luns, febreiro 07, 2011

No "Dia Mundial dos Humidais", ADEGA denunciou o mal estado dos humedais das comarcas do noroeste Ártabro

O pasado 2 de Febreiro deste ano 2011, a delegación comarcal da asociación ecoloxista ADEGA fixo publico un comunicado onde amosaba a súa preocupación polo estado dos humedais da zona, facendo un chamamento ao importante da súa conservación e bon trato por parte do conxunto da poboación e responsabeis políticos e institucionais que teñen as ferramentas lexislativas e técnicas para a eficiente proteción deses espazos naturais.

ADEGA, manifestou a preocupación polo estado de diversos humidais, especialmente menciona os seguintes humedais:

Humidal da Frouxeira (Valdoviño), zona ZEPA, e LIC, despois da apertura brutal co conseguinte baleirado que realizou a finais do ano 2009 a Consellería do Medio Rural e que deixou a lagoa nun moi mal estado de conservación.


Humidal de Ortigueira , zona ZEPA e LIC, con actuacións un tanto “irreguláis” de Portos de Galicia para instalar un porto e unha praia artificial.


Humidal de Mandiá (Ferrol) o maior humidal interior de Ferrol ameazado por o proxecto de un polígono industrial ao que presentamos alegacións po-lo seu impacto ambiental.


    Comunicado público da delegación comarcal de ADEGA:

    Dende hai 40 anos, o 2 de febreiro é dedicado á celebración do día dos Humidais. A data conmemora a sinatura na cidade iraniana de Ramsar, do Convenio Relativo aos Humidais de Importancia internacional, no que se marcaron os obxectivos para a conservación e xestión deste tipo peculiar de ecosistemas.

    En Galicia esta celebración do día dos Humidais ven marcada por dous elementos. O primeiro é o escaso número de Humidais de importancia internacional que posúe o territorio galego, malia ser un dos que maior número de humidais conservan do SW Europeo. O desinterese da administración autonómica pola conservación da natureza queda patente cando soamente 5 dos máis de 1.100 humidais coñecidos en Galicia, foron incluídos na lista de Humidais de importancia internacional.

    O segundo elemento, máis dramático, está relacionado coa nosa comarca e ven marcado pola desastrosa xestión efectuada no Humidal de importancia internacional da Frouxeira, despois da apertura brutal co conseguinte baleirado que realizou a finais do ano 2009 a Consellería do Medio Rural e que deixou a lagoa nun moi mal estado de conservación.

    O propio Conselleiro do Medio Rural declaraba, no día dos Humidais de hai un ano, que na apertura “se lles foi a man” e prometía que antes de fin de ano disporíase dun "plan científico para conservar os humidais". Estas declaracións foron posteriormente ratificadas en sede parlamentaria. Transcorrido un ano dende estas declaracións, e despois de non terse tomado ningunha medida para corrixir os efectos deste baleirado por parte da Consellería, administración responsabel do seu coidado, os peores temores de ADEGA non só se confirmaron, senón que se viron superados.

    Esta lagoa pasou 12 meses agónicos, aberta, cun réxime de inundación propio dunha marisma e non dunha lagoa costeira, cunha lámina de auga variabel en función das mareas, o que ocasionou a erosión do sistema dunar coa desaparición de parte das dunas que a protexían do mar (algo que calquera pode observar) o cal unido á desaparición da barreira que pechaba a lagoa, fainos albergar moi malos presaxios sobre a súa recuperación. Os estudios e plans apuntados polo Conselleiro levoullos o vento, ou se cadra só eran cortinas de fume para saír do paso despois de tan terribel metedura de pata.

    Ao longo de todo este periodo a nosa asociación denunciou estes feitos, e segue a reclamar medidas para a recuperación deste humidal, así como medidas de vixilancia e control, pois en todo iste tempo seguen a realizarse actividades que alteran o medio e que incluso constitúen infraccións (cans ceibes, presencia de quads, etc.).

    Con situacións coma ista, evidénciase a falla de interese pola conservación e xestión destes ecosistemas por parte da Consellería do Medio Rural, algo que tamén se pode facer extensivo a outros organismos autonómicos, como é o caso de Portos de Galicia, quen pasando olimpicamente da lei, está a transformar o Humidal de Ortigueira para instalar un porto e unha praia artificial.

    Tampouco quereriamos pasar por alto a situación doutras zonas da comarca que veñen sufrindo agresións que xa vimos denunciando reiteradamente, como é o caso do humidal de Mandiá, o mellor humidal de interior que posúe o concello de Ferrol, actualmente danado polos viais e conexións de acceso ao porto exterior e con risco de desaparecer definitivamente se se leva a cabo a realización dun polígono industrial de apoio ao porto exterior, e cuxo proxecto saíu a exposición pública no DOG do 28.1.2009 e ao que temos presentado alegacións polo alto impacto ambiental. Actualmente a demanda de novo solo industrial é practicamente nula na comarca, e hai grande cantidade de superficie baleira nos polígonos adxacentes.

    No día dos Humidais, a Convención de Ramsar, promove o seu uso sostible, e o dos seus recursos. Ambas as dúas metas distan moito de ser alcanzadas en Galicia, situación que non vén máis que a confirmar o desinterese, da actual Consellería do Medio Rural, pola conservación da biodiversidade.


    Para contactar con ADEGA:

    Xesús Andrés López Piñeiro, Presidente ADEGA-Trasancos
    spinheiro@terra.es

    Ernesto Lopes Dias, Secretario ADEGA-Trasancos
    lodergz@gmail.com

    Antonio García Jiménez. ADEGA-Trasancos
    angaji@yahoo.com

    Antón Muñiz. ADEGA-Trasancos
    xamute@gmail.com

    Delegación de Ferrol (Trasancos)
    Apdo Correos 481; 15480 Ferrol
    www.adega.info



    Información baseada na enviada por:

    Antonio Gª
    -angaji@yahoo.com-
    "ADEGA-TRASANCOS(FERROLIÑO)"
    -adegatrasancos@adega.info;
    7 de fevereiro de 2011 12:08
    ______________

    Enlaces de interese:

    As Zonas de especial protección para as aves (ZEPA), son catalogadas polos estados membros da Unión Europea como zonas naturais de singular relevancia para a conservación da avifauna ameazada de extinción, de acordo co establecido na directiva comunitaria 79/409/CEE e modificacións subseguintes ('Directiva das Aves' da UE).

    http://gl.wikipedia.org/wiki/Zona_de_especial_protecci%C3%B3n_para_as_aves

    Folla 1-Zonas de especial protección para as aves. Galiza - Mapa.

    A Convención relativa ás Zonas Húmidas de Importancia Internacional, especialmente como Hábitat de Aves Acuáticas, coñecida como Convención de Ramsar, foi adoptada na cidade iraniana de Ramsar, o 2 de febreiro de 1971, e entrou en vigor en 1975. A UNESCO é a depositaria da Convención.

    É un tratado internacional sobre a conservación e a utilización responsábel das zonas húmidas e os seus recursos, sexa por regulamentación nacional, sexa por proxectos de cooperación internacional co fin de protexer un dos ecosistemas máis produtivos e, no entanto, máis ameazados na actualidade. Aínda que inicialmente se centraba na protección do hábitat das aves acuáticas, cos anos foi ampliando o seu ámbito de aplicación no sentido de protexer toda a biodiversidade das zonas húmidas.

    http://gl.wikipedia.org/wiki/Convenci%C3%B3n_de_Ramsar

    http://www.ramsar.org

    Os lugares de importancia comunitaria (LIC) son espazos naturais situados no territorio dos estados membros da Unión Europea designados na directiva 92/43 como ecosistemas a protexer co obxecto de contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Estes lugares seleccionados polos diferentes países en función dun estudo científico pasarán a formar parte das zonas de especial conservación, que se integrarán na Rede Natura 2000 europea.

    http://gl.wikipedia.org/wiki/Lugar_de_importancia_comunitaria

    Lugar de importancia comunitaria (LIC) Ortigueira-Mera

    http://www.turgalicia.com/sit/ficha_datos.asp?ctre=111&crec=16853&cidi=E

    Espazos protexidos Galiza:

    http://mediorural.xunta.es/areas/conservacion/espazos_protexidos/

    Web oficial de ADEGA:

    http://adega.info
    _______________________________


    Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

    Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

    Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
    EmoticonEmoticon