mércores, febreiro 14, 2007

Recuperación da Mina das Pontes: A FEG lamenta que se conciba a solución de restauración dun complexo problema ambiental orixinando outro

A Federación Ecoloxista Galega considera que detrás do plan de restauración do burato da mina das Pontes, esconde-se unha importante tragadeira de cartos públicos de longo percorrido ...

A FEG denunciará diante das instancias Europeas que o transvase do Eume deixará durante varios anos un Parque Natural mantido só co caudal ecolóxico e con efectos sobre a ría de Pontedeume.

A Federación Ecoloxista Galega considera que detrás do plan de restauración do burato da mina das Pontes, a converter segundo a publicidade de Endesa nun idílico lago interior, se esconde unha importante tragadeira de cartos públicos de longo percorrido e, en boa medida, subtraídos de futuros fondos destinados á protección medio ambiental.

Lamenta que ademais se conciba a solución de restauración dun complexo problema ambiental orixinando outro, neste caso, sobre o río Eume, e para o que se pretende captar e transvasar augas dun río que alimentan un Parque Natural, e unha bacía que augas abaixo está incluída na Rede Natura. O río Eume, xa de por si na actualidade, afronta unha perda notable na calidade dos seus ecosistemas acuáticos e das súas augas, debido aos problemas ambientais orixinados polos saltos e encoramentos hidroeléctricos existentes augas arriba da fraga, como para someter agora o río a catro anos de estiaxe prolongado e vivindo a expensas do caudal ecolóxico. Esta modificacións no caudal tamén poden reverter negativamente sobre a ría de Pontedeume, con efectos sobre os ecosistemas das marisma e colmatación da mesma de xeito irreversible por deposición de lodos ao diminuír o caudal, consecuencias que poden derivar na afectación definitiva da súa produtividade.

Considérase inasumible a magnitude do proxecto, no que tódalas súas fases de execución teñen un grado elevadísimo de incertidume para garantir o control que evite a contaminación de millóns de litros de auga limpa, e que se almacenarán durante décadas, con estratos de profundidades ata os 200 metros, e no que o seu custe ambiental e económico, moi elevado, pasará a ser asumido directamente pola sociedade galega no ano 2012, unha vez que Endesa ceda á Xunta e ao Concello de As Pontes para que o manteñan nesas supostas condicións idílicas, incluso aptas para o baño.
A FEG considera que as tarefas de mantemento rutinarias do lago xerarán un custe permanente de fondos, destinados a abordar de xeito continuado a depuración, captación e recirculación de auga ao río, seguir transvasando auga do Eume, manter a estabilidade dos taludes, corrixir a acidez e a anoxia, e evitar todo tipo de posible contaminación de augas, así coma facer fronte a outros posibles cambios asociados a modificacións microclimáticas co incremento de néboas.

Dende a FEG poñemos en dúbida o suposto éxito de viabilidade e garantías do proxecto que manifesta o edafólogo e catedrático da Universidade de Santiago Felipe Macías, principal responsable técnico deste plan, xa que a realidade dos últimos anos ven a demostrar o seu estrepitoso fracaso na solución de conflitivos problemas ambientais en espazos naturais moi fráxiles, e así pode sinalarse coma o principal responsable científico da destrución das turbeiras de cobertor da Serra do Xistral (das que tanto defendeu nos seus primeiros anos de docente na Universidade), no que coma consultor/empresario abriulle o camiño aos seus clientes da promoción eólica, e no que fallaron sistematicamente as medidas de conservación por el ideadas e deixando na actualidade a Serra do Xistral nun estado de conservación paupérrima; ou máis recentemente no caso do Cabo Touriñán, no que redactou un pouco crible e adaptado estudo de impacto ambiental favorable para construír unha macropiscifactoría que, finalmente, foi rexeitado polo goberno galego por motivos precisamente de protección ambiental que o goberno si soubo ver.

A FEG empraza á Xunta de Galicia a que non se embarque nunha aventura que pode pesar coma unha lousa económica e un gravísimo problema a solucionar no futuro, pedindo que estude outras alternativas reais e factibles, incluso a de non intervención de xeito xeral con control do depósito de augas de precipitación, e no que ata pode ser posible adecuar coma grande espazo ao aire libre para a interpretación da evolución xeomorfolóxica e mineral.

13/02/ 2007

FEG. Apartado de correos: 949 - 15780 Santiago

E-mail: feg@jet.es

web da FEG:
http://www.federacionecoloxista.org/

Blog das notas de prensa da FEG nesta páxina:
http://federacionecoloxista.blogsome.com/


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon