Amosando publicacións coa etiqueta Vieiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vieiros. Amosar todas as publicacións

domingo, xullo 25, 2010

Até sempre

Por Lois Rodríguez [*]
25.07.2010

Nacemos cando a rede galega estaba aínda en cueiros e ningún medio do país estaba na web. Tivemos a mesma forma de entender Galiza que aquela revista homónima do exilio liderada por Luís Soto: un país moderno e aberto ao mundo, sen complexos e con todo o futuro por diante.

Vieiros foi desde o comezo unha iniciativa aberta e independente, que pretendeu abeirar a toda a comunidade de galegos alí onde estiveren, na crenza de que Galiza non é só un territorio, senón tamén un espazo de comunicación. E nese espazo, Vieiros converteuse no cerne de múltiples proxectos, tanto propios como alleos. Do seu impulso xurdiu o primeiro especial electoral on-line (Eleccións Galegas de 1997), a primeira ciber-charla cun persoeiro (Isaac Díaz Pardo), o primeiro vocabulario sexual realizado coa colaboración dos lectores, a primeira experiencia de creación literaria en rede (Por conto alleo, de Camilo Franco), ou a creación de ‘A Polo Ghit’, o primeiro concurso da canción galega do verán.

Como punto de referencia dos internautas galegos no mundo, Vieiros chegou a ter até máis de trinta correspondentes-colaboradores en diferentes lugares do mundo: desde Gotemburgo a Nova York pasando por Bos Aires e O Bierzo . Asemade, deulle abeiro a colectivos e outras publicacións, como o IGADI, Tempos Novos, Canal Ciencia, Federación Ecoloxista Galega ou Irimia.

Mais foi o labor informativo diario o que consolidou Vieiros como medio de referencia da Internet galega, sobre todo a partir do Prestige, cando -cun esforzo informativo sen precedentes- acompañamos a resposta social diante da catástrofe mentres a meirande parte dos medios maioritarios miraban cara a outro lado.

Sen embargo, e a pesar dos seus máis de 20.000 lectores diarios, Vieiros nunca foi un medio rendible e necesitaba absorber parte dos recursos necesarios para sobrevivir dunha empresa do mesmo accionariado.

En xuño de 2009, nunha situación de aparente bonanza económica no seo das dúas empresas, unha auditoría externa desvelou irregularidades económicas e administrativas de extrema gravidade, cuxa responsabilidade foi asumida por escrito polo daquela xerente e apoderado das empresas, Óscar Martínez, quen terá que responder diante da xustiza.

Este proceso levou ao peche da outra empresa e de forma inmediata deseñouse xunto cos traballadores un plan de viabilidade para salvar Vieiros, cousa que non foi posible dada a gravidade da situación, á que houbo que sumarlle o duro golpe da crise económica.

Foi pois un ano moi difícil no que empresa e traballadores intentamos de todos os xeitos manter acesa a estrela de Vieiros, pero chegou a hora de renderse.

Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo galego fose posible. E moi especialmente aos traballadores e aos opinadores, pola súa entrega e compromiso inesgotable.

Foi un pracer. Até sempre.


Fonte: Vieiros

[*] Lois Rodríguez Martínez, o ferrolán é o editor de Vieiros.
___________

Até sempre

Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.

* Un país normal
* Independencia, creatividade e esplendor

___________________________

Un artigo publicado no xornal Galicia Hoxe o 25 de Febreiro de 2007:

Vieiros, o gran ‘barrio galego’ da arañeira


Moi interesante entrevista a lois Rodríguez no xornal A Peneira, nos dez anos de Vieiros:

Pasamos de ser un catalogador de webs a un xornal por petición expresa da xente da emigración
___________________

Deixarás morrer a Liberdade de Expresión en Galicia ?

Até sempre. Hoxe, 24 de xullo de 2010 Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.

Por Gamela [*]
24.07.2010

Non me resigno a perder esta cabeceira galega na que todos e todas falamos (e mesmo aprendemos a falar) en galego das cousas que atinxen a Galicia.

Non é só unha homenaxe ao que se vai e ao traballo ben feito durante tantos anos, senon unha reflexión sobre a LIBERDADE DE EXPRESIÓN en Galicia.

Morto VIEIROS ¿que nos queda? Medios de comunicación en mans de Grupos aos que lle importa un bledo que neste país teñamos un xeito de sentir o mundo diferente, Televisións de Galicia ordenancistas que non foron quen despois de 25 anos comendo orzamentos arreo de dar unha información veraz sobre o que acontece nesta terra, teremos que sobrevivir aos falsos debates que se ofrecen ao público a traveso da nova plataforma VOZ TV da que hoxe mesmo coñecemos que foi financiada xenerosamente polo responsable de Caixa Galicia e que agora vén de ser recompensado como merece con un alto cargo no grupo mediático?

Quédanos o capricho do empresario que quixo entrar nos médios, un día antes das eleccións, mercando o Xornal de Galicia e A Nosa Terra, para entrevistarse cun Quintana pacato no seu iate e tentar enferruxar os concursos eólicos no país? Esa non vai ser cabeceira para máis dun día... e xa o estamos a ver.

Quédanos a versión triste que adica a Galicia ese monstruo do políticamente correcto, El País, no que ás veces ata aparecen artigos de opinión que veñen traducidos dereitamente dende Madrid?

Quédanos un sin fin de cabeceiras tristemente locais coma o Faro de Vigo, Opinión Coruña, Progreso, Atlántico, Rexión, etc, etc, nos que cando escribimos algo temos a seguridade que ninguén o vai ler nin siquera para refutar as nosas opinóns nin ampliar a información nin para enlazar con ningún outro medio de difusión de noticias que pase do Padornelo.

Onte mesmo os dous partidos que teñen secuestrada a democracia en España chegaron no Congreso dos Deputados a un acordo para controlar os espazos de temática política de cara ás vindeiras eleccións locais mesmo nas televisións privadas. Cada día secuéstrase máis a LIBERDADE DE EXPRESIÓN e hoxe, coa morte de VIEIROS, non só morre unha cabeceira máis senon que enterramos para moito tempo esa mesma liberdade no noso país.

VIEIROS nunca censurou opinón algunha nas súas páxinas, ese é un VALOR inestimábel para a democracia e a liberdade dun pobo que aínda camiña para atopar o seu lugar no mundo. VIEIROS, facendo honor ao seu nome, abriu camiños e roteiros dignos do mellor periodismo 2.0.

¿Cántos cartos tiramos na promoción das TICs e na famosa fenda dixital? Co orzamento que algúns (todos) gastan en cada lexislatura para montar 'congresitos' sobre novas tecnoloxías salvaríase economicamente VIEIROS e faríase xustiza cun medio de comunicación galego que leva 15 anos facendo o seu traballo coa máxima dignidade e coa máxima LIBERDADE!

Apelo aos que hoxe sentan na RAG para que lembren que unha lingua non se fai dende os Diccionarios nin cos programas CELGA nin coa reivindicación permanente nas rúas siquera... unha lingua que non se escrebe a cotío morre, e VIEIROS foi quén de invitar a escribir en galego a tódolos seus usuarios durante o seu tempo de vida.

Non deixemos que enterren a nosa lingua cotiá, viva, i en liberdade coma se fose mágoa comercial ou financieira máis ou menos sentida (outro Sargadelos non gracias!) falemos en tódolos medios ao noso alcance para que VIEIROS non morra xamáis.

Quen deixe pasar esta morte anunciada sen facer máis nada que laiarse colabora coa morte da lingua e da cultura galegas por máis que a reivindique noutros eidos ou a traveso doutras canles e foros. VIEIROS non é unha broma!

A morte dun medio de comunicación coma VIEIROS é algo máis ca morte dunha empresa, é un golpe mortal á Liberdade de Expresión dun pobo.

Hoxe é VIEIROS mañán seremos TODOS !!!

Fonte: open.vieiros

[*] Gamela
____________

sábado, xullo 24, 2010

"Vieiros", a referencia informativa galega despide-se despois de 15 anos facendo país, informando, comunicando, formando, entretendo, loitando, ...

Até sempre

Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.

Desde Ártabra 21, grazas a todas as persoas que fixeron posíbel 15 anos de xornalismo comprometido coa liberdade, a Terra e a Lingua.
______________

mércores, marzo 18, 2009

O Galego está nunha situación de emerxencia: As persoas galegofalantes pasaron do 61 ao 39 por cento

O Galego está nunha situación de Emerxencia. O portal galego Vieiros, senlleiro na rede, publica unha importante información sobre a situación da lingua propia da Galiza, citando como fontes ao Mapa Sociolingüístico de Galiza, elaborado pola Real Academia Galega e ao o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Desde o sitio do Colectivo Ártabra 21, consideramos de interese a transcrición da mencionada información, por considerar de interese a súa difusión. Mais recomendamos a entrada no sitio orixinal, dado aos numerosos comentarios que hai no mesmo.

