DOCUMENTO CONSTITUINTE DA PLATAFORMA ÁRTABRA 21
PREÁMBULO
A cimeira de Rio de Janeiro de 1992 concluíu coa necesidade de que a cidadanía tomase parte nas decisións que atinxen a sustentabilidade dos asentamentos humanos.
Posteriormente na Carta das Cidades Europeas Cara a Sustentabilidade (Carta de Aalborg-1994), partindo dunha realidade caracterizada polo esgotamento enerxético do planeta, a destrución sistemática do medio ambiente natural e un paulatino empeoramento da calidade de vida, as cidades europeas apostan por percorrer un camiño cara a substitución das actuais fontes de enerxía de orixe fósil por fontes de enerxía renovábeis, pola mellora da calidade de vida e a protección do medio ambiente.
Neste camiño trazado na Carta de Aalborg defendíase a PARTICIPACIÓN CIDADÁ coma un dos eixes imprescindíbeis para acadar estes obxectivos.
Na actualidade, máis dunha década despois da Carta de Aalborg, vemos como no noso entorno urbano e natural inmediato, lonxe de camiñar na liña proposta por este documento, as diferentes administracións teiman en levar a termo proxectos que atentan en contra da calidade de vida da cidadanía, (e moitas veces tamén en contra da súa propia seguranza), depredando e degradando o patrimonio cultural e natural herdado, desenvolvendo políticas territoriais, urbanísticas e enerxéticas insustentábeis.
DECLARACIÓN DE PRINCIPIOS
Analisada e debatida a actual situación política e social, as diferentes asociacións, colectivos e organizacións temos a necesidade de nos xuntar e nos organizar motivada polos abusos das administracións e indefensión dos cidadáns, decidimos fundar unha PLATAFORMA aberta, DEMOCRÁTICA sen condicións, que integre a toda a cidadanía baixo o nome de ÁRTABRA 21.
Xurdimos pois a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sostíbel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural.
Entendemos que a nosa acción en prol dos obxectivos expresados ten que ser democrática, transparente e pública, levando parello un esforzo de información e difusión das nosas propostas, co fin de que o que nós defendamos sexa representativo da opinión e dos intereses da maioría da cidadanía.
Para garantir o desenvolvemento efectivo destes principios democráticos, a tomada de decisións será en asemblea pública e aberta a calquera organización que ACEPTAR e ASINAR os obxectivos xerais aquí enunciados.
A PLATAFORMA ÁRTABRA 21, estará composta por Asociacións, Entidades, Organizacións e persoas a título individual.
Esta plataforma será totalmente independente, definindo através deste DOCUMENTO e posteriores Resolucións Asembleares as súas políticas propias, non estando baixo a influencia nin dependencia de organización ningunha, partido político, entidade ou asociación, declarándose ademais aconfesional.
Será prioritaria para a plataforma ÁRTABRA 21 os principios fundamentais cara a IGUALDADE o sostemento da PAZ e SOLIDARIEDADE, denunciando as actitudes que fagan apoloxía da guerra, violencia, xenofobia, machismo, ... etc.
O ámbito de actuación da PLATAFORMA é a zona coñecida por COSTA ÁRTABRA .
OBXECTIVOS XERAIS
A defensa de políticas a prol da xustiza social deberán estar apoiadas na formulación realista de alternativas sempre e cando isto for posíbel. Así entre outras apoiamos:
- As políticas baseadas no transporte público e nos modos non contaminantes fronte as que defenden a prioridade do vehículo privado.
- As dotacións e servizos públicos Asistenciais, Sanitarias, Culturais, Deportivas, Sociais, Docentes.
- Os espazos públicos como centro da vida das cidades e vilas fronte a exclusividade dos centros comerciais e a privatización dos espazos e servizos públicos.
- O dereito a unha vivenda digna fronte a especulación inmobiliaria.
- As fontes de enerxía renovábeis e aforro enerxético fronte aos combustíbeis fósiles.
- A preservación do patrimonio cultural material ou inmaterial, da biodiversidade e dos espazos naturais fronte á depredación e destrución por motivacións e intereses económicos.
- A defensa da igualdade fronte a marxinación e a exclusión social.
- A defensa da continuidade histórica do territorio e o necesario entendemento das súas estruturas económica e medioambiental como apoio necesario para un desenvolvemento sustentábel.
- A defensa da lingua e cultura Galega, utilizando o Galego como lingua oficial do Plataforma.
- Promover, apoiar e conseguir a INICIATIVA POPULAR e maiores cotas de PARTICIPACIÓN CIDADÁ .
A defensa do dereito a unha información veraz e obxectiva fronte a manipulación mediática .
MÉTODO E PRINCIPIOS ORGANIZATIVOS
O funcionamento da plataforma, baséase no compromiso individual e colectivo moral de participación para lograr a consecución de obxectivos.
Esta plataforma está aberta a entidades, organizacións e persoas de xeito individual que soliciten a súa integración, que será ratificada pola asemblea.
Faranse Asembleas todos os últimos martes laborais de cada mes.
Constituirase unha Xunta Coordenadora, formada por 2 coordenadores e 2 responsábeis de actas e contas, estes serán renovados de xeito alternativo cada asemblea.
Para as xuntanzas urxentes, a Xunta Coordenadora fará a convocatoria o máis rápido posíbel.
Para cada evento ou tema concreto nomearase un Comité organizador Permanente , até rematar este feito.
As asembleas acordarán por Resolucións os principios xerais que rexerá a PLATAFORMA, o método para un funcionamento áxil e dinámico, e as actuacións concretas a desenvolver
Non poderá exercer de portavoz da Plataforma Ártabra 21 a mesma persoa dúas veces consecutivas.
Esta declaración de principios poderá ser revisada en cada Asemblea, previa presentación por escrito do texto a engadir ou corrixir.
Ferrol , Costa Ártabra a 29 de Maio de 2006.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
martes, maio 30, 2006
Documento Constituinte
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan martes, maio 30, 2006
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon