sábado, abril 24, 2010

O Domingo 25 de Abril está convocada unha manifestación en Santiago contra a privatización dos Servizos Públicos

25 de abril, manifestación en Santiago contra a privatización dos Servizos Públicos

Este domingo, día 25 de abril, haberá unha manifestación en Santiago para protestar contra a privatización dos Servizos Públicos. A manifestación partirá ás doce da mañá da alameda compostelana. Haberá servizo de autobuses. Os autobuses sairán do Local Comarcal da CIG en Esteiro ás 10:30 horas. Podédesvos anotar chamando ao Local Comarcal ao 981358750.

A aposta pola privatización e mercantilización de todo tipo de servizos públicos implica diminuír a calidade do servizo ou prestación e precarizar e reducir o emprego. A empresa privada pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta do rebaixe da calidade do servizo da redución do persoal, de baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras. Non hai mellor proposta para defender o público fronte ao privado que ampliar a xestión directa dos servizos e non recorrer a órganos ou empresas con menos garantías para prestar o servizo e con traballadores/as que teñen os seus dereitos laborais reducidos.

Non hai sociedade do Benestar nin xustiza social sen uns servizos públicos universais de calidade, xa que significan unha garantía para reducir as desigualdades sociais e reforzar a cohesión social. A súa calidade e eficiencia soamente é posíbel mediante a xestión pública, xa que esta busca exclusivamente o ben público e social. O público é garantía de calidade, o privado é negocio e beneficio.

Resulta inxustificábel que, neste momento de crise motivada pola aplicación de políticas neoliberais, se liquiden servizos, se despidan traballadores e traballadoras e se deixe de atender sectores sociais máis desfavorecidos que sofren de xeito máis duro as consecuencias desta situación. Por iso, rexeitamos o desmantelamento das oficinas I+B co despedimento de 61 traballadoras/es, a privatización dos centros de día e a pretensión de eliminar o carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar,como instrumento de xestión interadministrativa entre a Xunta e os entes locais para o desenvolvemento de servizos sociais comunitarios específicos comarcais acaídos ao País, asi como a entrega total á empresa privada de SOGASERSO, destinada a xestionar as Residencias de maiores.

A aposta do Partido Popular pola mercantilización do ensino, lévaos a privilexiar modelos educativos retrógrados mediante concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero. A Xunta destina 259 millóns de euros, o 11% dos orzamentos de Educación, ao ensino privado, mentres o ensino público continúa con carencia de profesorado e de recursos suficientes para facer fronte ao fracaso escolar e non garante a demanda de prazas escolares de 0 a 3 anos. Esta xenerosidade do PP coa patronal do ensino concertado contrasta coa redución do orzamento da Consellaría de Educación, coa supresión da gratuidade dos libros de texto, coa negativa a reducir o número de alumnado por aula, a universalizar o servizo de comedores escolares e á gratuidade das actividades extraescolares.

A redución dos orzamentos dedicados á sanidade pública para o ano 2010 constatan a continua aposta polo financiamento da sanidade privada coa introdución do modelo de financiamento privado de obra pública para a construción do hospital de Pontevedra e Vigo que veñen a completar a privatización de numerosos servizos que hoxe xa están externizados. As listas de espera fanse insufríbeis e intolerábeis, os servizos sanitarios teñen múltiples deficiencia e carencias, mais isto non lle impide á Xunta amortizar prazas e perpetuar a precariedade laboral. A aposta pola sanidade pública comporta impedir que a saúde se converta nun negocio, ter control público, garantía e calidade.

Un capítulo á parte é a privatización e eliminación dos servizos ás explotacións agrícolas e gandeiras. As oficinas de asesoramento e de apoio ás explotacións comarcais sufriron dende hai anos recortes de persoal e de medios, perdendo o seu carácter de dinamizadoras para quedarlles encomendada só unha parte dos trámites burocráticos.

Mención à parte merece o desmantelamento da empresa pública SEAGA, privatizando a xestión agroforestal e encomendando a empresas privadas a extinción de incendios forestais, atención veterinaria, atención telefónica ao agro, etc, que comportaron o despedimento de máis de 2000 traballadores/as. Así mesmo persiste unha total incerteza na extinción de incendios de cara ao verán onde traballan arredor de 2000 persoas. Así mesmo ficaron paralisados os proxectos UXFOR e o BANTEGAL actúa co mínimo persoal.

A xestión privada tamén se apoderou dos parques comarcais de bombeiros. Desde as administracións non se rescata ningunha privatización e continúase coa vontade de que todos os que abran de novo sexan de xestión privada.


scigasf@sergas.es

www.cig-saude.org/ferrol


Enviado:

Cig-Saúde
-cig-saude.asf@sergas.es-
20 de abril de 2010 10:27
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon