domingo, agosto 12, 2007

Do Courel a Corrubedo I.- A terra e o home.

Tags

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 12 de Agosto de 2007 11:32
Asunto: Artigo de X. M. Beiras


de catro a catro
Do Courel a Corrubedo I.- A terra e o home
XOSÉ MANUEL BEIRAS

Si, a Corrubedo, non a Compostela. No itinerario de Novoneyra profetizaba il, interrogativamente, viaxar por terra liberada. No meu, agora mesmo, meio século despois, cadroume tripar aínda terra colonizada, ou sexa, asoballada -e ter que aturalo, de momento. De momento? Case outro meio século máis antes da declaración de amor do Uxío, Cabanillas escribía "Da terra asoballada". Polo que semella, inda dura. Non foi a xeración de Cabanillas, a dos tempos chegados. Non o fora a de Pondal, que o dera por certo. Non o ía ser a do Uxío, pesia a forza dun amor que non pode ser inútel. A este paso, pra cándo viaxarmos "por terras libradas"?. Qué tangaraño é ise que unha e outra vez semella erradicado, mais unha vez e outra reaparece en novas formas -que muda mais non se esvai?

Terra e home, onda nós, son unha mesma cousa, unha mesma realidade, simbiose inseparábel de dous entes animados na que ún é prolongación recíproca do outro. Niso somos primitivos, seguímolo a ser, por moito que varíen as formas de civilización nas que vivamos. Acórdaseme escoitar a voz de don Ramón Otero falar da paisaxe. Da sua noción de paisaxe, nada que ver coa plástica e convencional. Deixouno escrito en moitos recantos da sua imensa obra. Paisaxe e cultura, veume agora ás mentes aquil volume pioneiro de Grial, suscitado por il se non me engano, de cando a censura denegara o permiso para unha revista en galego, e os de Galaxia ensaiaran o circumloquio editorial dos volumes monográficos colectivos -que tampouco lles valera: paráranos en seco aos poucos números. Escoito a don Ramón dicir que poucas culturas populares criaran unha paisaxe tan humanizada como a galega. Até o ponto de formaren terra e home unha comunión "transustancial" -ésta si- recíproca, na que resultaría impensábel calquera dos dous elementos sen o outro. Ben sei: algo disto dáse en tódalas culturas paisáns de andaina ancestral. Algo, si. Mais o caso está no degrau de intensidade desa ósmose, no calado da impregnación recíproca e na múltiple diversidade das dimensións nas que se manifesta eiqui. Polo demais, abonda con tripar o país, observar con atención, ter trato cos seus paisáns -sexan labregos ou non, moren no país ou fóra, na beiramar, nos chaos ou na montaña. Ao que vou: onda nós, non existe a natureza como tal, poisque a natureza, onda nós, é humana tamén. Eiqui, mancar á natureza é ferir ao home, ferirnos a nós mesmos. Eiqui, unha agresión ao meio redunda nunha amputación, nunha mutilación somática do ser humán galego: todos, até os urbanitas, compartimos as raiceiras e a seiva dos carballos e ameneiros.

Coidaredes, se cadra, que deliro. Poidera ser. Con todo, ao sumo, estarei a soñar esperto, que é cousa ben distinta -é a odiseia da imaxinación. Malpocado o ser humán que careza dela, ou que nela non ouse aventurarse. Coma o "homo industrialis", o que todo o ve plano, sen terceira dimensión. Disposto, por iso, a achanzalo todo, para pólo á medida da sua chata visión, onde todo é realidade inerte, inanimada -natureza morta, iso é. Mais non. A cousa é máis real do que parece. Está a acontecer perante e arredor de nós. En poucos dias, transitei do Courel a Corrubedo, foi por azar. E repetiuse a historia -ou conto estilo Poe -nesas duas estremas do noso país. Percibir esa reiteración foi o que me fixo matinar. Ou, máis ben, cismar, cando menos de primeiras, porque as reflexións virían máis logo, a modiño, da man de rememoracións que ían emergullando do fondo do meu tempo vivencial. Tal como os dicires de don Ramón encol da paisaxe. Até recalaren na relación terra e home, ese binomio en simbiose indisociábel onda nós. É dicir, nun fenómeno que é cultura, e non simples civilización técnica. Nunha relación onde a terra non é un obxeto, unha cousa, senón un interlocutor humanizado e vivo -como na poética de Uxío, de Noriega, de Manuel, de Avilés tamén. Unha prolongación do ser e o existir individual e colectivo dos seres humáns galegos. Xa está, iso é: a biosfera, un anaco da biosfera do planeta Terra eiqui, onda nós, onde A Terra quer dicir a nación.

As ciencias sociais -e, nelas, a economía- andiveron longo tempo a espernexaren e dar moitas voltas arredor de sí, para ceibárense do corsé positivista que situaba á natureza -a terra- extramuros das formacións sociais humanas, e contemplaba as relacións con ela como relacións coas cousas, confinadas nunha condición pasiva, e meramente paciente. Até que, á forza, descubriron que as sociedades humáns son subconxuntos da biosfera que as abrangue e as integra nunha mesma totalidade, nun sistema: o ecosistema, mesmamente. Sobre a natureza non se actua de xeito unidireicional : home e natureza inter-actuan, como elementos, ou partes, dun mesmo sistema, ambolos dous sometidos ás mesmas leis do conxunto. Ningunha intervención humán é gratuita, o ecosistema deféndese e responde. Ningunha agresión fica impune, a natureza víngase. E a natureza non sabe de rendibilidades, nen lucros, nen tasas de xuro. As categorías mentais do "homo economicus" non funcionan nos ecosistemas. As ciencias sociais nacidas ao servizo dese especimen con orelleiras tiveron que aprender esas verdades elementais. Os antropólogos foron pioneiros, moito lles debemos. Pola contra, algunhas, como o "economics" neoliberal, néganse inda hoxe a aprendéreno. Vailles resultar demasiado tarde, se algún día entran en razón. Contan que, cando o Titanic bateu co iceberg e comezou o naufraxio, algúns pasaxeiros ricos precipitáronse ás caixas fortes pra arrecadaren as alfaias que gardaran nelas: de pouco lles valeron no fondo do mar. O Titanic é hoxe o planeta enteiro, gobernado pola soberbia pitoña dun kapital -non capitán- depredador ecocida. E nese planeta estamos nós, paisáns galegos en simbiose de terra e home, dende o Courel a Corrubedo. Compre parármoslle os pés.

É sabido que cando a unidade da mente se escinde devén esquizoide, e abrolla a esquizofrenia. É o mal que padece o "economics", esa praxeoloxía da cobiza ao servizo do "homo economicus" neo-ultra-liberal que o cousifica todo, a comezar pola natureza e a seguir polo proprio ser humán. Acontece a cotío, perante e arredor de nós, díxenvolo xa. En variados níveis e degraus, en ocasións larvadamente, con frecuencia venialmente, polo xeral habitualmente, convirtido en prática acostumada na que todos participamos maquinalmente. Mais ás veces tamén, mesmo a miudo, exacerbadamente. Cando é abrupta a rotura do binomio terra-home, e que a intrusión depredadora faise ostensíbel, e socialízase descaradamente o destrago, e atinxe no corpo social inervacións non anestesiadas, vivamente sensíbeis á doorosa mutilación. Daquela, saltan as alarmas na consciencia do común, que acorda, érguese e rebélase -muda, de súbdito a cidadán.

Aconteceu en Mugardos-Ferrol, onde prosegue a loita cívica do asisado común fronte á paranoia dunha bomba potencial de gas licuado. Acontece no Courel, contra as toupeiras da lousa no sochán dun tesouro biolóxico ancestral. Comeza a acontecer tamén en Corrubedo, ameazado de ser agnusdei mariñeiro na ara ritual das fábricas de proteínas para ictívoros sen padal. Menudo "triángulo das Bermudas" deslocalizado -fisterrán. Espricareivolo mañán- digo, na vindeira prédica dominical. Profana, ollo. Até xa.

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon