xoves, abril 22, 2010

Despois das denuncias dos colectivos ecoloxistas, por fin a fiscalía atreve-se a actuar contra ENDESA por delito ecolóxico contra o Río Eume


Desde hai tempo os colectivos e organizacións ecoloxistas veñen denunciando a sobre explotación empresarial dun dos nosos patrimonios naturais máis importantes das comarcas do noroeste: o Río Eume. ENDESA é a empresa que máis contamina o Río e a que máis o sobre-explota, xa sexa directa ou indirectamente por empresas que traballan para ela. Por outra banda está a présa que teñen por encher o Lago Artificial da Mina entre outras actuacións, ... Desta vez o Seprona presentou denuncia ante a fiscalía de medio ambiente, o pasado 27 de Xaneiro de 2010, por un presunto delito ecolóxico no encoro que ten ENDESA no Río Eume n'A Capela. ENDESA exerce unha especie de dereito de pernada sobre o Eume, a fiscalía denuncia que esta seca o Río "ao non realizarse ningunha vertedura polo desaugadoiro interior e o encoro non obter o 100% de capacidade, este tampouco verte pola súa banda superior". ... Pola importancia da noticia que elabora Carmela López, publicada no día de hoxe no xornal comarcal Diario de Ferrol, transcribimo-la a continuación.
A Fiscalía denuncia a Endesa por un presunto delito contra o medio ambiente
Por Carmela López - As Pontes
22.04.2010

O fiscal coordinador de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, interpuxo unha denuncia contra Endesa SA, Endesa Xeración SA e os responsables das mesmas en materia ambiental por un presunto delito contra os recursos naturais, en relación co encoro do río Eume na Capela. O representante do Ministerio Público conclúe que, do actuado ata o momento, despréndese que "desde fai 50 anos un tramo do río Eume non recibe un achegue constante de auga para garantir a vida e o ecosistema no seu seo, que iso é consecuencia da existencia dunha presa e de que, desde a súa construción, non se garante tal achegue".

A denuncia da Fiscalía é consecuencia dun escrito do Seprona de Pontedeume, de data 27 de Xaneiro de 2010, a raíz do que se acordou a apertura de dilixencias de investigación penal por un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente. Nesta liña, sinálase que o encoro existente no río Eume, á altura do termo municipal da Capela, "non cumpre co caudal ecolóxico establecido" e achéganse datos no sentido de que "ao non realizarse ningunha vertedura polo desaugadoiro interior e o encoro non obter o 100% de capacidade, este tampouco verte pola súa banda superior".

Segundo Endesa, que é a que ten a concesión sobre o encoro, non existe ningún dispositivo específico para a solta de caudal ecolóxico, porque en ningún punto da concesión consta tal requirimento, pero que, no entanto, de forma voluntaria, realízase unha solta de caudal mínimo en dous puntos do salto. Por un deles, situado ao pé da presa, libéranse entre 275 e 350 litros por segundo de caudal de forma permanente, mentres que polo outro, situado augas abaixo, vértense 4.100 litros por segundo á canle, ata naqueles momentos nos que a central reduce a produción a mínimos. Endesa asegura, para rematar, non ter constancia da existencia de danos ambientais no tramo do Eume.

Pola súa banda, Augas de Galicia contradi abertamente o manifestado por Endesa, no sentido de que non recoñece a existencia de ningún achegue permanente, senón "dunha fuga na válvula do propio desaguadoiro de fondo", sen que a situación variase nas diferentes visitas á zona. A Consellería de Medio Rural coincide co organismo anterior, e contesta de "xeito rotundo" -recolle a denuncia da Fiscalía- que do encoro do Eume "non se ten constancia de que solte caudal ecolóxico ao longo destes 50 anos", polo que, o tramo de río que se atopa entre a presa e a central hidroeléctrica, duns 3,4 quilómetros, "permaneceu seco, salvo pequenos achegues dalgún regacho existente, fóra dos momentos en que o encoro sobordou polo aliviadoiro, provocando a perda do ecosistema acuático".

Publicado en: diariodeferrol.com

Fotográfia de: Ferroliño
_______________________

Enlaces relacionados:
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon