Amosando publicacións coa etiqueta MpDC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta MpDC. Amosar todas as publicacións

venres, abril 24, 2009

Protección de Datos debe esclarecer a situación de preto de 60 cámaras de vídeo vixilancia instaladas no edificio Telefónica da Coruña

Recentemente, o MpDC tivo coñecemento sobre o sistema de vídeo-vixilancia instalado no edificio da mercantil Telefónica España S.A.U. sito na cidade da Coruña. Así, no exterior e interior de devandito edificio, están instaladas preto de sesenta cámaras de vídeo vixilancia. Ante tales feitos, esta asociación ponse en contacto coa Axencia Española de Protección de Datos para procurar o esclarecemento de varias cuestións que son de vital importancia no que respecta aos dereitos das persoas.

As cámaras atópanse situadas no exterior de devandito edificio e están orientadas á vía pública, ao que hai que engadir que algunhas das que se atopan no vestíbulo controlando o taboleiro sindical. O dito taboleiro foi cambiado de lugar pasando a estar situado nas proximidades das videocámaras para gravar dun modo máis eficaz a cantos se dirixen ao mesmo, tanto a observar como a colocar boletíns informativos, o que viola claramente tanto a intimidade persoal como a liberdade ideolóxica e por suposto a liberdade de afiliación sindical. Estes feitos denotan, ao ver do colectivo, un excesivo control de Telefónica España SAU sobre os seus traballadores.

Os dispositivos gravan a cantos cidadáns transitan polas proximidades do edificio e as pantallas de control das imaxes están á vista de cantos transitan polo exterior, vulnerando o dereito á intimidade. Tales artefactos de gravación comezaron a funcionar sen que os traballadores nin os representantes sindicais recibisen comunicación da súa posta en funcionamento.

En primeiro lugar, o Movemento denuncia que adoptar como medidas a instalación de cámaras sen existir indicios nin motivos suficientes para a súa instalación resulta moi gravoso e desproporcionado a respecto da finalidade perseguida, pois de existir indicios que xustifican o principio de proporcionalidade, parece obriga de devandita empresa a de facilitar alternativas. Desde o Movemento afírmase tal cousa xa que esa mesma cámara recolle a vida diaria de cantos cidadáns pasan por diante do edificio, invadindo a súa intimidade.

Por todo o exposto, o MpDC solicita que a Axencia Española de Protección de Datos informe quen é o responsable do tratamento de datos e, xa que logo, do ficheiro de imaxes gravadas polas cámaras ademais de se o ten inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos da Axencia Española de Protección de Datos.

Ademais, o Movemento pregunta á AEPD se a empresa encargada de instalar as cámaras se atopa incluída no Rexistro destinado a proceder a instalacións, nese caso, dispón de licenza do mesmo xeito que pide ao organismo estatal que sancione os feitos segundo a lexislación vixente.

Esta asociación agradecería á Axencia Española de Protección de Datos que investigase sobre os feitos anteriormente expostos, así como do cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa imperante tanto en materia laboral, como de protección de datos e do cumprimento da normativa vixente en materia de vídeo cámaras en lugares públicos manténdonos informados de cantas actuacións leven a cabo con relación a este asunto.

En movemento
www.movemento.org

Movemento polos Dereitos Civís. r/ Rosalía de Castro 29. Galerías Belén 102.15703 Santiago de Compostela. mpdc@movemento.org

Contacto: 610858850 (Renato Núñez)
______________

luns, abril 06, 2009

O periódico "En Movemento" volve ao seu formato inicial

EN MOVEMENTO
-campanha3@movemento.org-
6 de abril de 2009 20:28



O periódico EN MOVEMENTO volve ao seu formato inicial despois dunha breve experiecia co xornal dixital GZnación. Porén, isto non implica un afastamento entre ambas as dúas publicacións, máis ben todo o contrario, pois nesta nova etapa seguiremos contando con novas e reportaxes elaboradas pola publicación dixital.

Con este número xa sumamos 17 exemplares, que corresponden a 18 meses, nos que o EN MOVEMENTO sempre estivo nas rúas e, ultimamente, nos quioscos transimitindo información social plural e dando a coñecer iniciativas e problemas referentes ao tecido asociativo galego. Desde os que teñen un traballo máis local, coma SOS Courel, até os máis amplos, como a CIG.

Neste novo períódo procuramos manter esta característica e acentuala, fomentando unha maior colaboración coas diversas iniciativas sociais existentes na internet galega. Neste sentido o EN MOVEMENTO acordou colaboracións con Galicia Confidencial, Komunikando, Galicia Solidaria, Revista Murguía ou DesConcierto para volcar información desas páxinas como material impreso, permitindolles, así, abrir novas canles de comunicación.

Estas vías de colaboración seguen abertas e continuamos estudando novas propostas que, agardamos, amplíen e fagan cada vez máis plural a información que publicamos.
Así, contamos con establecernos como un periódico de referencia social, que trasmita a información que outros xornais non recollen, e que non por iso son menos importantes; a información das organizacións que moven Galiza e non soamente a información que as grandes editoriais consideran que teñan relevancia. Se temos que escoller entre as declaracións dunha Miss, o nome do último peregrino que chegou a Compostela ou informar sobre unha sanción a calquera organización que defende os intereses dos seus veciños, escolleremos esta última pois entendemos que esta é a información relevante, a que transforma e move a realidade galega.

Tamén abrimos nesta nova etapa as portas á información histórica, política (centrándonos sempre nos asuntos que teñan que ver cós dereitos dos cidadáns) e cultural. Contaremos cun apartado de libros e música e unha sección onde varios avogados, xornalistas e representantes de asociacións de todo tipo analicen a situación dos dereitos dos cidadáns na Galiza, ampliando así a sección de opinión.

Desde o EN MOVEMENTO chamaremos a atención sobre eivas das administracións, autoridades ou institucións, buscando evidenciar o que hai que mellorar na nosa sociedade. Motivo polo que buscaremos apostar pola suscrición ao períodico para garantirmos, así, a súa autonomía e independencia, sen deixarmos, por suposto, a distribución gratuíta que permite a nosa presenza en entornos máis amplos.

Suscricións: Clica Aquí !

movemento.org
__________________

Para accedewr a números anteriores en formato -pdf- : Entrar
________

xoves, abril 02, 2009

O Movemento polos Dereitos Civís celebra a absolución de Dionísio Pereira

O historiador coruñés Dionísio Pereira vén de coñecer, despois de un ano de espera, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra respecto do recurso presentado pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo na Ditadura franquista, contra a absolución do estudoso na vía civil en Iª Instancia polo Xulgado da Estrada dun presunto delito de atentado contra da honra da devandita familia.

Ademais, o tamén mestre de ensino medio recibiu outra boa nova, pois o recurso de apelación que a mesma familia presentou contra a decisión do Xulgado de Iª Instancia da Estrada de non procesar pola vía penal ao tamén escritor e mestre Alfredo González Ruibal, foi asimesmo rexeitado, concluindo así que González Ruibal non será procesado.

Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís parabenízase de que a xustiza actuase atendendo ás dúas argumentacións nas que se basean as dúas sentenzas, como son a Prevalencia do dereito á investigación histórica fronte o dereito á honra. Por outra banda, os tribunais tamén considerararon que o escrito denunciado forma parte de unha investigación histórica realizada cun método científico, no que non existe ningunha pretensión de atentar contra a honra de ninguén e menos da familia demandante. Segundo a avogada do historiador, non existe posibilidade de recurso ao Tribunal Supremo, ao non existir defecto na sentenza nin cuantía económica que o xustifique. No entanto, sí hai a posibilidade de presentar recurso de apelación ao Tribunal Constitucional, algo que o investigador descoñece a día de hoxe.

Acerca dos feitos, Dionísio Pereira estima facer unha consideración alegando que “acredito na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores”, unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo, pero un sentimento que, ao cabo, debe ser respectado sempre e cando non impida o coñecemento e a valoración do acontecido, afirma o historiador. Para Pereira, “é o intre, pois, de rectificar e de construír entre tod@s un espazo de convivencia” no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto, conclúe.

Os antecedentes

Cabe lembrar que no ano 2007 o investigador coruñés se viu envolto nun proceso xudicial a raíz dunha denuncia de familiares de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo desde 1950 e xefe local da Falanxe nos días despois do golpe militar que iniciou a Guerra Civil. Esixíaselle a Dionisio Pereira que se retractase dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (2006):

"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)..."

Malia a que utilizou a palabra "presunto" e que tiña diversas fontes que corroboraban o dito e, malia a que recibiu múltiples manifestacións de apoio, a familia do falanxista decidiu seguir adiante coa denuncia, que finalmente se viu desestimada polo Tribunal.

En movemento
www.movemento.org
Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela
Contacto: Renato Núñez 610858850

____________________

mércores, marzo 25, 2009

Proceso represivo contra a Asociación de Solidariedade con Kurdistán

O Movemento lamenta que continúe o proceso represivo contra a Asociación de Solidariedade con Kurdistán

A Asociación de Solidariedade con Kurdistán (ASK) “segue amenazada económica e políticamente despois de tres anos de procedemento xudicial”. Ante tal feito, o Movemento polos Dereitos Civís amósase contrario ás decisións xudiciais que sufreu e está a sufrir a dita asociación polo feito de despregar unha pancarta no estadio de fútbol de Balaídos en 2006 coa que pedían a liberdade para o pobo kurdo.

Transcorridos dous anos e medio das dúas multas de 4000 euros impostas á ASK, “o proceso xudicial contra os nosos compañeiros segue adiante”, afirman, negando a “única saída xusta e comprensível para este caso”, é dicer, a absolución total e a rectificación por parte da Subdelegación pola “indecencia de todo este asunto”, continúan a dicir desde a dita asociación.

Recentemente foi dada a coñecer a sentenza do xulgado de Vigo, “na que se declaraba inocente a un dos compañeiros multados”, asumindo o seu dereito á liberdade de expresión. A sentenza “recoñecía así o absurdo das multas”, polo que o membro da asociación non debía abonar diñeiro polos feitos que se lle imputaban.

Aínda así, o documento ignorou o feito de manter paralizada económicamente a unha asociación legal e rexistrada na Xunta de Galiza. O colectivo tampouco recibiu desculpa algunha para un cidadán ao que se lle pisotean os seus dereitos máis elementais. E, desde logo, afirman que tampouco houbo ningunha intención de asumir os gastos derivados durante estes dous anos.

Un par de semanas despois, celebrouse o xuízo contra o outro membro da asociación. No xulgado de Vigo foi o mesmo xuiz o encargado de rexeitar o recurso do avogado da ASK, declarando culpável á asociación dos feitos imputados pola Subdelegación do Governo en Pontevedra. O xuíz non atendeu ás reclamacións do avogado. Ademais, négase o dereito de recurrir a sanción neste mesmo xulgado, polo que teremos que recurrir ao Superior de Xustiza de A Coruña, co conseguinte incremento dos gastos que iso conleva.

A asociación pola liberdade do Kurdistán e o Movemento polos Dereitos Civís consideran esta multa como “un recorte inaceptábel dos dereitos civís máis básicos”. Ademais de póren de manifesto o dereito á libre expresión, desde o colectivo vigués insisten na intención de “continuar coas nosas actividades e ampliar a nosa solidariedade co Kurdistán, un pobo dividido, torturado e masacrado”, o maior pobo do mundo sen voz propia, subliñan.

Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela

Contacto: Renato Núñez 610858850

www.movemento.org

Comunicado da Asociación de Solidariedade co Kurdistán
_____________________

venres, marzo 13, 2009

Arquivan causa por actuación desproporcionada da Policia Nacional contra traballadoras e traballadores de ATENTO e Funcionariado d'A Coruña

SUBDELEGACIÓN E XULGADOS IGNORAN O MOVEMENTO

O MpDC lamenta que as institucións menosprecien a dignidade dos traballadores

A subdelegación do Goberno vén de zanxar o escrito presentado polo MpDC no que se protestaba pola actuación discriminatoria da Policía Nacional e a carga contra os traballadores de ATENTO e dos funcionarios de A Coruña no 2007.

O xulgado de instrucción número 2 da Coruña acordou arquivar o procedemento aberto polo Movemento para que se iniciase unha investigación dos feitos acontecidos na cidade cos traballadores de Atento para determinar a lexitimidade ou non da actuación policial. Pola súa banda, a subdelegación do Goberno respalda a decisión xudicial e engade que non ten máis que engadir a ela.

Polo tanto, a lexítima solicitude de información ao respecto demandada polo MpDC saldouse coa calada por resposta de ambas as dúas institucións. Desde o colectivo condenamos a actitude de Subdelegación e xulgado cando seguimos crendo necesario un pronunciamento sobre a aaactuación policial tralas concentracións e protestas dos traballadores e traballadoras de Atento.

O recurso da forza contra os traballadores/as non pode ser un mecanismo co que silenciar as protestas sociais. As autoridades saben perfectamente que esta debe ser proporcional e cumprir unha serie de requisitos legais. Requisitos que non son observados pola autoridade que poden estar incorrendo en delictos penados pola lexislación vixente.

Máis desigualdades

Ademáis o MpDC quer chamar a atención sobre a distinta vara de medir da Consellaría de Presidencia, que ordena cargas contra traballadores e mentres é absolutamente permisiva coa actitude que tiveron os alcaldes do Partido Popular que forzaron a entrada no Parlamento no ano pasado, co cal se evidencia que non se trata igual a todos os cidadáns.

Naquela ocasión o fiscal xefe de Galiza, autoridade coa que o MpDC mantivo unha reunión para evidenciar o trato discriminatorio deste tipo de actuacións, dixera que non perseguiría aos responsábeis da toma do Parlamento.


Rosalía de Castro, 29-31. Galerías Belén, local 102 - 15701 Compostela

Contacto: Renato Núñez 610858850

mpdc@movemento.org
http://movemento.org/
____________________

martes, decembro 09, 2008

Valoración das recentes sancións á SGAE [Sociedade Geral de Autores y Editores] pola violación de dereitos fundamentais

De: MpDC -prensa1@movemento.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 9 de dezembro de 2008 14:20
Assunto: NP Sancións AEPD SGAE



Valoración das recentes sancións a SGAE pola violación de dereitos fundamentais

O MpDC manifesta a súa indignación perante as reiteradas e arrogantes violacións de dereitos fundamentais por parte da SGAE

Nestes últimos días coñecemos a nova da multa imposta pola Axencia Española de Protección de Datos á SGAE, por gravar unha voda sen autorización. O Movemento polos Dereitos Civís acolleu con satisfacción esta sanción, dada a gravidade das lesións dos dereitos á intimidade e á propia imaxe. Sen embargo, preocupa e moito a reacción da Sociedade Xeral de Autores perante a sanción: os seus responsables restáronlle “relevancia” ós feitos e anunciaron con toda tranquilidade a súa vontade de reincidir neste comportamento ilegal. De feito, a SGAE, multada tamén nestes días por outra violación da Lei de Protección de Datos, presentou unha nova demanda valéndose da mesma práctica ilegal sancionada pola AEPD. O Movemento polos Dereitos Civís manifesta a súa indignación de fronte á lixeirezaa coa que a SGAE atenta reiteradamente contra os dereitos fundamentais das persoas para defender a propiedade intelectual dos seus asociados.

A Axencia Española de Protección de Datos sancionou cunha multa de 60.000 euros á SGAE por introducirse nun banquete de vodas e realizar gravacións sen permiso, coa intención de comprobar se o local utilizaba música dos seus afiliados sen pagar o canon. A AEPD considera que a SGAE cometeu unha infracción moi grave, incorrendo nunha clara violación do dereito constitucional á intimidade e á propia imaxe, pois en ningún momento contaron coa aprobación das persoas que estaban sendo gravadas. A SGAE non puido utilizar as gravacións no xuízo contra o local, mais obtivo aínda así máis de 40.000 euros en concepto de canón musical non pagado.

Nestes mesmos días a AEPD ditou outra resolución pola que sanciona de novo á SGAE, neste caso con 6000 euros , e de novo por unha infracción da Lei de Protección de Datos. Fai xa dous anos que varios socios denunciaran a este organismo por facer públicos, a través da web Portal Latino, datos persoais suxeitos á protección da LOPD. Nomes, números de teléfono e outros datos persoais, que a SGAE tiña a obrigación de custodiar en secreto, apareceron nun coñecido programa informático de intercambio de arquivos. A AEPD xustifica a sanción no feito de que “queda acreditado que por parte de Portal Latino, responsable da custodia dos datos, vulnerouse o deber de segredo garantido na lei ao posibilitar o acceso non restrinxido a datos persoais sen consentimento dos seus titulares”.

De calquera xeito, o máis grave para o Movemento polos Dereitos Civís non é tanto que as diversas sancións denote un reiterado incumprimento por parte da SGAE dunha Lei que protexe dereitos fundamentais. O verdadeiramente escandaloso son as declaracións dos responsables do organismo, nas que anuncian a súa vontade reincidir nestes comportamentos, a pesar de seren conscientes da ilegalidade dos mesmos.

"Levamos lustros facéndoo e volveremos facelo. Non creo que teña especial relevancia. Nas sociedades de xestión (e non só na nosa) adóitase traballar así”. Estas foron as declaracións que realizou o director de Relacións Institucionais da SGAE ó coñecer a sanción. De feito, a SGAE ven de ser denunciada novamente por gravar imaxes dunha voda no interior dun local e sen permiso dos interesados, imaxes que intentará utilizar nun novo xuízo no que reclama o pago do canon. O Movemento polos Dereitos Civís fica sorprendido e indignado perante semellante desprezo dos dereitos fundamentais das persoas, e manifesta o seu apoio a AEPD, á Asociación para la Protección de Datos de los Consumidores, que denunciou estes últimos feitos, e a todos os afectados. Sen dúbida, a SGAE debería reflexionar sobre a perda de lexitimidade pública que supoñen estas continuas violacións de dereitos fundamentais para a súa defensa dos dereitos intelectuais dos seus asociados.

Movemento polos Dereitos Civís. r/ Rosalía de Castro 29. Galerías Belén 102.15703 Santiago de Compostela. mpdc@movemento.org

Contacto: 610858850 (Renato Núñez)

______________

Noticia relacionada:

Protección de Datos multa con 60.101€ á SGAE por gravar unha voda sen permiso
20Minutos.es
  • A SGAE contratou a un detective que gravou aos invitados bailando ao ritmo de cancións protexidas.
  • O salón de vodas tivo que pagar 43.179 euros de canon musical.
  • A resolución di ademais que a actuación do detective vulnerou a Lei de Seguridade Privada.
______________

mércores, outubro 22, 2008

Protección de Datos avala e respalda a actividade do MpDC

A Axencia española de Protección de Datos trasladou o seu respaldo a actividade que está a levar a cabo o Movemento polos Dereitos Civís na defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns. A institución emitiu unha valoración, a petición da asociación, da sentenza do Xulgado Contencioso que obriga ao Concello de Compostela a retirar as cámaras de vídeovixilancia do centro histórico da cidade. Dende a Axencia recoñécese que a instalación descontrolada de cámaras e o tratamento posterior que se lle da ás imaxes obtidas "estase convertendo nunha preocupación cada vez maior dos cidadáns" e relaciónase esta situación co incremento considerable do número de denuncias presentadas por particulares perante a AEPD, "cuxa consecuencia directa supuxo un número superior a 120 inspeccións só no ano 2007".

As palabras do director da Axencia, agradecidas por parte desta asociación, non reflicten non obstante a realidade que estamos a vivir. O aumento do vídeocontrol tanto na Galiza como no resto do Estado estase a levar a cabo dun xeito irregular, sen que na meirande parte das instalacións se cumpran os requisitos mínimos para garantir o exercicio dos dereitos e das liberdades civís, principalmente pola falla dunha lexislación máis estricta e completa neste ámbito e pola desidia practicada dende as administracións encargadas de supervisar o cumprimento da normativa. A este feito, hai que engadir que a falla dunha lei que regule os dispositivos privados facilita que se produzan vulneracións dos dereitos en espazos que pertencen ao ámbito público, pero con impunidade salvagardada polo baleiro legal. Cicunstancia esta que dificulta máis aínda a defensa dos principios que asisten a todos os cidadáns, deixando a porta aberta ao mercadeo da imaxe propia en medios de comunicación, a Internet, etc. (tal e como se puido ver esta pasada fin de semana nun xornal galego que publicou as fotografías dunha parella tomadas por unha cámara ilegal privada).

Por iso agardamos que dende a AEPD se poñan en práctica os bos desexos do director de "manter o máis firme empeño en continuar coa nosa labor de velar polo cumprimento da normativa en protección de datos y control da súa aplicación".

Movemento polos Dereitos Civís | Rúa Rosalia de Castro - Galerías Belen - Local 108 (Santiago de Compostela) | Tel-Fax: 881972938 | Movil 610858850
__________________