efecto invernadoiro, están condenando ao planeta e as súas moradoras a un escuro futuro, aínda que, en moitas partes do mundo esta escuridade xa é palpábel desde fai tempo.

Hai uns días a ONU por medio das súas axencias facía público un informe “O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo" elaborado polas FAO-OMS-FIDA-UNICEF-PMA, que concluía, que 1/3 dos alimentos que producimos van parar ao lixo. Isto significa 1.300 millóns de Tm de comida ao ano. Por facernos unha idea isto ven a supor, perto do 30% dos cereais, o que equivale a 763 millóns de paquetes de pasta, ou o 20% da carne vermella que equivale a 75 millóns de vacas. Tamèn a estudo concluía que se tira o 45% das froitas e vexetais que se colleita, unha cantidade equivalente a 3.700 millóns de mazás.

Ao mesmo tempo perto de 820 millóns de persoas pasan fame, case 3 mil millóns de persoas no mundo non poden acceder a dietas saudábeis moitas delas na Galiza e millóns de crianzas sofren atraso no crecemento por falta de alimentos. Coa Covid-19 isto agravouse, xa que, perto de 140 millóns de persoas sumáronse aos conxunto de persoas que pasan fame e teñen carencias nutricionais.

Un informe sobre a Galiza concluía, que perto da metade das familias galegas teñen problemas para chegar a fin de mes, o que con certeza está a influír na súa alimentación imposibilitándoas a levar unha dieta saudábel e o acceso a alimentos de calidade. O acceso a alimentos de calidade frescos e locais, está a ser unha das novas desigualdades na nosa sociedade, nas que por un lado temos un grupo de xente que pode levar unha alimentación saudábel e de alto valor, mentres outro grupo, este cada vez máis numeroso, non pode acceder a este tipo de alimentación. Cabe sinalar que este estudo demostra, que é un 10% máis alto a inseguridade alimentaria moderada nas mulleres que nos homes, aumentando en comparación co 2019 en case 4 puntos a nivel global.

Ao mesmo tempo o desperdicio de alimentos nas súas diferentes etapas (produción - transporte - almacenamento - venda e consumo) está a ser un factor decisivo no cambio climático. O informe constata que este desperdicio de alimentos supón, case o 10% das emisións de GEI a atmosfera, ademais de aumentar a contaminación de augas e terras, por uso dos agro-tóxicos e outros insumos e tamén está a aumentar o estrés hídrico en moitas partes do planeta, xa que, en moitas zonas onde se producen alimentos, xa por natureza sofren de este estrés, mais co cultivo de alimentos estase a agravar o problema. Segundo o informe na UE e na América do Norte, desperdiciase por persoa aproximadamente entre 100-120 Kg de alimentos ao ano. Na Africa Subsahariana e Asia, pérdense por persoa non máis de 13 Kg ao ano de alimentos. No estado Español a media é que cada habitante tira ao lixo uns 80 Kg de alimentos por ano. Segundo as axencias da ONU o custe económico deste desperdicio supera os 400 mil millóns de dólares.

Segundo lnger Andersen, directora executiva do PNUMA "Diminuír o desperdicio de alimentos reduciría as emisións de gases de efecto invernadoiro e a velocidade de destrución da natureza que resulta da conversión da terra e a contaminación. Ao mesmo tempo, melloraría a dispoñibilidade de alimentos e, polo tanto, reduciría a fame e aforraría diñeiro nun momento de recesión mundial".

Cómpre sinalar que este desperdicio de alimentos está a causar na maioría dos concellos, sobre todo na Galiza e máis concretamente no noso, o encarecemento da factura polo tratamento e recollida deste lixo, xa que a fracción orgánica ven a supor o 40% do peso da bolsa que xeramos diariamente co cal, ven a supor o 40% da factura que o concello de Ferrol paga pola recollida e tratamento do lixo cada ano.

Por todo isto solicitamos ao Concello de Ferrol a adopción dos seguintes acordos:

1.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a desenvolver unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria que contemple:

1.1- Dirixirse aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector.

1.2- Promover que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

1.3- Actividades de concienciación dirixidas á: centros de ensino, entidades veciñais, e movemento asociativo e veciñanza en xeral sobre a problemática alimentaria, a importancia de planificar as compras e as comidas, para deste xeito evitar o desperdicio de alimentos e o que isto supón.

2. O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a promover e favorecer o estabelecemento de cadeas agro alimentarias curtas que eliminan intermediarios e, polo tanto, reducen a perda e o desperdicio de alimentos durante a colleita, o transporte e a venda,

3.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a potenciar os mercados municipais de Recimil, Caranza e A Madalena como centros de venda de produtos locais, frescos e de tempada.

4.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a implantar na cidade o sistema de compostaxe comunitaria tanto na zona urbana como na rural, xunto con campañas de concienciación dos beneficios, económicos, sociais e medio ambientais desta forma de tratar o lixo.

Ferro1, 22 de novembro de 2021

Iván Rivas Rico
Portavoz municipal do BNG

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

https://ferrol.bng.gal/

https://adega.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de novembro de 2021 12:05

_______

O cárcere de curas (Apaiz kartzela - La cárcel de curas), proxección hoxe en Ferrol, luns 29 novembro, ás 19:30hs pase único, nos Cines Duplex de Esteiro - O film da represión dos curas durante o franquismo, e nel se entrevista entre outros a Nicanor Acosta (A Coruña) e a Vicente Couce (Ferrol) - Logo da proxección haberá un coloquio no que intervirán: Ritxi Lizartza (Director de MALUTA Films) Anxo Currás (Historiador) e Rafael Pillado (da A.C. Fuco Buxán)


O cárcere de curas (Apaiz kartzela - La cárcel de curas), proxección hoxe en Ferrol, luns 29 novembro, ás 19:30hs pase único, nos Cines Duplex de Esteiro - O film da represión dos curas durante o franquismo, e nel se entrevista entre outros a Nicanor Acosta (A Coruña) e a Vicente Couce (Ferrol)

Unha viaxe real nunha situación aparentemente irreal. Catro sacerdotes presos no cárcere de curas de Zamora (1968-1976) volven visitar a prisión onde foron condenados, nalgúns casos, a penas de máis de dez anos por dicir sermones nos que denunciaban a represión franquista. Foi precisamente Franco quen, utilizando o Concordato asinado co Vaticano, creou ese Cárcere Concordataria, a única do mundo para relixiosos.

Este é unha viaxe atípico, pois non adoita ser habitual poder visitar o cárcere onde se levou a cabo a condena. É a ponte para contar a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso a devandito penal. Unha viaxe que quere rescatar unha historia descoñecida aínda hoxe en día. Unha viaxe contra o esquecemento.

Logo da proxección haberá un coloquio no que intervirán: Ritxi Lizartza (Director de MALUTA Films) Anxo Currás (Historiador) e Rafael Pillado (da A.C. Fuco Buxán).

Ver o tráiler


Título orixinal: Apaiz Kartzela.
Ano: 2021.
Duración: 85 minutos.
Idioma orixinal: Español.
Dirección: Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza, David Pallarès.
Guión: Jon Mikel Aldanondo, Mielanjel Elustondo, Martín Etxeberría, Xabier Etxeberría (Idea: Javier Barallas).
Montaxe: Maialen Sarasua Oliden.
Son: Haimar Olaskoaga.
Música: Joserra Senperena.
Fotografa: Fernando Sa Casado.
Productora: Maluta Films, Azaroa Films, Zabriskie Films.
Distribuidora: Syldavia.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de novembro de 2021 12:
05

_______

venres, novembro 26, 2021

Revistas científicas e expertos de EEUU e Canadá destacan o éxito das vacinas cubanas contra o covid-19


Washington, 24 nov (Prensa Latina) A aposta de Cuba polas vacinas contra a COVID-19 de produción propia está dando os seus froitos, destacou hoxe "Nature".

REVISTAS CIENTÍFICAS E EXPERTOS DE EEUU E CANADÁ DESTACAN O ÉXITO DAS VACINAS CUBANAS CONTRA O COVID-19

Un artigo subscrito por Sara Reardon en "Nature", unha revista internacional semanal, con oficinas en varias cidades do mundo, destacou que datos preliminares mostran unha combinación de tres dose das vacinas Soberana 02, ten unha eficacia do 92,4 por cento nos ensaios clínicos.

Cando comezou a pandemia de Covid-19, Cuba decidiu non esperar a que o resto do mundo desenvolvese vacinas. O embargo (bloqueo) económico de 60 anos de Estados Unidos contra o país, que impide a exportación de produtos fabricados na USA, dificultaría a adquisición de fármacos, sabían os investigadores e funcionarios, sinala o artigo.

"O mellor, para protexer á nosa poboación, era ser independentes", dixo Vicente Vérez Bencomo, director xeral do Instituto Finlay de Vacinas da Habana. Ao valorar a eficacia dos inmunóxenos cubanos, a publicación destacou o caso de Soberana-02.

Engadiu que "ademais parece ser moi eficaz contra as variantes Delta do coronavirus SARS-CoV-2, altamente transmisíbel, que provocou un aumento das hospitalizacións e as mortes en todo o mundo e que agora representa case todos os casos de Covid-19 en Cuba".

A revista "Nature" abordou o traballo desenvolvido polos científicos cubanos no Centro de Enxeñería Xenética e Biotecnoloxía (CIGB) da Habana con Abdala, unha vacina de tres dose, que tivo unha eficacia superior ao 92 por cento nos ensaios de fase III que incluíron a máis de 48 mil participantes, pero os resultados completos aínda non se publicaron.

Precisou a xornalista que nos estudos desenvolvidos as vacinas do Instituto Finlay alcanzaron "unha eficacia similar á das fabricadas por Johnson&Johnson (J&J) en New Brunswick, Nova Xersei, e AstraZeneca en Cambridge, Reino Unido" e directivos dese centro indicaron que poden producir 10 millóns de doses de Soberana-02 ao mes.

As vacinas baseadas en proteínas como Soberana-02 e Abdala poderían ter algunhas vantaxes sobre outros tipos de inxeccións, dixo o experto Craig Laferrière, xefe do departamento de desenvolvemento de inmunóxenos de Novateur Ventures en Toronto (Canadá), que estivo comparando a seguridade e a eficacia das inxeccións de COVID-19.

A diferenza das vacinas de ARN mensaxeiro (ARNm) producidas por Pfizer, con sé en Nova York, e Moderna, con sé en Cambridge (Masschusetts), as proteicas como as cubanas non necesitan manterse a temperaturas extremadamente baixas, o que facilita a súa distribución en zonas remotas.

Así mesmo Laferrière estimou que o fármaco cubano "ten menos efectos secundarios que as vacinas de AstraZeneca e J&J, que utilizan un adenovirus para introducir nas células o xene dunha porción diferente da RBD e que se relacionaron con coágulos sanguíneos".

Ao valorar como as vacinas antiCovid-19 baseadas en proteínas poderían cambiar a pandemia, John Grabenstein, presidente da consultora Vaccine Dynamics en Easton, Maryland, sinalou que cre que "será un engadido útil para o mundo".

Mentres tanto, puntualizou o artigo de "Nature", Cuba segue adiante coa súa estratexia de desenvolvemento da vacina antiCovid-19, ademais das citadas, a Soberana-01 de Finlay, e a Mambisa do CIGB, que están en fase de ensaios clínicos.

Publicado en PRENSA LATINA. | 20.11.2021
_______

Radio Cerna emite un novo Boletín informativo ambienta: a actualidade máis recente relativa ao medio ambiente e ao ecoloxismo galego, ... a chantaxe que a Xunta lle fai aos concellos do Barbanza para que abandonen o sistema de xestión de residuos de Lousame


Boletín informativo ambiental 26/11/2021

No boletin informativo de hoxe repasamos a actualidade máis recente relativa ao medio ambiente e ao ecoloxismo galego. Anúncianse novas mobilizacións masivas a prol da paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación, da expropiación "encuberta" dos montes veciñais, dunha nova mortaldade de gaivotas por botulismo e da chantaxe que a Xunta lle fai aos concellos do Barbanza para que abandonen o sistema de xestión de residuos de Lousame, entre outras novidades da semana.

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo. | Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal | Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
26 de novembro de 2021 11:22

_______

Presentación no Ateneo Ferrolán, do libro 'Los irreductibles' do ferrolán Julio Rilo, acompañado por César Carreño, este luns 29 de novembro ás 19,30 h.


Presentación do libro "Los irreductibles" de Julio Rilo que estará acompañado por César Carreño

Luns día 29 de novembro ás 19:30 hs no Ateneo Ferrolán.

Sinopse

Nunha sociedade con tendencia á distopía, Kino, un escritor frustrado, xamais imaxinaría que unha decisión motivada unicamente polos cartos fora levarlle a considerar toda a súa vida, ó acceder a unha máquina que lle permitirá revivir as memorias do seu defunto pai. O que comeza como un simple experimento, terminará desembocando nunha serie de decisións que se lle consideren a Kino, quen non está preparado para afrontar as implicacións de que exista unha máquina semellante.

SOBRE O AUTOR

O feito de que nunca quixese ser unha persoa especializada en nada, senón que pretendese coñece-lo suficiente de cada cousa como para poder falar con calquera persoa de calquera tema, é un dos principais motivos polos que Julio Rilo sempre aspirou a converterse nun narrador de historias.

O escritor galego (Ferrol, 1990), que sempre foi un fanático do cine, un amante da música e un lector voraz de calquera cousa que pasara polas súas mans, comeza con “Los Irreductibles” o desafío de converterse en alguén co privilexio de vivir facendo o que lle gusta, de vivir facendo aquelo que faría no seu tempo libre…se tivera.

A novela ofrece unha visión do que pode estar por chegar na súa incipiente carreira, ofrecendo unha visión sobre os temas que normalmente trata o autor nos seus outros traballos, como poden ser a perda da identidade, os conflitos internos, as motivacións que nos levan ás direccións que terminamos seguindo e a honesta búsquea do “eu” como primeiro paso para acada-la felicidade.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
26 de novembro de 2021 13:01

_______

xoves, novembro 25, 2021

Este 25N a CIG convoca en Ferrol hoxe ás 12 do mediodía na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta e ás 5 da tarde apoia a convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres na Praza do Concello de Fene - A CIG lanza unha campaña para identificar e combater a violencia contra as mulleres no traballo - Centra o 25-N nesta violencia silenciada, da que apenas hai datos e ignoran as institucións



A CIG desenvolverá este ano, arredor do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia contra as Mulleres, unha campaña centrada na violencia exercida no traballo contra as mulleres baixo o lema “É acoso, é violencia machista no traballo”.

Concentración en Ferrol, hoxe xoves 25 de novembro, ás 12 do mediodía na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta. E ás 5 da tarde apoia a convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres na Praza do Concello de Fene.

Convocatorias 25-N

Esa mesma data a Secretaría das Mulleres -que tamén fai un chamamento a participar nas convocatorias da Marcha Mundial-  ten previstas asembleas de delegadas e delegados para abordar esta cuestión e convocará mobilizacións en cidades e vilas, todas ás 12:00 horas. O obxectivo é visibilizar “unha violencia silenciada, da que non se recollen datos nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais para a toma de conciencia social”.

Así o explicou, en rolda de prensa, a secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro Monteiro, quen sinalou que no Macroinquérito elaborado en 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero “non se aborda de forma específica a violencia no traballo” e só se indica que de entre as 9.568 mulleres maiores de 16 anos, o 6,6 % sufriron violencia sexual no traballo e que o 17,3% identifican o agresor como persoa do entorno laboral.

O acoso é un delito

Para valorar estes datos, Castro Monteiro incidiu na necesidade de ter en conta que “moitas mulleres non identifican co acoso condutas sexistas que poderíamos considerar leves -comentarios, piropos, chistes…- pois nestes casos as afectadas sobrepasarían o 50%”. Por iso considerou que o principal problema é precisamente o recoñecemento das situacións de acoso, e a asunción de que “o acoso é un delito”.

A estes datos engadiu os extraídos pola Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que realizou un inquérito a 42.000 mulleres de 28 Estados, das que o 55% foron vítimas de acoso sexual ao menos 1 vez desde os 15 anos. Un estudo do que se tira que o 32% destes acosos sucederon no contorno laboral e que o 90% das persoas acosadas no traballo son mulleres.

Indefensión

A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que as denuncias por acoso son mínimas, xa que o 72% das afectadas non pon en coñecemento da empresa a situación que está padecendo. “A inmensa maioría das traballadoras optan por calar, por medo a non ser cridas, a represalias e mesmo ao despido”.

A este respecto recolleu os datos tirados do informe de 2015 da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo, que revela que no Estado español só se denuncia un 8% dos casos de acoso mentres que na UE a media é de 14,9%. “As empresas incumpren coa obriga de teren un protocolo para a prevención e tratamento do acoso” asegurou, incumprindo así a Lei de Igualdade, en vigor desde 2007.

Asembleas de delegadas/os

Por iso, dada a gravidade da situación, Castro Monteiro adiantou que nas asembleas de delegadas e delegados que se convocarán o propio 25 de novembro, previas ás concentracións, “imos insistir na necesidade de pór en marcha as medidas necesarias para esixirmos a elaboración destes protocolos, a súa difusión e os mecanismos tanto preventivos como de resolución de denuncias”. Isto xunto coa información de que se pode denunciar fóra da empresa, na IT ou nos xulgados.

Denunciou que “o acoso atenta contra a dignidade e integridade das persoas, afecta gravemente á saúde de quen o padece e impide a promoción e o desenvolvemento profesional, obrigando en moitos casos ao abandono do traballo”.

Reiterou, ademais, que o 90% das persoas que sofren acoso son mulleres e incidiu en que “o acoso por razón de sexo reflíctese en que 8 de cada 10 mulleres din sentirse discriminadas no traballo: tarefas por debaixo da categoría, trato ofensivo, relegadas na promoción, relegadas na formación ou con problemas para acceder ao traballo”.

A pesar dos efectos na saúde, a secretaria das Mulleres da CIG apuntou que 9 de cada 10 mulleres sometidas a acoso non solicitou ningún tipo de baixa. Por iso insistiu en que “as baixas producidas como consecuencia directa de acoso terían que estar así tipificadas, de forma que se recoñezan como enfermidade laboral e o acoso tería que estar recoñecido entre os riscos laborais para a saúde”.

Referencia ao acoso nos Plans de Igualdade

Castro Monteiro chamou a atención sobre o feito de que no 31% dos Plans de Igualdade rexistrados no BOE entre os anos 18 e 19 non se faga referencia ás accións contra o acoso. “Os protocolos só constan no 22% dos plans e só o 14% fan referencia ao acoso sexual ou por razón de sexo. Medidas preventivas só se recollen no 6%”, aseverou.

Por iso urxiu a abordar “este problema de violencia de xénero contra as mulleres no traballo con feitos, que se dea conta a través das estatísticas da situación real e que se difunda esta realidade para así promover a conciencia real necesaria para erradicar esta forma de discriminación das mullerestraballadoras”.

Fonte: Avantar. | 18 de novembro de 2021

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de novembro de 2021 07:08

_______