SEGUNDO OS DATOS DA RAG
Entre 1992 e 2004 duplicouse o número de monolingües en castelán

Mentres, @s galegofalantes pasaron do 61 ao 39 por cento. A Mesa denuncia que o galego xa está nunha "situación de emerxencia".
Redacción - 19:00 17/03/2009

A primeira recollida de datos para o Mapa Sociolingüístico de Galiza, elaborado pola Real Academia, fíxose no ano 1992, e a segunda no ano 2004, que é a que agora se publica. Nestes doce anos duplicouse o número de persoas que 'nunca falan en galego', que pasaron do 13 ao 25,8 por cento; aumentaron tamén as que empregan maioritariamente o castelán (do 26 ao 35%). Pola contra reduciuse á metade o número de monolingües en galego (do 30,5 ao 16 por cento) e tamén descendeu o grupo de cidadáns que utilizan maioritariamente o galego, pasando do 31 ao 23%. É dicir, se en 1992 o galego era a lingua máis habitual para o 61% dos galegos, en 2004 só o era para o 39%.

Segundo o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, estes datos indican que "o galego está nunha situación de emerxencia", aínda que "non é un punto de non retorno". Por iso, Callón reclamou este marte "medidas en favor do galego por parte de todos os poderes públicos, en primeiro lugar, do Goberno galego, mais tamén do Goberno do Estado e das administracións locais". Para Callón, que nesta situación "tan precaria" se poidan adoptar medidas contra o galego podería ser "letal". Así mesmo, aproveitou para chamar á poboación a mobilizarse en defensa do galego na manifestación convocada en Compostela para o 17 de maio.

Carlos Callón foi moi crítico, igualmente, coa Real Academia Galega, pois a institución dispón destes datos dende hai meses, e "non podemos máis que lamentar que non os presentase publicamente e que só comezase a distribuír este traballo polas librarías despois das eleccións autonómicas, xa que as conclusións que se extraen sobre o anterior mandato do PP son contundentes e desmontan, máis unha vez, a demagoxia e a falacia deste partido sobre o galego no ensino".

Datos aínda máis alarmantes nos máis novos e nas cidades

No Mapa tamén se recolle que o 10,7% dos menores galegos recoñecen que recibiron ensino "só en castelán", a pesar de que o anterior decreto do ensino recolle a previsión de que o galego ten que estar presente na educación primaria e secundaria. Estes datos constatan, máis unha vez, "como a presenza abrumadora do español na vida social fai que haxa persoas que poidan vivir alleas á lingua propia de Galiza, algo que non acontece á inversa, xa que non está garantido o dereito a poder vivir en galego", segundo Callón. Carlos Callón lembrou tamén os datos de lingua inicial en Galiza, segundo os cales o galego pasou de ser o primeiro idioma dun 60,3% dos galegos en 1992 a ocupar a posición minoritaria, do 20,6%, no ano 2004: unha caída de corenta puntos en doce anos.

A maior presenza monolingüe en galego é nos concellos de menos de 5.000 habitantes, dun 40,5%, mentres que a do castelán nas cidades é do 35,6%. Segundo o Mapa Sociolingüístico, hai unha notoria perda do denominado `bilingüismo de maioría galego' nos hábitats intermedios e unha considerábel suba do maioritario en español. As cidades con maior uso do castelán ('só e máis castelán') son Ferrol (85%), Vigo e A Coruña (81,9% en ambas). Cómpre, ademais, salientar a presenza do monolingüismo en castelán en Ferrol (57,5%) e Vigo (45,5%).

Mira e descarga aquí o informe completo (.pdf, 7,6 MB)

Enlace co artigo orixinal en Vieiros

______________

Vieiros está baixo unha licenza Creative Commons.
  • @s internautas son libres de copiar e distribuír os contidos. As condicións son: non facer uso comercial deles e citar a autoría de Vieiros. Isto implica, no caso da web, incluír ligazón ao contido. Os links son fundamentais para que a información flúa a través de internet.
  • Alén disto, a licenza inclúe tamén o requirimento de que os contidos utilizados sexan á súa vez dispoñibilizados baixo unha licenza similar, que permita o seu uso e distribución.
  • Desde Vieiros cremos que o intercambio de información e coñecementos é beneficioso: A rede somos tod@s.
______________________