Amosando publicacións coa etiqueta Forxa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Forxa. Amosar todas as publicacións

domingo, xuño 10, 2012

Unha indignación que se fai extensiva aos intentos de concertación sindical e de repetición das estratexias de pacto social, pola súa inutilidade e o seu papel desmobilizador fronte aos ataques antiobreiros, liquidadores e privatizadores deste goberno da oligarquía - Proclama comunista en apoio das traballadoras e traballadores do naval da Ría de Ferrol


OS COMUNISTAS COS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DO NAVAL EN LOITA

Pálpase indignación, pero indignación de clase, indignación obreira. Ese é o estado de ánimo do proletariado da bisbarra, nomeadamente dos operarios do sector naval, manifestada na crítica, denuncia e rexeitamento da pasividade das direccións sindicais pactistas, fronte á xestión comercial inoperante da SEPI e a negativa do goberno e da maioría parlamentaria do PP á infraestrutura do dique flotante e da súa indiferenza indolente e paternalista ante a sorte dos traballadores das empresas auxiliares, que veñen padecendo a lacra da subcontratación, da precariedade e da temporalidade, froito da política de pacto social e de entreguismo sindical levado a cabo durante as últimas décadas.

Unha indignación que se fai extensiva aos intentos de concertación sindical e de repetición das estratexias de pacto social, pola súa inutilidade e o seu papel desmobilizador fronte aos ataques antiobreiros, liquidadores e privatizadores deste goberno da oligarquía.

Hoxe as traballadoras e traballadores das auxiliares son as primeiras vítimas da falta de carga de traballo, situación que tarde ou cedo acabará por afectar tamén aos traballadores da principal. Por iso cómpre respostar con unidade de clase e non con división e pasividade. Hai que respostar ás políticas antiobreiras do mesmo xeito que o están a facer os mineiros e os traballadores do trasporte en folga indefinida polos seus dereitos. A resposta ten que ser a FOLGA XERAL, a RESISTENCIA CONTINUADA e o CONTRAATAQUE.

A inocente ou máis ben necia intención do reformismo político e tamén sindical de tratar de endereitar a crise do sistema, dentro do corrompido marco político e institucional que padecemos, xa non se sostén. Para o caduco sistema capitalista non hai outra saída que non pase pola superexplotación xeneralizada, pola negación dos dereitos políticos e sociais para as masas traballadoras, incluíndo tamén a represión, a guerra ou o fascismo, chegado o caso.

Porque nin se erguerán vetos sobre a antiga Astano, nin se impulsará a construción naval, nin se creará emprego neste e noutros sectores produtivos, se non se supera o esgotado e senil modo de produción capitalista, se non se derroca este goberno e con el se leva ao réxime monárquico á crise política, se antes non saímos do cárcere dos depredadores imperialistas que é a UE, o sistema monetario e a OTAN. Non se acadarán conquistas, nin das reivindicacións inmediatas, se o proletariado e os traballadores e traballadoras do capitalismo do século XXI en crise non loitamos como os nosos antergos, con combatividade, resolución e conciencia de clase, poñendo a ollada no mundo que temos que gañar, que non é senón o SOCIALISMO, pois do capitalismo pouco máis xa temos que perder.

Para iso a clase obreira ha de pór a punto as súas ferramentas de combate: a participación e a acción sindical e política pola base, coa asemblea como instrumento de debate, decisión e mobilización, ou como no caso concreto do naval mediante unha coordinadora obreira das empresas auxiliares, así como un comité de folga unitario e democrático que dea resposta aos intereses da maioría traballadora. Animamos aos traballadores e traballadoras avanzados, sindicados ou non sindicados, a xestar unha fronte militante unitaria para a intervención no conxunto do movemento obreiro e sindical, sobre a base dos Comités de Unidade Obreira (CUO), co obxectivo de impulsar a efectiva unidade de clase e orientar a loita de clases do proletariado a obxectivos revolucionarios e de quebra do sistema.

Queremos aproveitar esta folla para manifestar o noso apoio á Xornada de Loita convocada na nosa comarca para o día 28 de xuño e chamamos á clase traballadora da comarca e a todas as centrais, sindicatos e colectivos de traballadores/as a erguer a imprescindíbel UNIDADE DE CLASE que faga posible unha folga xeral unitaria e masiva.

UNIDADE, RESISTENCIA, CONTRAATAQUE!
FORXA! COLECTIVO MARXISTA LENINISTA
PCPE-COMUNISTAS DA GALIZA

Enviado por:
FranciscoXavier.Iglesias.Mouriz@sergas.es
-FranciscoXavier.Iglesias.Mouriz@sergas.es-
9 de junho de 2012 21:31

______________

luns, febreiro 13, 2012

Posicionamento conxunto de Forxa e Comunistas da Galiza -PCPE, diante do Pacto sobre contención salarial e negociación colectiva, acordo asinado polas organizacións patronais e as centrais sindicais CCOO e UGT


NIN REFORMAS DE OLIGARCAS, NIN PACTOS DE TRAIDORES

Unha vez máis, os dirixentes sindicais de CCOO e UGT, veñen de consumar unha nova traizón contra a clase obreira plasmada no acordo sobre a negociación colectiva, ao cal teñen chegado coas organizacións da patronal. Asumindo e someténdose ás directrices do gran capital, asinan retrocesos e recortes nas condicións laborais e salariais que benefician única e exclusivamente ás clases dominantes e só ofrecen para a clase obreira máis explotación e sometemento.

As consecuencias desta crise, que os grandes oligarcas xeraron coas súas políticas económicas criminais, está a sufrilas a clase obreira día tras día con índices alarmantes de desemprego, con case 6 millóns de desempregados, cos milleiros de familias que viven ao borde da pobreza, familias cuxas vivendas son embargadas polos bancos, familias ás que lles son retiradas as prestacións económicas e sanitarias, traballadores que se ven empuxados ao abismo e á absoluta indefensión diaria e continuada ante os abusos da patronal. Ese é o camiño que nos ofrecen os capitalistas para saír da súa crise. Con acordos e rendición (baixando os pantalóns) responden os líderes sindicais traidores comprados pola oligarquía. Queren que nos apertemos o cinto en aras da estabilidade capitalista; pretenden que nos resignemos e asumamos como inevitábeis as políticas antiobreiras impulsadas pola UE do capital.

Nós dicimos NON! Os nosos dereitos non se negocian, deféndense, como os defenden os traballadores gregos con máis de 15 folgas xerais ás súas costas, coa súa oposición frontal ás medidas antiobreiras, ou coa clase obreira de Bélxica que vén de demostrar que cando esta está unida é capaz de paralizar todo un país. Ese é o camiño que debemos seguir, erguernos e pelexar polo que por dereito é noso, para demostrarlles que non estamos dispostos a entregarlles tan facilmente as nosas conquistas sociais e os nosos dereitos, para que comprendan que non estamos dispostos a vivir axeonllados e sometidos ante a cobiza dos explotadores .

Esta claudicación por parte das centrais sindicais debe servir para borrar e desterrar dunha vez as políticas de pacto social e de negociación, que só teñen conducido á perda progresiva de dereitos e ao empeoramento continuado das nosas condicións de vida. A clase obreira non pode agardar ningunha concesión por parte da oligarquía nin das clases dominantes, e moito menos, cando estas despregan unha ofensiva para arrebatarnos as poucas concesións e melloras conseguidas durante décadas de loitas e de combates. A submisión dos dirixentes obreiros traidores e o seu paso ás filas do inimigo de clase suscitan nos traballadores a necesidade da ruptura coas políticas de colaboración de clase e a preparación para un período de choques abertos entre o proletariado e os sectores populares e a burguesía e as clases dominantes. Debemos prepararnos dende xa: reorganizando as nosas forzas dende a base, dende o núcleo mesmo das entrañas das fábricas e centros de traballo, dende o corazón mesmo onde teñen lugar as relacións de produción, organizándonos e mobilizándonos por cada conflito, ligando as demandas inmediatas e puramente económicas aos obxectivos de emancipación e de loita política do proletariado. A historia do movemento obreiro ten demostrado que, no marco capitalista, a clase obreira só pode conseguir melloras mediante a forza, mediante o combate franco e resolto, mediante a rebelión e a oposición ao sistema de explotación, mediante a loita por demandas inmediatas que reforcen o poder obreiro e popular, mediante loitas que debiliten as posicións do inimigo e reforcen e amplíen as nosas propias forzas.

Compre o artellamento de estruturas que permitan e posibiliten a confluencia de todos os sectores obreiros de oposición as medidas do capital co fin de fortalecer e ampliar a mobilización obreira,coordinar e unificar as loitas,desenrolar unha plataforma e unha táboa reivindicativa común ao conxunto da clase obreira e ofrecer unha resposta organizada e contundente fronteás políticas e ás reformas criminais emprendidas pola oligarquía.Nesa dirección os comunistas galegos organizados en FORXA! e máis no PCPE-comunistas da Galiza, facemos un chamamento ao conxunto da militancia sindical,delegados e comités de empresa, participación e a construción de organismos unitarios dentro e fora das fabricas, comités de folga,asembleas obreiras de carácter intersindical etc., organizadas de acordo a os principios da democracia obreira e da defensa inquebrantábel dos intereses xerais de clase como ferramenta destinada a incrementar a mobilización e a rebelión obreira xeneralizada na dirección da folga xeral e da loita continuada contra os plans capitalistas.

Só podemos responder á traizón con unidade e organización. Esa é e debe ser a nosa mellor arma, o camiño que debemos seguir se queremos reverter a orde de cousas existente. Unidos seremos capaces de plantarlle cara ao inimigo, de dicirlle que as súas reformas e recortes, as súas políticas e toda a súa maquinaria de dominación, serán inútiles fronte ao poder organizado da clase obreira e do pobo, e por iso, Comunistas de Galiza-PCPE e o colectivo marxista-leninista FORXA! fan un chamado ao conxunto da clase obreira, independentemente da súa filiación sindical, a sumarse á folga xeral que terá lugar a finais de marzo; a facer desta folga xeral unha vitoria unitaria do conxunto do movemento obreiro galego; unha vitoria sobre as políticas claudicadoras e pactistas; un paso na dirección da reorientación clasista do movemento sindical e un paso firme na loita organizada da clase obreira contra as políticas capitalistas.

Todos e todas a folga xeral!
Hai que paralos!

FORXA! COLECTIVO MARXISTA LENINISTA
PCPE-COMUNISTAS DA GALIZA

http://aforxa.blogspot.com

http://revistaforxa.blogspot.com

Enviado por:
Forxa!! Construír o partido, preparar a revolución!!
-forxagz@gmail.com-
12 de fevereiro de 2012 22:30
_______________