mércores, xuño 13, 2007

Denuncias veciñais e políticas pola explotación dunhas canteiras nunha zona de protección ambiental en Vilabuide, na parroquia ferrolá de Valón.

Polo seu interese na loita medioambiental, transcribimos esta noticia publicada no xornal comarcal Diario de Ferrol, máis adiante informaremos sobre este asunto de Vilabuide, na parroquia de Valón [Ferrol].

Diario de Ferrol
Ferrol | Mércores, 13 de Xuño de 2007

Denuncian a explotación de canteiras nunha zona de protección ambiental

A explotación dunhas canteiras na zona de Vilabuide, na parroquia ferrolá de Valón, ocasionou críticas veciñais e tamén de agrupacións políticas, que denuncian que se trata dunha zona recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal como de protección ambiental.

Por este motivo, Esquerda Unida-Esquerda Unida denunciou publicamente os danos ambientais que se están ocasionando con esta explotación de canteiras en Valón-Doniños e que se puxeron de manifesto nos últimos días.

Con esta exposición, EU-EU faise eco, ademais, das denuncias veciñais da zona que tamén realizaron o seu pertinente denuncia ante a Policía Local.

O aviso dos veciños, como informa a través dun comunicado Esquerda Unida-EU, levou á zona de extracción a efectivos policiais que levantaron acta da explotación das canteiras que, ao parecer, carece dos preceptivos permisos nunha zona protexida. Desde a organización política enténdese que resulta necesario paralizar de inmediato a extracción de area de mina das dúas canteiras que, segundo as informacións veciñais, carecen do correspondente visto e prace tanto de Minas como do Concello.

Así mesmo, desde Esquerda Unida faise especial fincapé en que as canteiras afectan a un espazo que o Plan Xeral de Ordenación Municipal que rexe no concello ferrolán contempla ese espazo como de protección ambiental, polo que unha actividade destas características non está prevista no documento urbanístico.

Ademais, a organización engade que o tráfico de camións dun peso superior a dez toneladas tamén afecta á estrada, que non está pensada para vehículos destas dimensións e para o tráfico continuado.

Por estas razóns, demándase urxencia para que o goberno municipal en funcións deteña o que desde Esquerda Unida-EU definen como "agresión ambiental".

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon