venres, novembro 04, 2011

Foro Galego de Inmigración e Médicos do Mundo rexeitan as restricións ao acceso ao sistema sanitario público establecidas pola Consellería de Saúde da Xunta de Galicia


Comunicado de prensa do Foro Galego de Inmigración e Médicos do Mundo

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración rexeitan as restricións ao acceso ao sistema sanitario público establecidas pola Consellería de Saúde da Xunta de Galicia

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración mostran o seu rexeitamento frontal ás actuacións devidas da Orde do 5 de setembro da Consellería de Saude da Xunta de Galicia pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e desempregadas. A Orde limita o acceso á asistencia sanitaria a persoas sen recursos económicos suficientes e condiciónao a unha antigüidade de 183 días antes de autorizar o cartón sanitario, indispensable para toda consulta ou receita médica.

O articulado da normativa autonómica establece trabas ao acceso ao cartón sanitario para os estranxeiros. A partir do próximo 1 de xaneiro, o Sergas esixirá unha antigüidade mínima no padrón de 183 días antes de autorizar o cartón sanitario, indispensable para toda consulta ou receita médica. Esta condición para acceder ao cartón vai limitar o acceso á atención primaria nos centros de saúde. O novo regulamento, en vigor desde o 29 de setembro, vén incrementar as barreiras que atopan as persoas estranxeiras en acceder ao dereito á saúde e expón rebaixar un dereito en lugar de garantilo.

A Orde da Consellería de Saude vulnera o propio marco legal español, que recoñece e garante o principio de universalidade do dereito á saúde e é contraria a leis estatais como a Lei Xeral de Sanidade 14/1986 e da Lei Orgánica sobre Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros en España e a súa Integración Social (decembro 2009) que establece no seu artigo 12: "Os estranxeiros que se atopen en España, inscritos no padrón do municipio no que teñan o seu domicilio habitual, teñen dereito á asistencia sanitaria nas mesmas condiciones que os españois" sen incluír período mínimo de empadroamento como agora fai intenta o Servizo Galego de Saúde.

Ademais, contravene normas internacionais ao establecer criterios limitantes que rompen o principio de equidade como queda establecido no artigo 12 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos Sociais e Culturais (1966) e o artigo 25 da Declaración de Dereitos Humanos (1948).,

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración reivindican o dereito á saúde como un dereito universal e sobre o que non pode establecerse unha limitación por vía administrativa como se establece na Orde da Consellería de Saúde da Xunta de Galicia ao establecer, ademais do empadroamento, unha antigüidade de 183 días de residencia en España

O argumento esgrimido polos valedores da iniciativa en relación a un suposto abuso por parte das persoas inmigrantes como xustificación para instaurar o presente regulamento non pode servir como coartada para menoscabar o dereito fundamental á saúde das persoas máis vulnerables.

Non é certo que as persoas inmigrantes veñan a Galicia ou a España para aproveitarse dos sistemas de cobertura socio-sanitaria. Numerosos estudos conclúen que, en xeral, as persoas estranxeiras utilizan menos os servizos sanitarios que a poboación española. O último exemplo témolo no estudo desenvolvido na Xerencia de Atención Primaria da Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid que conclúe que, a igual idade e enfermidade, os estranxeiros que proveñen de países con rendas baixas acoden menos ao médico de familia.

Tampouco é verdade que as persoas inmigrantes xeren un custo económico ao sistema de saúde superior ao que achegan vía impostos. Debemos recordar que o Sistema Nacional de Saúde responde a un modelo de prestación non contributiva que se financia mediante os impostos no que cada persoa achega segundo os seus ingresos e recibe servizos sanitarios de acordo coas súas necesidades de saúde.

O que está constatado é que limitar o acceso exclusivamente aos servizos de urxencia, máis custosos que a atención primaria, pode levar a un agravamento ou cronificación da enfermidade por mor dun diagnóstico ou tratamento tardío. A atención de urxencias será moito máis custosa para o sistema da mesma forma que o sería o tratamento de patoloxías transmisibles que poderían ser atalladas cunha atención primaria adecuada.

Médicos do Mundo e o Foro Galego de Inmigración reclaman o papel que as Administracións Públicas teñen que xogar en tempos de crises para garantir o acceso aos servizos de saúde. Ambas as organizacións van supervisar as consecuencias destas restricións ao dereito á saúde das persoas desempregadas, en situación de exclusión social, e inmigrantes, e exercerán as medidas ao seu alcance para a defensa deste dereito.

CONTACTOS DE PRENSA:
Foro Galego da Inmigración
Teléf de contacto: 662 307 019
Correo electrónico: foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Médicos do Mundo
Teléf de contacto: 981 578 182
Correo electrónico: galicia@medicosdelmundo.org

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142

Enviado por:
Fernández Sixto, Juan - Monturas (FE)
-jefernandez@navantia.es-
4 de novembro de 2011 08:06
__________________

Enlaces relacionados:
Ártabra 21: Cando o delito é ser PSR -Persoas Sen Recursos Económicos Suficientes, ... Por Susana Alaníz González

O SERGAS aplica, ás persoas sen recursos, recortes no dereito á protección da saúde e á atención sanitaria - CIG-Saúde exixe que, de forma inmediata, se retire este protocolo e se garanta a prestación sanitaria universal.

Diario nº 173 de data 09.09.2011 ORDE do 5 de setembro de 2011 pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego.

Tamén pode-se descargar, a orde, en formato PDF:

Descargar PDF
__________________________

1 comentarios so far

Apoio de Fuco Buxán ao Comunicado de prensa do Foro de Inmigración e Médicos do Mundo.

A Asociación Cultural Fuco Buxán, apoia o Comunicado de Prensa emitido polo Foro da Inmigración e Médicos do Mundo, rexeitando as restriccións ao acceso ao Sistema Sanitario Público establecidas pola Xunta de Galicia.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon