venres, novembro 16, 2007

O vindeiro 16 de Novembro,o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, comezará a repartir octavillas pola Comarca

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol presentará un re­cur­so de alzada contra a Acta de Posta en Servizo de REGANOSA, que non esgota a vía administrativa e non é definitiva.

A Directora provisional (o titular segue de baixa por enfermidade) da Área de Industria da Delegación do Goberno na Coruña, o sete de novembro ven de asinar, nunhas circunstancias sospeitosas, a acta de posta en servizo de REGANOSA.

Esa acta é un cheque en branco para que os accionistas de REGANOSA poidan recuperar os seus investimentos, tamén para percibir indemnizacións, aínda que posteriormente sexa paralizada pola Administración ou por decisión xudicial. O Tribunal Supremo en Madrid ten pendente confirmar dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulan a falsa tramitación ambiental

As autoridades competentes saben que é imposible que Reganosa poida cumprimentar os condicionados que ten impostos na súa autorización de construcción: distancia suficiente ata as poboacións e garantir a saída ao mar dos gaseros en caso de emerxencia. A isto, engádense os escándalos financeiros coa compra por Reganosa de terreos con plusvalías do 1.550 %. A pesar de tales circunstancias a Xunta de Galicia segue apostando pola defensa dos investimentos, sen ter en conta a vida da poboación, a riqueza marisqueira e o interes xeral de Galicia como é a súa obrigación.

O Comité Cidadán de Emerxencia presentará un recurso de alzada ao Delegado do Goberno, para que o Ministerio de Industria anule a devandita acta de posta en servizo, e para continuar a vía administrativa, coas conversacións iniciadas no mes de agosto, a fin de que a Reganosa non lle sexa aprobada a acta de funcionamento.

Tamén unha delegación do CCE ira a Bruxelas a finais de novembro, con axuda do Grupo Europeo de Esquerda Unida, para presentar unha denuncia porque REGANOSA vulnerou reiteradamente a directiva europea Seveso II. Así mesmo o CCE seguirá promovendo mobilizacións para continuar a loita contra a ameaza de REGANOSA e para que os responsables políticos implicados cumpran e fagan cumprir a lei, segundo o mandato constitucional co que aceptaron o seu cargo.

Ferrol Terra, a 13 de novembro de 2007

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

O seu correo electrónico é:
comitecidadan@iespana.es
comitecidadan@gmail.com

A súa web:
http://comitecidadan.org/
__________________-


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon