luns, novembro 15, 2010

Privatización ao pé da casa



En moitas ocasións temos escoitado e reproducido o discurso das organizacións políticas, sindicais e sociais de esquerda en relación á vontade privatizadora dos servizos públicos por parte dos gobernos da dereita. Este discurso enmarcou desde sempre esta ansia privatizadora, na necesidade do capital financieiro de expandir a súa actividade a aqueles ámbitos da vida que teñen recoñecida a calificación, na nosa sociedade, de dereitos básicos, como son a saúde e a educación.

Nos últimos anos, con reivindicación e moito esforzo, o dereito á asistencia para todas aquelas persoas que presentan diversidade funcional, ou dependencia, comezou a estar recoñecido, aínda que sen chegar aos niveis que acadaron o dereito á saúde e á educación. Aínda que os servizos creados para atender estas necesidades non chegaron a ser nunca universais, si cubrían as necesidades básicas e teñen convertido aos servizos públicos dos que disfrutamos nun referente mundial, un modelo a seguir e conquistar por moitos outros países dos distintos continentes.

Este discurso que alertou sempre do perigo das privatizacións, foi moitas veces asimilado máis como un referente a ter en conta que como unha realidade. As privatizacións, entre outras, da construción e xestión de futuros hospitais e centros de saúde por parte da actual Consellería de Sanidade mobilizou miles de persoas e anunciaba un novo tempo onde a protección dos servizos públicos quedaba desconectada. Mais é agora, cos plans de privatización por vía de urxencia do centro “Souto de Leixa”, que vemos ao pé da casa que o tsunami privatizador está a piques de barrer todo o noso sistema de protección social.

A crise económica provocada, entre outros factores, pola desordeada, irresponsábel e codiciosa actuación do capital financieiro, está servindo de coartada, curiosamente, para que estes mesmos irresponsábeis, codiciosos e arroutados, comecen a xogar no seu casino das finanzas cos nosos servizos públicos, estes que temos ao pé da casa, e como é o caso deste centro, atendeu até agora a 200 usuari@s cunha plantilla de 118 traballadores e traballadoras, como cómpre a un servizo asistencial de calidade e que custeabamos entre todos e todas dun xeito solidario a través dos orzamentos públicos. Agora pretenden que unha empresa privada opte a un concurso público por vía de urxencia, e se encargue de xestionalo, engadindo o factor “beneficio privado”, ao espazo onde concorrían solidariedade compartida no mantemento do servizo público, e dereitos garantidos para usuarios e usuarias, para as súas familias, e para os traballadores e traballadoras públicos que os atendían ata agora.

É por iso que as persoas que asinamos estas reflexións, pertencentes a diferentes correntes sindicais e políticas, vemos a necesidade de converter a luita dos traballadores e traballadoras do “Souto de Leixa”, nunha loita político-sindical onde se impliquen todos os sectores laborais e sociais, construíndo un verdadeiro dique de contención, que nos defenda da tempestade privatizadora que comeza a mostrar a súa face máis virulenta neste centro educativo-asistencial, pero que sabemos ten como obxectivo a destrución do noso sistema público garante de dereitos básicos, e de protección social.

E son, precisamente, os sindicatos os que poden e deben desenvolver a solidariedade de clase con estas compañeiras e compañeiros.

Por Inácio Martínez Orero (CIG), Lupe Cés Riobóo (CIG), Manuel Cendán Dopico (UGT), Alejandro Sevilla Rodríguez (UGT), José M. Martín Rodríguez (CCOO) e Rafael Pillado Lista (CCOO)
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon