martes, novembro 09, 2010

Solidariedade da CIG Aministración - Ferrol co persoal do "Terra de Ferrol" - "Souto de Leixa" e alerta sobre a vaga de privatizacións desenvolvidas e na axenda do Partido Popular

A Executiva comarcal de CIG Administración Pública de Ferrol quere mostrar a súa solidariedade e apoio á loita dos traballadores e traballadoras do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol, contra a privatización e pala defensa dos seus postos de traballo.

Tomamos a decisión de enviar aos nosos servizos xurídicos a Orde do día 29 de outubro na que se contrata a xestión da atención residencial e diurna para persoas con discapacidade intelectual. Unha orde de tramitación urxente, con prazos mínimos e sen garantía provisoria, que ten toda a aparencia de encubrir a concesión a unha empresa privada amiga para que faga o negocio co futuro dos nosos discapacitados/as.

Asistimos á apropiación polo empresa privada dun espazo e usos públicos no que o Partido Popular dá un paso cualitativo e pasa a mans privadas a parte asistencial das persoas discapacitadas maiores de 21 anos, e deixa sen ocupación aos empregados/as públicos.

É o mesmo caso que se anuncia para as oficinas do Igape no estranxeiro, cedidas a unha asociación patronal ou, na nosa cidade, as instalacións da casa do Mar, cedidas a unha asociación asistencial.

Estamos diante dunha actitude de eliminación permanente de servizos públicos e de converter a actividade que se estaba a desenvolver desde a Administración nun negocio. Así se fixo co servizo de comedores escolares, despedindo a traballadoras/es eventuais, ofrecendo o negocio a 'catterings' privados e abandonando a poboación escolar de Moeche, As Somozas, Cerdido, Mañón e outros concellos da nasa comarca; negándose a cubrir as demandas dos pais e nais do Colexio Atios de Valdoviño, a pesar de ter un posto de traballo creado e a unha traballadora sen posto asignado, nunha manifestación de malgasto da fondos públicos.

Os traballadores e traballadoras do Terra da Ferrol teñen todos os motivos do mundo para estaren preocupados pola súa estabilidade e o seu futuro laboral, vendo como esta Administración decide trasladar con carácter forzoso ao persoal de cociña saltándose o previsto no Convenio e actuando nos organismos sen ningún ánimo negociador, impoñendo a súa vontade. As consecuencias legais de todo isto veranse no futuro.

O Partido Popular ten atopado a fórmula para desmantelar os servizos públicos, con unha estratexia que desde logo non ten nada de oculta. A paralización de toda a administración autonómica é palpábel, non hai máis que ver o DOG, convertido día a día nun raquítico boletín que volve ter contidos mínimos que non se daban desde os primeiros anos 80, ao principio da autonomía. Logo, cunha hábil campaña a través de algúns medios amigos, minusvalorízase o público e véndese a idea de privatizar. Por último, aparecen empresas xestoras cuxas características e fins podemos ver en sumarios coma o Gürtel.

En Ferrol temos casos escandalosos, como que as persoas que solicitan unha minusvalía teñen que agardar máis de 18 meses para ser atendidas, con só un equipo de valoración para máis de 150.000 persoas (a media son de 6 a 9 meses de espera no resto de Galiza). Hai servizos que non dan chegado á cidade aínda que necesitarían unha dotación mínima. Pola contra, vanse gastar 600,000 € en reformas interiores dun edificio, o da Xunta de Galiza na cidade, que ten menos de dez anos de funcionamento.

Agora cedemos para o negocio privado a atención ás persoas discapacitadas psíquicas. A mentira e o engano preceden tamén a este atropelo. O mesmo Diego Calvo, en entrevista con este sindicato ao principio do seu mandato, asegurábanos que, en todo caso, as privatizacións nunca afectarían a centros e instalacións existentes.

Todo indica que o seguinte obxectivo da especulación vai ser o centro de maiores de Caranza. É necesario, pois, a unidade dentro dos colectivos laborais e ampla difusión entre a cidadanía do que nos estamos a xogar.

Esther Leira Penabad

Secretaria Comarcal de CIG-Administración

09.11.2010

Fonte: Avantar
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon