Opiniom
De: amadeo -avarela36@mundo-r.com-
Para:artabra21@gmail.com
Data: 23 de Junho de 2007 11:11
Asunto: A propósito dun artigo de Carlos Aymerich.
Carta aberta a D. Carlos Aymerich
Respectado Sr.: O seu artigo publicado no Diario de Ferrol [*] do pasado domingo día 10, deixoume tan abraiado, que non acerto a entender a intención do mesmo.
A súa referencia á posibilidade da instalación dunha planta de gas no Musel, paréceme fora de lugar. ¿Esquece vostede que aquí ninguén está contra da planta, senón da súa ubicación?
¿Quere vostede culpar a EU e a PSOE do disparate da instalación da planta dentro da ría? Pois mire vostede, a min tanto me ten quen fora o culpable. A planta está aí, e o BNG e vostede mesmo, recoñecen que non debería estar. Xa que logo, esqueza vostede ós culpables e faga o que poida por remedialo.
Fala dos mocazos da policía e da intervención da fiscalía na contra do patrón maior da confraría, pois ben, ¿qué medidas tomou o BNG perante do seu socio de goberno na Xunta, para forzar a dimisión dos responsables? ¿É que ó BNG non lle doen os paus que reciben no lombo os galegos?
Refírese ó Comité de Emerxencia, dun xeito sibilino, esquecendo de novo que ese Comité non pretende mandar a planta a Xixón, senón aquí preto á outra beira da ría.
Denuncia a militancia pesoista de Carmelo e Pillado, que precisamente están a loitar contra un feito do que vostede responsabiliza ó PSOE do goberno central e tamén do goberno da Xunta, do que vostedes – non o esqueza - tamén forman parte.
Pretende vostede aclarar “desde o nacionalismo” algunhas cousas que segundo vostede, Carmelo e Pillado silenciaron, e sinala “catro verdades”.
1.- Di vostede que o BNG foi a única forza política que formulou alegacións contra a ubicación da planta. Seino e sabémolo a maioría das ferrolás e ferroláns. Por iso, o cambio de conducta do BNG foi especialmente doloroso para moitos de nós.
Di que se opuxo a esa ubicación “cando o había que facer”. ¿Agora non hai que facelo? ¿Cal é a diferencia? ¿A participación do BNG no goberno da Xunta? Espero que non utilice o razoamento de que “agora xa está feita”, porque iso supón a institucionalización da política de feitos consumados, que como vostede ben sabe, é un dos soportes nos que se apoia a corrupción.
2.- As autorizacións procederán de quen procedan, pero o feito é que, a planta está nun lugar que segundo vostede non é o idóneo, e que aí moi preto, hai un sitio mellor para esa instalación. Pode que vostedes non poidan cambiala, mais o que si poderían é apoiar sen reservas ós veciños de Ferrol que reclamamos o traslado ó porto exterior (non ó Musel).
3.- A súa preocupación para que Galicia non perda o tren da transformación enerxética, paréceme moi louvable, mais o que non entendo é por que perderíamos ese tren coa planta en Caneliñas.
Na situación actual, o que si perdemos é a ría e o medio de traballo dos mariscadores, poñendo ademais en perigo a saúde e as vidas de moitas persoas.
Vostede ponse, e pon ó BNG, na difícil alternativa de xogar coa seguridade da xente de Ferrol para salvar a Galiza. Coido que esaxera. Con planta ou sen planta, Galicia vai saír adiante, mais iso si, loitando duramente contra a corrupción de todo tipo. Para iso votamos o cambio os galegos e, xa que logo, hai que cambiar todo o que está mal.
4.- Non nos veña con iso das garantía de seguridade. Vostede sabe, que a seguridade total non existe en ningures. Todos os días ocorren accidentes teoricamente imposibles, por un despiste humano, por circunstancias meteorolóxicas, ou por unha insignificante peza defectuosa na que ninguén reparou.
Ademais, vostede sabe moi ben, que esa instalación non cumpre con dúas das normas máis importantes: a distancia ós núcleos de poboación e a saída rápida dos barcos da zona de perigo.
Eu estou seguro de que non é vostede o encargado de facer cumprir esas normas, pero quizais podería denunciar o asunto, ¿non si?
Por outra banda, sabe vostede que son moitas as persoas que están - estamos - en contra da ubicación da planta. Repito, da ubicación, non da planta. ¿Todas esas persoas teñen motivos inconfesables? ¿Son confesables os motivos dos que a defenden?
Prégolle que esqueza a parte accesoria do asunto, e se centre na realidade da cuestión: A planta está onde non debe, e hai un lugar idóneo moi preto. Cambiala ou non cambiala, esa é a cuestión.
E postos a poñer a cada un no seu lugar, eu quero poñerme no meu:
Son un xubilado de Bazán, habitual votante do BNG, que hai catro anos participei na lista electoral dese partido, a petición dos responsables locais, e traballei activamente durante toda a campaña, para tentar de levar ó noso candidato á alcaldía, cousa que non conseguimos por moi pouco.
Protestei pola marcha da construcción naval, pola desfeita de Astano, da Fenya, da Pysbe, da Maderera e de moitas outras trapalladas que nos fixeron. E agora protesto por algo que entendo que non ten razón de ser.
Agardo da súa xenerosidade que non me clasifique entre os que teñen “motivacións políticas e económicas menos confesables”.
Atentamente, Amadeo Varela Rodríguez.
avarela36@mundo-r.com
_____________________
[*] Ligamos co mesmo artigo, mais publicado en IndymediaGaliza, pois non o atopamos na hemeroteca do Diario de Ferrol.
_____________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Opinión
Planta de Gas: fóra da Ría
Reganosa
A propósito dun artigo de Carlos Aymerich sobre REGANOSA
luns, xuño 25, 2007
A propósito dun artigo de Carlos Aymerich sobre REGANOSA
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan luns, xuño 25, 2007
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon