venres, abril 20, 2007

25 de Abril: Ferrol Vello temos un Plan

De: AVV FERROL VELLO Nª Señora Del Socorro -avvferrolvello@yahoo.es-
Para: ARTABRA 21 -artabra21@gmail.com-
Data: 20 de Abril de 2007 11:13
Asunto: O VINDEIRO MÉRCORES DÍA 25 AS 20:00 PRESÉNTASE O PROXECTO “FERROL VELLO, TEMOS UN PLAN”


O VINDEIRO MÉRCORES DÍA 25 AS 20:00 PRESÉNTASE O PROXECTO “FERROL VELLO, TEMOS UN PLAN”

O vindeiro mércores día 25 de Abril ás 20:00, no local da asociación de veciños de Ferrol Vello (Rúa do Curro,1) presentarase o proxecto FERROL VELLO, TEMOS UN PLAN, elaborado durante novembro do 2006 por un equipo integrado por veciños do barrio, e que competiu con outras 120 propostas españolas e portuguesas o pasado mes de decembro no concurso ECO-BARRIOS, organizado polo C.S.C.A.E. (Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España).

O proxecto formula dende o urbanismo catro estratexias para a recuperación do barrio de Ferrol Vello:
- a recuperación de espazos públicos hoxe “ocupados” por propietarios privados.
- a mellora da imaxe urbana das edificacións en ruinas.
- a utilización das edificacións singulares de orixe industrial como sedes de institucións públicas ou privadas.
- a mellora dos equipamentos do barrio utilizando os edificios de titularidade pública existentes.

FERROL VELLO, TEMOS UN PLAN recolleu no momento da súa formulación demandas veciñais xa coñecidas, como foi a zona verde do Adro de San Francisco.

Tamén foi marco de referencia estes últimos meses para propoñer solucións a problemas “históricos” do barrio. Sen ir máis lonxe, a solución proposta para ximnasio do IES de Ferrol Vello, reutilizando parte da fábrica de Xabón anexa ao centro, está contemplada neste proxecto e foi asumida no seu momento pola dirección do IES.

Ademáis, membros da nosa asociación veñen traballando a diferentes niveis no desenvolvemento das estratexias contempladas neste documento, reuníndose con administracións e entidades privadas diversas que pensamos deberían apostar con forza pola recuperación de Ferrol Vello.

Dende esta asociación consideramos especialmente oportuna a presentación deste documento diante dos veciños e a opinión pública, agora que o Concello está a elaborar o prego que vai rexir o concurso de asistencia técnica para a redacción do futuro Plan Especial de Ferrol-Vello.

Sería para nos moi interesante que estas estratexias fosen contempladas pola administración municipal á hora de definir o planeamento para o barrio. Por isto invitamos tamén aos responsables políticos dos diferentes grupos municipais a que acudan á nosa asociación para coñecer de primeira man este Plan.


Un sinxelo e cordial saúdo dende a AVV “FERROL VELLO”.

________________________

A. VV. FERROL VELLO
Xunta Directiva

C/ Curro, 1. 15401 - FERROL
Tlf./fax: 981.356842

________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon