Amosando publicacións coa etiqueta Rúa Concepción Arenal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rúa Concepción Arenal. Amosar todas as publicacións

venres, febreiro 09, 2007

Denuncia do retraso da obra da Rúa Concepción Arenal

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 9 de febreiro de 2007 13:13
Asunto: Denuncia do retraso da obra da Rúa Concepción Arenal

Esquerda Unida-IU de Ferrol denuncia o retraso da obra da Rúa Concepción Arenal

Esquerda Unida-IU de Ferrol quere por medio deste comunicado denunciar os prexuízos que están a sofrir a veciñanza de Canido, particularmente os da rúa Concepción Arenal popularmente coñecida coma do Hospital polos continuos retrasos da execución da obra.

Como se lembrará a Acta de replanteo, momento dende que se empeza a contar o prazo de execución, foi aprobada o 4 de xullo de 2006. Dende o dito momento a empresa adxudicataria das obras tiña, consonte co Prego, dous meses para rematar as obras. Prazo que evidentemente quedou sobrepasado con creces xa que estas tiñan que estar rematadas, en teoría, o 4 de setembro e, na practica, a 9 de febreiro, isto é, 5 meses despois todavía a rúa continúa levantada e tanto a veciñanza como os usuarios e ususarias da mesma estanse a ver prexudicados.

A situación segundo a información recopilada polo noso Grupo Municipal obedece a que as actuacións da adxudicataria quedan supeditadas aos intereses de EMAFESA e Gas Galicia, fundamentalmente aos da primeira que ven impedindo o traballo da adxudicataria alegando dificultades técnicas e meteorolóxicas para a reposición das canalizacións existentes.

Para Esquerda Unida-IU de Ferrol a situación é esperpéntica, o órgano contratante e encargado de velar polo cumprimento das condicións dos pregos de contratación é o socio maioritario da Empresa que está a impedir o cumprimento dos prazos de execución. E o máis grave tamén é o órgano encargado de garantir unha calidade de vida, e uns servizos dignos para a cidadanía de Ferrol, isto é, o Concello de Ferrol. Concello gobernado en coalición polo PP e IF.

Recentemente escoitamos, de boca do responsable local do PP, que a coalición de goberno PP-IF goza de boa saúde. Nós preguntámonos se esta boa saúde é a consta da saúde e da paciencia da veciñanza de Ferrol, se realmente estas declaracións foron feitas coa a análise previa que requerían ou se realmente a boa saúde é a das empresas adxudicatarias das distintas obras que se están a realizar en Ferrol cos cartos de todos e todas.

A evidencia, como xa denunciabamos en anteriores ocasións, é clara o Goberno municipal unha vez adxudicada as obras desaparece e pasa a ser un cumpridor dos intereses das empresas considerando aos veciños e veciñas como meros pagadores pero sen ter en conta os prexuízos causados e os resultados finais das obras nas rúas.

Así pois, esixímoslle ao Sr. Alcalde que poña cordura na situación, que amose sensibilidade aos continuos prexuízos polos retrasos que están, e estamos, a sofrir os veciños e veciñas de Ferrol e que están a sobrepasar con creces a marxe de tolerancia que sempre se solicita neste tipo de obras, e exerza, dunha vez, as súas responsabilidades de control dos pregos de condicións e, como non podería ser doutro xeito, sobre o grupo de goberno que preside; que de grupo ten máis ben pouco agás para dar roldas de prensa conxuntas, iso si, tamén para defender os intereses das empresas, que non os da cidadanía.

Ferrol, 9 de febreiro de 2007
Esquerda Unida-IU Ferrol