MANIFESTO CIDADÁN
Todas as cidades son, desde a antigüidade, en primeiro lugar, os seus espazos públicos. Espazos de encontro, espazos solidarios aos que toda a cidadanía temos dereito; espazos democráticos que nos igualan, novos e vellos, ricos e pobres, homes e mulleres. Son os espazos públicos o cerne da vida urbana, onde se suceden as festas, as manifestacións políticas, o comercio, o xogo, o deporte, o paseo e o lecer… onde se expresa a nosa identidade colectiva, onde se materializa todo o que fomos no pasado, o que somos e o que queremos ser. Só somos cidadás e cidadáns plenos cando gozamos destes lugares colectivos, abertos e accesibles .
Os espazos públicos son ademais, non o esquezamos, a herdanza máis importante que deixou a historia da cidade, espazos abertos necesarios para a vida, cheos de significado e de memoria. É a nosa responsabilidade deixar estes espazos ás novas xeracións mellor de cómo os recibimos das nosas nais e pais.
As grandes cidades, as cidades que nos enfeitizan no cine ou cando viaxamos, presumen das súas rúas e prazas, dos seus parques e xardíns, como signo da calidade de vida da que gozan os que alí viven. E non presumen só os seus gobernantes, tamén a cidadanía sente orgullo do seu e o defenden, como o defendemos nós hoxe nesta praza.
Sen embargo, algúns queren facernos crer que a calidade de vida non ten nada que ver co gozo dos espazos públicos. Queren facernos crer que o progreso reside no cemento e nos centros comerciais.
Algúns queren facernos crer que é necesario utilizar os espazos públicos como mercadorías, que se pode vender, e mesmo regalar, o noso capital cidadán. Están empeñados en nos explicar que é necesario poñer, o que é de toda a cidadanía, nas mans de empresas privadas, para que o xestionen como mellor lles conveña.
Preséntannos un mundo ao revés, onde o branco é negro, o negro branco. Un mundo ao revés onde os piratas, como dí a canción, son honrados.
Exemplos recentes non faltan. Ameazan con destruír paraxes naturais, con cambiar prazas públicas por centros de ocio privados, con cambiar centros culturais por centros comerciais.
Na Praza da porta Nova [Praza de España], o Concello de Ferrol está a executar unha obra ilegal nun espazo público, nunha praza. Unha obra ("hito urbano" lle chaman, como se a praza non puidese ser un fito urbano sen edificio), que de consumarse suporía hipotecar unha parte do espazo público máis importante da cidade ata dentro de 75 anos. ¿Qué pasará se dentro de dez anos o edificio deixa de ter uso?, ¿teríamos que aguantar a súa ruína durante outros 65 anos ou indemnizar ao concesionario?
Unha obra ilegal que pon en evidencia que mentres a cidadanía ten que cumprir o Plan Xeral, a administración que é garante do seu cumprimento, o Concello de Ferrol, pode pasar olimpicamente do cumprimento desta norma na Praza da Porta Nova [Praza de España]. Din que o fito urbano é legalizable, porque no futuro pódese adaptar o Plan Xeral ao que alí se constrúa. Este goberno municipal está a inventar un novo urbanismo no que son os plans os que se adaptan ás obras e non as obras aos plans. Unha sorte de Far West, no que manda o máis forte. Un territorio no que a cidadanía cumpren as normas mentres a administración as adapta á súa conveniencia.
Na Praza da Porta Nova [Praza de España] o negocio está claro, máis o beneficio non. ¿Onde está a necesidade de construír un edificio de 21 m de altura, de uso privado, sobre un espazo público?, ¿quen necesita un edificio de oficinas no medio dunha praza cando na cidade hai centos de oficinas baleiras? ¿Quen necesita un novo centro comercial que arruíne o pequeno comercio da Madalena, un dos recursos máis importantes da cidade? Eles saberán. Nós, dende logo non vemos tal beneficio.
Non Sr. Juncal, non Sr. Evia, non Sr. Pita Romero, non Sr. Juan Fernández. Non queremos que nos sigan roubando o noso patrimonio público. Non queremos un urbanismo que consista na subasta e liquidación do patrimonio público, dos espazos conquistados e mantidos durante anos, xeración tras xeración, co esforzo de todos e todas.
A veciñanza de Ferrol queremos que se reurbanicen as prazas e rúas da cidade, que sexan accesibles e compartibles por toda a cidadanía e non coto privado duns “negocietes”.
Queremos que os espazos públicos de Ferrol sexan máis e mellores. Queremos que a mellora das rúas e prazas, as zonas verdes e deportivas, os xardíns e os parques urbanos sexa a prioridade número un do urbanismo municipal.
¡ Non ao edificio ilegal da Praza da porta Nova, non aos usos privados dun espazo público, Paren as obras Xa !
Ferrol, a 21 de xaneiro de 2007.
Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga",
Asociación Veciñal de Ferrol-Vello,
Asociación Veciñal de Santa Mariña,
Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón,
Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido,
Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño",
Asociación San Fernando de Recimil,
Asociación Cultural Fuco Buxán,
Centro Comercial Aberto da Magdalena,
CC.OO Ferrol, Colectivo Veciñal Sartaña,
CIG-Ferrol,
Esquerda Unida - IU,
Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra,
Os Verdes - Grupo Verde de Ferrol,
NÓS - Unidade Popular,
Plataforma Ártabra 21,
UGT-Ferrol,
USTG-Ferrol.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Praza da Porta Nova
Manifesto Cidadán asinado polas entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos
xoves, xaneiro 18, 2007
Manifesto Cidadán asinado polas entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, xaneiro 18, 2007
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon