martes, novembro 06, 2007

Valoración da Plataforma Medioambiental de Corrubedo ao respecto da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral do 4 de novembro

De: Plataforma Corrubedo
-corrubedo@altermundo.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 5 de novembro de 2007 18:45
Asunto: Valoración da Plataforma Medioambiental de Corrubedo ao respecto da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral do 4 de novembro


CORRUBEDO 4N: CAMIÑO DA DIGNIDADE
Valoración da Plataforma Medioambiental de Corrubedo ao respecto da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral do 4 de novembro


Dende a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, un dos moitos colectivos que onte, 4 de novembro, marcharon en Corrubedo contra a desfeita irreversíbel que pode supor o Plano Acuícola da Xunta, queremos manifestar o noso orgullo por formarmos parte da Galiza digna, da mesma que se move polo amor a terra e da mesma que se ergue por fin e para sempre nun berro colectivo contra a violación do mellor de nós, que son as nosas paisaxes, os nosos mares, os nosos cantís, as nosas tradicións, a terra galega toda.

Non imos entrar na tradicional danza de cifras post-mobilización porque calquera pode percibir que onte, en Corrubedo, no cabo verde, houbo milleiros de persoas. Foi un éxito sen precedentes nunha vila tan pequena como esta que onte, dalgún xeito, foi a capital da dignidade dun país. Todas e todos os que se achegaron onte a Corrubedo, os que encheron de orgullo térreo as rúas desta pequena vila mariñeira, eran galegas e galegos dignos cuio único obxectivo é amosar que cando o poder político non cumpre co pobo, sexa cal for a súa cor, cando os apoltronados do Hórreo traizoan o país, aí está o poder popular, a nación, para lembrarlles que é en nós, nos do común, onde reside a soberanía desta Galiza nosa. Sen nós, non hai goberno e sen nós non hai país.

E nós, o pobo soberano, o que vive a pé de rúa, dixemos onte en Corrubedo non só que o Plano Acuícola da Xunta é inaceptábel, indecente e indigno, senón que o camiño autodestrutivo emprendido polo noso goberno, non é o noso camiño. Cando milleiros de persoas de todo o país, dende Ribadeo á Guarda e dende O Courel a Corrubedo, conflúen nun afastado cabo como o noso; cando tanta xente gasta horas e horas do seu tempo en ir berrar a un dos fins da terra nosa, é que algo acontece. Cando asociacións veciñais, pobos enteiros, sindicatos, colectivos ecoloxistas, confrarías de pescadores, asociacións de mariscadoras e mergulladores, intelectuais e artistas, marchan xuntos e sen fisuras nunha causa común, é que algo moi grave acontece.

E abofé que algo moi grave acontece. O ritmo de destrución de ecosistemas, paisaxes e mesmo aldeas e tradicións é escandaloso. Nada xustifica roubar a terra ao pobo para entregarlla a empresas depredadoras. Nada xustifica privatizar o litoral ao máis puro estilo colonialista. Nada xustifica ir contra a vontade de todo un pobo.

Onte, en Corrubedo, o país galego díxolles aos seus gobernantes que xa abonda, que queremos outro modelo de desenvolvemento, que queremos conservar o pouco que nos queda, que antes cás siglas políticas, antes cós intereses económicos, está a vontade da nación, a dignidade deste curruncho do noroeste peninsular que onte, para ben ou para mal, comezou unha loita unitaria pola dignidade porque aqueles en quen confiou o seu goberno mudaron en cegos e xordos. Si, este 4 de novembro, no afastado cabo do ollar largacío que é Corrubedo, o pobo galego dixo: Galiza non se vende. E xa non pararemos, por dignidade. Parabéns a todas e todos e adiante, pois este é o camiño.
_____________

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA

avvfontelonga@mundo-r.com
Para: artabra21@gmail.com
Data: 6 de novembro de 2007 18:08
Asunto: manifestación en corrubedo


_________________


__________________

Dende Ribeira envían testimonio da manifestación en Corrubedo.
Saúdos

http://www.riveira.net/barplaza/corrubedo.htm

Non te perdas os videos.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon