mércores, novembro 07, 2007

Entidades ecoloxistas denuncian mala praxe nunha tala próxima á Frouxeira


Pola importancia da noticia transcribimos o publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol", onde as organidacións ecoloxistas denuncian unha nova agresión ao contorno "protexido" da Frouxeira en Valdoviño. Unha vez máis lamentamos que ditas organizacións non nos enviaran o comunicado unitario ao Blog da PA21.

Diario de Ferrol
Ferrol | Martes, 6 de Novembro de 2007

Entidades ecoloxistas denuncian mala praxe nunha tala próxima á Frouxeira
Tres entidades proteccionistas da comarca uníronse para denunciar unha serie de actuacións próximas á praia da Frouxeira en Valdoviño, onde crece unha especie de vexetación estritamente protexida e que foi destruída ao realizar labores de talla e poda no terreo.

REDACCIÓN > FERROL

As entidades Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia-Ferrol e Adega-Trasancos, denuncian que nunha extensa superficie situada en pártea suroeste do areal da Frouxeira, en Valdoviño, realizáronse nos últimos días unha serie de actuacións no terreo que "atentan gravemente" conta a integridade dun espazo que as entidades ecoloxistas catalogan como de "elevado valor ecolóxico".

A parcela en cuestión, esténdese ao oeste do río Magno, na zona de transición entre a vexetación arbórea e a dunar.

Actuacións > Desde as asociacións indican que as actuacións na contorna da Frouxeira motivo da protesta foron a talla de vexetación arbórea de salgueiros nun área de dominio público do río Magno e na zona de Policía, nunha franxa de 20 metros, tal e como denuncian as entidades ecoloxistas. Outra das agresións á natureza que se fai pública desde as asociacións foi a talla de piñeiros nun espazo de duna gris, é dicir, o que vén ser a zona postdunar. Ademais, denuncian os restos desta talla non se recolleron e permanecen esparexidos neste espazo. Tamén se procedeu, segundo indican, ao rozado, arado en profundidade e plantación de eucaliptos nunha zona húmida, integrada na súa maioría por unha vexetación mono específica de "Cladium mariscus", unha "valiosísima" especie de humidal de escasa presenza en Galicia, afirman desde o colectivo.

As citadas actuacións realizáronse nun hábitat protexido pola Unión Europea. Ademais hai que engadir, indican desde as entidades proteccionistas, que se trata dun dos cinco humidais galegos protexidos polo Convenio Internacional de Ramsar, ratificado polo Goberno español en 1982, coa finalidade de protexer os humidais de importancia internacional, a súa flora e fauna e sobre todo polo que significan eses espazos como hábitat de aves acuáticas. Este convenio, destacan as asociacións, obriga aos países asinantes a tomar as medidas necesaria par salvagárdaa destes lugares.

Ademais, a zona en cuestión pertence á Rede Natura 2000 e forma parte do Lugar de importancia Comunitaria Costa Artabra.

As tres entidades ecoloxistas esixen ás autoridades competentes que tomen as medidas sancionadoras oportunas e obríguese á reparación dos danos provocados para devolver o espazo á súa situación orixinal.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon